lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 40/2021, do 10 de marzo, polo que se modifica o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Publicado en: DOG 47 Bis 10/03/2021

Departamento: Presidencia da Xunta

Estado: En vigor

PDF

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación da limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida nese real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que foi modificado mediante o Decreto 37/2021, do 4 de marzo, e o Decreto 39/2021, do 5 de marzo, coa finalidade de revisar as medidas adoptadas e mantelas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que o presidente da Xunta de Galicia adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte a persoa titular da Consellería de Sanidade, en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

O Comité Clínico, na súa reunión do 9 de marzo de 2021, procedeu á revisión da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe de saúde pública do 10 de marzo, destácanse os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Non obstante, hai áreas sanitarias que nalgún momento superan o 1, como son as da Coruña, Ferrol e Ourense.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 135 non notificaron casos nos últimos 14 días. Se temos en conta os casos notificados (con centros sociosanitarios) serían 133 concellos, 30 máis respecto do día 3 de marzo. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 180 (sen centros sociosanitarios), 9 máis que o día 3 de febreiro. Con centros sociosanitarios, este valor sería de 179, 10 concellos máis que no informe anterior.

Entre o 26 de febreiro e o 4 de marzo realizáronse 88.077 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (45.853 PCR e 42.224 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 1,87, o que supón un 50,8 % menos que a de entre o 19 e o 25 de febreiro, que era do 3,8 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 42 e 96 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados no informe anterior, en que era de 47 e 119 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente (descenso do 10,6 % a 7 días e do 19,3 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,1 %, o que segue a indicar un descenso continuo.

No que respecta á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días diminuíron respecto do informe do día 1 (ao igual que as taxas de incidencia a 7 días). Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes. As taxas a 14 días das áreas están entre os 56,11 casos por 100.000 habitantes de Lugo e os 160,59 da Coruña.

No que respecta á hospitalización, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 308,4, o que significa un descenso de 19,7 % respecto do informe do 3 de marzo. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 79,9 ingresados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 19,8 a respecto do día 3 de marzo. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 79,9, o que supón un descenso do 18,8 % respecto do informe anterior. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 20,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 18,9 % respecto do informe anterior.

No que respecta á situación epidemiolóxica, nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 1 presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 4 do informe anterior. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 13 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 5 menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 4 destes concellos.

Segundo os datos reflectidos no informe, este sinala que o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. O modelo de predición mostra que a onda continuará descendendo nos próximos sete e catorce días. Non obstante, advírtese que a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, sitúase por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), sen ningunha área cunha incidencia superior os 250 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada é a da área sanitaria da Coruña.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só hai un concello que supera unha taxa de incidencia de 250 casos por cada cen mil habitantes, o de Vilanova de Arousa. Nos de menos de 10.000, hai 13 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 c/105h, con 4 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 c/105h.

O informe salienta, ademais, que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel alto na cifra de 250 e o máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos brotes, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e o Comité ou o Subcomité Clínico das características específicas de cada brote.

En conclusión, aínda que os datos recollidos no informe permiten constatar que, en liñas xerais, a situación epidemiolóxica segue mellorando, o que amosa, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas, non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, segue a ser alta, cun elevado número de persoas ingresadas nas UCI, que aínda debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

Así, á vista da situación epidemiolóxica de Galicia e da evolución do COVID-19, e logo da reunión do Comité, faise necesario que os concellos de Paradela, A Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures queden sometidos ao máximo nivel de restricións de mobilidade e reunión, que queda limitada unicamente a conviventes.

Pola súa banda, os concellos de Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado sométense ao nivel alto de restricións, quedando o resto de concellos da comunidade autónoma en nivel medio.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, óptase por actualizar o anexo do decreto en que se relacionan os concellos da Comunidade Autónoma aos cales lles son de aplicación as diferentes limitacións, coa finalidade de adaptalo á situación actual.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación. De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo do Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Modifícase o anexo do Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado nos termos previstos no anexo do presente decreto.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 12 de marzo de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

A. Concellos de ámbito territorial individualmente delimitado:

Boborás.

Mezquita (A).

Paradela.

Pobra do Brollón (A).

Pontecesures.

Vilardevós.

B. Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos:

(Sen contido).

C. Concellos entre os cales está permitida a mobilidade atendendo á súa similar situación epidemiolóxica:

1) Concellos con nivel alto de restricións:

Arteixo.

Cariño.

Chantada.

Guitiriz.

Lourenzá.

Miño.

Mugardos.

Ponte Caldelas.

Sobrado.

Soutomaior.

Vilanova de Arousa.

2) Concellos con nivel medio de restricións:

Abadín.

Abegondo.

Agolada.

Alfoz.

Allariz.

Ames.

Amoeiro.

Antas de Ulla.

Aranga.

Arbo.

Ares.

Arnoia (A).

Arzúa.

Avión.

Baiona.

Baleira.

Baltar.

Bande.

Baña (A).

Baños de Molgas.

Baralla.

Barbadás.

Barco de Valdeorras (O).

Barreiros.

Barro.

Beade.

Beariz.

Becerreá.

Begonte.

Bergondo.

Betanzos.

Blancos (Os).

Boimorto.

Boiro.

Bola (A).

Bolo (O).

Boqueixón.

Bóveda.

Brión.

Bueu.

Burela.

Cabana de Bergantiños.

Cabanas.

Caldas de Reis.

Calvos de Randín.

Camariñas.

Cambados.

Cambre.

Campo Lameiro.

Cangas.

Cañiza (A).

Capela (A).

Carballeda de Avia.

Carballeda de Valdeorras.

Carballedo.

Carballiño (O).

Carballo.

Carnota.

Carral.

Cartelle.

Castrelo de Miño.

Castrelo do Val.

Castro Caldelas.

Castro de Rei.

Castroverde.

Catoira.

Cedeira.

Cee.

Celanova.

Cenlle.

Cerceda.

Cerdedo-Cotobade.

Cerdido.

Cervantes.

Cervo.

Chandrexa de Queixa.

Coirós.

Coles.

Corcubión.

Corgo (O).

Coristanco.

Cortegada.

Coruña (A).

Cospeito.

Covelo.

Crecente.

Cualedro.

Culleredo.

Cuntis.

Curtis.

Dodro.

Dozón.

Dumbría.

Entrimo.

Esgos.

Estrada (A).

Fene.

Ferrol.

Fisterra.

Folgoso do Courel.

Fonsagrada (A).

Forcarei.

Fornelos de Montes.

Foz.

Frades.

Friol.

Gomesende.

Gondomar.

Grove (O).

Guarda (A).

Gudiña (A).

Guntín.

Illa de Arousa (A).

Incio (O).

Irixo (O).

Irixoa.

Lalín.

Lama (A).

Láncara.

Laracha (A).

Larouco.

Laxe.

Laza.

Leiro.

Lobeira.

Lobios.

Lousame.

Lugo.

Maceda.

Malpica de Bergantiños.

Manzaneda.

Mañón.

Marín.

Maside.

Mazaricos.

Meaño.

Meira.

Meis.

Melide.

Melón.

Merca (A).

Mesía.

Moaña.

Moeche.

Mondariz-Balneario.

Mondariz.

Mondoñedo.

Monfero.

Monforte de Lemos.

Montederramo.

Monterrei.

Monterroso.

Moraña.

Mos.

Muíños.

Muras.

Muros.

Muxía.

Narón.

Navia de Suarna.

Neda.

Negreira.

Negueira de Muñiz.

Neves (As).

Nigrán.

Nogais (As).

Nogueira de Ramuín.

Noia.

Oia.

Oímbra.

Oleiros.

Ordes.

Oroso.

Ortigueira.

Ourense.

Ourol.

Outeiro de Rei.

Outes.

Oza-Cesuras.

Paderne de Allariz.

Paderne.

Padrenda.

Padrón.

Palas de Rei.

Pantón.

Parada de Sil.

Páramo (O).

Pastoriza (A).

Pazos de Borbén.

Pedrafita do Cebreiro.

Pereiro de Aguiar (O).

Peroxa (A).

Petín.

Pino (O).

Piñor.

Pobra de Trives (A).

Pobra do Caramiñal (A).

Poio.

Pol.

Ponteareas.

Ponteceso.

Pontedeume.

Pontedeva.

Pontenova (A).

Pontes de García Rodríguez (As).

Pontevedra.

Porqueira.

Porriño (O).

Portas.

Porto do Son.

Portomarín.

Punxín.

Quintela de Leirado.

Quiroga.

Rábade.

Rairiz de Veiga.

Ramirás.

Redondela.

Rianxo.

Ribadavia.

Ribadeo.

Ribadumia.

Ribas de Sil.

Ribeira de Piquín.

Ribeira.

Riós.

Riotorto.

Rodeiro.

Rois.

Rosal (O).

Rúa (A).

Rubiá.

Sada.

Salceda de Caselas.

Salvaterra de Miño.

Samos.

San Amaro.

San Cibrao das Viñas.

San Cristovo de Cea.

San Sadurniño.

San Xoán de Río.

Sandiás.

Santa Comba.

Santiago de Compostela.

Santiso.

Sanxenxo.

Sarreaus.

Sarria.

Saviñao (O).

Silleda.

Sober.

Somozas (As).

Taboada.

Taboadela.

Teixeira (A).

Teo.

Toén.

Tomiño.

Toques.

Tordoia.

Touro.

Trabada.

Trasmiras.

Trazo.

Triacastela.

Tui.

Val do Dubra.

Valadouro (O).

Valdoviño.

Valga.

Vedra.

Veiga (A).

Verea.

Verín.

Viana do Bolo.

Vicedo (O).

Vigo.

Vila de Cruces.

Vilaboa.

Vilagarcía de Arousa.

Vilalba.

Vilarmaior.

Vilamarín.

Vilamartín de Valdeorras.

Vilar de Barrio.

Vilar de Santos.

Vilariño de Conso.

Vilasantar.

Vimianzo.

Viveiro.

Xermade.

Xinzo de Limia.

Xove.

Xunqueira de Ambía.

Xunqueira de Espadanedo.

Zas.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia