Regulamento de Réxime Interno do Instituto Mixto de Ciencias Forenses Luís Concheiro
NORMA CONSOLIDADA
O Instituto Universitario de Medicina legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), hoxe denominado Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, foi creado como instituto mixto polo decreto 247/1992, do 30 de xullo logo do Convenio de Cooperación entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para a promoción deste Instituto, asinado o 31 de xullo de 1992.
Este convenio establecía como finalidades do Instituto a cooperación e o desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo das Ciencias Forenses, a realización de actividades docentes e de formación no campo da Medicina legal, así como actividades de asesoramento técnico á Administración de Xustiza.
A colaboración entre ambas institucións mantense ao longo do tempo incluso con posterioridade a que a Xunta de Galicia por Decreto 119/2005, de 6 de maio, crease o Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA). No decreto de creación do IMELGA sinalase que dos servizos que segundo o Real Decreto 386/1996, de 1 de marzo polo que se aproba o regulamento dos Institutos de Medicina legal deben prestar os institutos, o de Laboratorio forense se realice mediante convenios ou outros instrumentos entre a Consellería competente e o Instituto de Ciencias Forenses da USC.
A modificación normativa introducida polo Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de investigación da USC, aprobado polo Consello de Goberno de 18 de outubro de 2017, modificado o 31 de xaneiro de 2018) esixe adecuación á mesma do regulamento do Instituto Mixto de Ciencias Forenses "Luis Concheiro" da USC (INCIFOR)
TÍTULO PRELIMINAR
Art. 1.-
O Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro en diante INCIFOR- é un instituto de carácter mixto, USC-Xunta de Galicia, para a realización de actividades periciais, de investigación e docencia de Posgrao no ámbito das Ciencias Forenses.
Art. 2.-
Sen prexuízo da aplicación das normas xerais de carácter administrativo o INCIFOR rexérase no que lle sexa de aplicación por:
a. A lexislación Universitaria e, en particular, os Estatutos da USC, na que se inclúe a normativa de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, aprobada polo Consello de Goberno da USC con data 18 outubro 2017, e modificada o 31 de xaneiro de 2018.
b. A lexislación sobre institutos de medicina legal, a Lei orgánica do Poder Xudicial e demais normativa sectorial de aplicación.
c. O presente Regulamento.
TÍTULO I
CAPITULO I .-Da Organización
Art. 3.-
O INCIFOR estruturase organicamente na Xunta de Goberno e o Consello Científico, como órganos colexiados e no Director e o Secretario como órganos unipersoais.
O INCIFOR a efectos de funcionamento operativo estruturase en UNIDADES CIENTIFICO TÉCNICAS, concretamente.
- Unidade de Toxicoloxía Forense
- Unidade de Toxicoloxía Clínica
- Unidade de Xenética Forense
- Unidade de Patoloxía Forense
CAPITULO II.- Persoal do Instituto
Art. 5.-
O persoal do INCIFOR estará integrado por:
a) Investigadores vinculados. O persoal docente e Investigador das Áreas de Medicina Legal e Toxicoloxía, que realicen labores de docencia, investigación e pericia en Ciencias Forenses,
b) Investigadores non permanentes. O persoal contratado por convenios ou proxectos do propio Instituto.
c) O persoal de administración e servizos da Universidade que, de ser o caso, se adscriba ao Instituto na relación dos postos de traballo da USC.
d) O persoal docente e Investigador doutras áreas da Universidade o Institucións que o soliciten e sexa aceptado pola Xunta de Goberno a proposta do Consello Científico.
e) Investigadores en formación. Persoal matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou co dirección dun/dunha investigador/a vinculado/a ao INCIFOR.
f) Complementariamente, o INCIFOR poderá recoñecer investigadores colaboradores, entendendo como persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do INCIFOR con experiencia acreditada en investigación en Ciencias Forenses.
g) Co obxectivo de asegurar a solvencia científica na definición dos institutos de investigación contemplados neste Regulamento, e a efectos da mesma, a USC establece a figura de Investigador/a Garante como aquel/a investigador/a da USC, vinculado/a formalmente ao Instituto, que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica establecidos nesta normativa, avala e garante o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Instituto. Aos efectos deste Regulamento enténdese que os/as Investigadores/as Garantes deben cumprir as seguintes características curriculares:
1.-Posuír unha traxectoria científica acreditada no ámbito de actuación do Instituto. A efectos deste Regulamento medirase sobre a base do impacto normalizado das publicacións científicas que será igual ou superior á media nacional na área de coñecemento correspondente. Adicionalmente, acreditarán a posesión de, polo menos, dous sexenios da actividade investigadora ou méritos equivalentes a xuízo da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno estando activo o último tramo avaliado.
2.-Ter sido investigador/a responsable de proxectos de investigación internacionais, do Programa Marco da Unión Europea ou dos Plans Nacionais e Estatais de I+D+I da Administración Xeral do Estado, seleccionados mediante concorrencia competitiva nos últimos 4 anos. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.
5.1 Vinculación.
A vinculación formal dos/as investigadores/as membros ao INCIFOR realizarase necesariamente en base a criterios e méritos de investigación e realización de pericia dentro do campo das Ciencias Forenses de acordo coa idoneidade cos fins do INCIFOR.
O Consello Científico do INCIFOR, despois da valoración da solicitude de ingreso no Instituto, decidirá sobre o ingreso de novos membros do INCIFOR. A vinculación a este será por un período mínimo de catro anos a excepción dos investigadores non permanentes, investigadores en formación, e os colaboradores, que o serán mentres non rematen a súa condición como tal.
Os/as investigadores/as, ademais de estar adscritos/as ao Departamento, poderán vincularse formalmente a un único Instituto, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán vinculadas ao Instituto. Esta circunstancia non deberá representar un impedimento para que a actividade do persoal investigador vinculado e a súa filiación se faga visible complementariamente a través da organización académica – Departamento ou Centro no que está adscrito –. Excepcionalmente, poderá considerarse o recoñecemento de Investigadores/as vinculados/as a un Instituto con dedicación parcial cando a súa contribución sexa determinante para a incorporación de capacidades disciplinares de interese para o desenvolvemento do Instituto e a súa Axenda Científica.
A vinculación do persoal do INCIFOR implicara o compromiso de aceptación das normas recollidas no regulamento interno.
5.2. Desvinculación.
A condición de persoal científico do Instituto perderase por:
a) A instancias do Consello Científico do Instituto, da Comisión Asesora Externa e /ou do/a Director/a do Instituto.
b) A instancias da persoa interesada, por calquera causa, unha vez transcorrido o prazo mínimo de vinculación, con un preaviso de catro meses, presentada diante o director/a, quen dará conta da mesma aos órganos colexiados do Instituto.
Renuncia, que se deberá presentar ao/á director/a, quen dará conta da mesma ao Consello Científico e á Xunta de Goberno.
c) Acordo razoado adoptado polos membros do Consello Científico que será ratificado pola Xunta de Goberno. Na adopción do acordo do Consello Científico terase en conta o informe do Director/a ou escrito motivado presentado por calquera membro do Instituto diante o/a director/a solicitando a baixa de outro membro e a audiencia do afectado.
CAPITULO III.- Da Xunta de Goberno
Art. 6.-
A Xunta de Goberno do Instituto está formada por:
- O/a Reitor/a da Universidade de Santiago de Compostela, ou vicerreitor/a en quen delegue, que a presidirá e a convocará.
- O/A vicerreitor/a con competencias en materia de investigación da USC.
- Os representantes de Xunta de Galicia no Instituto,
a. Conselleiro con competencias en materia de xustiza, ou persoa en quen delegue.
b. Director/a xeral de xustiza, ou persoa en que delegue.
- O/a Director/a do Instituto.
- O/a Secretario/a do Instituto que tamén o será da Xunta de Goberno e que actuará con voz pero sen voto nas sesións da xunta das que levantará acta.
- Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo/a Reitor/a.
- Un vogal en representación do Consello Social da USC, nomeado polo/a reitor/a.
Art. 7.-
Serán funcións da Xunta de Goberno:
a) Propor ao reitor o nomeamento do/a Director/a do Instituto trala proposta do Consello Científico e, no seu caso, a súa remoción adoptada por maioría absoluta dos seus membros.
b) Aprobar o presuposto anual do Instituto.
c) Aprobar a memoria anual de actividade e económica do Instituto.
d) Promover actividades e convenios con axentes públicos e privados para a axeitada financiación do Instituto.
e) Velar polo cumprimento dos convenios e demais actividades do Instituto.
f) Propoñer ao Consello de Goberno da USC calquera modificación dos Estatutos.
A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez cada curso académico, en sesión extraordinaria a iniciativa do presidente, do/a Director/a do Instituto ou da maioría dos seus membros.
CAPITULO IV.- O Consello Científico
Art. 8.-
O Consello Científico estará integrado por:
• O/a Director/a, que o convocará e o presidirá.
• Os responsables das Unidades.
• Dous representantes dos doutores membros do persoal científico do Instituto que serán elixidos por votación entre os doutores que sexan persoal científico do Instituto.
• Unha representación do persoal investigador non permanente e en formación vinculado ao Instituto equivalente ao 15% do total do Consello Científico.
• Secretario/a do Instituto, que tamén o será do Consello Científico, no que actuará con voz e voto.
O Consello Científico debe reunirse a lo menos una vez cada semestre.
Os acordos do Consello Científico poderanse tomar por maioría simple dos membros presentes mediante votación.
Art. 9.-
Serán funcións do Consello Científico:
a) Propoñer a Xunta de Goberno do Instituto o nomeamento do/a Director/a do Instituto.
b) Aproba-lo ingreso de novos membros do Instituto e, no seu caso, propoñer á Xunta de Goberno a desvinculación de acordo ao establecido no artigo 6.
c) Informa-las propostas de programación, presupostos e memoria económica e de actividades do Instituto e propoñer para a súa aprobación novas actividades.
d) Propoñer á dirección a distribución do presuposto anual do Instituto.
e) Propoñer proxectos de investigación, convenios e docencia do Instituto.
f) A información dos contratos do instituto ou do seu profesorado.
g) Asesorar ao director no exercicio das súas funcións.
h) Velar polo cumprimento dos convenios establecidos con outras Entidades.
CAPITULO V.- Director/a do Instituto
Art. 10.-
A persoa que exerza a dirección do Instituto será elixida entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor e vinculación permanente á universidade e vinculación formal ao Instituto; exercerá a representación deste así como as funcións de dirección e xestión ordinaria.
A persoa que exerza a dirección do Instituto será designado pola Xunta de Goberno tras a proposta do Consello Científico.
O mandato de Director/a será de catro anos, podendo ser reelixido/a para un segundo mandato de igual duración máxima.
Art. 11.-
Corresponde ao Director/a do Instituto:
a) Convocar e presidir as reunións do Consello Científico, executar os seus acordos e representalo diante a Xunta de Goberno.
b) Representar ao Instituto no ámbito da súa competencia.
c) Elaborar as propostas de programación do Instituto.
d) Elaborar a proposta de presuposto do Instituto.
e) Designar aos Xefes de Unidade e exercer a dirección funcional do persoal do Instituto.
f) A proposta ao Reitor da persoa que exerza como secretario/a. ao Secretario/a do Instituto.
g) Organizar e coordinar as Unidades para que se cumpran os obxectivos do Instituto.
h) Autorizar os gastos dentro das previsións do Presuposto.
Art. 12.-
O/a Director/a será asistido nas súas funcións por un/unha Secretario/a.
CAPITULO VI.- O SECRETARIO/A
Art. 13.-
O/a Secretario/a será nomeado polo Reitor, logo da proposta do/a Director/a, de entre o persoal científico do Instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no Instituto.
Corresponde a persoa que exerza a secretaría do Instituto as seguintes funcións:
a) As inherentes á de Secretario da Xunta de Goberno e do Consello Científico
b) Levantar actas e certificar os acordos de ditos órganos.
c) A custodia e arquivo da documentación do Instituto.
d) Auxiliar ao director/a nas súas funcións.
Art. 14.-
Á fronte de cada Unidade funcional do INSTITUTO haberá un responsable que deberá ser doutor pertencente ao Instituto e a súa designación será efectuada polo/a director/a.
CAPITULO VII.- A COMISIÓN ASESORA EXTERNA
Art. 15.-
A Comisión Asesora Externa será un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no ámbito de actuación do Instituto. Será designada polo Reitor a proposta da Xunta de Goberno do Instituto que establecerá o seu réxime de funcionamento.
A designación dos membros da Comisión Asesora Externa farase por un período de catro anos, renovables.
Serán funcións da Comisión Asesora Externa as seguintes:
a) Asesorar á Xunta de Goberno e ao Director/a do Instituto sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Instituto así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.
b) Asistir á dirección e á Xunta de Goberno sobre o seguimento da evolución da investigación e do centro e da transferencia dos resultados da investigación.
c) Avaliar periodicamente a actividade científica dos grupos dos investigadores vinculados ao Instituto, e emitir os correspondentes informes de valoración.
d) Informar sobre o interese da vinculación de novos investigadores ao Instituto.
TÍTULO II - Dos obxectivos
Art. 16.-
Son funcións do Instituto:
a) O Desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo das Ciencias Forenses.
b) A realización de actividades docentes nos estudos de posgrao e de formación continua no ámbito das Ciencias Forenses.
c) A realización de actividades periciais que se soliciten ao instituto por encargo de calquera persoa física ou xurídica.
d) A realización de actividades periciais que corresponden as funcións de servizo de laboratorio forense, contemplado no artigo 11.3 do Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG de 18 de maio de 2005).
e) Para o desenvolvemento das súas funcións, o Instituto poderá concertar con entidades públicas ou privadas aqueles servizos que constitúen o seu obxecto e que se especificarán no oportuno Contrato de Investigación.
Art. 17.-
O persoal vinculado ao Instituto comprométese a citar a súa pertenza a este en todo traballo de investigación ou de divulgación que publiquen.
Art. 18.-
Corresponde aos xefes ou responsables de Unidades a organización e control de cada unidade funcional.
TÍTULO III - Sede e medios materiais
Art. 19.- Sede
O Instituto terá a súa sede nos espazos que actualmente ocupa da Facultade de Medicina vinculada ao “Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría” polo que as instalacións, dotación de instrumentación científica e demais medios materiais das Áreas de Medicina legal e Toxicoloxía poderán ser utilizados polo Instituto para o desenvolvemento das súas funcións. En viceversa todas as instalacións, dotación de instrumentación científica e demais medios materiais do Instituto poderán ser utilizadas polas Áreas de Medicina legal e Toxicoloxía do “Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría”
TÍTULO IV - Do réxime económico
Art. 20.-
O Instituto terá un orzamento de ingresos e gastos que se integrará no Orzamento Xeral da Universidade.
Art. 21.-
O orzamento será elaborado anualmente polo Director/a coas propostas que lle faga chegar o Consello científico e someterase á aprobación da Xunta de Goberno.
Art. 22.-
Constitúen ingresos do Instituto:
a) As cantidades que no presuposto da Universidade se lle adscriban anualmente.
b) A cantidade que aporte a Xunta de Galicia en relación coa función de laboratorio forense do artigo 11.3 do Decreto119/2005, de 6 de marzo.
c) As cantidades derivadas dos convenios e contratos de encargos ao Instituto.
d) As cantidades que puidesen derivarse de peritacións civís, publicacións, proxectos de investigación, patentes e de prestacións de servizos de carácter xenético ou toxicolóxico, así como de calquera outro servizo, a entidades públicas ou privadas e persoas naturais.
e) As subvencións, doazóns, legados e axudas de todo tipo outorgadas por entidades públicas ou privadas e persoas naturais.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.-
A adaptación deste Regulamento seguirá o previsto na disposición transitoria do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, aprobado polo Consello de Goberno da Universidade na sesión ordinaria celebrada o 31 de xaneiro de 2018.
Segunda.-
Unha vez proposta ao/á Reitor/a a designación da Comisión Asesora Externa someterase a aprobación pola Xunta de Goberno do instituto e á ratificación polo Consello de Goberno da USC o novo Regulamento de réxime interno. Tras esta aprobación, os órganos colexiados (Xunta de Goberno e Consello Científico) así como o/a Director/a e o/a Secretario/a seguiran desenvolvendo a súa función ata a constitución dos novos órganos colexiados e o nomeamento do/a Director/a.
2.- Unha vez que este Regulamento entre en vigor, iniciarase o proceso de avaliación/vinculación/desvinculación de investigadores ao Instituto baixo a supervisión e asesoramento da Comisión Asesora Externa. Rematado o proceso de vinculación/desvinculación, elaborarase o censo de investigadores e persoal asociado ao centro.
3.- Concluído o procedemento de conformación do novo censo do Instituto, constituiranse os novos órganos e procederase a designar ao novo/a Director/a.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira.-
Corresponderá a Xunta de Goberno do Instituto a facultade de interpretar o presente Regulamento e ditar as pertinentes normas aclaratorias.
Segunda.-
Este Regulamento poderá ser modificado a iniciativa da Xunta de Goberno, oído o Consello Científico, mediante acordo do Consello de Goberno da Universidade.
Terceira.-
O presente regulamento logo da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.