lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 9 de setembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 175 Bis 10/09/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño. Tamén se modificou a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O anexo II da Orde do 25 de xuño volveu ser modificado mediante as ordes do 29 de xullo e do 5 agosto de 2021, e esta última prorrogou a eficacia da primeira.

Pola súa banda, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 suspendeuse expresamente a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño e substituíuse esta obriga por unha regulación transitoria e provisional, á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos certificados anteditos. A dita autorización foi denegada mediante o Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Posteriormente, mediante a Orde do 16 de agosto de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño para adaptalo á situación derivada da evolución da pandemia. Así mesmo, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 4 de setembro. Nesta orde, á espera dunha resolución xudicial firme que se pronunciase sobre a autorización da medida da exixencia do certificado, mantíñase a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos e actualizábase a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da referida obriga, coa finalidade de adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica. Incluíanse ademais na dita orde determinadas modificacións da Orde do 25 de xuño, cuxa finalidade era adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

A continuación, mediante as ordes do 25 e do 27 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 co obxecto de reflectir nel as variacións na evolución da situación epidemiolóxica experimentadas en distintos concellos da Comunidade Autónoma.

Finalmente, mediante a Orde do 1 de setembro de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 18 de setembro. A dita orde tamén modificou o anexo II da Orde do 25 de xuño e acordou manter a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, substituíndoa por unha regulación transitoria e provisional á espera dun pronunciamento xudicial firme sobre a dita medida.

Unha vez sentado o anterior, débese destacar que a evolución favorable da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma exixe, neste momento, introducir distintas modificacións na Orde do 25 de xuño coa finalidade, por unha banda, de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación e, por outra banda, de axustar a regulación de determinadas actividades á realidade actual.

Concretamente, modifícanse as capacidades máximas establecidas para a celebración de competicións deportivas con público e actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén se amplía o número máximo de persoas que poden conformar grupos para o desenvolvemento de actividades turísticas, centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información. Por último, retómase nos concellos de nivel máximo e alto de restricións a actividade nos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e centros de natureza análoga e increméntanse as capacidades máximas permitidas.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 8 de setembro de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

No que atinxe á situación epidemiolóxica de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 67 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 122. Isto supón un aumento en 18 concellos a 14 días e en 40 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 49 e 82, a 14 e a 7 días.

Entre o 24 e o 30 de agosto, realizáronse 52.635 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (34.309 PCR e 18.326 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 6,99 %, o que supón un descenso do 18 % respecto de entre o 17 e o 23 de agosto, que era do 8,6 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 67 e 182 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 115 e 260 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 42 % a 7 días e do 30 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, catro tramos: primeiro, crecente a un ritmo do 0,6 % ata o 1 de marzo e, despois, decrecente, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de 2,2 %; séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 10,6 % e o 21 de xullo detéctase outro cambio en sentido decrecente, cunha PCD do 4,1 %.

En canto á evolución por grupos de idade, que se corresponden con aqueles cos que se fai un seguimento de vacinación, obsérvase que a incidencia acumulada por grupos de idade está a descender en todos os grupos máis novos. Nos grupos maiores de 40 anos obsérvase un descenso máis lento ou certa estabilización.

Segundo o modelo vectorial autorregresivo, espérase un descenso a 7 e 14 días. Non obstante, os intervalos de confianza a 7 días volveron ampliarse.

Respecto da situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 85,78 casos por cada cen mil habitantes de Pontevedra e os 301,27 de Lugo. Todas as áreas sanitarias descenderon a súa incidencia tanto a 7 como a 14 días. As áreas sanitarias de Ferrol, Pontevedra e Vigo presentan taxas de incidencia acumulada a 7 días por debaixo dos 50 casos por cada cen mil habitantes. Pola súa banda, as taxas de incidencia acumulada a 14 días están por debaixo dos 100 casos por cada cen mil habitantes na Área de Pontevedra e, agás Santiago e Lugo, o resto das áreas sanitarias presentan taxas por debaixo dos 200 casos por cada cen mil habitantes. No que atinxe á evolución da incidencia por grupos de idade e por áreas sanitarias, saliéntase que na Área Sanitaria de Santiago se observa un lixeiro aumento nos grupos de 80 e máis anos. Na Área de Lugo aumenta lixeiramente o grupo de 80 e máis anos e estabilízase o de 50 a 79 anos. Na Área de Ourense parece que se estabiliza o aumento da incidencia no de 0 a 14 anos e no de 30 a 49 anos.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 137,7, o que significa un descenso do 28,8 % con respecto aos datos de hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,1 ingresados por cen mil habitantes, cun descenso, tamén, do 28,8 % a respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 45,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,7 ingresados por cen mil habitantes, o que supón un descenso do 11,7 % respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa. O grupo de idade de 15 a 64 anos é o que presenta máis ingresos, pero os grupos de idades máis maiores, especialmente os de 80 e máis anos, teñen un número de ingresos importante, o que se explica porque ante incidencias elevadas, como as que estamos a ter, este grupo de idade ten risco de enfermar de gravidade, a pesar da vacinación, xa que a vacina non evita que aconteza e os maiores teñen máis probabilidade de non desenvolver anticorpos de xeito igualmente eficiente que os máis novos, debido á senescencia do seu sistema inmune.

As defuncións acumuladas por COVID-19 comezaron a diminuír, xa que con respecto ao informe do día 1 de setembro o número de falecementos acumulados a 28 días é de 89, fronte aos 92 do dito informe. Non obstante, a 7 días hai unha defunción máis que o día 1 de setembro. Nos últimos 14 días hai 9 defuncións menos que no informe do 23 de agosto, aínda que a 28 días hai dúas máis.

No que respecta á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 2 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 3 do informe anterior, ningún supera os 500 casos por 100.000 habitantes. No que se refire aos concellos de menos de dez mil habitantes (259), 41 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte ao 68 de hai unha semana. Deles, 15 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes, mais hai que ter en conta que 8 deles teñen unha poboación menor de 2.500 habitantes e só hai un concello que supere os 5.000 habitantes. No que atinxe ás comarcas, están no nivel máximo as de Terra de Trives, A Ulloa, Terra de Lemos e Terra de Melide. Están no nivel alto as de Viana, A Terra Chá, Quiroga, Chantada, Ordes, Muros e Arzúa.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 34/2021 (do 23 ao 29 de agosto) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 0,0 % (IC95 %: 0,0-0,5 %) e para a variante Delta foi do 99 % (IC95 %: 98- 100 %). Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cadansúa área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 98 % (IC95 %: 97-99 %) e 0,0 % (IC95 %: 0,0-0,5 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente. Ata a semana 34, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 958 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 667 casos da variante Delta (B.1.617.2 ou India); 43 casos da variante Beta (B.1.351 ou Surafricana) e 86 casos da variante Gamma (P1 ou Brasileira). Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou Nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 51 mostras con variante Mu (B.1.621-Colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa o descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do 4,1 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1, o mesmo que en todas as áreas sanitarias. Destácase que a información do modelo de predición indica que a incidencia vai diminuír tanto a 7 como a 14 días. A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 182 casos por cen mil habitantes. En todas as áreas sanitarias diminúe a súa incidencia, tanto a 7 como a 14 días. Hai 5 áreas sanitarias cunha incidencia a 14 días menor de 200 casos por cen mil habitantes.

En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase un descenso na incidencia nos grupos máis novos, logo do repuntamento que se deu nalgunhas áreas a partir do 15 de agosto. No que atinxe aos concellos de máis de dez mil habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 2 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de dez mil hai 41 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes. Isto supón un descenso importante respecto de hai unha semana, en que era de 68.

Neste momento, a variante Delta (India) xa é a circulante, xa que a variante Alfa ten unha prevalencia do 0 %. Posto que a variante Delta ten unha maior transmisibilidade foi o que explicou, entre outros posibles motivos, a alta incidencia, especialmente nos máis novos, que son os que teñen unha maior mobilidade.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira, establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo. Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade. Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para o axuste, calculouse un factor de corrección, que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade que no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación, en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes deste que poden ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible que a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase que descendan ao nivel alto os concellos de Melide e Monforte de Lemos, xa que ambos os concellos presentan unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica cun descenso marcado de casos na última semana e con taxas axustadas a 7 días propias deste nivel.

Mantéñense no nivel alto de restricións, aínda que as súas taxas a 7 e/ou 14 días son propias do nivel máximo, os concellos de Curtis e A Pobra de Trives. Nestes dous concellos a incidencia está descendendo. No caso de Curtis, a súa taxa a 7 días é propia do nivel alto e o descenso na súa incidencia foi do 50 % na última semana. Na Pobra de Trives, a súa incidencia está relacionada cun gromo de orixe controlada e, aínda que se observou un aumento dos casos despois dun cribado, no día de hoxe a incidencia xa está a descender.

Tamén se mantén no nivel alto de restricións o concello de Viana do Bolo, tal e como indican as súas taxas axustadas a 7 e 14 días. Non obstante, neste concello, onde se está a desenvolver un gromo de orixe controlada, está a mellorar a súa situación epidemiolóxica, pero non o suficiente como para poder descendelo a un nivel de restrición inferior.

Descenden ao nivel medio de restricións, desde o nivel alto actual os concellos de Agolada, Arzúa, O Pino, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, xa que, a pesar de que as súas taxas a 14 días son propias do nivel máximo, as taxas axustadas a 7 días xa se reduciron nesta última semana. En todos eles a incidencia descendeu entre o 40 e o 50 %.Saliéntase tamén que o aumento da incidencia experimentado nestes concellos estaba asociado ás festas acontecidas en Melide, polo que os gromos que neles se estaban a desenvolver xa están en remisión. Indícase tamén que, posto que son concellos non moi grandes, poucos casos aumentan a súa incidencia rapidamente e, igualmente, descenden máis lentamente que en concellos con poboacións máis grandes.

Mantéñense no nivel medio os concellos de Muros e Taboada, xa que, aínda que as súas taxas a 7 e a 14 días son propias do nivel alto, a evolución da situación epidemiolóxica destes concellos é favorable. No concello de Muros está descendendo a evolución da incidencia nos últimos 7 días e o concello de Taboada ten menos de 3.000 habitantes, polo que poucos casos aumentan a súa incidencia. Por estes motivos considérase que estes dous concellos poden manterse neste nivel medio e non ascender ao alto.

Mantéñense no nivel medio de restricións os concellos de Santa Comba, Lugo e Nigrán, tal e como indican as súas taxas a 7 e 14 días. Igualmente, permanece no nivel medio o concello de Arteixo, pola súa taxa a 14 días, xa que se considera que é preciso asegurar que a evolución do descenso da incidencia a 7 días se estabilice.

Descenden ao nivel medio de restricións os concellos de Ordes e Muxía.

Polo que respecta a Ordes, destácase que, a pesar de que a súa taxa a 14 días é propia do nivel alto, a súa taxa a 7 días xa é de nivel medio e a evolución da súa situación epidemiolóxica é moi favorable cun descenso acusado de casos a 7 días. Muxía, pola súa banda, presenta unha taxa de incidencia acumulada a 7 día propia do nivel medio-baixo, aínda que a súa taxa a 14 días é propia do nivel alto; non obstante, considérase que a evolución da súa situación epidemiolóxica ten que estabilizarse antes de baixalo ao nivel que indica a súa taxa a 7 días, xa que o aumento da incidencia neste concello se debeu a gromos relacionados co ocio.

Tamén descende ao nivel medio de restricións o concello de Castro de Rei, aínda que as súas taxas a 7 e a 14 días son propias do nivel alto, xa que os casos deste concello, asociados a un gromo, xa están a descender a 7 días, polo que se considera que este abrocho está en remisión e, polo tanto, pode manterse neste nivel.

Ascende, desde o nivel medio-baixo actual, ao nivel medio de restricións o concello de Sarria, tal e como indica a súa taxa a 7 días. Neste concello, aínda non están todos os casos vinculados epidemioloxicamente, polo que se considera que debería ascender a este nivel.

O resto de concellos de Galicia inclúese no nivel medio-baixo de restricións.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 3.21 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

1. As competicións deportivas celebradas en instalacións cunha capacidade máxima permitida superior a 1.500 persoas poderán desenvolverse nos concellos da letra A do anexo II sen superar o 20 % da súa capacidade máxima, cando se trate de recintos pechados, e do 40 % cando se trate de recintos ao aire libre, sempre que o público asistente permaneza sentado e garantindo 1,5 metros de separación entre grupos de persoas non conviventes. Nos concellos das letras B, C e D do anexo II, as competicións deportivas celebradas en instalacións cunha capacidade máxima permitida superior a 1.500 persoas poderán desenvolverse sen superar o 40 % da súa capacidade máxima, cando se trate de recintos pechados, e do 60 % cando se trate de recintos ao aire libre, sempre que o público asistente permaneza sentado e garantindo 1,5 metros de separación entre grupos de persoas non conviventes.

As competicións deportivas celebradas en instalacións cunha capacidade máxima permitida igual ou inferior a 1.500 persoas poderán desenvolverse nos concellos da letra A do anexo II sen superar o 50 % da súa capacidade máxima, sempre que o público asistente permaneza sentado, garantindo 1,5 metros de separación entre grupos de persoas non conviventes e cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre. Nos concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II, as ditas competencións poderán desenvolverse sen superar o 75 % da capacidade permitida, sempre que o público asistente permaneza sentado, garantindo 1,5 metros de separación entre grupos de persoas non conviventes e cun límite máximo de cincocentas persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre.

2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse, sen superar o cincuenta por cento da capacidade permitida nos concellos da letra A do anexo II, sempre que o público asistente permaneza sentado. Nos concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II, estas actividades poderán desenvolverse sen superar o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, sempre que o público asistente permaneza sentado.

En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

3. Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

4. Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento, que deberá ser custodiado durante o mes seguinte, coa información de contacto, dispoñible para as autoridades sanitarias, e cumprir coas normas de protección de datos de carácter persoal.

5. No referente á celebración dos espectáculos musicais/artísticos ao aire libre, aqueles organizados con público de pé unicamente poderán desenvolverse nos concellos enumerados na letra D do anexo II sen superar o 33 % da superficie útil do recinto, de xeito que cada persoa dispoña de tres metros cadrados, cun límite máximo de asistentes de 2.000 persoas.

Aqueles espectáculos musicais organizados con público sentado poderán desenvolverse, sen superar o cincuenta por cento da capacidade permitida e cun límite máximo de 2.500 persoas nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II. Nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II, estas actividades poderán desenvolverse sen superar o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, cun límite máximo de 5.000 persoas.

No relativo ás medidas preventivas e de seguridade destes espectáculos musicais ao aire libre con público sentado ou de pé serán de aplicación, así mesmo, as indicadas nos protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre ».

Dous. Modifícase o punto 3.24 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.24. Especificidades para determinadas actividades turísticas, centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información.

1. Poderán realizarse actividades de turismo ao aire libre, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico para grupos de ata un máximo de trinta persoas máis o monitor, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

2. Nos centros de interpretación e visitantes, nas aulas da natureza, nas casetas e nos puntos de información da Rede galega de espazos protexidos e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de dez persoas nas actividades grupais no interior ou de trinta persoas nas actividades no exterior, sexan ou non conviventes. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Tres. Modifícase o punto 4.4 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4.4. Os centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga poderán realizar a súa actividade cunha capacidade do 50 % en concellos enumerados nas letras A e B, e do 75 % en concellos enumerados nas letras C e D do anexo II, e sempre que se extremen as medidas de protección nas actividades de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de seis persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, para as actividades grupais. En todo caso, será obrigatorio o uso da máscara tanto en actividades individuais como grupais.

Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior».

Catro. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Segundo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 11 de setembro de 2021.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 11 e 12 de setembro que xa estivesen concertados antes do día 10 de setembro, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da elevación do nivel de restrición, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

...

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Curtis

Melide

Monforte de Lemos

Pobra de Trives (A)

Viana do Bolo

C) Concellos con nivel de restrición media:

Agolada

Antas de Ulla

Arteixo

Arzúa

Castro de Rei

Lugo

Monterroso

Muros

Muxía

Nigrán

Ordes

Palas de Rei

Pino (O)

Santa Comba

Sarria

Taboada

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Abegondo

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Boimorto

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Gondomar

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laza

Laxe

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz

Mondariz-Balneario

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne

Paderne de Allariz

Padrenda

Padrón

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Piñor

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Ponteceso

Pontecesures

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

San Sadurniño

Santiago de Compostela

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sarreaus

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Valadouro (O)

Val do Dubra

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia