Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Humanidades
NORMA CONSOLIDADA
TITULO PRELIMINAR
Artigo 1.
A Facultade de Humanidades é o centro encargado da xestión e organización no Campus de Lugo dos estudios conducentes á obtención dos títulos de licenciado en Humanidades e licenciado en Filoloxía Hispánica. Tamén se impartirá na Facultade o programa de doutoramento en Humanidades, así como aqueloutros estudios de calquera nivel que se programen de acordo ca normativa vixente.
Artigo 2.
A Facultade ten as seguintes funcións, segundo o establecen os Estatutos da Universidade de Santiago:
1) A elaboración dos programas de estudios das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas con outros centros.
2) A organización e a xestión dos servicios docentes que lle correspondan.
3) A coordinación e a supervisión da actividade docente no centro de departamentos e profesorado.
4) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.
5) A realización das actividades de administración académica que lle encomende a Xunta de Goberno.
6) A administración dos servicios, equipamentos e recursos do centro.
7) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.
8) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.
9) A organización e a promoción de estudios de posgrao.
10) A organización de cursos, congresos, conferencias e outras actividades extracurriculares que mellor sirvan para complementar a actividade docente e para divulgar a actividade investigadora que se desenrola na propia Facultade de Humanidades.
TITULO I
CAPITULO I. DA XUNTA DE FACULTADE
Artigo 3 .
Os órganos de goberno e administración da Facultade son os seguintes:
1) A Xunta de Facultade
2) O Decano
3) O Vicedecano
4) O Secretario
Artigo 4.
A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.
Artigo 5 .
1. A Xunta de Facultade estará composta por:
a. O Decano, que a presidirá e convocará.
b. O Vicedecano e o Secretario, que o será tamén da xunta.
c. O seguinte profesorado censado no centro:os funcionarios docentes; os eméritos; os axudantes; os contratados a tempo completo e os contratados a tempo parcial, nunha proporción que non exceda do 10% da suma dos profesores dos tipos precedentes.
d. Unha representación dos bolseiros de investigación con docencia no centro nunha proporción do 5% do total da xunta.
e. Unha representación de estudiantes do primeiro e segundo ciclo nunha porcentaxe do 20% do total da xunta, e unha represenación de estudiantes do terceiro ciclo nunha porcentaxe do 5% do total da xunta.
f. Unha representación do persoal de administración e servicios censado no centro nunha proporción do 5% do total da xunta, cun mínimo de dous.
g. O profesorado e axudantes non censados no centro sempre que a súa carga docente anual nel non sexa inferior a 9 créditos.
2. Tamén poderán asistir á Xunta de Facultade , con voz, pero sen voto:
a. O profesorado visitante.
b. Todo o profesorado, axudantes, ou bolseiros que impartan docencia no centro e non sexan membros dela.
3. Tódolos representantes elexidos serano por dous anos, salvo os estudiantes que o serán por un ano. A condición de membro da xunta perderase ó cesa-la vinculación académica ou administrativa co centro.
4. O profesorado, axudantes e bolseiros estarán censados soamente nun centro desta Universidade, nas condicións que estableza a Xunta de Goberno.
5. Os estudiantes figurarán no censo daqueles centros responsables da titulación ou titulacións en que estean matriculados.
CAPITULO II. DO DECANO
Artigo 6.
1. O Decano representa a Facultade , exerce a súa dirección, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.
2. O Decano será elexido pola Xunta, de entre os catedráticos ou profesores titulares de Universidade que presten nela os seus servicios, e será nomeado polo Rector.
3. -Son competencias do Decano:
a. A representación da Facultade.
b. A presidencia das reunións da Xunta de Facultade e a de calquera outro órgano colexiado delas, así como a execución dos seus acordos.
c. A vixilancia do cumprimento da legalidade en tódalas actuacións da Facultade.
d. A dirección da política académica da Facultade .
e. A proposta ó Rector do nomeamento e cesamento do Vicedecano e do Secretario da Facultade.
f. A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de tódolos membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.
g. O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.
h. A vixilancia do patrimonio do centro.
i. O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen os Estatutos da Universidade ou a lexislación universitaria.
4. As competencias do Decano extenderanse a tódolos asuntos concernentes ó goberno e á administración das facultades, de non seren atribuídas a outros órganos.
Artigo 7.
1. O Vicedecano será nomeado polo Rector, por proposta do Decano, de entre os membros da comunidade universitaria da Facultade.
2. É labor do Vicedecano coordinar ou dirixir, baixo a autoridade do Decano, a área ou áreas de competencias que este lle asigne.
3. O Vicedecano cesará no seu cargo por demisión ou por decision do Rector, por proposta do Decano.
Artigo 8.
1) O Secretario da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de tódolos actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o Decano.
2) O Secretario será nomeado polo Rector, por proposta do Decano, de entre os profesores do centro.
3) O Secretario cesará por demisión ou por decisión do Rector, por proposta do Decano.
CAPITULO III. DO FUNCIONAMENTO DA XUNTA DE FACULTADE
Artigo 9.
1) O Pleno da Xunta de Facultade convocarao o Decano ou na súa ausencia o Vicedecano, con carácter ordinario polo menos unha vez por trimestre, e con carácter extraordinario a iniciativa do Decano ou pedimento de:
· Un tercio dos seus membros.
· As tres cuartas partes da totalidade dos integrantes dun sector no pleno da Xunta de Facultade: PAS, bolseiros, estudiantes ou profesores.
· A maioría simple da Comisión Permanente.
Artigo 10.
1. Na convocatoria deberá consta-la orde do día, data, hora e lugar da reunión. A convocatoria deberá ser entregada, cando menos con setenta e dúas horas de anticipación correspondentes a días hábiles, excepto no caso de Xunta Extraordinaria e Urxente.
2. Na convocatoria ordinaria, a documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da convocatoria, que impliquen toma de decisións, deberán estar ó dispor dos membros da Xunta, na medida do posible cunha antelación de corenta e oito horas.
Artigo 11.
1. A orde do día será elaborada polo Decano. Nela figurarán as mencións de aprobación da Acta da sesión anterior, asuntos de trámite, peticións e preguntas (agás que a Xunta se convoque con carácter extraordinario).
2. Con antelación á convocatoria da Xunta ordinaria poderán presentarse propostas de inclusión de puntos a tratar na orde do día, que deberán ser avaladas polas sinaturas do quince por cento dos membros da Xunta ou os ¾ dun sector.
Artigo 12.
A Xunta de Facultade e toda-las comisións constituiranse válidamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria esixirase, alomenos, a presencia de ¼ dos membros da Xunta, que se constituirá media hora despois da primeira.
Para debatila moción de censura do Decano será necesaria a presencia da maioria absoluta dos membros da Xunta.
Artigo 13.
1) A Xunta de Facultade será presidida polo Decano ou quen faga as súas veces, asistido dunha mesa integrada polo Vicedecano e Secretario.
2) O Decano dirixe e ordena o desenvolvemento dos debates.
3) A mesa, tendo en conta a opinión da Xunta de Facultade, interpretará o presente Regulamento, en casos de dúbida ou omisión. Tamén decidirá sobre calquera outra cuestión que se lle encomende no presente Regulamento, ou que o Decano lle consulte.
Artigo 14.
1) As decisións pódense tomar por asentimento ou por votación. Para axiliza-lo procedemento, as votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou secretas (cando así sexa solicitado por algún membro, por escrito ou oralmente na sesión).
2) Non se admitirá a delegación de voto nin en membro da Xunta nin en persoas alleas.
Tampouco será admitido o voto anticipado.
Artigo 15.
1) Unha vez debatido un punto da orde do día terá lugar, se procede, a votación. A votación decidirase por maioría simple, agás nos casos en que se contemple outra fórmula.
2) De existiren unicamente dúas propostas, efectuarase unha votación entre ámbalas dúas. Aprobarase a que acade a maioría simple en primeira votación.
3) De haber máis de dúas propostas, efectuarase unha primeira votación conxunta de todas elas. Posteriormente procederase a unha segunda votación entre as dúas máis votadas.
4) En caso de empate procederase a unha nova votación, despois da que, de persisti-lo empate, decidirá o voto de calidade do Decano.
Artigo 16.
A Xunta da Facultade arbitrará os mecanismos necesarios para que os diversos sectores desta estean puntualmente informados dos acordos que se adopten tanto no Pleno da Xunta coma nas Comisións.
Artigo 17.
1) A Secretaría da Xunta desempeñaraa o Secretario da Facultade que, na súa condición de fedatario dos actos e acordos daquela, levantará Acta de cada sesión. Nos supostos de imposibilidade de asistencia por parte do Secretario, fará as súas veces outro membro da Xunta, mediante designación decanal.
2) En cada Acta especificaranse necesariamente:
a. Os membros da Xunta de Facultade, nominalmente designados, que asistiron á sesión, engadindo as ausencias comunicadas.
b. A orde do día da sesión.
c. As circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou.
d. Os puntos principais das deliberacións. Como anexos, documentación oficial manexada na Xunta.
e. O contido dos acordos, especificando se foron aprobados e o número de votos de cada unha das propostas.
f. Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros da Xunta, o voto contrario ó acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifican, ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicita-la transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto, ou no prazo que sinale a mesa, o texto correspondente.
g. Cada Acta será asinada polo Secretario -ou quen faga as súas veces-, co Visto e Prace do Decano.
h. As Actas aprobaránse na seguinte sesión ordinaria da Xunta de Facultade.
Artigo 18.
1) As Actas, unha vez aprobadas, quedarán baixo a custodia do Secretario da Facultade, e poderán ser consultadas na súa presencia por calquera membro da Facultade.
2) Só darán fe dos acordos aprobados pola Xunta, as certificacións expedidas polo Secretario co Visto e Prace do Decano .Con anterioridade á preceptiva aprobación da Acta tamén poderán emitirse certificacións sobre os acordos que se adoptaron.
CAPITULO IV. DA COMISIÓN PERMANENTE DA XUNTA DE FACULTADE
Artigo 19 .
A Comisión Permanente da Xunta de Facultade, de acordo co disposto no art. 87.2 dos Estatutos da Universidade, estará integrada por:
· O Decano.
· O Vicedecano.
· O Secretario , que o será tamén da Comisión Permanente.
· Unha representación proporcional dos distintos integrantes da Xunta, non podendo exceder o número total dos seus membros dun tercio dos membros da Xunta de Facultade.
Artigo 20.
A Comisión Permanente estará integrada por unha representación dos diversos sectores universitarios, na seguinte proporción:6 pertencerán ó sector do profesorado, 3 ó dos estudiantes de 1º e 2º ciclo, 1 ó dos estudiantes de 3º ciclo, 1 ó de axudantes e bolseiros e 1 será membro de PAS. Recabaráse a presencia do Xefe de Negociado de Asuntos Económicos, con voz e sen voto (de non ser o representante do PAS na Comisión), cando se inclúan nas sesións materias da súa competencia.
Artigo 21.
A Comisión Permanente será elixida entre os membros da Xunta de Facultade, elixindo cada sector ós seus representantes nos seguintes plazos:o profesorado e o PAS, na primeira reunión de cada curso académico; os estudiantes e bolseiros despois de cada elección dos seus representantes na Xunta de Facultade. De forma extraordinaria, renovarase a representación de un ou máis sectores, cando así o acorde a maioría simple da Xunta de Facultade.
Artigo 22.
A Comisión Permanente é competente para:
1. Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite.
2. Coñecer e adoptar acordos sobre calquera asunto que, sendo competencia da Xunta e non estando reservado expresamente ó Pleno, fóralle delegado por este.
3. Asesorar en tódalas cuestións que o Decano lle someta no exercicio das súas competencias.
4. Coñecer e decidir sobre os asuntos que lle sexan presentados polas Comisións Delegadas e elevalos, no seu caso, ó Pleno.
5. Informa-lo proxecto de orzamento elaborado polo equipo decanal antes do seu debate no Pleno da Xunta de Facultade, propoñendo a distribución das partidas de equipamento docente do Centro e de comunicacións.
6. Propo-la dotación de medios que cubran as necesidades de administración e servicios, e de funcionamento das Comisións que así o precisen.
7. Propo-la distribución dos espacios dedicados á investigación, docencia e administración.
8. Face-lo seguimento do estado do edificio e facer proposicións sobre a súa conservación e reparación.
Artigo 23.
O Decano da Facultade informará ó Pleno na primeira sesión que este celebre con posterioridade á última celebrada pola Comisión Permanente, de tódalas actuacións da Comisión, con excepción das referidas a asuntos de trámite.
Artigo 24.
1) A Comisión Permanente reunirase con carácter ordinario como mínimo tres veces ó ano, e con carácter extraordinario sempre que o Decano o considere oportuno, ou a pedimento dun tercio dos membros da Comisión Permanente. A reunión ordinaria da Comisión poderá ser suplida por unha Xunta de Facultade.
2) A convocatoria ordinaria da Comisión Permanente farase como mínimo con 48 horas de antelación. En tódolos demais aspectos referidos ó funcionamento da mesma, estarase ó previsto neste Regulamento para a Xunta de Facultade.
3) Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta. No caso de vacantes en cada un dos sectores, procederase a nomear ó suplente dentro do sector correspondente, no prazo de tempo máis breve posible.
CAPITULO V. DAS COMISIONS DELEGADAS
Artigo 25.
1) A Xunta de Facultade creará Comisións Delegadas. As Comisións son instancias de asesoramento, que actúan por delegación da Xunta de Facultade. A súa función é emitir informe, coordinar, estudiar e elaborar propostas de carácter operativo sobre os asuntos que este regulamento ou os órganos competentes de goberno da Facultade lles encomenden. Para o desempeño dos seus cometidos, as comisións contarán coa colaboración do persoal de Administración adscrito á Facultade.
2) As Comisións Delegadas serán a Académica e a de Actividades Culturais e Complementarias. A Comisión de Biblioteca da Facultade rexerase polos Estatutos da Universidade de Santiago e o Regulamento da Biblioteca Universitaria.
3) Á marxe destas Comisións de carácter estable, a Xunta de Facultade poderá decidi-la creación de Comisións de carácter conxuntural para resolveren sobre situacións puntuais ou asuntos concretos.
Artigo 26.
1) Os membros das Comisións Delegadas serán elixidos por cada un dos sectores na Xunta de Facultade. Ademais dos compoñentes especificados para cada caso, elixidos por sectores, formará parte delas o Decano, ou a persoa en quen delegue, que será quen presida.
2) Para o funcionamento ordinario das Comisións Delegadas seguirase, cando sexa de aplicación, a normativa prevista no presente regulamento para a Xunta de Facultade.
3) As reunións das Comisións Delegadas serán convocadas por escrito cunha antelación mínima de 48 horas, agás nos casos de urxencia.
Artigo 27.
1) A Comisión Académica estará presidida polo Decano e dela formarán parte o Vicedecano, cinco membros do profesorado, un do alumnado de 1º e 2º ciclo, un do terceiro ciclo ou bolseiro e un membro do persoal de Administración e Servicios. Actuará como Secretario ó da Facultade.
2) Correspóndelle á Comisión Académica todo o relacionado co desenvolvemento da actividade docente e investigadora do Centro. En particular, informará sobre a reforma e seguimento dos planos de estudios, coñecerá e informará sobre calendarios de exames e horarios.
3) Coñecerá e informará sobre a programación das materias correspondentes ás titulacións radicadas no Centro, analizará e promoverá a mellora da calidade didáctica, contemplando a especificidade e orientación académica e laboral das titulacións impartidas na Facultade.
4) Proporá a normativa para a obtención do título de grao e desenvolverá aqueloutras funcións que expresamente lle sexan delegadas polo Pleno da Xunta.
5)Proporá e tramitará as validacións ou adaptacións e estudios.
Artigo 28.
1) A Comisión de Actividades Culturais e Complementarias estará estará presidida polo Decano e dela formarán parte o Vicedecano, catro membros do profesorado, catro do alumnado de 1º e 2º ciclo, un do terceiro ciclo ou bolseiro e un membro do persoal de Administración e Servicios. Actuará como Secretario ó da Facultade.
2) A Comisión ten por funcións:
a. Encargarse da dinamización cultural da Facultade.
b. Estudiar e facer propostas encol da organización daquelas actividades de carácter extracurricular que sexan de interese para o conxunto dos membros da Facultade.
c. Colaborar nas actividades que organicen os Departamentos ou calquera outro colectivo da Facultade, logo da súa valoración.
d. Facer propostas verbo do reparto e xestión da partida presupostaria anual de extensión universitaria da Facultade.
e. Encargarse de tarefas de Normalización Lingüística, promovendo e analizando todo o relacionado coa lingua e cultura galega na vida académica e de funcionamento ordinario da Facultade.
f. Aqueloutras que expresamente lle sexan delegadas polo Pleno da Xunta.
TITULO II. DA ELECCION E REVOGAMENTO DO DECANO
CAPITULO I. DA ELECCION DO DECANO
Artigo 29.
1) Vacante o cargo de Decano, nun prazo non superior a quince días, o Decano en funcións procederá á constitución da Xunta Electoral.
2) A Xunta Electoral estará formada por un membro do persoal de administración e servicios, un estudiante, un axudante/bolseiro e un profesor, cos correspondentes suplentes, elixidos todos en sorteo público; o Secretario da Facultade, que o será tamén da Xunta Electoral, e o Decano en funcións.
3) A condición de membro da Xunta Electoral do centro é incompatible coa de candidato. Se algún dos membros da Xunta Electoral fose candidato, deberá renunciar ó seu posto na mesma e será substituído polo corresponden suplente. No caso do Secretario e do Decano en funcións, serán substituídos polo profesor ou profesora más novo e máis antigo, respectivamente.
4) A Xunta Electoral actuará consonte a Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.
5) A Xunta Electoral establecerá os prazos de presentación de candidaturas, proclamación provisoria e definitiva dos candidatos ou candidatas, e períodos de reclamacións, de acordo coa normativa da Universidade.
6) De non haber ningún candidato, a Xunta Electoral reabrirá o proceso tal como se indica no apartado cinco deste artigo.
7) De non haber ningún candidato na segunda convocatoria, o Decano en funcións convocará, no prazo máximo de dez días, unha Xunta Extraordinaria para analiza-la situación e adopta-las medidas que se estimen oportunas.
Artigo 30.
1) Transcorrido o prazo da campaña electoral nos termos sinalados pola normativa da Universidade, convocarase unha sesión extraordinaria da Xunta de Facultade, que terá como único punto da orde do día a elección do Decano. Presidirá a sesión o Decano ou, de ser este candidato, o catedrático de Universidade ou, no seu defecto, o profesor titular de Universidade mais antigo da Universidade de Santiago dos presentes.
2) Os candidatos disporán dun máximo de 30 minutos para expoñe-los seus programas. Sortearase entre os candidatos a orde de intervención.
3) Realizada a exposición polos candidatos e logo de debate, procederase á votación nominal e secreta do tódolos membros da Xunta.
4) Rematada a votación, no mesmo acto procederase ó escrutinio, e será proclamado Decano electo quen obtivese a maioría absoluta dos sufraxios.
5) Se ningún dos candidatos obtivese a maioría absoluta procederase a unha segunda votación. Resultará elixido o candidato que obteña o maior número de votos favorables.
6) De producirse empate entre dous ou máis candidatos procederíase a unha nova votación no prazo máximo de tres días. De permanece-lo empate, procederase por sorteo.
CAPITULO III. DA REVOGACION DO DECANO
Artigo 31.
1) O Decano poderá ser revogado mediante moción de censura
2) A moción de censura, para ser tramitada, deberá ir asinada por un tercio dos membros da Xunta, e incluír o nome dun candidato alternativo.
3) Cando concorran estas circunstancias, o Decano ou quen faga as súas veces, terá que convocar unha Xunta Extraordinaria con este único punto da orde do día nun prazo máximo de 15 días hábiles.
Artigo 32.
Tanto o candidato proposto como o Decano, disporán dun prazo máximo de 30 minutos para expoñe-las súas posicións. Tralo oportuno debate procederase á votación nominal e secreta. Comenzará a exposición o candidato alternativo proposto.
Artigo 33.
Se a moción de censura obtivese o voto favorable da maioría absoluta dos membros presentes da Xunta será proclamado Decano electo o candidato porposto na moción de censura.
Se a moción de censura non acadase a maioría absoluta dos presentes considérase refugada, e os asinantes da mesma non poderán presentar outra durante o resto do mandato do Decano.
TITULO III. A REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 34.
A iniciativa para a reforma do Regulamento será adoptada polo Decano a iniciativa propia ou tomando en consideracíon unha proposta asinada polo 25% dos membros da Xunta de Facultade.
Artigo 35.
As propostas de reforma do Regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración no Pleno da Xunta. Se a proposta recibe os votos favorables do 50% dos membros desta presentes, abrirase un prazo para a presentación de enmendas e a súa análise nunha Comisión específica designada pola Xunta e coa mesma representación que teñan os diversos sectores no Pleno.
Artigo 36.
Unha vez aprobado o texto pola correspondente Comisión, será elevado ó Pleno. Para que a reforma sexa adoptada será preciso que reciba o voto da maioría absoluta dos presentes no Pleno da Xunta. De non ser así, a proposta de reforma considerarase refugada, e non poderá proporse idéntica reforma ata transcorrido un prazo dun ano.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.
O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e das normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.
Segunda.
Para o que non estea disposto no presente Regulamento nin nos Estatutos da Universidade, aplicarase o que dispón a Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.
Terceira.
A Facultade de Humanidades, na líña que establecen os Estatutos da Universidade, promoverá accións que contribúan á normalización e ó desenvolvemento da lingua galega.
DISPOSICION FINAL
O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación pola Xunta da Facultade.
ANEXO I. NORMATIVA SOBRE DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE DOCENTE E A AVALIACIÓN DOS ALUMNOS.
O procedemento que se seguirá nos procesos de reclamación de cualificacións está actualmente establecido polas DIRECTRICES XERAIS SOBRE AVALIACIÓN DO RENDEMENTO ACADÉMICO DOS ESTUDIANTES (Xunta de Goberno do 27 e 28 de febreiro de 1997), baseadas nas disposicións dos Estatutos da Universidade. Tendo en conta a citada normativa, a Facultade de Humanidades incorpora ó seu Regulamento de Réxime Interno as disposicións seguintes.
1) A Comisión Académica asesorará ó Decano, cando éste o solicite, na interpretación e aplicación desta normativa e na resolución dos conflictos relacionados ca vida académica da Facultade.
2) Os departamentos, en colaboración ca Facultade de Humanidades, teñen a obriga de elaborar para cada materia unha Programación Docente que deberá especificar:
a. Profesorado encargado da docencia con indicación, de selo caso, do coordinador de cada grupo
b. Programa detallado da parte teórica e práctica
c. Criterios e sistemas de avaliación (tipo e número de probas, traballos para presentar coas posibles datas, etc.)
d. Obxectivos, tendo en conta a especificidade de cada unha das titulacións impartidas e as directrices da Comisión Académica e, no seu caso, da Xunta de Facultade
e. Bibliografía recomendada
3) Os departamentos garantirán que o programa e demais apartados da programación anual de cada materia se axustan ó plano de estudios vixente. A Xunta de Facultade, previo informe da Comisión Académica, estudiará ó principio de cada curso ou cuadrimestre o cumprimento do anteriormente disposto e dará conta ós departamentos ou ó Rectorado daqueles aspectos que sexan susceptibles de revisión.
4) As avaliacións das materias terán por obxecto facer o seguimento de ata qué punto se alcanzan os obxectivos preestablecidos. Os estudiantes serán avaliados de acordo cos criterios que figuren de forma explícita na programación da materia e que, en xeral, se basearán, seguindo as tradicións aceptadas pola comunidade universitaria, nalgunha ou nalgunhas das seguintes actividades:
a) Asistencia e participación en clases teóricas, seminarios e outras actividades complementarias:
a. Realización de prácticas
b. Presentación de traballos relacionados co contido da materia
c. Probas parciais
d. Proba final
e. Outras actividades específicas que tamén garantan a avaliación obxectiva do rendemento do estudiante
5) No caso de alumnos con algunha minusvalía, facilitaráselles a realización das probas de avaliación en condicións acordes coas súas capacidades.
6) O estudiante ten dereito a coñecer a programación anual das materias en que está matriculado e, en concreto, os criterios de avaliación con anterioridade á formalización da matrícula. A Facultade de Humanidades, en colaboración cos departamentos, porá en marcha os mecanismos e acordos necesarios para facer efectivo este dereito.
7) Os estudiantes teñen dereito a ser avaliados en todas as materias das que estean matriculados. Sen embargo, non teñen dereito a datas de avaliación distintas das previstas, mesmo se están matriculados de materias con datas de avaliación coincidentes. A Facultade procurará que non haxa materias de cursos sucesivos con calendarios de avaliación coincidentes.
8) A avaliación dos estudiantes sen posibilidade de docencia previa (por exemplo, exames de febreiro dos planos non-renovados ou convocatoria fin de carreira) realizaraa o profesor que impartiu a materia o curso anterior, ou, en ausencia deste, o que a imparte o curso actual ou quen determine o departamento. Os criterios de avaliación serán os do curso anterior e o programa deberá axustarse ó realmente impartido nese curso. No caso de materia sen dereito a docencia (por exemplo, materias de planos de estudio en extinción) seguiranse os criterios anteriores e en ausencia do profesor que impartiu a materia por última vez, o departamento designará o profesor ou profesores responsables da avaliación.
9) Para a realización de probas orais, convocarase cada día os alumnos que previsiblemente o profesor poida examinar. Tales exames serán públicos e polo menos nos casos en que sexa a única proba de avaliación, o departamento nomeará unha comisión de avaliación que deberá estar formada por un mínimo de dous profesores.
10) O artigo 115 dos Estatutos indica que debe tenderse a unha avalicación continua dos estudiantes. En todo caso, salvo nas materias en que polas súas características non sexa posible, realizarase unha proba final que permita avaliar os alumnos que aínda non teñen superada a materia como consecuencia das probas de avaliación realizadas anteriormente.
11) Os alumnos que non realizaron as probas anteriores e non se presenten a esta proba final serán avaliados como "Non Presentado". No caso de que, pola característica da materia, non exista tal proba final, entón a Programación Docente da devandita materia indicará baixo qué circunstancias se cualificará como "Non presentado".
12) En calquera momento do exame o profesor poderá requirir a identificación dos alumnos.
13) Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.
14) O estudiante ten dereito a coñecer os resultados das probas, traballos ou exames parciais que realice, segundo o sistema de avaliación previamente establecido, nun prazo de 30 días naturais a contar desde a data da proba. Este prazo será máis breve no caso de exames realizados no mes de xullo, a efectos de de que a oportuna revisión poida ser feita antes do mes de agosto dese mesmo ano. A notificación pode facerse pola exposición pública dunha listaxe coas cualificacións dos alumnos presentados. Tales resultados deben coñecerse con suficiente antelación á realización dunha nova proba, e, en todo caso, cunha antelación mínima de dez días.
15) No caso de que desapareza (perda, roubo…) o material dunha proba antes de finalizar o prazo de revisión e sen que o alumno exercera este dereito, entón o alumno pode solicitar a realización dunha nova avaliación. Neste caso o profesor procurará que o alumno teña facilidades (flexibilización das datas de exame, tipo de exame, etc.) para esta avaliación especial.
16) A notificación da cualificación final dunha materia poderán realizala o profesor ou profesores mediante a exposición pública dunha listaxe coa cualificación de cada estudiante. A Universidade proporcionará a cada alumno unha notificación informativa coas cualificacións acadadas en cada convocatoria unha vez que finalice o proceso de informatización das actas.
17) O alumno ten dereito á revisión dos exames tanto parciais como finais na súa presencia nas datas e horarios que para tal efecto deberá fixar o profesor no momento de facer públicos tales resultados. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos quince días seguintes á publicación dos resultados e tal prazo non deberá finalizar antes das 72 horas. Procurarase que estas revisións sexan un instrumento útil para que o alumno poida percibir o seu nivel de coñecementos e carencias, tanto se resulta aprobado como suspenso.
18) A Comisión Académica establecerá os criterios tanto para a asignación como para o cambio de grupo. Tales criterios poden ter en consideración as características das diferentes materias.
19) A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o alumno infractor.
20) Os traballos e demais material de tipo creativo elaborados polos estudiantes seranlles devoltos, se o solicitan, no prazo de tres meses, unha vez finalizado o período obrigatorio de custodia que establecen as Normas de xestión académica para todas as probas de avaliación. A reproducción total ou parcial dos traballos do curso e dos contidos das probas de avaliación ou a utilización para calquera outra finalidade, necesita a autorización explícita do autor ou autores, de acordo coa Lei de propiedade intelectual.
21) RECLAMACIÓNS
21.1 O Decano decidirá sobre a admisión a trámite da alegación presentada que deberá estar debidamente motivada.
21.2. O estudiante pode recorrer a non admisión a trámite ante o Rector. Se o Rector confirma a non admisión a trámite, esta resolución esgotará a vía administrativa.
21.3. No caso de que sexa admitida a trámite, o Decano trasladará a reclamación ós profesores responsables da materia para que presenten as alegacións que consideren oportunas nun prazo non superior ós sete días hábiles.
21.4. O Decano poderá nomear unha comisión de ata tres profesores, da que non debe formar parte o profesor responsable da cualificación, que poida revisar o material que serviu de base para a cualificación do reclamante e demais compañeiros e, de ser necesario, poida realizar unha nova proba ó reclamante. Como remate do proceso o Decano dictará unha resolución especificando a cualificación definitiva da materia correspondente.
21.5. O prazo de presentación de alegacións será de 20 días naturais dende que, por calquera procedemento, se fagan públicas as cualificacións.
21.6. A revisión de exames non modifica os prazos ordinarios de entrega das actas.
21.7. A resolución do Decano non esgotará a vía administrativa e será o propio Decano quen lla comunique ó estudiante. No escrito farase constar que, contra esta resolución, se poderá interpoñer recurso de alzada ó Rector.
21.8. Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, deberán ser conservados polos profesores encargados da materia polo menos tres meses dende a data final de entrega das actas, agás nos supostos de que estea en curso un expediente administrativo ou xudicial, ou que outras normas establezan prazos maiores.
21.9. No caso de ser necesaria unha modificación en acta da cualificación como consecuencia do proceso de revisión de exames, a nova cualificación será notificada polo Decano ó Secretario xeral da Universidade para que dea traslado á Unidade de Xestión Académica correspondente para a modificación da acta, na que se incorporará unha dilixencia administrativa que reflicta o acordo de modificación.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.