lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 37/2021, do 4 de marzo, polo que se modifica o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Publicado en: DOG 43 Bis 04/03/2021

Departamento: Presidencia da Xunta

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 44-Bis, do 5 de marzo de 2021.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa no nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Finalmente, coa finalidade de adaptar as medidas adoptadas á evolución da situación, ditáronse o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións, para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que o presidente da Xunta de Galicia adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte a persoa titular da Consellería de Sanidade, en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

Así, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 3 de marzo de 2021, obsérvase o seguinte:

En canto á situación epidemiolóxica da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias se manteñen por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 91 non tiveron casos nos últimos 14 días, o que supón 36 máis con respecto ao día 20 de febreiro. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 165 (107 a día 20 de febreiro).

Entre o 19 e o 25 de febreiro realizáronse 69.230 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (46.280 PCR e 22.950 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 3,77 %, o que supón un 6,2 % menos que a reflectida entre o 9 e 15 de febreiro, onde era do 4,02 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 54 e 131 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 20 de febreiro (88 e 239 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente). A diminución da incidencia foi do 38,6 e 45,2 %, a 7 e 14 días, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,4 %, o que segue a indicar un descenso continuo, xa que en 20 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era a mesma.

No que respecta á hospitalización de casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 418,9, o que significa un descenso de 34.9 % a respecto do informe do 20 de febreiro, no que era de 643,9. A taxa de pacientes COVID19 en hospitalización de agudos é de 108,6 ingresados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 35 % con respecto aos ingresados hai 8 días que foi de 167. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 104,9, o que supón un descenso do 36,6 % con respecto á semana anterior que foi de 165,3. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 28,3 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 25,3 % a respecto de hai 8 días no que era de 28,3 ingresados en UCI por 100.000 habitantes.

Respecto da situación epidemiolóxica máis concreta nos concellos de Galicia, o informe sinala que nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 5 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 22 do informe anterior. Só un concello acada unha taxa a 14 días superior aos 300 casos por cen mil habitantes, que é Vilanova de Arousa, o que supón unha melloría con respecto ao día 20 de febreiro onde eran 22 os concellos con esta taxa. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 23 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes (9 % do total dos concellos), 39 menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 5 destes concellos (2 % dos concellos de menos de 10.000 habitantes), 9 concellos menos que no informe anterior.

Á vista dos datos reflectidos, o informe destaca que o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro.

O modelo de predición mostra que a onda continuará descendendo nos próximos sete e catorce días. Non obstante, o informe destaca que a información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

O informe indica que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír con respecto ao informe anterior. Non obstante, o informe sinala que o número de ingresos debería baixar máis (especialmente nas unidades de críticos) xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Os datos recollidos no informe permiten constatar que se está a producir unha mellora na situación epidemiolóxica, o que demostra, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas.

Atopámonos pois nun contexto de desescalada que permite seguir dando pasos de cara a unha apertura gradual, progresiva e segura que, en todo caso, debe estar guiada polo principio de prudencia para non comprometer os logros acadados. Non pode esquecerse que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, cun alto número de persoas ingresadas nas UCI segue a ser elevada, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. Resulta imprescindible ser cautelosos e permitir que as medidas adoptadas recentemente se consoliden, de tal maneira que sexa posible ir analizando os efectos que delas deriven.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia óptase por manter, con carácter xeral, o modelo de limitacións que se viñan aplicando ata o momento, aínda que adaptadas á evolución da situación nos diferentes ámbitos territoriais da Comunidade Autonóma. Con esta finalidade actualízase o anexo do decreto en que se relacionan os concellos da Comunidade Autónoma aos cales lle son de aplicación as diferentes limitacións.

Así, a mellora da situación epidemiolóxica dos concellos de Corcubión, Curtis, Ponteceso, Moeche, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, A Peroxa, Toques e Guitiriz determina que pasen de estar sometidos ás máximas restricións (con limitacións de entrada e saída dos propios concellos e coa permanencia de grupos de persoas condicionada aos conviventes) a incluírse nos concellos recollidos na letra C do anexo e, polo tanto, suavízanse respecto deles as limitacións de mobilidade e admítense as reunións de ata catro non conviventes. Empeora, pola contra, a situación do concello de Soutomaior, que pasa a incluírse na letra A do anexo e, polo tanto, aplicaránselle ás máximas restriccións en canto a mobilidade e reunión, que queda limitada aos conviventes.

Por outra banda, a mellora da situación epidemiolóxica dos concellos da área sanitaria de Ferrol que, ata agora estaban incluídos na letra B do anexo e que, polo tanto, estaban sometidos a limitacións de mobilidade segundo as cales se restrinxía a entrada e saída de persoas deses ámbitos territoriais conxuntamente delimitados (Cedeira, Ferrol, Narón, Neda, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cerdido, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos, Ortigueira, Pontedeume, As Somozas e Valdoviño) pasan a integrarse na letra C.

Finalmente, actualízase a listaxe dos concellos que integran os puntos 1 e 2 da letra C do anexo, atendendo á súa evolución epidemiolóxica e tendo en conta, ademais, que nos concellos incluídos en cada un deses puntos, a mobilidade queda limitada unicamente aos demais concellos que estean na mesma situación.

Dentro do contexto de desescalada gradual e progresiva antes aludido, cómpre indicar, de acordo cos principios de necesidade e de proporcionalidade, en particular, que non se modifica neste decreto a situación das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, tendo en conta fundamentalmente a situación hospitalaria e, en particular, de ocupación de UCI por pacientes COVID-19, de acordo cos datos tidos en conta na elaboración deste decreto, que aconsellan esperar a que se produza unha melloría. Porén, as medidas vixentes respecto destas áreas serán obxecto de seguimento e de avaliación no seguinte subcomité clínico, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento nos próximos días, se se confirma e consolida a boa evolución apreciada.

Aprovéitase tamén este decreto para corrixir dous erros materiais de remisión advertidos no Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

O Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente deoutubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

Un. Modifícase o número 5 do punto primeiro, que queda coa seguinte redacción:

«5. Non estará sometida a ningunha restrición a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais nos que resulten de aplicación as limitacións previstas nos números 1, 2 e 3.».

Dous. Modifícase o número 1 do punto quinto, que queda coa seguinte redacción:

«1. Establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 4 do punto primeiro deste decreto.».

Tres. Modifícase o anexo do Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda coa redacción do anexo deste decreto.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 5 de marzo de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

A. Concellos en cuxo ámbito territorial queda restrinxida a entrada e saída de persoas:

Soutomaior.

B. Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos:

1) Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos da área sanitaria da Coruña: Aranga, Arteixo, Cambre, Carballo, Carral, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Paderne, Sada, Vilasantar, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado, Vilamaior, Vimianzo, Zas, Corcubión, Curtis, Ponteceso.

2) Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos da área sanitaria de Pontevedra: Barro, Cambados, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Ponte Caldelas, Vilaboa, Vilanova de Arousa, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Forcarei, O Grove, A Illa de Arousa, Moraña, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa.

C. Concellos entre os cales está permitida a mobilidade atendendo á súa similar situación epidemiolóxica:

1) A Pobra do Brollón, Guitiriz, Lourenzá, Porto do Son, Tordoia, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén, Cariño, Boborás.

2) Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Viveiro, Xermade, Xove, Allariz, Amoeiro, A Arnoia, Avión, Baltar, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beariz, Os Blancos, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Esgos, O Irixo, Larouco, Laza, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, Montederramo, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, A Pobra de Trives, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Verín, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio,Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Ames, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Agolada, Dozón, A Estrada, Lalín, Pontecesures, Rodeiro, Silleda, Valga, Vila de Cruces, Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vigo, Cedeira, Ferrol, Narón, Neda, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, Ares, Cabanas, A Capela, Cerdido, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos, Ortigueira, Pontedeume, As Somozas, Valdoviño, Moeche, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, A Peroxa, Toques, Baralla, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, A Pontenova, Rábade, Sober, Bande, Beade, Celanova, A Merca, A Mezquita, Punxín, Sandiás, Taboadela, Viana do Bolo, Verea, Xunqueira de Espadanedo, Arzúa, Dodro, Frades, Ordes, Rois, Moaña, Oia, Redondela.

Corrección de erros. Anexo redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 44, do 5 de marzo de 2021.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia