lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 16 de agosto de 2021 pola que se modifican o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia.

Publicado en: DOG 156 16/08/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e modificouse a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, mediante a Orde do 5 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa vixencia se estende ata as 00.00 horas do día 21 de agosto.

Finalmente, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 modificouse a Orde do 25 de xuño de 2021, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, de acordo co indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 11 de agosto de 2021.

II

No Diario Oficial de Galicia núm. 140-bis, do venres 23 de xullo de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia.

A dita Orde do 21 de xullo de 2021 recolleu unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que foron ratificadas mediante o Auto 88/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021, para os efectos de incluír, no nivel de restricións que en cada caso correspondía, os concellos segundo a súa situación epidemiolóxica. As citadas medidas foron tamén autorizadas mediante o Auto 94/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Posteriormente, mediante a Orde do 4 de agosto acometeuse unha nova modificación do anexo da Orde do 21 de xullo coa finalidade de adaptalo á realidade da situación epidemiolóxica. Tamén se prorrogou a súa eficacia, estendéndose a súa vixencia ata as 00.00 horas do 21 de agosto. Mediante o Auto 95/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, autorizáronse as ditas medidas.

Finalmente, mediante a Orde do 11 de agosto de 2021 modificouse tamén o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021, á vista da concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos da Comunidade Autónoma, coa finalidade de incluír, no nivel de restricións que en cada caso correspondía, os concellos en que variou a situación, con base no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 11 de agosto de 2021. Mediante o Auto 96/2021, do 13 de agosto, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, autorizáronse as ditas medidas.

III

En particular, tanto na Orde do 11 de agosto de 2021 como na Orde do 13 de agosto, antes citadas, logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, e con base no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 11 de agosto de 2021, acordouse manter no nivel máximo de restrición o concello do Grove, pola súa taxa axustada de incidencia a 14 días e á espera de que a evolución da súa situación epidemiolóxica consolidase o descenso da incidencia, como se expresa na súa exposición de motivos.

Porén, á vista da evolución da incidencia desde o día 10 de agosto, día da reunión do Comité, na data da elaboración desta orde, á vista do descenso da incidencia, resulta posible que O Grove descenda ao nivel alto de restricións. Así, a súa taxa de incidencia axustada a 7 días é de 116,28 casos por cada cen mil habitantes, e a súa taxa de incidencia axustada a 14 días é de 315,12 casos por cada cen mil habitantes, segundo os datos dispoñibles do día 15 de agosto. Isto exixe a modificación do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e do anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia. En particular, polo que se refire a esta última orde, cabe destacar que a modificación non supón un aumento do nivel de restricións que afectan dereitos fundamentais.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 17 de agosto de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021 e da Orde do 21 de xullo de 2021, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que están sometidas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de excluír O Grove do nivel extremo de restricións e incluílo no nivel alto.

Segundo. Modificación do anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, no sentido de excluír O Grove do nivel extremo de restricións e incluílo no nivel alto.

Terceiro. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 17 de agosto de 2021.

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia