Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (ILTIUS)
NORMA CONSOLIDADA
Aprobado no Consello de Goberno do 30 de abril de 2025.
PREÁMBULO
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten entre as súas funcións as da investigación, a valorización e a transferencia do coñecemento e o apoio científico ao desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega, segundo se expresa no art. 4.1 dos seus Estatutos.
Para o desenvolvemento das súas funcións, a USC estrutúrase en diversos tipos de unidades. Entre elas, os institutos universitarios de investigación defínense como centros destinados á investigación científica, técnica e humanística ou á creación artística, segundo o capítulo IV, artigo 53.1 dos Estatutos da USC aprobados en 2014. Actualmente, estas unidades réxense polo Regulamento de Creación e Xestión de Institutos da USC, de 18 de outubro de 2017 modificado o 31 de xaneiro de 2018. Na introdución dese Regulamento explicítase que “atende á necesidade da USC de actualizar o seu modelo de organización da investigación co fin de maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta poida xerar en favor da sociedade” e que responde ao “obxectivo último de promover unha estruturación e organización das capacidades de I+D+i mais competitivas arredor dunha serie de eidos do coñecemento nos cales se posúa ou se poidan desenvolver vantaxes competitivas e que a súa vez estean arraigados e conectados con outros activos e competencias do territorio”.
Neste marco, o Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias nace pola iniciativa dun grupo de investigadores e investigadoras das áreas de coñecemento da lingüística e da literatura, procedentes de diversos grupos de investigación, que procuran artellar unha nova estrutura científica que dea cumprimento ao devandito obxectivo.
CAPÍTULO I - Denominación, natureza, fins e sede
Artigo 1. Denominación
O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS) constitúese como instituto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co gallo de adaptarse ás novas iniciativas e políticas de I+D+I internacionais, e co obxectivo estratéxico de abordar, desde unha perspectiva plurilingüe, o complexo contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas obxecto de estudo e os seus textos, orais e escritos, como patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, reafirme a súa propia identidade.
Artigo 2. Natureza
O iLTIUS, como Instituto propio da USC, depende organicamente do Consello de Goberno da USC e rexerase por:
a) A Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, de universidades.
b) A lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia.
c) Os Estatutos da USC.
d) O Regulamento de Creación e Xestión de Institutos da USC, de 18 de outubro de 2017, modificado o 31 de xaneiro do 2018.
e) O presente Regulamento.
O Instituto forma parte do conxunto de Institutos Universitarios de Investigación da USC, como unha unidade de investigación supragrupal, cunha vocación de referencia e permanencia, integrando investigadores de elevada competencia científica fundamentalmente do ámbito da lingüística e literatura, actuando como referencia na súa proxección académica, social e económica.
Artigo 3. Fins do Instituto
A investigación de excelencia e o desenvolvemento tecnolóxico no campo da Lingüística e da Literatura, para abordar, desde unha perspectiva plurilingüe, o complexo contexto histórico e sociocultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas obxecto de estudo e os seus textos, orais e escritos, como patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, reafirme a súa propia identidade.
Os obxectivos básicos do instituto son, entre outros:
a) Planificar, desenvolver e avaliar periodicamente a súa Axenda Científica, na que se reflectirán os obxectivos científicos e as liñas de investigación do Instituto.
b) Formar talento investigador e apoiar o desenvolvemento da carreira científica seguindo as directrices fixadas na estratexia de xestión de recursos humanos de investigación da universidade.
c) Proxectar cara o tecido científico, social e produtivo as capacidades e o coñecemento xerado no desempeño da súa misión a través da divulgación, valorización e transferencia.
d) Adoptar unha orientación internacional para favorecer o desenvolvemento de colaboracións científicas, o acceso a redes e a participación en iniciativas institucionais.
e) Actuar considerando os principios de investigación e innovación responsables no que se refire a cuestións éticas, políticas de xénero, acceso aberto e implicación coa sociedade e a cidadanía.
Artigo 4. Sede
A sede central do Instituto estará no Centro de Estudos Avanzados, CEA, Parque de Vista Alegre.
Adicionalmente, as actividades do Instituto desenvolveranse nas facultades e demais edificios da USC nos que desenvolva a súa actividade o persoal investigador vinculado ao mesmo.
CAPÍTULO II - Dos Órganos de Goberno
Artigo 5. Órganos de Goberno
O iLTIUS estará rexido por órganos de goberno colexiados e unipersoais.
Os órganos colexiados son:
- Xunta de Goberno
- Consello Científico
Os órganos unipersoais son:
- Director ou directora
- Secretario ou secretaria
Actuará como órgano consultivo do Instituto a Comisión Asesora Externa (CAE).
Artigo 6. Xunta de Goberno
1.- O iLTIUS estará rexido por unha Xunta de Goberno composta por:
• O reitor/a, ou vicerreitor/a en quen delegue, que a presidirá e convocará.
• O vicerreitor/a con competencias en investigación da USC.
• Un/unha vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo reitor.
• Un/unha vogal en representación do Consello Social da USC.
• O director ou directora do Instituto.
• O secretario ou secretaria do Instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno.
2.- Son funcións da Xunta de Goberno:
a) Aprobar a elección do/a director/a do Instituto, a proposta do Consello Científico, e previo informe favorable da CAE.
b) Aprobar a remoción do/a director/a do Instituto, a proposta da maioría absoluta dos membros do Consello Científico.
c) Aprobar a proposta de orzamentos e a programación do Instituto.
d) Aprobar a memoria anual de actividade e a memoria económica do instituto, e dar conta das mesmas ao Consello de Goberno da USC.
e) Promover o financiamento e dotación do Instituto.
f) Nomear a Comisión asesora externa prevista neste Regulamento e establecer o seu funcionamento.
g) Ratificar a proposta de ingreso de novos membros e aprobar a súa desvinculación.
h) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación deste regulamento.
Artigo 7. O Consello Científico
1.- O Consello Científico estará formado por:
• O director ou directora do Instituto, que o convocará e presidirá.
• O secretario/a do Instituto, que o será tamén do Consello Científico.
• Seis persoas do colectivo do persoal docente e investigador (PDI) en representación das principais áreas de traballo definidas na axenda científica do Instituto.
• Un representante do persoal investigador non permanente • Un representante do persoal investigador en formación vinculado ao instituto.
Os representantes serán elixidos por sufraxio directo no seo de cada sector agás os PDIs, que o serán por cada área de traballo, ou agrupación delas, do Instituto.
2.- Son funcións do Consello Científico:
a) Propor á Xunta de Goberno do Instituto o nomeamento do/a director/a.
b) Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico do Instituto, co informe previo da Comisión Asesora Externa (CAE). Este ingreso deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Instituto.
c) Propor a desvinculación de persoal docente e investigador ao instituto á Xunta de Goberno, previo informe da CAE, de ser pertinente.
d) Informar das propostas de programas, do orzamento, da memoria económica e da memoria de actividades do Instituto.
e) Programar as actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e vixiar a súa realización.
f) Informar dos contratos do Instituto e dos seus membros.
Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno e do Consello Científico
A Xunta de Goberno reuniranse en sesión ordinaria cando menos unha vez cada ano e o Consello Científico cando menos dúas veces cada ano. Adicionalmente, tanto a Xunta de Goberno como o Consello Científico poderán reunirse en sesión extraordinaria, á iniciativa do seu presidente/a, do director/a do Instituto ou da maioría dos seus membros.
As reunións celebraranse na sede do Instituto agás no caso de que, por razón xustificada, o/a convocador da reunión acorde un lugar diferente, ou ben mediante o uso de medios electrónicos. A convocatoria, que deberá incluír a Orde do día e a documentación correspondente, remitirase a tódolos membros con dous días de antelación por correo electrónico.
Para a validez da constitución da Xunta de Goberno ou do Consello Científico en primeira convocatoria é necesaria a presenza do presidente/a do secretario/a, ou as persoas que legalmente os substitúan, e polo menos a metade dos restantes membros. Na segunda convocatoria abondará coa presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a máis un terzo dos restantes membros.
Os acordos poderanse tomar por asentimento, maioría simple dos membros presentes mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas, sempre que así o solicite algún dos membros presentes.
As actas das reunións, que se aprobarán na seguinte sesión ordinaria, estarán a disposición dos membros do órgano colexiado que corresponda, para a súa consulta, despois da celebración da reunión. De tódolos xeitos, poderanse expedir certificacións dos acordos adoptados aínda que non estea aprobada a acta correspondente, facendo constar esta circunstancia na certificación.
Artigo 9. Dirección
1.- O director/directora.
O director ou directora será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela con título de doutor e vinculación permanente á Universidade, con vinculación ao Instituto.
2.- Corresponde ao/á director/a:
a) A convocatoria do Consello Científico, a súa presidencia, a execución dos seus acordos e a xestión ordinaria do Instituto.
b) A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.
c) A elaboración das propostas de orzamento e programación de actividades.
d) A redacción das memorias anuais de actividades e económica.
e) A proposta ao reitor do nomeamento de secretario/a do Instituto.
f) A autorización de gastos do orzamento anual.
Artigo 10. Secretaría
O director/a do Instituto será asistido por un secretario/a, nomeado polo reitor/a de entre o persoal docente e investigador vinculado ao mesmo, ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no Instituto, a proposta do director/a.
1.- Serán funcións do secretario/a:
a) Dar fe dos actos e acordos dos órganos de goberno do Instituto.
b) Redactar as actas das sesións dos citados órganos de goberno.
c) Expedir certificados no ámbito da súa competencia.
d) Custodiar o arquivo e a documentación do Instituto.
e) Realizar aquelas tarefas que lle sexan encomendadas polo director/a, de acordo coa lexislación vixente.
f) Auxiliar ao director/a nas súas funcións e substituílo en casos de ausencia ou enfermidade. Neste último caso, as funcións de secretario/a serán desenvolvidas polo PDI de menor categoría e antigüidade de acordo cos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
CAPÍTULO III - Comisión Asesora Externa
Artigo 11. Comisión Asesora Externa (CAE)
A Comisión Asesora Externa (CAE) establécese como un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no campo de actuación do iLTIUS. Será designada polo/a reitor/a a proposta da Xunta de Goberno do Instituto, que establecerá o seu réxime de funcionamento. O nomeamento dos membros da CAE farase por catro anos, renovables.
Serán funcións da CAE:
a) Asesorar ao director/a do Instituto e á Xunta de Goberno sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento do Instituto e sobre a súa Axenda Científica.
b) Avaliar periodicamente a actividade do Instituto e do seu persoal investigador, e emitir os correspondentes informes de valoración.
c) Informar do interese de vinculación de novos membros ao Instituto.
d) Informar o nomeamento dos coordinadores/as das unidades do Instituto, de habelas.
e) Avaliar o plan de acción cuadrienal do Instituto.
CAPÍTULO IV - Do persoal
Artigo 12. Persoal Investigador: Vinculación, desvinculación, avaliación e permanencia
1.- O persoal investigador do Instituto iLTIUS estará formado por:
1. Persoal investigador vinculado permanente:
a. PDI doutor da USC entre cuxas funcións na Universidade se inclúan tarefas investigadoras, vinculado ao instituto previa avaliación da CAE, e/ou investigadores/as doutores doutras institucións adscritos á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto.
b. Persoal investigador doutor contratado especificamente con cargo a programas de recursos humanos competitivos ou de captación de talento con compromiso de estabilización.
Dentro deste tipo de persoal inclúense os investigadores/as garantes que deben cumprir:
• Ter polo menos dous sexenios de Investigación ou transferencia.
• Ter sido investigador/a responsable de proxectos de I+D do programa Marco da UE ou do Plan Estatal de I+D da Administración Xeral do Estado nos catro anos anteriores a presentar a proposta. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.
• Ter dirixido, polo menos, algunha tese de doutoramento, nos oito anos anteriores á presentación da proposta.
2. Persoal Investigador non permanente: Persoal investigador contratado especificamente con cargo a proxectos de investigación do instituto, de acordo co marco laboral e normativo aplicable.
3. Persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou codirección dun investigador vinculado ao Instituto.
4. Persoal colaborador: Doutores/as pertencentes a outras entidades públicas ou privadas que colaboren en proxectos e actividades do Instituto e que conten coas autorizacións que procedan para constar como colaborador/a do iLTIUS por parte do organismo co que teña relación contractual. A colaboración co iLTIUS non supón relación laboral coa USC.
2.- A vinculación dun/ha investigador/a ao iLTIUS realizarase en base a criterios de méritos de investigación e idoneidade do candidato/a, e da adecuación do seu currículo e proxecto investigador á axenda científica do Instituto.
O persoal que desexe incorporarse como Persoal Investigador Vinculado ao Instituto deberá solicitar a súa admisión ao Consello Científico, achegando o seu Curriculum vitae, e o seu proxecto investigador, que deben ser coherentes coa axenda científica do Instituto. A incorporación de novo persoal investigador deberá ser aprobada polo Consello Científico, previo informe favorable da CAE, e ratificada pola Xunta de Goberno do Instituto.
A actividade do persoal investigador do Instituto será avaliada pola CAE cada 4 anos. O informe razoado da mesma decidirá a súa continuidade ou non no Instituto.
Os criterios de avaliación a ter en conta no proceso de vinculación e permanencia serán:
a) Sexenios de investigación recoñecidos e resultados da avaliación da actividade investigadora recoñecidos por ACSUG.
b) Traxectoria investigadora, coherente coa axenda científica do Instituto.
c) Publicacións, patentes e teses de doutoramento dirixidas.
d) Proxectos e contratos coordinados.
e) Outros méritos.
O compromiso de vinculación do persoal investigador ao iLTIUS será, como mínimo, de catro anos.
No caso de persoal colaborador, este deberá solicitar a súa admisión como colaborador do iLTIUS ao Consello Científico, achegando o seu Curriculum vitae e xustificación da pertinencia da solicitude. O compromiso do persoal colaborador co Instituto será dun mínimo de tres anos.
A desvinculación do persoal do Instituto será aprobada pola Xunta de Goberno do Instituto:
a) A instancias do Consello Científico do Instituto, da CAE e/ou do director do Instituto.
b) A instancias do interesado/a, por calquera causa, cun preaviso de nove meses, agás que haxa un acordo para establecer outro prazo.
c) Por perda de vinculación contractual coa USC.
Artigo 13. Persoal de apoio á investigación e persoal de administración
1. O Instituto poderá contar con persoal de apoio á investigación con destino no Instituto, ou contratado, que levarán a cabo tarefas de apoio técnico e de xestión da investigación.
2. O centro poderá contar con persoal de administración con destino no centro, ou contratado, que levará a cabo tarefas de apoio administrativo.
CAPÍTULO V - Réxime económico e medios
Artigo 14. Orzamento. Ingresos do Instituto
O Instituto terá as súas propias partidas de ingresos e gastos, que formarán parte dos orzamentos xerais da Universidade e xestionarase de acordo coas normas xerais orzamentarias que lle sexan aplicables.
Serán ingresos do Instituto:
a) As cantidades que se lle dediquen nos orzamentos anuais da Universidade.
b) As porcentaxes que se determinen dos ingresos por proxectos, contratos, cursos e servizos tecnolóxicos prestados polo Instituto ou dos ingresos por regalías derivados de procesos de transferencia onde figuren como inventores persoal investigador vinculado ao Instituto.
c) As doazóns que se reciban procedentes de entidades públicas e privadas.
Artigo 15. Medios materiais
Serán medios materiais do Instituto os adquiridos con cargo aos seus orzamentos, os doados ou cedidos por entidades públicas ou privadas, e os adquiridos en proxectos de infraestrutura presentados polo Instituto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do acordo de Consello de Goberno no taboleiro electrónico da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.