lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 14/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia d e xénero.

Publicado en: DOG 143 28/07/2021

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

Defínese a violencia vicaria como aquela violencia que se exerce sobre a muller co fin de lle causar o maior e máis grave dano psicolóxico a través de terceiras ou interpositas personas e que acada o seu grao máis elevado de crueldade co homicidio ou asasinato desas persoas (fillos e fillas, nai, pai, parella actual etc.).

Cada vez hai máis estudos, informes e xurisprudencia nos tribunais que, en aplicación do establecido no artigo 49.2 do Convenio de Istambul, aplicando en consecuencia a perspectiva de xénero, recoñecen e se pronuncian ao respecto destes casos como unha manifestación máis de violencia de xénero, pois os estudos están a demostrar que a única finalidade de tales actos é causar o maior sufrimento psicolóxico e na saúde da muller que sofre este tipo de violencia vicaria, de forma que recoñecer o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa intención de lle causar o máximo dano e padecemento, supón afianzar o estatuto de protección integral de vítima de violencia de xénero.

Esta é a razón pola que na medida 139 do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero se acordou «facer extensivos os apoios psicosociais e dereitos laborais, as prestacións da Seguridade Social, así como os dereitos económicos recollidos na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a quen padecese violencia vicaria ou violencia por interposita persona».

Por todo isto, faise aconsellable a modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para recoñecer como vítimas de violencia de xénero aquelas mulleres que teñen ou tiveron que padecer o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller ou de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia, ampliando, en consecuencia, o concepto de violencia de xénero no artigo 1 da lei, así como recoñecendo explicitamente este tipo de violencia como unha forma de violencia de xénero, recolléndoa como tal no artigo 3 da lei.

Así mesmo, co fin de outorgar o estatuto de vítima de violencia de xénero ás mulleres que no pasado sufriron a violencia vicaria que nesta lei se define, daráselle carácter retroactivo á lei para que todas elas sexan recoñecidas como vítimas de violencia de xénero e se lles outorgue a protección que ese estatuto lles ofrece, e que non foi outorgado no seu momento por falta de aplicación da perspectiva de xénero nos procedementos levados a cabo e por non entender a violencia vicaria como unha manifestación da violencia de xénero.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo único. Modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo parágrafo a continuación do artigo 1.2 co seguinte contido:

«Inclúese dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de lle causar maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia».

Dous. A letra g) do artigo 3 queda redactada da seguinte maneira:

«g) O homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de lle causar maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia».

Tres. A actual letra g) pasa a ser a letra h) do artigo 3.

Catro. A letra b) do artigo 5 queda redactada da seguinte maneira:

«b) Sentenza condenatoria na orde penal por homicidio ou asasinato das fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia ou calquera outro documento que acredite a violencia vicaria; así como as demais sentenzas de calquera orde xurisdicional que declaren que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei».

Disposición adicional única. Retroactividade

O recoñecemento de vítima de violencia de xénero por violencia vicaria terá efectos retroactivos, polo que se recoñecerán os dereitos que regula esta lei a situacións ocorridas con anterioridade á aprobación da modificación desta.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia e mais o órgano competente en materia de igualdade para ditaren as disposicións regulamentarias e as instrucións necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia