Regulamento para a docencia de calidade en linguas estranxeiras da Universidade de Santiago de Compostela (Regulamento "LEDUS")

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0622
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

Limiar

A internacionalización é un aspecto clave para que as universidades de hoxe en día manteñan e teñan capacidade de mellorar o seu valor e visibilidade, tanto a nivel mundial como en ámbitos máis rexionais. Unha das dimensións críticas para unha internacionalización efectiva das institucións universitarias é a súa oferta docente. A Estrategia para la internacionalización de las universidades españolas 2015-2020 recomenda como medida para aumentar o atractivo internacional das universidades españolas o incremento do número de programas de grao e máster impartidos non só en lingua oficial senón tamén en linguas estranxeiras que poidan ter a consideración de linguas francas ou de referencia (con mención explícita ao inglés) nos correspondentes ámbitos de estudo. Afondando nesa liña, o Subgrupo de Traballo de Política Lingüística da Comisión Sectorial de Internacionalización e Cooperación da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) publicou en 2017 o Documento Marco de Política Lingüística para la Internacionalización del Sistema Universitario Español, no que se ofrecen pautas e recomendacións específicas en diferentes eixos de actuación para o deseño dunha política lingüística coordinada e de calidade nun contexto de internacionalización.

Fóra do ámbito específico das áreas de coñecemento de Filoloxía, cunha singularidade obvia no tema lingüístico, a oferta docente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en linguas estranxeiras ata o de agora estivo restrinxida ao inglés e relativamente cinguida a certas áreas de coñecemento, como Enxeñaría Química ou Química, con presenza máis puntual noutros graos e másteres. Xustamente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e na Facultade de Química, como resultado do interese xurdido, leváronse a cabo varias edicións de cursos específicos de formación de profesorado para a docencia en inglés. Tras varios anos de experiencia acumulada, comezan a xermolar iniciativas para dotar á docencia en lingua estranxeira dunha mellor estruturación. Este é o caso, por exemplo, da configuración dun ‘semestre de mobilidade’ implantado no Grao en Enxeñaría Química no curso 2017-18, que pretende favorecer as opcións de estudantado potencial de mobilidade entrante para cursar integramente en inglés un semestre completo na USC.

Este tipo de oferta docente permite ao estudantado local mellorar a súa competencia lingüística no idioma estranxeiro de interese (á vez que adquire as competencias propias dos correspondentes estudos), o que favorece a súa mobilidade académica e profesional. Por outra banda, coa suficiente estruturación dentro dos correspondentes programas, tamén facilita a recepción de estudantes visitantes ou de intercambio, así como o establecemento de dobres títulos internacionais con países non pertencentes ás comunidades castelanfalante ou lusófona. Adicionalmente, a implantación dun programa ofertado completamente nestas linguas de referencia pode supor un pulo importante de cara á captación de alumnado propio internacional. Igualmente, búscase que o persoal docente e investigador (PDI) involucrado, activa ou potencialmente, na dispensación de docencia en lingua estranxeira nestes programas teña tamén máis facilidade para progresar na súa competencia lingüística e proxectar este progreso non só na súa actividade docente senón tamén nas de investigación ou xestión. Percíbense, pois, unha serie de efectos positivos co fortalecemento da oferta docente en linguas estranxeiras.

A USC vén de aprobar o seu Plan Estratéxico de Internacionalización 2017-2020, recoñecendo como liña estratéxica específica o incremento do potencial internacional da súa docencia. A primeira das accións nesta liña estratéxica fai referencia á creación e desenvolvemento dun plan para a docencia de calidade en linguas estranxeiras (acción 2.1). Neste contexto, o Consello de Goberno na súa sesión ordinaria do 13 de decembro de 2017 aprobou as directrices do documento LEDUS e acordouse adaptalo a un regulamento incorporando os aspectos procedimentais axeitados que servisen para implantar os seus obxectivos dun xeito máis áxil, claro e executivo.

Polo anterior, o pleno ordinario do Consello de Goberno do 31 de xaneiro de 2018 vén de aprobar o seguinte:

TEXTO

TÍTULO I - Sobre os programas en lingua estranxeira

Artigo 1.- Obxectivo

O obxectivo do Regulamento LEDUS é achegar un marco para a regulación dos programas a impartir en lingua estranxeira na USC, así como para a acreditación, formación e incentivación do persoal docente e do estudantado que participe neles.

Artigo 2.- Elaboración, solicitude e avaliación de propostas

1. As xuntas de centro ou as comisións do título, segundo proceda, solicitarán ante a vicerreitoría con competencias en materia de internacionalización mediante unha proposta a dispensación de programas en lingua estranxeira nos prazos que se estipulen.

2. As propostas proporán a dispensación de itinerarios completos conducentes á obtención dun título ou de parte das materias dos itinerarios.

3. No suposto de dispensación parcial das materias dos itinerarios e sempre que non haxa experiencia previa de docencia en lingua estranxeira no correspondente título, procurarase que a proposta teña unha estruturación axeitada que facilite a mobilidade entrante (por exemplo ofertando un número de créditos adecuado nun cuadrimestre dado e que poida corresponder ao contido dun potencial acordo de estudos dun estudante Erasmus+ ou similar).

4. Tódalas propostas establecerán un calendario de implantación e unha análise de viabilidade, onde serán obxecto de consideración:

- A dispoñibilidade de infraestruturas para acoller os grupos docentes adicionais que se constitúan como resultado da implantación da proposta;

- A carga docente dispoñible e o profesorado acreditado conforme o artigo 4 nas diferentes áreas de coñecemento implicadas.

5. Excepcionalmente e sempre que o interese institucional estea xustificado, a proposta pode contemplar a ampliación da capacidade docente dispoñible nalgunha das áreas de coñecemento, previa aprobación polos órganos competentes en materia de contratación de persoal docente e investigador.

6. As vicerreitorías con competencias en oferta docente e en internacionalización serán as responsables da análise das propostas presentadas e da súa aprobación, do que darán traslado ao Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica (SXOPRA), ou a unidade administrativa correspondente.

7. No caso de que a proposta mereza unha valoración negativa por parte das vicerreitorías referidas, estas indicarán as accións de mellora a acometer para considerar a súa implantación futura.

8. A aprobación das propostas que supoñan a contratación adicional de profesorado corresponderá ao Consello de Goberno, previo informe favorable das vicerreitorías con competencias en oferta docente e en internacionalización, e tamén da vicerreitoría con competencias en materia de contratación de PDI.

Artigo 3.- Implantación, seguimento e cancelación

1. O SXOPRA ou a unidade administrativa correspondente, co apoio da área de tecnoloxías da información de ser o caso e de acordo coas instrucións que ao respecto determine a Secretaría Xeral, habilitará a xestión separada das actas nos diferentes grupos de lingua estranxeira. Alén diso, precisará claramente na oferta as materias impartidas en lingua estranxeira dentro de cada título ao alumnado que se matricula.

2. O Servizo de Xestión Académica (SXA) ou a unidade administrativa correspondente garantirá os mecanismos para que a participación do alumnado, tanto propio como de mobilidade entrante, nos programas de docencia en lingua estranxeira se reflicta no expediente académico e no Suplemento Europeo ao Título (SET), ou no acordo de estudos. Para estes efectos, a Área de Calidade e Mellora de Procedementos ou unidade administrativa correspondente procederá á análise da información específica dos programas impartidos en lingua estranxeira.

3. As comisións de título farán un adecuado seguimento da implantación e evolución dos programas aprobados, elaborando e remitindo anualmente ás vicerreitorías con competencias en oferta docente e en internacionalización o correspondente informe, de acordo coa estrutura que figura no Anexo I, sen prexuízo de información adicional que desde as devanditas vicerreitorías se lles poida requirir.

4. As vicerreitorías con competencias en oferta docente e en internacionalización poderán propoñer ao reitor a cancelación dun determinado programa de xeito definitivo no caso dunha inadecuada evolución daquel; ou de xeito parcial, mediante a supresión das materias nas que, respecto da matrícula total [sumando o(s) grupo(s) en galego/castelán e o grupo en lingua estranxeira], o alumnado matriculado no grupo en lingua estranxeira represente:

a) menos do 15 % durante dous anos consecutivos; ou

b) menos do 20 % como media dos últimos tres anos;

Estas porcentaxes substituiranse por un número absoluto de 5 estudantes se a súa aplicación resulta nun número de estudantes inferior.

O criterio a) será de aplicación a partir do terceiro ano de creación do grupo en lingua estranxeira, mentres que o criterio b) serao a partir do quinto ano.

5. Consonte a guía de modificación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), as linguas de dispensación que se vaian engadir nas materias incluídas nos programas que se configuren serán comunicadas á ACSUG durante o proceso de seguimento do título, actualizándose cando se teña que introducir unha modificación substancial ao título.

TÍTULO II - Sobre o profesorado que participe nos programas

Artigo 4.- Acreditación da competencia lingüística no PDI

1. As materias que se van impartir en lingua estranxeira dentro dos diferentes programas asignaranse, por parte dos departamentos ou das comisións do título, ao profesorado que estea acreditado para tal efecto.

2. A acreditación da competencia do PDI que participe nos programas con docencia en lingua estranxeira deberase solicitar á vicerreitoría con competencia en internacionalización mediante:

a) A acreditación de nacionalidade dun país que teña a lingua en cuestión como lingua oficial, e de ter cursado estudos superiores nese país.

b) A acreditación de residencia mínima de dous anos, nos últimos 20 anos, nun país que teña a lingua en cuestión como lingua oficial.

c) A certificación dun nivel C1 na lingua estranxeira en cuestión consonte o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), emitida por unha institución das aceptadas pola USC a estes efectos ou polo propio Centro de Linguas Modernas (CLM).

d) A acreditación de dispensación de docencia na devandita lingua estranxeira nunha institución de educación superior, por un mínimo de 24 ECTS ou equivalente, con avaliación favorable da referida docencia, dentro dos últimos 5 anos.

e) A acreditación da dispensación de actividades docentes na devandita lingua estranxeira no marco de escolas de verán, seminarios, etc. de maneira sostida durante os últimos 5 anos, por un mínimo de 6 ECTS por ano ou equivalente.

f) A realización e superación dalgunha das actividades deseñadas ou xestionadas a estes efectos polo CLM, en particular:

- O curso da lingua estranxeira en cuestión como lingua de instrución no ensino, de carácter intensivo ou ao longo dun semestre académico. Poderase considerar un curso especificamente orientado a un centro ou conxunto de centros onde se evidencie un interese particular.

- A proba puntual de avaliación de aptitudes para a docencia na lingua estranxeira en cuestión. Esta proba convocarase abertamente para todo o profesorado da USC cando menos dúas veces no ano (unha por semestre académico). Adicionalmente poderase convocar especificamente para un centro ou conxunto de centros se se percibe unha necesidade especial.

g) Calquera outra vía alternativa das listadas que, con carácter excepcional, sexa aceptada pola vicerreitoría con competencias en internacionalización, previa solicitude razoada do/a interesado/a.

3. Elaboradas pola vicerreitoría competente en materia de internacionalización as listaxes de PDI acreditado para a participación nos programas de docencia en lingua estranxeira, dará traslado delas aos departamentos, para facilitar a elaboración do Plan de Organización Docente (POD), e á vicerreitoría con competencias en PDI, que verificará a correcta elaboración dos POD no sentido de que soamente poderán impartir docencia en lingua estranxeira o PDI acreditado consonte o disposto neste artigo.

4. A acreditación do profesorado para a participación nos programas en lingua estranxeira renovarase automaticamente dun ano académico para o outro agás que:

a) Por segundo ano consecutivo a valoración media recibida polo/a docente na enquisa de avaliación da satisfacción coa docencia recibida por parte do seu alumnado participante nos programas de docencia en lingua estranxeira sexa inferior ao 75 % da media correspondente á área de coñecemento da USC á que pertence o/a profesor/a.

b) Por segundo ano consecutivo a valoración media recibida polo/a docente ao respecto da súa docencia por parte do alumnado receptor desa docencia teña a consideración de non suficiente.

No caso de estar incurso nalgún dos supostos anteriores, a renovación da acreditación para a participación do/a docente nos programas do vindeiro curso académico estará condicionada á superación do curso de lingua para a docencia previsto no artigo 4.2.f), no que terá preferencia de reserva de praza.

Artigo 5.- Seguimento e formación

1. Para o seguimento da actividade docente desenvolvida en lingua estranxeira, un dos aspectos que se deben considerar será a satisfacción do alumnado coa docencia recibida desde unha perspectiva lingüística. Así, ademais das enquisas xerais da USC de avaliación da satisfacción do alumnado coa docencia recibida, a Área de Calidade e Mellora de Procedementos ou unidade administrativa correspondente artellará, en coordinación coa área de tecnoloxías da información, o mecanismo axeitado para recompilar información adicional do alumnado participante nos programas impartidos en lingua estranxeira ao respecto da percepción da docencia recibida.

2. Para a formación, todo o PDI da USC poderá inscribirse no curso de lingua estranxeira para a docencia ou realizar a proba puntual de avaliación de aptitudes para a docencia na lingua estranxeira previstos no artigo 4.2.f), sempre dentro do límite de prazas dispoñibles en cada convocatoria. Tanto o curso como a proba serán gratuítos baixo a condición de superalos e de poñerse a disposición para participar nos programas de docencia en lingua estranxeira durante polo menos os dous anos académicos posteriores. De non cumprirse isto, o/a profesor/a deberá aboar os prezos estipulados.

Artigo 6.- Recoñecemento e incentivación

O PDI que participe nos programas de docencia en lingua estranxeira terá dereito a:

a) O recoñecemento como horas docentes equivalentes na Planificación Académica Anual do resultado de multiplicar 1,3 polo número de horas docentes impartidas en lingua estranxeira dentro das materias ligadas aos programas de docencia en lingua estranxeira, durante os tres primeiros anos.

b) A continuidade na dispensación en lingua estranxeira dunha materia durante tres anos consecutivos, sen que se poida facer valer ningunha outra prioridade por parte doutro PDI, e sempre dentro do marco normativo vixente na USC.

c) Gozar de:

- Descontos na matrícula en cursos de lingua do CLM, tanto na lingua estranxeira utilizada na docencia como noutras linguas de interese persoal; e

- Asesoramento por parte do CLM, a través de sesións de titorías que se establezan, sobre a calidade lingüística e aspectos docentes na lingua estranxeira.

d) Unha certificación que acredite a súa participación nos programas de docencia en lingua estranxeira, o que se considerará como un ítem de valoración específica dentro dos programas de avaliación docente do profesorado da USC.

TÍTULO III - Sobre o estudantado que participe nos programas

Artigo 7.- Acreditación da competencia lingüística no estudantado

1. A participación nos programas de docencia en lingua estranxeira polo estudantado será voluntaria.

2. Para poder ser autorizado a matricularse nos programas de docencia en lingua estranxeira, o alumnado (incluído o estudante internacional) deberá acreditar, nos prazos e polas canles que se establezan, unha capacitación lingüística suficiente para un adecuado aproveitamento da docencia mediante:

a) A acreditación de nacionalidade dun país no que a lingua en cuestión sexa oficial; ou de residencia mínima de dous anos nese país nos últimos 10 anos.

b) A certificación do nivel B1 na lingua estranxeira en cuestión consonte o MCERL, de entre as aceptadas pola USC, en consonancia co Acordo do Consello de Goberno de 31 de outubro de 2013 sobre recoñecemento de niveis de coñecemento de idioma e acreditación do coñecemento de lingua estranxeira para a obtención do título de grao, coa conveniente actualización da listaxe a cargo do CLM.4

c) A acreditación de ter recibido con anterioridade docencia regrada na devandita lingua estranxeira nunha institución de ensino medio ou de educación superior, por un mínimo de un curso académico completo, con avaliación favorable da docencia recibida.

d) Calquera outra vía alternativa das listadas que, con carácter excepcional, sexa aceptada polo Servizo de Xestión Académica (SXA) ou pola unidade administrativa correspondente, previa solicitude razoada do interesado.

O Servizo de Xestión Académica (SXA), ou a unidade administrativa correspondente, será o encargado de examinar as acreditacións e confirmar ou denegar a matrícula dos/as estudantes nos programas docentes en lingua estranxeira.

3. As acreditacións validadas permanecerán vixentes ata o remate dos estudos do alumnado, agás a revogación por acreditarse que o/a estudante non reúne os requisitos mínimos para seguir no programa.

Artigo 8.- Recoñecemento e incentivación

1. O estudantado propio da USC que participe nos programas de docencia en lingua estranxeira terá dereito a:

a) Incorporación no expediente académico do/a estudante, así como nas certificacións académicas deste expediente, das materias cursadas e superadas na correspondente lingua estranxeira, con mención explícita á devandita lingua.

b) Inclusión no SET das materias cursadas e superadas na correspondente lingua estranxeira.

c) Adicionalmente, gozar de:

- Preferencia na participación en convocatorias de mobilidade internacional de estudantado, en caso de igualdade de puntuación trala aplicación do baremo correspondente;

- Preferencia na participación en programas de dobre título internacionais aos seus estudos, en caso de igualdade de puntuación trala aplicación do baremo correspondente; e

- Descontos na matrícula en cursos de lingua do CLM, tanto na lingua estranxeira utilizada na docencia como noutras linguas de interese persoal.

2. O estudantado internacional que participe nos programas de docencia en lingua estranxeira a través de programas de mobilidade de estudantes terá dereito a:

a) Constancia de dita participación no seu acordo de estudos e no expediente académico.

b) Prezo reducido nos cursos do CLM da lingua propia da USC. O CLM promoverá unha oferta suficientemente flexible en niveis e horarios para facilitar este apoio lingüístico.

Disposición adicional

1. A docencia en linguas estranxeiras regularase polo recollido nesta normativa.

2. Queda excluído do ámbito de aplicación do presente Regulamento a docencia das áreas de coñecemento do campo da Filoloxía na(s) lingua(s) característica(s) de cadansúa área.

Disposición transitoria

A acreditación de profesorado á que fai referencia o artigo 4.2 non será necesaria para participar nos programas de docencia en lingua estranxeira no curso académico inmediatamente seguinte a aquel da entrada en vigor desta normativa.

Disposición final

O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC, e deixa sen efecto as directrices que foran aprobadas para a súa elaboración no Pleno do Consello de Goberno do 13 de decembro de 2017.

ANEXO I - Guía para informe de seguimento da implantación e evolución dos programas docentes impartidos en linguas estranxeiras

Información xeral:

• Data de informe:

• Ano académico:

• Titulación:

• Centro(s) de dispensación:

Valoración xeral do programa:

• Listaxe de profesorado implicado

• Comentarios/incidencias

• Áreas de mellora detectadas e accións de mellora propostas

• Previsións para o vindeiro ano académico

Información por materia impartida en lingua estranxeira:

• Primeiro ano de dispensación? (si/non)

• Número de estudantes matriculados sobre matrícula total da materia (Achéguese histórico de evolución deste indicador)

• Taxas de rendemento, éxito e avaliación do grupo de docencia en lingua estranxeira e comparación co resto de grupos da materia (Información proporcionada pola Área de Calidade e Mellora dos Procedementos)

• Comentarios/incidencias

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver