lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 133/2021, do 23 de setembro, polo que se crea o Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia e o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia.

Publicado en: DOG 196 11/10/2021

Departamento: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 201, do 19 de outubro de 2021.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é competente en materia de industria e defensa do consumidor e usuario.

O Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, aproba o código técnico da edificación e derroga as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga, aprobadas pola Orde do 9 de decembro de 1975. Segundo a súa disposición derradeira primeira, o real decreto ten carácter básico.

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (en diante, Directiva de servizos), proponse eliminar os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento dos prestadores nos Estados membros, e á libre circulación de servizos entre estes, e garantir tanto os destinatarios como os prestadores de servizos a seguridade xurídica necesaria para o exercicio efectivo das liberdades fundamentais de establecemento e libre prestación de servizos.

No contexto xurídico actual, a execución das instalacións interiores de subministración de auga é unha actividade liberalizada á que se lle aplica na súa integridade a Directiva de servizos.

A experiencia destes últimos anos amosa que a economía somerxida medrou exponencialmente neste sector, como consecuencia, entre outras causas, da citada liberalización, que supuxo un drástico cambio nun sector tradicionalmente regulado.

Por outra banda, as instalacións interiores de subministración de auga teñen unha innegable complexidade técnica, e precisan de persoas instaladoras cunha importante formación técnica. Ademais, unha mala execución destas instalacións pode provocar grandes danos, que a empresa instaladora debe estar en disposición de reparar.

Polo dito, faise recomendable a creación dun rexistro voluntario de empresas instaladoras de fontanaría en Galicia, así como dun rexistro das instalacións interiores de subministración de auga que executan, que permita verificar que as ditas empresas cumpren unha serie de requisitos que garantan a calidade e capacidade técnica do seu servizo, o cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e a súa capacidade para facer fronte ás posibles exixencias de responsabilidade civil.

Todo iso co fin último de que os cidadáns que precisen ter acceso aos servizos deste tipo de empresas poidan ter á súa disposición unha listaxe de empresas cuns estándares de calidade e seguridade técnica elevados, que lles permita ter máis información á hora de decidir a quen contratan os servizos.

Esta norma elaborouse tendo en conta os principios que conforman a boa regulación, a que se refire o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cúmprense os principios de necesidade e eficacia ao considerarse que a aprobación deste decreto é o instrumento necesario para conseguir o obxectivo perseguido que é o de que os cidadáns que precisen ter acceso aos servizos de fontanaría poidan ter á súa disposición unha listaxe de empresas cuns estándares de calidade e seguridade técnica elevados que lles permita ter máis información á hora de decidir a quen contratan os servizos.

O principio de proporcionalidade considérase cumprido, xa que o decreto contén a regulación imprescindible para atender á súa finalidade.

O principio de seguridade xurídica garántese, xa que esta norma é coherente co resto do ordenamento xurídico e pretendeuse que sexa clara e que facilite a actuación e a toma de decisións das persoas e empresas.

O principio de transparencia cúmprese, xa que no proceso de elaboración da norma se solicitaron todos os informes preceptivos e se publicou no portal de transparencia da Xunta de Galicia.

Por último, con respecto ao principio de eficiencia, a norma non impón cargas administrativas innecesarias ou accesorias, ao caracterizar aos rexistros creados como voluntarios.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e tres de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear o Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia e o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia.

A inscrición no Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia terá carácter voluntario e non será exixible para o exercicio da actividade. As empresas que voluntariamente se inscriban no dito rexistro, deberán inscribir todas as instalacións interiores de subministración de auga que executen no Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto é de aplicación ás instalacións interiores definidas na sección HS4 do documento básico HS Salubridade do Código técnico da edificación, é dicir, ás instalacións de subministración de auga nos edificios incluídos no ámbito de aplicación xeral do CTE, e ás empresas encargadas da súa execución.

CAPÍTULO II Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia

Artigo 3. Adscrición e xestión

Crease o Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia, que estará adscrito á consellería competente en materia de industria e defensa do consumidor e usuario, correspondendo a súa xestión ás xefaturas territoriais da devandita consellería. O seu réxime xurídico de organización e funcionamento é o contido neste decreto.

Artigo 4. Requisitos mínimos para a inscrición

1. As persoas físicas ou xurídicas que teñan dentro do seu ámbito de actividade as instalacións interiores de subministración de auga en Galicia poderán inscribirse no Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia.

A inscrición no rexistro terá carácter voluntario e non será exixible para o exercicio da actividade.

2. Os requisitos mínimos que se deben cumprir para inscribirse serán os seguintes:

a) Dispoñer de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

b) Dispoñer de alta na Seguridade Social ou no réxime especial de persoas traballadoras autónomas, encontrándose ao corrente dos correspondentes pagamentos.

c) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil que cubra os danos que poidan derivarse da súa actividade. A cobertura mínima será de trescentos mil euros (300.000 €) por sinistro e total anual, con cobertura extendida por un período de catro anos, debendo ser actualizada a dita cobertura anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos ao consumo.

d) Dispoñer de seguro de accidentes do persoal asalariado segundo convenio laboral vixente.

e) Dispoñer, cando menos, dunha persoa instaladora de fontanaría no cadro de persoal ou contratada, segundo o indicado no artigo 10, sendo a persoa responsable técnica do deseño, execución, reparación e mantemento das instalacións. No caso de autónomos, abonda que a persoa instaladora de fontanaría sexa o propio autónomo.

f) Ter contratado, no caso de empresas ou autónomos con empregados, un servizo de prevención de riscos laborais alleo, ou acreditar o establecemento dalgunha das outras modalidades preventivas permitidas pola lexislación vixente.

g) Dispoñer dun plan de prevención de riscos laborais, así como da correspondente avaliación de riscos e planificación da actividade preventiva para as actividades incluídas no alcance.

h) Dispoñer de marcación CE e declaración de conformidade, así como de manual de instrucións en español, en todos os equipamentos e ferramentas de traballo que estean obrigados a iso pola normativa vixente.

Artigo 5. Procedemento de inscrición

1. A inscrición realizarase por medio de solicitude que se presentará ante a consellería competente en materia de industria e defensa do consumidor e usuario, segundo o modelo que se publica como anexo I, en que a persoa titular da empresa ou o seu representante legal declare que cumpre os requisitos exixidos neste decreto, que dispón da documentación que así o acredita, que se compromete a mantelos durante a vixencia da actividade e que se responsabiliza de que a execución das instalacións se efectúa de acordo coas normas e requisitos recollidos neste decreto e no Documento básico HS4.

2. O procedemento de rexistro de empresas instaladoras de fontanaría de Galicia é un procedemento administrativo de prazo aberto e asígnaselle o código IN616A.

3. As persoas físicas ou xurídicas a que se refire este decreto deberán relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, por presumirse acreditado que pola súa capacidade económica, técnica e de dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de que a empresa instaladora de fontanaría está ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de que a empresa instaladora de fontanaría está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de que a empresa instaladora de fontanaría está ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderanselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Responsabilidades e obrigas das empresas instaladoras de fontanaría rexistradas

1. A empresa instaladora de fontanaría que se rexistre será responsable:

a) De que a execución, reparación, mantemento e revisión das instalacións sexan efectuadas de conformidade co seu proxecto, se o houber e, en calquera caso, que a instalación cumpra a normativa vixente de aplicación, e que fosen efectuadas con resultado satisfactorio e baixo a súa directa responsabilidade as probas e ensaios regulamentarios.

b) Das deficiencias de execución das instalacións que constrúan ou reparen e de que os equipamentos e accesorios instalados sexan conformes ás normas que sexan exixibles.

2. As empresas instaladoras de fontanaría que se rexistren terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir en todo momento os requisitos mínimos especificados no artigo 4.2.

b) Controlar a execución dos traballos que levan a cabo as súas persoas instaladoras e demais operarios ao seu servizo, así como que os materiais utilizados cumpran a regulamentación vixente, e sexan adecuados ao tipo e características da instalación requirida pola persoa usuaria.

c) Asegurarse de que o responsable técnico do deseño, execución, reparación e mantemento das instalacións sexa unha persoa instaladora de fontanaría.

d) Emitir os preceptivos certificados de instalación unha vez executadas as instalacións, reparacións ou revisións, e efectuadas as probas e ensaios regulamentarios. Os devanditos certificados serán subscritos por unha persoa instaladora da empresa.

Artigo 10. Requisitos da persoa instaladora de fontanaría

1. A persoa instaladora de fontanaría é toda persoa física que, polos seus coñecementos teórico-prácticos da tecnoloxía da fontanaría, así como da normativa vixente, está habilitada para realizar as operacións a que se refire este decreto, sendo a persoa responsable técnica do deseño, execución, reparación e mantemento das instalacións.

2. A persoa instaladora de fontanaría deberá cumprir e poder acreditar unha das seguintes condicións:

a) Dispoñer dun título universitario cuxo plan de estudos cubra as materias obxecto do regulado no presente decreto.

b) Dispoñer dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade incluído no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cuxo ámbito competencial coincida con obxecto do presente decreto.

En concreto, considéranse que os seguintes certificados de profesionalidade presumen o cumprimento do requisito anterior (listaxe non limitativa):

ENA656_3. Xestión do uso eficiente da auga.

ENA262_3. Organización e control da montaxe e mantemento de redes e instalacións de auga e saneamento.

IMA373_3. Desenvolvemento de proxectos de redes e sistemas de distribución de fluídos. IMA378_3. Planificación, xestión e realización do mantemento e supervisión da montaxe de redes e sistemas de distribución de fluídos.

c) Ter recoñecida unha competencia profesional adquirida por experiencia laboral, de acordo co estipulado no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, nas materias obxecto do presente decreto.

d) Ter un carné profesional de fontanaría ou un certificado de habilitación, emitido por un órgano competente do Estado español ou de calquera outro da Unión Europea, e ter estado en activo no exercicio profesional cando menos 3.000 horas nos dous anos anteriores á solicitude de rexistro.

Artigo 11. Revogación da inscrición

1. O non cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4 ou das responsabilidades e obrigas establecidas no artigo 9 constituirán causa de revogación da inscrición no Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia.

2. A resolución de revogación, que deberá ser motivada, será ditada pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de industria, logo de audiencia ao interesado.

Artigo 12. Acceso aos datos do rexistro

1. Terán carácter público os seguintes datos da empresa rexistrada:

a) Razón social.

b) NIF.

c) Enderezo.

d) Teléfono.

e) Correo electrónico.

2. As persoas interesadas poderán acceder aos datos incluídos no Rexistro de conformidade co establecido na normativa sobre transparencia e na normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

CAPÍTULO III Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia

Artigo 13. Adscrición e xestión

Créase o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia, que estará adscrito á consellería competente en materia de industria e defensa do consumidor e usuario, correspondendo a súa xestión ás xefaturas territoriais da devandita consellería. A súa organización e funcionamento réxense polo disposto neste decreto.

Artigo 14. Procedemento de inscrición

1. As empresas inscritas no Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanaría de Galicia deberán inscribir no Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia todas as instalacións interiores de subministración de auga que executen no prazo máximo de dez días desde a súa posta en servizo.

2. A inscrición, que non supón un pronunciamento favorable sobre a idoneidade técnica da instalación, farase baixo a responsabilidade dos axentes que interviñeron nela.

3. O procedemento de Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia é un procedemento administrativo de prazo aberto e asígnaselle o código IN616B.

4. As persoas físicas ou xurídicas a que se refire este decreto deberán relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, por presumirse acreditado que pola súa capacidade económica, técnica e de dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

5. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto ou memoria técnica de deseño (segundo modelo que se establece como anexo III).

b) Certificado de dirección de obra, só no caso de ser necesario a elaboración dun proxecto técnico.

c) Certificado de instalación segundo o modelo que se establece como anexo IV. Serán emitidos pola empresa instaladora que executase a obra e asinado pola persoa instaladora correspondente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos, e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Difusión de información

A consellería competente en materia de industria e defensa do consumidor e usuario poderá, nas condicións fixadas na normativa sobre transparencia e na normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na normativa sobre protección de datos de carácter persoal, difundir información que permita á cidadanía ou a outras administracións ou entidades ter coñecemento do sector.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de industria e defensa do consumidor e usuario para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como para modificar os anexos cando non supoña unha modificación substantiva do contido dos preceptos deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Francisco José Conde López

Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

Anexo I

[Documento: dec_VIC2CEEIN_00133_2021_20210923]

Corrección de errros. Conforme a corrección de erros publicada no BOPG núm. 201, do 19 de outubro de 2021, débese proceder á publcación do anexo I incluído a continuacion do decreto.

Anexo II

[Documento: dec_VIC2CEEIN_00133_2021_20210923]

Corrección de errros. Conforme a corrección de erros publicada no BOPG núm. 201, do 19 de outubro de 2021, débese proceder á publcación do anexo II incluído a continuacion do decreto.

Anexo III

[Documento: dec_VIC2CEEIN_00133_2021_20210923]

Corrección de errros. Conforme a corrección de erros publicada no BOPG núm. 201, do 19 de outubro de 2021, débese proceder á publcación do anexo III incluído a continuacion do decreto.

Anexo IV

[Documento: dec_VIC2CEEIN_00133_2021_20210923]

Corrección de errros. Conforme a corrección de erros publicada no BOPG núm. 201, do 19 de outubro de 2021, débese proceder á publcación do anexo IV incluído a continuacion do decreto.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia