Instrución Nº III/2026 da Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, relativa á comunicación de datos bancarios para efectos de devolucións

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1288
Departamento: Gerencia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

A xestión de ingresos realizados por persoas físicas á Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC) pode dar lugar, en determinados supostos, á obriga de proceder á devolución de importes a favor das persoas interesadas.

A entrada en vigor o 9 de outubro de 2025 do Regulamento (UE) 2024/886 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás transferencias inmediatas en euros, establece a obrigatoriedade de verificar a correspondencia entre a identidade da persoa beneficiaria e a titularidade da conta bancaria de destino, de modo que aquela deberá figurar como titular ou cotitular desta.

Neste contexto, resulta necesario establecer criterios homoxéneos no ámbito da USC que garantan o cumprimento da devandita esixencia normativa na tramitación das devolucións de ingresos a persoas físicas.

En virtude do anterior, e no exercicio das competencias atribuídas á Xerencia,

DISPOÑO

Primeiro. Identificación da conta bancaria nos supostos de domiciliación bancaria

Nos pagamentos realizados á USC mediante domiciliación bancaria, a persoa interesada deberá figurar como titular ou cotitular da conta empregada.

Os servizos xestores deberán dispoñer dos sistemas oportunos para informar expresamente ás persoas interesadas de que o incumprimento deste requisito poderá imposibilitar a realización de devolucións mediante transferencia á conta indicada.

Segundo. Identificación da conta bancaria no resto dos supostos

Nos supostos en que o pagamento non se realizase mediante domiciliación bancaria, a persoa interesada deberá achegar ao servizo competente para a tramitación da devolución acreditación suficiente da titularidade da conta bancaria na que se pretenda percibir a devolución.

Para estes efectos, admitirase como medio preferente de acreditación certificación bancaria expedida pola entidade financeira correspondente, na que conste expresamente a condición de titular ou cotitular da persoa interesada.

No caso de que a obtención da devandita certificación implique custo económico, poderá ser substituída por unha declaración responsable asinada pola persoa interesada (recollida na ligazón: https://assets.usc.gal/sites/default/files/paragraphs/links/2024-11/declaracion-responsable.pdf ), na que manifeste de forma expresa a súa condición de titular ou cotitular da conta bancaria indicada.

Terceiro. Custodia, comprobación e tratamento da documentación

Os servizos responsables da tramitación das devolucións serán os encargados da conservación e custodia da documentación acreditativa dos datos bancarios, de conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais e xestión documental.

Así mesmo, deberán facilitar esta documentación á Subárea de Contabilidade cando resulte necesario para a verificación e validación dos datos bancarios.

Cuarto. Ámbito de aplicación

A presente instrución será de aplicación a todos os centros, servizos e unidades da Universidade de Santiago de Compostela que tramiten devolucións de ingresos a favor de persoas físicas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico oficial da Universidade de Santiago de Compostela.

O xerente,

Juan Manuel Díaz Villoslada

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver