Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER)
NORMA CONSOLIDADA
TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1. IBADER.
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e un Instituto Mixto Universitario situado no Campus de Lugo e creado polo Decreto 72/2001 da Xunta de Galicia. O IBADER está conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a través das Consellerías competentes en materia de Medio Rural, (Agricultura, Gandería e Montes), así como a Consellería competente en Medio Ambiente (Biodiversidade, Patrimonio Natural, Espazos Naturais).
Artigo 2. Obxectivos.
Os obxectivos e liñas de actuación do IBADER están establecidos no artigo 1 do Decreto 72/2001, así como nos correspondentes Plans de Acción do Instituto. Como obxectivos fundamentais do IBADER establécense:
1.- Estudo, desenvolvemento e implementación de novas posibilidades e modelos para o Medio Ambiente e o Medio Rural na Comunidade Autónoma de Galicia, no contexto da Rexión Atlántica Europea, conforme aos acordos e programas internacionais, e ás prioridades establecidas pola Unión Europea, o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.
2.- Colaborar con outros centros de investigación, e entidades públicas e privadas, no desenvolvemento de actividades de I+D+i, así como en actividades de formación, divulgación e difusión, vinculadas co Medio Ambiente e o Medio Rural.
3.- Ser un foro permanente de encontro, exposición e debate de todas as actividades de interese a favor do campo galego.
Artigo 3. Ámbitos de actuación do IBADER.
Os ámbitos de actuación do IBADER, están recollidos no seu convenio de creación, e no Decreto 72/2001, que foron adaptados no transcurso da elaboración dos distintos Plans de Acción do Instituto. Deste xeito, as actuacións do IBADER vertébranse a través de dúas grandes liñas complementarias e auto-reforzadas:Ambiental e Agrosistemas. Entre ambas, sitúanse os investigadores/as especializados en Economía Sustentable, análise e formulacións que resultan fundamentais na análise e posta en marcha de calquera proposta de ordenación ou xestión do territorio e do espazo rural.
No ámbito Ambiental desenvólvense actividades e actuacións vinculadas coa análise, planificación, ordenación sostible do territorio e dos espazos rurais, da biodiversidade, o patrimonio natural e os espazos protexidos. Así como as relativas ás repercusións do cambio global e do cambio climático sobre estes compoñentes. No ámbito dos Agrosistemas desenvólvense aquelas actuacións vinculadas cos sistemas tradicionais e sostibles de explotación agrícola, gandeira, forestal e silvopastoral. Con especial relevancia na agroecoloxía, a xestión dos solos e augas, a valorización e mellora dos recursos agrícolas e gandeiros, e a valorización dos residuos e a economía sustentable.
Artigo 4.
O desenvolvemento dos obxectivos do instituto materializarase a través de:
1. Actividades de I+D+i derivadas de accións competitivas, así como con contratos e convenios asinados con entidades públicas ou privadas.
2. Asesoramento técnico a entidades públicas ou privadas, especialmente aquelas radicadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A colaboración no desenvolvemento de actividades docentes regradas ou non regradas, acordes coa súa propia normativa.
4. A realización ou colaboración en actividades desenvolvidas por outros centros ou entidades públicas, e especialmente das entidades que forman parte do IBADER.
5. A realización de actividades formativas, informativas e divulgativas a prol do Medio Ambiente e do Medio Rural de Galicia.
Artigo 5.
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural rexerase por:
1. Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades.
2. Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público.
3. Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación.
4. Lei 5/2013, do 30 de maio, de Fomento da Investigación e da Innovación de Galicia
5. Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
6. Decreto 72/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural na Universidade de Santiago de Compostela.
7. Convenio de Colaboración asinado pola USC, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo para a súa creación.
8. Calqueraoutra normativa que lle sexa de aplicación.
9. O presente Regulamento de Réxime Interno.
TÍTULO PRIMEIRO. ORGANIZACIÓN
Artigo 6. Unidades de actuación.
O IBADER estará organizado en 4 unidades de actuación, de acordo coa descrición que figura na cláusula terceira do Convenio da súa creación que poderán articularse en diferentes grupos de traballo en función da especialización e as actividades a desenvolver. As unidades de actuación do IBADER son:
1.- Investigadora: Realización ou participación con outras entidades, en actividades e proxectos de investigación básicos ou aplicados de I+D+i, nos ámbitos de actuación propios do IBADER.
2.- Docente: Dedicada á realización, ou colaboración no desenvolvemento de programas de doutoramento, cursos de posgrao, cursos de formación e divulgación, dentro dos ámbitos de actuación do IBADER.
3.- Servizos: Orientada á prestación de asesoría técnica, nos ámbitos de actuación do IBADER, a entidades públicas ou privadas, así como a persoas físicas que o soliciten. Inclúe ademais a configuración, desenvolvemento, conservación e estudo de coleccións de recursos vexetais integradas no Herbario Lugo.
4.- Difusión: Centrada na elaboración, recompilación, publicación e distribución de traballos e documentación bibliográfica, cartográfica, lexislativa e outras fontes de información dentro dos ámbitos de actuación do instituto, que sexan de interese para este e as entidades públicas non universitarias que o integran.
Artigo 7. Persoal.
O persoal do IBADER estará integrado por:
1.- Persoal investigador.
2.- Persoal de administración e servizos.
Artigo 8. Persoal Investigador.
O persoal investigador do IBADER correspóndese coas seguintes categorías:
1.- Investigadores/as vinculados: Persoal docente e investigador (PDI) doutor da Universidade de Santiago de Compostela vencellados ao Instituto e/ou investigadores/as doutores de outras institucións adscritas á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto.
2.- Investigadoresías non permanentes: Persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou proxectos de investigación desenvolvidos por Investigadores/as vinculados ao IBADER, de acordo co marco laboral e normativo aplicable.
3.- Investigadores/as en formación: Persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou codirección dun investigador/a vinculado ao IBADER.
4.- Investigadores/as colaboradores: Entendido como persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto, ou no mantemento das súas actividades.
Artigo 9. Xunta de Goberno do IBADER.
O IBADER estará rexido por unha Xunta de Goberno, presidida polo Reitor / Reitora da Universidade de Santiago, e composta por:
1. O Reitor / Reitora da USC, ou vicerreitor en que delegue, que a presidirá e a convocará.
2. Dous representantes da Deputación de Lugo, designados polo seu titular.
3. Dous representantes da Consellería da Xunta de Galicia con competencias en Medio Ambiente, designados polo seu titular.
4. Dous representantes da Consellería da Xunta de Galicia con competencias en Medio Rural, designados polo seu titular.
5. Un Vicerreitor / Vicerreitora con competencias en materia de investigación da USC .
6. Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo Reitor.
7. Un vogal en representación do Consello Social da USC, nomeado por este.
8. Seis investigadores/as adscritos elixidos polo Consello Científico do IBADER, en representación dos distintos ámbitos de actuación do IBADER elixidos polo Comité Científico por períodos de 4 anos renovables.
9. O Director / Directora do IBADER.
10. O Secretario / Secretaria do IBADER que actuará como secretario/a da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.
Artigo 10. Funcións da Xunta de Goberno.
Serán funcións da Xunta de Goberno do IBADER:
1. Aprobar a elección do Director / Directora do Instituto tras a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, propoñerlle a súa remoción ao Reitor / Reitora da USC, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.
2. Aprobar a proposta de orzamento e a programación do Instituto.
3. A aprobación da memoria anual de actividades e a memoria económica, da que se lle dará conta ao Consello de Goberno da USC.
4. A promoción do financiamento e a dotación do Instituto.
5. A proposta ao Consello de Goberno da USC da incorporación á Xunta de Goberno do Instituto de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas que forman partes deste.
6. Nomear a Comisión Asesora Externa, a proposta do Consello Científico, establecer o seu funcionamento, e designar a persoa que a presida.
7. A proposta ao Consello de Goberno da USC da modificación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto.
Artigo 11. Consello Científico.
O IBADER terá un Consello Científico formado por:
1.- O Director/ Directora do Instituto que o convocará e o presidirá.
2.- O Secretario / Secretaria do Instituto.
3.- Os investigadores/as vinculados.
4.- Unha representación do persoal investigador non permanente, equivalente ao 5% do total do Consello Científico.
5.- Unha representación do persoal investigador en formación vinculado ao Instituto equivalente ao 5% do total do Consello Científico.
6.- Un representante do persoal colaborador.
O Consello Científico do IBADER reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en período lectivo, e tantas outras como considere oportuno o/a Director/Directora, ou a pedimento dun 25% dos seus membros. A convocatoria farase cunha antelación mínima de dous días lectivos. As decisión tomaranse por maioría simple dos membros presentes, correspondendo o Director/Directora o voto de calidade no caso de empate.
Artigo 12. Funcións do Consello Científico.
Son funcións do Consello Científico:
1.- A proposta á Xunta de Goberno do IBADER da persoa que exerza a dirección do Instituto.
2.- A aprobación inicial do ingreso de novos membros do persoal científico do Instituto, e o seu cesamento. O acordo correspondente deberá contar co informe previo da Comisión Asesora Externa e deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do IBADER.
3.- En coordinación co Director/Directora do IBADER, a programación e organización das actividades mediante a configuración de grupos de traballo que desenvolvan as accións que poida realizar o IBADER. Así como as memorias de actividades e orzamentos.
4.- Elaboración do Plan Estratéxico do IBADER.
5.- Aquelas outras, que non quedando especificadas, como funcións da Xunta de Goberno ou do Consello Científico, sexan necesarias para velar polo cumprimento dos obxectivos sinalados no Decreto de creación do IBADER.
Artigo 13. Comisión Permanente
A Comisión Permanente é o órgano ordinario de Goberno do IBADER que garante a axilidade das súas actuacións. Estará composta polo/a Director/Directora, que a presidirá e convocará o Secretario/Secretaria do Consello Científico, que tamén o será da mesma. 4 representantes dos Investigadores/as Vinculados do IBADER (en representación dos distintos ámbitos de actuación do IBADER), 1 representante dos Investigadores/as non Permanentes, 1 representante dos Investigadores/as en Formación e 1 representante dos Investigadores/as Colaboradores, que serán elixidos polo seu respectivo sector dentro do Instituto.
A Comisión Permanente reunirase polo menos dúas veces por curso, e tantas outras como considere oportuno o/a Director/a, ou a pedimento dun 25% dos seus membros. A convocatoria farase cunha antelación mínima de dous días lectivos. As decisión tomaranse por maioría simple dos membros presentes, correspondendo o Director/a o voto de calidade no caso de empates
Artigo 14. Funcións da Comisión Permanente.
1.- Comisión Permanente será competente para:
a) Coñecer e decidir sobre calquera asunto que sexa competencia do Consello Científico e non estea reservado expresamente a este.
b) Adoptar acordos sobre os asuntos que lle fosen delegados polo Consello Científico.
c) Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite, que serán definidos polo Consello Científico.
d) Aprobar solicitudes de accións de mellora tanto de infraestruturas como de actividades en base as distintas convocatorias.
e) Coñecer de cantas cuestións sexan sometidas polo Director / Directora á súa consideración no exercicio das súas funcións.
2.- Informe de acordos
O Secretario/a do IBADER informará ao Consello Científico, na primeira sesión que este celebre con posterioridade á última reunión celebrada pola Comisión Permanente, de tódalas actuacións da Comisión, agás as decisións en asuntos de trámite
Artigo 15. Director / Directora.
A persoa que exerza a dirección do IBADER será elixida entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor con vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao Instituto; exercerá a representación deste así como as funcións de dirección e xestión ordinaria.
O nomeamento do Director / Directora será por un período de catro anos, renovable, de acordo coa normativa da USC.
Artigo 16. Funcións do Director / Directora.
Correspóndelle ao Director / Directora do IBADER:
1.- A convocatoria e a presidencia do Consello Científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante a Xunta de Goberno do IBADER.
2.- A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.
3.- A elaboración das propostas de orzamento e a programación do Instituto en coordinación co Consello Científico. Así como a redacción da memoria de actividades e a memoria económica.
5.- A proposta ao Reitor para o nomeamento da persoa que exerza como secretario.
6.- A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.
Artigo 17. Secretario / Secretaria do IBADER.
O Director / Directora do IBADER estará asistido por un Secretario ou Secretaria.
A persoa que exerza de Secretario / Secretaria do IBADER será membro do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor con vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao Instituto.
O Secretario / Secretaria do IBADER é quen da fe dos actos e acordos dos órganos de goberno do instituto, tendo encomendada a custodia das actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do mesmo. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o Director / Directora de acordo coa a lexislación vixente e os Estatutos da Universidade de Santiago.
O Secretario / Secretaria será nomeado polo Reitor, logo da proposta do Director / Directora do IBADER.
Artigo 18. Funcións do Secretario / Secretaria.
Son funcións do Secretario / Secretaria do IBADER:
1.- Redactar as actas das sesións do Xunta de Goberno, Consello Científico e da Comisión Permanente.
2.- Expedir certificados no ámbito da súa competencia.
3.- Custodiar o arquivo e a documentación do instituto.
Artigo 19. Comisión Asesora Externa.
A Comisión Asesora Externa do IBADER é un órgano asesor integrado por 5 científico/as de recoñecido prestixio nos distintos ámbitos de actuación do Instituto recollidos no artigo 3 do presente Regulamento.
Os cinco membros da Comisión Asesora Externa, xunto con dous suplentes, serán designados polo Reitor a proposta do Consello Científico e ratificada pola Xunta de Goberno do IBADER. A designación dos membros da Comisión Asesora Externa farase por un período de catro anos, renovables.
A presidencia da Comisión Asesora Externa correspondera ao membro da comisión que se estableza na proposta aprobada pola Xunta de Goberno.
Artigo 20. Funcións da Comisión Asesora Externa.
Serán funcións da Comisión Asesora Externa as seguintes:
1. Asesorar á Xunta de Goberno e ao Director /Directora do Instituto sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Instituto así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.
2. Asistir á dirección e á Xunta de Goberno sobre o seguimento da evolución da investigación e do centro e da transferencia dos resultados da investigación.
3. Avaliar periodicamente a actividade científica dos grupos dos investigadores/as vinculados ao Instituto, e emitir os correspondentes informes de valoración.
4. Informar sobre o interese da vinculación de novos investigadores ao Instituto.
Artigo 21. Incorporación de Investigadores/as Vinculados.
A incorporación ao IBADER dos investigadores/as vinculados realizarase en base a criterios e méritos de investigación e idoneidade cos obxectivos e ámbitos da actuación establecidos no IBADER, propiciando a incorporación de novos grupos e liñas de traballo.
O proceso de vinculación formal realizarase cada 2 anos, sempre que existan candidatos. O persoal que desexe incorporarse como investigador/a vinculado deberá solicitar a súa admisión na Secretaria do IBADER, aportando un Curriculum Vitae, no que se resaltará a adecuación da súa actividade en relación con algúns dos ámbitos de actuación do IBADER establecidos no artigo 3 do presente regulamento, e as propostas que se pretenden desenvolver de ser aceptada a súa incorporación.
Xunto co Curriculum Vitae e a proposta de actividades a desenvolver, achegarase un compromiso de vinculación que será como mínimo de 3 anos.
Os investigadores/as que soliciten o ingreso no IBADER deberán poñelo en coñecemento do seu Departamento, que deberá informar favorablemente ou non da correspondente vinculación. O informe, que non será vinculante, deberá ser considerado no correspondente proceso de vinculación formal.
Os investigadores/as vinculados ao IBADER no poderán formar parte como investigadores/as de outros Institutos Universitarios de Investigación, Centros Singulares ou Centros Propios dá Universidade de Santiago.
Artigo 22. Criterios de Avaliación.
A Comisión Asesora Externa do IBADER avaliará periodicamente as novas peticións de incorporación de investigadores/as vinculados, acorde cos obxectivos e ámbitos de actuación do IBADER, tendo en conta polo menos os seguintes criterios:
1. Recoñecemento de méritos por actividade investigadora, Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI), ou pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
2. Traxectoria investigadora e docente realizada, coherente cos ámbitos de actuación establecidos no IBADER.
3. Dirección ou participación en proxectos de I+D+i de convocatorias públicas.
4. Dirección ou participación en contratos ou convenios con entidades públicas ou privadas, especialmente de aquelas integradas nas liñas nos ambitos de actuacion do IBADER.
5. Publicacións científico-técnicas.
6. Dirección de Teses de Doutoramento e traballos academicamente dirixidos.
7. Actividades de Difusión vencelladas cos obxectivos do IBADER.
8. Patentes.
9. Participación en Comités Consultivos ou Comités Asesores.
10. Experiencia en cargos de xestión universitaria vencellados coa I+D+i.
11. Colaboración científico-técnica coas entidades que forman parte do IBADER.
Artigo 23. Avaliación.
Cada 4 anos, a Comisión Asesora Externa do IBADER, procederá a avaliar a actividade desenvolvida polos investigadores/as vinculados. Esta avaliación realizarase atendendo a:
1. Curriculum vitae, acorde cos criterios establecidos no artigo anterior.
2. Actividades de I+D+i promovidas e desenvolvidas no IBADER.
3. Presencia e participación en órganos de Goberno do IBADER.
4. Presencia e participación nas actividades e grupos de traballo do IBADER.
5. Grado de cumprimento dos obxectivos do Plan Estratéxico.
No proceso de avaliación, a Comisión Asesora Externa entrevistarase cos representantes do Consello Científico do IBADER, quen lle presentará os datos e a documentación que requira para o proceso de avaliación. O resultado da avaliación efectuada será presentado ao Consello Científico e a Xunta de Goberno do IBADER.
A Comisión Asesora Externa poderá formular, de ser necesario, pautas ou recomendacións para orientar ou mellorar a actividades desenvolvidas polos investigadores/as vinculados, así como para mellorar o funcionamento dos distintos ámbitos de actuación do IBADER.
De ser necesario, a Comisión Asesora Externa poderá formular de forma motivada a desvinculación dos investigadores/as vinculados que incumpran de forma reiterada e inxustificada, as pautas ou recomendacións derivadas do propio proceso de avaliación.
Artigo 24. Incorporación de investigadores/as non vinculados.
A incorporación de investigadores/as non permanentes realizarase previa solicitude ao Consello Científico da persoa interesada, co acordo expreso do investigador/a vinculado responsable da actividade de investigación en que se atope contratado.
A incorporación de investigadores/as en formación realizarase previa solicitude ao Consello Científico da persoa interesada, co acordo expreso do investigador/a vinculado responsable da actividade de investigación en que se atope contratado.
A incorporación de investigadores/as colaboradores realizarase previa solicitude ao Consello Científico da persoa interesada, incluíndo un Curriculum Vitae, que contemple os aspectos referidos no artigo 22 deste regulamento.
As incorporacións de persoal non permanente, persoal en formación e investigadores/as colaboradores será realizada polo Consello Científico. O persoal investigador non permanente e o persoal en formación adscrito ao IBADER finalizará a súa relación co Instituto no momento de concluír ben a súa relación contractual, no caso do persoal non permanente, ou ben a súa etapa de doutoramento, no caso do persoal en formación. A vinculación do persoal investigador colaborador realizarase en períodos renovables de 3 anos.
Artigo 25. Desvinculación dos Investigadores/as.
A desvinculación do persoal investigador ao IBADER será aprobada pola Xunta de Goberno do Instituto e xustificarase en algunha das seguintes situacións:
1. A instancias motivadas do Consello Científico do Instituto, ou do Director / Directora.
2. A instancias motivadas da Comisión Asesora Externa acorde co desenvolvemento do proceso de avaliación establecido no artigo 23 do presente Regulamento.
3. A instancias do interesado/da cun aviso previo de 6 meses.
4. Por finalización do prazo establecido na súa vinculación.
No primeiro e sengudo caso, a desvinculación terá que ser motivada e formalizada en relación con, polo menos, de un dos seguintes criterios:
a. Incumprimento reiterado da normativa que regula o IBADER.
b. Ausencia reiterada e non xustificada ás reunións dos órganos de xestión do IBADER.
c. Falta de actividade de I+D+i en relación cos ámbitos de actuación do IBADER, avaliadas acordes cos criterios recollidos nos artigos 22 e 23 do presente Regulamento.
Ao comezo do proceso de desvinculación indicado nos puntos 1 e 2 deste artigo, deberá ser informado do mesmo o Investigador / Investigadora afectada, que poderá solicitar a consulta do expediente, así como interpoñer recurso ante as decisións que poidan tomar os Órganos de Goberno do Instituto acorde coa normativa da USC e a que regula o procedemento administrativo.
TÍTULO SEGUNDO
Artigo 26. Sede.
A sede do IBADER correspóndense co Edificio da Granxa, area de aparcadoiros e zona axardinada, propiedade da Deputación Provincial de Lugo, que foron cedidas para este fin. Na área axardinada do IBADER poderán establecerse coleccións de plantas vivas, e pequenas superficies de ensaios, vinculadas con actuacións e proxectos de investigación, así como cos labores levados a cabo polo Herbario Lugo.
Artigo 27. Instrumentación científica.
A USC permitirá o uso, polo IBADER, da instrumentación científica e demais medios materiais adscritos á Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico e o Servizo Técnico, así como aos laboratorios de investigación dos campus de Lugo e de Santiagode Compostela.
A instrumentación científica do IBADER estará formada por:
1. A adquirida con cargo aos seus presupostos ou aos seus programas de investigación.
2. A cedida polas entidades colaboradoras para o cumprimento dos fins do IBADER.
3. A cedida polos grupos de investigación para o cumprimento dos fins do IBADER.
4. A cedida polas distintas entidades públicas ou privadas.
5. No seu caso, a cedida en depósito pola Universidade de Santiago.
TÍTULO TERCEIRO
Artigo 28. Presuposto.
O IBADER terá un presuposto de ingresos e gastos.
Artigo 29. Aprobación do presuposto.
O presuposto será elaborado anualmente polo seu Director / Directora, e someterase á aprobación do Consello Científico e da Xunta de Goberno do IBADER.
Artigo 30. Ingresos do IBADER.
Serán ingresos do IBADER:
1. A subvención ou aportacións de administracións públicas ou entidades públicas e privadas.
2. Os derivados do rendemento do seu patrimonio.
3. A prestación de servizos.
4. A subvención finalista para proxectos de investigación.
5. A parte correspondente dos prezos por impartición de estudios propios.
6. As doazóns ou aportacións de particulares.
7. As cantidades derivadas de publicacións.
8. As cantidades outorgadas para infraestrutura e axudas á investigación.
9. Calquera outro ingreso admitido legalmente.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
1.-
O Consello de Goberno do IBADER aprobará a Comisión Asesora Externa e remitirá o borrador do novo Regulamento de réxime intemo ao Consello de Goberno da USC para a súa aprobación. Tras esta aprobación, os órganos colectivos (Consello de Goberno, Consello Científico) e unipersonais (Director / Directora, Secretario / Secretaria), do IBADER seguirán desenvolvendo a súa función ata a constitución dos contemplados neste Regulamento.
2.-
Unha vez que este Regulamento entre en vigor, o actual Consello Científico do Instituto en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, abrirá un prazo para a solicitude de ingreso no IBADER dos investigadores/as vinculados. O proceso de avaliación e decisión sobre o seu ingreso desenvolverase de acordo co contemplado neste Regulamento.
3.-
Concluído o proceso de avaliación dos investigadores/as vinculados, o Consello Científico tramitará ante o Consello de Goberno da USC a baixa dos actuais membros que non solicitasen o seu ingreso ou ben daqueles cuxa solicitude fose avaliada negativamente. Abrindo ademais un prazo para a incorporación dos investigadores/as non permanentes, investigadores/as en formación e investigadores/as colaboradores, concluíndo así o proceso de conformación do novo censo de investigadores/as do IBADER en cada unha das categorías, que se elevará a definitivo no momento en que se convoquen a eleccións para a renovación do Consello Científico. Ata esa data o IBADER seguirá contando cos actuais membros.
4.-
No proceso electoral procederase inicialmente a elixir os investigadores/as non permanentes, investigadores/as en formación e investigadores/as colaboradores. Concluído este proceso convocarase a primeira reunión do Consello Científico do IBADER que mediante un proceso electoral procederá á elección do novo Director / Directora, así como á elección dos representantes do Consello Científico na Xunta de Goberno do IBADER. A proposta de elección do novo Director / Directora do IBADER terá que ser ratificada pola Xunta de Goberno. ;
DISPOSICIÓNS FINAIS
1.-
A Xunta de Goberno do IBADER interpretará este regulamento e ditará normas aclaratorias.
2.-
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago poderá modificar o presente regulamento, por iniciativa da Xunta de Goberno do IBADER.
3.-
Este regulamento entrará en vigor ao dia seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.