lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

Publicado en: DOG 207 30/10/2019

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, establece, no artigo 15.c), respecto do segundo suposto de interrupción voluntaria do embarazo que nel se prevé, que, con carácter excepcional, se poderá interromper o embarazo por causas médicas cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do seu diagnóstico e así o confirme un comité clínico.

De conformidade co establecido no artigo 16.1 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, o comité estará formado por un equipo pluridisciplinar integrado por dous médicos/as especialistas en xinecoloxía e obstetricia ou expertos/as en diagnóstico prenatal e un/unha pediatra, e a muller poderá elixir unha destas persoas especialistas.

O Comité Clínico deberá intervir preceptivamente, mediante a emisión dun ditame habilitante sobre un aspecto clínico, sen o cal a muller non poderá optar por unha interrupción voluntaria do embarazo. Non obstante, se o comité confirma o diagnóstico, a muller decidirá sobre a intervención.

De acordo co establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, en cada comunidade autónoma haberá, polo menos, un comité clínico nun centro da rede sanitaria pública, cuxos membros titulares e suplentes serán designados, pola autoridade competente, por un período non inferior a un ano.

Así mesmo, o Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, de desenvolvemento parcial da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, prevé, no seu artigo 2.2, que «Existirá, polo menos, na rede sanitaria pública, un comité clínico en cada comunidade autónoma. Poderán existir, ademais, outros comités noutros centros da dita rede sanitaria, por decisión da comunidade baseada en criterios relacionados coa poboación, o número de especialistas exercentes no seu ámbito territorial, a óptima calidade asistencial das intervencións ou outros criterios similares».

As especificidades de funcionamento dos comités clínicos, de conformidade co previsto no artigo 16.4 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, establecéronse a través do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, o cal, no seu capítulo I, define a súa natureza, a súa composición, o carácter da súa actuación e regula o seu réxime de funcionamento e o procedemento necesario para a emisión do seu ditame.

Na Comunidade Autónoma de Galicia o primeiro comité clínico que se constituíu foi designado mediante a Orde do 2 de xullo de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), do 5 de xullo. Esta orde, pola súa vez, foi derrogada pola Orde do 12 de marzo de 2012, publicada no DOG do 26 de marzo, que foi modificada pola Orde do 4 de xaneiro de 2013, publicada no DOG do 15 de xaneiro. Posteriormente, aprobouse a Orde do 16 de marzo de 2015 pola que se procede a designar os membros do Comité Clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, e se regulan determinados aspectos sobre a súa constitución e funcionamento, publicada no DOG do 31 de marzo de 2015. Xa no ano 2017, aprobouse a Orde do 27 de novembro de 2017 pola que se procedeu á renovación da composición do comité clínico e que foi publicada, pola súa vez, no DOG do 7 de decembro de 2017.

Ao longo destes anos de funcionamento do dito comité clínico púidose constatar o incremento da carga de traballo asumido polo comité, o cal debe pronunciarse sobre supostos que, en xeral, son complexos e, respecto dos cales, o comité ten que emitir o seu ditame nun período relativamente curto de tempo.

É polo exposto que, coa finalidade de dar un servizo de mellor calidade en relación co cumprimento das funcións que lle son propias a este tipo de comités, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 e 4 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e do artigo 2.2. do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, considérase necesario dispor de dous comités clínicos.

Co obxecto de dispoñer dun réxime xurídico homoxéneo e común, considérase oportuno recoller nunha única norma a composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación de ambos os dous comités, de modo que se axusten a un marco xurídico e temporal común. Deste xeito, a través desta orde, por unha banda, procédese a nomear de novo ás persoas titulares e suplentes que integraban o comité clínico existente ata o de agora na Comunidade Autónoma de Galicia, e por outra, noméanse as persoas titulares e suplentes do novo comité.

Nesta orde, ao igual que xa se prevía na Orde do 16 de marzo de 2015 para o único comité clínico existente ata o de agora en Galicia, ademais de nomear os membros titulares de cada comité, procédese á designación dun número amplo de membros suplentes. Tamén se prevé que os comités, aínda que teña transcorrido o prazo de tempo para o cal foron designados, continúen exercendo as súas funcións ata que se designe e publique a constitución dos novos comités. Así mesmo, posibilítase que para o seu funcionamento se poidan empregar medios electrónicos e telemáticos. Todo iso, coa finalidade de garantir o cumprimento dos dereitos derivados da aplicación do artigo 15.c) da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo.

Finalmente, para os efectos de garantir unha mellor xestión dos recursos existentes e de optimizar o funcionamento dos dous comités clínicos, na orde regúlanse tamén determinados aspectos sobre a coordinación, colaboración e criterios para a asignación dos asuntos, sobre os que deben informar, entre os comités clínicos de Galicia.

De acordo co exposto, mediante o establecemento dos dous comités clínicos, sometidos a unha regulación común nos termos anteriormente indicados, queda plenamente xustificada a adecuación desta orde aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia regulados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto o establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como regular determinados aspectos sobre a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

Nesta orde fíxanse, así mesmo, os criterios para o repartición da avaliación e informe das solicitudes de Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) entre os comités clínicos de Galicia.

Artigo 2. Natureza e funcións dos comités

Os comités clínicos que se constitúen son órganos colexiados de ámbito autonómico, de carácter consultivo e de natureza técnico-facultativa, que estarán vinculados funcionalmente á dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria e desenvolverán as súas funcións, por requirimento desta, dentro do ámbito do Servizo Galego de Saúde nos supostos de interrupción voluntaria do embarazo por causas médicas previstos no artigo 15.c) da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo.

Artigo 3. Especialistas titulares dos comités

1. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:

– Susana Blanco Pérez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. Área Sanitaria (AS) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Beatriz Alvar Mantiñán, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS da Coruña e Cee.

– José Luis Fernández Trisac, facultativo especialista en Pediatría. AS da Coruña e Cee.

2. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 2 as seguintes persoas:

– Roberto González Boubeta, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Sabela Iglesias Faustino, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– María Luisa González Durán, facultativa especialista en Pediatría. AS de Vigo.

Orde do 17 de setembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo 3 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 4. Especialistas suplentes dos comités

1. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:

– Elisa Leal Gómez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Mariña Sánchez-Andrade Santiso, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Santiago de Compostela e Barbanza.

– Eloy Moral Santamarina, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Pontevedra e O Salnés.

– Jesús Alberto Fuentes Carballal, facultativo especialista en Pediatría. AS da Coruña e Cee.

– Natalia Mandía Rodríguez, facultativa especialista en Pediatría. AS de Santiago de Compostela e Barbanza.

– Raquel Martínez Lorenzo, facultativa especialista en Pediatría. AS de Pontevedra e O Salnés.

2. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 2 as seguintes persoas:

– Laura González Rodríguez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Vanesa Buján Costas, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– María Vélez Castillo, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Cristina Durán Fernández-Feijóo, facultativa especialista en Pediatría. AS Vigo.

– María Suárez Albo, facultativa especialista en Pediatría. AS de Vigo.

Orde do 17 de setembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 5. Principio de presenza equilibrada

Na composición dos comités, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade dos e das profesionais que os poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6. Prazo de actuación dos comités

A designación das persoas titulares e suplentes dos comités clínicos establécese para un prazo de dous anos. Transcorrido este prazo, os seus membros continuarán nas súas funcións ata que se produza un novo nomeamento, que poderá recaer nas mesmas persoas.

Artigo 7. Organización e funcionamento

1. Os comités clínicos, que actuarán de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e no Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, adecuarán o seu funcionamento ao previsto nesta orde e ao establecido, respecto dos órganos colexiados, no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Os comités clínicos contarán coa asistencia dunha secretaría, que será exercida por aquelas persoas que, formando parte da organización do Sistema público de saúde de Galicia, sexa designada pola persoa titular do centro directivo con competencias en materia de asistencia sanitaria.

3. A constitución válida dos comités clínicos exixirá a asistencia de todos os seus membros, respectando, en todo caso, as previsións que, para efectos da composición dos comités clínicos, se establecen no artigo 16.1. da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e no artigo 2, números 3 e 4 do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño.

Artigo 8. Coordinación e colaboración entre os comités clínicos de Galicia

1. Os membros titulares e suplentes dos comités clínicos de Galicia reuniranse, como mínimo, unha vez ao ano, para os efectos de unificar criterios xerais de actuación. En todo caso, os comités manterán a súa autonomía de funcionamento e decisión respecto das solicitudes de IVE que lles sexan asignadas.

Ás ditas reunións asistirán, así mesmo, as persoas responsables da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

2. Cando, excepcionalmente, non sexa posible constituír ningún dos dous comités coa finalidade de resolver sobre unha solicitude de IVE, poderase proceder á constitución dun comité clínico integrando membros de ambos os dous comités, sempre e cando na súa composición se respecten os criterios fixados no artigo 16.1 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e no artigo 2, números 3 e 4 do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño.

Artigo 9. Asignación de solicitudes de IVE entre os comités clínicos

A asignación das solicitudes de IVE, sobre as que debe informar cada comité clínico, realizarana as persoas responsables do centro directivo da Consellería con competencias en materia de asistencia sanitaria.

Na medida do posible, tratarase de que a repartición de solicitudes sobre as que deben informar os comités sexa o máis equitativo posible. En todo caso, tratarase de ter en conta as condicións específicas de cada solicitude, tales como domicilio da solicitante, proximidade dun centro acreditado de referencia, ou calquera outra circunstancia debidamente motivada.

Artigo 10. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, relativo ao «uso de medios electrónicos»:

a) Os comités clínicos poderán constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 17 e 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) As convocatorias poderán efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Os membros dos comités poderán ser validamente convocados de forma presencial nun mesmo lugar, ou de modo que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos das persoas que o conforman. As actas dos comités aprobaranse ao rematar a sesión ou na seguinte sesión; non obstante, a persoa que exerza a secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se tivesen adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Así mesmo, as actas das sesións dos comités poderán ser aprobadas por vía telemática.

2. As notificacións no marco da intervención dos comités clínicos poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acredite a data e a hora en que se produza a posta á disposición das persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación entenderase practicada para todos os efectos legais.

Disposición adicional única. Efectos sobre o gasto público

As actuacións dos comités clínicos non xerarán incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as seguintes disposicións normativas:

1. A Orde do 16 de marzo de 2015, pola que se procede a designar os membros do comité clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, e se regulan determinados aspectos sobre a súa constitución e funcionamento, publicada no Diario Oficial de Galicia do 31 de marzo de 2015.

2. A Orde do 27 de novembro de 2017, pola que se procede á renovación da composición do comité clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do 7 de decembro de 2017.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia