lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 10 de xuño de 2021 pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 28 de maio de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 109 Bis 10/06/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 12 de xuño de 2021 ata as 00.00 horas do 26 de xuño de 2021. Non obstante, a opción de ampliación de horario ata as 1.00 horas prevista no ordinal quinto do punto segundo terá efectos desde as 23.00 horas do día 11 de xuño de 2021.
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 110-Bis, do 11 de xuño de 2021.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que se sigan adoptando por parte das autoridades sanitarias autonómicas determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

II

No Diario Oficial de Galicia núm. 99 bis, do venres 28 maio de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e a Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

A adopción das medidas recollidas nestas ordes veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica nas respectivas exposicións de motivos. A eficacia das dúas ordes estendíase ata as 00.00 horas do 12 de xuño e establecíase expresamente no seu punto sétimo que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nas citadas ordes serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Debe salientarse que a recente sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, do 24 de maio, estableceu como doutrina que a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que tales medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente. Así mesmo, aclaraba que as que deben ser obxecto de ratificación son as que non están xa previstas, sexa pola lexislación sanitaria sexa pola de policía administrativa ou pola correspondente a outras materias. É o caso, entre outras, das disposicións relativas a horarios e capacidades en establecementos públicos, ás actividades educativas, das que miran por preservar os espazos públicos e por impedir que neles se consuma alcol, das que teñen por obxecto evitar a contaminación acústica ou doutra natureza e, en xeral, das dirixidas a manter a convivencia.

En vista do pronunciamento do Tribunal Supremo e para os efectos dunha mellor operatividade na tramitación das medidas, optouse por distinguir entre aquelas que precisaban da correspondente autorización xudicial previa e aquelas que non e aprobáronse dúas ordes diferenciadas.

Por un lado, a Orde do 26 de maio de 2021 recollía unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que poden clasificarse en dous grupos: por unha banda, as que afectan aqueles concellos que se atopan en situación de risco máximo e que inclúen o peche perimetral dos seus ámbitos territoriais, as limitacións de grupos de persoas a conviventes e o chamado toque de recollida e, por outra banda, as medidas menos restritivas que limitaban os grupos de persoas e que se aplicaban no resto dos concellos da Comunidade Autónoma. Cómpre salientar neste momento que, en cumprimento do disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, as medidas recollidas na Orde do 26 de maio foron ratificadas mediante o Auto 70/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por outro lado, na Orde do 28 de maio de 2021 recollíase un amplo catálogo de medidas específicas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da pandemia fai que sexa necesario prorrogar a Orde do 28 de maio de 2021, así como que se modifiquen determinados aspectos concretos do seu contido coa finalidade de adaptalos á situación actual; porén, a mellora experimentada permite que non se adopten neste momento novas medidas limitativas de dereitos fundamentais e rematar a eficacia das vixentes ás 00.00 horas do día 12 de xuño. A modificación das medidas específicas contidas na Orde do 28 de maio de 2021 enmárcase, por tanto, no seguimento e na avaliación continua de que son obxecto e ten como finalidade adaptalas á realidade actual e á desaparición das limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos e privados.

Finalmente, debe indicarse que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde terán unha duración determinada, tal e como se establece no punto terceiro da orde. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

Unha vez sentado o anterior, de conformidade co exposto, debe salientarse que a adopción das medidas recollidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de xuño de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. As áreas da Coruña e Ourense superaron o 1.

Do total de concellos de Galicia, 152 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 204. Isto supón un aumento en 10 concellos a 14 días e en 16 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 142 e 185, a 14 e 7 días.

Entre o 28 de maio e o 6 de xuño realizáronse 45.810 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (32.111 PCR e 16.699 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2 %, practicamente a mesma porcentaxe que entre o 21 e o 27 de maio, que era do 2,02 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 21 e 50 casos por cen mil habitantes, respectivamente; valores inferiores aos observados hai unha semana en que eran de 28 e 67 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 33,3 % a 7 días e do 34 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, catro tramos, dous deles con tendencia oposta, o primeiro crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 27 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6 %, séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 0,8 %, e o 7 de maio detéctase outro cambio en sentido decrecente cunha PCD do -2,8 % .

En canto á situación das áreas sanitarias, destácase que as taxas a 14 días das áreas están entre os 43,11 casos por 100.000 habitantes da Coruña e os 60,05 de Vigo. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír respecto de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 40 casos por 100.000 habitantes. As áreas sanitarias da Coruña e Ourense aumentaron as súas taxas a 7 días, e a de Ferrol a 14 días, desde hai unha semana.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 74,6, o que significa un descenso do -12,6 % respecto de hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 2,8 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -12,6 % respecto de hai 7 días. Pola súa banda, nos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días a media foi de 14,4 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,5 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -40,9 % respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Nos concellos da Comunidade Autónoma con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, fronte aos dous do informe anterior, e sen superar os 500 casos por 100.000 habitantes; mentres que nos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), sete presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, os mesmos que hai unha semana e un máis ca no informe do 6 de xuño. Ningún deles presenta taxas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por 100.000 habitantes. No que atinxe ás comarcas, só a da Mariña Occidental se atopa no nivel medio.

O informe conclúe que a taxa de incidencia segue a diminuír tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao descenso cunha porcentaxe de cambio diario do -2,8 % a partir do 7 de maio. O Rt no global de Galicia segue por debaixo de 1; no entanto, a información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría lixeiramente a 7 e tería unha certa estabilización a 14 días. Como os intervalos de confianza seguen a ser amplos, o que se pode derivar da baixa incidencia actual, esta hai que tomala con cautela.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 50 casos por cen mil habitantes. Neste momento ningunha área sanitaria supera os 100 casos por cen mil habitantes. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, soamente o concello de Mos presenta taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai sete concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, mais ningún deles presenta unha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

O feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a británica pode influír nun posible aumento da transmisión, ao cal se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Suráfrica, e agora tamén a da India. Non obstante, a súa vixilancia permite estar atentos a cambios na variante que circula maioritariamente en Galicia e, por tanto, a posibles aumentos da incidencia asociados a esta.

Cómpre tamén indicar que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada cen mil habitantes tanto a 14 días como a 7 días, esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto. Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico analizarán as características específicas de cada gromo. Neste sentido préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase que o concello de Mos descenda desde o nivel alto ao nivel medio de restricións xa que, aínda que a súa taxa de incidencia acumulada a 14 días é a propia do nivel alto de restricións, atópase moi preto á do nivel medio, e a taxa a 7 días é propia do nivel medio baixo. Ademais, este concello diminuíu a súa incidencia entre os días 3 e 7 de xuño nun 61 % a 14 días e nun 220 % a 7 días e estas taxas pasaron de 418,2 a 258,9 casos por 100.000 habitantes a 14 días, e de 106,2 a 33,2 casos por 100.000 habitantes a 7 días, polo que o previsible é que, cando entren en vigor estas medidas, o concello xa se atope en nivel medio.

Mantéñense no nivel medio de restrición os concellos de Xove, segundo indica a súa taxa a 14 días, e Oroso, aínda que a súa taxa de incidencia a 14 días indica un nivel alto, xa que esta está próxima á de nivel medio. Ademais, os casos deste concello están asociados a abrochos de orixe coñecida e controlada, polo que se considera que este nivel medio de restrición é suficiente para o control da súa situación epidemiolóxica.

Descende do nivel alto ao nivel medio de restrición o concello de Viveiro, tal como indica a súa taxa a 14 días. Ademais, a evolución da súa situación epidemiolóxica, desde que entrou no nivel alto de restrición, mellorou claramente como amosa o descenso da súa taxa de incidencia a 7 días que, neste momento, é de nivel medio baixo.

Ascendería do nivel medio baixo actual ao nivel medio de restrición o concello de Soutomaior, a pesar de que a súa taxa a 7 días indica un nivel alto, xa que os casos existentes están asociados a abrochos de orixe coñecida e os casos que están a aparecer danse entre os contactos estreitos identificados, polo que se considera suficiente, polo de agora, este nivel medio para o control da súa situación epidemiolóxica.

O resto de concellos de Galicia atópase no nivel medio-baixo de restricións con base nos criterios reflectidos anteriormente.

Así mesmo, modificase a Orde do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, suprimindo o seu punto sétimo bis cuxo contido pasa a estar recollido directamente na Orde do 28 de maio de 2021, debidamente adaptado á situación actual.

IV

As medidas contidas nesta orde resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, por tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen.

Tamén resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e de reducir o risco de contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e das actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data.

Deste xeito, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, por tanto, a transmisión da enfermidade en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Nese sentido, a presente orde establece unha serie de medidas específicas que teñen por obxecto a regulación de distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Para lograr ese fin resulta imprescindible evitar as aglomeracións, garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade e reducir o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas. As evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación pero con redución xeneralizada da mobilidade, o que apoia a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se produce nun contexto social, a consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de lentificar a velocidade de transmisión.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Cómpre indicar tamén que as medidas recollidas nesta orde sobre o uso da máscara e as limitacións de capacidade atopan así mesmo o seu fundamento no disposto na Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. A prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coas modificacións que a seguir se indican

E atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de xuño de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. A modificación da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Engádese un novo punto terceiro bis na Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«Terceiro.bis. Recomendacións relativas á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. No territorio dos concellos indicados nas letras B, C e D do anexo II recoméndase que os grupos non superen as seis persoas coma máximo en espazos pechados e as quince persoas coma máximo en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.

2. Así mesmo, nestes mesmos concellos recoméndase que, entre a 1.00 e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados coma abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado se limite aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Dous. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.8 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.8. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, a capacidade virá determinada polo número de postos autorizados do xeito seguinte:

a) Nos mercados con menos de 250 postos autorizados, poderán dispor do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

b) Nos mercados que teñan máis de 250 postos autorizados, poderán dispor do 75 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, e prestarán especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e dos protocolos aplicables nestes contornos.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre os postos e as condicións de delimitación do mercado co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes ou, na súa falta, será precisa a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde».

Tres. Modifícase o punto 3.10 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.10. Hoteis, albergues, aloxamentos turísticos.

1. Os hoteis, albergues e establecementos turísticos permanecerán abertos sen prexuízo das limitacións vixentes de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, que deberán respectarse en todo caso. Os clientes procedentes dalgún dos ámbitos territoriais aos cales se lles apliquen as devanditas limitacións soamente poderán terse desprazado aos establecementos situados fóra dese ámbito territorial polos motivos xustificados establecidos na normativa vixente.

2. Os albergues poderán manter a ocupación máxima das prazas dos espazos de aloxamento de uso compartido sempre que os peregrinos realicen o Camiño en todas as súas etapas no territorio galego nun mesmo grupo «burbulla» ou de convivencia estable. Para estes efectos, fomentarase a constitución destes grupos de convivencia estable para a realización do Camiño e o aloxamento compartido na rede pública e privada de albergues de Galicia. Para a acreditación da constitución dos grupos de convivencia estable para o aloxamento compartido admitirase a declaración responsable por parte dos membros do grupo, sen que unha vez feita poidan admitirse novos membros.

Cando o aloxamento compartido non sexa dun grupo de convivencia estable, a ocupación máxima das prazas nos espazos de aloxamento compartido será do 30 %.

3. A ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso, cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

4. Poderán facilitar servizos de hostalaría e restauración para os clientes aloxados nestes establecementos. Para o resto de clientes resultará de aplicación o disposto no punto 3.22.

5. No caso de instalacións deportivas de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, rexeranse polas regras aplicables a este tipo de instalacións en función da incidencia acumulada do respectivo concello, de conformidade co previsto no punto 3.15».

Catro. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.15 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada só se poderá realizar ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde.

b) Nos concellos enumerados nas letras B e C do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, recoméndase que os grupos non superen as quince persoas como máximo de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e nos centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 30 %.

c) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, recoméndase que os grupos non superen as quince persoas como máximo de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

No caso da práctica da actividade física e deportiva non federada nas instalacións e nos centros deportivos pechados, poderase realizar en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas cunha ocupación máxima do 50 %».

Cinco. Modifícase o punto 3.22 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por cento (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, a ocupación máxima será de 15 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de 6 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co setenta e cinco por cento (75 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 50 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de 6 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

2. Para poder utilizar a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas, os establecementos de hostalaría e restauración deberán usar dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

A localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación. Non se situarán preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación.

No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

Tanto nos casos de ventilación natural coma nos de mecánica ou mixta non se deberán superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2, e será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere a cifra indicada.

Naqueles supostos en que, por non se utilizar a opción de ampliar o horario ata a 1.00 horas, non sexa requisito necesario o uso dos dispositivos medidores de CO2, recoméndase a súa utilización na prestación de servizos de hostalaría e restauración, nas condicións establecidas na presente orde. Esta recomendación entenderase sen prexuízo de que en ulteriores actualizacións da orde se poida establecer o uso destes medidores como requisito, no marco das condicións que se establezan.

3. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse as medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

4. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa ou nas agrupacións de mesas e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de 6 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde, estes establecementos de restauración deberán limitar a súa actividade, nas condicións establecidas no número anterior, aos traballadores destes ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes. Nos concellos enumerados na letra A do anexo II, as persoas da mesa deberán ser todas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas nos parágrafos precedentes.

Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica».

Seis. Modifícase o punto 3.25 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.25. Centros de lecer infantil.

1. Os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade nas condicións que a seguir se establecen:

2. Enténdense por centros de lecer infantil os establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, os espazos de xogo e entretemento, así como á celebración de festas infantís.

Para tal efecto, cumprirán o protocolo aprobado pola Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, coas especialidades que a seguir se establecen:

a) Nos concellos indicados nas letras A e B do anexo II non se poderán desenvolver actividades no interior dos centros de lecer. Aqueles establecementos que dispoñan de terraza ou xardín exterior poderán utilizala para actividades dirixidas e obradoiros, cunha capacidade máxima do 30 %, e en grupos dun máximo de quince nenos/nenas por grupo.

Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

b) Nos concellos indicados na letra C do anexo II, os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade máxima do 30 % e en grupos dun máximo de quince nenos/nenas por grupo no exterior e de seis no interior.

Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

Só se poderán realizar actividades dirixidas e obradoiros, e só se permitirá o uso de inchables no exterior.

c) Nos concellos indicados na letra D do anexo II, os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade máxima do 50 % e unha ratio dun monitor por cada dez participantes.

Os grupos serán de quince nenos/nenas nas actividades no exterior e de seis no interior.Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos».

Sete. Modifícase o punto 3.26 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.26. Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil sempre que se limite o número de participantes ao setenta por cento da capacidade máxima, cun máximo de cento vinte e cinco participantes, excluído o persoal monitor, cando estas actividades se leven a cabo ao aire libre.

2. Cando se realicen unicamente en espazos pechados, non se deberá superar o setenta por cento da capacidade máxima do recinto e cun máximo de cincuenta participantes, excluído o persoal monitor.

3. As actividades poderán realizarse en ambos os supostos en grupos de ata dez participantes, excluído o persoal monitor correspondente, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos. Cada grupo terá asignado, cando menos, un monitor, que se relacionará sempre co seu mesmo grupo. Así mesmo, primaranse as actividades que non requiran contacto físico e non se poderán realizar actividades que impliquen contacto físico constante entre participantes.

4. Os albergues e campamentos xuvenís poderán manter unha ocupación de ata o 70 % da súa capacidade máxima, sempre que se respecte a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros nas instalacións e na ocupación das habitacións, así como o resto de medidas de hixiene e prevención en vigor.

No caso dos campamentos, a ocupación nas tendas de campaña será do 50 % da súa capacidade máxima habitual, garantindo sempre a distancia interpersoal».

Oito. Modifícase o punto 3.27 do anexo I da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.27. Uso das praias.

1. O concello respectivo deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de, polo menos, catro metros cadrados.

2. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía das piscinas e praias levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Así mesmo, recoméndase que os grupos non superen as quince persoas, excepto no caso de persoas conviventes.

3. Exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso da máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias».

Nove. Modifícase o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Suprímese o punto sétimo bis da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 12 de xuño de 2021 ata as 00.00 horas do 26 de xuño de 2021. Non obstante, a opción de ampliación de horario ata as 1.00 horas prevista no ordinal quinto do punto segundo terá efectos desde as 23.00 horas do día 11 de xuño de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Corrección de erros. Artigo cuarto redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 110-Bis, do 11 de xuño de 2021.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

.......

B) Concellos con nivel de restrición alta.

........

C) Concellos con nivel de restrición media.

Mos

Oroso

Soutomaior

Viveiro

Xove

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Xermade

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia