Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Materiais da USC (iMATUS)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0745
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

PREÁMBULO

No 2016, a Reitoría da USC puxo en marcha un Plan de reestruturación dos seus Institutos de investigación, con tres fases diferenciadas:

1. Unha avaliación previa individualizada dos devanditos Institutos realizada pola Vicerreitoría de investigación.

2. A presentación por parte de cada un dos Institutos dunha proposta de Plan de Actuación.

3. Estudo e avaliación por unha Comisión de avaliación externa da idoneidade e viabilidade dos plans de avaliación, como paso previo a súa implementación.

Na avaliación do Instituto de Cerámica, a Vicerreitoría de investigación recomendou a presentación dun Plan de actuación que incluía a incorporación de novos IPs ao Instituto que permitisen evolucionar a súa axenda científica e a súa actividade cara a un Instituto de Materiais. Posteriormente, o Instituto foi avaliado en dúas fases diferentes, por dúas Comisións de avaliación externas que coincidiron en recomendar a transformación do Instituto de Cerámica nun Instituto de Materiais, propondo as bases dunha axenda científica capaz de albergar a algúns dos grupos de investigación da USC considerados con actividade competitiva neste campo. Ao mesmo tempo, manifestaron o interese que tería para o novo Instituto incorporar a experiencia tecnolóxica e industrial acumulada polo Instituto de Cerámica ao longo dos últimos 30 anos.

A finais de 2018, once dos grupos de investigación da USC que durante o proceso de avaliación referido foron considerados aptos para impulsar o Instituto de Materiais, promoveron a creación da AGRUPACIÓN ESTRATÉXICA DE MATERIAIS (AEMAT), aprobada pola Xunta de Galicia a principios do ano 2019. Aínda que a AEMAT e o novo Instituto de Materiais son entidades diferenciadas, o proxecto e actividade de AEMAT están permitindo definir a axenda científica do Instituto de Materiais, facilitando a súa organización e posta en marcha así como a integración do Instituto de Cerámica nesta nova estrutura.

Como última consideración, o Instituto de Cerámica de Galicia (ICG) foi concibido e posteriormente creado pola Xunta de Galicia en 1991 como Instituto mixto USC-Asociación para o Fomento da Investigación Cerámica en Galicia (AFICEGA). Posteriormente, nos anos 2000 a 2003 asináronse distintos convenios entre a Universidade, AFICEGA e a Consellería de Industria da Xunta de Galicia para potenciar as actividades do Instituto. No marco destes convenios, construíuse o edificio do Instituto de Cerámica de Galicia no Campus Sur da Universidade, financiado pola Consellería, e cunha dotación en instrumentación e equipamento científico-tecnolóxico de primeira orde achegada por AFICEGA. En contrapartida, nestes convenios establécese o uso compartido das instalacións pola USC, a Asociación e as súas empresas.

A transformación do Instituto de Cerámica no novo Instituto de Materiais deberá, pois, respectar os convenios de uso do edificio, da planta piloto anexa ao mesmo e da biblioteca dotada por AFICEGA con máis de 600 volumes, vixentes até 2025.

Finalmente, tras a aprobación polo Consello de Goberno co informe do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, será a Xunta de Galicia a que por decreto do Consello da Xunta segundo o disposto no artigo 19.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia (DOG núm. 125, do 3 de xullo) aprobe o devandito Instituto. A creación do Instituto de Materiais deberá contar tamén co informe favorable do Consello Galego de Universidades.

CAPÍTULO 1: DENOMINACIÓN, NATUREZA, FINS E SEDE

Artigo 1.-

O Instituto de Materiais constitúese como Instituto de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a partir da evolución e transformación do Instituto de Cerámica de Galicia, creado como Instituto mixto dentro do Sistema Universitario de Galicia polo Decreto 274/1991 de 30 de xullo (DOG nº 154 de 13 de agosto de 1991) co obxectivo estratéxico de desenvolver coñecemento de excelencia como base para o progreso e competencia da contorna tecnolóxica no campo dos materiais.

A súa constitución realízase sobre a base do disposto na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, da Lei 6/2013 de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia, dos Estatutos da USC, e do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC.

Artigo 2.-

O Instituto de Materiais, como Instituto propio da USC, depende organicamente do Consello de Goberno da USC e rexerase por:

a) A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades..

b) A lei 6/2013 de 13 de xuño do sistema Universitario de Galicia.

c) Os Estatutos da USC.

d) O Regulamento de Creación de Institutos da USC, de 18 de outubro de 2017 modificado o 31 de xaneiro de 2018.

e) O presente Regulamento.

Artigo 3.- Fins do Instituto

1. A investigación de excelencia e o desenvolvemento tecnolóxico no campo dos materiais.

2. A creación dunha masa crítica de persoal investigador e tecnólogos especializados nas distintas facetas dos materiais e prestacións avanzadas.

3. O fomento do desenvolvemento industrial, a través de todo tipo de actividades de innovación e transferencia de tecnoloxía á industria.

4. Contribuír a sociedade do coñecemento aportando ferramentas que permitan transformar a información sobre materiais en recursos útiles en distintos eidos, como o sector produtivo, a enerxía, as novas tecnoloxías emerxentes, a saúde e o medio ambiente.

Artigo 4.- Sede

A sede central do Instituto será o actual edificio do Instituto de Cerámica.

Adicionalmente, as actividades do Instituto desenvolveranse nas facultades e demais edificios da USC nos que desenvolvan a súa actividade os distintos grupos de investigación aos que pertenza o persoal investigador vinculado ao mesmo.

CAPÍTULO 2: ORGANIZACIÓN E ESTRUTURA

Artigo 5.- Estrutura do Instituto

Para facilitar o desenvolvemento da súa actividade, o Instituto de Materiais configúrase en tres unidades organizativas:

1. Unidade de investigación, responsable do impulso e seguimento das actividades de investigación e desenvolvemento da Axenda Científica, así como dos seus resultados e impacto.

2. Unidade tecnolóxica, que promoverá as actividades de cooperación, innovación e transferencia ao sector produtivo, e que coordinará os servizos tecnolóxicos prestados polo Instituto, a realización das análises e controis solicitados por empresas e institucións, e a realización de Proxectos de Escalado e Innovación.

3. Unidade de extensión, formación especializada e divulgación, dedicada a promover e organizar a formación especializada e a docencia non regulada solicitada por empresas, asociacións e outras entidades. Así mesmo, asume as accións de comunicación e divulgación científica que dean valor social ás actividades do Instituto.

As unidades estarán encargadas da coordinación das accións contempladas no plan de acción do Instituto, no ámbito da súa competencia.

Cada unidade estará integrada por polo menos tres investigadores/as vinculados/as designados polo Director/a a proposta do Consello Científico. Un deles actuará como coordinador da unidade.

Artigo 6.- Xunta de Goberno

1.- Composición. O Instituto de Materiais estará rexido por unha Xunta de Goberno composta por:

• O Reitor/a, ou Vicerreitor/a en quen delegue, que a presidirá e convocará.

• O Vicerreitor/a con competencias en investigación da USC.

• Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo Reitor.

• Un vogal en representación do Consello Social da USC.

• Un vogal en representación da AFICEGA.

• O Director/a do Instituto.

• O Secretario/a do Instituto, que será tamén da Xunta de Goberno.

2.- Funcións. Son funcións da Xunta de Goberno:

a) Aprobar a elección do/a Director/a do Instituto, a proposta do Consello Científico.

b) Aprobar a remoción do/a Director/a do Instituto, a proposta dunha maioría absoluta dos membros do Consello Científico.

c) Aprobar a proposta de orzamentos e programación do Instituto.

d) Aprobar a memoria anual de actividade e a económica do instituto, e dar conta das mesmas ao Consello de Goberno da USC.

e) Promover o financiamento e dotación do Instituto.

f) Propoñer ao Reitor/a a designación dos membros das Comisións asesoras externas previstas neste Regulamento e establecer o seu funcionamento.

g) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación deste regulamento.

Artigo 7.- O Consello Científico

1.- Composición. O Consello Científico estará formado por:

• O Director ou Directora do Instituto, que o presidirá.

• O Secretario/a de o Instituto, que será tamén do Consello Científico.

• 3 PDI por cada gran área de traballo definidas na axenda científica do Instituto.

• 1 representantes do persoal investigador non permanente e en formación vinculado ao Instituto.

Os representantes serán elixidos por sufraxio directo no seo de cada sector agás os PDIs que o serán por cada grande área de traballo do Instituto.

2.-Funcións. Son funcións do Consello Científico:

a) Propor á Xunta de Goberno do Instituto o nomeamento do/a Director/a previo informe da Comisión Científica Externa.

b) Aprobar o ingreso de novos membros do Instituto, co informe previo da comisión científica externa. Este ingreso deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Instituto.

c) Propor a desvinculación do persoal docente e investigador ao instituto á Xunta de Goberno, previo informe da comisión científica externa.

d) Informar das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do Instituto.

e) Programar as actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e vixiar a súa realización.

f) Informar dos contratos do Instituto e dos seus membros.

3.- Comisión Permanente

A Comisión permanente, delegada do Consello Científico, estará formada por:

• O/A Director/a e o/a Secretario/a do Instituto.

• Un representante por de cada unha das tres grandes areas de traballo do Instituto.

Esta Comisión reunirase tantas veces como fose necesario, a petición do Director/a do Instituto. Serán funcións da Comisión aquelas que lle delegue o Consello Científico.

Artigo 8.- Funcionamento da Xunta de Goberno e do Consello Científico

A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria cando menos unha vez cada ano, e, en sesión extraordinaria, á iniciativa do seu Presidente/a, do Director/a do Instituto ou da maioría dos seus membros.

O Consello Científico reuniranse en sesión ordinaria cando menos dúas veces ao ano en período lectivo.

As reunións celebraranse na sede do Instituto agás no caso de que, por razón xustificada, o/a convocador da reunión acorde un lugar diferente, ou ben, mediante o uso de medios electrónicos. A convocatoria, que deberá incluír a Orde do día e a documentación correspondente, remitirase a tódolos membros con 48 horas de antelación por correo electrónico.

Para a validez da constitución da Xunta de Goberno ou do Consello Científico é necesaria a presenza do Presidente/a e do Secretario/a, ou a persoa que legalmente os substitúa, e polo menos a metade dos seus membros deberán estar presentes na primeira convocatoria. Na segunda convocatoria abondará coa presenza do/a Presidente/a e do/a Secretario/a máis un terzo dos membros.

Os acordos poderanse tomar por asentimento, maioría simple dos membros presentes mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas, sempre que así o solicite algún dos membros presentes.

As actas das reunións, que se aprobarán na seguinte sesión ordinaria, estarán a disposición dos membros do órgano colexiado que corresponda, para a súa consulta, despois da celebración da reunión. De tódolos xeitos, poderanse expedir certificacións dos acordos adoptados aínda que non estea aprobada a acta correspondente, facendo constar esta circunstancia na certificación.

Artigo 9.- Dirección

1.- O Director/Directora

Tal e como sinala artigo 12 do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, a persoa que exerza a dirección do Instituto será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico, para un período de 4 anos. O Director/a será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor e vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao Instituto. Poderá ser reelixido por outro período de igual duración.

2.- Funcións. Corresponde ao Director/a:

a) A convocatoria do Consello Científico, a súa presidencia, e a execución dos seus acordos.

b) A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e programación de actividades.

d) A redacción das memorias anuais de actividade e económica.

e) A proposta ao Reitor do nomeamento de Secretario/a do Instituto.

f) A autorización de gastos do orzamento anual.

Artigo 10.- Secretaría

O Director/a do Instituto será asistido por un Secretario/a, nomeado polo Reitor entre os PDIs adscritos ao mesmo, a proposta do Director/a. Serán funcións do Secretario/a:

a) Dar fe dos actos e acordos dos órganos de goberno do instituto.

b) Redactar as actas das sesións dos citados órganos de goberno.

c) Expedir certificados no ámbito da súa competencia.

d) Custodiar o arquivo e a documentación do Instituto.

e) Realizar aquelas tarefas que lle sexan encomendadas polo Director/a, de acordo coa lexislación vixente.

f) Auxiliar ao Director/a nas súas funcións e substituílo en casos de ausencia ou enfermidade. Neste último caso, as funcións de Secretario serán desenvolvidas polo PDI de menor categoría e antigüidade de acordo cos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

CAPÍTULO 3: DO PERSOAL

Artigo 11.- Persoal científico: Vinculación, desvinculación, avaliación e permanencia

1.- Tipos de persoal científico

O persoal científico do Instituto de Materiais estará formado por:

1. Investigadores/as vinculados: PDIs da Universidade de Santiago vinculados ao instituto previa avaliación pola Comisión Científica Externa.

2. Investigadores/as non permanentes: Persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou proxectos de investigación de acordo co marco laboral e normativo aplicable.

3. Investigadores/as en formación: Estudantes matriculados en Programas de Doutoramento ou con contratos obtidos en convocatorias competitivas, baixo a dirección ou codirección dun/ha investigador/a do Instituto.

4. Investigadores/as colaboradores: Doutores pertencentes á USC ou a outras entidades públicas ou privadas que colaboren en proxectos e actividades do Instituto.

2.- Vinculación, avaliación e permanencia.

A vinculación dun/ha investigador/a ao Instituto de Materiais realizarase en base a criterios de méritos de investigación do candidato, e adecuación da seu currículo e proxecto investigador á axenda científica do Instituto.

O persoal que desexe incorporarse ao Instituto deberá solicitar a súa admisión ao Consello Científico, achegando o seu Currículum Vitae, e o seu proxecto Investigador que deben ser coherentes coa axenda científica do Instituto. A incorporación do novo persoal investigador será ratificada pola Xunta de Goberno do Instituto.

A actividade do persoal científico do Instituto será avaliada pola Comisión Asesora Científica externa cada 2 anos. O informe razoado da mesma decidirá a súa continuidade ou non no Instituto.

3.- Criterios de avaliación.

a) Sexenios de investigación recoñecidos ao investigador e resultados da avaliación da actividade investigadora recoñecidos por ACSUG.

b) Traxectoria investigadora, coherente coa axenda científica do Instituto.

c) Publicacións, patentes e teses doutorais dirixidas.

d) Proxectos e contratos coordinados.

e) Outros méritos.

4.- Investigadores/as garantes Co obxectivo de asegurar a solvencia científica do Instituto, de acordo co Regulamento de creación e xestión de institutos universitarios da USC, que establece a figura de investigador/a garante, para os efectos deste Regulamento enténdese que os investigadores/as garantes deben cumprir:

a) Ter polo menos 3 sexenios de Investigación ou transferencia.

b) Figurar polo menos como coordinador ou investigador responsable de 2 Proxectos de I+D do programa Marco da U.E. ou do Plan Estatal de I+D da Administración Xeral do Estado nos 4 anos anteriores a presentar a proposta. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.

c) Ter captado polo menos 500.000€ por Proxectos no marco de convocatorias públicas e/ou Contratos ou Convenios ao longo da súa carreira científica.

5.- Desvinculación.

 A Xunta de Goberno ratificará a desvinculación dos membros do Instituto. A vinculación dos investigadores ao Instituto pode finalizar:

a) Pola avaliación negativa da súa actividade investigadora pola Comisión Científica Externa.

b) A instancias do/a interesado/a, por calquera causa, unha vez acadado o compromiso de vinculación mínimo.

c) Por perda de vinculación contractual coa USC.

Artigo 12.- Persoal técnico

O persoal Técnico do Instituto estará formado por:

a) Tecnólogos contratados ao abeiro de actividades ou proxectos desenvolvidos no instituto.

b) O persoal técnico (doutores, enxeñeiros, técnicos de FP2, etc) ou contratados especificamente para apoiar as actividades dos Laboratorios e/ou da Planta Piloto do Instituto.

CAPÍTULO 4: COMISIÓNS ASESORAS EXTERNAS

Artigo 13.- Comisión Científica Externa

A Comisión Científica Externa establécese como un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no campo da Ciencia de Materiais. Será designada polo/a Reitor/a a proposta da Xunta de Goberno do Instituto, que establecerá o seu réxime de funcionamento. O nomeamento dos membros da Comisión Científica Externa farase por catro anos, renovables.

Serán funcións da Comisión Científica:

a) Asesorar ao Director/a do Instituto e a Xunta de Goberno sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento do Instituto e sobre a súa Axenda Científica.

b) Avaliar a actividade do Instituto e do seu persoal, e emitir os correspondentes informes de avaliación.

c) Informar da vinculación de novos membros ao Instituto.

d) Informar o nomeamento dos Coordinadores/as das unidades do Instituto.

e) Informar ao Consello Científico do Instituto na selección dun/ha ou varios/as candidatos/as para o posto do/a Director/a para que sexa elixido/a pola Xunta de Goberno.

Artigo 14.- Comité Industrial

É un órgano integrado por profesionais do Sector da Industria de Materiais, as súas aplicacións e as súas materias primas. Os seus membros serán designados polo/a Reitor/a a iniciativa da AFICEGA e/ou das Industrias implicadas en contratos de I+D co Instituto e a proposta da Xunta de Goberno. A designación dos membros da Comisión farase por catro anos.

Serán funcións deste Comité:

a) Asesorar ao Director/a do Instituto e Xunta de Goberno sobre a aplicabilidade e transferencia dos resultados obtidos no Instituto.

b) Suxerir actividades de I+D+i que melloren o entroncamento do Instituto co ámbito industrial e a Sociedade.

c) Informar as actividades de transferencia do Instituto.

d) Informar o nomeamento do/a Director/a do Instituto, e do Coordinador da unidade tecnolóxica.

CAPÍTULO 5: RÉXIME ECONÓMICO E MEDIOS

Artigo 15.- Orzamento. Ingresos do Instituto

1.- Orzamento. O Instituto terá as súas propias partidas de ingresos e gastos, que formarán parte dos orzamentos xerais da Universidade e xestionarase de acordo coas normas xerais orzamentarias que lle sexan aplicables.

2.- Ingresos. Serán ingresos do Instituto:

a) As cantidades que se lle dediquen nos orzamentos anuais da Universidade.

b) As porcentaxes que se determinen dos ingresos por proxectos, contratos, cursos e servizos tecnolóxicos prestados polo Instituto ou dos ingresos por regalías derivados de procesos de transferencia onde figuren como inventores investigadores adscritos ao Instituto.

c) As doazóns que se reciban procedentes de entidades públicas e privadas.

Artigo 16.- Medios materiais

Serán medios materiais do Instituto os adquiridos con cargo aos seus orzamentos, os provintes do Instituto de Cerámica, os doados ou cedidos por entidades públicas ou privadas, e os adquiridos en proxectos de infraestrutura presentados polo Instituto.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

1. Unha vez que este Regulamento se aprobe polos órganos de goberno da Universidade, nomearase un/ha Director/a comisario/a e iniciarase o proceso de avaliación/vinculación de investigadores/as ao Instituto baixo a supervisión e asesoramento da Comisión Científica Externa.

2. Rematado o proceso de vinculación, elaborarase o censo do persoal investigador e asociado ao Instituto.

3. Concluído o procedemento de conformación do novo censo do Instituto, e tras a entrada en vigor deste Regulamento, constituiranse os novos órganos e procederase a designar ao novo Director ou Directora.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

No momento da súa entrada en vigor este Regulamento derroga o Regulamento de réxime interno do Instituto de Cerámica de Galicia.

DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR

Este Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto polo que se autorice a creación do Instituto.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver