lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 279/2008, do 11 de decembro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Publicado en: DOG 248 23/12/2008

Departamento: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Estado: En vigor

PDF

O crecente interese social polas ensinanzas artísticas motivou que os correspondentes estudos regrados tivesen unha ampla regulación no marco do sistema educativo español, logo da promulgación da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Recentemente, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, afonda no tratamento específico deste ámbito educativo e define, nos seus artigos 45 e 46, os principios e a ordenación que rexen as ensinanzas artísticas, introducindo a participación do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas e, de ser o caso, do Consello de Coordinación Universitaria para o nivel das ensinanzas artísticas superiores.

En desenvolvemento desta última lei orgánica, o Real decreto 365/2007, do 16 de marzo, regula o Consello Superior de Ensinanzas Artísticas, ao que lle atribúe unha importancia significativa como órgano consultivo do Estado e de participación dos sectores implicados en relación con estas ensinanzas.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón dunha oferta de ensinanzas artísticas que abrangue a música, a danza, a arte dramática, as artes plásticas e o deseño, os estudos superiores de deseño, e os superiores de conservación e restauración de bens culturais. Nesta rede de centros de ensinanzas artísticas teñen unha presenza salientable os centros superiores, como institucións dedicadas á máxima cualificación do futuro persoal profesional das artes.

A nova regulación estatal que deriva da aplicación da devandita Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, así como a creación do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas, a existencia en Galicia dunha rede de centros públicos que atenden unha importante demanda destas ensinanzas, e a experiencia acumulada desde a aprobación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, aconsellan a creación dun órgano consultivo e de participación dos axentes educativos e artísticos de ámbito galego, co obxectivo de alcanzar unha eficaz política educativa no desenvolvemento específico das ensinanzas artísticas no marco do sistema educativo de Galicia.

Consonte todo o anterior, de conformidade coa competencia exclusiva e plena que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos artigos 27, 31 e 39 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I DEFINICIÓN, ADSCRICIÓN E COMPETENCIAS DO CONSELLO GALEGO DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

Artigo 1º.-Creación.

1. Créase o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, como órgano colexiado consultivo e de asesoramento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento das políticas de coordinación e planificación das ensinanzas artísticas superiores en Galicia.

2. Este consello estará adscrito organicamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que sufragará os custos derivados do seu funcionamento con cargo aos seus orzamentos.

Artigo 2º.-Competencias.

As competencias do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores serán as seguintes:

a) Asesorar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en materia de ensinanzas artísticas, formulándolle cantas recomendacións considere oportunas para o desenvolvemento destas en Galicia.

b) Coñecer e emitir informe sobre todos os proxectos de disposicións normativas en materia de ensinanzas artísticas superiores.

c) Fomentar o coñecemento mutuo e o intercambio de información entre os centros que impartan ensinanzas artísticas superiores, así como entre estes e a Administración educativa.

d) Realizar estudos e programas de actuación sobre as materias da súa competencia e, en particular, sobre as necesidades e os problemas das ensinanzas artísticas en Galicia, así como emitir informe sobre a racionalización das ensinanzas, dos servizos e das actividades dos centros de ensinanzas artísticas existentes en Galicia, tendo en conta o previsto nos fins, actuacións e principios de calidade recollidos nos artigos 23, 24 e 25 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

e) Emitir informe sobre as propostas de creación, modificación e supresión de centros públicos que atendan ensinanzas artísticas superiores e de recoñecemento de centros autorizados, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Promover a cooperación entre os centros galegos de ensinanzas artísticas superiores, as restantes administracións públicas e outras institucións de ensino superior, estatais ou estranxeiras, para a organización conxunta de actividades e ensinanzas, nomeadamente no ámbito dos estudos de posgrao.

g) Emitir informe sobre as propostas de avaliación e mellora da calidade dos centros de ensinanzas artísticas superiores.

h) Emitir informe sobre a memoria anual presentada polos centros de ensinanzas artísticas superiores. Nos estudos e informes que se elaboren figurarán, cando proceda, os datos desagregados por sexo.

CAPÍTULO II MEMBROS DO CONSELLO GALEGO DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores estará composto polos seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de educación, que ocupará a súa presidencia.

b) A persoa titular do centro directivo con competencias en ensinanzas artísticas superiores dependente da consellería competente en materia de educación, que ocupará a súa vicepresidencia.

c) A persoa titular do centro directivo con competencias en ensinanzas universitarias dependente da consellería competente en materia de educación.

d) A persoa titular do centro directivo con competencias en políticas culturais dependente da consellería competente en materia de cultura.

e) A persoa titular do centro directivo con competencias en materia de igualdade.

f) Unha persoa de recoñecido prestixio designada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de cultura.

g) Cinco personalidades de recoñecido prestixio do ámbito das artes, nomeadas pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

h) Unha persoa nomeada polo Parlamento de Galicia, de recoñecido prestixio no ámbito das ensinanzas artísticas, e por proposta de cada un dos grupos políticos con representación parlamentaria, se o Parlamento o considera procedente.

2. Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, un funcionario ou unha funcionaria da consellería competente en materia de educación.

3. Na composición e organización deste órgano procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Decreto 395/2009, do 8 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 3 nova redacción por artigo único apartado un.

Decreto 143/2021, do 14 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 3 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 4º.-Estatuto xurídico dos seus membros.

1. O nomeamento e o cesamento nos cargos a que se refire o artigo anterior, agás os membros natos, efectuaranse mediante orde do conselleiro ou da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A duración do mandato dos membros do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores será de catro anos renovable por períodos de igual duración, agás aqueles que o sexan por razón do seu cargo, cuxo mandato o será polo tempo que permanezan naquel.

3. Perderán a súa condición de membros por algunha das seguintes causas:

a) Terminación do seu mandato.

b) Renuncia.

c) Incapacidade declarada por resolución xudicial firme.

d) Morte ou declaración de falecemento, ou condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

A renuncia deberá presentárselle por escrito á presidencia do consello.

4. As vacantes que se produzan entre os membros antes da finalización do seu mandato deberán cubrirse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato, sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior.

Artigo 5º.-Indemnizacións por razón do servizo.

Os membros do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores percibirán as indemnizacións que lles correspondan por razón do servizo, conforme a lexislación.

Artigo 6º.-Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores axustarase ás normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que se poidan establecer as súas normas propias de funcionamento para completar aquelas.

2. O consello adoptará os seus acordos por maioría, para o que contará un voto por cada vogal, e disporá a presidencia do voto de calidade para desfacer os empates que se poidan dar na votación.

3. As persoas que exerzan como vogais do consello poderanse substituír polas suplentes correspondentes, en casos de ausencia ou doenza, ou cando concorra calquera outra causa xustificada.

CAPÍTULO III ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO CONSELLO GALEGO DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

Artigo 7º.-Estrutura interna.

1. O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores funcionará en pleno e en comisións.

2. O regulamento interno poderá prever cantas comisións se xulguen necesarias para o desenvolvemento das competencias que lle corresponden ao consello.

Artigo 8º.-O Pleno.

1. O Pleno do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, integrado por todos os seus membros, exerce as competencias que lle atribúe o regulamento interno aprobado.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez por trimestre, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde a presidencia ou o solicite por escrito a maioría dos seus membros. No escrito de solicitude deberán constar os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día. A presidencia deberá convocar o pleno no prazo máximo de catorce días hábiles desde a recepción da solicitude.

3. Poderán ser resoltos asuntos non incluídos na convocatoria das sesións ordinarias do pleno do consello logo da petición dunha cuarta parte dos seus membros e por acordo da súa inclusión na orde do día da sesión de todos os membros que integran o consello.

Artigo 9º.-A Comisión Permanente.

1. O Pleno designará de entre os seus membros os integrantes da Comisión Permanente, en cuxa composición estarán representados adecuadamente os sectores que integran o consello.

2. A función da Comisión Permanente consistirá en estudar, deliberar e proporlle ao Pleno a adopción de acordos sobre materias que lles fosen atribuídas polo regulamento interno.

3. Son funcións da Comisión Permanente as seguintes:

a) Elaborar o informe anual sobre o estado e a situación das ensinanzas artísticas superiores, e sometelo á aprobación do Pleno.

b) Elaborar e aprobar informes por delegación expresa do Pleno.

c) Cantas cuestións lle consulte a Presidencia do consello, o Pleno ou a consellería competente en materia de educación.

Disposición adicional

A Presidencia do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores convocará, logo dos nomeamentos correspondentes, a súa sesión constitutiva no prazo de dez meses desde o día da entrada en vigor deste decreto, e o Pleno do Consello aprobará o seu regulamento interno nos seis meses seguintes ao día da súa constitución.

Decreto 395/2009, do 8 de outubro.

Artigo modificado:Disposición adicional nova redacción por artigo único apartado dous.

Decreto 143/2021, do 14 de outubro.

Artigo modificado:Disposición adicional única nova redacción por artigo único apartado dous.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar os actos e as normas que se precisen para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia