Regulamento de Réxime Interno do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)
NORMA CONSOLIDADA
(Aprobado pola Xunta de Goberno do IGFAE en sesión do 19 de marzo e ratificado polo Consello de Goberno da USC o 20 de marzo).
Preámbulo
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías foi creado en 1999 pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para dar resposta á necesidade dunha acción coordinada de participación no Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN). No correspondente convenio de creación do Instituto recoñécese a vontade de fomentar o desenvolvemento da Física de Altas Enerxías, especialmente na vertente experimental, e de aproveitar as oportunidades de retorno industrial que ofrece o CERN.
Tras case vinte anos desde súa creación, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ten probado o axeitado desta estratexia, posicionándose como un dos referentes globais en varias das súas áreas de investigación. Na mesma medida, o retorno industrial do CERN a Galicia tense incrementado enormemente, atinxindo a cifra de varios millóns de euros anuais na actualidade. Durante este tempo, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías diversificou a súa axenda investigadora, incorporando novas liñas en Física Teórica, Física de Partículas, Física Nuclear, Astrofísica e Física de Astropartículas e Cosmoloxía, entre outras; e, tamén, entrou a participar en infraestruturas internacionais de investigación diferentes ao CERN, como o GSI en Alemaña ou o proxecto Pierre Auger en Arxentina. Esta diversificación abriu novas oportunidades científicas, tecnolóxicas e de retorno industrial.
A estratexia do Instituto nestes anos consistiu nunha concentración de esforzos nas súas liñas máis competitivas, con investigadores de gran reputación internacional, e sempre entre aquelas incluídas nas priorizacións estratéxicas a nivel global. Ao mesmo tempo, levouse a cabo un importante esforzo na formación, así como na captación de persoal en convocatorias competitivas. Esta estratexia deu como resultado, unha gran visibilidade internacional e unha actividade científica de primeiro nivel. Como consecuencia, no ano 2017 o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías foi acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, o máximo recoñecemento a nivel estatal para unidades de investigación. Este recoñecemento avala, ao máis alto nivel, tanto a traxectoria do Instituto como a estratexia presentada para os próximos anos.
As esixencias derivadas da acreditación María de Maeztu, a evolución no marco normativo, así como unha situación cada vez máis competitiva, a nivel autonómico, estatal e internacional, indican a necesidade de levar a cabo unha modernización da gobernanza do Instituto, adaptada aos mellores estándares internacionais. Tomando como base o convenio de creación, onde se plasma unha gobernanza simple, baseada nun órgano superior de goberno, o Consello de Goberno (formado por Xunta de Galicia e Universidade, que neste Regulamento pasa a denominarse Xunta de Goberno en adaptación aos cambios normativos) e nunha dirección executiva, incorpórase agora un órgano consultivo, o Comité Científico Asesor. Este Comité Científico Asesor ten, como principal cometido, a realizacións de avaliacións periódicas do Instituto e dos seus membros. Estas avaliacións teñen consecuencias no funcionamento do Instituto, nos seus posicionamentos estratéxicos e na adscrición dos seus investigadores. Un modelo de funcionamento similar é o adoptado por unha maioría dos centros con acreditación Severo Ochoa/María de Maeztu e foi, tamén, implementado en outras estruturas de investigación da Universidade de Santiago de Compostela nos últimos anos. Deste xeito Instituto Galego de Física de Altas Enerxías actualiza o seu modelo organizativo, aliñado coas mellores prácticas internacionais.
Por outra banda, e de conformidade co artigo 119 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, os órganos de goberno dos Institutos mixtos son os que se fixen no convenio de creación, neste caso só un órgano de goberno actualmente denominado Xunta de Goberno, procurando, en todo caso, axustar a súa natureza e funcionamento aos dos seus institutos propios. Este criterio se aplica ás disposicións deste Regulamento incorporando unha comisión asesora externa que se recolle no artigo 14 do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación (aprobado polo Pleno do Consello de Goberno o 18 de Outubro de 2017 e modificado polo Pleno do 31 de Xaneiro de 2018).
Por todo o anterior apróbase a seguinte proposta de Regulamento de Rexime Interno do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.
Capítulo 1 - Denominación, natureza xurídica, fins e sede
Artigo 1.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), en adiante o Instituto, é un instituto mixto de titularidade compartida entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
O Instituto foi creado por Decreto 206/1999, do 2 de xullo (DOG nº 135, de 15 de xullo de 1999), a través dun convenio asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, en adiante a Universidade, o 27 de maio de 1999.
Artigo 2.
O Instituto rexerase por:
a) A Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades e as súas disposicións regulamentarias;
b) A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación;
c) A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; A Lei 5/2013, do 30 de maio, de Fomento da Investigación e da Innovación de Galicia;
d) O convenio de creación do Instituto;
e) Os Estatutos da Universidade, Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, e os seus decretos e normas de desenvolvemento;
f) O Regulamento de creación e xestión de Institutos de Investigación (Aprobado polo Pleno do Consello de Goberno o 18 de Outubro de 2017 e modificado polo Pleno do 31 de Xaneiro de 2018)
g) O presente Regulamento de Réxime Interno;
h) Calquera outra norma que lle sexa de aplicación.
Artigo 3.
3.1 O Instituto ten por obxecto a investigación de excelencia e a formación superior no ámbito da Física de Altas Enerxías, entendida aquí dunha maneira ampla que inclúe áreas relacionadas ou derivadas dela, como a Física Teórica, a Física de Partículas, a Física Nuclear, a Astrofísica e Física de Astropartículas, a Cosmoloxía, entre outras, coa finalidade de ser centro de referencia internacional de primeira liña.
3.2 A misión do Instituto é a consecución da excelencia científica e tecnolóxica ao máis alto nivel internacional. Todos os recursos humanos e materiais, así como as iniciativas e actividades desenvolvidas polo Instituto, estarán dirixidas a acadar este obxectivo.
3.3 O Instituto fomentará tamén a transferencia de tecnoloxía e coñecemento das súas investigacións, así como a comunicación dos seus resultados á sociedade.
3.4 Son finalidades específicas do Instituto, como se recolle no seu convenio de creación, entre outras:
a) Promover, impulsar e desenvolver a investigación científica e técnica no campo da Física de Altas Enerxías en Galicia;
b) Colaborar co Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación, e con cantos instrumentos adicados ao fomento da Física de Altas Enerxías creen o goberno español, as comunidades autónomas ou outros organismos internacionais;
c) Realizar actividades docentes de posgrao e doutoramento;
d) Fomentar, no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, a actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa Física de Altas Enerxías, así como promover as relacións industriais co CERN e outros centros internacionais de primeiro nivel;
e) Promover, impulsar e desenvolver a realización de seminarios, conferencias, escolas e congresos;
f) Difundir a información considerada de interese no campo da Física de Altas Enerxías.
Artigo 4.
O Instituto terá a súa sede en locais da Universidade e asignación específica nos seus orzamentos, e poderáselle asignar persoal de administración e servizos.
Capítulo 2 - Estrutura, órganos de goberno, de administración e de asesoramento
Artigo 5.
A estrutura do Instituto consiste nos órganos seguintes:
a) Xunta de Goberno;
b) Dirección do Instituto e, de ser o caso, subdireccións baixo a denominación de Direccións Asociadas;
c) Comité Científico Asesor.
Os órganos recollidos nos apartados a) e b) teñen funcións de goberno, administración, xestión e representación do Instituto, mentres que o órgano recollido no apartado c) só ten funcións de asesoramento.
Artigo 6.
6.1 A Xunta de Goberno é o órgano superior de goberno, de representación e de administración do Instituto.
6.2 A Xunta de Goberno estará composta por:
a) O reitor da Universidade ou vicerreitor en quen delegue, que a presidirá e a convocará;
b) Tres representantes nomeados pola Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria);
c) Dous representantes nomeados pola Universidade.
6.3 A Dirección do Instituto asistirá ás reunións da Xunta de Goberno con voz pero sen voto.
6.4 Quen exerza funcións de secretaría do Instituto asistirá ás reunións con voz pero sen voto e actuará como secretaría da Xunta de Goberno, e levantará acta das sesións.
6.5 Poderán incorporarse á Xunta de Goberno, por unanimidade de todos os seus membros, outras institucións públicas ou privadas, con finalidades que estean en consonancia coas do Instituto. Estas incorporacións deberán ser ratificadas polo Consello de Goberno da Universidade.
Artigo 7.
7.1 Son funcións da Xunta de Goberno as establecidas no convenio de creación do Instituto:
a) Acordar a admisión como membros do Instituto de novas entidades públicas ou privadas sen afán de lucro, cuns obxectivos que estean en consonancia cos seus. No mesmo acordo establecerase o número de representantes na Xunta de Goberno se lles asigna;
b) Fixar os obxectivos de actuación do Instituto, dentro do marco das liñas xerais sinaladas no convenio, e aprobar un plan xeral e os plans anuais de actuación;
c) Aprobar o orzamento anual, o inventario, o balance, o cómputo dos resultados, a memoria de actividades realizadas e a xestión do exercicio anterior;
d) Acordar modificacións do Regulamento de Réxime Interno. Estas modificacións deberán ser ratificadas polo Consello de Goberno da Universidade.
e) Propoñer o nomeamento da Dirección do Instituto;
f) Nomear, a proposta da Dirección, as persoas que desempeñen a Dirección Asociada do Instituto, e ordenar o seu cesamento;
g) Determinar as competencias da Dirección e do resto dos cargos directivos do Instituto que non queden establecidas no convenio e no Regulamento de Réxime Interno;
h) Aprobar o réxime de selección e contratación de persoal do Instituto, de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como a estrutura e o número de cadro de persoal en todos os estamentos, de acordo coa normativa de aplicación;
i) Acordar a adscrición de persoal pertencente a algunha das institucións que integran o Instituto, a proposta destas;
l) Nomear o Comité Científico Asesor e establecer o seu funcionamento;
m) Aquelas que, non quedando especificadas, sexan necesarias para velar polo cumprimento dos obxectivos sinalados na cláusula primeira do convenio e que estean sometidas á normativa vixente contemplada na cláusula segunda do convenio.
As competencias do a) ao l) son indelegables.
7.2 A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao semestre en sesión ordinaria e sempre que o Presidente o estime oportuno ou o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros.
7.3 As convocatorias para as sesións da Xunta de Goberno, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas a Presidencia, ou en quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación a cada un dos membros, por calquera medio que permita a constancia da súa recepción.
7.4 As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de antelación á data que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo da Presidencia, que deberán ser convocadas cun mínimo de dous días de antelación. As convocatorias indicarán a orde do día, a data, hora, e lugar de celebración, e conterán a documentación correspondente.
7.5 Non será necesaria a convocatoria previa dunha sesión ordinaria ou extraordinaria da Xunta de Goberno cando estean presentes todos os seus membros e aceiten por unanimidade a realización da mesma.
Artigo 8.
8.1 A Xunta de Goberno queda validamente constituída para adoptar acordos cando, en primeira convocatoria, concorran á sesión a metade máis un dos seus membros con dereito a voto e, entre eles, necesariamente a Presidencia e a Secretaría ou quen faga as súas funcións.
En segunda convocatoria, a constitución da Xunta de Goberno será válida cando concorran un terzo dos seus membros con dereito a voto e, entre eles, a Presidencia, un representante nomeado pola Xunta de Galicia e a Secretaría ou quen faga as súas funcións.
8.2 Os acordos, serán adoptados por maioría simple dos membros presentes no momento da votación, tendo, en caso de empate, voto da calidade a Presidencia.
Artigo 9.
Corresponden á Presidencia da Xunta de Goberno as seguintes funcións:
a) Representar institucionalmente ao Instituto;
b) Ordenar a convocatoria e presidir, suspender e levantar as sesións da Xunta de Goberno, así como dirixir as deliberacións;
c) Aquelas outras que sexan expresamente encomendadas pola Xunta de Goberno.
Artigo 10.
10.1 A Dirección do Instituto recaerá nun científico de recoñecido prestixio nas áreas de investigación do Instituto, con título de doutor e dedicación a tempo completo.
10.2 A Dirección do Instituto será proposta pola Xunta de Goberno, previo informe do Comité Científico Asesor, e nomeado polo Reitor da Universidade. Este informe terá carácter preceptivo pero non vinculante.
10.3 O período de mandato da persoa que exerza a Dirección será como máximo de catro anos renovables unha soa vez. En caso de ausencia ou enfermidade será substituído pola persoa que exerza a Dirección Asociada que designe a Dirección ou, de non poder, a Xunta de Goberno.
10.4 A persoa que exerza a Dirección poderá ser cesada polo Reitor a proposta da Xunta de Goberno
Artigo 11.
Son funcións da Dirección do Instituto as seguintes:
a) Representar ao Instituto no ámbito da súa competencia;
b) Dirixir, organizar, xestionar, executar e inspeccionar as actividades de investigación, formación, estudos, e a organización interna do Instituto;
c) Propor á Xunta de Goberno a programación de actividades, liñas de investigación, así como os orzamentos do Instituto e, unha vez aprobados, executalos;
d) Propor á Xunta de Goberno a persoa ou persoas que exercerán a Dirección Asociada, os responsables das unidades científicas e técnicas de que se compoña o Instituto, e a estrutura de xestión e as súas funcións;
e) Redactar a memoria de actividades e a memoria económica;
f) Autorizar os gastos dentro do orzamento anual;
g) Exercer a dirección do persoal do Instituto de acordo coas directrices da Xunta de Goberno;
h) Velar pola mellora dos métodos de traballo e pola introdución dos adiantos innovadores, así como pola conservación e o mantemento das instalacións e os equipos do Instituto;
i) Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto;
l) Establecer cantas estruturas organizativas, científicas e de xestión considere oportunas dando conta á Xunta de Goberno, asegurando a existencia de comisións asesoras internas que faciliten a comunicación cos membros do Instituto e o asesore na toma de decisións;
m) Realizar todas as funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas pola Xunta de Goberno.
Artigo 12.
A persoa ou as persoas que exerzan a Dirección Asociada serán nomeados polo Reitor, a proposta da Dirección, entre o persoal doutor do Instituto. Unha das persoas que exerzan a Dirección Asociada exercerá, ademais das súas funcións propias, as da Secretaría. Os Directores Asociados cesarán por decisión do Reitor da Universidade, a petición propia ou a proposta da Dirección.
Artigo 13.
Son funcións da Dirección Asociada:
a) Substituír á persoa que exerza a Dirección en caso de ausencia ou enfermidade cando sexa designada;
b) As encomendadas pola Xunta de Goberno ou a Dirección do Instituto no ámbito das súas competencias respectivas;
c) No caso de ser designada, as que corresponden á Secretaría.
Artigo 14.
Son funcións da Secretaría as seguintes:
a) Redactar as actas das sesións da Xunta de Goberno;
b) Custodiar os arquivos e a documentación do Instituto;
c) Expedir as certificacións no ámbito da súa competencia;
d) Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.
Artigo 15.
15.1 O Comité Científico Asesor é o órgano asesor do Instituto para as cuestións relacionadas coa actividade científica que se someten á súa consideración. O Comité Científico Asesor non poderá exercer funcións de xestión ou representación do Instituto.
15.2 O Comité Científico Asesor está integrado por personalidades de recoñecido prestixio científico no ámbito de actuación do Instituto. Será designado polo reitor a proposta da Xunta de Goberno, que establecerá o seu réxime de funcionamento.
15.3 Os membros do Comité Científico Asesor serán nomeados por un período máximo de cinco anos, renovables.
15.4 A presidencia do Comité Científico Asesor corresponderá ao membro do Comité que determine a Xunta de Goberno.
15.5 O Comité Científico Asesor pode actuar en comisións específicas coa composición e funcións que acorde a Xunta de Goberno.
15.6 O Comité Científico Asesor reunirase sempre que sexan convocados polo súa presidencia, a iniciativa propia ou a petición dun terzo dos seus membros, a petición da Xunta de Goberno ou da súa presidencia ou da Dirección do Instituto. Todos eles poden solicitar asesoramento individual dos membros do Comité.
15.7 Serán funcións do Comité Científico Asesor as seguintes:
a) Asistir á Xunta de Goberno sobre a elección da Dirección;
b) Asesorar á Xunta de Goberno, á súa presidencia e á Dirección sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Instituto, o seguimento da súa evolución e a transferencia dos seus resultados, así como sobre calquera outro aspecto que consideren oportuno;
c) Avaliar periodicamente a actividade científica do Instituto e do seu persoal investigador, e emitir os correspondentes informes de valoración;
d) Informar sobre a adscrición de novo persoal investigador ao Instituto.
Capítulo 3 - Persoal
Artigo 16.
16.1 O persoal do Instituto poderá estar integrado por:
a) Persoal docente e investigador das administracións que constitúen o Instituto;
b) Persoal docente e investigador doutras universidades ou institucións que, mediante convenio, se adscriba ao Instituto;
c) Persoal técnico e administrativo;
d) O persoal investigador adscrito ao Instituto a través de convocatorias públicas de captación de recursos humanos;
e) Outros profesionais contratados como persoal investigador, técnico ou de administración, de acordo coa normativa vixente;
f) Investigadores en formación
g) Poderán pertencer tamén ao persoal científico do Instituto, en calidade de investigadores colaboradores ou visitantes, persoas que, sen vinculación contractual, colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto.
O persoal dos puntos a) e b) máis arriba terá a consideración de “investigador vinculado”; o persoal investigador dos puntos d) e e) máis arriba terá a consideración de “investigador non permanente” aos efectos do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC
16.2 O persoal investigador vinculado ao Instituto será adscrito ao mesmo despois dun procedemento de selección e deberá, así mesmo, someterse aos procedementos de avaliación periódica que se establezan. Ambos procedementos están recollido no Capítulo 6 do presente
Regulamento
Artigo 17.
Os investigadores que soliciten o ingreso no Instituto deberán contar coa autorización da súa institución de orixe para desenvolver nel a totalidade ou parte da súa xornada investigadora. No caso da Universidade, deberán contar cun informe do seu departamento. Este informe terá carácter preceptivo pero non vinculante.
Artigo 18.
A adscrición de novos investigadores será autorizada pola Xunta de Goberno a proposta da Dirección, tendo en conta o resultado do proceso de selección.
Artigo 19.
19.1 A adscrición do persoal investigador ao Instituto será única, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán tamén adscritas ao mesmo.
19.2 A adscrición do persoal da Universidade ao centro afectará unicamente ao desenvolvemento da actividade investigadora, sen que supoña perda da súa adscrición ao departamento da Universidade ao que pertenza e sen menoscabo das súas obrigas docentes.
Artigo 20.
A adscrición do persoal ao Instituto implicará o compromiso de aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan, o que quedará debidamente documentado a través dun compromiso de adscrición.
Artigo 21.
A adscrición do persoal ao Instituto pode finalizar:
a) A instancias da Xunta de Goberno do Instituto, en base ás recomendacións do Comité Científico Asesor e/ou do Director;
b) A instancias do interesado/da, por calquera causa, cun aviso previo de 9 meses, salvo que haxa un acordo para establecer outro prazo;
c) Por perda da vinculación coas administracións que constitúen o Instituto.
Capítulo 4 - Réxime Económico
Artigo 22.
O Instituto terá o seu propio orzamento, que será aprobado pola Xunta de Goberno, de conformidade coa normativa aplicable.
Artigo 23.
O patrimonio do Instituto quedará reflectido no inventario correspondente, que revisará e aprobará anualmente a Xunta de Goberno.
Artigo 24.
Para a consecución dos seus obxectivos, o Instituto disporá dos seguintes recursos:
a) As achegas das entidades que o constitúen reflectidas nos seus respectivos orzamentos;
b) As achegas obrigadas en virtude de convenios e contratos de investigación;
c) As cantidades que puideran corresponder segundo a lexislación vixente ou dentro dos acordos previos cos responsables da realización de proxectos e de adquisición de infraestrutura de investigación;
d) Os beneficios que lle puideran corresponder segundo o estipulado no punto anterior pola realización de actividades investigadoras, actividades docentes, actividades de asesoramento e servizos, patentes, ou pola venda de publicacións e produtos desenvolvidos polo Instituto;
e) As subvencións, así como doazóns e legados lucrativos outorgados por entidades públicas ou privadas e persoas físicas;
f) Calquera outro que lle poida corresponder.
Artigo 25.
O control de carácter económico-financeiro do Instituto realizarase de acordo co previsto na normativa vixente.
Artigo 26.
O Instituto, e o seu persoal científico a través del, poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico, de servizos, ou de asesoramento, así como o desenvolvemento de cursos de posgrao e de formación continua.
Os bens inventariables que adquira ou reciba por doazón ou legado ao Instituto, ou aos seus investigadores, para o cumprimento deses contratos, serán propiedade da Universidade ou da Xunta de Galicia, e estarán adscritos totalmente ao cumprimento dos fins do Instituto.
Capítulo 5 - Réxime académico
Artigo 27.
O Instituto poderá organizar, con cargo ao seu orzamento, calquera actividade científica ou docente no ámbito de actuación referido no artigo 3, e sempre de acordo cos seus fins, así como outorgar diplomas acreditativos no marco das normativas propias das institucións participantes no Instituto.
Capítulo 6 - Avaliación, Seguimento e Selección do Persoal Investigador
Artigo 28.
A actividade do Instituto estará guiada por unha planificación estratéxica cuadrienal, aprobada pola Xunta de Goberno, e estará sometida a mecanismos de seguimento e avaliación periódica:
a) Avaliación anual das memorias de actividade investigadora e actividade económica por parte do Comité Científico Asesor, que analizará a evolución da actividade e o grao de cumprimento dos obxectivos do plan estratéxico. As memorias e informes serán trasladados á Xunta de Goberno;
b) Avaliación global, cada catro anos, consistente nunha análise da actividade científica e da organización do Instituto, conducente á toma de decisións en canto á planificación estratéxica, ao uso de espazos e infraestruturas, á orientación temática da investigación, e á vinculación dos investigadores ao Instituto. A avaliación realizarase por parte do Comité Científico Asesor en base a criterios de calidade científica, produtividade, cumprimento de obxectivos e adecuación ás liñas temáticas definidas para o Instituto. Os informes de avaliación serán trasladados á Xunta de Goberno;
c) Adicionalmente, as institucións e entidades públicas ou privadas que no seu caso contribúan ao sostemento do Instituto poderán establecer os mecanismos de avaliación externa que consideren oportunos, co fin de estimar o grao de cumprimento dos obxectivos ligados ao seu compromiso de apoio.
Artigo 29.
A selección de persoal investigador realizarase pola Dirección, en base a criterios e procedementos que a tal fin se establezan, que en calquera caso incluirá un proceso de selección supervisado polo Comité Científico Asesor para os investigadores vinculados definidos no artigo 16.
Capítulo 7 - Proxección e visibilidade
Artigo 30.
En calquera publicación ou difusión dos resultados científicos (artigos, patentes, comunicacións, relatorios, participación en congresos, aparición en medios de comunicación) e en xeral, en todos os documentos que se xeren con motivo da súa actividade, o persoal investigador adscrito fará constar sempre a súa pertenza ao Instituto. En ningún caso poderá utilizarse a imaxe corporativa do Instituto para fins diferentes da publicación ou difusión dos resultados científicos, agás autorización expresa por parte do director.
Artigo 31.
O Reitor, no nome do Instituto, poderá subscribir convenios con entidades públicas ou privadas, tanto españolas como estranxeiras.
Disposicións adicionais
Primeira.
A xestión económica do Instituto rexerase segundo as normas e procedementos da Universidade.
Segunda.
O persoal do Instituto na data de aprobación deste regulamento se relaciona no anexo.
Terceira.
Corresponde á Xunta de Goberno do Instituto interpretar o presente Regulamento e ditar, de ser o caso, normas aclaratorias.
Disposición final
Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade.
Anexo
A relación de persoal do Instituto no momento de aprobación do presente regulamento é a seguinte:
Persoal Docente ou Investigador das administracións que constitúen o Instituto (Persoal vinculado)
Christoph Adam
Bernardo Adeva Andany
Jaime Álvarez Muñiz
Héctor Álvarez Pol
Nestor Armesto Pérez
José Fernando Benlliure Anaya
Dolores Cortina Gil
Ignacio Durán Escribano
José Daniel Edelstein Glaubach
Beatriz Fernández Domínguez
Abraham Antonio Gallas Torreira
Juan Antonio Garzón Heydt
Elena González Ferreiro
José Angel Hernando Morata
Diego Martínez Santos
Javier Mas Solé
Carlos Miguel Merino Gayoso
José Luis Miramontes Antas
Carlos Pajares Vales
Gonzalo Parente Bermúdez
Máximo Pló Casasús
Juan José Saborido Silva
Carlos Alberto Salgado López
José Manuel Sánchez de Santos
José Joaquín Sánchez Guillén
Cibrán Santamarina Ríos
Ricardo Antonio Vázquez López
Alfonso Vázquez Ramallo
Pablo Vázquez Regueiro
Enrique Zas Arregui
Investigadores non permanentes
Maximilian Attems
Martino Borsato
Manuel Caamaño Fresco
Pablo Cabanelas Eiras
Veronika Chobanova
Xabier Cid Vidal
Jeremy Dalseno
Fabio Alejandro Domínguez González
Diego González Díaz
Edgar Lemos Cid
Daniele Musso
Antonio Romero Vidal
Inés Valiño Rielo
Douglas Evan Wertepny
Investigadores en formación
Pedro Augusto Agostini Infante
Óscar Boente García
Juan Manuel Boillos Betete
Javier Díaz Cortés
Anxo Fariña Biais
Manuel Feijoo Rodríguez
Miguel Angel Fernández Morales
Antonio Fernández Prieto
Yanis Fontenla Barba
Elisabet Galiana Baldó
Damián García Castro
Xabier García Feal
Julián García Pardiñas
Beatriz García Plana
Aida López Casado
Miriam Lucio Martínez
Lucía Martín Blanco
Gonzalo Martínez Lema
Alexis Moscoso Rial
Sofía Otero Ugobono
Brais Palmeiro Pazos
Francisco Pedreira Giralda
José Manuel Penín Ascariz
Miguel Ramos Pernas
Manoel Anxo Rodríguez Moldes
María Vieites Díaz
Víctor Vila Pérez
Alejandro Vilar López
Persoal técnico e de administración
David González Caamaño
Juan José Llerena Cristobo
Vanesa Nimo Fernández
Antonio Pazos Álvarez
Eliseo Pérez Trigo
Marcos Antonio Seco Miguélez
Ana Belén Vázquez Fidalgo
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.