Regulamento de Réximen Interno do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)
NORMA CONSOLIDADA
TÍTULO I: NATUREZA, RÉXIME XURÍDICO E FUNCIÓNS
Artigo 1.-
O Instituto de Ciencias da Educación (en adiante ICE) constitúese en Instituto Universitario Propio da Universidade de Santiago de Compostela, ó abeiro do disposto no artigo 10 da Lei 6/2001, de 21 de decembro de Universidades, nos decretos e normas que a desenvolven, nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e no Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, aprobado polo Pleno do Consello de Goberno o 18 de outubro de 2017 e modificado polo Pleno do 31 de xaneiro de 2018.
Artigo 2.-
O ICE rexerase polo presente Regulamento e pola normativa legal que lle sexa aplicable.
Artigo 3.-
O ICE constitúese como un instituto universitario de investigación da Universidade de Santiago de Compostela dedicado ao impulso, fomento, promoción e desenvolvemento de actividades de investigación de calidade e impacto, básica ou orientada, no ámbito educativo, dende unha perspectiva multi e interdisciplinaria, pretendendo contribuír de maneira significativa á creación de coñecemento especializado ou á solución de problemas e retos da sociedade. Para o logro deste fin, o Instituto realizará as seguintes funcións:
a) Planificar, desenvolver e avaliar periodicamente a súa Axenda Científica na que se reflectirán os obxectivos científicos e as liñas de investigación do ICE.
b) Formar talento investigador e apoiar o desenvolvemento da carreira científica seguindo as directrices fixadas na estratexia de xestión de recursos humanos de investigación da USC.
c) Proxectar cara ao tecido científico, social e produtivo as capacidades e o coñecemento xerado no desempeño da súa misión a través da divulgación, valorización e transferencia.
d) Adoptar unha orientación internacional para favorecer o desenvolvemento de colaboracións científicas, o acceso a redes e a participación en iniciativas institucionais.
e) Actuar considerando os principios de investigación e innovación responsables no que se refire a cuestións éticas, políticas de xénero, acceso aberto e implicación da sociedade e da cidadanía.
Artigo 4.-
O ICE poderá establecer relacións e colaboracións con outros institutos, departamentos e órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela, con organismos competentes da Administración central, autonómica e local, con institucións educativas, sociais e culturais de carácter local, autonómico, estatal e internacional e cos institutos de similar configuración doutras universidades, segundo o artigo 10 da Lei Órganica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades.
TÍTULO II: DO PERSOAL DO INSTITUTO
Artigo 5.-
O persoal do ICE constitúeno:
a) Investigadores/as vinculados/as: Persoal docente e investigador (PDI) doutor/a da Universidade de Santiago de Compostela, vinculados/as ao Instituto e/ou investigadores/as doutras institucións adscritos á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto.
b) Investigadores/as non permanentes: Persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou proxectos de investigación do Instituto, de acordo co marco laboral e normativo aplicable.
c) Investigadores/as en formación: Persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou codirección dun/dunha investigador/a vinculado/a ao Instituto.
d) Investigadores/as colaboradores: Persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto.
e) Persoal de Administración e Servizos que a Universidade de Santiago de Compostela adscriba ó Instituto.
Artigo 6.-
Vinculación dos/as investigadores/as:
a) A vinculación formal dos/as investigadores/as ao ICE realizarase en base a criterios e méritos de investigación e idoneidade cos fins do Instituto e deberá propiciar a incorporación de novos grupos e ámbitos de traballo.
b) O compromiso de vinculación será de catro anos. Transcorrido ese período se o/a investigador/a manifesta o seu desexo de continuar será sometido a unha nova avaliación na que se considerarán os seus méritos e o compromiso mantido co Instituto.
c) A actividade de investigación e a produción científica dos/as investigadores do ICE, a efectos de filiación e valoración de indicadores, estarán vinculadas ao Instituto.
d) Excepcionalmente, poderá considerarse o recoñecemento de investigadores/as vinculados/as con dedicación parcial cando a súa contribución sexa determinante para a incorporación de capacidades disciplinares de interese para o desenvolvemento do Instituto e a súa Axenda Científica.
e) Os/as investigadores/as que soliciten o ingreso no ICE deberán poñelo en coñecemento do seu Departamento, que deberá informar favorablemente ou non da correspondente vinculación. O informe, que non será vinculante, deberá ser considerado no correspondente proceso de vinculación formal.
f) A desvinculación do Persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela ao ICE será aprobada pola Xunta de Goberno e terá causa nalgunha das seguintes situacións:
1.- A instancias do Consello Científico do Instituto, da Comisión Asesora Externa e/ou do/a director/a do Instituto.
2.- A instancias do/a interesado/a, por calquera causa, cun preaviso de 9 meses.
Artigo 7.-
Dereitos e obrigas dos/as investigadores/as
a) Os/as investigadores/as do ICE terán aqueles dereitos e obrigas que lles correspondan, de ser o caso, como membros dos órganos colexiados do Instituto.
b) Todos os/as investigadores/as do ICE terán dereito ao uso das instalacións, material e servizos propios do mesmo, de acordo coa regulación que do seu uso se estableza no Consello Científico do ICE.
c) Os/as investigadores/as pertencentes ao ICE teñen o deber de acudir no seu nome, individualmente ou por grupos, a cantas convocatorias de axudas consideren que están en condicións de solicitar, no marco dos programas científicos do Instituto.
d) Os/as investigadores/as estarán obrigados/as a consignar claramente nas súas publicacións e comunicacións científicas a súa pertenza ao ICE.
Artigo 8.-
Co fin de asegurar a solvencia científica, requerida pola USC, o ICE contará coa figura do Investigador/a Garante, investigador/a da USC, vinculado/a formalmente ao ICE que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avala e garante o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Instituto. O/a Investigador/a Garante deberá cumprir as seguintes características curriculares:
a) Posuír unha traxectoria científica acreditada no ámbito de actuación do ICE. A efectos deste Regulamento, medirase sobre a base do impacto normalizado das publicacións científicas que será igual ou superior á media nacional na área de coñecemento correspondente. Adicionalmente, acreditará a posesión de, polo menos, dous sexenios da actividade investigadora ou méritos equivalentes a xuízo da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno, estando activo o último tramo avaliado.
b) Ter sido investigador/a responsable de proxectos de investigación internacionais, do Programa Marco da Unión Europea ou dos Plans Nacionais e Estatais de I+D+i da Administración Xeral do Estado, seleccionados mediante concorrencia competitiva nos últimos catro anos. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.
TÍTULO III: DOS ÓRGANOS DE GOBERNO
Artigo 9.-
O ICE terá órganos de goberno colexiados e unipersoais. Os órganos colexiados son a Xunta de Goberno e o Consello Científico. Os órganos unipersoais son o/a director/a e o/a secretario/a.
Artigo 10.-
A Xunta de Goberno estará integrada por:
a) O/a Reitor ou Reitora da Universidade de Santiago de Compostela, ou o/a Vicerreitor/a en que delegue, que a presidirá e a convocará.
b) O/a Vicerreitor /a con competencias en materia de investigación da USC, que poderá actuar como vicepresidente/a.
c) Un/unha vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado/a polo/a Reitor ou Reitora.
d) Un/unha vogal en representación do Consello Social da USC.
e) Os/as representantes de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do Instituto.
f) O Director ou a Directora do ICE.
g) O Secretario ou a Secretaria do ICE, que o será tamén da Xunta de Goberno.
Os membros universitarios/as deberán constituír sempre a maioría da Xunta de Goberno.
Artigo 11.-
As funcións da Xunta de Goberno son:
a) Aprobar a elección do/a director/a do Instituto tras a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, propoñerlle a súa remoción ao Reitor ou Reitora da USC, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.
b) Aprobar a proposta de orzamento e a programación do Instituto.
c) Aprobar a memoria anual de actividades e a memoria económica, da que se lle dará conta ao Consello de Goberno da USC.
d) A promoción do financiamento e a dotación do Instituto.
e) A proposta ao Consello de Goberno da USC da incorporación á Xunta de Goberno do Instituto de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas.
f) A proposta ao Consello de Goberno da USC da modificación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto.
Artigo 12.-
As sesións da Xunta de Goberno do ICE serán:
a) Ordinarias, cun mínimo de unha ó ano, convocada polo/a presidente/a, que fixará a orde do día, asistido polo/a secretario/a.
b) Extraordinarias, sempre que se considere necesario, a iniciativa do/a presidente/a, do/a director/a do Instituto, ou a pedimento da metade mais un dos seus membros.
Artigo 13.-
Na orde do día das sesións ordinarias teñen que figurar como puntos a aprobación da acta ou actas anteriores, así como os asuntos de trámite, rogos e preguntas. A convocatoria, coa orde do día da sesión ordinaria ten que estar en poder dos membros da Xunta de Goberno cunha antelación mínima de catro días hábiles, prazo no que tamén deberá estar ó seu dispor a documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da mesma.
Artigo 14.-
Poderán presentarse propostas de inclusión ou modificación de puntos da orde do día se están presentes todos os membros da Xunta de Goberno e a decisión se adoita por maioría.
Artigo 15.-
As sesións da Xunta de Goberno quedan constituídas validamente en primeira convocatoria ó estaren presentes a metade mais un dos seus membros e, en segunda, cun terzo dos seus membros.
Artigo 16.-
O Consello Científico estará composto por:
a) O/a director/a do ICE, que o presidirá e convocará.
b) O/a secretario/a do ICE, que o será tamén do Consello Científico.
c) Unha representación de 7 investigadores/as doutores/as vinculados/as ao ICE dos que como mínimo 2, se procede, serán investigadores/as garantes.
d) Unha representación de investigadores/as non permanentes e en formación vinculados/as ao ICE, equivalente ao 15% do total do Consello Científico.
Artigo 17.-
Son funcións do Consello Científico:
a) A proposta á Xunta de Goberno da persoa que exerza a dirección do Instituto.
b) A aprobación do ingreso de novos membros do persoal científico do Instituto, e o seu cesamento. O acordo correspondente deberá contar co informe previo da Comisión Asesora Externa e deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Instituto.
c) A información das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do Instituto.
d) A programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do instituto e a vixilancia da súa realización.
e) A información dos contratos do Instituto ou do seu Persoal Docente e Investigador.
Artigo 18.-
As sesións do Consello Científico do ICE serán:
a) Ordinarias, cun mínimo dúas ó ano, convocadas polo/a director/a, que fixará a orde do día, asistido/a polo/a secretario/a.
b) Extraordinarias, sempre que o requira o cumprimento dalgunha das súas funcións, por iniciativa propia do/a director/a ou a petición do 25% dos seus membros. Serán convocadas polo/a director/a, e incluirán na orde do día os puntos propostos por quen solicite a convocatoria.
Artigo 19.-
As reunións celebraranse na sede do ICE, agás no caso de que, por razón xustificada, o/a convocante da reunión acorde un lugar diferente. Na orde do día das sesións ordinarias teñen que figurar como puntos a aprobación da acta ou actas anteriores, así como os asuntos de trámite, rogos e preguntas, e tamén aqueloutros solicitados polo 25% dos seus membros. A convocatoria, coa orde do día da sesión ordinaria, ten que estar en poder dos membros do Consello Científico cunha antelación mínima de catro días hábiles, prazo no que tamén deberá estar ó seu dispor a documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da convocatoria.
Artigo 20.-
Poderán presentarse propostas de inclusión ou modificación de puntos da orde do día, se están presentes todos os membros do Consello Científico e a decisión se adoita por maioría.
Artigo 21.-
As sesións do Consello Científico quedan constituídas validamente en primeira convocatoria ó estaren presentes a metade mais un dos seus membros e, en segunda, cun terzo dos seus membros. Os acordos poderanse tomar por maioría simple dos membros presentes mediante votación a man alzada ou mediante votación secreta, con carácter excepcional, cando o solicite algún dos seus membros e afecte a persoas concretas. De cada sesión será levantada acta pola secretaria ou polo secretario, actas que estarán depositadas na Secretaría do ICE e quedan a disposición de todos os membros do Consello Científico para a súa consulta dúas semanas despois da celebración da reunión. Os órganos colexiados poden constituír, convocar, celebrar sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia, tal e como o permite a Lei 40/2015 do réxime xurídico do sector público.
Artigo 22.-
A persoa que exerza como Director ou Directora do ICE será elixida entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor/a e vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao ICE; exercerá a representación deste así como as funcións de dirección e xestión ordinaria.
Artigo 23.-
A persoa que exerza a dirección do Instituto será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico.
1. A sesión do Consello Científico na que se elixirá director/a será convocada con carácter extraordinario con ese único punto na orde do día e, para estar validamente constituído, requirirase a metade mais un dos seus membros totais. A elección de director/a requirirá dos votos favorables de cando menos 2/3 dos presentes.
2. O/a director/a será nomeado por catro anos e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos. Tanto a súa elección como o seu cesamento rexerase polo preceptuado para os/as directores/as de Departamento e Institutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 24.-
Correspóndelle ó director/a do ICE:
a) A convocatoria e a presidencia do Consello Científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante o Consello de Goberno da USC.
b) A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.
c) A elaboración das propostas de orzamento e a programación do Instituto.
d) A redacción da memoria de actividades e a memoria económica.
e) A proposta ao Reitor ou Reitora para o nomeamento da persoa que exerza como secretario/a.
f) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.
Artigo 25.-
A persoa que exerza como Secretario/a do ICE é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Instituto e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do Instituto. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o/a director/a de acordo coa lexislación vixente e os Estatutos da USC.
Artigo 26.-
O/a secretario/a será nomeado/a polo Reitor ou Reitora, logo da proposta do director/a, de entre o persoal científico do ICE que reúna os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no ICE.
TÍTULO IV: A COMISIÓN ASESORA EXTERNA
Artigo 27.-
A Comisión Asesora Externa será un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no ámbito de actuación do Instituto. Será designada polo Reitor ou Reitora a proposta da Xunta de Goberno do Instituto que establecerá o seu réxime de funcionamento.
Artigo 28.-
A designación dos membros da Comisión Asesora Externa farase por un período de catro anos, renovables.
Artigo 29.-
Serán funcións da Comisión Asesora Externa as seguintes:
a) Asesorar á Xunta de Goberno e ao director/a do Instituto sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Instituto así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.
b) Asistir á dirección e á Xunta de Goberno sobre o seguimento da evolución da investigación e do centro e da transferencia dos resultados da investigación.
c) Avaliar periodicamente a actividade científica dos grupos e dos/as investigadores/as vinculados/as ao Instituto, e emitir os correspondentes informes de valoración.
d) Informar sobre o interese da vinculación de novos/as investigadores/as ao Instituto.
TÍTULO V: DO RÉXIME ECONÓMICO E DOS MEDIOS MATERIAIS
Artigo 30.-
O ICE terá orzamento propio de ingresos e gastos, que se integrará no Orzamento Xeral da USC.
Artigo 31.-
A proposta de distribución do orzamento será elaborada anualmente polo/a director/a e, despois de recibir o informe do Consello Científico, someterase á aprobación da Xunta de Goberno. Cos mesmos requisitos procederase á aprobación da liquidación do orzamento.
Artigo 32.-
Serán ingresos do Instituto:
a) As cantidades que no orzamento da Universidade se lle adscriban anualmente.
b) As cantidades que poidan derivarse de publicacións, así como de calquera servizo a entidades públicas ou privadas, e persoas físicas.
c) As cantidades recibidas en concepto de proxectos, convenios, contratos, infraestrutura e axuda á investigación.
d) As subvencións, doazóns, legados e axudas de todo tipo outorgadas por entidades públicas ou privadas e persoas naturais.
Artigo 33.-
A instrumentación científica e demais medios materiais adquiridos polo ICE e os seus investigadores estarán inventariados no ICE, formando parte do patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela. Existirá un inventario sempre actualizado de tódolos medios dispoñibles.
TÍTULO VI: DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 34.-
As propostas de modificación do presente Regulamento compétenlle á Xunta de Goberno do ICE, sempre de acordo cos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 35.-
Calquera proposta de modificación do Regulamento deberá constar na orde do día da convocatoria da sesión da Xunta de Goberno do ICE, e expresarase nela mesma o artigo ou artigos que se propón reformar.
Artigo 36.-
A proposta de modificación deberá ir avalada por 1/3 dos membros da Xunta de Goberno, e requirirá unha maioría de 2/3 dos membros para a súa aprobación.
Artigo 37.-
A reforma aprobada pola Xunta de Goberno do ICE deberá ser presentada á Xunta de Goberno da Universidade para a súa ratificación.
Disposición transitoria
A adaptación deste Regulamento seguirá o previsto na disposición transitoria do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, aprobado polo Consello de Goberno da Universidade na sesión ordinaria celebrada o 31 de xaneiro de 2018.
1.- Tras a aprobación do regulamento, os órganos colexiados (Xunta de Goberno e Consello Científico) así como o Director/a e o Secretario/a seguiran desenvolvendo a súa función ata a constitución dos novos órganos colexiados e o nomeamento da Director /a.
2.- Unha vez que este Regulamento entre en vigor, iniciarase o proceso de avaliación/adscrición/desadscrición de investigadores ao Instituto baixo a supervisión e asesoramento da Comisión Asesora Externa.
3.- Rematado o proceso de adscrición/desadscrición, elaborarase o censo de investigadores e persoal asociado ao centro.
4.- Concluído o procedemento de conformación do novo censo do Instituto, constituiranse os novos órganos e procederase a designar ao novo Director ou Directora
Disposición final
O presente Regulamento entrará en vigor coa publicación no taboleiro electrónico da USC logo da ratificación polo Consello de Goberno da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.