lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 26/2021, do 15 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Publicado en: DOG 30 15/02/2021

Departamento: Presidencia da Xunta

Estado: En vigor

PDF

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións, para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Finalmente, ditouse o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia impón no momento actual a necesidade de que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade, en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 15 de febreiro de 2021, obsérvase o seguinte:

– A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 150 e 410 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 7 de febreiro (235 e 591 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente).

– A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro, e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -5,8 %, o que está a indicar un descenso continuo, xa que o 7 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era de 5,3 %.

– O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, continúa mostrando unha tendencia descendente que baixa de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección.

– No que respecta á hospitalización de casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 862,7, o que significa un descenso de 14,6 % respecto dos acumulados con data do 7 de febreiro, en que era de 1009,7. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 223,7 ingresados acumulados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 14,6 % respecto dos acumulados con data do 7 de febreiro, que era de 261,8.

– En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 220,1 o que supón un descenso de 3,4 % a respecto do día 7 de febreiro, que foi de 235,3. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 57,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 6,4 respecto do día 7, en que era de 61 ingresados en UCI por 100.000 habitantes.

– Nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 41 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. O 25 % destes concellos (14 concellos) acadan taxas iguais ou maiores aos 500 casos por cen mil habitantes, o que supón unha melloría respecto do día 7 de febreiro, en que eran 34 os concellos con esta taxa (o 62 % do total dos concellos).

– No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 137 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes (53 % do total dos concellos), 50 menos que no día 7 de febreiro.Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 60 destes concellos (23 % dos concellos de menos de 10.000 habitantes), 52 concellos menos que o día 7 de febreiro.

Segundo os datos reflectidos neste informe, o cambio na tendencia da taxa de incidencia mantense en descenso, superando o cumio da onda desde o 22 de xaneiro.

A pesar do descenso da incidencia, a taxa a 14 días segue a ser superior aos 250 casos por cen mil habitantes, nivel que se considera de alto risco de transmisión, e hai áreas sanitarias cunha incidencia que supera os 500 casos por cen mil habitantes, sen que ningunha baixe dos 300 casos por cen mil habitantes.

Ademais, a incidencia a 7 días segue por riba dos 100 casos por 100.000 habitantes.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír respecto do 7 de febreiro. Non obstante, o número de ingresos é elevado (especialmente nas unidades de críticos) e un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Á vista da situación existente, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda, polo momento, o mantemento das medidas de restrición existentes desde o día 27 de xaneiro.

En efecto, debe terse en conta que a situación actual se caracteriza por unha elevada presión hospitalaria, cun número de persoas ingresadas nas UCI superior ao rexistrado no peor momento da primeira onda da pandemia, así como un nivel de hospitalizacións superior ao da segunda onda. Debe terse tamén presente que a situación de contaxio explosivo pode deberse á circulación en Galicia de novas variantes do virus.

Resulta, pois, necesario manter medidas que tenden á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega, que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultado esperados.

Debe destacarse que a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En efecto, na situación actual, na cal existe unha taxa de incidencia que se considera de alto risco de infección, resulta aínda imprescindible manter as medidas, tendentes en definitiva a limitar a interacción social e, polo tanto limitar os niveis de transmisión, con vistas a que se dean as condicións para unha apertura gradual, progresiva e segura.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixe a o mantemento da eficacia das seguintes medidas adoptadas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, na condición de autoridade competente delegada, coas modificacións que se recollen no presente decreto:

a) Limitacións á entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

b) Limitación con carácter xeral, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas, que terán que estar conformados unicamente por conviventes, en espazos de uso público e de uso privado, agás en determinados supostos excepcionais e xustificados.

A medida de limitación de grupos resulta necesaria, adecuada e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social entre persoas non conviventes, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio.

Procede advertir, ademais, de que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que seguirá estando matizada por unha serie de importantes excepcións.

c) Como excepción ás limitacións de entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos galegos e de permanencia en grupos constituídos soamente por conviventes, mantense a posibilidade de levar a cabo accións de caza colectiva sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo nos supostos expresamente recollidos no punto sexto do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro.

d) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Trátase de manter os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co fin de previr e reducir o risco de transmisión.

e) Limitación da mobilidade nocturna no período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, durante o cal soamente se poderá circular polas vías e polos espazos públicos para a realización de determinadas actividades.

f) Limitación da entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de evitar desprazamentos de poboación, salvo nos supostos adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 2 do punto primeiro deste decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no número 3 do punto primeiro.

De acordo co artigo 9 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, dado que o peche perimetral pretendido afecta a fronteira terrestre cun terceiro Estado, comunicarase a adopción da medida, con carácter previo, ao Ministerio do Interior e ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Por último, cómpre indicar que estas medidas terán efecto entre as 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2021 e as 00.00 horas do día 3 de marzo de 2021. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas serán obxecto de seguimento e de avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

1. A letra n) do número 2 do punto primeiro do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos pola Orde da Consellería de Sanidade, do 15 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá establecer requisitos, condicións e limitacións os desprazamentos correspondentes á actividade deportiva federada de ámbito autonómico.».

2. A actual letra n) do número 2 do punto primeiro do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, pasa a ser a letra ñ).

3. O As letras e) e f) do número 2 do punto segundo do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.».

«f) As actividades previstas no anexo da Orde da Consellería de Sanidade, do 15 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.».

4. O número 1 do punto quinto do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«1. Entre o día 17 de febreiro de 2021, ás 00.00 horas, e o día 3 de marzo de 2021, ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 2 do punto primeiro deste decreto.».

5. O punto sétimo do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:

«Sétimo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto rematará ás 00.00 horas do día 3 de marzo de 2021, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.».

Segundo. Eficacia

Este decreto producirá efectos desde ás 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2021.

Terceiro. Recursos

Contra este decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente da Xunta de Galicia

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas na sección de disposicións xerais do DOG. Consulte a información contida ao respecto na sección preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia