lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Publicado en: DOG 56 24/03/2021

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Estado: En vigor

PDF

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.

Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia, e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.

Con base na dita atribución competencial, promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O artigo 14.1 desta norma legal dispón que os establecementos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas que dispoñan de servizo de control de acceso deberán contar con persoal habilitado, de conformidade co disposto na normativa reguladora da actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Así mesmo, o número 2 do artigo citado establece que a Administración xeral da Comunidade Autónoma determinará regulamentariamente os establecementos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas que deban ter servizo de control de acceso con persoal habilitado. En consecuencia, cómpre o desenvolvemento regulamentario nesta materia para darlle cumprimento ao mandato legal, de conformidade co disposto neste artigo.

A Xunta de Galicia, mediante o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, estableceu a regulación da actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e nas actividades recreativas que dispoñan do dito servizo, así como os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas. Mediante o Decreto 75/2015, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, dáse unha nova redacción ao artigo 7, que regula a renovación da habilitación deste persoal.

Malia que o Decreto 8/2010 acadou o seu principal obxectivo coa profesionalización do persoal que desenvolve na actualidade estas funcións coa preceptiva habilitación, a experiencia acumulada desde a súa entrada en vigor pon tamén de relevo a necesidade da aprobación dun novo decreto, que estableza unha regulación máis práctica e moderna, adaptada á realidade social e ao marco normativo actual.

En particular e sen carácter exhaustivo, cómpre a simplificación e a axilización do procedemento tanto para a obtención como para a renovación da habilitación, así como a reformulación do temario para a realización da proba de coñecementos, para que teña en conta, entre outros aspectos, as especificidades que presentan os establecementos de xogo.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e Goberno aberto, así como o trámite de audiencia aos sectores afectados. De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, en relación co artigo 4.1.a) do Decreto 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, déuselle trámite de audiencia á dita comisión, que emitiu, por unanimidade dos seus membros, o seu parecer favorable, na reunión do 13 de novembro de 2020.

Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de dous mil vinte e un,

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto regular a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen, sempre que dispoñan de servizo de control de acceso.

2. Constitúe, así mesmo, o obxecto deste decreto regular os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Artigo 2. Concepto

1. Enténdese por persoal de control de acceso aquel que exerce as funcións de admisión e control de acceso do público aos espectáculos públicos e ás actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

2. O persoal de control de acceso actuará baixo a directa dependencia da persoa titular do establecemento ou espazo aberto ao público ou da persoa organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. Este decreto será de aplicación ao persoal de control de acceso que exerza esta actividade naqueles establecementos, espazos, espectáculos ou actividades recreativas que dispoñan do dito servizo e estean incluídos no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto aqueles establecementos abertos ao público de titularidade das administracións públicas que teñan o seu propio persoal de control de acceso.

Artigo 4. Espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos obrigados a dispor de persoal de control de acceso

Están obrigados a dispor de persoal de control de acceso habilitado todos aqueles establecementos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas que teñan prohibido o acceso de persoas menores, consonte o establecido na normativa de aplicación, así como aqueles establecementos que teñan unha capacidade superior a 500 persoas e aqueles espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolvan en recintos cerrados cando se precise plan de autoprotección.

Artigo 5. Funcións

1. As funcións do persoal de control de acceso son as seguintes:

a) Controlar a entrada das persoas ao establecemento ou espazo aberto ao público, ao espectáculo público ou a actividade recreativa, coa finalidade de que o acceso se faga de xeito ordenado e pacífico e non perturbe o desenvolvemento do espectáculo público ou da actividade recreativa que se realice.

b) Comprobar a idade das persoas que pretendan acceder ao establecemento ou espazo aberto ao público, así como ao espectáculo público ou á actividade recreativa, no suposto en que sexa procedente, mediante a exhibición do DNI ou documento acreditativo equivalente.

c) Comprobar a identidade das persoas que pretendan acceder ao establecemento de xogo para os efectos de acreditar que non constan inscritas no Rexistro ou Listaxe de Prohibidos de acceso ao xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, no suposto en que sexa procedente.

d) Controlar a adquisición da entrada ou localidade por parte das persoas que pretendan acceder ao establecemento ou espazo aberto ao público ou ao espectáculo público ou actividade recreativa, no suposto en que sexa procedente.

e) Controlar, en todo momento, que non se exceda a capacidade máxima autorizada.

f) Impedir o acceso das persoas que incumpran as condicións específicas de admisión fixadas polas persoas titulares dos establecementos ou espazos abertos ao público ou polas persoas organizadoras dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

g) Controlar que as bebidas expedidas no interior do establecemento aberto ao público se consuman dentro del e non sexan, en ningún momento, sacadas ao exterior.

h) Prohibir o acceso ao público a partir do horario de peche do establecemento aberto ao público.

i) Informar inmediatamente o persoal de vixilancia e seguridade, se o houbese ou, no seu defecto, ás forzas e corpos de seguridade, das alteracións da orde que se produzan nos accesos ou no interior do establecemento aberto ao público.

j) En caso necesario, auxiliar as persoas que estean feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente, cando precisen asistencia médica de profesionais sanitarios.

k) Permitir e facilitar as inspeccións ou controis regulamentarios establecidos na normativa vixente.

2. O persoal de control de acceso unicamente poderá exercer as funcións sinaladas no número anterior, sen que, en ningún caso, poida asumir ou realizar as funcións do servizo de vixilancia e seguridade.

Artigo 6. Requisitos

Para desenvolver as funcións de persoal de control de acceso será necesario reunir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.

c) Carecer de antecedentes penais.

d) Ter superado o curso específico que para tal efecto convoque a Academia Galega de Seguridade Pública e de conformidade co disposto no artigo 8 deste decreto.

e) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4.

Artigo 7. Habilitación do persoal de control de acceso

Para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superado o curso correspondente expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 8. Procedemento para a obtención da habilitación

1. O procedemento para a obtención da habilitación consistirá na superación dun curso de formación de 6 horas acerca das materias especificadas no anexo. Para superar o curso formativo será necesario asistir á totalidade das horas lectivas e obter unha nota mínima de 5 puntos no exame de coñecementos sobre as materias reflectidas no anexo e impartidas no curso de formación.

2. O exame de coñecementos consistirá nun test de 20 preguntas. Para obter os 5 puntos será necesario responder correctamente 10 preguntas. As respostas erróneas non descontarán para o cómputo total das correctas. A persoa encargada da dirección do curso será a responsable da súa avaliación e de expedir a acreditación de telo superado.

3. Para poder ser admitido/a no curso de formación será necesario presentar unha solicitude no prazo que se estableza na convocatoria que realice para tal efecto a Academia Galega de Seguridade Pública, coa cal se achegará a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou documento identificativo equivalente.

b) Certificado de antecedentes penais.

c) Certificado de aptitude psicolóxica.

d) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

4. O certificado de aptitude psicolóxica poderá ser expedido por un centro médico-psicotécnico debidamente autorizado consonte o disposto no Real decreto 170/2010, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de centros de recoñecemento destinados a verificar as aptitudes psicofísicas dos condutores ou por persoal colexiado, coa titulación de Psicoloxía ou Medicina. O certificado de aptitude psicolóxica expedirase unha vez superadas as probas necesarias para comprobar que non existe enfermidade ou deficiencia ningunha que poida supor incapacidade psíquica ou psicolóxica, ou calquera outra limitativa do discernimento, asociada con:

a) Trastornos mentais e de conduta.

b) Dificultades psíquicas de avaliación, percepción e toma de decisións e problemas de personalidade.

c) Calquera outra afección, trastorno ou problema, non comprendidos nos parágrafos anteriores, que limiten o pleno exercicio das facultades mentais precisas para o desenvolvemento das funcións do persoal de control de acceso.

O certificado de aptitude psicolóxica terá un prazo de vixencia dun ano contado desde a data da súa expedición, durante o cal poderá ser utilizado, mediante duplicado, copia ou certificación, en calquera procedemento administrativo que se inicie nese prazo.

5. Toda a información relativa a este procedemento, incluída a convocatoria, realizarase mediante publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública e, ademais, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Expedición da habilitación

No prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública da relación definitiva das persoas que superaron o curso formativo, cuxos datos se recompilarán desagregados por sexo, as persoas aspirantes incluídas nela deberán solicitar da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas a expedición da habilitación, xuntando o xustificante de ter aboada a correspondente taxa administrativa para os efectos de que lles sexa expedida esta, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

Artigo 10. Renovación da habilitación

A vixencia da habilitación prevista neste decreto será de 10 anos desde a data da súa expedición. A súa renovación requirirá a acreditación do cumprimento dos requisitos que se establecen nas letras b) e c) do artigo 8.3 deste decreto.

Artigo 11. Identificación do persoal de control de acceso

O persoal de control de acceso levará de forma visible e permanente un distintivo, expedido pola dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, que o identifique e o acredite como tal.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Única.

Os datos persoais recollidos en aplicación deste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo departamento da Xunta de Galicia competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha obriga legal, conforme a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, na normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados á Administración estatal, autonómica e local no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán solicitar do responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/ exercicio-de-dereitos, e disporán de información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral- proteccion-datos.

Disposición transitoria única. Prazo de vixencia das habilitacións obtidas consonte o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro

Única.

As habilitacións obtidas consonte o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, manterán a súa vixencia durante o prazo que nelas se especifique. Unha vez transcorrido este, para a súa renovación terán que seguir o procedemento establecido neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, concretamente:

a) O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

b) A Orde do 21 de abril de 2010 pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Única.

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Temario

– Aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

– Aspectos básicos da normativa de xogo.

– Dereitos e deberes das persoas espectadoras e usuarias. Dereitos fundamentais.

– Dereito de admisión.

– Medidas de seguridade nos establecementos abertos ao público e normativa de autoprotección.

– Normativa sobre horarios dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

– Réxime xurídico das persoas menores de idade.

– Aspectos básicos da normativa en materia de igualdade.

– Conceptos básicos de primeiros auxilios.

– Protocolo que se deberá seguir en situacións de perigo.

– Técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia