Acordo do Consello de Goberno do 29 de maio de 2026, polo que se ratifica o Regulamento do Traballo de Fin de Estudos das titulacións de Grao da Facultade de Bioloxía

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCB 0006 01/06/2026
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Segundo a normativa vixente, o Traballo Fin de Grao (en adiante TFG) é unha materia de carácter obrigatorio e cuxa superación é imprescindible para a obtención do título oficial. Dita materia ten como obxectivo esencial que o/a estudante demostre o dominio e aplicación dos coñecementos, competencias e habilidades definitorios do titulo.

No Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela de 24 de xullo de 2024 aprobouse unha actualización do artigo 4 (matrícula e convocatorias), apartado 4, do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela (aprobado polo Consello de Goberno do 10 de marzo de 2016). Mediante dita actualización autorizouse aos centros a que desenvolvesen normativamente a posibilidade de autorizar a defensa dos TFG ao estudantado na fase final dos seus estudos oficiais; é dicir, restando ata 18 ECTS pendentes no caso de titulacións de grao, excluíndose deste cómputo os correspondentes aos propios TFGs.

A Facultade de Bioloxía, en conformidade coa realidade académica dos Graos impartidos e respectando as súas memorias verificadas, tomou a decisión na Xunta de Facultade do 3 de outubro de 2024 de que o TFG puidese ser defendido e avaliado sempre e cando o/a estudante tivese como máximo 6 ECTS pendentes de superación, salvo os correspondentes ao propio traballo.

Consecuentemente, o presente regulamento do TFG xustifícase pola actualización da normativa da USC anteriormente mencionada. Tamén pola necesidade de substituír o termo «alumnado» por «estudantado» (decisión aprobada polo Claustro do 4 de decembro de 2024), reducir de dúas a unha as Comisións de TFG (CTFG) existentes na facultade e incorporar a representación estudantil na CTFG. Ademais, era necesario harmonizar procedementos internos de asignación, avaliación e defensa e simplificar a documentación na facultade coa xeración dun único regulamento do TFG común para as titulacións de Grao. Cumpría tamén adaptar o regulamento do TFG para incorporar cuestións relativas ao proceso de matriculación, órganos do centro encargados da xestión dos TFG, e certas cuestións bioéticas ou de integridade no TFG relativas ao uso de mostras humanas ou procedentes de animais de experimentación. Finalmente, tamén era importante incorporar ao regulamento o uso ético, responsable e produtivo da intelixencia artificial (IA). Por todo o anterior, a Xunta de Facultade, na súa reunión do 12 de maio de 2026, acordou aprobar este novo Regulamento do TFG, que foi posteriormente ratificado polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela na súa sesión do 29 de maio de 2026.

Artigo 1. Obxectivo do TFG

A finalidade do TFG é a elaboración individual por parte do estudante dun traballo orixinal onde se integren e desenvolvan os contidos formativos recibidos, capacidades, competencias, e habilidades adquiridas durante os estudos de Grao.

Artigo 2. Matrícula do TFG

A matrícula do TFG realizarase nos prazos establecidos para a matrícula ordinaria da USC. Para formalizar a matrícula do TFG, o estudantado poderá ter pendentes como máximo 75 ECTS, excluídos os correspondentes ao TFG.

A matrícula dará dereito ao depósito e defensa do traballo en dúas oportunidades nalgunha das convocatorias oficiais do curso no que se formalice a matrícula, sempre que se cumpran os requisitos establecidos neste regulamento para a súa avaliación.

A Unidade de xestión de centro e departamentos verificará, con carácter previo á autorización da defensa, que o/a estudante cumpre os requisitos establecidos neste regulamento. No suposto de que na data prevista para a defensa non consten todas as actas das materias pendentes, a secretaría do centro poderá solicitar ao profesorado correspondente un informe sobre as cualificacións.

Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos públicos no caso de non presentarse. No suposto de que o/a estudante non reúna os requisitos para a autorización da defensa do TFG, considerarase unha renuncia automática, que non computará para os efectos de consumir convocatoria.

Artigo 3. Órganos do centro encargados da xestión dos TFG

3.1.- A Comisión de Traballos Fin de Grao (CTFG) será a encargada de atender ás cuestión propias do desenvolvemento da materia “Traballo Fin de Grao” e deberá designar entre os seus membros un coordinador ou coordinadora da mesma.

3.2.- A CFTG estará composta por:

O/A Decano/a da Facultade de Bioloxía (ou persoa en que delegue), que presidirá a CTFG

O/A Secretario/a da Facultade de Bioloxía, que será o/a secretario/a da CTFG

O/A Coordinador/a de cada Grao

O/A Coordinador/a de 4º curso de cada Grao

O/A Responsable da unidade de xestión de centro e departamentos

Un representante do estudantado de cada Grao

3.3.- Correspóndelle á CTFG da Facultade os procedementos de asignación, elaboración, modificación, presentación e avaliación dos TFG. En particular, no marco do establecido neste Regulamento, terán as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias doutros órganos e do disposto na normativa xeral da USC:

Propoñer anualmente a guía docente na que se determinen as diferentes formas de desenvolvemento, exposición e criterios de avaliación para o curso académico de que se trate.

Establecer a convocatoria anual

Aprobar as propostas e asignación de TFG.

Establecer e publicar un procedemento para a asignación dos titores/as e os temas que poderán desenvolverse na elaboración do Traballo.

Decidir sobre a modificación de temas e/ou titor ou titora asignado.

Establecer e aprobar un procedemento estandarizado en relación á constitución dos tribunais anuais de avaliación dos TFGs (no que se regulen a composición dos mesmos, o sistema de rotación do profesorado elixible e o procedemento de asignación). Designar e aprobar os tribunais que van a actuar en cada prazo (febreiro, xullo e setembro).

Autorizar a presentación dos traballos en casos excepcionais.

Propor os prazos de entrega dos traballos e informes de seguimento e as datas de defensa dos traballos de acordo co calendario académico.

Resolver as incidencias non previstas neste Regulamento.

Calquera outra función que a Xunta de Facultade lle encomende.

3.4.- A Unidade de xestión de centro e departamentos será responsable das seguintes tarefas:

A xestión das solicitudes de propostas de TFG, segundo o contemplado na convocatoria.

A relación cos departamentos con docencia nas titulacións, en todo o relacionado cos TFG.

A comprobación de que os/as estudantes compren os requisitos para poder depositar e defender os TFG.

A xestión das solicitudes de defensa dos TFG en cada convocatoria.

A custodia e arquivo dos TFG.

A xestión dos espazos e dos medios necesarios para o correcto desenvolvemento das sesións de defensa pública dos TFG.

Artigo 4. Titores dos TFG

4.1.- Os TFG serán realizados baixo a supervisión de polo menos un titor/a. A súa función será a de orientar ao estudante no desenvolvemento do TFG. Se o titor o estima oportuno, poderá designarse un co-titor.

4.2.- O/A titor/a será persoal docente e investigador (PDI) con docencia nos Graos impartidos na Facultade de Bioloxía ou noutras titulacións da mesma facultade. Tamén poderá ser PDI adscrito a Departamentos con créditos de formación básica ou obrigatoria dos Graos impartidos na Facultade de Bioloxía.

4.3.- Excepcionalmente tamén poderán ser co-titores/as profesores da USC que se atopen na situación de servicios especiais, comisión de servicios, eméritos ou ad honorem, profesores doutras universidades ou persoal con vinculación permanente a Organismos Públicos de Investigación (OPI), e profesionais especializados.

4.4.- Non poderán ser co-titores/as o persoal de administración e servizos, agás nos supostos de consideración como profesionais, nin o persoal contratado con cargo ao capítulo VI, agás os que posúan titulación de máster ou teñan unha titulación que se corresponda co nivel 3 (máster) do MECES.

4.5.- No caso de co-titorías de persoal alleo á USC (área externa), con carácter previo a realizar a co-titoría, deberá comunicarse dita circunstancia á vicerreitoría con competencias na materia a través do servizo correspondente indicando a súa dedicación.

4.6.- Os traballos poderán desenvolverse no marco de convenios con empresas ou institucións. Nestes casos a matrícula realizarase na USC, pero deberá designarse un co-titor/a, que será persoal do centro ou institución no que se desenvolva o traballo. En todo caso, a defensa e avaliación dos traballos deberá realizarse na USC.

4.7.- O/a titor/a e, de existir, o/a co‑titor/a, compartirán as mesmas funcións de programación das sesións de traballo, orientación do alumnado e seguimento do TFG. Correspóndelles a ambos establecer a planificación das tarefas, orientar o desenvolvemento do traballo, realizar o seu seguimento e asesorar sobre o uso responsable da intelixencia artificial (IA) e doutras ferramentas. A emisión do informe preceptivo e confidencial sobre o seguimento do TFG antes da defensa, para os efectos da avaliación, será competencia exclusiva do/a titor/a.

4.8.- O recoñecemento dos labores de titorización e avaliación de Traballos de Fin de Grao farase nos termos previstos anualmente na Normativa de Programación Académica Anual da USC.

Artigo 5. Propostas e Asignación dos TFG

5.1.- O centro aprobará o número de traballos que corresponden a cada área de coñecemento en función do número de profesores da área con docencia na Facultade.

5.2.- Os estudantes matriculados no TFG, poderán optar por algunha das seguintes opcións: A) Presentar no decanato da Facultade unha proposta de traballo, asinada tanto polo estudante como polo titor/a do TFG, que deberá ser aprobada pola CTFG (asignación directa); B) Solicitar que se lle asigne un titor/a en base á listaxe de titores/as dispoñibles, publicada na páxina web da Facultade unha vez rematada a asignación directa de TFG. Para a elaboración desta listaxe, dende o decanato solicitarase aos Departamentos que non teñan cuberta a súa cota de TFG que remitan a relación dos titores/as dispoñibles en cada área.

5.3.- O estudantado deberá solicitar a asignación por orde de preferencia e a asignación realizarase tendo en conta as súas preferencias expresadas na petición e a nota media do expediente académico.

5.4.- A asignación dos temas de traballo e titores aos alumnos/as farase pública na páxina web do centro, unha vez aprobada pola CTFG.

5.5.- Todos os modelos e formularios (proposta de TFG, formulario de solicitude de titor, modelo de TFG, solicitude de cambio de título, solicitude de prórroga, etc.) estarán dispoñibles na páxina web do centro.

Artigo 6. Anulacións e modificacións do TFG

6.1.- O/a estudante poderá solicitar, co visto bo do titor/a, a modificación dos datos do TFG (tipo, título, descrición do contido) dentro da proposta de TFG no período establecido polo centro.

6.2.- A CTFG, previa petición motivada por parte do/a estudante ou do/a titor/a dun TFG e derivada de situacións excepcionais, dirixida ó decano/a da Facultade, poderá admitir ou denegar a anulación completa ou parcial da asignación, procedendo a realizar unha nova.

6.2.- Corresponderá á Unidade de xestión de centro e departamentos a tramitación destes procesos e, si fose preciso, a comunicación dos cambios aos servizos administrativos correspondentes.

Artigo 7. Prórroga do TFG

7.1.- Se no ano académico de asignación do seu TFG, o/a estudante non realizase a súa presentación e defensa, poderá solicitar a prórroga do mesmo TFG, titor/a e co-titor/a (de existir) no prazo fixado a tal fin polo Decanato da Facultade en cada convocatoria. Dita solicitude deberá contar cun informe favorable do/a titor/a do TFG.

7.2.- En caso de non solicitar a devandita prórroga, caducará a asignación realizada, e o/a estudante deberá iniciar de novo o procedemento previsto nesta normativa.

Artigo 8.- Dereitos do estudantado

8.1.- A propiedade intelectual dos traballos correspóndelle ao/á estudante que o realizou.

8.2.- No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade:

Os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.

Nestes casos, e sempre que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso de que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual que non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos, actuarase do seguinte modo: Entregaranse dúas versións da memoria de TFG. Por un lado a reducida, na que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade. Por outro lado o exemplar completo, que se entregará baixo compromiso de confidencialidade.

O exemplar reducido será o que se utilice para ser autorizada a súa defensa, e deberá coincidir co contido da exposición e defensa pública. A versión completa entregarase aos membros do tribunal para a súa avaliación. O/A titor/a, co-titor/a (de existir) e os membros do tribunal deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poderán difundir publicamente. Se o tribunal desexa formular cuestións sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

O exemplar do traballo non será obxecto de publicación no repositorio institucional da USC (Minerva) ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.

8.3.- No caso de que os traballos se realicen no marco dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial. Se os contidos ou resultados do TFG forman parte dun artigo conxunto ou obra colectiva o/a estudante deberá figurar como coautor/a, e a publicación do TFG, de se lo caso, estará suxeita aos prazos de demora pertinentes ou ata a publicación do artigo.

8.4.- Unha copia en formato electrónico dos traballos superados quedará depositada no centro para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na USC para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica aos seus autores. Para estes efectos o estudantado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.

8.5.- A CFTG poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), en especial os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/as autores/as dos traballos propostos, co visto e prace do/a titor/a e co-titor/a (de existir), deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.

Artigo 9.- Deberes do estudantado: Ética e integridade no TFG

9.1.- Todos os TFG deberán realizarse respectando as normas éticas, deontolóxicas e legais vixentes, garantindo a integridade académica e o cumprimento da normativa en materia de protección de datos, bioética e investigación con seres humanos e animais. Cando proceda, o/a estudante deberá obter previamente, orientado polo/a titor/a e polo/a co‑titor/a (de existir), os permisos, autorizacións e informes favorables dos comités de ética competentes.

9.2.- Os TFG deben ser traballos orixinais de elaboración propia, e deberán citarse adecuadamente todas as fontes empregadas. O/a estudante deberá declarar expresamente se empregou ferramentas de IA, describir como se utilizaron, garantir que o contido final é propio e evitar usos que vulneren dereitos de autor, privacidade ou confidencialidade. O/a estudante deberá tamén diferenciar os datos reais dos simulados e non poderá empregar imaxes científicas ou resultados (como gráficos, táboas ou fotografías) xerados por IA, salvo indicación expresa do/a titor/a. Poderanse empregar esquemas ou diagramas ilustrativos xerados con IA, sempre que se citen as ferramentas utilizadas. Considérase un uso correcto da IA a busca de bibliografía, a xeración de esquemas, o resumo de artigos científicos ou a tradución de textos técnicos. Pola contra, constitúe un uso incorrecto delegar na IA a redacción substancial do TFG ou a interpretación dos resultados. O traballo debe reflectir o razoamento, análise e aprendizaxe do/a estudante.

9.3.- O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de suspenso na convocatoria e obriga ao/á titor/a e ao tribunal que o detecte a comunicalo á Reitoría, para os efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade coa normativa de avaliación do rendemento académico e de revisión de cualificacións vixente nese momento.

9.4.- Con carácter previo á defensa, poderá realizarse unha análise automatizada para o control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual e do uso indebido da IA en todos os TFG. Os informes xerados estarán dispoñibles para o tribunal. Se, á vista desta análise, o tribunal considera que se vulneraron os citados dereitos ou se produciu un uso non axeitado destas ferramentas, poderá aplicar o disposto no apartado anterior.

.Artigo 10. Contidos do TFG

10.1.- Temática do TFG. A temática e a metodoloxía empregadas no TFG deberán ser coherentes coa orientación científica e profesional da titulación correspondente, e deberán gardar relación coas competencias, contidos e ámbitos disciplinares establecidos no plan de estudos.

10.2.- Modalidades do TFG. O Traballo Fin de Grao poderá adoptar algunha das seguintes modalidades: a) Traballo experimental, de investigación básica ou aplicada; b) Traballo de tipo industrial; c) Traballo de revisión bibliográfica sistemática, meta análise ou de outro tipo, sempre que sigan unha metodoloxía explícita baseada en estándares internacionais como PRISMA, pero non de tipo narrativo. As características de cada unha das modalidades concretaranse na guía docente da materia de TFG de cada titulación e actualizarase cada curso académico. A CTFG poderá propor outras modalidades, se así o estima oportuno, reflectíndoas nas guías docentes e nas convocatorias do correspondente curso académico.

10.3.- Elementos mínimos comúns. Independentemente da modalidade elixida, o TFG deberá incluír, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, obtención, análise e interpretación de resultados, redacción, presentación e defensa. Tamén, de se lo caso, indicar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) cos que se relaciona o seu traballo.

Artigo 11. Extensión e formato do TFG

11.1.- Lingua: O TFG estará redactado en galego ou castelán.

11.2.- Extensión: Terá unha extensión máxima de 20 páxinas (A4), sen contar a portada, o índice, a declaración xurada e, de se lo caso, o informe do Comité de Ética. Poderanse engadir ata 3 páxinas adicionais ao final do traballo en forma de material suplementario, que consistirá en imaxes/gráficas, esquemas ou táboas adicionais acompañadas de pés de figuras ou pequenos textos explicativos.

11.3.- Formato: O espazado será de 1.5 puntos no texto principal, pero permitirase reducilo nos pés de figura ou táboas. O texto principal presentarase con tipo de letra Arial 11 puntos ou Times New Roman 12 puntos, pero permítense excepcións no caso da portada, índice, pés de figura, gráficas, táboas e imaxes. O texto estará xustificado con marxes de 3 cm polos catro lados, e escrito a dobre cara. O TFG deberá estar paxinado, salvo a páxina da portada; a páxina nº1 corresponderase coa páxina onde apareza o resumo do traballo.

Artigo 12. Estrutura do traballo a presentar

12.1.- O documento non reflectirá en ningún momento o nome do/a titor/a ou titores ou fará mención de xeito explícito ao nome do grupo ou empresa onde foi realizado.

12.2.- Para facilitar a elaboración do TFG, a CTFG facilitará un modelo que deberá seguirse estritamente e que terá a seguinte estrutura:

Portada na que figure a denominación de Grao, mención (de existir), facultade á que pertence, título do TFG, nome completo do/a autor/a, e curso académico. Todos os TFG deberán levar a mesma portada seguindo o modelo proporcionado.

Índice debidamente paxinado

Declaración xurada de orixinalidade e uso responsable da IA

Informe do Comité de Ética (se corresponde)

Resumo do traballo, abreviaturas e ODS relacionados

Introdución

Obxectivos

Metodoloxía do traballo, incluíndo unha sección onde se expliquen as ferramentas bioinformáticas, estatísticas e de IA utilizadas e onde foron integradas.

Resultados e Discusión

Conclusións

Bibliografía, en formato Harvard o Vancouver

Material suplementario

Artigo 13. Prazo de Presentación do TFG

13.1.- A Xunta de Facultade aprobará a guía docente e os períodos de presentación dos TFG, que se publicaran xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico na páxina web do centro.

13.2.- No caso non presentar o TFG nas dúas oportunidades as que da dereito a matrícula, considérase consumida a convocatoria. Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.

Artigo 14. Requisitos para a defensa do TFG

14.1.- O TFG poderá ser defendido e avaliado sempre e cando o/a estudante teña como máximo 6 ECTS pendentes de superación, salvo os correspondentes ao propio traballo.

14.2.- Cada estudante solicitará a defensa do TFG a través da súa Secretaría Virtual e presentará no decanato unha copia do xustificante de solicitude no prazo fixado a tal fin polo Decanato da Facultade en cada convocatoria.

14.3.- Unha vez recibida a solicitude, comunicarase o/a titor/a do TFG, de quen se requirirá un informe, que estará a disposición do tribunal de avaliación.

Artigo 15. Composición e Nomeamento dos Tribunais de Avaliación

15.1.- A CTFG determinará anualmente a composición dos tribunais encargados de avaliar os TFG nas diferentes convocatorias do curso académico correspondente. Os membros titulares e suplentes dos tribunais serán nomeados polo/a Decano/a, a proposta da CTFG. A relación dos tribunais publicarase na páxina web do centro.

15.2.- Os membros dos tribunais serán profesorado da titulación. Cada tribunal estará formado por tres membros e un suplente.

En cada tribunal haberá un/unha Presidente/a (o de maior categoría e mais antigo), un/unha Secretario/a (o de menor categoría e máis novo) e un vogal.

O/A titor/a (ou co-titor/a) non poderá formar parte do tribunal.

Os tres membros do tribunal pertencerán a distintas áreas de coñecemento. Os titores do traballo non poden formar parte do tribunal avaliador. Polo menos un dos membros do tribunal corresponderá a unha área de coñecemento afín ás liñas temáticas xerais dos traballos. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.

15.3.- En cada unha das convocatorias constituirase o número de tribunais necesarios para a valoración dos TFG, que dependerá do número de TFGs que vaian ser defendidos. Esta decisión correspóndelle á CTFG.

15.4.- A participación nos tribunais terá carácter obrigatorio para as persoas designadas. No suposto de que algún membro do tribunal teña concedido un permiso ou licenza previamente programado que coincida coas datas de celebración das defensas do TFG, actuará no seu lugar o membro do PDI que asine a súa substitución na dita licenza. Co fin de garantir a realización das probas, os membros suplentes unicamente intervirán en casos de forza maior debidamente xustificada que afecten a algún membro titular nas datas inmediatamente previas á actuación do tribunal.

Artigo 16. Convocatoria de Exposición do TFG

O Decanato da Facultade publicará na páxina web do centro as datas da exposición dos TFG, que terá lugar nun prazo mínimo de 7 días dende o remate do prazo de entrega do TFG.

Artigo 17. Exposición do TFG

17.1.- A exposición oral e defensa do TFG ante o tribunal terá unha duración máxima de 15 minutos, e será individual, presencial e pública. Excepcionalmente, e sempre contando coa autorización da CFTG, poderá realizarse a defensa por medios telemáticos, coas garantías que se determinen na autorización.

17.2.- O Tribunal poderá formular cantas preguntas e cuestións considere convenientes durante un tempo máximo de 30 minutos.

17.3.- O tribunal poderá pedir aclaracións para verificar a autoría.

Artigo 18. Criterios de avaliación e cualificación do TFG

18.1.- A cualificación dos traballos realizarase conforme aos criterios e ponderacións establecidos na rúbrica correspondente da memoria do título e na guía docente da materia do correspondente curso académico, e estará vinculada á consecución dos resultados da aprendizaxe que figuran na memoria do título (coñecementos/contidos, habilidades/destrezas e competencias).

18.2.- A cualificación final outorgada polo Tribunal, con expresión dun decimal, terá en conta: A) Contido do Traballo; B) Presentación escrita, C) Exposición oral; D) Informe do titor.

18.3.- As cualificacións faranse públicas polas canles oficiais.

18.4.- Unha vez celebrada a última convocatoria para a presentación dos TFG do curso académico, e tendo en conta os traballos presentados, poderá outorgarse “matrícula de honra” a aqueles TFG que obtiveran unha cualificación igual ou superior a 9.0, sen que o número de matrículas de honra poida exceder do límite establecido pola Universidade. A atribución desta cualificación corresponderá ao CTFG, oídas as propostas dos diferentes tribunais.

Artigo 19. Revisión das cualificacións

19.1.- No momento de facer pública a cualificación, o Tribunal fixará unha data, horario e lugar de revisión da mesma. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e contemplarán como mínimo dúas datas opcionais.

19.2.- A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do Tribunal. Deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.

19.3.- Unha vez rematado o período de revisión, o/a secretario/a do Tribunal entregará na Secretaría do Decanato toda a documentación.

Disposición Transitoria

O disposto no artigo 14.1 deste Regulamento, relativo ao límite máximo de 6 ECTS pendentes para a defensa e avaliación do TFG, non será de aplicación no curso académico 2025/26. Este requisito será esixible a partir do curso académico 2026/27.

Disposición Derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas se opoñan a este Regulamento, dende que sexa aprobado e publicado no Boletín Oficial da USC (BOUSC), e especificamente o Regulamento do traballo de fin de grao da titulación de Grao en Bioloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (aprobado o 26 de novembro de 2021 e modificado o 28 de abril de 2023), e o Regulamento do traballo de fin de grao da titulación de Grao en Biotecnoloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (aprobado o 26 de novembro de 2021 e modificado o 28 de abril de 2023).

Disposición Final

Este Regulamento entrará en vigor coa súa publicación no BOUSC, sen prexuízo de que se publique noutros medios da USC co obxecto da súa difusión, logo de ser ratificado polo Consello de Goberno da USC. Todos aqueles aspectos referidos ó TFG non recollidos na presente normativa, rexeranse pola normativa vixente da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver