lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 34/2021, do 11 de febreiro, polo que se crea a categoría estatutaria de persoal médico de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde.

Publicado en: DOG 40 01/03/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece, no seu artigo 15.1, na redacción dada polo Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, que no ámbito de cada servizo de saúde se establecerán, modificarán ou suprimirán as categorías de persoal estatutario de acordo coas previsións do capítulo XIV e, de ser o caso, do artigo 13 da devandita lei. E, conforme o seu artigo 14.1, os servizos de saúde establecerán as diferentes categorías ou grupos profesionais existentes no seu ámbito de acordo co criterio de agrupación unitaria das funcións, competencias e aptitudes profesionais, das titulacións e dos contidos específicos da función que se vaia desenvolver.

Conforme o artigo 113.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a creación, modificación e supresión de categorías estatutarias realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Na actualidade, os servizos sanitarios enfróntanse a importantes retos para dar resposta aos cambios derivados do progresivo envellecemento da poboación, ao aumento dos pacientes crónicos, pluripatolóxicos e complexos, así como á crecente demanda asistencial e ao cambio en valores e expectativas da cidadanía sobre os coidados da súa saúde.

Neste contexto e ante a necesidade dun cambio de paradigma, os servizos sanitarios iniciaron un progresivo proceso de ambulatorización da asistencia sanitaria, ao cal contribuíron os avances tecnolóxicos e terapéuticos. Así, fíxose imprescindible despregar unha estratexia que aborde alternativas á hospitalización convencional, que sexa capaz de garantir aos/ás pacientes a mellor asistencia aos seus problemas de saúde co mínimo custo persoal e familiar, que teña un concepto transversal do proceso clínico e que sexa garante dunha transición adecuada entre a contorna hospitalaria e a domiciliaria, optimizando ademais a utilización dos recursos sanitarios.

Neste proceso xorde a hospitalización a domicilio (en diante, HADO), como unha alternativa asistencial que consiste nun modelo organizado capaz de dispensar un conxunto de atencións e coidados médicos e de enfermaría de rango hospitalario (proporcionados por profesionais da saúde e con recursos materiais propios do hospital), tanto en calidade como en cantidade, aos/ás pacientes no seu domicilio, cando xa non precisan da infraestrutura hospitalaria pero aínda necesitan de vixilancia activa e asistencia complexa. Cómpre engadir que diferentes estudos e revisións poñen de manifesto que a asistencia sanitaria dispensada pola HADO é efectiva, segura e eficiente, está moi ben valorada polos/polas pacientes e repercute positivamente na súa calidade de vida. Isto, unido á calidade da atención prestada polos equipos multidisciplinares expertos que integran as unidades e o seu importante papel na continuidade asistencial, fai que esta alternativa hospitalaria estea a posicionarse como un modelo asistencial consolidado e de futuro.

Trátase, por tanto, dunha actividade multidisciplinar que contribúe a humanizar a atención sanitaria, centrada no/na paciente, ao/á cal lle proporciona maior autonomía e seguridade, fomenta a continuidade asistencial mediante a súa coordinación co nivel de atención primaria, proporciona uns resultados similares á hospitalización convencional e permite a aplicación de políticas de eficiencia na xestión dos recursos públicos.

No ano 1959, a Organización Mundial da Saúde elaborou un informe técnico sobre a función dos hospitais na asistencia médica ambulatoria e domiciliaria, en que propugnaba a extensión das actividades hospitalarias fóra destes recintos, indicando que un sistema eficaz de asistencia domiciliaria exixe que o doente reciba no seu domicilio unha asistencia equivalente, en canto sexa posible, á proporcionada aos doentes nun hospital. Tamén postulaba que esta modalidade asistencial favorecía a individualización da asistencia médica, supoñía un aforro de prazas nos centros hospitalarios e comportaba un custo inferior respecto da hospitalización convencional.

Na actualidade, a hospitalización a domicilio é un servizo con demanda crecente que ten implicado a constitución de unidades específicas dentro das estruturas hospitalarias, debido á relevancia dos medios materiais e humanos implicados nesta modalidade asistencial. Asemade, o citado réxime atópase expresamente recoñecido no artigo 51 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A creación da categoría estatutaria de persoal médico de hospitalización a domicilio posibilitará establecer unha estrutura unificada e uns requisitos comúns de acceso.

O decreto consta de 6 artigos, nos cales se regulan o seu obxecto, o réxime de acceso á categoría que aquí se crea, o réxime xurídico e as funcións do persoal integrante, e as especificacións relativas ao cadro de persoal, retribucións e xornada.

Engádense tamén tres disposicións transitorias. As dúas primeiras regulan, respectivamente, a ordenación do persoal estatutario fixo adscrito ás actuais unidades de hospitalización a domicilio, e do persoal estatutario temporal adscrito ás devanditas unidades. Con elas preténdese garantir a necesaria continuidade das actuais unidades e equipos de traballo de hospitalización a domicilio, e impulsar ao mesmo tempo a implantación da nova categoría. En concreto, no que se refire ao persoal fixo, prevese, por unha parte, que manteña a súa adscrición ás unidades, e, por outra, que, con carácter excepcional, se tramite unha convocatoria específica para o acceso á nova categoría, aberta ao persoal médico fixo que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde as funcións propias daquela. A disposición transitoria terceira regula o réxime aplicable aos servizos prestados antes da entrada en vigor deste decreto. Pechan o texto unha disposición derrogatoria e dúas derradeiras, relativas á habilitación normativa e á súa entrada en vigor.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sendo obxecto de publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia a efectos do previsto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Asemade, o proxecto foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, informe da dirección xeral competente en materia de función pública e da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade. Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal das Institucións Sanitarias do Servizo Galego de Saúde e co voto favorable das organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e o Sindicato Unión General de Trabajadores (UGT).

Por último, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade e eficiencia, a norma persegue un interese xeral, que é a creación dunha nova categoría estatutaria, e recolle as normas precisas para tal fin e sen impoñer maiores obrigas e cargas ca as necesarias. En virtude dos principios de seguridade xurídica e simplicidade, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico. En cumprimento dos principios de transparencia e accesibilidade, identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía, singularmente mediante a publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación, no Servizo Galego de Saúde, da categoría estatutaria de persoal médico de hospitalización a domicilio (en diante, persoal médico de HADO), dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel licenciado ou graduado con título de especialista en ciencias da saúde (subgrupo A1). Regúlanse tamén o acceso á citada categoría e as súas funcións, ao tempo que se conteñen previsións respecto dos procesos de mobilidade e en materia de retribucións e xornada.

Artigo 2. Acceso

1. Para acceder á categoría de persoal médico de HADO, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título universitario oficial de graduado/a ou licenciado/a en medicina, xuntamente co título oficial de médica/o especialista en medicina familiar e comunitaria, medicina interna ou xeriatría; ou ben, de ser o caso, a certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de medicina xeral no Sistema Nacional de Saúde. Cando se trate de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberá achegarse, ademais, o documento que acredite fehacientemente a súa homologación e o recoñecemento, respectivamente.

Así mesmo, deberase posuír o permiso de conducir da clase B ou equivalente.

2. Será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo desta categoría a superación das correspondentes probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego e consonte o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e na restante normativa aplicable.

3. A selección do persoal temporal efectuarase polo procedemento que se estableza de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

4. Os procesos de selección para o acceso á categoría de persoal médico de HADO e os procesos de provisión de prazas desa categoría terán carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.

A oferta ou ofertas de emprego público negociaranse na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal das Institucións Sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e o número de prazas que se convoquen nos respectivos procesos de selección e concurso de traslados determinarase tras a negociación na devandita mesa.

5. Na fase de concurso dos procesos de acceso, así como nos concursos de traslados, valorarase necesariamente a experiencia profesional en postos da mesma categoría estatutaria e/ou similar contido funcional prestados en unidades de hospitalización a domicilio (en diante, HADO), nos termos que determine a correspondente convocatoria.

Así mesmo, na correspondente convocatoria deberá incluírse como mérito a formación específica nas áreas de hospitalización a domicilio.

Artigo 3. Réxime xurídico

A relación de servizo do persoal da categoría creada neste decreto co Servizo Galego de Saúde rexerase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro; pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola normativa en materia de emprego público, nos termos previstos nela, polo presente decreto e pola restante normativa aplicable ao persoal estatutario do organismo.

Artigo 4. Funcións

1. O persoal da categoría de persoal médico de HADO realizará todas as funcións e actividades inherentes ou derivadas da asistencia médica directa aos/ás doentes no seu domicilio, así como o seu seguimento, en colaboración e coordinación co resto dos servizos hospitalarios e de atención primaria, de ser o caso, da correspondente área sanitaria.

2. A prestación de servizos desta categoría desenvolverase no domicilio do/da paciente, dentro da demarcación territorial da correspondente área sanitaria, así como no propio hospital de referencia.

3. O persoal da categoría estatutaria de persoal médico de HADO integrarase nas unidades ou servizos de hospitalización a domicilio no ámbito das institucións sanitarias hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.

4. As funcións desenvolveranse sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos/das profesionais doutras categorías e especialidades que actúen no correspondente equipo ou unidade asistencial.

5. Corresponderá ao persoal médico de HADO, con carácter xeral, desenvolver as seguintes funcións:

a) Valorar as solicitudes de ingreso de pacientes en HADO, procedentes de atención primaria ou atención hospitalaria, e decidir o ingreso cando proceda.

b) Responder no tempo e na forma ás interconsultas realizadas por outros/as profesionais de atención primaria ou atención hospitalaria.

c) Prestar asistencia sanitaria aos/ás pacientes ingresados/as a cargo da unidade de HADO, no seu domicilio e dentro do horario da unidade, tanto en visitas programadas como urxentes.

d) Decidir e organizar o traslado dos/das pacientes que o precisen, desde o seu domicilio e ata o centro hospitalario, para a realización das exploracións complementarias necesarias, a administración de tratamentos ou para o ingreso daqueles cando as circunstancias asistenciais o aconsellen.

e) Informar o/a paciente e/ou, de ser o caso, os seus familiares do seu proceso clínico, exploracións complementarias, diagnóstico, posibilidades de tratamento e actuacións previstas, riscos e outras posibilidades de tratamento, así como doutros aspectos que afecten a evolución do proceso.

f) Unha vez finalizada a asistencia, emitir o parte de alta do/da paciente en HADO, así como entregarlle copia do informe clínico de alta.

g) Elaborar os demais informes establecidos pola normativa de aplicación, nos casos en que corresponda.

h) Supervisar o proceso asistencial e formativo do persoal ao seu cargo.

i) Xestionar responsablemente, de maneira eficaz e eficiente, os recursos asignados.

j) Participar no desenvolvemento e mantemento dos sistemas de información do centro hospitalario relacionados coa súa actividade.

k) Participar nos programas de investigación, no plan de formación, así como nas actividades de mellora da calidade e seguridade do/da paciente, relacionados coa súa actividade asistencial.

l) Colaborar e coordinar a súa actuación asistencial coa do resto dos dispositivos de asistencia sanitaria dependentes do Servizo Galego de Saúde, de atención primaria e hospitalaria e da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, poñendo en valor o modelo de atención compartida cos/coas profesionais deses dispositivos e dos centros residenciais.

m) Calquera outra función relacionada, por razón do seu contido e finalidade, coas anteriores.

6. As funcións de organización e xestión recollidas neste artigo exerceranse de acordo coas liñas organizativas marcadas pola Dirección do centro.

Artigo 5. Cadro de persoal

1. Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellería con competencias en materia de sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural.

2. Esta medida de dotación de postos de carácter estrutural farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Artigo 6. Retribucións e xornada

1. As retribucións de persoal médico de HADO serán as mesmas que se establecen na Lei 55/2003, do 16 de decembro, e na restante normativa aplicable para o persoal estatutario facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde.

2. A xornada ordinaria anual do persoal médico de HADO será a establecida para o colectivo de persoal facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde.

O seu réxime de xornada poderá comprender a realización de xornada complementaria como gardas médicas, de acordo coas necesidades asistenciais e coa organización funcional e do traballo existentes nas unidades de hospitalización a domicilio.

Disposición transitoria primeira. Ordenación do persoal estatutario fixo adscrito ás actuais unidades de hospitalización a domicilio

1. O persoal médico con nomeamento estatutario fixo que, con independencia da categoría e especialidade que posúa, estea adscrito a unidades ou dispositivos de hospitalización a domicilio no Servizo Galego de Saúde no momento da entrada en vigor deste decreto, e realizando funcións propias da categoría de nova creación, continuará no seu desempeño.

2. Unha vez que os correspondentes postos fiquen vacantes por calquera das causas legalmente previstas e en función das necesidades asistenciais, serán amortizados e poderán transformarse, de ser o caso, en postos da categoría de persoal médico de HADO, de conformidade co disposto no artigo 5.

3. Non entanto, o disposto no artigo 2.2 deste decreto, realizarase con carácter transitorio e excepcional unha convocatoria diferenciada e específica para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e ás prazas concretas de persoal médico de hospitalización a domicilio, nos termos previstos no artigo 34 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e do artigo 25.3 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Esta convocatoria estará aberta ao persoal médico con vínculo de fixeza que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde, na data de entrada en vigor deste decreto ou con anterioridade, as funcións propias da nova categoría.

As persoas seleccionadas e nomeadas persoal médico de HADO estatutario fixo poderán solicitar o pase á situación de excedencia por prestación de servizos no sector público na categoría de orixe.

4. O persoal fixo a que alude o anterior número 1, que non participe na convocatoria específica ou participe pero non resulte seleccionado, integrarase na actividade e prestación de servizos da unidade nas mesmas condicións, e coa mesma dependencia xerárquica e funcional, ca o resto do persoal.

Disposición transitoria segunda. Ordenación do persoal estatutario temporal adscrito ás actuais unidades de hospitalización a domicilio

1. O persoal médico con nomeamento estatutario temporal que estea adscrito ás unidades ou dispositivos de hospitalización a domicilio no Servizo Galego de Saúde no momento de entrada en vigor deste decreto e realizando funcións propias da categoría de nova creación, continuará no seu desempeño e procederase no entanto á novación do seu vínculo estatutario, sempre e cando cumpra cos requisitos de titulación previstos no artigo 2.

2. Esta novación suporá a modificación da vinculación orixinaria e a expedición dun novo nomeamento estatutario, así mesmo temporal, da categoría de persoal médico de HADO.

Disposición transitoria terceira. Servizos prestados antes da entrada en vigor deste decreto

Os servizos prestados antes da entrada en vigor deste decreto como persoal médico nas unidades ou nos dispositivos de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na categoría de persoal médico de HADO para os efectos dos procesos de selección de persoal estatutario, fixo ou temporal, e dos procesos de provisión de prazas desa categoría.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no ámbito da organización e das materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas na sección de disposicións xerais do DOG. Consulte a información contida ao respecto na sección preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia