Regulamento de Réxime Interno do Museo Universitario "Domus do Mitreo" da USC
NORMA CONSOLIDADA
Exposición de motivos
O Museo Universitario Domus do Mitreo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sitúase nas plantas baixa e primeira do edificio das vicerreitorías do campus de Lugo (Praciña da Universidade, s./n., 27001 Lugo).
O museo ten a súa orixe nas obras de rehabilitación emprendidas pola USC no edificio da súa propiedade coñecido como Pazo de Montenegro, no casco histórico da cidade de Lugo, en fronte á catedral e a carón da muralla. Durante as actuacións arqueolóxicas preceptivas atopáronse elementos de gran valor, en concreto e da época romana:unha domus cuxa construcción é anterior á da propia muralla e que amosa claros indicios de que foi expropiada e parcialmente derruída para erixir aquela, un fragmento do pano interior da muralla que proporciona información sobre as técnicas e materiais utilizados orixinalmente neste tipo de edificacións e un templo dedicado ao deus Mitra ou mitreo, coa súa correspondente ara votiva. A escavación puxo tamén ao descuberto importantes testemuños de épocas posteriores, de entre os cales destaca unha necrópole medieval. A importancia dos achados fixo necesaria a ampliación da área de referencia do xacemento, coa escavación baixo a Rúa do Moucho, lindante coa propiedade pola súa parte traseira. Esta ampliación tivo como consecuencia o feito de que a titularidade do espazo escavado pasase a ser compartida entre a USC e o Concello de Lugo.
O xacemento que dá orixe ao Museo Universitario Domus do Mitreo atópase na actualidade incluído no plan de mantemento da muralla romana de Lugo, de acordo coa acta da xuntanza celebrada en Lugo o día 28 de maio de 2013 por mor da conclusión das obras de conservación e posta en valor dos restos arqueolóxicos conservados in situ no espazo anexo á Porta de Santiago da muralla de Lugo baixo o edificio do Vicerreitorado de Lugo”.
O día 28 de febreiro de 2018 asinouse un convenio entre a USC e o Concello de Lugo para a xestión dos espazos arqueolóxicos musealizados baixo a ampliación do edificio da vicerreitoría da USC, no que o Concello de Lugo cede a xestión integral da Domus do Mitreo á USC e a USC asume o compromiso da xestión, na forma xurídica que corresponda, ao Museo, como centro de investigación, en cuxa organización se impón a obrigade que estea representado do Concello de Lugo.
En virtude do anterior faise necesario dentro da estrutura da USC dar forma xurídica ao Museo, regular o seu funcionamento, así como contemplar a presenza da representación do Concello de Lugo nos órganos do mesmo.
Título 1. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Definición
1. O Museo Universitario Domus do Mitreo (en diante MDM) é unha estrutura de carácter estable dentro dos centros da Universidade de Santiago de Compostela dedicados á investigación, que con fins tamén docentes e de extensión cultural realizará catalogación, investigación, conservación, exhibición e divulgación do patrimonio do MDM.
2. O patrimonio do MDM está constituído polo conxunto de materiais depositados pola Xunta de Galicia, obtidos logo da escavación realizada para a restauración, acondicionamento e posta a punto do edificio coñecido co nome de Pazo de Montenegro, na cidade de Lugo, e que figuran no inventario que acompaña ao presente Regulamento.
3. O MDM conservará todos os fondos que o integran, así como aqueles obtidos como resultado de posteriores investigacións e escavacións no mesmo espazo, mediante a oportuna resolución da Administración competente en materia de patrimonio cultural. A conservación da colección incluirá todos aqueles aspectos referidos ao mantemento, restauración dos exemplares e actualización da súa análise científica.
4. Asimesmo o MDM incorporará aos seus fondos todas aquelas pezas que acepte como doazón. Estas serán incluídas no seu inventario e deberán ser obxecto de idéntico tratamento que as pezas propias canto a mantemento, restauración dos exemplares e actualización da súa análise científica.
5. O funcionamento do MDM rexerase polo establecido nos Estatutos da USC e polo presente regulamento.
Artigo 2. Funcións
Son funcións do MDM:
1. Custodia e conservación do patrimonio do MDM.
2. Investigación
A investigación no MDM está centrada no estudo da súa colección, constituída tanto polos elementos que a compoñen na actualidade e que forman parte do anteriormente mencionado inventario, como por aqueloutras pezas que se poidan incorporar no futuro, froito de ulteriores escavacións ou de doazóns.
3. Docencia, difusión cultural e asesoramento
3.1. O MDM deberá elaborar un programa de actividades orientadas á docencia e á difusión da súa colección, así como en xeral da romanización no noroeste da Península Ibérica. O programa museográfico incluirá exposicións de carácter permanente e temporal, conferencias, publicacións e outras actividadades encamiñadas a cumprir os obxectivos do Museo.
3.2. Entre as funcións do museo inclúese o asesoramento nas materias que lle son propias.
3.3. As actividades estarán dirixidas aos e ás estudantes, aos e ás docentes e investigadoras/investigadores, e en xeral a todas aquelas persoas que se interesen polo mundo romano.
TÍTULO II. ESTRUTURA ORGÁNICA DO MDM
Artigo 3.
O MDM terá un equipo de dirección e unha comisión asesora, que realizarán, respectivamente, as funcións de goberno e asesoramento. Na comisión asesora estará representado tamén o Concello de Lugo, dada a vinculación do MDM á rede de museos sobre a romanización que dependen desta entidade.
1. O equipo de dirección estará formado polo director ou directora e mais o/a director científico/directora científica, nomeados e cesados polo reitor ou reitora entre o profesorado doutor con vinculación permanente na USC, por un prazo de catro anos. A proposta de nomeamento partirá da comisión asesora do MDM.
2. A comisión asesora do MDM estará formada por:
2.1. O reitor/reitora da Universidade de Santiago de Compostela, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente/presidenta da Comisión.
2.2. Aqueles membros do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela con competencias no campus de Lugo nas seguintes dúas áreas:cultura e investigación. De non existiren membros do equipo de goberno que se ocupen especificamente para este campus destas áreas, a representación recaerá naqueles ou aquelas vicerreitores da Universidade de Santiago que teñan delegadas as competencias de cultura e de investigación. Uns e outros poderán delegar noutra persoa a súa representación.
2.3. Os compoñentes do equipo de dirección do MDM (director ou directora e director científico/directora científica). Este último actuará como secretario ou secretaria da Comisión.
2.4. O alcalde ou alcaldesa do Concello de Lugo ou persoa na que delegue.
2.5. O responsable do Servizo de Arqueoloxía Municipal do Concello de Lugo.
2.6. Unha persoa máis considerada experta nas distintas accións que deseñe e desenvolva o MDM e que será nomeada a proposta do Reitor ou Reitora da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 4. Funcións do director ou directora do MDM
1. Serán as súas funcións:
1.1. Representar o MDM en todas aquelas instancias en que sexa pertinente.
1.2. Elaborar un plan de actuacións de carácter anual ligado ao orzamento do museo.
1.3. Dispoñer os gastos e ordenar os pagamentos necesarios para a execución do orzamento asignado.
.
.
.
.
.
Artigo 5. Funcións do director científico ou directora científica
1. Serán as súas funcións:
1.1. Adoptar as medidas necesarias para a conservación, custodia e divulgación das coleccións.
1.2. Dirixir e xestionar todas as actividades científicas relacionadas coas coleccións do Museo.
1.3. Realizar cando menos un informe anual sobre a situación do MDM e ademais aqueloutros que lle solicite o reitor ou reitora da USC ou o vicerreitor ou vicerreitora con competencias sobre o museo, ou o director ou directora.
1.4. Fomentar a política de intercambios, exposicións, doazóns ou depósitos.
1.5. Calquera outra función relacionada co MDM e que non estea expresamente atribuída a outro órgano universitario.
1.6. Todas aquelas das recollidas no artigo 4 nas que o director ou directora delegue na súa figura.
1.7. Facer de secretario das reunión da comisión asesora.
Artigo 6. Funcións e funcionamento da comisión asesora
6.1. Son funcións da comisión asesora do MDM:
1. Colaborar co equipo de dirección na elaboración do plan de actuacións anual e da proposta de orzamento do MDM, así como na elaboración do informe anual que se elevará ao Reitor ou Reitora e ao Consello de Goberno da USC.
2. Velar por que se siga o plan de actuacións anual do MDM, así como pola correcta execución do orzamento.
3. Valorar os fondos do MDM e definir as súas posibilidades, propoñendo actuacións concretas sobre eles.
4. Propoñer actividades e informar sobre aquelas que sexan propostas por outras entidades ou institucións.
5. Asesorar o equipo de dirección e elevarlle propostas en todos os asuntos que sexan considerados de importancia por un ou outra.
6. Na finalización do mandato do equipo de dirección do MDM, elevar ao reitor ou reitora unha proposta para o nomeamento de director ou directora, e de director cientifico/directora científica, para os seguintes catro anos.
6.2. A comisión asesora do MDM reunirase en sesión ordinaria dúas veces ao ano e de forma extraordinaria cantas veces se considere necesario, a xuízo ben do director/da directora, ben a proposta de cando menos un terzo dos seus compoñentes.
6.3. As convocatorias para as sesións da comisión asesora faraas o director ou directora, por orde do reitor ou reitora, mediante notificación electrónica. As sesións convocaranse con, alúmenos, sete días de antelación á data na que deba celebrarse. Na convocatoria indicaranse os puntos que se tratarán, a orde do dia e o lugar de celebración, e poderase asistir presencialmente ou por videoconferencia. Ademais dos membros da comisión poderán ser convocados con voz e sen voto quen se estime oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.
6.4. Entenderase validamente constituída a Comisión asesora cando concorran en primeira convocatoria o presidente ou presidenta, o director científico/directora científica, que actúa como secretario/a, e cando menos a metade dos membros. En segunda convocatoria a constitución será valida se están presentes ademais da persoa que presida e da que faga de secretario, un terzo dos membros.
6.5. A comisión asesora adoptará os seus acordos por maioría simple agás para aqueles acordos que se esixa outra maioría. Non poderá adoptarse ningún acordo que non estea incluído na orde do día, agás que presentes todos os membros acorden por maioría a súa procedencia.
TÍTULO III. PERSOAL
Artigo 7.
1. Ao MDM poderá adscribirse o seguinte persoal:
1.1. Persoal investigador dedicado ao estudo e catalogación do xacemento e da colección do MDM, así como ao deseño e desenvolvemento de actividades didácticas e culturais.
1.2. Persoal técnico dedicado á conservación, preparación e difusión das coleccións.
1.3. Persoal administrativo e de servizos.
2. A adscrición do persoal contemplado no apartado 1.1. será voluntaria e terá unha duración limitada á realización dun proxecto concreto (sexa este de investigación sobre os materiais extraídos do xacemento ou de implementación dun proxecto didáctico ou divulgativo).
3. O persoal contemplado no apartado 1.1. deberá posuír unha vinculación coa Universidade de Santiago de Compostela previa á súa adscrición ao MDM, e será autorizado pola dirección do Museo a desenvolver o seu proxecto investigador ou pedagóxico. A dirección do Museo informará á comisión asesora da incorporación ou baixa de investigadores e investigadoras.
4. A dirección do MDM realizará unha análise das necesidades de adscrición do persoal contemplado nos apartados 1.2 e 1.3. Esta análise presentarase primeiramente á comisión asesora e posteriormente aos órganos pertinentes da USC que estean en disposición de realizar a adscrición deste persoal ao MDM.
TÍTULO IV. ORZAMENTO
Artigo 8.
1. O MDM contará cun orzamento diferenciado que garanta o seu mantemento e desenvolvemento e que aparecerá incluído nos orzamentos ordinarios da USC. Asimesmo, o MDM poderá contar con aqueles ingresos derivados da súa propia actividade.
2. O MDM poderá beneficiarse doutros investimentos financeiros, procedentes ben da propia Universidade ben de persoas e institucións alleas a ela.
TÍTULO V. XESTIÓN DAS COLECCIÓNS
Artigo 9. Admisión
O persoal do MDM encargarase do rexistro dos novos obxectos museísticos que teñan entrada no Museo, así como da súa posterior catalogación e conservación.
Artigo 10. Consultas e préstamos
1. Os investigadores e as investigadoras, tanto da Universidade de Santiago coma doutras institucións, así como as persoas cualificadas a xuízo da dirección do MDM, poderán consultar as coleccións e, no caso de ser necesario, solicitar o seu préstamo.
2. As consultas e os préstamos de fondos das coleccións solicitaranse á Dirección do MDM, que os tramitará coa administración competente en materia de patrimonio cultural, que deberá autorizalos segundo a normativa vixente. De seren autorizados os préstamos, rexistraranse:a súa saída, nova localización, tempo de permanencia, responsable temporal e outras circunstancias necesarias para garantir a súa conservación e devolución. Dadas as características do tipo e cantidade de fondos existentes no MDM, os préstamos estarán condicionados á necesidade de funcionamento do propio Museo.
3. As consultas e préstamos considéranse persoais e intransferibles. O/A consultante deberá comprometerse a cumprir as condicións seguintes:
a) Conservar o material nas condicións axeitadas.
b) Non efectuar sen permiso tratamentos irreversibles nin moldes dese material.
c) Comunicar á Dirección do MDM calquera información relevante que resultase do estudo do material en consulta ou préstamo. Enténdese por información relevante a que altera o valor museístico ou científico dos materiais extraídos da escavación.
d) Respectar as etiquetas orixinais dos exemplares.
e) No caso de préstamos, formalizar un seguro que garanta a devolución dos materiais a cargo do consultante.
f) Devolver o material no prazo fixado ou solicitar unha prórroga antes da finalización do devandito período.
g) Enviar un exemplar de calquera publicación baseada no estudo da totalidade ou parte do material consultado.
4. Os materiais que teñan a condición de excepcional serán consultados preferentemente nas instalacións do Museo.
5. O MDM resérvase o dereito de solicitar a devolución do préstamo cando o considere necesario.
Artigo 11. Doazóns, legados e depósitos.
1. A proposta do Equipo de Dirección do MDM admitirase calquera tipo de doazón, legado ou depósito que sexa de interese para o seu estudo conxunto ou comparado a respecto das pezas obtidas no xacemento que deu orixe ao Museo, sempre e cando poida garantirse a súa correcta conservación.
2. Esta incorporación de materiais, temporal ou definitiva, seguirá en todo caso o procedemento establecido nas normas que rexen na USC a xestión de doazóns, legados e depósitos.
Artigo 12. Baixas.
Os fondos museísticos da colección do MDM poden causar baixa por extravío, destrución ou deterioro irreparable. Os exemplares nestas circunstancias serán rexistrados como baixa no inventario do MDM.
Artigo 13. Altas.
Serán rexistrados como altas no catálogo xeral do MDM todos os novos obxectos que se incorporen á súa colección, ben sexa como resultado de novas escavacións ben por doazóns ou depósitos. Con esta finalidade aplicarase o Procedemento de Xestión Patrimonial e disposicións complementarias da USC.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Número 1.
Corresponde ao Reitor ou Reitora da Universidade de Santiago de Compostela a facultade de interpretar o presente regulamento e ditar as normas aclaratorias pertinentes. Porén, o Reitor ou Reitora poderá outorgar unha habilitación a favor do director ou directora para ditar as normas relativas ás visitas ás instalacións.
Número 2.
Supletoriamente aplicarase no MDM a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público, no referente ao funcionamento dos seus órganos de goberno, así como os Estatutos da Universidade e as disposicións xerais da USC en cada materia.
.
.
.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.