Regulamento do Servizo de Optometría para a Docencia e Investigación da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1218
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

A Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, USC) é unha institución pública, que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público mediante o estudo, a docencia, e investigación e a transferencia de coñecemento. No uso da súa autonomía e para o desenvolvemento das súas funcións, no ano 2001 a USC creou o Servizo de Optometría (SO) dentro do programa de calidade integral coa finalidade de promover a formación, investigación e transferencia de coñecementos no seu ámbito de actividade (optometría clínica e as súas especialidades:contactoloxía, rehabilitación visual, baixa visión, ...), ofrecendo, no seu caso, á comunidade universitaria e á sociedade unha atención especializada e de calidade con fins docentes, investigadores, de formación continua, asistenciais e sociais.

De acordo coa normativa estatal e autonómica sobre centros sanitarios, o SO, adscrito e integrado na área de coñecemento de Optometría, foi autorizado por resolución da Consellería de Sanidade o 12/01/2011 como centro sanitario acreditado, co número de rexistro C-15-002430, e inscrito no rexistro de Centros, Servizos e Establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia (segundo o Decreto 12/2009, de 8 de xaneiro, da Consellería de Sanidade), sendo o titular do SO a USC, como un centro tipo C.3.90 (outros servizos sanitarios integrados nunha organización non sanitaria), cunha Oferta asistencial: U.900.50- Optometría.

Polo alcance da actividade do SO, xunto cos cambios normativos que se teñen producido dende a súa creación (Lei 44/2003, do 21 de novembro, de Ordenación das Profesións Sanitarias; Orde CIN/727/2009, do 18 de marzo, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Óptico-Optometrista), faise necesario a aprobación dun novo regulamento que contemple a súa natureza e funcionamento.

Polo exposto, o Consello de Goberno, na súa sesión de 11 de marzo de 2025, acordou a aprobación do Regulamento do Servizo de Optometría para docencia e investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Capítulo I - Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O presente regulamento ten por obxecto establecer as bases que rexen o funcionamento e xestión do Servizo de Optometría da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, SOUSC) como unidade especializada encargada da xestión integral da actividade clínica de Optometría para a docencia e como infraestrutura singular para a investigación.

Artigo 2. Natureza do Servizo.

O Servizo de Optometría configúrase como unha estrutura especializada de apoio á docencia e como infraestrutura singular de investigación en Optometría da Universidade de Santiago de Compostela, sen personalidade xurídica propia, e integrado na área de coñecemento de Optometría.

Artigo 3. Obxectivos.

O Servizo de Optometría ten como obxectivos:

a) Favorecer e promover o desenvolvemento da investigación clínica no campo da optometría, e a transferencia de resultados.

b) Garantir que o estudantado de óptica-optometría, tanto do grao como de posgrao, acade as competencias definidas nos seus plans de estudos, mediante a realización de prácticas en optometría clínica de atención primaria visual, baixo unha adecuada supervisión.

c) Prestar servizos de atención optométrica de calidade, facilitando aos seus membros os medios necesarios para o desenvolvemento do labor asistencial en función das necesidades investigadoras e docentes.

d) Prestar á comunidade universitaria e á sociedade, a través dos convenios oportunos, un servizo especializado de alto nivel nos ámbitos de aplicación da optometría, así como divulgación de campañas de saúde visual e ocular en atención primaria neste eido, tendo en conta, ademais, a súa faceta solidaria.

e) Colaborar cos profesionais de optometría nas súas necesidades formativas e no seu labor asistencial, desenvolvendo os correspondentes convenios de colaboración co seu colexio profesional.

Artigo 4. Réxime xurídico.

O Servizo de Optometría rexerase polo disposto na lexislación universitaria vixente, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, pola normativa estatal e autonómica sobre centros sanitarios, polo presente regulamento así como por cantas disposicións lle resulten de aplicación consonte á lexislación vixente.

Artigo 5. Funcións.

Para acadar os obxectivos, o Servizo de Optometría da USC desenvolverá as seguintes funcións:

1. En relación coa investigación:

a) Promover e fomentar o desenvolvemento de programas e proxectos de investigación no ámbito da optometría.

b) Promover e fomentar a investigación interdisciplinar.

c) Promover a transferencia de coñecemento á comunidade científica e á sociedade

Estas actividades quedarán reguladas nos protocolos que sexan elaborados pola Comisión Técnica do Servizo de Optometría.

2. En relación coas instalacións:

a) Será responsable da súa xestión, equipamento e da súa conservación.

b) Xestionará e, en particular, establecerá un calendario de uso, planificado para cada semestre, no que se dará prioridade á docencia regrada, despois á investigación e, por último, á formación permanente.

c) Regulará o seu uso mediante un protocolo que será aprobado pola Comisión Técnica.

d) Considerará tanto o uso por parte do persoal docente e investigador da propia USC, como o requirido por institucións ou profesionais externos en condicións que serán reguladas especificamente.

e) Será responsable de cantas dependencias se necesiten para o desenvolvemento da actividade.

3. En relación coa comunidade universitaria e a sociedade:

Ofertará un servizo de atención visual primaria de calidade con finalidade investigadora, docente e de formación continua, e especificamente:

a) Ao profesorado, ofertaralle a posibilidade de formación continua e de ampliación das súas liñas de investigación, así como de desenvolvemento e perfeccionamento de novas técnicas nos campos aplicados correspondentes á súa área de coñecemento.

b) Ao persoal investigador e aos profesionais sanitarios, ofreceralle unha infraestrutura singular de apoio no seu labor aplicado, formativo e investigador.

c) Ao estudantado de grao e máster, ofertaralle unha formación práctica intensa, específica, de calidade, acorde coa realidade das súas necesidades de formación.

Artigo 6. Sede.

O Servizo de Optometría terá a súa sede na Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela.

Capítulo II - Estrutura, organización e funcionamento do Servizo de Optometría

Artigo 7. Estrutura do Servizo de Optometría.

Son órganos de goberno do Servizo de Optometría:

- A Dirección.

- A Comisión Técnica

Artigo 8. A Dirección do Servizo de Optometría.

1. A Dirección do Servizo de Optometría será nomeada pola Reitoría, por proposta da Área de Optometría, entre o seu profesorado con dedicación a tempo completo. Do seu nomeamento será informada a Comisión Técnica. Será nomeado por 4 anos prorrogables, asumindo funcións científicas e técnicas.

2. Son funcións da Dirección as seguintes:

a) Exercer a dirección do servizo e representalo onde corresponda.

b) Dirixir as reunións da Comisión Técnica do servizo e executar os seus acordos.

c) Elaborar unha memoria anual sobre as actividades do Servizo que comprenderá, polo menos, as actividades docentes e investigadoras desenvoltas.

d) Velar polo cumprimento das normas sobre prevención de riscos, en coordinación co Servizo de Prevención de Riscos da Universidade.

e) Coordinar e organizar os medios materiais dos que dispoña o servizo.

f) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Técnica.

Artigo 9. A Comisión Técnica do Servizo de Optometría

1. O Servizo de Optometría da USC contará cunha Comisión Técnica, que desenvolverá funcións de asesoramento e control no desenvolvemento das tarefas que o servizo ten encomendadas, así como establecerá os protocolos necesarios para a xestión das doazóns e o emprego das instalacións e dos medios materiais a disposición do servizo.

2. A Comisión Técnica do Servizo de Optometría estará composta por:

a) O/a Decano/a ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

b) O/a Coordinador/a da Área de Optometría.

c) O/a Director/a do Servizo de Optometría.

d) Dous profesores da Área de Optometría membros do SO.

e) Un representante do estudantado, membro da Xunta de Facultade de Óptica e Optometría.

Capítulo III - Intervención da comunidade universitaria

Artigo 10. Participación do persoal docente e investigador.

Todo o profesorado da área de Optometría, que posúa titulación que lle habilite para o exercicio profesional de óptico-optometrista, poderá desenvolver actividades asistenciais no Servizo, así como persoas investigadoras previo informe favorable da Comisión Técnica, para dar cumprimento á lexislación sanitaria.

Artigo 11. Participación do estudantado.

Os estudantado que poderán recibir formación práctica no SOUSC poderá ser:

a) Estudantes do Grao en Óptica e Optometría e do máster en Optometría da USC

b) Estudantes de grao doutras titulacións da área de coñecemento de Ciencias da Saúde impartidas na USC.

c) Estudantes de cursos de posgrao da USC, organizados polos Departamentos de ámbitos de coñecemento de Ciencias da Saúde.

d) Estudantes de cursos de posgrao, organizados por empresas do eido sanitario.

En todo caso, sempre estará presente un profesor adscrito á Área de Optometría como responsable da actividade práctica formativa.

O estudantado que realice actividades nas instalacións do SOUSC farao de acordo cos horarios e normas de funcionamento establecidas pola Comisión Técnica.

Artigo 12. Aplicación das normas deontolóxicas.

Todas as persoas que realicen actividades no Servizo de Optometría da USC actuarán conforme as pautas para o seu funcionamento establecidas pola Comisión Técnica.

Disposición derrogatoria.

Este regulamento derroga o Regulamento do Servizo de Optometría da Universidade de Santiago de Compostela aprobado pola Xunta de Goberno o 23 de abril de 2002 e calquera outra norma que se opoña ao seu contido.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

O presente regulamento entrará en vigor coa súa publicación no taboleiro electrónico, logo da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver