Regulamento de Réxime Interno do Centro de Estudos Propios

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0748
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

O artigo 34.3º de la Lei Orgánica 6/2001, de Universidades, dispón que as universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación ó longo de toda a vida, diplomas e títulos que non terán o valor das ensinanzas oficiais pero que as complementan e coas que conforman a oferta formativa do sistema universitario. Os estudos propios e os cursos de formación permanente, calquera que sexa a súa denominación e duración, teñen o propósito e a potencialidade de responder, de modo áxil e flexible, ás demandas sociais de formación cultural, científica, artística ou profesional, adaptando os contidos, as metodoloxías e mesmo os horarios ás necesidades de cada sector.

O Centro de Estudos Propios (CEP) créase por acordo do Consello de Goberno de 29 de xullo de 2016, ao abeiro do previsto no artigo 18.3º da Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, co obxectivo central de unificar a política estratéxica e a xestión da oferta dos estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela, promovendo a súa calidade. Configúrase como un centro universitario para a promoción, coordinación e desenvolvemento dos estudos propios, sexa requisito de acceso aos mesmos, ou non, a previa obtención dun grado universitario oficial.

O CEP asume, xa que logo, parte das funcións que ata entón lle correspondían ao Centro de Posgrao, o que fai necesaria a elaboración deste regulamento, adaptado ás novas competencias, das que quedan fóra agora os estudos de doutoramento, que corresponden á Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS). Asemade, o presente Regulamento queda coordinado con aquel que ten por obxecto o desenvolvemento dos estudos propios e a formación permanente na Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 1. Funcións do Centro de Estudos Propios

1. Son funcións do Centro de Estudos Propios as seguintes:

a) A planificación, coordinación, avaliación e difusión da oferta de ensinanzas conducentes á obtención de títulos e diplomas distintos aos oficiais, configurados como estudos propios no correspondente Regulamento.

b) A promoción de acordos e convenios con outras universidades e institucións públicas e privadas co fin de ampliar a oferta de estudos propios, impulsando a súa tramitación de acordo coa normativa da Universidade de Santiago de Compostela na materia.

c) O impulso da política de captación de alumnado, procurando a internacionalización das ensinanzas da súa competencia.

d) A xestión do programa de formación específica e a demanda, conducente a un diploma de formación, para a organización de cursos polos grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, ou a petición das institucións do tecido social que requiran da Universidade a organización de cursos especializados para o seu persoal, socios, asociados ou colexiados.

e) A supervisión da xestión económica dos cursos que poidan enmarcarse como másteres propios, cursos de especialización, de formación continua, do programa de formación específica e a demanda e calquera actividade docente non oficial organizada na Universidade de Santiago de Compostela que quede suxeita ao Regulamento de estudos propios e formación permanente.

f) O seguimento da oferta dos cursos indicados no apartado anterior e o control de calidade académica no seu desenvolvemento.

2. A xestión administrativa do alumnado e a expedición dos seus títulos ou certificados quedan excluídas das competencias do CEP.

Artigo 2. Estrutura de goberno e sede

1. O CEP depende funcionalmente da Vicerreitoría con competencias en materia de estudos propios.

2. O Centro estará dirixido por un director ou directora, que será nomeado ou nomeada, entre o persoal docente e investigador con vinculación permanente e dedicación a tempo completo na Universidade de Santiago de Compostela, polo Reitor ou Reitora, oído o Consello de Goberno, por un período de catro anos, prorrogables por outros catro.

3. Para o seu funcionamento ordinario o Centro dótase dunha Comisión de Estudos Propios.

4. O CEP terá a súa sede nas Vivendas dos catedráticos, sitas na Avda. das Ciencias, no Campus Vida.

Artigo 3. Funcións do director ou directora do CEP

1. As funcións do director ou directora do Centro son as seguintes:

a) A representación do Centro.

b) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións do CEP.

c) A dirección da política académica do CEP e da súa xestión administrativa.

d) A execución dos acordos das comisións.

e) A proposta de convenios con outras Universidades e con institucións ou entidades públicas ou privadas, na área da súa competencia.

f) A promoción institucional de cursos que dean resposta a un interese relevante da Universidade.

g) O exercicio das funcións que lle sexan encomendadas pola Comisión de Estudos Propios, así como das que deriven dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e do resto da lexislación universitaria e as que correspondan ao Centro de Estudos Propios e non se atopen asignadas a ningún órgano do mesmo.

Artigo 4. Da Comisión de Estudos Propios

1. A Comisión de Estudos Propios estará integrada polos seguintes membros:

a) O vicerreitor ou vicerreitora con competencias nos estudos propios, que a presidirá persoalmente ou delegará a presidencia no director ou directora do Centro.

b) O vicerreitor ou vicerreitora con competencias na coordinación e planificación do Campus de Lugo ou persoa na que delegue.

c) O director ou directora do CEP.

d) Dez membros nomeados polo Reitor ou Reitora, a proposta do Consello de Goberno, por un período de catro anos, renovables por outros catro máis. Todos eles serán profesores ou profesoras con vinculación permanente á Universidade de Santiago de Compostela, garantindo a súa composición paritaria, a presenza dos Campus de Santiago e Lugo e das cinco grandes áreas de coñecemento, téndose en conta a presenza na Comisión de persoas con experiencia na dirección de cursos propios. Poderá perderse a condición de membro non nato da Comisión a petición propia e no caso de non asistencia reiterada e inxustificada ás reunións, falta de consideración grave a calquera outro membro do órgano colexiado ou incumprimento do deber de sixilo, decisión que será tomada polo propio órgano e comunicada ao Reitor ou Reitora, para que proceda a un novo nomeamento, logo da proposta do Consello de Goberno.

3. A proposta do presidente ou presidenta da Comisión, o Reitor ou Reitora nomeará secretario ou secretaria, entre os membros desta. A súas funcións serán levantar acta das sesións da Comisión, dar fe dos seus acordos e custodiar a documentación. No caso de ausencia do secretario ou secretaria, o presidente ou presidenta da Comisión de Estudos Propios poderá designar, ó comezo da reunión, outro membro que exerza as súas funcións provisoriamente.

4. A Comisión de Estudos Propios actuará en pleno ou en comisión permanente e a asistencia ás xuntanzas constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros.

5. A comisión permanente estará integrada polo presidente ou presidenta, o director ou directora do CEP, o secretario ou secretaria e dous membros da Comisión de Estudos Propios elixidos por esta.

6. Son competencias da Comisión de Estudos Propios:

a) O informe ou aprobación das propostas de cursos propios segundo o establecido no Regulamento de estudos propios e formación permanente da Universidade de Santiago de Compostela.

b) O seguimento e autorización das modificacións solicitadas no desenvolvemento dos cursos xa aprobados.

c) O informe ou aprobación das memorias remitidas polos directores ou directoras dos cursos propios, segundo o establecido no Regulamento de estudos propios e formación permanente da Universidade de Santiago de Compostela.

d) A avaliación académica das accións formativas organizadas no programa de formación específica e a demanda e a supervisión da súa execución.

e) O informe dos convenios do ámbito da súa competencia.

f) Tratamento de calquera outro tema a proposta do presidente ou presidenta da Comisión no ámbito destes estudos.

g) As que figuren no Regulamento de estudos propios e formación permanente da Universidade de Santiago de Compostela.

7. Son funcións da comisión permanente resolver os asuntos de trámite urxentes, sempre que carezan de relevancia excepcional, cando non sexa posible a convocatoria do pleno, así como aqueles outros que lle sexan expresamente encomendados pola Comisión de Estudos Propios. Será sempre competencia da comisión permanente a aprobación de cursos do programa de formación específica e a demanda cando a data de inicio prevista nos mesmos, que non admita demora sen prexuízo grave, impida o coñecemento do tema polo pleno. Considerarase tema de relevancia excepcional e, polo tanto, non corresponderá en ningún caso á comisión permanente emitir o preceptivo informe, a proposta de másteres propios e cursos de especialización.

Artigo 5. Réxime de convocatoria da Comisión de Estudos Propios

1. O pleno da Comisión de Estudos Propios reunirase para a deliberación e adopción de acordos en materia da súa competencia en sesións de carácter ordinario ou extraordinario.

2. Corresponde ao presidente ou presidenta, por iniciativa propia o por petición dunha cuarta parte dos seus membros, convocar a Comisión de Estudios Propios.

3. O secretario ou secretaria, por orde da presidencia, remitirá por medios electrónicos a convocatoria ás sesións ordinarias a todos os membros da Comisión, cunha antelación mínima de tres días. Na convocatoria farase constar a orde do día, e o lugar, día e hora da reunión, en primeira e segunda convocatoria, así como, no seu caso, as condicións nas que se vai celebrar a sesión a distancia, o sistema de conexión e os lugares nos que estean ao dispor dos membros os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

4. A documentación relativa aos temas a tratar estará a disposición dos membros da Comisión para a súa consulta coa mesma antelación que a convocatoria, ben a través do correo electrónico, ben a través de repositorio institucional ou por calquera outro medio.

5. Os requisitos deste artigo deberán cumprirse tamén na convocatoria da comisión permanente, agás o atinente á antelación mínima no caso de urxencia. Nestes casos a convocatoria enviarase, como mínimo, dous días antes da reunión. Os motivos de dita urxencia, apreciados polo presidente ou presidenta para a convocatoria, serán ratificados por maioría dos membros da Comisión.

Artigo 6. Reunións da Comisión de Estudos Propios

1. A Comisión de Estudos Propios poderá celebrar as súas sesións e adoptar acordos tanto de forma presencial como a distancia.

2. Nas sesións que se celebren a distancia será preciso asegurar, por medios electrónicos ou audiovisuais, a identidade dos membros da Comisión, o contido das súas manifestacións, o momento en que se emiten, así como a intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante toda a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos, o correo electrónico, as mensaxes vía telefónica, as audioconferencias e as videoconferencias.

3. Celebraranse un mínimo de tres sesións ordinarias do pleno durante cada período académico do curso e terán lugar sempre en días lectivos.

4. As sesións ordinarias do pleno iniciaranse co informe do presidente ou presidenta ou do director ou directora do Centro e seguirán co debate e, de ser o caso, votación dos puntos da orde do día, que rematará cunha rolda aberta de intervencións.

5. O pleno da Comisión poderase reunir, con carácter extraordinario, cando deba resolver cuestións de relevancia que, pola súa urxencia o excepcionalidade, non poidan ser atendidas nas sesións ordinarias.

Artigo 7. Quórum para a constitución da Comisión

1. Para a válida constitución da Comisión, actúe en pleno ou en comisión permanente, será necesaria, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros, sendo imprescindible a presenza do presidente ou presidenta ou o director ou directora do Centro, se aquel delegara na súa persoa, e do secretario ou secretaria ou persoa que o substitúa desenvolvendo as súas funcións.

2. En segunda convocatoria, que se celebrará como mínimo quince minutos máis tarde, a Comisión constituirase validamente cun terzo dos seus membros, e sempre coa presenza do presidente ou presidenta ou o director ou directora do Centro, se delegara na súa persoa o presidente ou presidenta, e do secretario ou secretaria ou persoa que o substitúa desenvolvendo as súas funcións. Para a válida constitución da comisión permanente será necesaria, en segunda convocatoria, a presenza de tres dos seus membros.

3. Poderán participar, con voz pero sen voto, previa invitación do presidente ou presidenta, as persoas con interese directo nas cuestións a tratar na reunión, co fin de que ilustren á Comisión sobre as decisións a tomar, así como as que sexan convocadas, en calquera circunstancia, para obter información sobre algún asunto da súa competencia, en particular as persoas responsables da dirección dos cursos sobre os que se emitira un primeiro informe desfavorable.

Artigo 8. Adopción de acordos

1. Corresponderá ao presidente ou presidenta establecer a orde de intervencións, moderar o debate, conceder e retirar a palabra e precisar os termos ou propostas obxecto de votación.

2. Os acordos adoptaranse por asentimento, por unanimidade ou polo voto da maioría simple dos asistentes.

3. Entenderanse aprobadas por asentimento as propostas que faga o presidente ou presidenta cando, unha vez enunciadas, non susciten obxección ou oposición. En caso contrario, farase unha votación ordinaria.

4. Como norma xeral, as votacións realizaranse a man alzada, pero poderán ser secretas, cando así o solicite algún dos membros da Comisión e afecte a cuestións de carácter persoal. Non se admitirá delegación de voto, nin voto anticipado para a adopción dos acordos.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, salvo que asistan todos os membros da Comisión e sexa declarada a urxencia da decisión polo voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptados pola Comisión serán executados polo director ou directora do Centro.

Artigo 9. Actas da Comisión

1. Das sesións da Comisión de Estudos Propios levantará acta o seu secretario o secretaria, na que se fará constar se é reunión do pleno ou da comisión permanente, lugar e data de celebración, orde do día, relación de asistentes, puntos principais das deliberacións e acordos adoptados, así como o resultado das votacións.

2. As actas serán asinadas polo secretario ou secretaria, co visto e prace do presidente ou presidenta, remitidas aos membros por medios electrónicos e aprobadas na seguinte reunión da Comisión.

3. Os acordos da Comisión serán notificados ás persoas interesadas no prazo máximo de dez días, a contar dende a súa adopción.

4. Calquera membro da Comisión ou persoa que interveña nunha reunión, a petición propia ou da Comisión, ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención, sempre que, en ausencia de gravación da reunión, aporte no acto, ou no prazo que sinale o presidente ou presidenta, o texto que a recolla fielmente, facéndose constar así na acta ou achegando copia á mesma.

Artigo 10. Recursos

Contra as resolucións adoptadas polo director ou directora do CEP poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Reitor ou Reitora e contra os acordos adoptados pola Comisión de Estudos Propios poderá interpoñerse o recurso de alzada ante o Consello de Goberno, segundo o artigo 73 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

Disposición adicional única

En todo o non disposto no presente Regulamento de réxime interno do Centro de Estudos Propios aplicarase o estipulado nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e na lexislación xeral universitaria vixente.

Disposición derrogatoria

A presente normativa derroga todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na mesma.

Disposición transitoria

As persoas que, na data de entrada en vigor deste Regulamento, formasen parte da Comisión de Estudos Propios dende hai máis de catro anos, serán relevadas aos catro anos da devandita data, sen prexuízo do disposto no artigo 4.1ºd). Esta disposición será aplicable tamén á persoa que ocupase a dirección do Centro. Ao resto dos membros da Comisión aplicaráselles o previsto no devandito artigo, computando os prazos a partir da data do seu nomeamento.

Disposición final

A presente normativa entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela, tras a aprobación polo Consello de Goberno.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver