Regulamento de Réxime Interno do Centro de Estudos Fílmicos (CEFILMUS) da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0298
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones
Nesta norma tómase como punto de partida o texto consolidado publicado no Taboleiro electrónico da USC. Polo tanto, non é posible visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

(Modificado polo Consello de Goberno de 26 de xuño de 2009)

CAPÍTULO I - DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º Natureza e denominación

O Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela (CEFILMUS) constitúese como un centro propio da Universidade de Santiago de Compostela dedicado á investigación nos campos relativos ao ámbito fílmico nas súas perspectivas cinematográfica e televisiva.

Artigo 2º Ámbito de actuación

O CEFILMUS é un centro propio dedicado aos estudos fílmicos (cinematográficos e televisivos) no campo nacional e internacional.

Artigo 3º Fins do CEFILMUS

Dentro do ámbito da súa actuación, son fins do CEFILMUS:

a) Desenvolver os diversos proxectos de investigación e convenios que na Universidade de Santiago de Compostela teñen como eixe as formulacións históricas, lingüísticas, ficionais ou sociolóxicas en torno ao cinema e á televisión.

b) Impulsar novas liñas de investigación, partindo daquelas nas que se traballou nos últimos anos.

c) Buscar a coordinación entre eses traballos, tanto a nivel temático coma metodolóxico e de utilización de recursos humanos e materiais.

d) Organizar programas de posgrao e cursos de especialización de tema fílmico (cinematográfico e televisivo) dentro da normativa vixente para estes estudos.

e) Realizar actividades divulgativas dos ámbitos fílmicos que poidan redundar nunha formación integral dos membros da comunidade universitaria de Santiago de Compostela e da sociedade galega en xeral.

f) Impulsar a vinculación co contorno social a través da realización de asesoramentos técnicos nos campos obxecto de noso estudo para organismos públicos e empresas privadas.

Artigo 4º Sede

En tanto non se dispoña doutra sede que lle poidan asignar as autoridades competentes da Universidade, o CEFILMUS terá a súa sede nos espazos que actualmente ocupa o Seminario de Historia do Cine do Departamento de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia.

Artigo 5º Réxime

Sen prexuízo da aplicación das normas xerais de carácter administrativo, o CEFILMUS rexerase polo disposto na Lei orgánica 6/2001 de Universidades do 21 de decembro, polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela aprobados por Decreto 28/2004, de 22 de xaneiro da Xunta de Galicia, polas Normas da Universidade de Santiago sobre creación e funcionamento de Centros Propios, aprobadas polo Claustro Universitario na súa sesión de 20 de maio de 1999, e máis polo presente Regulamento.

CAPÍTULO II - ORGANIZACIÓN

Artigo 6º Órganos de goberno

Os órganos de goberno do CEFILMUS son:

a) O Consello do Centro

b) O Director

c) O Secretario

Artigo 7º O Consello do Centro

1. O Consello do Centro estará composto por:

a) O Director do Centro, que o convocará e presidirá.

b) O Secretario do Centro.

c) Un representante do Consello de Goberno da Universidade nomeado polo Reitor.

d) Os doutores membros do persoal do Centro.

2. Serán funcións do Consello do Centro:

a) Elixir ao Director do Centro e propor o seu nomeamento ao Reitor. No seu caso, tamén proporá ao Reitor a remoción do Director mediante acordo adoptado polo sesenta por cento dos seus membros.

b) Aprobar o orzamento e a programación anual das actividades do CEFILMUS .

c) Aprobar a memoria anual de actividades e a memoria económica, que serán remitidas no primeiro trimestre de cada ano ao Consello de Goberno da Universidade para a súa avaliación.

d) Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico do CEFILMUS ou o seu cesamento; para o cal será necesario o voto da maioría dos membros do Consello.

e) Emitir informes sobre os contratos do CEFILMUS e dos seus profesores, de acordo co Art. 23 do Regulamento de creación e funcionamento de Centros Propios da Universidade de Santiago de Compostela.

f) Propor ao Consello de Goberno a modificación do Regulamento do CEFILMUS.

g) Aqueloutras funcións que establezan normas superiores en desenvolvemento dos Estatutos da Universidade de Santiago.

3. O Consello do Centro reunirase na sede do CEFILMUS polo menos unha vez ao ano, e cada vez que sexa convocado polo seu presidente. O presidente deberá convocalo a petición dos 3/4 dos seus membros. Os membros do Consello serán convocados da maneira que se determine, por comunicación ao seu centro de traballo ou ao lugar que eles soliciten.

Artigo 8º O Director

1. O Director do CEFILMUS será un/unha Profesor/a da Universidade de Santiago de Compostela en activo, membro do CEFILMUS, e con dedicación a tempo completo.

O Director do Centro será elixido polo Consello do CEF ILMUS e será nomeado polo Reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Será elixido por un período de catro anos e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

2. Corresponde ao Director:

a) Convocar e presidir as reunións do Consello do Centro e executar os seus acordos.

b) Representar ao CEFILMUS no ámbito das competencias que lle corresponden.

c) Elaborar as propostas anuais de programación e orzamento do Centro.

d) Redactar a memoria de actividades e a memoria económica.

e) Nomear ao Secretario do Centro.

f) Dirixir e coordinar as actividades do CEFILMUS.

g) Autorizar os gastos dentro do orzamento anual.

h) Aqueloutras funcións que lle poidan corresponder en aplicación das disposicións legais ou estatutarias.

Artigo 9º O Secretario

1. O Secretario do CEFILMUS será nomeado polo Director entre os membros do seu Consello.

2. Son funcións do Secretario:

a) Redactar as actas das sesións do Consello do Centro.

b) Custodiar os arquivos e documentación do CEFILMUS.

c) Expedir as certificacións no ámbito da súa competencia.

d) Auxiliar ao Director nas súas funcións e substituílo en casos de enfermidade ou ausencia.

CAPÍTULO III - PERSOAL CIENTÍFICO

Artigo 10º Membros do CEFILMUS pertencentes á Universidade de Santiago

O persoal científico do CEFILMUS estará composto por profesores, axudantes e bolseiros da Universidade de Santiago de Compostela que realicen ou tivesen realizado investigacións en ámbitos relacionados co mundo fílmico (cinematográfico ou televisivo), pertencendo ás seguintes áreas de coñecemento, segundo se especifica no Anexo correspondente:

-Historia da Arte

-Teoría da Literatura

-Literatura Española

-Comunicación Audiovisual

-Filoloxía Inglesa

Artigo 11º Membros honorarios do CEFILMUS

Por maioría de dous terzos dos seus membros, o Consello do CEFILMUS poderá aprobar o nomeamento de membros honorarios do Centro, con voz pero sen voto, entre aquelas persoas que salientasen en calquera campo relacionado co ámbito de investigación propio do Instituto.

Artigo 12º Membros invitados do CEFILMUS

A proposta de polo menos dous membros do persoal científico do CEFILMUS, e previa aprobación pola maioría dos membros do Consello do Centro, poderanse incorporar a este profesores doutras universidades o centros de investigación que traballen en áreas relacionadas co cinema ou televisión, así como profesionais do ámbito audiovisual, que colaboren co CEFILMUS. Terán a consideración de membros invitados e contarán con voz sen voto nas reunións do Consello do Centro.

Artigo 13º Incorporación de novos membros ao CEFILMUS

Previa petición expresa dos interesados, poderanse incorporar ao CEFILMUS profesores, axudantes e bolseiros pertencentes a calquera área de coñecemento e que tivesen realizado investigacións relacionadas co mundo do cine e da televisión. Os solicitantes deberán contar coa autorización previa do Consello do Departamento ao que estean adscritos para desenvolver no CEFILMUS a totalidade ou parte da súa xornada investigadora. A incorporación, conforme ao Artigo 7.2.d deste Regulamento, deberá ser adoptada pola maioría dos membros do Consello do Centro.

Artigo 14º Perda da condición de membro do CEFILMUS

A condición de membro do CEFILMUS perderase por renuncia, que deberá achegarse por escrito ao Director, e que este comunicará ao Consello do Centro.

Tamén se perderá esta condición a consecuencia do acordo adoptado pola maioría dos membros do Consello do CEFILMUS.

CAPÍTULO IV - RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 15º Orzamento

O CEFILMUS terá o seu propio orzamento de ingresos e gastos que se deberá confeccionar anualmente e ser aprobado polo Consello do Centro. Remitirase no primeiro trimestre do ano para que sexa avaliado polo Consello de Goberno da Universidade.

Artigo 16º Ingresos

Terán a consideración de ingresos, os seguintes:

a) As axudas e subvencións outorgadas ao Centro por organismos ou entidades públicas ou privadas.

b) As cantidades procedentes de proxectos de investigación concedidas a membros do CEFILMUS para investigación en materias propias deste.

c) As cantidades que correspondan por informes solicitados ao Centro ou aos seus membros.

d) As cantidades procedentes de contratos celebrados con entidades públicas ou privadas.

e) Os dereitos económicos a percibir por cursos, simposios ou seminarios.

Artigo 17º Gastos

Corresponde ao Director do Centro autorizar os gastos dentro do orzamento anual. A tramitación dos expedientes de gasto realizarase de acordo coas normas xerais da Universidade de Santiago de Compostela.

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira

O presente Regulamento entrará en vigor cando sexa aprobado polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

Segunda

O presente Regulamento poderá ser modificado por acordo do Consello de Goberno da Universidade, previa proposta do Consello do Centro.

Terceira

A interpretación do presente Regulamento é competencia do Consello de Goberno da Universidade.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver