lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 189 Bis 30/09/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 16 de outubro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.
Prorrógase a eficacia do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada pola Orde do 22 de setembro de 2021

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade do momento, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021. Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño. Tamén se modificou a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O anexo II da Orde do 25 de xuño volveu ser modificado mediante as ordes do 29 de xullo e do 5 agosto de 2021, e esta última prorrogou a eficacia da primeira.

Pola súa banda, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 suspendeuse expresamente a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, prevista na Orde do 25 de xuño, e substituíuse esta obriga por unha regulación transitoria e provisional, na espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos ditos certificados. Esta autorización foi denegada mediante o Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mediante a Orde do 16 de agosto de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño para adaptalo á situación derivada da evolución da pandemia. Así mesmo, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño. Nesta orde, na espera dunha resolución xudicial firme que se pronunciase sobre a autorización da medida da exixencia do certificado, mantíñase a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos e actualizábase a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da referida obriga, coa finalidade de adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica. Incluíanse, ademais, na devandita orde determinadas modificacións da Orde do 25 de xuño, cuxa finalidade era adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

A continuación, mediante as ordes do 25 e do 27 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021, co obxecto de reflectir nel as variacións na evolución da situación epidemiolóxica experimentadas en distintos concellos da Comunidade Autónoma.

Mediante a Orde do 1 de setembro de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 18 de setembro. Esta orde tamén modificou o anexo II da Orde do 25 de xuño e acordou manter a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, substituíndoa por unha regulación transitoria e provisional na espera dun pronunciamento xudicial firme sobre esta medida.

Pola súa banda, mediante a Orde do 9 de setembro de 2021 modificouse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia volve modificar a regulación contida na Orde do 25 de xuño de 2021 en relación cos establecementos de hostalaría e os establecementos de xogo para adaptala ás regras do novo Plan de hostalaría segura, tendo en conta que nestes últimos se prestan servizos de hostalaría e restauración. Tamén se deixa sen efecto a regulación transitoria e provisional aplicable aos establecementos de hostalaría e restauración e aos establecementos de xogos e apostas, prevista nos puntos terceiro e cuarto da Orde do 20 de agosto de 2021, e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, substituíndo esta obriga por unha regulación transitoria e provisional.

Con posterioridade á aprobación da citada Orde do 14 de setembro de 2021, foi notificada a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, na cal se estima o recurso de casación formulado pola Administración autonómica contra o Auto do 20 de agosto de 2021, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que avala así a posibilidade de exixir o chamado pasaporte COVID para acceder a determinados establecementos, ao considerar que esta medida é idónea, necesaria e proporcionada para reducir os contaxios.

A continuación, mediante a Orde do 16 de setembro de 2021, acometeuse unha nova prórroga da Orde do 25 de xuño de 2021 ata as 00.00 horas do día 2 de outubro. A dita orde tamén recolle a ampliación dos límites de ocupación aplicables ás mesas e agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría, restauración e de xogos e apostas; así mesmo, modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño coa finalidade de incluír os concellos en que mudou a situación epidemiolóxica no nivel que en cada caso corresponda.

Finalmente, mediante a Orde do 22 de setembro de 2021 modificouse a Orde do 25 de xuño co obxectivo de adaptala á favorable evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma. Así, increméntanse as capacidades máximas permitidas para o desenvolvemento de actividades deportivas, espectáculos musicais e artísticos, así como de reunións laborais, institucionais, académicas ou profesionais, congresos e outros eventos. Igualmente, amplíanse as capacidades máximas vixentes nos centros de lecer infantil e sociocomunitarios e retómase a posibilidade de exhibición en exposicións de elementos deseñados para o uso táctil por parte do visitante. Tamén se modificou o anexo II da Orde do 25 de xullo de 2020, coa finalidade de adaptalo á realidade actual incluíndo no nivel de restrición que en cada caso corresponda os concellos en que mudou a situación.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 28 de setembro de 2021, destácanse os seguintes datos:

Respecto da situación epidemiolóxica de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por debaixo do 1; non obstante, na Área de Pontevedra o intervalo de confianza superior do Rt está por riba do 1.

Do total de concellos de Galicia, 178 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 276. Isto supón un aumento en 37 concellos a 14 días e en 31 concellos a 7 días desde hai unha semana, en que era de 141 e 202 a 14 e 7 días.

Entre o 17 e o 23 de setembro realizáronse 35.557 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (17.946 PCR e 13.611 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 3,57 %, o que supón un descenso do 37 % a respecto de entre o 7 e o 13.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 12 e 34 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 23 e 60 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 48 % a 7 días e do 43 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, catro tramos; primeiro crecente, a un ritmo do 0,6 % ata o 1 de marzo, e despois decrecente, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -2,2 %; ségueo outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 10,2 %, e o 24 de xullo detéctase outro cambio en sentido decrecente, cunha PCD do -5,8 %.

En canto á evolución por grupos de idade, obsérvase que a incidencia acumulada por grupos de idade segue a descender en todos os grupos máis novos, mesmo no grupo de 0 a 11 anos, cunha incidencia de 97,44 casos por 100.000 habitantes fronte aos 129,39 casos por 100.000 habitantes de hai unha semana. Igualmente, a incidencia neste grupo de idade é menor que no conxunto de España. Os grupos de idade correspóndense con aqueles aos cales se fai seguimento de vacinación.

Segundo o modelo vectorial autorregresivo, espérase un lixeiro aumento a 7 días e unha estabilización a 14 días. Con todo, hai que tomalo con precaución debido á amplitude dos intervalos de confianza, que é o esperado co nivel de incidencia actual, xa que esta amplitude implica que podería ir en calquera sentido (ascende, estabilízase, descende).

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 10,65 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 51,85 de Ourense. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días. Todas as áreas sanitarias presentan taxas a 14 días con valores inferiores aos 50 casos por 100.000 habitantes, agás a de Ourense, e non presentan taxas a 7 días superiores aos 25 casos por 100.000 habitantes. No que atinxe á evolución da incidencia por grupos de idade e por áreas sanitarias, en todas descende a incidencia en todos os grupos de idade. Non obstante, na Área Sanitaria de Ourense, no grupo de idade de 0 a 14 anos hai un lixeiro aumento, pero dentro do descenso. As áreas sanitarias coas taxas a 14 días máis elevadas neste grupo de idade son as de Ourense e Lugo. A 7 días, as taxas máis elevadas danse na de Ourense.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 42,4, o que significa un descenso do -42,3 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes en hospitalización de agudos é de 1,6 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso tamén do -42,3 % a respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 17,6 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,7 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -35,6 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto da situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 2 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un máis que hai unha semana. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 5 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que hai unha semana.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de Microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 37/2021 (do 13 ao 19 de setembro) a porcentaxe de positividade para a variante Delta foi do 99,2 %. (IC95 %: 98,2-99,8 %). Dúas mostras foron compatibles coa variante Alfa. Durante a semana 37 notificouse unha mostra con perfil compatible con variante Alfa e outra con perfil con variante Beta ou Gamma. Ata a semana 37 incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 967 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 983 casos da variante Delta (B.1.617.2 ou india), 44 casos da variante Beta (B.1.351 ou surafricana); 87 casos da variante Gamma (P1 ou brasileira) e 5 casos da variante Alfa coa mutación E484K. Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 55 mostras con variante Mu (B.1.621-colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa o descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do -5,8 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1.

A información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría a 7 días e que se mantería estable a 14 días. Non obstante, dada a incidencia actual, o modelo podería ser menos fiable.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 34 casos por cen mil habitantes. En todas as áreas sanitarias diminúe a súa incidencia, tanto a 7 como a 14 días. Todas as áreas sanitarias teñen unha incidencia a 7 días menor de 25 casos por cen mil habitantes. En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase un descenso na incidencia en todos os grupos de idade. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 2 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 c/105h. Nos de menos de 10.000, hai 5 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes.

Polo de agora, a variante Delta (india) segue a ser a circulante e non hai nada que indique que outra variante poida ocupar o seu lugar.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo. Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se encontren entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se encontren entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se encontren por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se encontren entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se encontren entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de Saúde Pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se logre a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e da capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade. Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para o axuste calculouse un factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade que no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación, en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes deste que poden ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible que a variante Alfa.

Non obstante, as medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel medio de restrición o concello de Foz xa que, aínda que a súa taxa a 14 días é propia do nivel máximo, a incidencia a 7 días descendeu desde hai unha semana, e a razón de taxas a 7 días está por debaixo do 1, o que indica que non apareceron novos casos. Tamén se mantén no nivel medio de restrición o concello do Barco de Valdeorras, xa que, a pesar de que as súas taxas a 7 e 14 días son propias do nivel alto e que a súa incidencia aumentou lixeiramente desde hai unha semana, a razón de taxas a 7 días está por debaixo do 1, e a 14 días, aínda que o supera, non chega a 2 (1,65), o que indica que a aparición de novos casos non é elevada. Ademais, en ambos os concellos, os casos débense a gromos relacionados cun colexio, que se dan entre nenos e nenas que non teñen indicada a vacinación pola súa idade, pero cuxa orixe está controlada. Os novos casos que se deron no Barco de Valdeorras están dentro do esperado entre os contactos estreitos dos casos.

O resto de concellos de Galicia inclúese no nivel medio-baixo de restricións.

Neste contexto, tendo en conta a evolución favorable da situación epidemiolóxica, procede acometer unha nova prórroga da Orde do 25 de xuño de 2021 ata as 00.00 horas do día 16 de outubro.

Tamén é necesario manter, mentres non se obteña a preceptiva autorización xudicial prevista no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa, a suspensión da exixencia da exhibición de determinada documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, así como a regulación transitoria e provisional ditada en substitución daquela, que seguirá vixente ata a entrada en vigor, de ser o caso, da orde pola que se aprobe o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, introdúcense na Orde do 25 de xuño modificacións puntuais orientadas a adaptar a regulación de certas actividades á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

Así, adáptase a regulación da obriga xeral relativa ao mantemento da distancia de seguridade á realidade actual de tal xeito que, no caso de actividades desenvolvidas con público sentado en espazos pechados e cumprindo determinadas condicións, se elimina a exixencia de manter un asento de separación ou un espazo equivalente entre os distintos grupos de persoas conviventes sentados na mesma fila de asentos, así como nas filas inmediatamente anterior e posterior. Ademais, engádese a prohibición de consumir comida e bebida cando, polas condicións de desenvolvemento da actividade e capacidade máxima autorizadas en cada caso de acordo coas medidas de prevención previstas no anexo da Orde do 25 de xuño, non sexa posible manter a dita distancia de seguridade.

Increméntase a dous terzos o límite de ocupación máxima das prazas de pé nos vehículos e nas embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, transporte en autobús de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional, e transporte marítimo en augas interiores. Tamén se amplían as capacidades máximas permitidas nas instalacións onde se celebren competicións deportivas con público, que pasan ao 80 % se se trata de espazos pechados e a o 100 % se se trata de espazos abertos.

Por último, e dado que non se produciron cambios na situación dos concellos da comunidade autónoma que exixan modificar a redacción do anexo II da Orde do 25 de xuño, segundo a redacción dada a este pola Orde do 22 de setembro de 2021, óptase por prorrogar a súa eficacia, de conformidade cos datos que se desprenden do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29 de setembro de 2021.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 16 de outubro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Mantemento da suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e substitución por unha regulación transitoria e provisional

1. Mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno prevista na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A exixencia desta documentación substitúese pola regulación transitoria e provisional prevista nos puntos quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e substitúese por unha regulación transitoria e provisional.

Terceiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modificación do punto 1.3 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Na organización das distintas actividades deberán adoptarse as medidas necesarias para garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros, establecida pola Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, entre grupos de persoas non conviventes.

Cando, polas condicións de desenvolvemento da actividade e capacidade máxima autorizadas en cada caso de acordo coas medidas de prevención previstas neste anexo, non sexa posible manter a dita distancia de seguridade, non se permitirá o consumo de alimentos e bebidas, deberá usarse máscara en todo momento, garantir unha adecuada ventilación e o cumprimento das medidas de prevención e hixiene aplicables, de acordo co establecido neste anexo, sen prexuízo de que se deba procurar manter a máxima separación posible entre os diferentes grupos de persoas non conviventes, así como o debido control para evitar as aglomeracións.».

Dous. Modificación da letra b) do parágrafo 1 do punto 3.18 (Transportes) do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«b) Nos vehículos e nas embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, e establécese como límite de ocupación máxima dous terzos das prazas de pé.».

Tres. Modificación do parágrafo 1 do punto 3.21 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. As competicións deportivas con público poderán celebrarse cunha ocupación máxima do 80 % en interior e do 100 % no exterior, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3 do anexo I.».

Cuarto. Prorrógase a eficacia do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada pola Orde do 22 de setembro de 2021

Quinto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde producirán efectos desde as 00.00 horas do día 2 de outubro de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia