lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 30 de setembro de 2021 pola que se regula o procedemento e se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude de prórroga de expedientes relativos a procedementos de regulación de emprego vinculados á COVID-19 vixentes na data do 30 de setembro de 2021 (código de procedemento TR820H).

Publicado en: DOG 190 01/10/2021

Departamento: Consellería de Emprego e Igualdade

Estado: En vigor

PDF

A aprobación do Real decreto lei 18/2021, do 28 de setembro, de medidas urxentes para a protección do emprego, a recuperación económica e a mellora do mercado de traballo, prevé no seu artigo 1.1 a posibilidade de autorizar unha prórroga, logo da presentación dunha solicitude por parte da empresa ou da entidade titular que tivese un expediente de regulación temporal de emprego vixente na data do 30 de setembro de 2021, con base no disposto nos artigos 1 e 2 do Real decreto lei 11/2021, do 27 de maio, sobre medidas urxentes para a defensa do emprego, a reactivación económica e a protección dos traballadores autónomos e daqueles aos cales lles resulte de aplicación o artigo 23 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

Así, e ante a necesidade de dar cobertura á tramitación da solicitude de prórroga por parte das empresas recollida no artigo 1.1 do Real decreto lei 18/2021, do 28 de setembro, faise necesario articular un procedemento electrónico para esta solicitude.

O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento TR820H), para a súa tramitación por medios electrónicos, da solicitude de prórroga nos expedientes de regulación temporal de emprego que estean vixentes na data do 30 de setembro de 2021 con base no disposto nos artigos 1 e 2 do Real decreto lei 11/2021, do 27 de maio, sobre medidas urxentes para a defensa do emprego, a reactivación económica e a protección dos traballadores autónomos e daqueles aos cales lles resulte de aplicación o artigo 23 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A solicitude de prórroga deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

2. O prazo de presentación da solicitude comezará o día 1 de outubro de 2021 e rematará o 15 de outubro de 2021.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude os seguintes documentos:

– Relación das horas ou días de traballo suspendidos ou reducidos durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2021 de cada unha das persoas traballadoras, debidamente identificadas en relación con cada un dos centros de traballo.

– No caso de expedientes aos cales resulte de aplicación o artigo 23 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, informe da representación das persoas traballadoras con quen se negociou o ERTE.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da a información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no NIF, no caso de persoas xurídicas, e no DNI ou NIE, no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Resolución

A autoridade laboral ditará a resolución no prazo de dez días hábiles desde a presentación da solicitude por parte da empresa.

No caso de ausencia de resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de prórroga.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema achegará ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o enderezo indicado para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza

Conselleira de Emprego e Igualdade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia