Regulamento de Réxime Interno do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0943
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

PREÁMBULO

A Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, USC) impulsou no ano 2017 un proceso de avaliación e reformulación dos Institutos de Investigación e a aprobación dun novo Regulamento de creación e xestión dos Institutos, aprobado polo Consello de Goberno da USC con data de 18 de outubro de 2017. Neste proceso aprobouse na USC a proposta da creación o Instituto Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS - Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies), e formalizouse a vinculación formal de investigadores/as: 52 profesores (incluíndo investigadores Ramón y Cajal) procedentes de 17 grupos de investigación e de 8 centros diferentes da USC.

En outubro de 2020 a USC publicou un novo Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación, que se enmarca na aposta da USC de actualizar o seu modelo de organización da investigación co fin de maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta poda xerar en favor da sociedade. O Plan de Actuación e a Axenda Científica incluídos na memoria de Creación do Centro Singular CRETUS (en adiante, CS CRETUS) demostran o seu aliñamento coas liñas mestras establecidas na normativa da USC, segundo as cales débese potenciar:

• O desenvolvemento dunha investigación interdisciplinar en áreas de interese estratéxico e a xeración o de coñecemento con impacto e visibilidade internacional.

• A colaboración en consorcios internacionais e a participación activa en proxectos europeos, incluíndo aqueles especialmente emblemáticos, como os financiados polo European Research Council ou pola Comisión Europea (Horizon2020, Horizon Europe, ITN, ..)

• A xestión eficiente de talento de excelencia, participando dos procesos de formación de estudantes e persoal investigador, e liderando as estratexias de atracción e retención de talento da USC.

• A transferencia de coñecemento e tecnoloxía a nivel internacional mediante a xeración de resultados con gran potencial innovador, protexidos mediante dereitos de propiedade industrial, e a través da participación en contratos ou proxectos de investigación aplicada coas empresas mais relevantes do sector.

De seguido preséntanse os artigos do Regulamento de réxime interno (RRI) do CS CRETUS como medio para impulsa-la súa adaptación, mellora-la súa calidade científica e competitividade.

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1.

1. O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cross‐disciplinary Research in Environmental Technologies - CS CRETUS), constitúese como Centro Singular de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) atendendo ao establecido nos Estatutos vixentes e na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, as Bases sobre a creación e funcionamento de estruturas universitarias de docencia e investigación aprobadas no Pleno do Claustro Universitario de 5 de decembro de 2017, e o Regulamento de creación e funcionamento de centros singulares de investigación aprobado polo Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020, que toma en consideración os principios que rexen o funcionamento actual dos Centros Singulares de Investigación e incorpora a experiencia e progreso organizativo que se ten consolidado nos pasados anos, establecendo o modelo a seguir pola USC no futuro inmediato.

2. O CS CRETUS formará parte da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC, como unha unidade de investigación supra-grupal, con unha vocación de referencia e permanencia, integrando persoal investigador de elevada competencia científica e tecnolóxica no ámbito das tecnoloxías ambientais en todas as súas áreas de coñecemento, tanto básicas como aplicadas, actuando como referencia na súa proxección académica, social e económica.

Artigo 2.

1. O CS CRETUS depende organicamente do Consello de Goberno da Universidade.

2. Sen prexuízo da aplicación das normas xerais de carácter administrativo, o CS CRETUS rexerase por:

a. A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades.

b. Lei 6/2013 do 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia.

c. Os Estatutos da USC.

d. O Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación (Aprobado polo Pleno do Consello de Goberno o 30 de Outubro de 2020)

e. O presente Regulamento de Réxime Interno.

Artigo 3. Fins do CS CRETUS

O CS CRETUS constitúese como unha estrutura de investigación multidisciplinar no campo das tecnoloxías ambientais comprometidos co desenvolvemento sostible baixo o paradigma da economía circular, para atender, promover e abordar os retos e demandas da sociedade a través de xeración de coñecemento, innovación e promoción de talentos profesionais.

Artigo 4. Sede

A sede principal do CS CRETUS é o edificio identificado no Inventario de Edificios da USC como Institutos de Investigación edificio A codificado como E-290. Asemade, o CS CRETUS desenvolve a súa actividade na sede dos grupos que o constitúen: Facultades de Bioloxía, Dereito, Física, Economía, Psicoloxía, Química e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

TÍTULO PRIMEIRO: DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 5. Órganos de goberno

Os órganos de goberno do CS CRETUS son:

a. A Comisión Reitora.

b. O/a Director/a científico/a.

c. O/a Director/a adxunto/a.

O CS CRETUS contará tamén cunha Comisión Científica Externa como órgano asesor.

A maiores destes órganos de goberno o CS CRETUS poderá dotarse de cantas comisións ou comités sexan necesarias para o bo funcionamento do Centro.

Artigo 6. A Comisión Reitora

1. A Comisión Reitora, órgano superior de goberno do Centro, estará composta por,

a. O/A Reitor/a da Universidade que a presidirá e a convocará, ou persoa en quen delegue.

b. O/A Vicerreitor/a con competencia en Investigación, ou persoa en quen delegue.

c. O Xerente, ou persoa en quen delegue.

d. Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado/a polo/a Reitor/a.

e. Un vogal en representación do Consello Social da USC.

f. O/A Director/a Científico/a do Centro Singular.

g. O/A Director/a Adxunto/a do Centro Singular, que actuará así mesmo como secretario/a da Comisión Reitora.

2. A Comisión Reitora reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria as veces que sexa necesario, á iniciativa do Director/a Científico/a, do Director/a Adxunta ou da maioría dos seus membros.

As reunións celebraranse na sede do CS agás no caso de que, por razón xustificada, o/a convocador da reunión acorde un lugar diferente ou ben, mediante o uso de medios electrónicos. A convocatoria, que deberá incluír a Orde do día, a documentación correspondente e as actas da sesión anterior, remitirase a tódolos membros da Comisión con cinco días hábiles de antelación por correo electrónico.

Para a validez da constitución da Comisión Reitora é necesaria a presenza do Director/a e do Director/a Adxunto/a, ou no seu caso da persoa na que recaia a delegación, e polo menos a metade dos seus membros deberán estar presentes na primeira convocatoria. Na segunda convocatoria abondará coa presenza do Director/a e do Director/a Adxunto/a máis un terzo dos membros.

Os acordos poderanse tomar por asentimento, maioría simple dos membros presentes mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas, sempre que así o solicite algún dos membros presentes.

As actas das reunións, que se aprobarán na seguinte sesión ordinaria, estarán a disposición dos seus membros do órgano colexiado que corresponda, para a súa consulta, alo menos 5 días antes. De tódolos xeitos, poderanse expedir certificacións dos acordos adoptados aínda que non estea aprobada a acta correspondente, facendo constar esta circunstancia na certificación.

4. Son funcións da Comisión Reitora:

a) A aprobación do programa xeral de actividades e do Plan Estratéxico do Centro e as súas modificacións.

b) A aprobación da proposta de orzamento de ingresos e gastos, así como a liquidación do mesmo, que acompañado da memoria de actuación, trasladará anualmente ao Consello de Goberno da USC.

c) O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

d) Propor ao Consello de Goberno da USC á incorporación doutras entidades públicas ou privadas á Comisión Reitora, de acordo co previsto no presente regulamento.

e) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación do regulamento de réxime interno.

f) Propor ao Reitor/a o nomeamento e cese do/a Director/a Científico/a.

g) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, e co informe favorable da Comisión Científica Externa, a incorporación de novos investigadores/as ao Centro.

h) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, e co informe da Comisión Científica Externa, a desvinculación de investigadores/as do Centro.

i) Aprobar as medidas propostas pola Comisión Científica Externa e avaliar os seus resultados.

j) Promover os vínculos do Centro con outras institucións.

k) Calquera outras necesarias para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 7. O/a Director/a científico/a

1. O/a Director/a Científico/a do Centro será nomeado/a polo/a Reitor/a a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa. O nomeamento será por un período de catro anos, prorrogables outros catro.

2. Serán funcións do/a Director/a Científico/a do Centro as seguintes:

a) Exercer a Dirección do Centro, promovendo a súa proxección exterior.

b) Asistir ás reunións da Comisión Reitora do Centro.

c) Organizar e coordinar os medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do Centro.

d) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites establecidos polo Comisión Reitora e polas normas da USC.

e) Propor a contratación de persoal investigador, de apoio á investigación e administrativo do Centro, de acordo cos canles establecidos na USC.

f) Propor a adquisición de infraestruturas para o Centro.

g) Elaborar a memoria científica anual e a planificación estratéxica do Centro.

h) Desenvolver mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxias e colaboracións entre grupos de investigación do Centro ou entre estes e grupos externos.

i) Trasladar ao persoal investigador as directrices oportunas co fin de que a actividade investigadora desenvolvida no Centro se adecúe ao Plan estratéxico do Centro e aos obxectivos científicos do mesmo, todo iso de acordo coa Comisión Reitora e co informe da Comisión Científica Externa.

j) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Reitora.

Artigo 8. O/a Director/a adxunto/a

1. O/a Director/a Adxunto/a do Centro será nomeado polo Reitor/a da USC entre os/as investigadores/as vinculados/as ao Centro, a proposta do Director Científico.

2. Serán funcións do/a Director/a Adxunto/a as seguintes:

a) Coordinar a xestión económica e administrativa.

b) Elaborar a proposta de estrutura organizativa da administración do Centro, de conformidade coas necesidades que se deriven dos obxectivos establecidos no Plan Estratéxico e aprobados pola Comisión Reitora.

c) Coordinar a xestión de infraestruturas.

d) Colaborar co/coa Director/a Científico/a na elaboración do orzamento anual do Centro.

e) Asistir ao/á Director/a Científico/a na elaboración da Memoria de Actividades Anual e da Planificación Estratéxica do Centro.

f) Promover a procura de financiamento do Centro e xestionar a execución das axudas que o Centro como tal poda percibir.

g) Asegurar o cumprimento das normas de prevención de riscos e de seguridade no traballo.

h) Asistir ao/á Director/a Científico/a nas súas funcións.

i) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada polo/a Director/a Científico/a ou pola Comisión Reitora.

3. O Director/a adxunto/a exercerá as funcións de Secretario do Centro.

Artigo 9. A Comisión Científica Externa

1. A Comisión Científica Externa será un órgano asesor integrado por 7 membros de recoñecido prestixio científico internacional no ámbito de actuación do Centro.

2. Os membros da Comisión Científica Externa serán nomeados polo Reitor a proposta da Comisión Reitora. Este nomeamento farase por un período de catro anos, renovables.

3. Serán funcións da Comisión Científica Externa as seguintes:

a) Asesorar á Dirección Científica e ao Comisión Reitora sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Centro así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.

b) Asistir á Dirección Científica e ao Comisión Reitora sobre o seguimento da evolución da investigación e do Centro e da transferencia dos resultados da investigación.

c) Avaliar periodicamente a actividade científica dos investigadores/as vinculados ao Centro, e emitir os correspondentes informes de valoración.

d) Informar sobre o interese da vinculación de novos investigadores/as titulares e/ou asociados/as ao Centro.

e) Avaliar anualmente as memorias de actividades do Centro.

f) Avaliar globalmente cada catro anos a actividade do Centro.

Artigo 10. Comités Asesores

Para facilitar o funcionamento e o desenvolvemento da súa actividade, o CS poderá contar con comités asesores, entre eles:

• Comité do Talento que asesorará ao director/a científico/a no seguimento o desenvolvemento da estratexia de apoio á Carreira Científica no CS CRETUS, así como na execución das accións correspondentes á atracción, xestión e formación do talento. Estará integrado, polo menos, por tres investigadores/as adscritos e un deles actuará como coordinador do comité.

• Comité de Coñecemento que asesorará ao director/a científico/a na coordinación das actividades previstas na axenda científica, con especial énfase en garantir o desenvolvemento do enfoque de investigación integral / integrador de CS CRETUS. Ademais, prestará especial atención á promoción da excelencia, á investigación colaborativa e interdisciplinaria do CS, así como á participación dos seus investigadores en redes de investigación rexionais, nacionais e internacionais. Estará integrado, polo menos, por tres investigadores/as adscritos e un deles actuará como coordinador do comité.

• Comité de Innovación e Sociedade que asesorará ao director/a científico/a na relación entre o CS e os axentes externos, especialmente co tecido produtivo e as administracións, promovendo a transferencia de tecnoloxía e a xeración de proxectos compartidos de I+D+i aliñados coa axenda científica do CS CRETUS. Así mesmo, encargarase de asesorar na adaptación ás novas prácticas e tendencias en investigación (ciencia aberta, implicación cidadá, políticas de igualdade, transparencia, etc.) aos mecanismos de traballo do CS. Estará integrado, polo menos, por tres investigadores/as adscritos e un deles actuará como coordinador do comité.

• Comité de Dirección que asesorará ao director/a científico/a no seguimento e correcta execución do plan estratéxico do CS, facendo especial fincapé nas tarefas de visibilidade, avaliación e seguimento do desenvolvemento do plan. Estará composta polo director/a científico/a, director/a adxunto/a e os coordinadores dos tres comités dos eixos estratéxicos:Talento, Coñecemento, Innovación e Sociedade e reunirase cunha periodicidade mensual.

• Comité Social e Empresarial: será un órgano asesor, integrado por profesionais do sector públicoprivado de prestixio no ámbito de actuación do CS coa finalidade de asesorar á Comisión Reitora en canto á aplicabilidade dos resultados acadados e suxerir novas actividades que supoñan un mellor entroncamento coa sociedade.

TÍTULO SEGUNDO: DO PERSOAL E DA ORGANIZACIÓN INTERNA

Artigo 11. Persoal Científico e colaboradores

1. O persoal científico do CS CRETUS estará integrado por:

a. Persoal investigador vinculado que poderá ser:

- Permanente: Enténdese por tal o persoal seleccionado en convocatorias abertas e de xeito competitivo por unha Comisión Científica Externa. Este persoal terá un vínculo permanente coa institución á que pertenza. No caso de persoal alleo ás entidades que conforman o centro, deberá subscribirse o correspondente convenio institucional.

- Non permanente: Enténdese por tal o persoal investigador posdoutoral contratado especificamente con cargo a programas de RRHH competitivos, ou con cargo a proxectos de investigación do Centro Singular.

b. Persoal colaborador. Enténdese por tal o persoal investigador que colabore asiduamente nalgún proxecto ou programa do Centro.

2. Nas actividades do CS poderán participar investigadores colaboradores externos que, sen ter unha vinculación contractual coa USC, manteñan co centro unha colaboración e participación asidua nalgún proxecto ou programa do CS. Estas colaboracións faranse dentro das distintas actividades que contempla a normativa vixente.

3. O persoal científico do CS CRETUS deberá facer constar a súa vinculación en toda a súa produción científica e nas actividades de I+D+i que realice. Todo elo, sen prexuízo da súa pertenza o Departamento correspondente..

4. O CS manterá un rexistro actualizado de todos os seus membros.

Artigo 12. Vinculación. Avaliación. Permanencia

O persoal investigador que desexe vincularse ao CS CRETUS, deberá solicitalo mediante escrito motivado á Dirección Científica, achegando o seu Currículum vitae, e o seu proxecto Investigador , xunto con un compromiso de vinculación por un período de alo menos cinco anos. Para isto, poderanse facer, ademais, convocatorias específicas.

A Comisión Científica Externa do CS CRETUS informará todas as peticións de vinculación ao CS. A vinculación será efectiva cando a Comisión Reitora aprobe a solicitude. Na vinculación teranse en conta os méritos e logros en investigación do solicitante e a súa aliñación coa axenda científica do CS.

A Comisión Científica Externa avaliará periodicamente o rendemento do persoal científico do CS segundo a normativa que estableza a USC. A permanencia deste persoal estará ligada a súa produtividade e calidade científica.

A Comisión Reitora, a proposta da Dirección Científica e á vista dos informes de avaliación, ratificará a permanencia ou cese do persoal do CS.

A vinculación dos investigadores ao centro pode finalizar:

a) A instancias da Comisión Reitora do centro, na base das recomendacións da Comisión Científica Externa e/ou Director/a Científico/a.

b) A instancias do interesado/a, por calquera causa, unha vez acadado o compromiso de vinculación mínimo

c) Por perda de vinculación contractual coa USC.

A vinculación de PDI ao Centro Singular será única, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán adscritas ao mesmo. A actividade do/a investigador/a vinculado/a poda facerse visible a través da organización académica, Departamento ou Centro, ao que pertence a efectos das correspondentes obrigas docentes. A súa vez, a vinculación do PDI implicará o compromiso de aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan, o que quedará debidamente documentado a través da sinatura dun compromiso de vinculación.

Artigo 13. Investigadores/as Garantes

O CS CRETUS incorporará polo menos 7 Investigadores/as Garantes que deben cumprir nos últimos 10 anos criterios de excelencia científica no seu ámbito disciplinar en atención ao impacto das súas publicacións científicas, liderado de proxectos internacionais e nacionais, e transferencia de coñecemento significativa ás contornas sociais e produtivas. Aos efectos deste Regulamento enténdese que os/as Investigadores/as Garantes deben cumprir as seguintes características curriculares:

a) A proposta de Investigadores/as Garantes representará unha selección equilibrada de expertos en cada unha das tres capacidades de investigación do CS CRETUS – Diagnóstico, Tecnoloxía, Impacto - e con actividade nas súas diferentes áreas temáticas – Tratamento de Augas Residuais, Remediación de Solos, Tratamento e Valorización de Residuos, Monitorización da calidade do aire, Sustentabilidade de procesos.

b) Impacto das publicacións nos últimos 10 anos

a. Ter un impacto normalizado das publicacións científicas no seu campo científico a nivel internacional (FWCI) (segundo as citas da base de datos Scopus (SJR) ou WoS) igual ou superior a 1,3.

De xeito alternativo,

b. Ter publicado, ao menos, o 75% dos seus artigos no primeiro cuartil (Q1) de revistas dentro das súas áreas temáticas

c) Participación en proxectos como Investigador Principal (IP ou co-IP) en polo menos un proxecto competitivo a nivel nacional ou internacional nos últimos 5 anos.

Artigo 14. Obrigas docentes

O profesorado universitario integrado no CS manterá as súas obrigas docentes na Universidade en Graos e Posgraos. A súa dedicación ao CS afectará tan só á súa actividade investigadora, sen prexuízo da posibilidade de dispensar actividades formativas ou de especialización no CS.

Artigo 15. Planificación estratéxica. Programas científicos

O CS CRETUS, por medio dos seus órganos de goberno, elaborará e aprobará un plan estratéxico plurianual que dirixirá e impulsará o desenvolvemento de todas as súas actividades relacionadas co seu funcionamento operativo. Neste plan fixaranse os obxectivos do CS para os vindeiros catro anos, os eixos estratéxicos, liñas de investigación e as actividades de transferencia ou de formación especializada a desenvolver. A Comisión Científica Externa colaborará na elaboración e seguimento do plan.

Para unha mellor organización da investigación, poderanse desenvolver programas científicos nos que poderán participar o persoal científico do CS. Un/ha investigador/a poderá participar en varios programas simultaneamente.

TÍTULO TERCEIRO: DO RÉXIME ECONÓMICO E MEDIOS MATERIAIS

Artigo 16. Orzamento do CS

1. O CS terá o seu propio orzamento que será elaborado, aprobado e executado de acordo co establecido neste Regulamento.

2. O orzamento do CS estará integrado nos orzamentos xerais da Universidade e será xestionado de acordo coas normas xerais orzamentarias que lle sexan aplicables.

Artigo 17. Ingresos do CS

Son ingresos do CS:

a) As cantidades que se adscriban ao CS nos orzamentos xerais da Universidade.

b) As cantidades recibidas para a realización de proxectos e outras actividades de investigación.

c) Os ingresos que puideran existir pola realización de actividades investigadoras, de formación especializada e de asesoramento ou de calquera outro tipo.

d) As doazóns lucrativas outorgadas por entidades públicas ou privadas e persoas físicas.

Artigo 18. Contratación

O CS e o seu persoal científico poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico ou de asesoramento, así como o desenvolvemento de cursos de especialización, nas condicións establecidas nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normativa aplicable.

Artigo 19. Inventario

1. Os bens inventariables que adquira ou reciba por doazón o CS, ou os seus investigadores/as para o cumprimento deses contratos, serán propiedade da Universidade de Santiago de Compostela e estarán adscritos totalmente ao cumprimento dos fins do CS.

2. Os membros do CS deben colaborar no mantemento do devandito inventario.

Artigo 20. Organización de Actividades

O CS CRETUS poderá organizar, con cargo ao seu orzamento, calquera actividade científica ou de formación especializada nos ámbitos recollidos no seu plan estratéxico, sempre en consonancia cos seus fins, recollidos no artigo 3 deste Regulamento.

TÍTULO CUARTO: AVALIACIÓN E SEGUIMENTO

Artigo 21. Modelo de seguimento e avaliación de actividades

A actividade do CS CRETUS estará guiada por unha planificación estratéxica cuadrienal rigorosa, aprobada pola Comisión Reitora, e estará sometida a mecanismos de seguimento e avaliación externa periódica.

a) Avaliación anual das memorias de actividade investigadora e actividade económica do CS CRETUS pola Comisión Científica Externa, que analizará a evolución das actividades e o grado de cumprimento dos obxectivos expostos no plan estratéxico. As memorias e informes serán trasladadas á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.

b) Avaliación global, cada catro anos, consistente nunha análise rigoroso da actividade e da organización do centro, e conducente á toma de decisións en canto á planificación estratéxica, ao uso de espazos e infraestruturas, á orientación temática da investigación, á vinculación dos/das investigadores/as ao centro e mesmo á continuidade do centro como tal. A avaliación realizarase por parte do Comisión Científica Externa en base a criterios de calidade científica, produtividade, cumprimento de obxectivos e adecuación ás liñas temáticas definidas para o centro. Os informes de avaliación serán trasladados á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.

c) Avaliación do persoal investigador vinculado ao Centro cada catro anos pola Comisión Científica Externa en base a súa produtividade e calidade científica, e do seu aliñamento ao plan estratéxico e axenda científica do Centro.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

1.- Unha vez que este Regulamento entre en vigor, nomearase un Director/a comisario/a e iniciarase o proceso de avaliación/vinculación/desvinculación de investigadores/as ao Centro Singular baixo a supervisión e asesoramento da Comisión Científico Externa.

2.- Rematado o proceso de vinculación/desvinculación, elaborarase o censo do persoal investigador e asociado ao Centro Singular.

3.- Concluído o procedemento de conformación do novo censo do Centro Singular, constituiranse os novos órganos e procederase a designar ao novo Director ou Directora.

DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR

Este regulamento entrará en vigor na data de publicación no taboleiro oficial electrónico de anuncios da USC, logo da aprobación da creación do CS por Consello de Goberno, previo informe favorable do Consello Social.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver