Regulamento do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP)-

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0297
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones
Nesta norma tómase como punto de partida o texto consolidado publicado no Taboleiro electrónico da USC. Polo tanto, non é posible visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

(Xunta de Goberno 23-04-2002. Modificado por Consello de Goberno 21-12-2009)

CAPÍTULO I - DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º Natureza e denominación

O Centro de Estudios Cooperativos (CECOOP) constitúese pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como Centro Mixto adicado á investigación, formación e estudio do Cooperativismo nas súas verquentes económica e xurídica.

Artigo 2º Ámbito de actuación e de vixencia

1. O CECOOP é fundamentalmente un Centro de investigación adicado o análise dos aspectos económicos e xurídicos do Cooperativismo nos planos galego, nacional, europeo e internacional.

2. O CECOOP terá un ámbito de vixencia indefinido; esto non obstante, calquera das partes sinantes do Convenio polo que se crea, poderá denunciar este con alomenos un ano de anticipación.

Artigo 3º Fins

No marco do seu ámbito de actuación, son fins do CECOOP:

a) Promover, impulsar e desenvolver o coñecemento, investigación e difusión das materias propias.

b) Levar a cabo as tarefas de formación e ensino que sexan promovidas ou encomendadas pola USC ou pola Xunta de Galicia.

c) Establecer vínculos de colaboración con outras organizacións galegas, nacionais ou internacionais con obxectivos converxentes cos do CECOOP.

d) Participar no ensino de Terceiro Ciclo e de Posgrado no marco da organización programada ó efecto pola USC.

e) Crear e manter unha biblioteca especializada dentro da Biblioteca da USC.

f) Promover a publicación dunha Revista especializada en temas cooperativos e de economía social.

Artigo 4º Sede

En tanto non dispoña doutra sede que lle poidan asignar as autoridades académicas da Universidade, o CECOOP terá a súa sede nos espazos que actualmente ocupa a área de Dereito Mercantil na Facultade de Dereito da USC e nos que se lle asignen na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais polas autoridades competentes.

Artigo 5º Réxime

Sen prexuízo de aplicación das normas xerais de carácter administrativo, o CECOOP rexerase polo disposto na Lei 11/1983 de Reforma Universitaria, polos Estatutos da USC aprobados por Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, polo Regulamento de creación e funcionamento dos Centros Propios da Universidade de Santiago de Compostela, de 20 de maio de 1999, polo Convenio de Colaboración suscrito pola USC e a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia con data de 24 de xuño de 2002, e por este Regulamento.

CAPÍTULO II - ORGANIZACIÓN

Artigo 6º Órganos de goberno

Os órganos de goberno do CECOOP son:

a) O Consello de Centro

b) O Director

c) O Secretario

Artigo 7º Composición do Consello de Centro

O Consello de Centro estará composto por:

a.- O Director do Centro, que o convocará e presidirá.

b.- O Secretario do Centro, que o será tamén do Consello do Centro.

c.- Un representante da Xunta de Goberno da Universidade nomeado polo Rector.

d.- Dous representantes da Dirección Xeral de Relacións Laborais e un representante do Consello Galego de Cooperativas, nomeados polo Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

e.- Tres representantes do persoal científico adscrito ó Centro, que deberán ter a condición de profesores da USC.

Artigo 8º Funcións do Consello de Centro

1. Son funcións do Consello de Centro:

a. Elixi-lo Director do Centro e propoñe-lo seu nomeamento ó Rector e, de se-lo caso, a súa remoción mediante acordo adoptado polo voto favorable de dous tercios dos seus compoñentes.

b. Aproba-lo orzamento e a programación anual das actividades do CECOOP.

c. Aproba-la memoria anual de actividades e a memoria económica.

d. Aproba-lo ingreso de novos membros do persoal científico do CECOOP e o seu cesamento.

e. Emitir informes sobre os contratos do CECOOP e dos seus profesores ós que se refire o artigo 19.1 deste Regulamento.

f. Propoñer á Xunta de Goberno da USC e á autoridade competente da Xunta de Galicia a aprobación ou modificación do Regulamento de CECOOP.

g. Aqueloutras que se establezan en desenvolvemento de disposicións contidas nos instrumentos normativos polos que se rixe o CECOOP.

2. Salvo que se esixan outras maiorías, o Consello adoptará acordos polo voto favorable da metade máis un dos seus membros.

Artigo 9º O Director do Centro

1.- O/A director/a do CECOOP será un profesor/a co título de doctor, con obra publicada en algunha das materias propias do ámbito do CECOOP.

2.- O Director será elixido polo Consello de Centro e nomeado polo Reitor da USC por un período de catro anos, non podendo desempeña-lo cargo máis de dous mandatos consecutivos.

3.- Correspóndelle ó Director:

a. Convocar o Consello de Centro a lo menos unha vez o ano, presidir as reunións que celebre e executa-los seus acordos.

b. Representa-lo CECOOP no ámbito da súa competencia.

c. Elabora-las propostas anuais de programación e orzamento do CECOOP.

d. Redacta-la memoria de actividades e a memoria económica.

e. Nomea-lo Secretario.

f. Dirixir e coordina-las actividades do CECOOP.

g. Autoriza-los gastos do orzamento anual do Centro.

h. Aqueloutras funcións que lle poidan corresponder en virtude de disposicións que lle sexan aplicables.

Artigo 10º O Secretario do Centro

1.- O Secretario do CECOOP será nomeado polo Director entre os membros do Consello de Centro.

2.- Son funcións do Secretario:

a. Redacta-las actas das sesións do Consello.

b. Custodia-los arquivos e a documentación do CECOOP.

c. Expedi-las certificacións no ámbito da súa competencia.

d. Auxiliar ó Director nas súas funcións e substituílo no caso de enfermidade ou ausencia.

CAPÍTULO III - PERSOAL CIENTÍFICO

Artigo 11º Membros do CECOOP pertencentes á Universidade de Santiago

1.- Persoal científico do CECOOP estará integrado por profesores, axudantes e investigadores da USC, que realicen ou houbesen realizado investigación no ámbito do Cooperativismo, que pertenzan ás seguintes áreas de coñecemento:

- Dereito Mercantil

- Dereito do Traballo e da Seguridade Social

- Dereito Civil

- Dereito Financeiro

- Economía Financeira

- Contabilidade

- Organización de empresas

2.- De conformidade co establecido no apartado anterior, formarán parte do persoal científico inicial do CECOOP os profesores que se relacionan no ANEXO deste Regulamento.

3.- Sen prexuízo do disposto nos apartados anteriores, poderán incorporarse como membros do CECOOP profesores e investigadores doutras áreas de coñecemento non contempladas no apartado 1º.

Artigo 12º Membros pertencentes a outras universidades e Organismos de Galicia

1.- Poderán pertencer ó CECOOP a título individual profesores e investigadores doutras Universidades galegas con obra publicada e especializada en materias relacionadas co Cooperativismo.

2.- Asemade, poderán integrarse no persoal científico do CECOOP aquelas persoas que presten os seus servizos en institucións da Xunta de Galicia e que desempeñen funcións vencelladas coas sociedades cooperativas ou con outras entidades de Economía social, sempre que estean en posesión do título de licenciado ou equivalente.

3.- De conformidade co establecido nos dous apartados anteriores, formarán parte tamén do persoal científico inicial do CECOOP os investigadores e persoas que se relacionan no ANEXO deste Regulamento.

Artigo 13º Membros honorarios do CECOOP

O Consello de Centro, por voto favorable de dous terzos dos seus membros, poderá nomear membros honorarios, con voz pero sen voto, entre as persoas que destaquen ou houberan destacado en calquera campo relacionado co ámbito de actuación do CECOOP.

Artigo 14º Incorporación ó persoal científico do CECOOP

Previa petición expresa dos interesados, o Consello de Centro poderá acordar a incorporación daqueles ó persoal científico do CECOOP, sempre que acrediten ter realizados estudios ou traballos de investigación sobre temas pertencentes ó ámbito de actuación do Centro e cumpran os requisitos establecidos na normativa de creación e funcionamento de Centros propios da USC.

Artigo 15º Adicación do persoal científico ó CECOOP

O persoal científico desenvolverá as súas actividades no CECOOP, sin mengua das obrigas docentes e de investigación, ou de calquera outro tipo, ás que estean suxeitos en virtude do réxime que lles sexa de aplicación pola súa pertenza á USC ou a outras Universidades galegas, así como ós corpos funcionariais da Xunta de Galicia.

Artigo 16º Perda da condición de membro do CECOOP

A condición de membro do CECOOP perderase por renuncia, que fará chegarse por escrito ó Directo e que este comunicará ó Consello de Centro. Tamén se perderá dita condición por consecuencia de acordo adoptado polo voto favorable de dous tercios dos membros do Consello de Centro.

CAPÍTULO IV - RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 17º Presuposto

O CECOOP terá o seu propio presuposto de ingresos e gastos que deberá ser confeccionado anualmente polo Director e aprobado polo Consello de Centro.

Artigo 18º Ingresos

Terán a consideración de ingresos do CECOOP:

a) As cantidades de diñeiro que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia asigne ó CECOOP con cargo á correspondente partida orzamentaria.

b) As axudas e subvencións outorgadas ó CECOOP por organismos ou entidades públicas ou privadas, así como por persoas individuais.

c) As cantidades de diñeiro procedentes de proxectos de investigación concedidos a membros do CECOOP para investigación nas materias propias do mesmo.

d) As cantidades de diñeiro procedentes de contratos concluídos con entidades públicas ou privadas.

e) As cantidades de diñeiro procedentes de asignacións que se poidan facer ó CECOOP nos orzamentos da USC.

f) As taxas cobradas pola impartición de cursos ou seminarios.

Artigo 19º Actuacións do CECOOP para terceiros

O CECOOP e o seu profesorado a través del, poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, así como o desenvolvemento de cursos de especialización, nas condicións establecidas na lexislación vixente e nos Estatutos da USC.

Artigo 20º Bens inventariables

Os bens inventariables que adquira o CECOOP para o cumprimento dos contratos que celebren conforme ó previsto no artigo 19, serán propiedade da USC, salvo que por un convenio específico, que será aprobado pola Xunta de Goberno da Universidade e pola competente autoridade da Xunta de Galicia, se estableza outro réxime sobre a titularidade dominical dos bens así adquiridos.

Artigo 21º Gastos

Corresponde ó Director do Centro autoriza-los gastos dentro do presuposto anual; a tramitación do expediente de gasto realizarase de acordo coas normas xerais da USC.

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira.-

O presente Regulamento entrará en vigor na data na que se subscriba o correspondente Convenio de Colaboración pola USC e pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Segunda.-

O presente Regulamento poderá ser modificado por acordo da Xunta de Goberno da USC, e o Director do Centro informará das modificacións adoptadas á competente autoridade da Xunta de Galicia.

Terceira.-

A interpretación do presente Regulamento é competencia da Xunta de Goberno da USC.

ANEXO. NÓMINA DO PERSOAL CIENTÍFICO INICIAL DO CECOOP:

A.- Universidade de Santiago.

a. Área de Dereito mercantil

Prof. Dr. JOSE ANTONIO GÓMEZ SEGADE

Prof. Dr. MANUEL JOSÉ BOTANA AGRA

Prof. Dr. ÁNGEL FERNÁNDEZ ALBOR

Prof. RAFAEL MILLAN CALENTI

b. Áreas de Economía Financieira, Contabilidade e Org. de Empresas

Prof. Dr. MANUEL CASTRO COTÓN

Prof. Dr. J. MANUEL BARREIRO FERNÁNDEZ

Prof. Dr. ALFONSO RODRÍGUEZ SANDIAS

c. Área de Dereito civil

Profa. Dra. ISABEL ESPÍN ALBA

d. Área de Dereito Financieiro

Prof. Dr. ANTONIO LÓPEZ DÍAZ

e. Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social

Profa. Dra. CONSUELO FERREIRO REGUEIRO

B.- Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Don JOSÉ VÁZQUEZ PORTOMEÑE (Director Xeral de Relacións Laborais)

Dña. MARÍA COUTINHO VILLANUEVA (Subdirectora Xeral de Relacións Laborais)

C.- Universidade de A Coruña

Área de Dereito Mercantil

Prof. Dr. JOSÉ LUIS GARCÍA-PITA LASTRES

Prof. Dr. MANUEL JOSÉ VÁZQUE PENA

D.- Universidade de Vigo

Área de Dereito Mercantil

Prof. Dr. ANXO TATO PLAZA

Prof. Dr. JULIO COSTAS COMESAÑA

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver