lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Publicado en: DOG 203 Bis 21/10/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de outubro de 2021, adoptou o seguinte acordo:

«ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA, DO 21 DE OUTUBRO DE 2021, POLO QUE SE DECLARA A FINALIZACIÓN DA SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA, DECLARADA POLO ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA DO 13 DE MARZO DE 2020 COMO CONSECUENCIA DA EVOLUCIÓN DA EPIDEMIA DO CORONAVIRUS COVID-19.

I. A aparición do coronavirus COVID-19 no mes de decembro de 2019 creou un escenario mundial que requiriu a adopción de medidas preventivas e de accións que permitisen facer un seguimento da situación do avance dos casos, o que implicaba para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos que permitisen prever e afrontar as múltiples situacións que se puidesen dar, coa maior eficacia posible.

O Regulamento sanitario internacional (RSI 2005) establece a figura da emerxencia de saúde pública de importancia internacional (ESPII) ante eventos extraordinarios que se determine que constitúen un risco para a saúde pública doutros Estados, por mor da propagación internacional dunha enfermidade, e que poderían exixir unha resposta internacional coordinada.

O xoves día 30 de xaneiro de 2020 tivo lugar a segunda reunión do Comité de Emerxencias do RSI en relación co gromo polo novo coronavirus COVID-19 na República Popular da China. Como resultado das deliberacións, o director xeral da OMS declarou que o dito gromo constitúe unha ESPII.

Na Comunidade Autónoma de Galicia constituíuse unha Comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, que ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións adoptadas, tanto preventivas como paliativas, en función da situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado, a proposta de sistemas de vixilancia, a aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións para preparar a resposta e de coordinación coa Administración xeral do Estado, así como a aprobación dos plans e protocolos de preparación e resposta, e a coordinación da información.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión xerou unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afectou todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra a pandemia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Por outra banda, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 36.1 que, cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta, por solicitude da persoa titular da consellería competente en materia de protección civil, poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego.

Segundo o artigo 8 da citada lei, en canto sexa activado un plan de protección civil, ou nas situacións de risco ou emerxencia declarada, a autoridade de protección civil competente poderá ordenarlle á cidadanía a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade e á capacidade de cada individuo. Así mesmo, sempre que a emerxencia o faga necesario e tendo en todo momento presente o principio de proporcionalidade, a autoridade de protección civil poderá ordenar a intervención e a ocupación temporal e transitoria dos bens dos/das cidadáns/ás.

O Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) determina que se activará o nivel IG «emerxencia de interese galego», segundo a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, cando se produza unha emerxencia declarada como de interese galego polo Consello da Xunta.

Ante a evolución da situación en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, o 13 de marzo de 2020, vista a solicitude de declaración de emerxencia sanitaria de interese galego formulada pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, adoptou o Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, tendo en conta a necesidade de adoptar medidas preventivas, garantindo o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega, así como a necesidade de coordinar as actuacións necesarias de todos os organismos e a mobilización de medios e recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma baixo a unidade de acción, mediante o establecemento dun mando único, de acordo co disposto nos artigos 11.2.e) e 36 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

II. A declaración de emerxencia sanitaria supuxo a activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da presidencia da Xunta de Galicia, de acordo co previsto neste. Así, a activación do plan implicou, entre outros puntos, a constitución do Centro de coordinación operativa do plan e a mobilización inmediata dos diversos grupos operativos.

Deste modo, nos primeiros meses da pandemia foi fundamental a actuación do Centro de coordinación operativa (Cecop), coa composición establecida no acordo, ao que se habilitou, dada a situación de emerxencia, para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas nel.

A activación do Plan territorial de protección civil de Galicia (Platerga) permitiu a adopción das medidas de protección previstas nel, encamiñadas a impedir ou diminuír os danos a persoas e bens, materiais, naturais ou culturais, que se poidan producir, ou que se producen, en calquera tipo de emerxencia.

Así mesmo, no propio Acordo do Consello da Xunta de Galicia adoptáronse unha serie de medidas adicionais temporais debido á evolución da situación sanitaria.

III. Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. A declaración afectou todo o territorio nacional por un período inicial de quince días naturais, que foi obxecto de ata seis prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

En aplicación do artigo 6 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, o Consello da Xunta de Galicia, como autoridade sanitaria, apreciou, en Acordo do día 12 de xuño de 2020, que a Comunidade Autónoma de Galicia, como unidade territorial, estaba en condicións de superar a fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia de COVID-19 e, por tanto, en condicións de entrar na «nova normalidade».

O presidente da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 6.2 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, dispuxo formalmente, mediante decreto publicado no Diario Oficial de Galicia, a superación da fase III e, por tanto, a entrada na nova normalidade.

A superación da fase III, ben que implica que quedaban sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, debía comportar, porén, a adopción, por parte das administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitisen seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia, aínda que atenuada, dunha situación de crise sanitaria. Neste sentido, no ámbito estatal ditouse o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, as cales, conforme o disposto no seu artigo 2.2, serían de aplicación naquelas unidades territoriais que superasen a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

No ámbito autonómico, a resposta, necesaria e urxente, á crise sanitaria que aínda subsistía, pese á superación da fase III, debía ser, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada mediante o Acordo do 13 de marzo de 2020, a adopción de medidas de prevención con fundamento nas previsións da normativa sanitaria que se habilitan para iso.

Neste contexto, o Consello da Xunta, na súa condición de autoridade sanitaria, adoptou o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020 (publicado por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade), sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

O punto sexto deste acordo regulaba o seguimento e aplicación das medidas, indicando que as medidas preventivas previstas neste acordo serían obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, podería adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que fosen necesarias. En particular, habilitouse o Centro de coordinación operativa, previsto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, para o seguimento, revisión ou adaptación ás circunstancias das previsións establecidas neste acordo.

En canto aos seus efectos, o Acordo do 12 de xuño estableceu no seu punto sétimo que as medidas recollidas como anexo ao acordo producirían efectos ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego.

IV. Con base na lexislación sanitaria e no Acordo do 12 de xuño, a Consellería de Sanidade ditou diversas ordes nas que se adaptaban as medidas á evolución da pandemia.

O Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional coa finalidade de conter a propagación das infeccións causadas polo SARS-CoV-2. O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a súa prórroga ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, consonte o disposto no artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

Durante este segundo estado de alarma, conforme o artigo 2 do Real decreto 926/2020, a autoridade competente delegada sería quen desempeñase a presidencia da comunidade autónoma, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedaban habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotaban todas as medidas que podían ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservaba as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considerase necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Deste modo, durante a vixencia do segundo estado de alarma, e unha vez finalizado este, a Consellería de Sanidade continuou adoptando medidas de prevención específicas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria e o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

V. Segundo os datos reflectidos no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 20 de outubro de 2021, a taxa de incidencia segue a diminuír. A tendencia segue a amosar un descenso, desde o seu inicio o día 21 de xullo, con tres tramos de diferente intensidade de descenso, estando desde o 28 de setembro, día en que se detectou o terceiro cambio, cunha porcentaxe de cambio diaria do -1,8 %.

A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 7,29 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 1,08 e unha porcentaxe de positividade do 0,72. Por áreas sanitarias, a de Santiago é a que presenta a incidencia acumulada a 7 días máis elevada, con 10,3 casos por 100.000 habitantes.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nas persoas de 65 e máis anos, é do 5,09 casos por 100.000 habitantes. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 0,42 e a porcentaxe de positividade é do 0,66 %.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días, en unidades de agudos e críticos, respectivamente, é de 0,52 e 0,11. A porcentaxe de ingresos en unidade de agudos dos casos dos últimos 7 días é de 4,8 % e nas unidades, de críticos do 0,6 %.

A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 1,45 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, e de 0,29 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de ingresos nas unidades de críticos neste grupo de idade é de 3,2 % para os últimos 7 días.

A variante Delta segue a ser a predominante.

O informe conclúe indicando que, en xeral, se poden esperar incrementos da incidencia en determinadas áreas, que poderán ir variando co tempo de área a área. Non obstante, convén estar atentos a cambios que poidan afectar máis áreas sanitarias nun mesmo momento.

Nestes momentos Galicia é a comunidade autónoma con menor taxa de incidencia a 7 días e a 14 días. Así mesmo, Galicia segue sendo a comunidade autónoma con menor porcentaxe de ocupación hospitalaria e UCI.

Debe destacarse que na situación epidemiolóxica actual ten influído de xeito decisivo o éxito e alcance da campaña de vacinación.

Así, Galicia, en canto aos vacinados cunha dose está no primeiro posto, xunto con Extremadura, en tanto por cento de poboación diana vacinada (94 %), cando a media de España é o 90 %. Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis tanto por cento de poboación total vacinada: 85,4 %, só por tras de Asturias. A media de España é do 79,9 %. Galicia está por encima da media española en todas as franxas etarias.

En canto á pauta completa, Galicia é a primeira comunidade autónoma con máis tanto por cento de poboación diana vacinada (93 %). A media de España é do 88,1 %. Ademais, é a segunda comunidade autónoma con máis tanto por cento de poboación total vacinada (84,5 %), só por tras de Asturias. A media de España é do 78,2 %. Tamén Galicia está por encima da media española en todas as franxas etarias.

VI. Na situación epidemiolóxica actual debe valorarse se segue sendo necesario o mantemento da declaración de emerxencia sanitaria adoptada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, nun contexto epidemiolóxico, sanitario e organizativo moi diferente.

O sentido fundamental desta declaración foi, ante a evolución da situación en Galicia, o de afrontar o perigo existente e o de abordar a necesidade de adoptar medidas de coordinación das actuacións de todos os organismos e a mobilización de medios e recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma baixo a unidade de acción, mediante o establecemento dun mando único, de acordo co disposto nos artigos 11.2.e) e 36 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia. En particular, a declaración de emerxencia sanitaria supuxo a activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia e a constitución do Centro de coordinación operativa do plan, cuxa actuación foi fundamental nos primeiros meses da pandemia. Así, a declaración da situación de emerxencia sanitaria habilitou para a reorganización funcional dos servizos administrativos e as modificacións orzamentarias precisas para afrontar a emerxencia nos primeiros meses.

As medidas adoptadas de coordinación e de control da pandemia e a recuperación gradual da normalidade permite apreciar que no día de hoxe xa non resulta imprescindible dispoñer dos mecanismos de coordinación reforzados que proporcionan a lexislación de protección civil e o Platerga.

En particular, a situación actual sanitaria e epidemiolóxica permite apreciar que, aínda que a pandemia continúa, xa non existe unha situación de perigo que teña unha especial extensión ou intensidade particularmente graves que aconsellen o mantemento dunha declaración de emerxencia sanitaria de interese galego.

VII. A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que «as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional até que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior».

De acordo coa lexislación estatal, continúa, por tanto, existindo unha situación de crise sanitaria. Isto determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que «todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, de acordo co que se establece nesta lei». «O dito deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei».

Deste modo, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, xa que logo, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario manter un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente de mans; distancia interpersoal mínima; uso de máscaras, cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

VIII. En particular, no presente acordo, o Consello da Xunta de Galicia, como autoridade sanitaria, debe ditar determinadas medidas específicas que aseguren o tránsito da situación de emerxencia sanitaria á nova situación, evitando que un decaemento desta produza consecuencias indesexables e tendo en conta que, de acordo coa lexislación estatal, continúa existindo unha situación de crise sanitaria.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así mesmo, dado que están vixentes as actuacións coordinadas establecidas pola Orde comunicada do Ministerio de Sanidade, de 4 de xuño de 2021, mediante a que se aproba, en coordinación coa Conferencia sectorial de educación, a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte á COVID-19 para centros educativos durante o curso 2021/22, é preciso manter as medidas contidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021/22, tras o levantamento da declaración de emerxencia sanitaria de interese galego.

IX. Deste modo, na situación epidemiolóxica actual, en definitiva, ben que segue sendo necesario adoptar determinadas medidas específicas de prevención, xa non resulta necesario o mantemento da declaración da situación de emerxencia sanitaria.

O compromiso colectivo será, sen dúbida, a mellor arma na loita contra a pandemia.

E, en consecuencia, de conformidade co disposto nos artigos 11.2.e) e 36 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e vista a solicitude de finalización da declaración de emerxencia sanitaria de interese galego formulada pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade,

ACÓRDASE:

Primeiro.

Declarar a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, por solicitude da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Segundo.

Dispoñer a desactivación do Plan territorial de emerxencias de Galicia, que se deberá comunicar formalmente á Axencia Galega de Emerxencias.

Terceiro.

A declaración da finalización da declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase sen prexuízo da adopción polas autoridades competentes das medidas que sexan necesarias para a contención e control da pandemia derivada da COVID-19.

Cuarto.

En particular, a declaración da finalización da declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia producirá, de conformidade co establecido no punto sétimo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, a perda de efectos das medidas recollidas como anexo ao indicado acordo.

Esta previsión entenderase sen prexuízo de que se manteñan os efectos das medidas actualmente en vigor adoptadas pola Consellería de Sanidade en virtude do indicado acordo.

Quinto.

Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, establecer as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, a adopción das medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Sexto.

Mantense a eficacia do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021/22, co texto que figura como anexo I da Resolución do 1 de setembro de 2021, conxunta das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, e coas sucesivas adaptacións publicadas no Portal educativo, tras o levantamento da declaración de emerxencia sanitaria de interese galego. O Protocolo será plenamente aplicable ata que os órganos competentes acorden a finalización da vixencia das actuacións coordinadas en saúde pública fronte á COVID-19 para centros educativos durante o curso 2021/22.

Sétimo.

Este acordo producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Alberto Fuentes Losada

Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia