Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Ciencias
NORMA CONSOLIDADA
Aprobado pola Xunta de Facultade de Ciencias o 9 de outubro de 2020 e polo Consello de Goberno o 30 de outubro de 2020
TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1.
A Facultade de Ciencias é un centro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) encargado do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais de grao, máster e doutoramento que implante a Universidade e lle adscriba a este centro do Campus de Lugo. Tamén poderá impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.
Artigo 2.
O presente Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Ciencias de acordo co disposto no artigo 96.1 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, é a norma na que se establecen as disposicións destinadas a regular o seu funcionamento.
TÍTULO PRIMEIRO - DAS FUNCIÓNS
Artigo 3.
Segundo o establecido no artigo 51 dos Estatutos da USC, as funcións da Facultade de Ciencias son:
a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros.
b) A organización e a xestión dos servizos docentes que lles correspondan.
c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no centro, das prácticas tuteladas externas e/ou prácticum recollidos nos plans de estudos e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.
d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.
e) A promoción de programas de intercambio.
f) A promoción e implantación de medidas para a realización de prácticas externas.
g) A realización das actividades de xestión académica que lles encomende a Universidade.
h) A administración dos espazos, servizos, equipamentos e recursos do centro e o control da súa calidade.
i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.
j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.
TÍTULO SEGUNDO - DOS ÓRGANOS DE GOBERNO DA FACULTADE
Artigo 4.
Son órganos de goberno da Facultade de Ciencias:
a) A Xunta de Facultade.
b) O decano ou decana.
c) Os vicedecanos ou vicedecanas.
d) O secretario ou secretaria.
Capítulo I - Da Xunta de Facultade.
Artigo 5.
A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do centro, que aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos órganos de dirección e xestión. Tamén poderá dotarse de comisións delegadas, estables ou conxunturais, que a asesoren e asistan nas súas funcións.
Artigo 6.
A Xunta de Facultade estará constituída, segundo o disposto polos Estatutos da USC, por:
a) O decano ou decana, que a presidirá e convocará.
b) Os vicedecanos ou vicedecanas.
c) O secretario ou secretaria da Facultade, que o será tamén da Xunta.
d) O responsable ou a responsable da unidade de xestión de centro e departamentos.
e) O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador en formación con docencia no centro e censado no mesmo, así como o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35% da capacidade docente dun profesor a tempo completo:
• Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51%.
• O resto, sempre que non exceda do 10% do total da Xunta.
f) Unha representación do estudantado do 32%.
g) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 7% do total da Xunta, cun mínimo de dous.
Así pois, de acordo co establecido no artigo 95 dos Estatutos da Universidade de Santiago, a composición da Xunta de Facultade de Ciencias será a seguinte:
| PDI con vinculación permanente:• Censado no Centro• Non censado no Centro pero cunha carga docente no Centro ≥ 35% dun profesor a tempo completo | 51% |
|---|---|
| PDI que non teña vinculación permanente:• A tempo parcial• A tempo completo | 3%7% |
| Estudantes• de Grao• de Máster e de Doutoramento | 27%5% |
| PAS (mínimo 2) | 7% |
Artigo 7.
Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás o estudantado, que o será por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido.
Artigo 8.
Poderase invitar, con carácter excepcional, a non membros da Xunta de Facultade a acudir ás reunións da mesma, ben por debaterse algún asunto no que o membro deba expor o seu parecer, ben nos casos de solicitude motivada do/a interesado/a. Nese caso serán convocados, con voz pero sen voto, o profesorado, investigadores/as, PAS e delegados/as de estudantes que sen pertencer á Xunta realicen actividades de carácter docente, investigador ou administrativo no Centro. Poderán convocarse igualmente, con voz pero sen voto, a alumnado e persoal alleo á Facultade sempre que estean implicados nalgún asunto da orde do día.
Artigo 9.
Son competencias da Xunta de Facultade:
a) A elección do decano ou decana e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.
b) A elaboración e a aprobación do seu regulamento de réxime interno.
c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.
d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.
e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións oficiais, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e de organización das ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.
f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.
g) A programación dos espazos, servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.
h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.
i) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.
j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.
k) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.
l) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da USC ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.
Artigo 10.
A Xunta de Facultade desenvolverá as súas funcións en Pleno ou en Comisións.
Artigo 11.
O Pleno da Xunta de Facultade está formado por tódolos seus membros. Os seus debates estarán dirixidos por unha Mesa, integrada polo/a decano/a, que a presidirá, os/as vicedecanos/as, o/a secretario/a que o será da Xunta e o/a responsable da unidade de xestión de centro e departamentos.
Artigo 12.
O Pleno da Xunta de Facultade reunirase con carácter ordinario e extraordinario. As reunións ordinarias terán lugar polo menos unha vez ao trimestre en período lectivo. As reunións de carácter extraordinario faranse por iniciativa do/a decano/a ou polo menos dun cuarto dos membros da Xunta de Facultade. Unha vez recibida a solicitude, onde se concretará o asunto a tratar co detalle necesario, a Xunta de Facultade deberá convocarse no prazo máis breve posible e sempre dentro dos dez días lectivos seguintes ao pedimento.
Artigo 13.
As convocatorias, tanto de carácter ordinario como extraordinario, faranse cun mínimo de dous días de antelación a través de medios electrónicos, podendo considerarse como tal o correo electrónico institucional. Nese mesmo prazo poñerase a disposición dos membros a orde do día, data e hora da primeira e segunda convocatoria, condicións nas que se vai celebrar a sesión indicando o lugar da reunión ou o sistema de conexión e a documentación correspondente aos asuntos a tratar cando sexa posible.
Faranse dúas convocatorias para cada reunión, primeira e segunda, cunha diferenza de 30 minutos entre elas. Para a válida constitución do Pleno en primeira convocatoria será necesaria a asistencia, presencial ou a distancia, do/a decano/a e do/a secretario/a, ou de quen legalmente os substitúa, así como da maioría absoluta dos seus membros. Para a súa válida constitución en segunda convocatoria, será necesaria a asistencia, presencial ou a distancia, do/a decano/a e do/a secretario/a ou de quen legalmente os substitúa, e polo menos do 25% dos seus de membros.
Artigo 14.
Nos supostos de ausencia accidental do/a decano/a, poderá ser substituído polo/a vicedecano/a, e no caso de ausencia accidental do/a secretario/a poderá ser substituído polo membro que, reunindo os requisitos sinalados no artigo 101 dos Estatutos da USC, resulte elixido pola maioría dos asistentes á Xunta, non podendo darse as dúas circunstancias na mesma reunión.
Artigo 15.
Os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta, salvo o disposto expresamente neste regulamento para determinados asuntos.
As votacións poden ser por asentimento coa proposta do/a decano/a ou da Mesa, públicas a man alzada, ou con carácter excepcional secretas. As votacións serán secretas sempre que afecten a persoas concretas ou cando o soliciten polo menos tres membros da Xunta de Facultade. En ningún caso se poderán admitir votos de membros non presentes no momento da votación.
Artigo 16.
As reunións poderán realizarse, cando se considere oportuno, por medios telemáticos e adaptaranse ao que dispoña a normativa, tendo en conta a evolución dos medios tecnolóxicos, respectando o indicado neste regulamento.
Artigo 17.
De cada sesión que celebre o órgano colexiado levantarase acta polo/a secretario/a, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou, os puntos principais das deliberacións agás que a sesión sexa gravada e se incorpore na acta a pegada dixital, así como o contido dos acordos adoptados.
A acta de cada sesión poderá aprobarse na mesma reunión ou na inmediata seguinte. O secretario elaborará a acta co visto e prace do/a presidente/a e remitiraa a través de medios electrónicos aos membros do órgano colexiado, que poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto a efectos da súa aprobación, considerándose en caso afirmativo aprobada na mesma ou na seguinte reunión, segundo conste na orde do día da convocatoria.
Capítulo II - Do/a decano/a.
Artigo 18.
O/a decano/a representa á Facultade, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.
Artigo 19.
Son competencias do/a decano/a:
a) A representación da Facultade.
b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade e a de calquera outro órgano colexiado dela, así como a execución dos seus acordos.
c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da Facultade.
d) A dirección académica de todas as titulacións oficiais adscritas ao centro.
e) A dirección económica das actividades organizadas polo centro.
f) A proposta ao/á reitor/a do nomeamento e cesamento do/a secretario/a da Facultade, de ser o caso, dos/as vicedecanos/as, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.
g) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.
h) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.
i) O control do adecuado mantemento do patrimonio do centro.
j) O exercicio das restantes funcións que deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen estes estatutos ou a lexislación universitaria.
As competencias do/a decano/a estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración da Facultade que non estean atribuídos a outros órganos.
Artigo 20.
A Xunta de Facultade elixirá ao/á decano/a, de acordo co procedemento establecido na normativa electoral da Universidade de Santiago, de entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade censado no centro, e será nomeado polo/a reitor/a.
De non se poder levar a cabo a elección por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do/a reitor/a, encargaralle provisoriamente as funcións de decano/a a un profesor ou profesora con vinculación permanente á Universidade censado no centro. Rematado o curso académico, convocaranse novas eleccións.
Artigo 21.
O mandato de decano/a será de catro anos e non se poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.
Artigo 22.
O/a decano/a cesará ao rematar o seu mandato, por dimisión, por disolución da Xunta de Facultade que o/a elixiu ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva aprobada por maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.
Capítulo III - Dos/as vicedecanos/as.
Artigo 23.
O/a vicedecano/a será nomeado polo/a reitor/a, a proposta do/a decano/a, de entre os membros da comunidade universitaria da Facultade que reúnan os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC.
Artigo 24.
É labor do/a vicedecano/a coordinar ou dirixir, baixo a autoridade do/a decano/a, a área ou áreas de competencias que este lles encomende, sen prexuízo de que as funcións técnico-administrativas correspondan ao persoal de administración e servizos. De existiren varios/as vicedecanos/as, o/a decano/a designará quen ten que substituílo, en caso de ausencia ou enfermidade.
Artigo 25.
O/a vicedecano/a cesará no seu cargo por decisión do/a reitor/a, logo da proposta do/a decano/a, ou por petición propia.
Capítulo IV - Do/a secretario/a.
Artigo 26.
O/a secretario/a da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o/a decano/a, a lexislación vixente e os Estatutos da USC.
Artigo 27.
O/a secretario/a será nomeado polo/a reitor/a, segundo a proposta do/a decano/a, de entre os profesores ou funcionarios dos subgrupos A1 e A2 censados no centro, e cesará por decisión do/a reitor/a, tras a proposta do/a decano/a ou por petición propia.
TÍTULO TERCEIRO - DAS COMISIÓNS
Artigo 28.
A Xunta de Facultade poderá crear Comisións para tódolos asuntos que considere pertinentes e cando proceda, suprimilas. A composición de cada comisión e as súas competencias estableceranse polo presente regulamento ou ben polo Pleno da Xunta de Facultade. Establécense dous tipos de comisións:
a) Comisións delegadas da Xunta de Facultade
b) Comisións para o seguimento do Sistema de Garantía de Calidade (SGC)
Artigo 29.
As distintas comisións reuniranse con carácter ordinario e extraordinario. As reunións ordinarias faranse por iniciativa do decano, e terán lugar con carácter xeral polo menos unha vez cada curso académico en período lectivo, salvo as Comisións de Título que terán unha maior periodicidade vinculada ao funcionamento ordinario do título. As reunións de carácter extraordinario faranse por iniciativa do/a decano/a ou de dous dos seus membros e deberá convocarse no prazo máis breve posible e sempre dentro dos dez días lectivos seguintes ao pedimento.
Artigo 30.
As convocatorias, tanto de carácter ordinario como extraordinario, faranse cun mínimo de dous días de antelación a través de medios electrónicos, podendo considerarse como tal o correo electrónico institucional. Nese mesmo prazo poñerase a disposición dos membros a orde do día, data e hora da primeira e segunda convocatoria, condicións nas que se vai celebrar a sesión indicando o lugar da reunión ou o sistema de conexión e a documentación correspondente aos asuntos a tratar cando sexa posible.
Faranse dúas convocatorias para cada reunión, primeira e segunda, cunha diferenza de 30 minutos entre elas. Para a válida constitución da comisión en primeira convocatoria será necesaria a asistencia, presencial ou a distancia, do/a decano/a e do/a secretario/a, ou de quen legalmente os substitúa, así como da maioría absoluta dos seus membros.
Para a súa válida constitución en segunda convocatoria, será necesaria a asistencia, presencial ou a distancia, do/a decano/a e do/a secretario/a ou de quen legalmente os substitúa, e polo menos do 25% dos seus de membros.
Excepcionalmente poderase convocar, con voz pero sen voto, outras persoas que non sexan membros das comisións sempre que se atopen vinculadas con algún asunto da orde do día.
Artigo 31.
Nos supostos de ausencia accidental do/a presidente/a, poderá ser substituído polo/a vicedecano/a, e no caso de ausencia accidental do/a secretario/a poderá ser substituído polo membro que, resulte elixido pola maioría dos asistentes á comisión, non podendo darse as dúas circunstancias na mesma reunión.
Artigo 32.
Os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta. As votacións poden ser por asentimento coa proposta do presidente, públicas a man alzada, ou secretas. As votacións serán secretas sempre que afecten a persoas concretas ou cando o solicite un dos membros. En ningún caso se poderán admitir votos de membros non presentes no momento da votación.
Artigo 33.
As reunións poderán realizarse, cando se considere oportuno, por medios telemáticos e adaptaranse ao que dispoña a normativa, tendo en conta a evolución dos medios tecnolóxicos, respectando o indicado neste regulamento.
Artigo 34.
De cada sesión que celebre a comisión levantarase acta polo/a secretario/a, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou, os puntos principais das deliberacións agás que a sesión sexa gravada e se incorpore na acta a pegada dixital, así como o contido dos acordos adoptados.
A acta de cada sesión poderá aprobarse na mesma reunión ou na inmediata seguinte. O/a secretario/a elaborará a acta co visto e prace do/a presidente/a e remitiraa a través de medios electrónicos aos membros do órgano colexiado, que poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto a efectos da súa aprobación, considerándose en caso afirmativo aprobada na mesma ou na seguinte reunión, segundo conste na orde do día da convocatoria.
Capítulo I - Das Comisións Delegadas da Xunta de Facultade.
Artigo 35.
As Comisións Delegadas da Xunta de Facultade son:
a) Comisión de Biblioteca.
b) Comisión de Normalización Lingüística
c) Comisión de Igualdade de Xénero
Artigo 36.
A Comisión de Biblioteca ten a composición e as funcións que veñen determinadas polo artigo 150.3 dos Estatutos da USC e que se especifican na lexislación da Biblioteca Universitaria.
Artigo 37.
A Comisión de Normalización Lingüística estará integrada polo/a decano/a ou a persoa en que delegue, o/a secretario/a, 7 representantes do persoal docente e investigador en representación, no posible, de todas as áreas de coñecemento con docencia no centro, 2 representantes do estudantado (un de doutoramento ou máster e o outro de grao), e 1 representante do persoal de administración e servizos.
A Comisión de Normalización Lingüística é a encargada de difundir, dentro do marco xeral do Plan de Normalización Lingüística da USC, a información e os recursos e canalizar os intereses relacionados coa normalización lingüística dentro da Facultade de Ciencias, detectar necesidades e elaborar anualmente un programa de actividades.
Artigo 38.
A Comisión de Igualdade de Xénero estará integrada pola/o decana/o ou a persoa na que delegue, 7 representantes do persoal docente e investigador en representación, dentro do posible, de tódalas áreas de coñecemento con docencia no centro, 1 estudante representante das titulacións que se imparten no centro e 1 representante do persoal de administración e servizos.
A Comisión de Igualdade de Xénero é a encargada de difundir, dentro do marco xeral da USC, a información e os recursos e canalizar os intereses relacionados coa igualdade de xénero dentro da Facultade de Ciencias, detectar necesidades e elaborar anualmente un programa de actividades.
Capítulo II - Das Comisións para o seguimento do Sistema de Garantía de Calidade.
Artigo 39.
As Comisións para o seguimento do Sistema de Garantía de Calidade (SGC) son:
a) Comisión de Calidade do Centro
b) Comisións de Título O Sistema de Garantía de Calidade da Facultade de Ciencias contempla o deseño da oferta formativa, a avaliación e revisión do seu desenvolvemento, así como a toma de decisións para a mellora continua. Así mesmo, recolle a planificación dos obxectivos a acadar, de acordo coa estratexia da Universidade e da propia Facultade e a revisión periódica do funcionamento do sistema, en orde a garantir a súa utilidade para todos os grupos de interese.
A documentación do SGC da Facultade, integrada neste momento por un manual do sistema e outro de procesos, detalla de xeito exhaustivo todas as partes que interveñen no seu desenvolvemento e as súas funcións, así como os procesos. Todos eles evolucionarán ao longo do tempo en función das titulacións que se implanten ou extingan, ou outras titulacións ou actividades que se podan adscribir ou incorporar ao centro.
Sección 1ª - Da Comisión de Calidade do Centro
Artigo 40.
A Comisión de Calidade do Centro (CCC) é un órgano que participa nas tarefas de planificación, desenvolvemento e seguimento do SGC do centro, actuando ademais como medio de difusión interna do sistema e dos seus logros.
Artigo 41.
A Xunta de Facultade, a proposta do/a decano/a, aprobará a súa composición que será a seguinte:
a) Decano/a da Facultade de Ciencias (presidente/a).
b) Responsable de calidade da Facultade de Ciencias (RCC) que actuará como secretario/a da comisión.
c) Coordinador/a de calidade da Facultade de Ciencias.
d) Coordinadores/as de título (1 por cada titulación).
e) 1 membro do PAS (responsable da unidade de xestión de centro e departamentos da Facultade de Ciencias).
f) 1 profesor/a por cada título que se imparte no centro.
g) 1 alumno/a por cada unha das titulacións que se imparten no centro.
h) 1 egresado/a por cada unha das titulacións que se imparten no centro, con voz pero sen voto.
i) 1 membro externo por cada título que se imparte no centro (representante da asociación/colexio profesional relacionada/o coa titulación), con voz pero sen voto.
Artigo 42.
A CCC reunirase cando menos unha vez en cada semestre, e levantará acta de cada unha das sesións, difundindo as decisións tomadas a través da publicación dos acordos adoptados.
Artigo 43.
As funcións principais da CCC son as seguintes:
a) Realizar o deseño, a implantación, o seguimento e mellora do SGC no centro.
b) Elaborar a memoria de calidade do centro (MCC)
c) Fomentar a realización e o seguimento periódico do plan de melloras anual do centro.
d) Estimular a participación de todos os colectivos implicados na avaliación e mellora da calidade das titulacións que se imparten no centro.
e) Realizar o seguimento dos resultados do centro.
f) Propoñer ao equipo de dirección a información que debe ser pública.
g) Informar favorablemente, ou propoñer modificacións se é o caso, dos informes de resultados ou seguimento/acreditación elaborados polas comisións de título.
Sección 2ª - Das Comisións de Títulos
Artigo 44.
A Comisión de Título é o órgano colexiado ordinario de xestión do título e ocuparase daquelas cuestións que atinxan ao normal desenvolvemento do programa de estudos que establece a memoria, de acordo con este regulamento e/ou o SGC do centro. No caso de títulos interuniversitarios, rexerá o que indique o convenio.
Artigo 45
Establecerase unha comisión de título específica para cada unha das titulacións adscritas ao centro que estará constituída por:
a) O/a decano/a ou persoa en que delegue, que a presidirá.
b) Un/ha coordinador/a que será PDI do título.
c) Un/ha secretario/a, que será elixido/a entre os membros da comisión.
d) O/a responsable de calidade do centro (RCC).
e) Un mínimo de 4 e un máximo de 12 membros do PDI, que serán elixidos entre os docentes do título cunha representación proporcional ao encargo lectivo das súas áreas de coñecemento e departamentos, salvo que polas características específicas da titulación (módulos ou similar) sexa máis axeitado outra distribución. Tamén poderán formar parte (con voz pero sen voto) representantes do profesorado da área externa.
En casos debidamente xustificados (coordinación horizontal e vertical do título) este número poderá ser maior. O número mínimo poderá ser inferior a 4 no caso de títulos interuniversitarios cunha participación minoritaria da USC ou cun número elevado de universidades participantes, segundo estableza o convenio interuniversitario. Os representantes do PDI na comisión do título poderán ter dedicación a tempo completo ou parcial.
f) O/a responsable da unidade de xestión de centro e departamentos do centro.
g) Dous/dúas estudantes do título.
h) Tamén participarán (con voz pero sen voto) na comisión, egresados, profesionais ou representantes de colexios ou sociedades profesionais e de calquera outro grupo de interese que atendendo á natureza do título se considere preciso, contando cada un deles con un representante, de ser o caso.
A Xunta de Facultade, a proposta do/a decano/a, aprobará a composición da/s comisións de título e daralle traslado á vicerreitoría correspondente para o seu nomeamento polo/a reitor/a.
No caso de títulos intercentros da Universidade constituirase unha comisión mixta para a xestión do título.
No caso dos títulos interuniversitarios, o convenio regulador deberá contemplar a existencia dunha comisión do título interuniversitaria e as normas de composición, da que deberá formar parte o/a coordinador/a do título na USC.
Artigo 46.
A renovación das comisións de título efectuarase cada catro anos. Para o caso dos estudantes, a súa renovación farase consonte á duración dos seus estudos en tanto manteñan tal condición na titulación.
Artigo 47.
Serán funcións da comisión do título as seguintes:
a) Formular a proposta de oferta de prazas e criterios de admisión, de acordo coa memoria do título, para a súa aprobación pola xunta de centro e posterior aprobación polo Consello de Goberno visto o informe emitido pola xunta de centro.
b) Formular a proposta de programación docente anual (PDA) e a asignación de docencia das materias do título a áreas de coñecemento, previa consulta aos departamentos participantes, para a súa aprobación pola xunta de centro e posterior aprobación pola vicerreitoría con competencias na materia.
c) Aprobar as propostas de colaboración docente do persoal externo á USC, para á súa tramitación pola vicerreitoría competente, indicando os custos e recursos cos que conta para a súa participación.
d) Analizar a guía docente (programación) de cada materia previamente aprobada polo departamento que ten asignado a encarga docente, para supervisar que o programa e demais partes da programación anual de cada materia se adaptan á memoria verificada do título (MVT) vixente e dar traslado do seu informe á xunta do centro para a súa aprobación.
e) Asesorar, se así se lle solicita, sobre o recoñecemento de competencias do alumnado matriculado no título.
f) Para os títulos de máster, determinar os complementos formativos que deban realizar os estudantes matriculados en función do seu perfil de acceso, sempre que así se determine na memoria do programa de estudos.
g) Atender as cuestións propias do desenvolvemento do TFG/TFM e Prácticas Externas.
h) Todas aqueloutras funcións de tipo académico necesarias para o correcto desenvolvemento do programa e que non fosen encargadas a ningún outro órgano.
i) Analizar a información proporcionada polo/a coordinador/a do título e o/a RCC para levar a cabo o seguimento do título.
j) Realizar o seguimento periódico do título e elaborar os informes correspondentes.
k) Realizar as propostas de mellora, derivadas dese seguimento, para o seu traslado á CCC e a súa incorporación, de ser o caso, ao plan de melloras do centro.
l) Elevar proposta, de ser o caso, de modificación ou supresión do título, se así se deriva do seu seguimento periódico.
TÍTULO CUARTO - DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 48.
A iniciativa para a reforma deste regulamento será adoptada polo/a decano/a a iniciativa propia ou tomando en consideración unha proposta asinada alomenos polo 25% dos membros da Xunta de Facultade.
Artigo 49.
As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.
Recibida a proposta, o Pleno da Xunta de Facultade deberá pronunciarse, en primeiro lugar, sobre a toma en consideración da proposta, a cal será aceptada de pronunciarse ao seu favor, como mínimo, a maioría dos membros presentes.
Unha vez aceptada a toma en consideración, abrirase un prazo para a presentación de emendas.
Artigo 50.
Transcorrido este período o Pleno da Xunta de Facultade someterá a aprobación o novo texto coas emendas integradas. Para que a reforma sexa adoptada será preciso que reciba como mínimo o voto da maioría dos membros presentes. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada, e non poderá proporse idéntica reforma ata transcorrido un prazo de tres meses.
Artigo 51.
No suposto de que a reforma do regulamento veña motivada pola necesidade de adaptalo a cambios normativos ou lexislativos de rango superior, farase de oficio, mediante a presentación do proxecto de reforma e a conseguinte apertura do prazo de emendas, non sendo necesario someter o citado proxecto á fase de toma en consideración.
Toda reforma do regulamento será ratificada polo Consello de Goberno da USC.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira:
O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e das normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.
Segunda:
Para o que non estea previsto no presente regulamento, nos Estatutos ou normativa da Universidade, aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou outras que as substitúan.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogado o regulamento de réxime interno da Facultade de Ciencias, ratificado polo Consello de Goberno o 18 de xullo de 2005.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela, logo da súa ratificación polo Consello de Goberno da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.