lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se modifican o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 102 Bis 02/06/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

O previsto nesta orde terá efectos desde as 00.00 horas do día 5 de xuño.

I

No Diario Oficial de Galicia núm. 99-bis, do venres 28 maio de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e a Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas ordes ditáronse consonte o disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, en que se establece que as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Tamén establece que a persoa titular da consellería competente na dita materia, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

A adopción das medidas recollidas nas ordes do 26 e do 28 de maio de 2021 veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica nas respectivas exposicións de motivos.

Para facer fronte a esta, a dita Orde do 26 de maio de 2021 recolle unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que poden clasificarse en dous grupos: por unha banda, as que afectan aqueles concellos que se atopan en situación de risco máximo e que inclúen o peche perimetral dos seus ámbitos territoriais, as limitacións de grupos de persoas a conviventes e o chamado toque de recollida e, por outra banda, as medidas menos restritivas que limitativas dos grupos de persoas, que se aplican no resto dos concellos da Comunidade Autónoma. Cómpre salientar neste momento que, en cumprimento do disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosoadministrativa, as medidas recollidas na Orde do 26 de maio foron ratificadas mediante o Auto 70/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Pola súa parte, na Orde do 28 de maio de 2021 recóllese un amplo catálogo de medidas específicas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A necesidade e proporcionalidade das medidas adoptadas xustifícase tamén na exposición de motivos da devandita orde, á cal nos remitimos.

Cómpre indicar, por outra banda, que o número 3 do punto sétimo da Orde do 26 de maio de 2021 e o número 2 do punto sétimo da Orde do 28 de maio de 2021 dispoñen que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nas citadas ordes serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. Polo tanto, as ordes do 26 e do 28 de maio de 2020 prevén expresamente a posibilidade de acometer a súa modificación coa finalidade de adaptalas á realidade da evolución da pandemia.

Nesta liña, débese salientar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas nas ditas ordes, aínda que a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou e se fixo necesario acometer unha modificación daquelas coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación, atendendo aos datos recollidos no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 2 de xuño de 2021, do que pode destacarse o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica unha diminución da transmisión da infección. A área de Ferrol supera o 1 e Ourense aproxímase.

Do total de concellos de Galicia (N= 313), 142 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 185. Isto supón un aumento en 3 a 14 días e de 5 a 7 días, desde hai 7 días, que era de 139 e 180, a 14 e 7 días. A respecto de onte, diminuíron en 5, tanto a 7 como a 14 días.

Entre o 21 e o 27 de maio realizáronse 54.386 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (40.562 PCR e 13.824 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,06, cun descenso de 3,5 puntos porcentuais a respecto de entre o 14 e 20 de maio, que era do 2,45 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 28 e 67 casos por cen mil habitantes, valores que son un 39,3 e 11,9 inferiores a 7 e 14 días, a respecto de hai unha semana, cando era de 39 e 75 casos por cen mil habitantes.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, catro tramos, con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 22 de xaneiro, logo unha decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6 %, unha nova crecente pero de baixo ritmo (PCD: 0,8 %) e, finalmente, o 5 de maio detecta outro cambio en sentido decrecente cunha PCD do -2,4 %, o que se corresponde co descenso de casos observados en maio.

Segundo este modelo, espérase un lixeiro aumento a 7 días e certa estabilización a 14 días. Con todo, os datos do modelo hai que tomalos con precaución debido á amplitude dos intervalos de confianza, especialmente cando a incidencia é baixa, como neste momento, xa que o modelo pode non axustarse perfectamente á evolución da onda.

Respecto da situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 42,59 casos por cen mil habitantes de Ferrol e os 97,10 de Vigo.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por cen mil habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 50 casos por cen mil habitantes. A área de Santiago de Compostela aumenta a súa incidencia a 7 días, e as de Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo a 14 días.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 85,3, o que significa un descenso do -13,1 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 3,2 ingresados por cen mil habitantes, cun descenso, tamén, do -13,1 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 24,4 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,9 ingresados por cen mil habitantes, o que supón un descenso do -11,9 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto da situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 2 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte a un do informe de hai unha semana e os mesmos que no informe de onte. Un concello, o de Mos, presenta unha incidencia por riba do 500 casos por cen mil habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 7 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 3 máis que hai unha semana. Ningún destes concellos presenta taxas iguais ou superiores aos 500 casos por 100.000 habitantes.

No que atinxe ás comarcas, a da Mariña Occidental está nun nivel alto e a da Barbanza no medio. O resto de comarcas atópase actualmente no nivel medio-baixo.

O informe conclúe que, segundo os datos sinalados, a taxa de incidencia segue a diminuír tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa un novo cambio cara ao descenso, cunha porcentaxe de cambio diario do -2,4 %, a partir do 5 de maio. A Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1.

O informe destaca que a información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría a 7 e que se estabilizaría a 14 días. Tamén engade que, como os intervalos de confianza seguen a ser amplos, hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e en situacións de baixa incidencia, como a actual, polo que pode non predicir axeitadamente, e de aí esa amplitude de intervalos.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, mesmo xa baixou dos 80 por cen mil habitantes. A Área Sanitaria de Vigo descendeu por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes xa desde onte.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai dous concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes, os de Mos e Viveiro e, no caso de Mos, esta incidencia é superior aos 500 por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 7 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes, mais ningún presenta unha taxa a 14 días superior aos 500 por cen mil habitantes.

O feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes tamén máis transmisibles, como a P1 do Brasil e a de Suráfrica e agora tamén a da India, aínda que, de momento, cos casos onde se illou rastrexados.

Sinala o informe, ademais, que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, xunto co da situación sanitaria, o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días. Sitúase así o nivel medio baixo por debaixo de 150 casos por cada cen mil habitantes; o medio, entre 150 e por debaixo de 250 casos por cada cen mil habitantes; o alto, entre 250 e por debaixo de 500 casos por cada cen mil habitantes, e o máximo, na cifra de 500 casos por cada cen mil habitantes. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos, tense en conta tamén a taxa de incidencia a 7 días.

A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, analizando, ademais, os servizos de saúde pública e o comité e subcomité clínico as características específicas de cada gromo. Neste sentido, préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restricións os concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal.

En efecto, mantense no nivel máximo de restrición o concello de Mos, da Área Sanitaria de Vigo, xa que neste concello a incidencia a 14 días segue en nivel máximo de restrición, con 630,7 casos por cen mil habitantes. O 31 de maio de 2021, o concello de Mos rexistrou un total de 95 casos positivos nos últimos 14 días, con 34 notificados nos últimos 7 días.

Con todo, obsérvase un descenso dos casos a 7 días, que pasou de representar o 80 % do total de casos detectados a 14 días no concello ao 35,8 %, o que constitúe un indicador de mellora neste concello, polo que sería de esperar que nun prazo curto de tempo, probablemente, poida abandonar este nivel máximo de restrición.

Porén, cómpre que siga neste nivel, tal como indica a súa taxa a 14 días, xa que aínda non están dados de alta todos os contactos estreitos corentenados, polo que poden aparecer novos casos ao facer a proba PCR para darlles a alta da corentena.

O feito de que Mos forme parte da comarca e da área metropolitana de Vigo e que limite ao norte con Redondela (IA7 41; IA14 51) e Pazos de Borbén (IA7 0; IA 14, 34), ao sur co Porriño (IA7 35; IA14 75), ao oeste con Vigo (IA7 45; IA14 102) e ao leste con Ponteareas (IA 7 22; IA14 109), aconsella mantelo en tal nivel, xa que todos estes concellos teñen taxas moi inferiores tanto a 7 como a 14 días, ademais de que esta incidencia descendeu nos últimos 7 días.

Así mesmo, cómpre salientar que a economía de Mos posúe un carácter fortemente industrial, debido en boa parte ao desenvolvemento de empresas dada a súa posición central no eixe Vigo-Porriño e a súa dotación en infraestruturas, xa que presenta importantes polígonos industriais como os do Rebullón, Puxeiros, Montefaquiña e A Veigadaña.

Isto supón, desde o punto de vista epidemiolóxico, unha trasfega importante de traballadores do propio concello e dos concellos limítrofes. Aínda que os sectores empresariais son diversos (empresas da automoción, químico-farmacéuticas, pequena industria aeroespacial...), o sector servizos ten cada vez máis importancia. A pesar de carecer dun núcleo urbano, destacan establecementos de restauración, corredorías de seguros, talleres e servizos de compravenda de vehículos, salóns de peiteado, almacéns de venda de produtos para a agricultura e gandaría, panadarías, etc.

Cómpre destacar tamén que os gromos activos neste concello están a darse no ámbito familiar, educativo e social. Este tipo de gromos poden producir casos en ámbitos laborais.

Así mesmo, este concello é demograficamente un concello novo, cunha porcentaxe de persoas de 65 anos ou máis, a respecto do total da súa poboación, do 21 %, e cun 23 de índice de avellentamento, é dicir, proporción de persoas de 65 e máis anos a respecto dos de 0 a 14, do 154 %. En canto á proporción de vacinados, con pauta completa, contra a COVID-19, nos menores de 65 anos é do 4 % e nos de 65 e máis anos do 76 % (21 % no global da poboación), o que significa que aínda se está lonxe de adquirir a inmunidade de grupo na poboación máis nova, que é a que ten máis mobilidade, tanto por razóns de traballo como de ocio, o que inflúe nun aumento da transmisión.

En canto á Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, tamén se mantén no nivel de máximas restricións. Ben que as súas taxas xa están a indicar o nivel alto de medidas de restrición, non obstante, este concello entrou no nivel máximo o día 29 de maio, polo que non leva o tempo suficiente neste nivel para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica sexa a axeitada. A súa incidencia acumulada (IA) a 7 días é de 107,3 casos por 100.000 habitantes e a 14 días é de 418,5 casos por cen mil habitantes.

O día 31 de maio, este concello rexistrou 39 casos a 14 días e 10 a 7 días, o que supuxo un descenso na súa incidencia do 191 % a 7 días e do 13 % a 14 días.

Esta mellora a 7 días fai prever que, se segue nesta liña de descenso e non seguen a aparecer novos casos, en pouco tempo podería reducir o nivel de restrición. Non obstante, hai que ter precaución debido a que nos concellos limítrofes de Boiro e Ribeira, aínda que melloraron a súa situación epidemiolóxica, esta non é óptima, xa que en ambos os dous concellos seguen a aparecer casos case de continuo. Ademais, a comarca da Barbanza, á cal pertence este concello, atópase nunha situación global de nivel medio, se se lle aplican as mesmas taxas para os diferentes niveis que aos concellos.

Desde o punto de vista epidemiolóxico, débese ter en conta que se trata dun concello cuxa maior actividade económica está relacionada coa actividade e industria pesqueira e da acuicultura (armadores, mariñeiros, conserveiras, mariscadoras). Isto fai que a poboación teña unhas características específicas como alta mobilidade entre concellos limítrofes, parte de poboación de difícil acceso (embarcados, etc.); a peculiaridade do traballo realizado no mar e a súa industria derivada establecen múltiples interrelacións tanto no eido laboral coma no social, o que complica a rastrexabilidade dos casos. De feito, a idade media dos casos é 39 anos e todos os casos son menores de 60 anos (rango de 7 a 60 anos). Ademais, un 68 % dos casos son menores de 45 anos. Isto implica que a poboación máis afectada é nova e, polo tanto, con maior mobilidade.

Neste momento están detectados 9 gromos activos. Trátase de gromos familiares, pero a maior parte son laborais e sociais. Os laborais afectan industrias da pesca, fundamentalmente conserveiras, onde é difícil manter a distancia de seguridade, ademais de ser un ambiente con alta humidade e baixa temperatura que facilita a transmisión do virus.

A baixa participación nos cribados, a alta porcentaxe de resultados positivos e o elevado número de casos, fan pensar que poden existir casos activos leves ou asintomáticos sen identificar, polo que convén ser cautos á hora de levantar as medidas de restrición.

Este concello, por outra banda, presenta unha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos do 24 %, cun índice de avellentamento do 210,13 %, é dicir, é unha poboación relativamente nova.

A porcentaxe de vacinados con pauta completa é do 21 %. Nos menores de 65 anos teñen a pauta completa o 5 % e nos de 65 e máis anos o 75 %, polo que o aumento de vacinados, con pauta completa, nos últimos 7 días, é dun punto porcentual.

En relación co nivel alto, manteríanse neste nivel o concello de Viveiro, da Área Sanitaria de Lugo, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días, porque a súa situación epidemiolóxica desde que ascendeu a este nivel o 29 de maio segue con peores indicadores, xa que a súa taxa a 14 días aumentou de 240 a 357 casos por cen mil habitantes.

E tamén se mantería no nivel alto o concello de Ordes, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, a pesar de que as súas taxas indican un nivel medio, debido a que non pasou o tempo suficiente para asegurar a melloría da súa situación epidemiolóxica, xa que entrou neste nivel o 29 de maio de 2021, e cun descenso de casos a 14 días de 4 na última semana. Así mesmo, tendo en conta que este concello xa pasou de nivel medio a alto, cómpre asegurar que realmente a súa situación é de clara melloría para que descenda de nivel.

Por outra banda, manteríanse no nivel medio os concellos de Boiro, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, Vilalba, da Área Sanitaria de Lugo, e O Barco de Valdeorras, da Área Sanitaria de Ourense, tal como indican as súas taxas a 14 días, nos dous primeiros concellos, e a 7 e 14 días, no terceiro concello.

Así mesmo, manteríanse neste mesmo nivel medio Monforte de Lemos, da Área Sanitaria de Lugo, e Ponteareas, da Área Sanitaria de Vigo, a pesar de que as súas taxas indican un nivel medio-baixo de medidas de restrición. Non obstante, debido a que non levan o tempo suficiente neste nivel, no cal entraron o 29 de maio de 2021, manteranse no citado nivel para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica é axeitada, posto que aínda hai contactos estreitos de casos en seguimento.

Ademais, descenderían do nivel alto actual a este nivel medio de restrición, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días e por ter estado no nivel alto o tempo suficiente para poder asegurar a melloría da súa situación epidemiolóxica, os concellos de Moraña, da Área Sanitaria de Pontevedra, e Ribeira, da Área Sanitaria de Santiago.

Tamén se propón aumentar a este nivel medio, en vez de ao nivel máximo que están a indicar as súas taxas, o concello de Cenlle, da Área Sanitaria de Ourense, xa que os casos forman parte dun gromo familiar e é un concello de 1.000 habitantes, o que fai que poucos casos dean lugar a taxas moi elevadas.

Por último, proponse aumentar ou manter neste nivel medio, en vez de no nivel alto, tal como exixirían as súas taxas, os concellos de Oroso e Xove, xa que se trata de casos asociados a gromos coñecidos e de orixe controlada. No primeiro concello, que ascendería desde o nivel medio baixo, considérase que se pode aumentar, de momento, a este nivel medio, á espera de ver a súa evolución. No caso de Xove, manteríase neste nivel xa que se trata de gromos controlados e os casos novos son entre os contactos en corentena.

En relación con Lobios, da Área Sanitaria de Ourense, que tería que descender ao nivel alto desde o máximo nivel en que estaba, descende agora ata o nivel medio xa que se considera que o gromo deste concello está en resolución, dado o descenso de casos tanto a 7 como a 14 días, xa que pasou de 3 e 18 casos a 7 e 14 días, hai unha semana, aos 2 e 5 actuais.

Finalmente, para o resto dos concellos de Galicia recoméndase o nivel medio-baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente.

II

Sentado o anterior, debe insistirse en que, mediante esta orde, se adaptan a Orde do 26 de maio e a Orde do 28 de maio de 2021 á realidade da evolución epidemiolóxica de determinados concellos. Non se modifican as medidas adoptadas nas referidas ordes, cuxa eficacia se estende ata as 00.00 horas do 12 de xuño e que, polo tanto, se manteñen.

Non obstante, tal e como indica no punto sétimo das ditas ordes, consonte o seguimento e a avaliación continua da situación que se está a realizar para garantir o respecto aos principios de necesidade e de proporcionalidade, adáptanse as ordes á realidade actual. En concreto, e para acadar unha maior claridade, óptase por publicar de novo a totalidade do anexo da Orde do 26 de maio e do anexo II da Orde do 28 de maio, actualizando así a listaxe completa dos concellos incluídos en cada nivel de restrición.

Debe salientarse, no que se refire aos concellos incluídos no máximo nivel de restricións, que non se produce ningunha incorporación a ese nivel de ningún novo concello que non estivese incluído nel, e mantéñense neste os concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal, que xa figuraban na Orde do 26 de maio. Pola contra, sae do nivel máximo o concello de Lobios, como consecuencia da mellora da súa situación. A este último concello seranlle de aplicación as medidas menos restritivas que se establecen na Orde do 26 de maio con carácter xeral para todo o territorio da Comunidade Autónoma e que foron ratificadas mediante o Auto 70/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A aplicación das medidas menos restritivas que tamén limitan dereitos fundamentais é común ao resto do territorio da Comunidade Autónoma e foi obxecto de ratificación xudicial mediante o citado auto.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 5 de xuño de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a vixencia da Orde do 26 de maio e da Orde do 28 de maio de 2021, que modifica, sen prexuízo do seguimento e avaliación continua a que están sometidas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Destácase finalmente que, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, que queda redactado segundo o anexo I desta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo II desta orde.

Terceiro. Eficacia

1. O previsto nesta orde terá efectos desde as 00.00 horas do día 5 de xuño.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

«ANEXO

Concellos en que son aplicables as limitacións da entrada e saída de persoas, limitacións específicas da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e limitacións da mobilidade nocturna

1. A Pobra do Caramiñal

2. Mos»

ANEXO II

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Mos

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Ordes

Viveiro

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barco de Valdeorras (O)

Boiro

Cenlle

Lobios

Monforte de Lemos

Moraña

Oroso

Ponteareas

Ribeira

Vilalba

Xove

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Xermade

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia