lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 22 de setembro de 2021 pola que se modifican anexos, prazos e normas procedementais do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia.

Publicado en: DOG 189 30/09/2021

Departamento: Consellería de Medio Rural

Estado: En vigor

PDF

O Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola ten por obxecto establecer a normativa básica en materia de declaracións obrigatorias do sector vitivinícola, necesaria para dotar dunha maior transparencia o sector vitivinícola e para dispoñer de mellores informacións do seu mercado, así como para o desenvolvemento da normativa comunitaria. Este real decreto reforzou o sistema de declaracións obrigatorias no sector vitivinícola, en canto se amplía a información e a periodicidade da remisión destas declaracións, creando un sistema unificado de información no sector vitivinícola adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Segundo o citado Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, as persoas operadoras serán as responsables do mantemento debidamente actualizado dos datos contidos no sistema unificado de información. Para conseguir este obxectivo deben actualizar os seus datos no Rexistro Xeral de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI) e deben presentar as súas declaracións telematicamente a través da aplicación informática denominada Sistema de información de mercados do sector vitivinícola (en adiante, INFOVI).

Este novo sistema de declaración telemática instaurado polo Real decreto 739/2015 fai necesario modificar varios artigos e anexos do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia en relación con determinados prazos e tipos de declaracións obrigatorias, coa finalidade de adecuar a normativa autonómica de Galicia á normativa estatal básica.

Ademais, mediante o Real decreto 557/2020, do 9 de xuño, polo que se adoptan medidas extraordinarias no sector do viño para facer fronte á crise causada pola pandemia da COVID-19, e polo que se fixa unha norma de comercialización no sector do viño e se modifica a regulación sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola e o programa de apoio ao sector do viño, modifícase un anexo do Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, co fin de que se especifique a produción de uva de cada unha das parcelas ou recintos e non a cantidade global.

Consonte co anterior, procede modificar diversos anexos do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, segundo o que se motiva a continuación:

O actual anexo D: I contén a declaración de existencias de viños e mostos en 31 de xullo, co código de procedemento MR441A. Este anexo é preciso eliminalo, posto que a información que contén debe declararse telematicamente en INFOVI, consonte co previsto no artigo 5 do Real decreto 739/2015, do 31 de xullo. Isto determina a innecesariedade deste anexo, dado que non procede unha dobre declaración, vía INFOVI e vía anexo autonómico.

Resulta necesario modificar os seguintes anexos: anexo D: II a e D: II b.

Estes anexos actualmente inclúen a declaración de colleita de uva (anexo D: II a) e a declaración de colleita de uva: referencia Sixpac das parcelas vitícolas (anexo D: II b). Non obstante, consonte co xa indicado, a declaración do anexo D: II b debe adecuarse á regulación contida na recente modificación operada polo Real decreto 557/2020, do 9 de xuño, co fin de que se especifique a produción de uva de cada unha das parcelas ou recintos e non a cantidade global. Polo tanto, en consonancia con isto, é preciso modificar o anexo D: II b.

Así mesmo, para dar coherencia á nomenclatura dos anexos deste decreto, os anexos D: II a e II b pasarán a denominarse, respectivamente, anexo D: I a e anexo D: I b.

Ademais créase un novo anexo D: I c, que regula a declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe, como medio de posible colaboración destas corporacións de dereito público coas persoas colleiteiras na presentación da declaración de colleita a que están obrigadas.

Débese engadir tamén un novo anexo chamado anexo D: II Rexistro de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI), para que os operadores poidan declarar a súa alta, baixa ou modificacións dos seus datos. O código de procedemento para este anexo denominarase MR441H.

Tamén é preciso modificar o anexo D: III. Este anexo actualmente recolle a declaración de produción de viño e/ou mosto, co código de procedemento MR441D. A información desta declaración declárase telematicamente en INFOVI, agás a correspondente ao cadro F, que se corresponde coa comunicación de eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola.

Polo tanto, o procedemento MR441D xa non se utiliza para declarar a produción de viño e/ou mosto, pero é necesario modificar o anexo para manter unicamente o contido do cadro F dese procedemento. Convén, polo tanto, substituír este anexo e modificarlle o nome polo de anexo D: III Eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola.

Cómpre, así mesmo, efectuar unha modificación do anexo D: III a, consistente en engadir a obrigatoriedade de presentar como documentación complementaria os xustificantes de compravenda de produtos. Este anexo D: III a pasará a denominarse anexo D: IV a Declaración de produción: provedores. Esta declaración inclúe a información das subministracións empregadas na elaboración de viño e/ou mosto.

Hoxe en día só se prevía no decreto a sinatura do xustificante de compravenda de produtos (anexo D: III b) por parte do comprador, porén, é preciso que o asinen as dúas partes, é dicir, que o asinen o comprador e o provedor do produto. Ademais, é preciso modificar a denominación deste anexo polo de anexo D: IV b.

A exixencia da dobre sinatura é incompatible coa sistemática da sede electrónica da Xunta de Galicia. Isto determina que se manteña o contido do anexo, pero eliminando da sede electrónica o procedemento asociado co código MR441F, Xustificante de compravenda de produtos. En lugar disto, como xa se adiantou, incluirase como documentación complementaria do anexo D: IV a o xustificante de compravenda dos produtos. Desta forma, os xustificantes asinados e escaneados en formato pdf deberán incorporarse como documentos adxuntos á declaración de produción: provedores, con código de procedemento MR441E.

Por outra banda, o anexo D: IV Declaración destino das producións de plantacións ilegais pasa a denominarse D: V e mantén o seu título, contido e denominación do procedemento, que é o MR441G.

Por último, a través desta norma regúlanse cuestións procedementais, co obxecto de adecualas á regulación que contén a normativa estatal básica. Este é o caso da presentación das declaracións, cuxa obrigatoriedade de presentación se prevé na normativa nacional; a regulación da presentación telemática das declaracións obrigatorias en INFOVI do artigo 26 e as modificacións que se inclúen no seu artigo 27, tanto procedementais como de prazos.

En relación coas modificacións procedementais, engádese unha nova disposición adicional cuarta que regula o procedemento polo que as persoas produtoras poden autorizar a colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva.

A disposición derradeira terceira do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia, faculta a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto e modificar os anexos, en particular de acordo coas modificacións da normativa básica estatal e comunitaria, así como para modificar as datas e os prazos contidos nel e as normas procedementais que considere oportunas. En consonancia co anterior, esta orde constitúe o instrumento xurídico axeitado para afrontar a necesaria adecuación da normativa autonómica á normativa estatal básica, tanto no que atinxe aos anexos sinalados, como na necesaria acomodación das normas procedementais autonómicas aos postulados da normativa básica.

En virtude de todo o exposto e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo único. Modificación do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia

O Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia queda modificado como segue:

Primeiro. A letra a) do punto 1 do artigo 24 queda redactada do seguinte modo:

«a) Declaracións de viño e mosto por instalación».

Segundo. A letra c) do punto 1 do artigo 24 queda redactada do seguinte modo:

«c) Declaración de produción: provedores».

Terceiro. O punto 3 do artigo 24 queda redactado do seguinte modo:

«3. A presentación das declaracións previstas neste artigo é obrigatoria para as persoas ou entidades sinaladas no Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola.

Todos os procedementos relativos a declaracións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia serán aplicables tanto a persoas ou entidades obrigados á presentación electrónica, como a persoas físicas non obrigadas, agás os procedementos de declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe, co código de procedemento MR441I, previsto no artigo 26 bis desta norma, o cal se aplicará só a persoas ou entidades obrigadas á presentación electrónica».

Cuarto. A letra a) do punto 2 do artigo 25 queda redactada do seguinte modo:

«a) Declaracións de viño e mosto por instalación».

Quinto. A letra c) do punto 2 do artigo 25 queda redactada do seguinte modo:

«c) Declaración de produción: provedores».

Sexto. Modifícase o título do artigo 26, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 26. Forma e lugar de presentación de solicitudes relativas á autorización administrativa de superficies de viñedo»

Sétimo. Créase un novo artigo 26 bis, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 26 bis. Forma e lugar de presentación de solicitude de alta, baixa ou modificación dos datos do REOVI e de declaracións e comunicacións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia

1. As declaracións de viño e mosto por instalación previstas na letra a) do punto 1 do artigo 24 presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da aplicación informática que existe no Sistema de información de mercados do sector vitivinícola (INFOVI), de acordo co previsto no Real decreto 739/2015, do 31 de xullo. A URL da páxina web de acceso a esta aplicación é https://www.aica.gob.es/

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Nos casos que se enumeran neste punto, a presentación será preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os supostos que se rexerán polo disposto neste punto 2 son os seguintes:

a) A declaración de colleita prevista na letra b) do punto 1 do artigo 24. Procedementos MR441B (anexo D: I a) e MR441C (anexo D: I b).

b) Declaración de alta, baixa ou modificación dos datos do Rexistro Xeral de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI). Procedemento MR441H (anexo D: II deste decreto).

c) Comunicación da eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola. Procedemento MR441D (anexo D: III).

d) Declaración de produción: provedores prevista na letra c) do punto 1 do artigo 24. Procedemento MR441E (anexos D: IV a e D: IV b).

e) A declaración de destino das producións das plantacións ilegais. Procedemento MR441G (anexo D: V deste decreto).

3. A declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe co código de procedemento MR441I, regulada na disposición adicional cuarta desta norma, presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación desta declaración poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)».

Oitavo. Créase un novo artigo 26 ter co seguinte contido:

«Artigo 26 ter. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, comunicación ou declaración correspondente a seguinte documentación en cada un dos procedementos que se indican a seguir:

a) Na declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe protexida, co código de procedemento MR441I, o CRDO xunto a esta declaración presentará a seguinte documentación:

– O ficheiro en folla de cálculo cos datos da declaración de colleita das persoas produtoras de uva acollidas ao dito CRDO que outorgaron a súa autorización ao consello regulador na campaña correspondente. Estes datos incluirán a información contida na última folla do anexo D: I c.

b) Na comunicación de eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola, co código de procedemento MR441D presentarase o proxecto, no suposto de que elixan esta opción na retirada baixo control.

c) Na declaración de produción: persoas provedoras, co código de procedemento MR441E presentarase como documentación complementaria o/os xustificante/s de compravenda de produto/s, cuxo modelo se recolle no anexo D: IV b.

2. A presentación de documentación complementaria efectuarase da seguinte forma:

a) No suposto recollido na letra a) do punto 1 deste artigo, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

b) Nos supostos recollidos nas letras b) e c) do punto 1 deste artigo, a documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da comunicación ou declaración. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación ou declaración deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del».

Noveno. Créase un novo artigo 26 quáter co seguinte contido:

«Artigo 26 quáter. Comprobación de datos dos procedementos previstos no artigo 26 bis

1. Para a tramitación dos procedementos previstos no artigo 26 bis consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante/declarante/comunicante.

b) NIF da entidade solicitante/declarante/comunicante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes».

Décimo. Créase un novo artigo 26 quinquies co seguinte contido:

«Artigo 26 quinquies. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Décimo primeiro. Créase un novo artigo 26 sexies co seguinte contido:

«Artigo 26 sexies. Trámites administrativos posteriores

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Décimo segundo. A letra b) do punto 1 do artigo 27 queda redactada do seguinte modo:

«1º. Rexistro de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI).

– Todo produtor de viño e/ou mosto ou almacenista con sede social en Galicia que non figure actualmente no REOVI debe solicitar ao Fogga a súa inscrición. Igualmente, toda nova instalación deses operadores deberá inscribirse no REOVI. As solicitudes deberán realizarse como máis tarde dentro do mes seguinte ao do inicio da actividade, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

– Todo produtor de viño e/ou mosto ou almacenista con sede social en Galicia que cese definitivamente ou peche unha instalación debe comunicalo ao Fogga no período dun mes desde que se produciu o feito, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

– Toda modificación dos datos inscritos no REOVI, así como calquera erro detectado deberá ser comunicado ao Fogga como máis tarde dentro do mes seguinte de producirse a modificación ou a detección do erro, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

2º. Declaracións de viños e mostos por instalación:

– As persoas produtoras cuxa produción media de viño e mosto sexa maior ou igual a 1.000 hl e os almacenistas deberán presentar en INFOVI mensualmente unha declaración de viño e mosto por instalación como máis tarde o día 20 de cada mes.

– As persoas produtoras con produción media de viño e mosto inferior a 1.000 hl deberán presentar en INFOVI unha declaración por instalación nos meses de decembro e agosto como máis tarde o día 20 deses meses.

3º. Declaración de colleita: ata o 10 de decembro de cada ano, empregando os procedementos MR441B e MR441C da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: I a e anexo D: I b deste decreto) e/ou o procedemento MR441I da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: I c deste decreto).

4º. Declaración de provedores: do 30 de novembro ata o 10 de decembro de cada ano, empregando o procedemento MR441E da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: IV a e IV b deste decreto).

5º. Declaración de destino da produción de plantacións ilegais: ata o 10 de decembro de cada ano, empregando o procedemento MR441G da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: V deste decreto)».

Décimo terceiro. Elimínase o anexo D: I. Declaración de existencias de viño e mostos en 31 de xullo, e o seu procedemento MR441A.

Décimo cuarto. O anexo D: II a substitúese polo que figura adxunto, denominado anexo I a, Declaración de colleita de uva, co código de procedemento MR441B.

Décimo quinto. O anexo D: II b substitúese polo que figura adxunto, denominado anexo I b, Declaración de colleita de uva: referencia Sixpac das parcelas vitícolas, co código de procedemento MR441C.

Décimo sexto. Crease o anexo D: I c, Declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe, co código de procedemento MR441I.

Décimo sétimo. Crease o anexo D: II Rexistro de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI), co novo código de procedemento MR441H.

Décimo oitavo. O anexo D: III substitúese polo que figura adxunto e pasa a denominarse anexo D: III, Eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola, que mantén o código de procedemento MR441D.

Décimo noveno. O anexo D: III a substitúese polo que figura adxunto e pasa a denominarse D: IV a, Declaración de produción: provedores, que mantén o código de procedemento MR441E.

Vixésimo. O anexo D: III b pasa a denominarse D: IV b e mantén o seu contido, pero elimínase o seu procedemento, o MR441F, na sede electrónica.

Vixésimo primeiro. O anexo D: IV pasa a denominarse D: V e mantén o seu contido e número de procedemento.

Vixésimo segundo. Créase unha nova disposición adicional cuarta co seguinte contido:

«Disposición adicional cuarta. Colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe no subministro de información sobre as declaracións de colleita de uva

1. Nos casos en que as parcelas estivesen sometidas ao réxime dunha denominación de orixe, a declaración de colleita de uva prevista no artigo 27.1.b).3º deste decreto poderá efectuala directamente o consello regulador da denominación de orixe (CRDO) ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), logo de autorización da persoa viticultora declarante.

Inclúese como anexo D: VI deste decreto o modelo de autorización que outorgará a persoa viticultora ao CRDO baixo cuxo réxime se encontren as súas parcelas para que lle prepare a validación da colleita e para que o remita ao Fogga, unha vez que obteña a súa conformidade.

Nestes casos as persoas viticultoras autorizantes entregarán a súa autorización á adega ou ás adegas en que entreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir as ditas autorizacións ao CRDO correspondente, responsabilizándose desta remisión.

2. No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción mediante a autorización previa, o CRDO correspondente realizará as seguintes actuacións:

a) Recadará das adegas a información precisa de entregas de uva por parte das persoas viticultoras en relación coas parcelas acollidas ao réxime do consello regulador, co obxecto de proceder á remisión a validación da colleita.

b) Recadará das persoas viticultoras a información adicional que, de ser o caso, sexa precisa para completar a validación da colleita da persoa viticultora da cal obtivese a autorización.

c) Remitirá á persoa viticultora un borrador de validación da colleita para que esta, nun prazo máximo de dez días naturais, lle dea a súa conformidade ou desconformidade co dito borrador. Transcorrido este prazo sen contestación por parte da persoa viticultora entenderase que esta amosa a súa conformidade a que o CRDO presente a declaración de colleita ao seu nome.

O CRDO efectuará estas comunicacións e recibirá, de ser o caso, a contestación a través de correo electrónico con xustificante de recepción, sempre que así conste na autorización da persoa viticultora.

d) Subministrará ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, como data máxima o día 10 de decembro de cada ano.

e) Porá en coñecemento do Fogga a listaxe de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa DO.

f) Porá en coñecemento do Fogga calquera discrepancia ou erro detectado na información remitida relativa á declaración de colleita das persoas produtoras acollidas á súa DO, unha vez que se detecte.

3. A persoa viticultora que teña outorgada a autorización prevista no punto 1 desta disposición deberá cumprir as seguintes obrigas:

a) Colaborar co CRDO a que estea acollido para subministrar os datos da declaración de colleita das parcelas suxeitas ao seu réxime que sexan precisos para facilitar que aquel poida remitir a declaración de colleita no seu nome ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

b) Dar a súa conformidade ou desconformidade aos datos da declaración de colleita que, con carácter de borrador, lle sexan remitidos polo CRDO a que estea acollido antes de que este os remita no seu nome ao Fogga.

4. Anualmente os consellos reguladores das denominacións de orixe que vaian colaborar na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva formalizarán previamente a dita colaboración mediante un convenio de colaboración co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ambos adscritos á Consellería do Medio Rural».

Vixésimo terceiro. Créase unha nova disposición adicional quinta co seguinte contido:

«Disposición adicional quinta. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

José González Vázquez

Conselleiro do Medio Rural

Relación de anexos modificados

ANEXO D: VI

MODELO DE AUTORIZACIÓN DA PERSOA VITICULTORA

Asunto: autorización para a transmisión de información sobre a declaración de colleita

... (nome e apelidos) ... con DNI... en calidade de produtor acollido ao Consello Regulador da Denominación de Orixe de... autorizo o Consello Regulador da Denominación de Orixe de... a actuar na miña representación na remisión ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) da miña información da declaración de colleita logo da miña conformidade co documento que se achega, consonte co previsto no Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia.

Datos de interese da persoa viticultora para os efectos de comunicacións:

Correo electrónico de contacto:

Teléfono de contacto:

□ Autorizo a comunicarme co CRDO de... mediante correo electrónico para os efectos de dar a miña conformidade ou desconformidade coa validación da declaración de colleita que me remitan por este mesmo medio de comunicación.

Lugar e data

Sinatura da persoa viticultora

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

[Documento: ord_CMR------_2209A_2021_20210922]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia