lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Publicado en: DOG 139 20/07/2012

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

Preámbulo

A Comunidade Autónoma de Galicia tiña unha débeda pendente coa mocidade galega, xa que, desde a aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia no ano 1981, moitas foron as tentativas de aprobar unha lei pensada por e para a xuventude, sen que chegase ningún proxecto a ver a luz.

O Goberno galego adoptou o compromiso de sacar a adiante esta Lei de xuventude, sendo consciente de que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas de España que non dispón dun texto de rango lexislativo que recolla as principais demandas e necesidades da mocidade.

Neste sentido, este proxecto non só é oportuno, senón que tamén constitúe unha necesidade técnica, xa que cómpre unificar e harmonizar toda a normativa anterior, antes dispersa e en ocasións incoherente. Así, procédese a derrogar a actual Lei reguladora do Consello da Xuventude de Galicia e o Decreto polo que se creaba o Observatorio Galego da Xuventude, que pasarán a estar regulados nesta Lei de xuventude de Galicia.

Por outra banda, era necesario reforzar a transversalidade e a coordinación das políticas públicas en materia de xuventude, máxime cando son unhas políticas cunha orientación única cara ás persoas. Así, a transversalidade, definida como a coordinación a nivel sectorial entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia, e a coordinación, definida como a transversalidade a nivel territorial co resto de administracións públicas que operan no territorio, considéranse eixes fundamentais da nova norma que vertebran, xunto con outros principios, o texto legal.

Para facer efectivos estes dous principios, a nova lei crea dous instrumentos que farán posible a consecución daqueles, a saber, o Plan estratéxico de xuventude de Galicia e o Comité Galego de Políticas de Xuventude.

O Plan estratéxico de xuventude de Galicia, como instrumento de planificación plurianual, considérase un elemento de grande importancia para a toma de decisións a medio prazo. Ademais, este será aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia, de xeito que a súa aplicación afectará a todos os departamentos da Xunta de Galicia que adopten medidas en materia de xuventude.

Esta lei pivota tamén dun xeito primordial sobre a participación da mocidade na sociedade, xa sexa dun modo individual como a través de fórmulas asociativas e mediante grupos informais.

Deste xeito, reformúlase o Consello da Xuventude de Galicia para convertelo nun verdadeiro órgano asesor e consultivo que canalice a participación xuvenil nas políticas públicas que a afecten. Así, refórzase a participación das asociacións xuvenís e incentívase a creación dos consellos locais de xuventude, dotándoos dun peso específico na asemblea do novo Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, xa que representarán o 51% dos votos dentro do citado órgano. Todo isto sen prexuízo de conservar a súa independencia e autonomía, que queda garantida pola recentemente aprobada Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, xa que o punto 2 do artigo 14 establece a non participación na estrutura xerárquica da administración pública sen prexuízo da súa integración nesta.

Ademais, pese ao impulso da creación dos consellos locais de xuventude, como órganos de participación a nivel local, velouse por respectar de xeito escrupuloso a autonomía local, deixando a configuración daqueles órganos á vontade do ente da Administración local.

Por outra banda, a información á mocidade, como elemento imprescindible para unha efectiva participación, garántese a través de instrumentos como o Observatorio Galego da Xuventude ou o Instituto da Xuventude de Galicia.

Neste sentido, xunto coa información, é imprescindible a formación da xuventude, que será levada a cabo a través da Escola Galega de Xuventude, instrumentada como un servizo dependente da subdirección que representará o Instituto da Xuventude de Galicia. Así, coa nova Lei de xuventude non se crea ningún ente con personalidade xurídica, senón que se procede a unha reordenación orgánica da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, co obxecto de non incorrer nun incremento de gasto, que por outra banda non sería admisible no contexto de contención do gasto público actual. Antes ao contrario, procédese a integrar o Consello da Xuventude de Galicia na estrutura da dirección xeral citada, co obxecto de evitar duplicidades e xerar sinerxías en canto ao consumo de recursos materiais se refire.

Así mesmo, a igualdade eríxese tamén como principio básico que garanta a non discriminación por razón de idade, sexo ou calquera outro feito diferencial.

O ámbito de aplicación recollido nesta lei delimítase ás persoas novas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, ou ás que, residindo no estranxeiro, tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, así como ás persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que desenvolvan actividades que incidan nas persoas novas. Neste sentido, optouse por adoptar unha postura coherente co Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 3, referido á condición política de galego.

En canto á consideración de persoas novas, estas serán as que teñen idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, ambos inclusive. Neste eido, e froito do estudo comparado entre as lexislacións das distintas comunidades autónomas, detectouse unha gran variación da franxa de idade, sendo un aspecto sobre o que non existe un acordo común. Así, desde o Executivo galego considérase unha franxa de idade suficientemente ampla para abarcar as distintas manifestacións da xuventude, sen prexuízo de que desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado se poidan adoptar programas ou actuacións dirixidos a mozos e mozas dun rango diferente de idade, polas súas especiais características.

Os principios inspiradores da nova lei caracterízanse por ser unha parte estrutural da norma, xa que serán os piares sobre os que se articulen os distintos instrumentos que a lei prevé, estando así intimamente relacionados. Así, os principios reitores son os de planificación e integralidade, transversalidade e coordinación, participación e pluralidade, igualdade, información e formación continua e eficacia e eficiencia administrativa.

Sobre estes principios reitores ou vertebradores da Lei de xuventude eríxense unha serie de instrumentos, que serven deste xeito como medios para a consecución daqueles. Concretamente, os instrumentos desta Lei de xuventude son o Plan estratéxico de xuventude de Galicia, como instrumento que faga efectiva a transversalidade das políticas públicas en materia de xuventude; o Comité Galego de Políticas de Xuventude, como órgano colexiado interdepartamental de coordinación das distintas políticas da Xunta de Galicia; o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, como máximo órgano de participación da xuventude; o Observatorio Galego da Xuventude, que estará integrado no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia como unha comisión permanente do propio consello; o Instituto da Xuventude de Galicia, como órgano técnico de asesoramento e xestión en materia de xuventude; e a Escola Galega de Xuventude, que estará adscrita ao instituto, configurada como un servizo, e cuxa misión será a de velar pola formación en materia de xuventude.

Co obxecto de acadar un texto co máximo grao de consenso que recollese as suxestións de todos os mozos e mozas galegos, así como de colectivos e entidades afectados, púxose á disposición da cidadanía o texto do borrador do anteproxecto de lei a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Deste xeito, impulsouse que a mocidade puidese facer contribucións a aquel durante cerca dun mes e medio. Así mesmo, leváronse a cabo presentacións nas que se explicou o borrador de anteproxecto de Lei de xuventude de Galicia a través de encontros provinciais e foros de debate. Deste xeito, deuse cumprimento ao establecido no artigo 9 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Esta Lei de xuventude de Galicia dítase en virtude da competencia exclusiva que corresponde á Comunidade Autónoma galega en materia de promoción do deporte e axeitada utilización do lecer, asistencia social e promoción do desenvolvemento comunitario, segundo os títulos habilitantes contidos no artigo 27, puntos 22, 23 e 24, da Lei orgánica 1/1981, do 6 abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, e consta de 72 artigos, dúas disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, estruturados nun título preliminar e cinco títulos.

O título preliminar recolle as disposicións xerais da lei, definindo o seu obxecto, ámbito de aplicación e principios reitores.

O título I da lei regula a planificación en materia de xuventude, e articúlase en dous capítulos, que regulan respectivamente o Plan estratéxico de xuventude de Galicia e os sectores básicos da transversalidade.

Os servizos á xuventude veñen regulados no título II da lei, que se estrutura en seis capítulos, que abordan os principais servizos prestados á xuventude en Galicia. Así, no capítulo I regúlase a disposición xeral destes servizos; no capítulo II, a Rede Galega de Información Xuvenil; no capítulo III, a formación da xuventude; no capítulo IV, as actividades xuvenís; no capítulo V, as instalacións xuvenís; e, finalmente, no capítulo VI, os carnés de servizos á xuventude.

O título III, rubricado «Organización e distribución de competencias», está dividido á súa vez en sete capítulos, que recollen a organización administrativa en materia de xuventude, a distribución de competencias entre as distintas administracións públicas da nosa Comunidade Autónoma e as relacións entre elas. Así mesmo, recollen os distintos instrumentos de carácter administrativo como son o Comité Galego de Políticas de Xuventude, o Instituto da Xuventude de Galicia, a Escola Galega de Xuventude e o Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.

O título IV da lei, rubricado «Da participación da xuventude», está dividido en tres capítulos, que regulan os principais instrumentos de participación, a saber, o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e os consellos locais de xuventude, precedido por un capítulo dedicado a disposicións xerais.

O derradeiro título da lei regula o réxime sancionador. Consta de dous capítulos, relativos á inspección en materia de xuventude e á tipificación das infraccións e sancións, respectivamente.

A disposición adicional primeira da lei regula a extinción do actual Consello da Xuventude de Galicia (Conxuga) de cara á súa transformación no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, que pasa a estar integrado na consellaría competente en materia de xuventude, como un órgano colexiado de carácter consultivo e independente.En canto á disposición adicional segunda, consagra o principio de contención do gasto público, establecendo a ausencia de impacto orzamentario pola constitución e posta en funcionamento dos órganos regulados nos títulos III e IV da lei.

En canto ás disposicións transitorias, estas regulan a Comisión Xestora do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, de cara á súa formación inicial, así como a convocatoria do Comité Galego de Políticas de Xuventude.

A disposición derrogatoria única procede a derrogar a Lei reguladora do Consello da Xuventude de Galicia e o Decreto regulador do Observatorio Galego da Xuventude, posto que quedan regulados nesta lei.

En canto ás disposicións derradeiras, a primeira procede a habilitar o desenvolvemento regulamentario da lei e a segunda establece un período de vacatio legis de vinte días desde a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de xuventude de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto establecer o marco normativo e competencial que regule, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os instrumentos necesarios para desenvolver as políticas públicas dirixidas á xuventude e que garantan a súa activa participación.

2. As políticas públicas dirixidas á xuventude terán como finalidade mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e mozas no desenvolvemento sostible, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta lei será aplicable ás persoas novas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, ou ás que, residindo no estranxeiro, tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, así como ás persoas físicas ou xurídicas, públicas e privadas, que desenvolvan actividades que incidan na xente nova.

2. Para os efectos desta lei, terán a consideración de persoas novas as que teñan idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, ambos inclusive.

3. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, esta lei será tamén aplicable a persoas que non teñan a consideración de novas, en función da natureza e os obxectivos dos programas e actuacións obxecto de regulación.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 2 apartado 3 engadido por artigo 23 apartado un.

Artigo 3. Principios reitores

Son principios reitores que informan as prescricións desta lei:

a) Planificación e integralidade: o principio de planificación procura establecer unha visión a curto, medio e longo prazo dos obxectivos que deben acadar as políticas integrais de xuventude, prevendo todos os aspectos que incidan nestas políticas, dando así cumprimento á integralidade, e destinándose estas políticas a toda a xuventude, considerada dun xeito universal.

b) Transversalidade e coordinación: o principio de transversalidade implica que, na toma de decisións en todos os ámbitos sectoriais e territoriais dentro da nosa comunidade autónoma, deben terse en conta a visión e a opinión da xuventude, de xeito que se acade unha completa coordinación coas distintas consellarías da Xunta de Galicia e coas entidades que integran a Administración local.

c) Participación e pluralidade: estes principios supoñen a integración de todos os actores implicados nas políticas de xuventude, mediante a colaboración na súa construción a través dos instrumentos recollidos nesta lei. Abarcaranse todos os ámbitos ideolóxicos para acadar unha política plural, que enxalce os valores democráticos da dignidade humana, o libre desenvolvemento da personalidade, a liberdade, a potenciación da convivencia, a paz, a tolerancia e a solidariedade.

d) Universalidade: a actuación administrativa en materia de xuventude debe dirixirse a todas as persoas mozas sen distinción de sexo, etnia, orixe, idade, estado civil, ideoloxía, crenzas, orientación sexual ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

e) Igualdade: este principio supón unha constante preocupación cara á efectiva corrección das desigualdades, con especial atención ás desigualdades por razón de sexo, ás situacións de risco de exclusión social e marxinalidade e á promoción da lingua galega como garantía de equilibrio de oportunidades no uso das dúas linguas oficiais, así como ás desigualdades que sexan consecuencia dos desequilibrios territoriais existentes en Galicia.

f) Atención á diversidade: a actuación administrativa en materia de xuventude debe considerar e atender a diversidade e a diferenza de xénero, étnica, territorial, física, psíquica, social e cultural, para garantir a igualdade de oportunidades a todas as persoas mozas e promover o valor da solidariedade na diversidade.

g) Emancipación: a actuación administrativa en materia de xuventude debe tender a facilitar as condicións básicas necesarias para a emancipación das persoas mozas.

h) Proximidade: a actuación administrativa en materia de xuventude, para mellorar a aplicación de políticas de mocidade axeitadas a cada territorio e a cada colectivo, debe promover o deseño e a aplicación de solucións desde os centros de decisión situados máis preto da mocidade.

i) Información e formación continua: estes principios son garantía e presuposto previo da participación da xuventude. Neles prestarase especial atención ao acceso universal á sociedade da información, á aprendizaxe social, á innovación e á calidade da información e do ensino.

j) Eficacia e eficiencia: estes principios implican o deber das administracións públicas de acadar os seus obxectivos, e facelo cos mínimos recursos posibles, de xeito que se consiga unha racionalidade no uso dos medios materiais e humanos, evitando duplicidades.

TÍTULO I Planificación en materia de xuventude

CAPÍTULO I Do Plan estratéxico de xuventude de Galicia

Artigo 4. Natureza e vixencia

1. O Plan estratéxico de xuventude de Galicia debe aprobarse por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

2. O Plan estratéxico de xuventude de Galicia establecerá o marco de actuación plurianual nas políticas de xuventude, fixando os obxectivos estratéxicos que se deben cumprir durante a súa vixencia, así como os obxectivos operativos que cómpre acadar anualmente e que contribúan á materialización dos obxectivos estratéxicos, sen prexuízo da súa revisión anual.

3. O Plan estratéxico de xuventude de Galicia será o principal instrumento para acadar a transversalidade en materia de xuventude co resto de consellarías da Xunta de Galicia, así como a coordinación coas diferentes administracións públicas que incidan no seu ámbito de aplicación.

4. As directrices elaboradas polo Comité Galego de Políticas de Xuventude deberán servir de base para a elaboración do Plan estratéxico de xuventude de Galicia.

Artigo 5. Obxectivos do Plan estratéxico de xuventude de Galicia

Serán obxectivos estratéxicos do plan:

a) Diagnosticar a situación da mocidade galega e realizar unha análise derivada dos datos obtidos, onde se propoñan solucións aos principais problemas e necesidades da xuventude en Galicia.

b) Servir de instrumento para a toma de decisións políticas, elaborando as liñas estratéxicas e articulando as actuacións prioritarias públicas en materia de xuventude.

c) Establecer unha metodoloxía de traballo transversal que sexa a referencia para o resto de consellarías da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como para as entidades da Administración local de Galicia.

d) Facilitar a avaliación da efectividade das medidas adoptadas no desenvolvemento das políticas de xuventude, a través de sistemas de indicadores e cadros de mando.

Artigo 6. Elaboración do Plan estratéxico de xuventude de Galicia

1. Na elaboración do Plan estratéxico de xuventude de Galicia buscarase a colaboración efectiva das entidades de participación xuvenil e da propia poboación nova, a través de procesos de participación estruturados, posibilitando así a corresponsabilidade da mocidade na posta en marcha das diferentes medidas das administracións públicas dirixidas á xuventude.

2. Para os efectos da elaboración do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, o órgano directivo competente en materia de xuventude solicitará a todas as consellarías da Xunta de Galicia un informe que conterá os seguintes extremos:

a) As iniciativas e normativas que incidan en materia de xuventude, así como os programas e as actuacións que executen ou en que participen relacionados co ámbito sectorial da mocidade.

b) O órgano responsable da iniciativa, programa ou actuación en materia de xuventude que se vai incluír no plan.

c) A denominación da iniciativa, programa ou actuación.

d) A descrición da iniciativa, programa ou actuación.

e) Os obxectivos previstos.

f) O número de persoas potencialmente beneficiarias.

g) O orzamento estimado.

h) Os organismos e as institucións colaboradores.

i) A localización territorial da actuación ou medida.

j) Outras circunstancias de interese.

O informe descrito no parágrafo anterior deberá emitirse no prazo máximo dun mes desde a realización da petición.

3. O Plan estratéxico de xuventude de Galicia deberá partir dunha diagnose da situación da mocidade en Galicia, que facilite o artellamento integral e transversal dos eixes de traballo que constitúan o plan.

4. Na súa formulación, o Plan estratéxico de xuventude de Galicia deberá adoptar as medidas que garantan o seu control, seguimento e avaliación.

Anualmente realizarase un seguimento do plan, que será presentado ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e ao Comité Galego de Políticas de Xuventude.

5. Xunto co Plan estratéxico de xuventude de Galicia, deberase elaborar unha memoria económico-financeira que avalíe adecuadamente os custos que a formulación do plan leva consigo e garanta a súa viabilidade efectiva.

6. No procedemento de elaboración do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, e con carácter previo á súa aprobación, deberá emitir informe o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

CAPÍTULO II Sectores básicos da transversalidade

Artigo 7. Xuventude e educación

1. A Xunta de Galicia, de cara á planificación xeral dos programas relacionados coa educación e coa execución de políticas transversais de educación a favor da mocidade, coordinará accións e medidas de apoio, dirixidas tanto á educación formal como á non formal.

2. Constituirán obxectivos prioritarios desta planificación os seguintes:

a) A obtención do máximo rendemento da comunidade educativa das tecnoloxías da información e do coñecemento.

b) O apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente.

c) A corrección dos comportamentos sexistas, evitando a distribución estereotipada dos papeis entre os sexos e eliminando calquera forma de machismo ou misoxinia que puider existir na comunidade escolar e universitaria.

Artigo 8. Xuventude e emprego

A Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os seguintes obxectivos:

a) A mellora da empregabilidade da mocidade.

b) A mellora da adaptabilidade, co obxecto de permitir a readaptación da mocidade en situación de desemprego cara a novos sectores de emprego.

c) A igualdade de oportunidades da mocidade e, en especial, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

Artigo 9. Xuventude, creatividade e espírito emprendedor

1. A Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor, potenciando entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

2. A Xunta de Galicia adoptará medidas e accións tendentes a que a xuventude encontre facilidades para a creación do seu propio posto de traballo, así como a posta en marcha dos seus propios proxectos empresariais.

Artigo 10. Xuventude e vivenda

A Xunta de Galicia facilitará os procesos de autonomía persoal da xuventude, desenvolvendo políticas transversais que favorezan o acceso da xente nova a unha vivenda digna.

Artigo 10 bis. Xuventude e medio ambiente

A Xunta de Galicia impulsará a educación e a sensibilización da xuventude na protección e uso responsable do medio natural, co fin de acadar unha utilización sustentable dos recursos naturais, o fomento da solidariedade interxeracional e o compromiso dos mozos e mozas co medio ambiente.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo engadido:Artigo 10 bis engadido por artigo 23 apartado dous.

Artigo 11. Xuventude, saúde e deporte

1. A Xunta de Galicia promoverá a saúde e os hábitos de vida saudables entre a xuventude de Galicia, por medio de políticas transversais que incidan na saúde mental e emocional, na prevención e no tratamento das drogodependencias e outras adiccións, nos trastornos alimentarios, nos programas de educación afectivo-sexual e no fomento dunha cultura de consumo racional e de ocio alternativo.

2. A Xunta de Galicia, en materia de políticas transversais de deporte, levará a cabo unha planificación multidisciplinaria e estratéxica para dar unha resposta integral ao sedentarismo e ao sobrepeso na infancia, na xuventude e ao longo de toda a vida, concibida para toda a poboación, xa que o deporte é un aspecto importante na mellora da calidade de vida da mocidade.

Artigo 12. Xuventude, participación e asociacionismo

As administracións públicas galegas desenvolverán campañas de divulgación e impulso do asociacionismo xuvenil ata alcanzar a consolidación dun movemento asociativo da mocidade de Galicia. Así mesmo, co obxecto de fomentar a participación directa dos mozos e mozas nos programas de actuación que desenvolvan aquelas, estableceranse medidas específicas para favorecer a participación de grupos informais de mozos e mozas.

Artigo 13. Xuventude e voluntariado

A Xunta de Galicia, na configuración de políticas transversais de xuventude, potenciará o voluntariado entre a xente nova, adaptando os seus obxectivos prioritarios e medidas ás recomendacións da Unión Europea nesta materia.

Artigo 14. Xuventude, información e formación

1. Dentro dos servizos propios da consellaría competente en materia de xuventude, atópanse a Rede Galega de Información Xuvenil e a Escola Galega de Xuventude, que desenvolverán unha política transversal, en coordinación, principalmente, coas oficinas, puntos de información xuvenil e escolas de tempo libre.

2. Con relación á formación en xuventude, a Xunta de Galicia potenciará os contidos e programas da Escola Galega de Xuventude de xeito directo a través dunha acción pública ou en colaboración coa iniciativa privada.

Artigo 15. Xuventude, mobilidade e turismo

A Xunta de Galicia potenciará a mobilidade entre a xuventude galega, desenvolvendo programas para a realización de estudos, cursos e actividades noutras comunidades autónomas, na Unión Europea e noutros países, co obxectivo de potenciar o coñecemento da diversidade e riqueza cultural, o que contribuirá á súa formación e posterior inserción laboral.

Artigo 16. Xuventude e dinamización lingüística

1. A Xunta de Galicia empregará a lingua galega nas accións dirixidas á mocidade e fomentará o funcionamento en galego das asociacións, colectivos e entidades públicas e privadas relacionadas coa xuventude, no marco da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia.

2. A Xunta de Galicia, e particularmente a Escola Galega de Xuventude, atenderá á formación lingüística do persoal técnico que desenvolve actividades destinadas ao sector da mocidade.

3. A Administración favorecerá a interrelación de mozos e mozas de diferente perfil lingüístico a través de actividades de lecer.

Artigo 17. Xuventude e igualdade

1. A Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de xuventude, fomentará que as relacións interpersoais, familiares, sociais e interxeracionais das persoas novas estean baseadas na igualdade, no respecto e na solidariedade.

2. No eido das relacións afectivo-sexuais prestarase unha información e educación sexual mediante programas específicos e actividades educativas impartidas por persoal cualificado na materia.

3. A consellaría competente en materia de xuventude, en coordinación co órgano superior competente en materia de igualdade, promoverá programas específicos enfocados na xuventude para a prevención e atención de situacións de violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

TÍTULO II Dos servizos á xuventude

CAPÍTULO I Disposición xeral

Artigo 18. Dos servizos á xuventude

1. Os servizos á xuventude regulados neste título son prestados directamente polo órgano directivo competente en materia de xuventude, en colaboración coas consellarías da Xunta de Galicia, e polas administracións locais, así como por entidades privadas, baixo os requisitos e as condicións que se establezan regulamentariamente.

2. Son servizos prestados á xuventude, entre outros, os seguintes:

a) A información xuvenil.

b) A formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil.

c) As actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.

d) As instalacións xuvenís.

e) Os carnés de servizos á xuventude.

3. As entidades que presten servizos á xuventude atenderán ao uso da lingua galega de acordo coa Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 18 apartado 2 nova redacción por artigo 23 apartado tres.

CAPÍTULO II Da información xuvenil

Artigo 19. Información xuvenil

1. En cumprimento do principio reitor de información á mocidade establecido nesta lei, a consellaría competente en materia de xuventude deberá establecer os mecanismos oportunos que garantan o acceso universal a toda a información xuvenil.

2. Para os efectos desta lei, a información xuvenil é unha actividade de busca, tratamento e difusión da información xunto co asesoramento e orientación prestados á mocidade nos servizos de información xuvenil. O obxecto da información xuvenil é poñer á disposición da mocidade os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións no exercicio da súa liberdade e autonomía e que fagan posible unha plena integración na sociedade.

Artigo 20. Da Rede Galega de Información Xuvenil

1. A Rede Galega de Información Xuvenil configúrase como un servizo público, do que é responsable o órgano directivo competente en materia de xuventude, de carácter gratuíto e de estrutura territorial que articula e coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades privadas sen ánimo de lucro. Ten como obxectivos prioritarios os seguintes:

a) Asegurar que as prestacións dos servizos de información xuvenil se desenvolvan en condicións de eficacia, calidade e igualdade.

b) Colaborar con outros organismos de natureza análoga de ámbito nacional, europeo e internacional.

c) Garantir a difusión da información xuvenil de maneira ampla e actualizada en todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Favorecer a implantación dos mecanismos para que a información, a orientación e o asesoramento á xuventude se baseen nos principios da Carta Eryica, garantindo a igualdade, independencia, calidade e atención persoal á xuventude, respectando a confidencialidade e o anonimato da persoa usuaria e posibilitando a igualdade de oportunidades.

e) Promover a máxima difusión de información a través das tecnoloxías da información e comunicación, especialmente a través da internet e das súas redes sociais.

f) Informar a mocidade daqueloutras iniciativas culturais, educativas, laborais, deportivas e sanitarias ofertadas a toda a poboación, como principio de integración na comunidade e avogando polos principios reitores de transversalidade e coordinación.

2. A Rede Galega de Información Xuvenil canaliza toda a información para a mocidade a través do Centro Coordinador de Información Xuvenil, mediante os seguintes instrumentos:

a) As oficinas locais de información xuvenil.

b) Os puntos de información xuvenil, promovidos tanto polos concellos como por entidades privadas, segundo se determine regulamentariamente.

c) As oficinas de orientación e asesoramento especializado en xuventude.

d) A Rede Galega de Centros de Xuventude. Espazo Xove.

e) Os correspondentes xuvenís.

3. As entidades que formen parte da Rede Galega de Información Xuvenil deberán exhibir nas súas dependencias o logotipo que se estableza regulamentariamente.

4. Regulamentariamente desenvolverase o procedemento para formar parte desta Rede Galega de Información Xuvenil, así como o seu funcionamento.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 20 apartado 2 letra e) engadida por artigo 23 apartado cinco.

Artigo 21. O Centro Coordinador de Información Xuvenil

1. O Centro Coordinador de Información Xuvenil é un servizo adscrito orgánica e funcionalmente ao órgano directivo competente en materia de xuventude da Xunta de Galicia.

2. O Centro Coordinador de Información Xuvenil terá como funcións:

a) Coordinar o conxunto dos servizos de información xeral ou especializada da Rede Galega de Información Xuvenil.

b) Recoller, catalogar, elaborar e distribuír canta información sexa de interese para os mozos e mozas.

c) Cooperar con entidades, organizacións e institucións públicas ou privadas na elaboración e na execución dos servizos, programas e actividades de información á xuventude.

d) Organizar accións formativas dirixidas ao persoal dos servizos de información xuvenil e á mocidade en xeral, en colaboración coa Escola Galega de Xuventude.

e) Asesorar outras entidades públicas ou privadas sobre a creación e a apertura de servizos de información xuvenil.

f) Colaborar tecnicamente co Observatorio Galego da Xuventude.

3. O Centro Coordinador de Información Xuvenil contará coa dotación de persoal necesaria para levar a cabo o exercicio das súas funcións xerais e de coordinación da Rede Galega de Información Xuvenil.

Artigo 22. Do informador ou informadora xuvenil e do técnico ou técnica en xuventude

1. O informador ou informadora xuvenil será a persoa ou a entidade que organice e xestione servizos de información xuvenil, levando a cabo accións de información e dinamización e promovendo actividades sociais e educativas orientadas a facer efectiva a igualdade de oportunidades ou o desenvolvemento integral da xuventude.

2. O técnico ou técnica en xuventude será o ou a profesional que oriente e asesore en materia especializada en mocidade e planifique actuacións nesta materia.

3. O acceso á condición de informador ou informadora xuvenil e de técnico ou técnica en xuventude e as súas funcións estableceranse na normativa que sexa aplicable.

CAPÍTULO III Da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil

Artigo 23. Da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil a través da educación non formal

O órgano de dirección competente en materia de xuventude promoverá e coordinará as actividades de formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil no ámbito da educación non formal, a través da Escola Galega de Xuventude e da Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 23 nova redacción por artigo 23 apartado sete.

Artigo 24. Escolas de educación no tempo libre

1. As escolas de educación no tempo libre constitúen centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción e axeitada utilización do ocio e do tempo libre.

2. As persoas físicas ou xurídicas que queiran iniciar a prestación de servizos en escolas de educación no tempo libre deberán presentar a correspondente declaración responsable ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude, nos termos que regulamentariamente se establezan.

Así mesmo, os requisitos para poder realizar a actividade de formación da persoa nos ámbitos do ocio e do tempo libre estableceranse regulamentariamente.

En todo caso, as persoas interesadas dispoñerán na páxina web da consellaría competente en materia de xuventude de toda a información necesaria, a través dun portelo único onde poidan realizar todos os trámites necesarios para levar a cabo a prestación destes servizos.

3. Presentada a declaración responsable, as escolas pasarán a integrar a Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia, mediante a inscrición no rexistro regulado nesta lei, e seralles aplicable o establecido nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

4. As escolas de educación no tempo libre, integradas na Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia, impartirán as seguintes modalidades de ensino:

a) Cursos de primeiro nivel, cuxa titulación se corresponde coa de monitores ou monitoras de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.

b) Cursos de segundo nivel, cuxa titulación se corresponde coa de director ou directora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e director ou directora de campos de traballo.

Así mesmo, poderán impartir calquera outra formación correspondente ao seu ámbito de actuación no eido da xuventude, nos termos que se establezan regulamentariamente.

5. O órgano de dirección competente en materia de xuventude procederá á expedición dos correspondentes títulos, baixo os principios e requisitos contidos na normativa que, en desenvolvemento da lei, lle resulte aplicable.

6. Non precisarán de homologación as titulacións de educación de tempo libre análogas expedidas polos organismos responsables en materia de xuventude das distintas comunidades autónomas.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 24 nova redacción por artigo 23 apartado oito.

CAPÍTULO IV Das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil

Artigo 25. Definición e tipoloxía

1. Para os efectos desta lei, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil son as promovidas por persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas públicas e privadas que contribúan ao desenvolvemento integral da infancia e da mocidade mediante a execución dun proxecto cunha metodoloxía educativa non formal dun xeito lúdico-recreativo e formativo.

2. Para os efectos desta lei, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil comprenderán:

a) As acampadas.

b) As marchas voantes ou rutas.

c) Os campamentos.

d) Os campos de traballo.

e) Outras actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil que regulamentariamente se considere que deban someterse a esta lei.

Estas actividades serán obxecto de desenvolvemento regulamentario.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 25 nova redacción por artigo 23 apartado dez.

Artigo 26. Requisitos

1. O desenvolvemento de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil requirirá:

a) A presentación previa dunha declaración responsable, nos supostos e termos previstos regulamentariamente.

b) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil. As características do seguro serán desenvolvidas regulamentariamente.

c) Estar a cargo de persoas con titulación suficiente, nos termos previstos regulamentariamente.

2. Cando participen menores de idade nas actividades, requirirase que conten cunha autorización por escrito da persoa ou das persoas que exerzan a súa patria potestade ou tutela.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 26 nova redacción por artigo 23 apartado once.

CAPÍTULO V Das instalacións xuvenís

Artigo 27. Tipoloxía de instalacións xuvenís

1. Para os efectos desta lei, considéranse instalacións xuvenís as que, pertencendo á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás administracións locais e a entidades privadas, se encontren principalmente ao servizo da mocidade, facilitando a súa convivencia, aloxamento, formación e participación en actividades dirixidas ás persoas novas.

A prestación de servizos á xuventude nos supostos de instalacións xuvenís e modificacións substanciais destas requirirá a formulación de declaración responsable de inicio de actividade ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude».

2. A tipoloxía das instalacións xuvenís axustarase ás seguintes categorías:

a) Albergues xuvenís.

b) Campamentos xuvenís.

c) Granxas escola e aulas de natureza.

d) Residencias xuvenís.

e) Centros de xuventude integrados na Rede Galega de Centros de Xuventude.

3. Regulamentariamente estableceranse as características de cada unha das categorías establecidas no punto anterior.

4. En todo caso, estas instalacións xuvenís deberán manterse e conservarse en condicións óptimas de habitabilidade, seguridade e salubridade.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 27 apartado 1 nova redacción por artigo 23 apartado doce.

Artigo 28. A Rede de Albergues Xuvenís de Galicia

1. A Rede de Albergues Xuvenís de Galicia estará constituída por todos os albergues xuvenís situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou de calquera outra administración pública.

Así mesmo, poderán formar parte da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia os albergues de titularidade de persoas físicas ou xurídicas privadas que estean inscritos no rexistro regulado no artigo 47 desta lei.

2. A Rede de Albergues Xuvenís de Galicia será coordinada polo Instituto da Xuventude de Galicia, que procurará a máxima coordinación e colaboración coa Rede Nacional e Europea de Albergues Xuvenís.

3. O órgano directivo con competencias en materia de xuventude adoptará un logotipo como distintivo da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

CAPÍTULO VI Os carnés de servizos á xuventude

Artigo 29. Finalidade

1. A Xunta de Galicia, a través do órgano directivo con competencia en materia de xuventude, promoverá determinados beneficios relacionados co acceso de bens e servizos á xuventude. Potenciará distintos carnés, cuxos destinatarios sexan os mozos e mozas, para favorecer o seu acceso a servizos de carácter cultural, deportivo, recreativo, de consumo, de transporte e outros de análoga natureza.

2. O contido dos beneficios dos titulares dos distintos carnés será obxecto de desenvolvemento regulamentario.

Artigo 30. Prezos

A expedición destes carnés para a mocidade deberá levar consigo o pagamento dunha prestación económica nos termos da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO III Organización e distribución de competencias

CAPÍTULO I Organización administrativa

Artigo 31. Organización administrativa en materia de xuventude

Para o exercicio das competencias en materia de xuventude, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia conta coa seguinte organización administrativa:

a) Xunta de Galicia.

b) Consellaría competente en materia de xuventude.

c) Comité Galego de Políticas de Xuventude.

d) Instituto da Xuventude de Galicia.

e) Escola Galega de Xuventude.

f) Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.

Artigo 32. Organización consultiva en materia de xuventude

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia contará cos seguintes órganos asesores, consultivos e de participación:

a) O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) O Observatorio Galego da Xuventude.

CAPÍTULO II Distribución de competencias

Artigo 33. Competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as súas competencias a través da consellaría competente en materia de xuventude, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

b) A planificación en materia de xuventude, especialmente a través do Plan estratéxico de xuventude de Galicia.

c) A coordinación na elaboración, execución e avaliación das políticas transversais de xuventude.

d) O fomento da participación da xuventude na vida social, especialmente mediante o asociacionismo xuvenil e a participación no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

e) A coordinación e a supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

f) O fomento das relacións e da cooperación coas entidades da Administración local galega e con outras comunidades autónomas.

g) O fomento da mobilidade xuvenil, do turismo para mozos e mozas e dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado e no ámbito internacional.

h) A organización e o funcionamento do Instituto da Xuventude de Galicia.

i) A organización e o funcionamento da Escola Galega de Xuventude.

j) O seguimento na xestión da Rede Galega de Información Xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento, en coordinación cos centros de información da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, velando pola prestación dun servizo innovador e de calidade.

k) A coordinación das funcións informativas e de documentación dos servizos da Rede Galega de Información Xuvenil e a coordinación dos servizos prestados na Rede Galega de Centros de Xuventude. Espazo Xove.

l) A xestión do rexistro autonómico das entidades de participación xuvenil, nos termos que establece esta lei.

m) O ditado das disposicións de carácter xeral en materia de xuventude.

n) O exercicio do réxime de inspección, supervisión e control das prestacións de servizos á xuventude levadas a cabo por outras administracións públicas e entidades privadas, nos termos previstos nesta lei e no regulamento que a desenvolva.

ñ) O exercicio da potestade sancionadora que lle confira esta lei e o seu regulamento de desenvolvemento.

o) A dinamización da lingua galega nas actuacións dirixidas á mocidade.

p) Calquera outra relacionada coa mocidade e que non estea atribuída expresamente a outra consellaría da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Competencias da Administración local

1. No marco dos principios recollidos no artigo 2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, e de conformidade co establecido na lexislación de Galicia en materia de réxime local, as entidades da Administración local poderán asumir as seguintes competencias en materia de xuventude:

a) A planificación estratéxica local en materia de xuventude no marco do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, e co asesoramento, se o precisan, do Instituto da Xuventude de Galicia.

b) A xestión das políticas que en materia de xuventude lle poidan ser encomendadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia do asinamento de convenios ou outros instrumentos de colaboración de natureza análoga, dentro do marco de cooperación da Xunta de Galicia coa Administración local.

c) A creación, o mantemento e a xestión das actividades, servizos e equipamentos dirixidos á mocidade que se consideren necesarios para garantir unha política integral de xuventude.

d) A programación municipal de servizos á xuventude, de acordo co establecido na planificación municipal e no Plan estratéxico de xuventude de Galicia.

e) A creación e o mantemento das oficinas e dos puntos de información para a mocidade, que se integrarán na Rede Galega de Información Xuvenil.

f) A promoción e o impulso do asociacionismo xuvenil como canle de participación en todas as ordes da vida municipal.

g) O impulso da creación de consellos locais de xuventude, de conformidade con esta lei.

h) A promoción da colaboración con entidades de carácter privado que lle presten servizos á xuventude no seu ámbito territorial.

i) A dinamización da lingua galega entre a mocidade no seu ámbito territorial.

2. As deputacións provinciais, de conformidade co previsto na normativa de réxime local, proporcionarán apoio económico, técnico e xurídico aos concellos na execución das súas competencias.

CAPÍTULO III Relacións interadministrativas

Artigo 35. Da coordinación coa Administración local

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será a administración competente para coordinar a execución das políticas públicas da Administración local en materia de xuventude no territorio de Galicia, garantindo a coherencia na asignación dos recursos públicos e procurando unha adecuada vertebración territorial, sen prexuízo da autonomía local.

2. A planificación estratéxica local en materia de xuventude deberá respectar o establecido no Plan estratéxico de xuventude de Galicia, co obxecto de evitar duplicidades e optimizar os recursos públicos.

Artigo 36. Da colaboración da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia coa Administración local

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xuventude facilitará apoio xurídico, económico e técnico aos municipios de Galicia no desenvolvemento dos seus programas e servizos á xuventude, e no marco do Plan estratéxico de xuventude de Galicia.

2. A asistencia aos municipios prestará unha especial atención á constitución dos consellos locais de xuventude, así como á elaboración da planificación estratéxica local en materia de xuventude.

Artigo 37. Da cooperación coas administracións públicas autonómicas e co Estado

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procurará a máis estreita cooperación e colaboración co resto de administracións públicas das comunidades autónomas e coa Administración xeral do Estado de cara á consecución dos fins e obxectivos recollidos nesta lei.

Artigo 38. Da cooperación internacional

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia apoiará as accións e os programas de promoción de políticas de xuventude que se establezan no seo da Unión Europea, colaborando, de igual xeito, coas iniciativas europeas cuxos fins teñan por destinatarias entidades de iniciativa social que precisen do apoio de institucións públicas.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do órgano competente en materia de xuventude, potenciará a difusión da conciencia europea entre a poboación nova de Galicia, mediante programas de intercambio coa mocidade e asociacións xuvenís, así como por medio da súa participación en iniciativas de promoción internacional que acheguen as sensibilidades e os intereses dos máis novos.

3. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará iniciativas de cooperación cos centros galegos no exterior que teñan por finalidade desenvolver programas dirixidos á mocidade de ascendencia galega. Do mesmo xeito, impulsará os intercambios recíprocos entre a xuventude galega e a destes centros galegos no exterior, así como nos centros de estudos de lingua e cultura galegas das universidades de todo o mundo.

CAPÍTULO IV Comité Galego de Políticas de Xuventude

Artigo 39. Natureza e obxecto

Créase o Comité Galego de Políticas de Xuventude como o órgano colexiado de coordinación interdepartamental e interinstitucional adscrito á consellaría competente en materia de xuventude. A súa misión é a de establecer as bases que vertebren o Plan estratéxico de xuventude de Galicia, de xeito que se acade a transversalidade e coordinación coas distintas consellarías da Xunta de Galicia nas políticas públicas en materia de mocidade.

Artigo 40. Funcións

Son funcións específicas do Comité Galego de Políticas de Xuventude as seguintes:

a) Estudar, analizar e informar dos problemas da mocidade galega, elevando, de ser o caso, propostas de medidas concretas ao Consello da Xunta de Galicia, por medio da consellaría competente en materia de xuventude.

b) Establecer as directrices que servirán de base ao Plan estratéxico de xuventude de Galicia.

c) Priorizar e coordinar os obxectivos das políticas transversais de xuventude coas distintas consellarías da Xunta de Galicia.

d) Avaliar os resultados das citadas políticas transversais de xuventude e do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, así como do cumprimento dos obxectivos e das finalidades dos programas que se executen no marco do devandito plan.

Artigo 41. Composición

1. O Comité Galego de Políticas de Xuventude estará composto polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de xuventude.

c) Secretaría: un funcionario ou funcionaria con nivel orgánico de subdirección xeral adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude.

d) Vogalías, onde deberá existir a seguinte representación:

1º) Consellarías da Xunta de Galicia, nos seguintes termos:

1ª) Os ou as titulares das secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2ª) O órgano directivo competente en materia de xuventude.

3ª) Tres representantes, con nivel orgánico de secretario ou secretaria xeral técnico ou director ou directora xeral, de cada unha das consellarías da Xunta de Galicia, designados pola persoa titular da consellaría respectiva.

2º) Un ou unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

3º) Un ou unha representante do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Para cada unha das vogalías anteriores deberase nomear unha suplencia.

2. Na designación das persoas titulares e membros do órgano atenderase o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes, o cal implicará que non haberá unha representación maior do sesenta por cento nin inferior ao corenta por cento de ningún dos dous sexos, de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 42. Funcionamento

1. O Comité Galego de Políticas de Xuventude actuará en pleno ou en comisións especializadas.

Os acordos tomarán a forma de resolución e deberán ser adoptados por maioría dos membros presentes. No caso de empate, decide o voto da presidencia.

2. O pleno está formado por todos os membros do Comité Galego de Políticas de Xuventude. Reunirase de xeito ordinario semestralmente e, de xeito extraordinario, cando o solicite o seu presidente ou presidenta.

3. As comisións especializadas estarán formadas polos membros do comité que decida o pleno, segundo as materias e prioridades fixadas no Plan estratéxico de xuventude de Galicia ou as temáticas que determine o pleno. En ningún caso serán permanentes e extinguiranse unha vez estudado e ditaminado o asunto obxecto da súa constitución.

Así mesmo, o pleno poderá solicitar a asistencia ás comisións especializadas de persoas de recoñecido prestixio, que acudirán con voz pero sen voto.

4. En ningún caso a asistencia ás xuntanzas do pleno e ás comisións especializadas dará dereito a ningunha percepción económica, sen prexuízo das indemnizacións por razóns de servizo que se poidan percibir segundo a normativa autonómica vixente.

5. A concreción do funcionamento do Comité Galego de Políticas de Xuventude desenvolverase regulamentariamente.

CAPÍTULO V Instituto da Xuventude de Galicia

Artigo 43. Creación, natureza e finalidade

Créase o Instituto da Xuventude de Galicia como órgano técnico especializado adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude que terá como misión a materialización dos principios de información á xente nova, formación continua en materia de mocidade e asesoramento técnico en políticas públicas de xuventude.

Artigo 44. Funcións

Son funcións do Instituto da Xuventude de Galicia as seguintes:

a) A planificación, supervisión e coordinación das actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude.

b) A planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados.

c) A coordinación, vixilancia e rexistro das instalacións xuvenís.

d) A coordinación da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

e) A coordinación das axudas para o acceso da xente nova a determinados bens e servizos a través do carné xove, entre outros instrumentos.

f) O fomento e a promoción de intercambios e mobilidade dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

g) A emisión de cantos informes lle sexan solicitados pola consellaría de adscrición.

h) Todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

CAPÍTULO VI Escola Galega de Xuventude

Artigo 45. Creación, natureza e finalidade

Créase a Escola Galega de Xuventude como órgano especializado na educación non formal en temas relacionados coa mocidade, adscrito ao Instituto da Xuventude de Galicia.

Artigo 46. Funcións

1. Son funcións da Escola Galega de Xuventude as seguintes:

a) Velar polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre, nos termos establecidos nesta lei.

b) Avaliar e conformar os cursos que impartan as escolas de tempo libre.

c) Elaborar a programación anual de cursos e actividades formativas complementarias ás realizadas polas diferentes escolas de tempo libre e, en especial, as que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento dos monitores ou monitoras e directores ou directoras de actividades de tempo libre.

d) Impartir actividades formativas que teñan un carácter estratéxico e innovador con respecto á programación anual establecida na letra anterior, así como outros cursos dirixidos a técnicos ou técnicas de xuventude, a informadores ou informadoras xuvenís, a persoal das escolas de tempo libre e á mocidade en xeral.

e) Emitir os informes e realizar os estudos que lle solicite o órgano directivo competente en materia de xuventude para a xestión das actuacións dirixidas á mocidade.

2. A Escola Galega de Xuventude poderá promover o asinamento de convenios con universidades ou con outros centros de formación superior coa finalidade de desenvolver traballos de investigación e formación en materia de xuventude.

3. A Escola Galega de Xuventude poderá manter xuntanzas periódicas coas escolas de tempo libre para tratar temas de interese común.

CAPÍTULO VII Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia

Artigo 47. Do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia

1. O Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia créase como un rexistro administrativo de carácter público, adscrito ao Instituto da Xuventude de Galicia, onde deberán inscribirse as seguintes entidades xuvenís:

a) As asociacións xuvenís, federacións ou unións destas, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 marzo, reguladora do dereito de asociación.

b) As asociacións non xuvenís que conten con seccións xuvenís.

c) Os consellos locais de xuventude.

2. A inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia ten carácter indefinido, sen prexuízo da obriga das entidades xuvenís de remitir anualmente a este a memoria de actividades antes do 1 de xuño de cada ano.

Así mesmo, as entidades estarán obrigadas a notificar calquera cambio no prazo máximo de tres meses e calquera modificación nos datos rexistrais facilitados inicialmente.

O incumprimento desta obriga poderá levar consigo a baixa de oficio no rexistro, logo da audiencia da entidade interesada.

3. O Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia contará ademais coas seguintes seccións:

a) Escolas de tempo libre, onde se inscribirán as entidades ou as persoas titulares destas que comunicasen a declaración responsable, como requisito previo á súa incorporación á Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia.

b) Instalacións xuvenís, onde se inscribirán as instalacións de titularidade da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as de titularidade privada ou doutras administracións públicas que presentasen a declaración responsable de inicio de actividade, nos termos establecidos regulamentariamente.

c) Entidades integrantes da Rede Galega de Información Xuvenil.

4. O réxime de organización e funcionamento do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia establecerase regulamentariamente.

TÍTULO IV Da participación da xuventude

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 48. Fomento da participación xuvenil

1. A participación xuvenil, como expresión dos valores democráticos e do pluralismo político, cultural e ideolóxico, que permite á xuventude decidir sobre o seu futuro, poderá exercerse de xeito individual ou colectivo mediante as formas de participación recollidas no artigo seguinte.

2. As administracións públicas fomentarán a participación da mocidade no seu sentido máis amplo para así lexitimar e dotar de maior coherencia as políticas de mocidade, adaptándoas á realidade xuvenil de cada momento, debendo fomentar o diálogo entre as institucións e a mocidade para contribuír ao desenvolvemento individual e colectivo, tratando ademais de renovarse constantemente.

Artigo 49. Formas de participación xuvenil

A xuventude galega canalizará a súa participación nos asuntos públicos e na sociedade civil a través de:

a) As asociacións xuvenís e as súas federacións.

b) As seccións xuvenís de asociacións non xuvenís.

c) As novas formas de asociacionismo xuvenil sen personalidade xurídica.

d) O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

e) Os consellos locais de xuventude.

Artigo 50. Asociacionismo xuvenil

1. A xuventude galega poderá canalizar a súa participación mediante a constitución de asociacións ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 marzo, reguladora do dereito de asociación, e da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

2. Así mesmo, a xuventude galega poderá participar a través das seccións xuvenís de asociacións legalmente constituídas e das federacións de asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente que lles resulte aplicable.

3. A xuventude galega poderá participar, cando así se prevexa, en actividades, proxectos e programas, e en cantas iniciativas se determinen, a través de agrupacións de mozos e mozas non institucionalizadas, como poden ser as plataformas, os grupos e os colectivos de xente nova ou calquera outra agrupación sen personalidade xurídica.

CAPÍTULO II Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

Artigo 51. Creación e natureza

1. Créase o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, como órgano colexiado de participación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de xuventude.

2. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia estará integrado na consellaría competente en materia de xuventude, sen prexuízo da súa autonomía, pero non participará na estrutura xerárquica da consellaría.

3. A consellaría competente en materia de xuventude facilitará ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das funcións recollidas nesta lei.

Artigo 52. Fins do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

Son fins do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia:

a) Representar a xuventude galega a través da súa condición de membro de pleno dereito no Comité Galego de Políticas de Xuventude.

b) Emitir os informes que afecten a xuventude e lle sexan solicitados polo Comité Galego de Políticas de Xuventude ou polo órgano directivo competente en materia de xuventude.

c) Emitir informe sobre o impacto na xente nova dos proxectos de disposicións normativas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten a mocidade.

d) Analizar, con carácter permanente, a situación da xente nova en Galicia, facilitando así a toma de decisións, e especialmente as problemáticas que incidan maiormente na mocidade galega, a través do Observatorio Galego da Xuventude.

e) Elevar anualmente ao Parlamento unha memoria na que se reflicta a situación da xuventude como grupo social e ao tempo propoñer as medidas legais que xulgue necesarias.

f) Contribuír á institucionalización do movemento asociativo xuvenil de Galicia, consolidando, por un lado, o xa existente e, por outro, promovendo a creación de asociacións xuvenís de distinta natureza.

g) Garantir a participación activa e dinámica da xuventude en todas as ordes da vida social, educativa, laboral, política, económica, deportiva, de ocio, de tempo libre e cultural de Galicia.

h) Representar a xuventude de Galicia no Consello da Xuventude de España, así como noutros organismos de ámbito estatal, europeo e internacional dos que poida ser membro, participando así na articulación das políticas de xuventude nos distintos niveis.

i) Establecer relacións de cooperación e colaboración con outros consellos da xuventude do Estado.

j) Elevar propostas de acción á consellaría competente en materia de xuventude.

k) Defender os intereses da xente nova, presentando ante os organismos públicos e privados correspondentes as medidas tendentes a facer efectivos os intereses que lle corresponden á xuventude.

Artigo 53. Composición

1. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia estará integrado polas entidades de participación xuvenil que se detallan no punto 2 deste artigo.

2. Poderán ser membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia as seguintes entidades de participación xuvenil:

a) As asociacións xuvenís de calquera natureza legalmente constituídas que, carecendo de ánimo de lucro, figuren rexistradas e clasificadas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia como asociacións de ámbito autonómico.

b) As federacións, confederacións ou unións de asociacións xuvenís inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia de ámbito estatal, autonómico ou local, compostas, como mínimo, por tres asociacións con organización e implantación propia en Galicia. A súa incorporación exclúe a dos seus membros de xeito independente.

c) Os consellos locais de xuventude.

d) As seccións ou organizacións xuvenís dos partidos políticos.

e) As seccións ou organizacións xuvenís dos sindicatos e asociacións empresariais.

f) As organizacións estudantís que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) As seccións xuvenís das demais asociacións de ámbito autonómico de calquera natureza que figuren rexistradas e clasificadas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, sempre que estatutariamente teñan recoñecidas autonomía funcional, organización e goberno propio para as materias especificamente xuvenís.

3. Mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, determinarase a composición do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, garantindo en todo caso unha participación equitativa e obxectivable das entidades mencionadas no punto 2 deste artigo.

En todo caso, esta composición garantirá que as categorías de entidades sinaladas nas letras a) e c) do punto 2 deste artigo dispoñan como mínimo do 51% da representación no voto.

4. Na designación das persoas titulares e membros do órgano atenderase o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes, o cal implicará que non haberá unha representación maior do sesenta por cento nin inferior ao corenta por cento de ningún dos dous sexos, de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 54. Estrutura organizativa

1. Para os efectos de garantir un eficaz funcionamento interno democrático, o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia organizarase do seguinte xeito:

a) Órganos unipersoais:

1º) A presidencia.

2º) A vicepresidencia.

b) Órganos colexiados:

1º) A asemblea xeral.

2º) O Observatorio Galego da Xuventude, que actuará como comisión permanente.

2. O decreto mencionado no punto 3 do artigo 53 desta lei desenvolverá tamén a organización e o funcionamento do Consello.

3. En ningún caso a asistencia ás xuntanzas da asemblea xeral e do observatorio, ou, de ser o caso, dos grupos de traballo, dará dereito a ningunha percepción económica, sen prexuízo das indemnizacións por razóns de servizo que se poidan percibir segundo a normativa autonómica vixente.

Artigo 55. Presidencia

1. A Presidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia terá as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do Consello.

b) Acordar a convocatoria das xuntanzas ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día da asemblea xeral e do observatorio, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as xuntanzas da asemblea xeral e do observatorio, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e as certificacións dos acordos da asemblea e do observatorio.

f) Adoptar as medidas necesarias para asegurar o cumprimento do decreto sobre composición, organización e funcionamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, das funcións do Consello e dos acordos ditados por este.

2. A presidencia nomeará unha vicepresidencia, de entre os membros do Consello, para a súa substitución nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 56. Asemblea xeral

1. A asemblea xeral está integrada por todos os membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, e terá as seguintes atribucións:

a) Aprobar as liñas xerais de actuación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) Elaborar e elevar ao órgano directivo competente en materia de xuventude as propostas que considere necesarias para mellorar a calidade de vida da xuventude galega.

c) Emitir os informes e ditames que lle sexan solicitados polos distintos órganos regulados nesta lei.

d) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten a xuventude.

No caso das iniciativas lexislativas, o informe terá lugar no momento da participación regulada na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega. No caso de disposicións xerais de carácter xeral, terá lugar na fase intermedia, nos termos do punto 3 do artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Designar, de entre os seus membros, os representantes do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no Observatorio Galego da Xuventude.

f) Designar, de entre os seus membros, os representantes do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no Consello da Xuventude de España e no Comité Galego de Políticas de Xuventude.

g) Aprobar a memoria anual do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

h) Admitir novos membros no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e determinar o número de membros de cada entidade na asemblea xeral, así como proceder á exclusión de membros por motivos de grave incumprimento, nos termos do establecido no decreto mencionado no punto 3 do artigo 53 desta lei.

2. A Asemblea Xeral poderá delegar as atribucións sinaladas nas letras c), d) e h) do punto anterior no Observatorio Galego da Xuventude, sen prexuízo da necesaria ratificación da Asemblea Xeral das admisións e exclusións, que serán provisionais ata que se produza esta.

3. A asemblea xeral poderá constituír grupos de traballo específicos para o estudo e o informe de problemáticas concretas, cuxos resultados serán presentados ante esta asemblea.

4. Dos acordos adoptados pola asemblea xeral daráselle traslado á consellaría competente en materia de xuventude para o seu coñecemento e execución.

Lei 14/2013, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 56 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira oitava.

Artigo 57. Observatorio Galego da Xuventude

1. No seo do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, actuará como comisión permanente o Observatorio Galego da Xuventude, que terá como obxectivo establecer un sistema de información permanente sobre a situación da xuventude en Galicia, proporcionando datos para os efectos da realización de estatísticas e da toma de decisións.

2. Con carácter anual, presentará informes de conxuntura xuvenil, nos que se reflictan as principais variables sociais e se formulen propostas e recomendacións tendentes a promover o desenvolvemento das políticas xuvenís en Galicia, especialmente en materia de emprego e vivenda.

3. A súa composición e o seu réxime de funcionamento estableceranse no decreto mencionado no punto 3 do artigo 53 desta lei.

4. Na designación das persoas titulares e membros do órgano atenderase o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes, o cal implicará que non haberá unha representación maior do sesenta por cento nin inferior ao corenta por cento de ningún dos dous sexos, de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 58. Da secretaría do Consello

1. Actuará como secretario ou secretaria, tanto da asemblea xeral como do observatorio, un empregado ou empregada público designado polo órgano directivo competente en materia de xuventude, que actuará con voz e sen voto.

2. Correspóndelle ao secretario ou secretaria:

a) Preparar e cursar a orde do día e notificar as convocatorias das xuntanzas da asemblea xeral e do observatorio, de acordo coas instrucións do presidente ou presidenta.

b) Asistir, con voz pero sen voto, ás sesións da asemblea xeral e do observatorio, e estender actas destas.

c) Desenvolver as tarefas administrativas do Consello.

d) Expedir as certificacións oficiais dos contidos dos acordos, ditames, votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia co visto e prace do presidente ou presidenta.

e) Realizar as demais funcións que lle atribúa o decreto mencionado no punto 3 do artigo 53 desta lei.

CAPÍTULO III Dos consellos locais de xuventude

Artigo 59. Natureza e obxecto

1. Sen prexuízo das competencias municipais de cara á regulación destes órganos ou entidades, os consellos locais de xuventude constitúense, para os efectos desta lei, como órganos ou entidades de representación e consulta das distintas administracións locais, e estarán formados por todas as organizacións e entidades xuvenís que actúan dentro do ámbito territorial respectivo, segundo a regulación de cada ente local.

2. Os consellos locais de xuventude formarán parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, de acordo co establecido nesta lei. Para estes efectos, deberase notificar ao órgano directivo competente en materia de xuventude a constitución e a composición dos consellos.

TÍTULO V Do réxime sancionador

CAPÍTULO I Da inspección en materia de xuventude

Artigo 60. Competencias da inspección

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia tutelará o efectivo cumprimento do disposto nesta lei, asignando os medios materiais e persoais necesarios para o exercicio da función inspectora, sen prexuízo do respecto á potestade inspectora das administracións locais no eido das súas competencias.

2. Nos supostos de inspección de actividades de aire libre, determinaranse regulamentariamente os mecanismos de coordinación entre as diferentes consellarías con competencias propias no exercicio da actividade de aire libre, para o desenvolvemento efectivo da actividade inspectora.

Artigo 61. Funcións da inspección

1. Sen prexuízo das actividades inspectoras reguladas noutras leis, a inspección en materia de xuventude exercerá, respecto dos contidos desta lei, as seguintes funcións:

a) Comprobar o cumprimento da normativa contida nesta lei, así como das normas que a desenvolvan.

b) Controlar con posterioridade ao inicio da actividade o cumprimento das condicións comunicadas previamente ou declaradas de xeito responsable na prestación de servizos e instalacións xuvenís.

c) Tramitar a documentación no exercicio da función inspectora.

d) Verificar a veracidade dos feitos que foron obxecto de reclamacións ou denuncias de particulares e que resulten susceptibles de poder constituír unha infracción.

e) Garantir os controis sobre a execución de actividades xuvenís que fosen obxecto de calquera tipo de axuda pública pola Xunta de Galicia, elevando os seus informes ao órgano administrativo competente.

f) Propoñer a adopción de medidas preventivas que se consideren axustadas para garantir o cumprimento das disposicións desta lei e demais normativa de aplicación e desenvolvemento.

g) As que regulamentariamente se lle atribúan.

2. A función inspectora axustarase aos principios de non discriminación, necesidade e proporcionalidade co obxecto que se persegue.

Artigo 62. Facultades de inspección

1. Os funcionarios ou funcionarias habilitados para o exercicio das funcións de inspección terán a consideración de autoridade no exercicio desta, gozando, por iso, da protección e das atribucións establecidas na normativa vixente.

2. Os funcionarios ou funcionarias habilitados para o exercicio da función inspectora poderán requirir a información e a documentación necesaria para comprobar o correcto cumprimento das normas previstas nesta lei e na normativa de desenvolvemento dela.

Así mesmo, os funcionarios ou funcionarias habilitados poderán acceder, libremente e sen previo aviso, aos locais, instalacións xuvenís, actividades e servizos regulados nesta lei e na normativa de desenvolvemento desta.

3. Os funcionarios ou funcionarias habilitados no exercicio da función inspectora deberán identificarse en todo momento mostrando as credenciais que acrediten a súa condición e poderán, así mesmo, solicitar o auxilio das forzas e corpos de seguridade.

4. Constitúe unha obriga inherente ao exercicio da función inspectora gardar segredo profesional sobre os feitos que coñezan no exercicio das súas funcións e actuar, en todo momento, con suxeición ao disposto nesta lei e nas normas que a desenvolvan regulamentariamente.

Artigo 63. Documentación da inspección

1. Como resultado da actividade inspectora, unha vez finalizada esta, estenderase acta de inspección, onde constarán os feitos observados, así como, de ser o caso, a posible comisión dalgunha infracción prevista nesta lei derivada destes.

2. Os feitos constatados nunha acta de inspección cumprindo os requirimentos formais presúmense certos, sen prexuízo das probas que as persoas interesadas poidan achegar en defensa dos seus dereitos e intereses.

3. Regulamentariamente desenvolveranse o contido e a estrutura documental das actas de inspección en materia de xuventude.

CAPÍTULO II Infraccións e sancións

Artigo 64. Clasificación das infraccións

As infraccións tipificadas nesta lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 65. Infraccións leves

Constitúen infraccións leves as seguintes:

a) Non facilitarlle á mocidade información e asesoramento por parte de calquera entidade integrante da Rede Galega de Información Xuvenil, así como o incumprimento dos horarios de atención á xuventude.

b) Non exhibir nas dependencias que integran a Rede Galega de Información Xuvenil o logotipo que identifica internacionalmente estes servizos.

c) Incumprir a obriga de exhibir nas instalacións xuvenís o logotipo identificativo destas.

d) Manter e conservar as instalacións xuvenís nun estado deficiente de habitabilidade, seguridade e salubridade.

e) Incumprir a normativa de réxime interno das instalacións xuvenís por parte das persoas usuarias destas.

f) Utilizar as instalacións xuvenís para finalidades diferentes ás establecidas na correspondente declaración responsable.

g) Incumprir os prazos temporais fixados na declaración responsable para o desenvolvemento de actividades de aire libre, así como as que se realicen en instalacións xuvenís.

h) Empregar persoal non cualificado na realización de actividades dirixidas á xuventude.

i) Incumprir por parte de entidades públicas ou privadas os compromisos adquiridos coa Xunta de Galicia no relativo ao carné xove.

Artigo 66. Infraccións graves

Constitúen infraccións graves as seguintes:

a) O obstáculo da función inspectora sen que chegue a impedila.

b) A comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.

c) As establecidas como leves cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

1º) Que se causase un grave risco para a saúde ou a seguridade das persoas usuarias de actividades, servizos ou instalacións xuvenís.

2º) Que se causase un grave dano físico ou psíquico ás persoas usuarias das actividades, servizos ou instalacións xuvenís.

3º) Cando existise neglixencia grave ou intencionalidade.

d) O incumprimento das condicións de localización das instalacións xuvenís en función dos contidos da lexislación aplicable nesta materia e as que se determinen regulamentariamente.

e) O incumprimento por parte das escolas de tempo libre da presentación con carácter previo ao desenvolvemento das súas actividades da declaración responsable, así como das obrigas establecidas nesta lei e na normativa que a desenvolva.

f) A realización de actividades de aire libre sen notificar previamente a declaración responsable.

g) Permitir, en actividades xuvenís de tempo libre, a participación de menores de idade sen contar coa autorización das persoas que exerzan a súa patria potestade ou tutela.

Artigo 67. Infraccións moi graves

Constitúen infraccións moi graves as seguintes:

a) A negativa ou obstáculo que chegue a impedir o labor inspector.

b) As previstas como graves cando se dean algúns dos seguintes casos:

1º) Que existise grave risco para a saúde ou a seguridade das persoas.

2º) Que existise grave dano físico ou psíquico causado por unha conduta na que se aprecie neglixencia grave ou intencionalidade.

3º) Cando afectase un gran número de persoas usuarias das actividades ou servizos.

c) A comisión de tres ou máis faltas graves no período dun ano.

d) A posta en marcha, no desenvolvemento de actividades dirixidas á mocidade en instalacións xuvenís, de actuacións que promovan o racismo, a xenofobia, a homofobia, a discriminación por razón de xénero, a violencia ou outros comportamentos contrarios a valores democráticos.

Artigo 68. Sancións

1. As sancións aplicables ás infraccións tipificadas nesta lei poderán consistir en:

a) Apercibimento.

b) Multa pecuniaria.

c) Clausura temporal ou definitiva da instalación xuvenil, escola de tempo libre, oficina local de información ou punto de información xuvenil.

d) Inhabilitación temporal ou definitiva do persoal titulado nos ámbitos de servizos á xuventude.

e) Inhabilitación para percibir subvencións ou axudas da Xunta de Galicia.

2. As infraccións tipificadas nesta lei serán sancionadas baixo os seguintes criterios:

a) As infraccións leves sancionaranse con apercibimento e multa de 100 ata 1.000 euros.

b) As infraccións graves sancionaranse con multa de 1.001 ata 3.000 euros e coa imposibilidade de desenvolver actividades ou prestar servizos á xuventude por un período de tempo de ata seis meses.

Ademais, en función da natureza da infracción e do seu responsable, poderá impoñerse algunha das seguintes sancións:

1º) Clausura temporal da instalación xuvenil, escola de tempo libre, oficina local de información ou punto de información xuvenil por un período de ata tres anos.

2º) Inhabilitación por un período de ata tres anos do persoal titulado nos ámbitos dos servizos á xuventude.

3º) Inhabilitación para percibir subvencións ou axudas da Xunta de Galicia por un período dun a tres anos.

c) As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 3.001 ata 6.000 euros e coa imposibilidade de desenvolver actividades ou prestar servizos á xuventude por un período de tempo de ata doce meses.

Ademais, en función da natureza da infracción e do seu responsable, poderá impoñerse algunha das seguintes sancións:

1º) Clausura temporal da instalación xuvenil, escola de tempo libre, oficina local de información ou punto de información xuvenil por un período de catro a dez anos.

2º) Inhabilitación por un período de catro a dez anos do persoal titulado nos ámbitos dos servizos á xuventude.

3º) Inhabilitación para percibir subvencións ou axudas da Xunta de Galicia por un período de catro a dez anos.

3. Para a graduación das sancións terase en conta:

a) O número de persoas afectadas.

b) Os prexuízos ocasionados.

c) O beneficio ilícito obtido.

4. Con independencia da sanción imposta, o suxeito responsable está obrigado a resarcir os danos e perdas causados pola comisión da infracción.

Artigo 69. Competencia

1. A imposición de infraccións leves compete á persoa que exerza a xefatura territorial da consellaría competente en materia de xuventude da provincia onde se cometeu a infracción.

2. A imposición de sancións graves e moi graves compete ao órgano directivo competente en xuventude, sen prexuízo do establecido no punto seguinte.

3. A imposición de sancións moi graves que leve aparellada a clausura definitiva dunha instalación xuvenil, escola de tempo libre, oficina local de información ou punto de información xuvenil, así como a inhabilitación definitiva do persoal titulado nos ámbitos dos servizos de xuventude, compete á persoa titular da consellaría con competencia en materia de xuventude.

Artigo 70. Suxeitos responsables

Serán responsables das infraccións administrativas tipificadas nesta lei as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que participen ou incorran nestas, aínda a título de simple inobservancia.

Artigo 71. Prescrición

1. As infraccións leves prescriben aos seis meses; as graves, aos dous anos; e as moi graves, aos tres anos.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescriben ao ano; as impostas por infraccións graves, aos dous anos; e as impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.

Artigo 72. Procedemento

1. O exercicio da potestade sancionadora axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os expedientes sancionadores serán incoados polo órgano competente que regulamentariamente se estableza.

3. Iniciado o procedemento, o órgano competente para resolver o expediente sancionador poderá adoptar de xeito motivado as medidas preventivas necesarias para asegurar a eficacia da resolución final que puider recaer e salvagardar o interese público tutelado por esta lei.

Disposición adicional primeira. Extinción do Consello da Xuventude de Galicia

1. Coa entrada en vigor desta lei producirase a extinción do Consello da Xuventude de Galicia, regulado pola Lei 2/1987, do 8 de maio.

2. O persoal que actualmente presta servizos no Consello da Xuventude de Galicia pasará a prestar servizos no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia regulado nesta lei, conservando o mesmo réxime xurídico e categoría profesional, sen prexuízo, de ser o caso, da aplicación da disposición adicional décimo primeira e da disposición transitoria sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. A consellaría competente en materia de xuventude asumirá todos os bens e obrigas de titularidade do Consello da Xuventude de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impacto orzamentario

A constitución e posta en funcionamento dos órganos aos que se refiren os títulos III e IV desta lei non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de xuventude.

Disposición transitoria primeira. Comisión Xestora do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

1. No prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, as entidades que forman parte do actual Consello da Xuventude de Galicia designarán unha comisión xestora, composta por un mínimo de cinco e un máximo de nove persoas, co obxecto de desenvolver as seguintes accións:

a) Designar o seu representante provisional no Comité Galego de Políticas de Xuventude, ata o nomeamento definitivo pola Asemblea Xeral do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) Realizar as accións necesarias para a adhesión das entidades ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) Convocar, nun prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a realización da asemblea xeral constituínte, que deberá ter como orde do día:

1º) Elección da presidencia.

2º) Ratificación das accións realizadas pola comisión xestora, especialmente en materia de admisión de entidades membros.

3º) Elección dos representantes da asemblea xeral no Observatorio Galego da Xuventude.

2. Se transcorrido o prazo de tres meses non se constituíse a comisión xestora, esta será designada polo órgano directivo competente en materia de xuventude.

3. A comisión xestora prevista no punto 1 desta disposición transitoria rexerase para o seu funcionamento polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Convocatoria do Comité Galego de Políticas de Xuventude

Dentro do prazo de nove meses desde a entrada en vigor desta lei, terá lugar a primeira sesión do Comité Galego de Políticas de Xuventude.

Para tal efecto, o órgano directivo competente en materia de xuventude realizará todas cantas xestións resulten necesarias para que tanto os organismos públicos con representación neste como o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia procedan á designación dos seus representantes no citado órgano.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas cantas normas legais e regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao contido desta lei e, en particular, as seguintes normas:

a) Lei 2/1987, do 23 de marzo, do Consello Galego da Xuventude de Galicia.

b) Decreto 148/2008, do 26 de xuño, polo que se crea e regula o Observatorio da Xuventude.

2. En tanto non entre en vigor a normativa de desenvolvemento desta lei, resultarán aplicables o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, así como o decreto da súa adaptación á Directiva de servizos, en todo en canto non se opoña ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido nesta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas na sección de disposicións xerais do DOG. Consulte a información contida ao respecto na sección preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia