lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 23/2021, do 4 de febreiro, polo que se crean e se regulan os rexistros de Intermediarios de Crédito Inmobiliario e de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 29 12/02/2021

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública

Estado: En vigor

PDF

I

A Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario, ten por obxecto, segundo o disposto no seu artigo 1, establecer determinadas normas de protección das persoas físicas que sexan debedoras, fiadoras ou garantes de préstamos que estean garantidos mediante hipoteca ou outro dereito real de garantía sobre bens inmobles de uso residencial ou cuxa finalidade sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou inmobles construídos ou por construír. Conforme o previsto na súa disposición derradeira décimo cuarta, mediante a dita lei incorpórase parcialmente ao ordenamento xurídico español a Directiva 2014/17/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 4 de febreiro de 2014, sobre os contratos de crédito subscritos cos consumidores para bens inmobles de uso residencial e pola que se modifican as directivas 2008/48/CE e 2013/36/UE e o Regulamento (UE) nº 1093/2010. Ademais da dita transposición parcial, a lei introduce outras previsións coa finalidade de potenciar a seguranza xurídica, a transparencia e a comprensión, así como o xusto equilibrio entre as partes, respecto dos contratos incluídos no seu ámbito de aplicación, os cales, conforme o seu artigo 2.1, son os contratos de préstamo concedidos por persoas físicas ou xurídicas que realicen a dita actividade de maneira profesional, cando o prestameiro, fiador ou garante sexa unha persoa física e o dito contrato teña por obxecto a concesión de préstamos con garantía hipotecaria ou outro dereito real de garantía sobre un inmoble de uso residencial ou a concesión de préstamos cuxa finalidade sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou inmobles construídos ou por construír, sempre que, respecto destes últimos préstamos, o prestameiro, fiador ou garante sexa un consumidor. O mesmo precepto legal engade a precisión de que se entenderá que a actividade de concesión de préstamos hipotecarios se desenvolve con carácter profesional cando o prestamista, sexa persoa física ou xurídica, interveña no mercado de servizos financeiros con carácter empresarial ou profesional ou, mesmo de forma ocasional, cunha finalidade exclusivamente investidora. Quedan excluídos, non obstante, os supostos previstos no artigo 2.4 da dita lei.

A lei, como salienta a súa exposición de motivos, estende así o réxime xurídico previsto nela a todas as persoas físicas, con independencia de que sexan ou non consumidoras.

En relación co seu contido, tras unhas disposicións xerais, a lei establece normas de protección do prestameiro, o réxime xurídico dos intermediarios de crédito inmobiliario, os seus representantes designados e os prestamistas inmobiliarios e o correspondente réxime sancionador.

No que atinxe, en particular, ao réxime xurídico dos intermediarios de crédito inmobiliario, os seus representantes designados e os prestamistas inmobiliarios, o capítulo III da lei recolle, nas súas seccións 2ª, 3ª e 4ª, os requisitos de acceso á actividade e o réxime de supervisión, ben que, conforme o artigo 26.2 da lei, as previsións contidas nas ditas seccións non se aplicarán ás entidades de crédito, ás sucursais en España de entidades de crédito estranxeiras ou que operen en réxime de libre prestación de servizos, aos establecementos financeiros de crédito nin ás entidades de pagamento ou de diñeiro electrónico híbridas a que se refire o artigo 11 da Lei 5/2015, do 27 de abril, de fomento do financiamento empresarial.

Sentado o anterior, respecto dos intermediarios de crédito inmobiliario, os artigos 27 e 28 da lei prevén que, para poder desenvolver, total ou parcialmente, de forma válida as actividades de intermediación crediticia do artigo 4.5 da lei ou para prestar servizos de asesoramento, aqueles deberán estar inscritos no rexistro do Banco de España ou do órgano competente da Comunidade Autónoma, atendendo ao ámbito xeográfico da súa actuación. Nos artigos seguintes a lei recolle previsións relativas aos requisitos e ao procedemento para o recoñecemento e a inscrición, á información e publicidade do rexistro, á revogación do recoñecemento e cancelación da inscrición e ao réxime de supervisión dos intermediarios de crédito inmobiliario.

En relación cos representantes designados, o artigo 39 da lei recolle a obriga dos intermediarios de crédito inmobiliario de comunicaren ao rexistro en que estean inscritos os seus representantes designados e os seus establecementos, coa finalidade de que sexan inscritos no dito rexistro, e o artigo 41 somete aos representantes designados ao mesmo réxime de supervisión que o previsto para os intermediarios de crédito inmobiliario.

Por último, no que atinxe aos prestamistas inmobiliarios, conforme o artigo 42 da lei, a actividade de concesión ou xestión dos préstamos determinados no seu artigo 2.1 con carácter profesional só a poderán realizar aqueles prestamistas inmobiliarios debidamente inscritos no rexistro correspondente. De acordo cos números 3 e 5 do mesmo precepto, o recoñecemento e o rexistro dos Prestamistas Inmobiliarios que operen ou vaian operar exclusivamente dentro do ámbito territorial dunha comunidade autónoma corresponderá á autoridade competente designada en cada comunidade autónoma, a cal será tamén competente para a revogación do recoñecemento concedido. Finalmente, o artigo 42.1 da lei remite a un desenvolvemento regulamentario o establecemento dos requisitos que deben cumprir os prestamistas inmobiliarios para o dito rexistro.

Conforme a disposición derradeira décimo terceira da lei, esta dítase ao abeiro do establecido no artigo 149.1.6ª, 8ª, 11ª e 13ª da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva sobre lexislación mercantil, procesual, hipotecaria, ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, bases da ordenación de crédito, banca e seguro, e bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, respectivamente.

Mediante o Real decreto 309/2019, do 26 de abril, desenvólvese parcialmente a Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario e adóptanse outras medidas en materia financeira. No que aquí interesa, no artigo 5 do dito real decreto regúlanse os requisitos para a inscrición no Rexistro dos Prestamistas de Crédito Inmobiliario, e nas disposicións adicionais primeira e segunda recóllense previsións sobre o seguro de responsabilidade civil ou aval bancario dos intermediarios de crédito e sobre a cooperación do Banco de España con outras autoridades supervisoras competentes das comunidades autónomas, respectivamente. Xunto a iso, a disposición transitoria primeira do real decreto prevé expresamente o mantemento da vixencia da Orde EHA/2899/2011, do 28 de outubro, de transparencia e protección do cliente de servizos bancarios, en todo o que non sexa contraria á Lei 5/2019, do 15 de marzo, e ao real decreto citado. A dita orde, ademais, foi obxecto de modificación pola Orde ECE/482/2019, do 26 de abril, entre outros aspectos, no que atinxe aos requisitos mínimos de coñecementos e competencia exixibles ao persoal ao servizo do prestamista, intermediario de crédito inmobiliario ou representante designado.

O real decreto e as ordes ministeriais citadas ditáronse ao abeiro do establecido no artigo 149.1.6ª, 11ª e 13ª da Constitución española, que atribúe ao Estado competencia exclusiva sobre lexislación mercantil e lexislación procesual, así como sobre bases da ordenación de crédito, banca e seguro e bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, respectivamente.

Neste contexto normativo, e ao abeiro da competencia autonómica de desenvolvemento normativo e execución en materia de ordenación de crédito, o presente decreto crea e regula o Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario e o Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

O decreto estrutúrase en cinco capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e once anexos.

No capítulo I, relativo ás disposicións xerais, descríbese o obxecto do decreto, créanse os rexistros autonómicos, atribúese a súa xestión á dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito, e recóllese unha remisión ao cadro de definicións do artigo 4 da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

No capítulo II recóllense as regras xerais sobre o Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario e regúlase o procedemento de recoñecemento e de inscrición, así como a modificación de datos. O mesmo se fai no capítulo III en relación co Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios, respectando en ambos os casos as normas de obrigado cumprimento contidas na Lei 5/2019, do 15 de marzo, e no Real decreto 309/2019, do 26 de abril. Ademais, no capítulo II inclúese unha sección específica relativa aos representantes designados, tendo en conta a necesaria inscrición destes no Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario.

No capítulo IV determínase o órgano autonómico competente para a supervisión do cumprimento dos requisitos e das obrigas impostas aos intermediarios de crédito inmobiliario, aos seus representantes designados e aos prestamistas inmobiliarios, así como para o exercicio da potestade sancionadora cando esta corresponda á Administración autonómica, conforme as regras contidas na Lei 5/2019, do 15 de marzo.

E no capítulo V recóllense as previsións relativas á revogación do recoñecemento e á cancelación da inscrición no correspondente rexistro.

Por último, no decreto inclúense dúas disposicións adicionais relativas, respectivamente, á cooperación e á actualización dos modelos normalizados, unha disposición transitoria respecto das solicitudes presentadas antes da entrada en vigor do decreto, unha disposición derrogatoria xeral e dúas disposicións derradeiras, sobre a habilitación para o desenvolvemento normativo e a previsión de entrada en vigor do decreto o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, tendo en conta a necesidade de dar cumprimento sen demora ás previsións da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

No decreto incorpóranse, así mesmo, once anexos cos correspondentes formularios relativos á solicitude de recoñecemento e inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario ou de prestamistas inmobiliarios, á solicitude de recoñecemento e inscrición ou baixa no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única, á solicitude de inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, así como formularios que deben formar parte da documentación que se presentará con determinadas solicitudes.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento.

Por último, a norma adecúase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade e eficiencia, a norma persegue un interese xeral, que é o de dar cumprimento ás previsións da Lei 5/2019, do 15 de marzo, e na súa normativa de desenvolvemento, sobre a competencia autonómica en materia de recoñecemento, rexistro e supervisión de intermediarios de crédito inmobiliario, os seus representantes designados e prestamistas inmobiliarios, recollendo as normas necesarias para tal fin e sen impoñer maiores obrigas e cargas que as necesarias. En virtude do principio de seguranza xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e, en cumprimento do principio de transparencia, nela identifícanse con claridade os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía singularmente a través dos trámites de audiencia e publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto a creación do Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario e do Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, é obxecto deste decreto a regulación dos ditos rexistros, incluídos os seguintes procedementos relacionados:

a) FA300A Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito, modificación de datos ou solicitude de baixa no rexistro.

b) FA300B Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario vinculada a unha persoa prestamista única.

c) FA300C Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

d) FA300D Recoñecemento e inscrición no Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios, modificación de datos ou baixa no rexistro.

Artigo 2. Creación e xestión dos rexistros

1. Créanse o Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario e o Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A xestión de ambos os rexistros corresponderá á dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito.

Artigo 3. Definicións

Serán de aplicación, no que proceda, as definicións contidas no artigo 4 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario.

CAPÍTULO II Inscrición no Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario da Comunidade Autónoma de Galicia

Sección 1ª. Regras xerais

Artigo 4. Obriga de inscrición no rexistro

1. De acordo cos artigos 27 e 28 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, deberán estar inscritos no Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario da Comunidade Autónoma de Galicia, para poderen desenvolver, total ou parcialmente, de forma válida as actividades de intermediación crediticia a que se refire o artigo 4.5 da dita lei ou para prestar servizos de asesoramento, os intermediarios de crédito inmobiliario que operen ou vaian operar exclusivamente con prestameiros domiciliados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia de que, adicionalmente, desenvolvan ou pretendan desenvolver as súas actividades a través dunha sucursal ou en réxime de libre prestación de servizos noutros Estados diferentes do español, sempre que a sede da súa administración central estea localizada en Galicia.

2. Conforme os números 2 e 3 do artigo 26 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, o disposto no número anterior non será de aplicación a:

a) Entidades de crédito.

b) Sucursais en España de entidades de crédito estranxeiras ou que operen en réxime de libre prestación de servizos.

c) Establecementos financeiros de crédito.

d) Entidades de pagamento ou de diñeiro electrónico híbridas a que se refire o artigo 11 da Lei 5/2015, do 27 de abril, de fomento do financiamento empresarial.

e) Persoas que realicen as actividades de intermediación de crédito previstas no artigo 4.5 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, sempre que as ditas actividades se exerzan de forma accesoria no marco dunha actividade profesional regulada por disposicións legais ou regulamentarias que non exclúan a prestación de tales actividades ou servizos, e sempre que a actividade de intermediación de crédito, sen constituír a súa actividade principal, estea intimamente relacionada coa prestación do contrato principal subscrito entre o profesional e o prestameiro.

Artigo 5. Requisitos para a inscrición no rexistro

De acordo co artigo 29 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, a inscrición no rexistro requirirá a verificación previa do cumprimento dos requisitos para poder operar previstos na dita lei e na súa normativa de desenvolvemento, por parte da autoridade competente para a súa xestión.

Artigo 6. Información e publicidade do rexistro

A información que conterá o rexistro e o réxime de publicidade da dita información rexeranse polo disposto nos artigos 29.4 e 31 da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

Sección 2ª. Procedemento de recoñecemento como intermediario de crédito inmobiliario e de inscrición no rexistro

Artigo 7. Iniciación

O procedemento FA300A, de recoñecemento como intermediario de crédito inmobiliario e de inscrición no Rexistro de Intermediarios de Crédito Inmobiliario da Comunidade Autónoma de Galicia, iniciarase por solicitude que deberá ser presentada pola persoa que pretenda operar como intermediario de crédito inmobiliario. Exceptúase o suposto de intermediarios de crédito vinculados a un só prestamista, en que, conforme o disposto no artigo 30.3 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, corresponderá ao dito prestamista presentar a solicitude de recoñecemento e de inscrición do intermediario no rexistro que dará inicio ao procedemento FA300B.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados, anexos I ou VI, segundo se trate, respectivamente, de solicitudes presentadas por quen pretenda operar como intermediario de crédito inmobiliario ou polo prestamista único, conforme o disposto no artigo anterior. Os ditos formularios estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación que se deberá presentar coa solicitude

1. As solicitudes deben ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto.

b) Documento acreditativo da representación, de ser o caso.

c) No caso de persoas xurídicas que pretendan operar como intermediarios de crédito inmobiliario, copia da escritura ou do documento de constitución, dos estatutos ou da acta fundacional, en que consten as normas polas que se rexe a súa actividade, e, de ser distinta daquela, da documentación relativa ao nomeamento das persoas administradoras da entidade, así como da documentación xustificativa da inscrición, de ser o caso, no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.

d) No caso de persoas físicas que pretendan operar como intermediarios de crédito inmobiliario, documentación acreditativa da alta como autónomo e do CNAE.

e) Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil profesional ou do aval bancario previsto no artigo 36 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, e na disposición adicional primeira do Real decreto 309/2019, do 26 de abril, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario e se adoptan outras medidas en materia financeira. Alternativamente, poderá achegarse certificado da compañía de seguros coa cal se contratase o seguro de responsabilidade civil profesional que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 36 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, e na disposición adicional primeira do Real decreto 309/2019, do 26 de abril.

f) Ficha de identidade do intermediario co contido previsto no artigo 35 da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

g) Descrición dos requisitos de información e dos procedementos para a resolución das reclamacións dos prestameiros.

Con respecto aos requisitos de información, débese xuntar a declaración que figura no anexo II e, en relación cos procedementos de resolución de reclamacións, deberá achegarse un documento coa súa política interna xustificativo da súa capacidade técnica e operativa que inclúa a seguinte información: (i) composición da área responsable de resolver queixas ou reclamacións; (ii) dependencia xerárquica da área; (iii) nomeamento do responsable; (iv) preparación e coñecementos do persoal desa área; (v) rexistro e tramitación de queixas e reclamacións; (vi) obrigación de resolver en menos dun mes e carácter vinculante da resolución só para o intermediario; (vii) canle para trasladar ao reclamante a resolución; (viii) información do prazo máximo dun ano desde a presentación para que o reclamante acuda á Administración autonómica; e (ix) enderezo de correo electrónico.

Excepcionalmente, no caso de que a persoa solicitante sexa persoa física ou teña un persoal inferior a 5 persoas, o documento de política interna poderá substituírse por unha declaración responsable sobre a súa capacidade técnica e operativa que inclúa o seguinte contido: (i) existencia dun rexistro de queixas e reclamacións; (ii) obrigación de resolver en menos dun mes e carácter vinculante da resolución só para o intermediario; (iii) canle para trasladar ao reclamante a resolución; (iv) información do prazo máximo dun ano desde a presentación para que o reclamante acuda á Administración autonómica; e (v) enderezo de correo electrónico.

h) Documentación acreditativa da designación de representante ante o Servizo Executivo da Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais e Infraccións Monetarias, conforme o previsto no artigo 35.1 do Regulamento da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, aprobado polo Real decreto 304/2014, do 5 de maio, cando se cumpran os requisitos establecidos no artigo 31.1 da dita norma.

i) Copia do plan de formación nos coñecementos e competencias a que se refire o artigo 16 da Lei 5/2019, do 5 de marzo, e a súa normativa de desenvolvemento. O dito plan debe informar sobre o procedemento establecido para asegurar a formación continua do persoal e o compromiso de que o plan será revisado periodicamente, indicando o prazo de revisión.

j) Declaración de honorabilidade comercial e profesional, conforme o previsto no anexo III, debidamente cuberta con información relativa á persoa que pretenda operar como intermediario, no caso de ser esta persoa física. No caso de ser persoa xurídica, deberá achegarse un formulario por cada un dos administradores e, de ser algún destes persoa xurídica, tamén un formulario relativo á persoa física representante.

k) Documentación acreditativa, conforme o previsto no anexo III, de que a persoa que pretenda operar como intermediario, no caso de ser esta persoa física, ou os administradores daquela, de ser persoa xurídica, dispoñen do nivel de coñecementos e competencia a que se refire o artigo 16 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, e a súa normativa de desenvolvemento. No caso de que algún dos administradores sexa persoa xurídica, a documentación prevista nesta letra deberá referirse á persoa física representante.

l) Documentación xustificativa do aboamento da taxa correspondente.

m) No caso de solicitude de recoñecemento e rexistro como intermediario de crédito inmobiliario dunha persoa xurídica, anexos IV e V debidamente cubertos, relativos aos datos das persoas administradoras e, no caso de ser algunha destas unha persoa xurídica, tamén aos datos das persoas físicas representantes e á comprobación de tales datos.

No caso de intermediarios de crédito persoa física vinculados a un só prestamista, os mesmos anexos IV e V cos datos da persoa física e comprobación de datos.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación e consulta de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade/NIE/NIF da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, así como, no suposto de que se solicite o recoñecemento e rexistro dunha persoa xurídica, de cada un dos administradores e, de ser algún destes persoa xurídica, da persoa física representante. No caso de presentación da solicitude por un prestamista único, tamén se consultará o documento nacional de identidade/NIE/NIF da persoa física cuxo recoñecemento e rexistro como intermediario de crédito inmobiliario vinculado ao dito prestamista se solicita.

b) Certificado de antecedentes penais da persoa que pretenda operar como intermediario, no caso de ser esta persoa física. No caso de persoas xurídicas, certificado de antecedentes penais de cada un dos administradores e, se algún dos membros do órgano de administración é unha persoa xurídica, deberá presentarse un certificado de antecedentes penais desta última.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no correspondente formulario e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de documentos previamente achegados a algunha Administración, observarase o disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11 . Emenda da solicitude

Se a solicitude non reúne os requisitos indicados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Instrución

1. Os expedientes serán instruídos pola subdirección xeral con competencias en materia de ordenación de crédito.

2. Levaranse a cabo os actos de instrución necesarios para verificar o cumprimento dos requisitos para a inscrición exixidos na Lei 5/2019, do 15 de marzo, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderáselles requirir ás persoas solicitantes a información adicional que se considere necesaria para comprobar o cumprimento dos ditos requisitos, e poderase acordar a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Trámite de audiencia e proposta de resolución

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas ou, se é o caso, ás persoas representantes, nos termos previstos no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución que será elevada, xunto co resto do expediente, ao órgano competente para resolver.

Artigo 15. Resolución, prazo para resolver e silencio administrativo

1. A competencia para ditar a resolución do procedemento corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación do crédito.

2. A resolución será motivada e congruente, nos termos exixidos polo artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de cumprimento dos requisitos para a inscrición, na resolución recoñecerase a condición de intermediario de crédito inmobiliario e ordenarase a inscrición no rexistro.

3. De acordo co artigo 30.1.a) da Lei 5/2019, do 15 de marzo, o prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. De non ditarse e notificarse a resolución no prazo indicado no número anterior, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 30.1.b) da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 3ª. Modificación de datos

Artigo 17. Modificación de datos

1. Os intermediarios de crédito inmobiliario inscritos no rexistro deberán comunicar todas as modificacións que se produzan nalgún dos datos previamente achegados no prazo máximo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a correspondente modificación. No caso de intermediarios de crédito inmobiliario vinculados a un só prestamista, será este último o que realice a comunicación.

2. No caso de modificación de datos inscritos no rexistro, conforme o artigo 31 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, deberá presentarse unha solicitude de modificación de datos, conforme o modelo do anexo I ou, no caso de intermediarios de crédito inmobiliario vinculados a un único prestamista, ao do anexo VI. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que reflicta os cambios producidos e da xustificativa do aboamento da taxa correspondente, e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Tras a presentación da solicitude seguiranse os trámites previstos nos artigos 11 a 14. Tamén será de aplicación, no que proceda, o disposto no artigo 10 respecto da comprobación de datos. A competencia para a resolución corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación do crédito e o prazo máximo para resolver será de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

3. No caso de que as modificacións afecten outros datos dos relacionados no artigo 9 previamente achegados, deberá presentarse unha comunicación axustada ao modelo do anexo VII. A comunicación deberá ir acompañada da documentación que reflicta os cambios producidos e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

4. Quedan exceptuadas do disposto nos números anteriores as modificacións dos datos relativos aos representantes designados, respecto das cales se aplicará o disposto no artigo seguinte.

Sección 4ª. Dos representantes designados

Artigo 18. Inscrición, modificación de datos e baixa no rexistro de representantes designados

1. Conforme o artigo 39 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, os intermediarios de crédito inmobiliario inscritos no rexistro deberán comunicar os seus representantes designados e os seus establecementos coa finalidade de seren inscritos no dito rexistro.

Así mesmo, unha vez inscritos no rexistro os representantes designados, os respectivos intermediarios de crédito inmobiliario deberán comunicar as posibles modificacións dos datos relativos a aqueles inicialmente comunicados, así como a perda da condición de representante designado para os efectos da súa constancia rexistral.

2. Co fin de dar cumprimento ás ditas obrigas legais, deberá solicitarse a inscrición, modificación de datos rexistrais ou baixa no rexistro no prazo máximo de 15 días hábiles desde que se produzan os feitos obxecto de comunicación, que deberán axustarse ao modelo previsto no anexo VIII, acompañado do anexo IX debidamente cuberto e da documentación xustificativa do aboamento da taxa correspondente, e presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https:// sede.xunta.gal.

Presentada a solicitude e logo dos trámites de instrución necesarios, a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de ordenación de crédito resolverá sobre a solicitude no prazo dun mes contado desde a recepción desta.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos no artigo anterior consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) Documento nacional de identidade/NIE/NIF da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante desta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo correspondente e achegar os documentos

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

CAPÍTULO III Inscrición no Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia

Sección 1ª. Regras xerais

Artigo 20. Obriga de inscrición no rexistro

De acordo co artigo 42 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario, os prestamistas inmobiliarios definidos no artigo 4.2 da dita lei que operen ou vaian operar exclusivamente dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con excepción das entidades de crédito, dos establecementos financeiros de crédito e das sucursais en España de entidades de crédito, deberán estar inscritos no Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia para poder realizar a actividade de concesión ou xestión dos préstamos determinados no artigo 2.1 daquela lei con carácter profesional.

Artigo 21. Requisitos para a inscrición no rexistro

A inscrición no rexistro requirirá a verificación previa do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 5 do Real decreto 309/2019, do 26 de abril.

Artigo 22. Información do rexistro e acceso

1. O rexistro deberá conter os nomes ou as denominacións dos prestamistas inmobiliarios así como, no caso de persoas xurídicas, os das persoas administradoras destas.

2. O acceso aos datos do rexistro efectuarase nos termos e condicións establecidos na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Sección 2ª. Procedemento de recoñecemento como prestamista inmobiliario e de inscrición no rexistro

Artigo 23. Iniciación

O procedemento de recoñecemento como prestamista inmobiliario e de inscrición no Rexistro de Prestamistas Inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia iniciarase por solicitude da persoa que pretenda operar como prestamista inmobiliario.

Artigo 24. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo X, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 25. Documentación que se deberá achegar coa solicitude

1. As solicitudes deben ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Anexo XI debidamente cuberto.

b) Documento acreditativo da representación, se é o caso.

c) No caso de persoas xurídicas, copia da escritura ou do documento de constitución, dos estatutos ou da acta fundacional, en que consten as normas polas que se rexe a súa actividade e, de ser distinta daquela, da documentación relativa ao nomeamento das persoas administradoras da entidade, así como da documentación xustificativa da inscrición, se é o caso, no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.

d) No caso de persoas físicas, se é o caso, documentación acreditativa da alta como autónomo e do CNAE.

e) Descrición dos procedementos escritos e da capacidade técnica e operativa con que se conta para o axeitado cumprimento dos requisitos de avaliación da solvencia do prestameiro e potencial prestameiro a que se refire o artigo 11 da Lei 5/2019, do 15 de marzo.

f) Ficha de identidade do prestamista co contido previsto nas letras a), b), d) e f) do artigo 35.1 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, que debe ter, polo menos, o seguinte contido: (i) identidade e domicilio; (ii) o rexistro en que estea rexistrado e o seu número; (iii) se ofrece servizos de asesoramento e, en caso afirmativo, se son independentes; (iv) os procedementos para realizar reclamacións extraxudiciais contra os prestamistas e vías de acceso aos ditos procedementos.

g) Descrición dos medios internos con que se conta para a resolución das queixas e reclamacións que presenten os potenciais prestameiros ou garantes relacionadas cos seus intereses e dereitos legalmente recoñecidos e que deriven de presuntos incumprimentos da Lei 5/2019, do 15 de marzo, das súas normas de desenvolvemento, dos estándares ou das boas prácticas e usos financeiros que resulten aplicables. Para estes efectos, deberase xuntar un documento coa súa política interna, xustificativo da súa capacidade técnica e operativa, que inclúa a seguinte información: (i) composición da área responsable de resolver queixas e reclamacións; (ii) dependencia xerárquica da área; (iii) nomeamento do responsable; (iv) preparación e coñecementos do persoal desa área; (v) rexistro e tramitación das queixas e reclamacións; (vi) obrigación de resolver en menos dun mes e carácter vinculante da resolución só para o prestamista; (vii) procedemento para trasladar ao reclamante a resolución; (viii) información do prazo máximo dun ano desde a presentación para que o reclamante acuda á Administración autonómica; e (ix) enderezo de correo electrónico.

Excepcionalmente, no caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa física ou teña un persoal inferior a 5 persoas, o documento de política interna poderase substituír por unha declaración responsable sobre a súa capacidade técnica e operativa que inclúa o seguinte contido: (i) existencia dun rexistro de queixas e reclamacións; (ii) obrigación de resolver en menos dun mes e carácter vinculante da resolución só para o prestamista; (iii) descrición do procedemento para trasladar a resolución ao reclamante; (iv) información do prazo máximo dun ano desde a presentación para que o reclamante acuda á Administración autonómica; e (v) enderezo de correo electrónico.

h) Documentación acreditativa da designación de representante ante o Servizo Executivo da Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais e Infraccións Monetarias, conforme o previsto no artigo 35.1 do Regulamento da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, aprobado polo Real decreto 304/2014, do 5 de maio.

i) Copia do plan de formación nos coñecementos e competencias a que se refire o artigo 16 da Lei 5/2019, do 5 de marzo, e a súa normativa de desenvolvemento. O dito plan debe informar sobre o procedemento establecido para asegurar a formación continua do persoal e o compromiso de que o plan será revisado periodicamente, indicando o prazo de revisión.

j) Declaración de honorabilidade comercial e profesional, conforme o previsto no anexo III, debidamente cuberto con información relativa á persoa que pretenda operar como prestamista inmobiliario, no caso de ser esta persoa física. No caso de ser persoa xurídica, deberá achegarse un formulario por cada un dos administradores e, de ser algún destes persoa xurídica, tamén un formulario relativo á persoa física representante.

k) Documentación acreditativa, conforme o previsto no anexo III, de que a persoa solicitante, no caso de ser esta persoa física, ou os administradores da persoa xurídica solicitante, dispoñen do nivel de coñecementos e competencia a que se refire o artigo 16 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, e a súa normativa de desenvolvemento. No caso de que algún dos administradores sexa persoa xurídica, a documentación prevista nesta letra deberá referirse á persoa física representante.

l) Documentación xustificativa do aboamento da taxa correspondente.

m) No caso de solicitude de recoñecemento e rexistro como prestamista inmobiliario dunha persoa xurídica, anexos IV e V debidamente cubertos relativos aos datos das persoas administradoras e, no caso de ser algunha delas persoa xurídica, tamén das persoas físicas representantes, así como a comprobación de tales datos.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 26. Comprobación e consulta de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade/NIE/NIF da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante, así como, no suposto de que se solicite o recoñecemento e rexistro dunha persoa xurídica, de cada un dos administradores e, de ser algún destes persoa xurídica, da persoa física representante.

b) Certificado de antecedentes penais da persoa que pretenda operar como prestamista, no caso de ser esta persoa física. No caso de persoas xurídicas, certificado de antecedentes penais de cada un dos administradores e, se algún dos membros do órgano de administración é unha persoa xurídica, deberá presentarse un certificado de antecedentes penais desta última.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no correspondente formulario e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de documentos previamente achegados a algunha Administración, observarase o disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 27. Emenda da solicitude

Se a solicitude non reúne os requisitos indicados requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 28. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 29. Instrución

1. Os expedientes serán instruídos pola subdirección xeral competente en materia de ordenación de crédito.

2. Levaranse a cabo os actos de instrución necesarios para verificar o cumprimento dos requisitos para a inscrición previstos no artigo 5 do Real decreto 309/2019, do 26 de abril. Así mesmo, poderá requirirse ás persoas solicitantes a información adicional que se considere necesaria para comprobar o cumprimento dos ditos requisitos, e poderase acordar a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 30. Trámite de audiencia e proposta de resolución

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas ou, se é o caso, ás persoas representantes, nos termos previstos no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución que será elevada, xunto co resto do expediente, ao órgano competente para resolver.

Artigo 31. Resolución, prazo para resolver e silencio administrativo

1. A competencia para ditar a resolución do procedemento corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito.

2. A resolución será motivada e congruente, nos termos exixidos polo artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de cumprimento dos requisitos para a inscrición, na resolución recoñecerase a condición de prestamista inmobiliario e ordenarase a inscrición no rexistro.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. De non ditarse e notificarse a resolución no prazo indicado no número anterior, poderá entenderse estimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 32. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 3ª. Modificación de datos

Artigo 33. Modificación de datos

1. Os prestamistas inmobiliarios inscritos no rexistro deberán comunicar todas as modificacións que se produzan nalgún dos datos previamente achegados, no prazo máximo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a correspondente modificación.

2. No caso de modificacións de datos inscritos no rexistro conforme o disposto no artigo 22, deberá presentarse unha solicitude de modificación de datos conforme o modelo do anexo X. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que reflicta os cambios producidos e da xustificativa do aboamento da taxa correspondente, e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Tras a presentación da solicitude seguiranse aos trámites previstos nos artigos 27 a 30. Tamén será de aplicación, no que proceda, o disposto no artigo 26 respecto da comprobación de datos. A competencia para a resolución corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación do crédito e o prazo máximo para resolver será de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

3. No caso de que as modificacións afecten outros datos dos relacionados no artigo 25 previamente achegados, deberá presentarse unha comunicación axustada ao modelo do anexo VII. A comunicación deberá ir acompañada da documentación que reflicta os cambios producidos e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

CAPÍTULO IV Supervisión e réxime sancionador

Artigo 34. Supervisión e réxime sancionador

1. Nos termos previstos nos artigos 33, 41 e 43 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, a dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito supervisará o cumprimento permanente das obrigas e dos requisitos indicados na dita lei e na súa normativa de desenvolvemento, por parte dos intermediarios de crédito inmobiliario, dos seus representantes designados e dos prestamistas inmobiliarios inscritos nos rexistros regulados neste decreto e velará, así mesmo, polo cumprimento da obriga de inscrición nos ditos rexistros.

2. Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 5/2019, do 15 de marzo. Cando, conforme o dito réxime, corresponda á Administración autonómica o exercicio da potestade sancionadora, tal potestade será exercida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito.

CAPÍTULO V Revogación do recoñecemento e cancelación da inscrición

Artigo 35. Revogación do recoñecemento e cancelación da inscrición no rexistro

1. De acordo cos artigos 32 e 42.5 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito poderá revogar o recoñecemento para operar como intermediario de crédito inmobiliario ou como prestamista inmobiliario nos seguintes supostos:

a) Renuncia expresa ao recoñecemento ou non ter levado a cabo actividades ou prestado ningún dos servizos do artigo 4.5 da Lei 5/2019, do 15 de marzo, no caso de intermediarios de crédito inmobiliario, ou do artigo 4.2 da mesma lei, no caso de prestamistas inmobiliarios, durante os seis meses inmediatamente anteriores ao inicio do expediente de revogación.

b) Ter obtido o recoñecemento por medio de declaracións falsas ou enganosas ou por calquera outro medio irregular.

c) Deixar de cumprir de maneira sobrevida os requisitos requiridos para a inscrición no correspondente rexistro, ou

d) Imposición da revogación mediante resolución sancionadora firme.

2. A renuncia prevista na letra a) do número anterior e a conseguinte solicitude de baixa no rexistro realizaranse axustándose ao modelo do anexo I ou X, segundo o caso, e presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. No caso de intermediarios de crédito inmobiliario vinculados a un só prestamista, será este último o que solicite a revogación do recoñecemento e a baixa no rexistro, conforme o modelo previsto no anexo VI.

3. Logo de audiencia á persoa interesada, a resolución que revogue o recoñecemento para operar como intermediario de crédito inmobiliario ou como prestamista inmobiliario, da cal se deixará constancia no rexistro correspondente, determinará a cancelación automática da inscrición.

No suposto previsto na letra a) do número 1, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren outras persoas interesadas nin sexan tidos en conta outros feitos ou alegacións que os aducidos pola persoa interesada.

4. De acordo co disposto na Lei 5/2019, do 15 de marzo, a resolución de revogación deberá comunicarse ao Banco de España de forma inmediata, sen que o prazo da comunicación poida superar os 10 días.

Disposición adicional primeira. Cooperación

A aplicación deste decreto realizarase no marco da cooperación prevista na Lei 5/2019, do 15 de marzo, na disposición adicional segunda do Real decreto 309/2019, do 26 de abril, e, en xeral, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

De acordo coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados neste decreto poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Solicitudes presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto

1. As solicitudes de recoñecemento e inscrición presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto serán tramitadas e resoltas conforme o disposto nel.

2. Exceptúanse do disposto no número anterior aquelas solicitudes que, no momento da entrada en vigor deste decreto, xa fosen estimadas por resolución expresa ou respecto das cales transcorrese o prazo para entendelas estimadas por silencio administrativo. Nestes casos, practicarase de oficio a inscrición no correspondente rexistro.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de ordenación de crédito para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o dia seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Valeriano Martínez García

Conselleiro de Facenda e Administración Pública

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas na sección de disposicións xerais do DOG. Consulte a información contida ao respecto na sección preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia