Regulamento do Servizo de Doazón de Corpos para a Docencia e Investigación da USC
NORMA CONSOLIDADA
A Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, USC) é unha institución pública, que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público mediante o estudo, a docencia, e investigación e a transferencia de coñecemento. No uso da súa autonomía e para o desenvolvemento das súas funcións, a USC creou un Servizo de Doazón de Corpos, que ten como cometido fundamental a xestión integral dos procesos relacionados coas doazóns de corpos realizadas á USC para docencia e investigación.
A doazón do corpo a servizo da docencia e da investigación é un acto persoal, voluntario e solidario de enorme xenerosidade e altruísmo, pero tamén supón unha contribución de valor incalculable ao avance da ciencia e mellora da formación dos profesionais das ciencias da saúde.
O Servizo de Doazón de Corpos da USC, adscrito ao Departamento de Ciencias Morfolóxicas e integrado na área de coñecemento de Anatomía e Embrioloxía Humana, executa unha labor fundamental, seguindo os protocolos establecidos pola Sociedade Anatómica Española, pero o alcance da súa actividade fai necesario a aprobación dun regulamento que contemple a súa natureza e funcionamento.
Polo exposto, o Consello de Goberno, na súa sesión de 11 de marzo de 2025, acordou a aprobación do Regulamento do Servizo de Doazón de Corpos para docencia e investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
Capítulo I - Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
O presente regulamento ten por obxecto establecer as bases que rexen o funcionamento e xestión do Servizo de Doazón de Corpos da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, SDCUSC) como unidade especializada encargada da xestión integral do procedemento de doazón de corpos para a docencia e como infraestrutura singular para a investigación.
Artigo 2. Natureza do Servizo.
O Servizo de Doazón de Corpos configúrase como unha estrutura especializada de apoio á docencia e como infraestrutura singular de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, sen personalidade xurídica propia, adscrito ao Departamento de Ciencias Morfolóxicas e integrado na área de coñecemento de Anatomía e Embrioloxía Humana.
Artigo 3. Obxectivos.
O Servizo de Doazón de Corpos ten como obxectivos:
a) Xestionar de forma integrada todos os procesos relacionados coa doazón, preservación e utilización dos corpos doados á USC para os fins de docencia e investigación.
b) Garantir a calidade dos corpos doados e a conservación de forma digna e respectuosa.
c) Velar pola seguridade e a observancia da prevención de riscos para todos os que, nas súas funcións, participen no proceso.
Artigo 4. Réxime xurídico.
O Servizo de Doazóns rexerase polo disposto na lexislación universitaria vixente, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, polo presente regulamento así como por cantas disposicións lle resulten de aplicación consonte á lexislación vixente.
Artigo 5. Funcións.
Para acadar os obxectivos, o Servizo de Doazón de Corpos da USC desenvolverá as seguintes funcións:
1. En relación coas doazóns:
a) Promover as doazóns mediante campañas de sensibilización social, polo que se impulsarán os recoñecementos institucionais que se consideren oportunos.
b) Atender, informar e completar co doante a ficha de doazón, para o que se seguirá un protocolo de custodia e protección de datos, de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos.
c) Xestionar a aceptación das doazóns. A estes efectos, realizarase a licitación correspondente para a contratación dunha empresa funeraria, que asumirá o traslado do corpo coas garantías establecidas na normativa vixente e a incineración do mesmo unha vez rematada a súa vida útil.
d) Recibir, identificar e custodiar os corpos doados e levar o rexistro correspondente.
e) Conservar os corpos en condicións adecuadas para a súa utilización.
f) Dispoñer dos corpos e das pezas anatómicas nas condicións requiridas para a docencia, a investigación e a formación permanente.
g) Realizar as actividades complementarias necesarias, caso de preparación de mostras anatómicas ou outras, requiridas para os fins establecidos.
h) Eliminar os residuos dos corpos, segundo os casos, de acordo coa normativa vixente.
Estas actividades quedarán reguladas nos protocolos que sexan elaborados pola Comisión Técnica do Servizo de Doazón de Corpos.
2. En relación coas salas de disección e dependencias necesarias para a preparación, conservación e uso docente e investigador dos corpos:
a) Será responsable da súa xestión, equipamento e da súa conservación.
b) Xestionará e, en particular, establecerá un calendario de uso, planificado para cada semestre, no que se dará prioridade á docencia regrada, despois á investigación e, por último, á formación permanente.
c) Regulará o seu uso mediante un protocolo que será aprobado pola Comisión Técnica.
d) Considerará tanto o uso por parte do persoal docente e investigador da propia USC, como o requirido por institucións ou profesionais externos en condicións que serán reguladas especificamente.
e) Será responsable de cantas dependencias se necesiten para a conservación do material anatómico.
3. En relación coa comunidade universitaria e a sociedade:
Ofertará un servizo de calidade con finalidade docente, investigadora e de formación continua, e especificamente:
a) Ao estudantado de grao e máster, ofertaralle unha formación práctica intensa, específica, de calidade, acorde coa realidade das súas necesidades de formación.
b) Ao profesorado, ofertaralle a posibilidade de formación continua e de ampliación das súas liñas de investigación, así como de desenvolvemento e perfeccionamento de novas técnicas nos campos aplicados correspondentes á súa área de coñecemento.
c) Ao persoal investigador e aos profesionais sanitarios, ofreceralle unha infraestrutura singular de apoio no seu labor aplicado, formativo e investigador.
Artigo 6. Sede.
O Servizo de Doazón de Corpos terá a súa sede na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Capítulo II - Estrutura, organización e funcionamento do Servizo de Doazón de Corpos
Artigo 7. Estrutura do Servizo de Doazón de Corpos.
Son órganos de goberno do Servizo de Doazón de Corpos:
- A Dirección Científica.
- A Dirección Técnica, de ser o caso.
- A Comisión Técnica
Artigo 8. A Dirección Científica do Servizo de Doazón de Corpos.
1. A Dirección Científica do Servizo de Doazón de Corpos será nomeada pola Reitoría, por proposta da Dirección do Departamento de Ciencias Morfolóxicas, entre o profesorado con vinculación permanente da Área de Anatomía e Embrioloxía, con dedicación a tempo completo. Do seu nomeamento será informada a Comisión Técnica. Será nomeado por 4 anos prorrogables e poderá asumir as funcións da Dirección Técnica.
2. Son funcións da Dirección Científica as seguintes:
a) Exercer a dirección do servizo e representalo onde corresponda.
b) Propoñer á Reitoría o nomeamento, de ser o caso, da Dirección Técnica.
c) Dirixir as reunións da Comisión Técnica do servizo e executar os seus acordos.
d) Elaborar unha memoria anual sobre as actividades do Servizo que comprenderá, polo menos, as actividades docentes e investigadoras desenvoltas.
e) Velar polo cumprimento das normas sobre prevención de riscos, en coordinación co Servizo de Prevención de Riscos da Universidade.
f) Coordinar e organizar os medios materiais dos que dispoña o servizo.
g) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Técnica.
Artigo 9. A Dirección Técnica do Servizo de Doazón de Corpos.
1. A Dirección Técnica do Servizo de Doazón de Corpos será nomeada pola Reitoría, por proposta da Dirección Científica, entre persoal docente e investigador ou persoal técnico, de xestión, administración e servizos con vinculación permanente e dedicación a tempo completo.
2. A Dirección Técnica auxiliará á Dirección Científica no desenvolvemento das súas funcións e realizará as que esta lle encomende.
Artigo 10. A Comisión Técnica do Servizo de Doazón de Corpos
1. O Servizo de Doazón de Corpos da USC contará cunha Comisión Técnica, que desenvolverá funcións de asesoramento e control no desenvolvemento das tarefas que o servizo ten encomendadas, así como establecerá os protocolos necesarios para a xestión das doazóns e o emprego das instalacións e dos medios materiais a disposición do servizo.
2. A Comisión Técnica do Servizo de Doazón de Corpos estará composta por:
a) O/a Decano/a ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.
b) O/a Director/a do Departamento de Ciencias Morfolóxicas.
c) O/a Director/a do Científico do Servizo de Doazóns.
d) O/a Director/a do Técnico do Servizo de Doazóns, de ser o caso, que actuará como secretario.
e) Dous profesores da Área de Anatomía e Embrioloxía Humana propostos polo Consello de Departamento.
f) Un representante do estudantado, membro do Consello de Departamento de Ciencias Morfolóxicas.
Capítulo III - Normas aplicables as doazóns de corpos
Artigo 11. Condición de doantes.
Para poder realizar a doazón dun corpo á Universidade de Santiago de Compostela, o doante deberá ser maior de idade e estar no pleno uso das súas facultades mentais.
Artigo 12. Acreditación da vontade da doazón.
A doazón dun corpo á Universidade de Santiago de Compostela terá carácter voluntario. Para acreditar dita voluntariedade o doante a manifestación do doante deberá acompañarse a sinatura de dúas testemuñas, que deberán ser maiores de idade e estar no pleno uso das súas facultades mentais.
Artigo 13. Xestión da solicitude de doazón.
1. Para instrumentalizar a doazón do corpo ante a Universidade de Santiago de Compostela, os doantes deberán tramitar a súa solicitude ante o Departamento de Ciencias Morfolóxicas da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
2. O Servizo de Doazón de Corpos tamén poderá aceptar doazóns de corpos realizadas ante o servizo habilitado do Servizo Galego de Saúde.
Artigo 14. Aceptabilidade ou rexeitamento da doazón.
1. A Universidade de Santiago de Compostela reservarase en todo caso o dereito a aceptar a doazón dun corpo.
2. En todo caso, a doazón será rexeitada cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Estivera baixo intervención xudicial.
b) Tivera feridas ou cirurxías recentes non cicatrizadas ou fora practicada unha autopsia ou doazón de órganos, con excepción da doazón de córneas.
c) Tivera queimaduras extensas, gangrena, úlceras cutáneas ou mucosas.
d) Tivera enfermidades infecto-contaxiosas, tales como hepatites, SIDA, tifus, shock séptico ou encefalites esponxiforme.
e) Estivera exposto a contaminación por produtos radioactivos ou a tratamentos con quimioterapia.
f) Tivese obesidade ou caquexia extrema.
g) Cando a Universidade non puidera asegurar unha aplicación correcta das técnicas de conservación do corpo doado.
h) Cando se dean circunstancias de excesiva saturación do servizo, sendo necesaria a limitación do espazo.
i) Cando o falecemento se tivera producido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Capítulo IV - Intervención da comunidade universitaria
Artigo 15. Participación do persoal docente e investigador.
Todo o profesorado da Área de Anatomía e Embrioloxía humana poderá desenvolver actividades no SDCUSC seguindo a normativa habilitada a tal efecto.
Artigo 16. Participación do estudantado.
Os estudantado que poderán recibir formación práctica no SDCUSC poderá ser:
a) Estudantes de grao de titulacións da área de coñecemento de Ciencias da Saúde impartidas na USC.
b) Estudantes de cursos de posgrao da USC, organizados polos Departamentos de ámbitos de coñecemento de Ciencias da Saúde.
c) Estudantes de cursos de posgrao, organizados por empresas do eido sanitario. Estes cursos han de ser previamente autorizados pola dirección do SDCUSC en base a cumprimento de regulamentación establecida pola Comisión Técnica.
En todo caso, sempre estará presente un membro do departamento de Ciencias Morfolóxicas, da Área de Anatomía e Embrioloxía Humana, como responsable da actividade práctica formativa.
O estudantado que realice actividades nas instalacións do SDCUSC farao de acordo cos horarios e normas de funcionamento establecidas pola Comisión Técnica.
Artigo 17. Aplicación das normas deontolóxicas.
Todas as persoas que realicen actividades no Servizo de Doazóns de Corpos da USC actuarán conforme as pautas para o seu funcionamento establecidas pola Comisión Técnica.
Disposición derradeira. Entrada en vigor.
O presente regulamento entrará en vigor coa súa publicación no taboleiro electrónico, logo da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.