lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 10 de marzo de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 47 Bis 10/03/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, con data do 5 de marzo de 2021 ditouse a orde da mesma data, por medio da que se procedeu a modificar o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, en canto a tres concellos que pasaron ao nivel de restricións máximas (Boborás, A Mezquita e A Pobra do Brollón), e procedeuse á modificación da mobilidade nas áreas sanitarias de A Coruña- Cee e de Pontevedra.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, polo que se modifica o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

III

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, o 9 de marzo de 2021 reuniuse o Comité Clínico co obxecto de revisar a situación epidemiolóxica dos distintos concellos, para os efectos de establecer as medidas de mobilidade e restricións correspondentes a cada situación.

Así, o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 10 de marzo de 2021, destaca os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Non obstante, hai áreas sanitarias que nalgún momento superan o 1, como son as de A Coruña, Ferrol e Ourense.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 135 non notificaron casos nos últimos 14 días. Se temos en conta os casos notificados (con centros sociosanitarios), serían 133 concellos (30 máis a respecto do día 3 de marzo). O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 180 (sen centros sociosanitarios) 9 más que o día 3 de febreiro. Con centros sociosanitarios, este valor sería de 179, 10 concellos máis que no informe anterior.

Entre o 26 de febreiro e o 4 de marzo, realizáronse 88.077 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (45.853 PCR e 42.224 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 1,87, o que supón un 50,8 % menos que a de entre o 19 e o 25 de febreiro, que era do 3,8 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 42 e 96 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados no informe anterior, en que era de 47 e 119 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente (descenso do 10,6 % a 7 días e do 19,3 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,1 % o que segue a indicar un descenso continuo.

No que respecta á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días diminuíron respecto do informe de día 1 (ao igual que as taxas de incidencia a 7 días). Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 56,11 casos por 100.000 habitantes de Lugo e os 160,59 da Coruña.

No que respecta á hospitalización, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 308,4 o que significa un descenso de 19,7 % a respecto do informe do 3 de marzo. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 79,9 ingresados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 19,8 a respecto do día 3 de marzo.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 79,9 o que supón un descenso do 18,8 % a respecto do informe anterior. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 20,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 18,9 % a respecto do informe anterior.

No que respecta á situación epidemiolóxica, nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 1 presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 4 do informe anterior.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 13 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 5 menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 4 destes concellos.

Segundo os datos reflectidos no informe, este sinala que o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro.

O modelo de predición mostra que a onda continuará descendendo nos próximos sete e catorce días. Non obstante, advirte que a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, sitúase por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), sen ningunha área cunha incidencia superior os 250 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada é a da área sanitaria da Coruña.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só hai un concello que supera unha taxa de incidencia de 250 c/105h, o de Vilanova de Arousa. Nos de menos de 10.000, hai 13 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 c/105h, con 4 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 c/105h.

O informe salienta, ademais, que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

En conclusión, aínda que os datos recollidos no informe permiten constatar que, en liñas xerais, a situación epidemiolóxica segue mellorando, o que amosa, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas, non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, segue a ser alta, cun elevado número de persoas ingresadas nas UCI, que aínda debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel alto na cifra de 250 e o máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos brotes, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e o comité ou o Subcomité Clínico das características específicas de cada brote.

Así, á vista da situación epidemiolóxica de Galicia e da evolución do COVID-19, e logo da reunión do Comité, proponse que un total de seis concellos teñan un nivel máximo de restricións: Paradela, A Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures.

Ademais, outros once concellos proponse para o nivel alto de restricións: Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado.

O resto dos concellos galegos quedarían en nivel medio.

Así mesmo, proponse algunhas modificacións relativas ao cálculo da capacidade dos establecementos, instalacións e locais no sentido de non incluír os propios traballadores, á apertura dos albergues turísticos, por similitude cos hoteis e demais aloxamentos turísticos, á apertura dos centros educativos de réxime especial que impliquen utilización de instrumentos de vento e/ou exercicios de canto, e regúlanse determinadas especificidades para determinadas actividades turísticas, centros e puntos de información.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia óptase por manter, con carácter xeral, o modelo de limitacións que se viñan aplicando ata o momento, aínda que adaptadas á evolución da situación nos diferentes ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma nestes últimos días desde a anterior revisión. Con esta finalidade, actualízase o anexo da orde no cal se relacionan os concellos da Comunidade Autónoma aos cales lles son de aplicación as diferentes limitacións.

Debe insistirse, en particular, que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, á espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo. Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario, que soporta niveis altos de ocupación, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede manter as medidas xa aprobadas na anterior Orde do 25 de febreiro, na súa redacción vixente, sen prexuízo das modificacións que se introducen nalgúns puntos e no anexo II da citada orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.1. Medidas en materia de control de capacidade.

1. Os establecementos, instalacións e locais deberán expor ao público a capacidade máxima, e asegurar que a dita capacidade e a distancia de seguridade interpersoal se respecta no seu interior, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade, de forma que esta non sexa superada en ningún momento.

No caso do sector da hostalaría e restauración, aplicarase tamén o que estableza o Plan de hostalaría segura, nomeadamente, no relativo á distribución de espazos, ocupacións, mobiliario e outros elementos de seguridade.».

Dous. Modifícase o punto 3.10 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.10. Hoteis, albergues e aloxamentos turísticos.

1. Os hoteis, albergues e establecementos turísticos permanecerán abertos, sen prexuízo das limitacións vixentes de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, que deberán respectarse en todo caso. Os clientes procedentes dalgún dos ámbitos territoriais aos cales se lles apliquen as devanditas limitacións soamente poderán terse desprazado aos establecementos situados fóra dese ámbito territorial polos motivos xustificados establecidos na normativa vixente.

2. Os albergues poderán manter unha ocupación máxima do 30 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido.

3. A ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso, cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

4. Poderán facilitar servizos de hostalaría e restauración para os clientes aloxados nos ditos establecementos. Para o resto de clientes, resultará de aplicación o disposto no punto 3.22.

5. No caso de instalacións deportivas de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, rexeranse polas regras aplicables a este tipo de instalacións en función da incidencia acumulada do respectivo concello, de conformidade co previsto no punto 3.15.».

Tres. Engádese un novo punto 3.24 ao anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«3.24. Especificidades para determinadas actividades turísticas, centros e puntos de información.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de catro persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.».

Catro. Modifícase o punto 4.2 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4.2. Manterán o seu funcionamento con actividade lectiva presencial os seguintes centros educativos de réxime especial:

1º) Escolas oficiais de idiomas.

2º) Escolas de arte e superior de deseño.

3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4º) Escola Superior de Arte Dramática.

5º) Conservatorios de música.

6º) Conservatorios de danza.

7º) Escolas de música.

8º) Escolas de danza.

9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol, centros autorizados de fútbol sala.

10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.

11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.

12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.».

Cinco. Suprímese o punto 4.3 do anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda sen contido.

Seis. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Boborás.

Mezquita (A).

Paradela.

Pobra do Brollón (A).

Pontecesures.

Vilardevós

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Arteixo.

Cariño.

Chantada.

Guitiriz.

Lourenzá.

Miño.

Mugardos.

Ponte Caldelas.

Sobrado.

Soutomaior.

Vilanova de Arousa.

C) Concellos con nivel de restrición media.

Abadín.

Abegondo.

Agolada.

Alfoz.

Allariz.

Ames.

Amoeiro.

Antas de Ulla.

Aranga.

Arbo.

Ares.

Arnoia (A).

Arzúa.

Avión.

Baiona.

Baleira.

Baltar.

Bande.

Baña (A).

Baños de Molgas.

Baralla.

Barbadás.

Barco de Valdeorras (O).

Barreiros.

Barro.

Beade.

Beariz.

Becerreá.

Begonte.

Bergondo.

Betanzos.

Blancos (Os).

Boimorto.

Boiro.

Bola (A).

Bolo (O).

Boqueixón.

Bóveda.

Brión.

Bueu.

Burela.

Cabana de Bergantiños.

Cabanas.

Caldas de Reis.

Calvos de Randín.

Camariñas.

Cambados.

Cambre.

Campo Lameiro.

Cangas.

Cañiza (A).

Capela (A).

Carballeda de Avia.

Carballeda de Valdeorras.

Carballedo.

Carballiño (O).

Carballo.

Carnota.

Carral.

Cartelle.

Castrelo de Miño.

Castrelo do Val.

Castro Caldelas.

Castro de Rei.

Castroverde.

Catoira.

Cedeira.

Cee.

Celanova.

Cenlle.

Cerceda.

Cerdedo-Cotobade.

Cerdido.

Cervantes.

Cervo.

Chandrexa de Queixa.

Coirós.

Coles.

Corcubión.

Corgo (O).

Coristanco.

Cortegada.

Coruña (A).

Cospeito.

Covelo.

Crecente.

Cualedro.

Culleredo.

Cuntis.

Curtis.

Dodro.

Dozón.

Dumbría.

Entrimo.

Esgos.

Estrada (A).

Fene.

Ferrol.

Fisterra.

Folgoso do Courel.

Fonsagrada (A).

Forcarei.

Fornelos de Montes.

Foz.

Frades.

Friol.

Gomesende.

Gondomar.

Grove (O).

Guarda (A).

Gudiña (A).

Guntín.

Illa de Arousa (A).

Incio (O).

Irixo (O).

Irixoa.

Lalín.

Lama (A).

Láncara.

Laracha (A).

Larouco.

Laxe.

Laza.

Leiro.

Lobeira.

Lobios.

Lousame.

Lugo.

Maceda.

Malpica de Bergantiños.

Manzaneda.

Mañón.

Marín.

Maside.

Mazaricos.

Meaño.

Meira.

Meis.

Melide.

Melón.

Merca (A).

Mesía.

Moaña.

Moeche.

Mondariz-Balneario.

Mondariz.

Mondoñedo.

Monfero.

Monforte de Lemos.

Montederramo.

Monterrei.

Monterroso.

Moraña.

Mos.

Muíños.

Muras.

Muros.

Muxía.

Narón.

Navia de Suarna.

Neda.

Negreira.

Negueira de Muñiz.

Neves (As).

Nigrán.

Nogais (As).

Nogueira de Ramuín.

Noia.

Oia.

Oímbra.

Oleiros.

Ordes.

Oroso.

Ortigueira.

Ourense.

Ourol.

Outeiro de Rei.

Outes.

Oza-Cesuras.

Paderne de Allariz.

Paderne.

Padrenda.

Padrón.

Palas de Rei.

Pantón.

Parada de Sil.

Páramo (O).

Pastoriza (A).

Pazos de Borbén.

Pedrafita do Cebreiro.

Pereiro de Aguiar (O).

Peroxa (A).

Petín.

Pino (O).

Piñor.

Pobra de Trives (A).

Pobra do Caramiñal (A).

Poio.

Pol.

Ponteareas.

Ponteceso.

Pontedeume.

Pontedeva.

Pontenova (A).

Pontes de García Rodríguez (As).

Pontevedra.

Porqueira.

Porriño (O).

Portas.

Porto do Son.

Portomarín.

Punxín.

Quintela de Leirado.

Quiroga.

Rábade.

Rairiz de Veiga.

Ramirás.

Redondela.

Rianxo.

Ribadavia.

Ribadeo.

Ribadumia.

Ribas de Sil.

Ribeira de Piquín.

Ribeira.

Riós.

Riotorto.

Rodeiro.

Rois.

Rosal (O).

Rúa (A).

Rubiá.

Sada.

Salceda de Caselas.

Salvaterra de Miño.

Samos.

San Amaro.

San Cibrao das Viñas.

San Cristovo de Cea.

San Sadurniño.

San Xoán de Río.

Sandiás.

Santa Comba.

Santiago de Compostela.

Santiso.

Sanxenxo.

Sarreaus.

Sarria.

Saviñao (O).

Silleda.

Sober.

Somozas (As).

Taboada.

Taboadela.

Teixeira (A).

Teo.

Toén.

Tomiño.

Toques.

Tordoia.

Touro.

Trabada.

Trasmiras.

Trazo.

Triacastela.

Tui.

Val do Dubra.

Valadouro (O).

Valdoviño.

Valga.

Vedra.

Veiga (A).

Verea.

Verín.

Viana do Bolo.

Vicedo (O).

Vigo.

Vila de Cruces.

Vilaboa.

Vilagarcía de Arousa.

Vilalba.

Vilarmaior.

Vilamarín.

Vilamartín de Valdeorras.

Vilar de Barrio.

Vilar de Santos.

Vilariño de Conso.

Vilasantar.

Vimianzo.

Viveiro.

Xermade.

Xinzo de Limia.

Xove.

Xunqueira de Ambía.

Xunqueira de Espadanedo.

Zas».

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia