Acordo do Consello de Goberno do 17 de xullo de 2026, polo que se aproba a modificación do Acordo do Consello de Goberno 28 de febreiro de 2019 sobre a esixencia de nivel de coñecemento da lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1289
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

O Consello de Goberno, na súa reunión do 28 de febreiro de 2019, aprobou o Acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial para os alumnos estranxeiros de países con lingua oficial distinta do castelán para cursar estudos oficiais de grao, máster e doutoramento, que foi posteriormente modificado polo Acordo de Consello de Goberno de 28 de maio de 2025 e polo Acordo de Consello de Goberno de 28 de novembro de 2025.

O Acordo establece o procedemento de acreditación do idioma, así como as opcións das que dispón o estudantado. Concretamente, o Acordo dispón que:

«1.1.- O alumnado deberá acreditar coñecementos de lingua española de nivel B1 ou superior, agás para o grao en Lingua e Literatura Españolas, para o que se deberá acreditar un nivel B2 ou superior.

O nivel de coñecemento da lingua española xustificarase mediante a acreditación documental de superación dos niveis nos que consten as destrezas de comprensión e expresión oral e escritas ligadas ao nivel de competencia referido ao MECRL, expedida por outras universidades públicas españolas e universidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), escolas oficiais de idiomas (EOI), centros lingüísticos oficiais e organismos recoñecidos polas comisións lingüísticas da Conferencia de reitores das universidades españolas (CRUE) e da Asociación de centros de linguas das Universidades españolas (ACLES). No caso de que a certificación acredite diferentes niveis, acreditarase o nivel mínimo establecido nas destrezas, con independencia do nivel global que conste no documento.

Para o caso do galego, a acreditación deberá realizarse mediante un título de Celga II, conforme á Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 1.2.- De non posuír algún destes títulos, deberanse acreditar os coñecementos de lingua dos ditos niveis antes do inicio dos estudos, mediante a superación da parte A das probas de competencia lingüística (PCL) da Universidade de Santiago de Compostela >correspondentes aos niveis B1 (B1.A), B2 (B2.A) ou C1 (C1.A).

No caso de non superar a proba, o estudantado deberá modificar a súa matrícula e só poderá matricularse dun máximo do 25% dos créditos do primeiro semestre debendo realizar ao mesmo tempo un curso intensivo obrigatorio de español ou de galego ata a superación do nivel requirido, que será necesario para poder matricularse no segundo semestre. 1.3.- Queda excluído dese requisito o alumnado procedente de países de fala española ou portuguesa e o das titulacións impartidas maioritariamente noutras linguas.»

O aumento significativo de estudantado estranxeiro de países con lingua oficial distinta do castelán e o portugués aconsella modificar o procedemento establecido, en beneficio do propio estudantado, por varias razóns:

− No caso de non superar a proba organizada pola USC, o estudantado ten que modificar a súa matrícula para quedarse matriculado dun máximo do 25% dos créditos do primeiro semestre, debendo realizar ao mesmo tempo o curso intensivo. Isto supón que un máster de 60 ECTS que se desenvolve nun curso académico, teña que ser superado nun mínimo de dous cursos académicos.

− O aumento de estudantado que se ten que presentar á proba de coñecementos de castelán ou galego organizada pola USC implicou a necesidade de realizar mais convocatorias de exame no mes de setembro e outubro, polo que retrasouse o momento no que en base á superación ou non da proba, tense que proceder a modificación da matrícula.

Moitos destes estudantes xa teñen realizado traballos e actividades da avaliación de materias do primeiro semestre no momento en que se lle comunica que teñen que modificar a súa matricula.

− O endurecemento dos requisitos para a concesión do visado implica que moitos estudantes non cheguen a España a tempo para poder examinarse dalgunha das probas de coñecementos organizadas pola USC, polo que directamente teñen que realizar o curso intensivo e modificar a súa matrícula, con independencia de que teñan os coñecementos precisos para acreditar o nivel esixido de español ou galego.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno, na súa sesión do 17 de xullo de 2026, ACORDA

PRIMEIRO.

Modificar a aliña 1.2 do Acordo do Consello de Goberno do 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial, que queda redactada como segue:

1.2.- De non posuír algún destes títulos, deberanse acreditar os coñecementos de lingua dos ditos niveis antes do inicio dos estudos, mediante a superación da parte A das probas de competencia lingüística (PCL) da Universidade de Santiago de Compostela correspondentes aos niveis B1 (B1.A), B2 (B2.A) ou C1 (C1.A).

No caso de non superar a proba, o estudantado deberá realizar un curso intensivo obrigatorio de español ou de galego ata a superación do nivel requirido, que será necesario para poder continuar matriculado no segundo semestre.

A non superación do nivel do curso implicará a anulación total da matrícula. Neste caso a universidade poderá ofertarlle ao estudantado afectado a posibilidade de matricularse en réxime de estudantado visitante nunha serie de materias correspondentes ao segundo semestre.

DISPOSICIÓN FINAL.

O presente Acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC e será aplicable a partir do curso 2026-2027.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver