Regulamento de Réxime Interno do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0293
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

TÍTULO I - DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Constitución, natureza e réxime xurídico

1. O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) constituíuse como Centro Singular de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do previsto no artigo 41 da Lei Orgánica 6/2001 de 21 de decembro de Universidades e no artigo 62 dos estatutos da USC.

2. O centro réxese por:

a) A Lei Orgánica de Universidades e as súas disposicións regulamentarias.

b) A Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia.

c) A Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación.

d) A Lei 5/2013, de 30 de maio, de Fomento da Investigación e da innovación de Galicia.

e) Os Estatutos da USC e demáis normas de desenvolvemento.

f) O Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación da USC.

g) O presente Regulamento de Réxime Interno.

3. O centro forma parte dunha rede de centros de excelencia en investigación denominada Rede de Centros Singulares de Investigación promovidos pola USC como eixo fundamental na creación do CAMPUS VIDA, Campus de Excelencia Internacional cun perfil investigador orientado cara ás ciencias e tecnoloxías da vida.

Artigo 2.- Obxecto, ámbito de actuación e vixencia

O obxectivo científico global do centro é o desenvolvemento de investigación transdisciplinar, básica e aplicada, para abordar problemas científica e tecnolóxicamente relevantes no ámbito da química biolóxica e sintética e na creación de novos materiais funcionais. Os obxetivos básicos específicos do centro son, entre outros:

a) O desenvolvemento de proxectos de investigación financiados con fondos procedentes de convocatorias competitivas ou de contratos con entidades públicas ou privadas nos ámbitos anteditos.

b) A transferencia e valorización dos resultados de investigación baseados na protección do coñecemento e no emprendemento.

c) A formación de investigadores no seu ámbito de especialización.

d) A colaboración con outros centros académicos do seu entorno.

e) A creación de alianzas estratéxicas con axentes públicos e privados no ámbito da investigación e da innovación.

f) A difusión da investigación a través de cursos, seminarios, conferencias e xornadas, e outras actividades dirixidas ao público en xeral.

g) O establecemento e participación en redes e proxectos de investigación de ámbito internacional.

h) Calquera outra actividade relacionada coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en química biolóxica e en materiais moleculares.

TITULO II ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 3.- Órganos de goberno

1. O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

a. A Comisión Reitora

b. O/a Director/a científico/a

c. O/a Director/a adxunto/a

O CIQUS contará tamén cunha Comisión Científica Externa como órgano asesor e avaliador.

A maiores destes órganos, o CIQUS poderá dotarse de cantas comisións ou grupos de traballo sexan necesarios para o bo funcionamento do Centro.

Artigo 4.- Da Comisión Reitora

1. A Comisión Reitora será o órgano superior de goberno do centro, estará inicialmente composta polo menos por,

a. O/A Reitor/a da Universidade que a presidirá e a convocará, ou persoa en quen delegue.

b. O/A Vicerreitor/a con competencia en materia de Investigación da USC, ou persoa en quen delegue.

c. O/A Xerente, ou persoa en quen delegue.

d. Un/ha vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo Reitor.

e. O/A Presidente/a do Consello Social da USC, ou persoa en quen delegue.

f. Un/ha vogal en representación da Consellería con competencias en educación e universidades, nomeado polo/a Conselleiro/a.

g. Un/ha vogal en representación do CSIC, nomeado polo/a Presidente/a.

h. O/A Director/a Científico/a do Centro Singular.

i. O/A Director/a Adxunto/a do Centro Singular, que actuará así mesmo como secretario/a da Comisión Reitora

2.- Os membros universitarios deberán representar sempre a maioría da Comisión Reitora.

Artigo 5.- Competencias da Comisión Reitora

1.- Sen menoscabo das competencias que, de acordo coa normativa vixente, sexan propias dos órganos superiores de goberno da USC, son competencias da Comisión Reitora do centro,:

a) A aprobación do programa xeral de actividades e do plan estratéxico do centro e as súas modificacións.

b) A aprobación da proposta de orzamento de ingresos e gastos, así como a liquidación do mesmo, que acompañado da memoria de actuación, trasladará anualmente ao Consello de Goberno da USC.

c) A proposición de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins, conforme o procedemento establecido na USC.

d) O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

e) Propor ao Consello de Goberno da USC a incorporación doutras entidades públicas ou privadas á Comisión Reitora, de acordo co previsto no presente regulamento .

f) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación do presente regulamento de réxime interno.

g) Propor ao/á Reitor/a o nomeamento e cese do/a Director/a Científico/a e establecer os mecanismos para a súa selección .

h) Aprobar, a proposta da Dirección Científica e co informe favorable da Comisión Científica Externa, a incorporación de novos investigadores principais ao Centro.

i) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, sexa a petición propia do interesado/a ou tras o e informe da Comisión Científica Externa, a desvinculación de investigadores/as principais do Centro.

j) Aprobar as medidas propostas pola Comisión Científica Externa e avaliar os seus resultados.

k) Promover os vínculos do centro con outras institucións.

l) Calquera outras necesarias para o cumprimento dos seus fins.

2.- A Comisión Reitora reunirase, cando menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria as veces que sexa necesario, sempre que o presidente o estime oportuno ou o soliciten, é cando menos, un terzo dos seus membros.

As convocatorias para as sesións da Comisión Reitora, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o/a Presidente/a, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación a cada un dos membros, por calquera medio que permita a constancia da súa recepción, preferiblemente mediante o uso de medios electrónicos.

As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de anticipación á data en que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do/a Presidente/a que poderá convocarse con 48 horas de antelación. Na convocatoria indicaranse os puntos a tratar e a documentación correspondente, o día, a hora e o lugar de celebración.

Asemade o/a Presidente/a da Comisión poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que estime oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituído a Comisión Reitora para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o/a Presidente/a e o/a Secretario/a ou quen faga as súas funcións.

En segunda convocatoria, a constitución da Comisión será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles o/a Presidente/a e o/a Secretario/a ou quen faga as súas funcións.

A Comisión Reitora adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos dos membros presentes, mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas, sempre que así o solicite algún dos membros presentes .

3.- Os votos dos membros da Comisión Reitora poderán delegarse na persoa que legalmente o substitúa ou en calquera outro membro da Comisión Reitora. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase a efectos de quórum.

Artigo 6.- Do/a Director/a Científico/a:

1. O/a Director/a Científico/a do Centro será nomeado/a polo/a Reitor/a, entre o persoal investigador vinculado permanente ao Centro, a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa. O nomeamento será por períodos de catro anos, prorrogables.

2. Serán funcións do/a Director/a Científico/a do centro as seguintes:

a) Exercer a Dirección do centro, promovendo a súa proxección exterior.

b) Asistir as reunións da Comisión Reitora do centro e executar os acordos adoptados no seu ámbito.

c) Organizar e coordinar, xunto co/a Director/a Adxunto/a, os medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do centro.

d) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites establecidos polo Comisión Reitora e polas normas da USC.

e) Propor a contratación de persoal investigador, de apoio á investigación e administrativo do centro, de acordo cos canles establecidos na USC.

f) Propor a adquisición de infraestruturas para o centro.

g) Elaborar, xunto co Director Adxunto, a memoria científica anual e a planificación estratéxica do centro.

h) Desenvolver mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxías e colaboracións entre grupos de investigación do centro ou entre estes e grupos externos.

i) Establecer o modelo de organización científica do centro, seguindo o asesoramento da Comisión Científica Externa e, de selo caso, designar entre o persoal investigador vinculado ao CIQUS, aos Investigadores Principais do centro, xefes de grupo e/ou responsables de área.

j) Trasladar ao persoal investigador as directrices oportunas co fin de que a actividade investigadora desenvolvida no centro se adecúe ao Plan estratéxico do centro e aos obxectivos científicos do mesmo, todo iso de acordo coa Comisión Reitora e co informe da Comisión Científica Externa.

k) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Reitora.

Artigo 7.- O/a Director/a Adxunto/a

1. O/a Director/a Adxunto/a do centro será nomeado polo/a Reitor/a entre o persoal investigador vinculado permanente ao Centro, a proposta do Director Científico, e co informe favorable da Comisión Reitora.

2. Serán funcións do/a Director/a Axunto/a, as seguintes:

a) Coordinar a xestión económica e administrativa.

b) Elaborar a proposta de estrutura organizativa da administración do Centro, de conformidade coas necesidades que se deriven dos obxectivos establecidos no plan estratéxico e aprobados pola Comisión Reitora.

c) Coordinar a xestión de espazos e infraestruturas.

d) Colaborar co/coa Director/a Científico/a na elaboración e execución do orzamento anual do Centro.

e) Asistir ao/á Director/a Científico/a na elaboración da Memoria de Actividades Anual e da Planificación Estratéxica do Centro.

f) Promover a procura de financiamento do Centro e xestionar a execución das axudas que o Centro como tal poda percibir.

g) Asegurar o cumprimento das normas de prevención de riscos e de seguridade no traballo.

h) Asistir ao/á Director/a Científico/a nas súas funcións.

i) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada polo/a Director/a Científico/a ou pola Comisión Reitora.

3. O/a Director/a adxunto/a exercerá as funcións de Secretario/a do centro.

Artigo 8.- Comisión Científica Externa

1. A Comisión Científica Externa será un órgano asesor integrado polo menos por 7 membros de recoñecido prestixio científico internacional no ámbito de actuación do CIQUS.

2. Os membros da Comisión Científica Externa serán nomeados polo/a Reitor/a a proposta da Comisión Reitora. Este nomeamento farase por un período de catro anos, renovables.

3. Serán funcións da Comisión Científica Externa as seguintes:

a) Asesorar á Dirección do centro e á Comisión Reitora sobre a definición temática e orientación do proxecto científico a desenvolver no centro, así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno

b) Asistir á Dirección do centro e á Comisión Reitora sobre o seguimento da evolución da investigación e do Centro e da transferencia dos resultados da investigación.

c) Informar sobre o interese da vinculación de novos/as investigadores/as ao centro, e avaliar as solicitudes presentadas as convocatorias de adscrición que se podan establecer.

d) Avaliar periodicamente a actividade científica do centro e dos seus investigadores, de acordo cos mecanismos de seguimento establecidos neste Regulamento, e conforme aos procedementos que considere oportunos. O esquema de avaliación incluirá, necesariamente:

i. Avaliación anual da memoria de actividades do centro

ii. Avaliación global, cada catro anos, da actividade do centro

iii. Avaliación periódica da actividade científica dos investigadores/as vinculados/as ao centro e a emisión dos correspondentes informes de valoración.

TÍTULO III PERSOAL

Artigo 9.- Tipos de persoal

1. O CIQUS estará integrado por persoal investigador, persoal de apoio á investigación e persoal de administración destinado nese centro.

Artigo 10.- Persoal investigador

1. O CIQUS contará co seguinte persoal investigador:

a) Persoal investigador vinculado que poderá ter a condición de:

i. Persoal permanente da USC ou de outras institucións. A vinculación ao CIQUS estará necesariamente asociada á súa selección en convocatorias abertas e competitivas, e a un informe positivo da Comisión Científica Externa. No caso de persoal alleo á USC, deberá subscribirse o correspondente convenio institucional.

ii. Persoal non permanente: Enténdese por tal o persoal investigador doutor contratado específicamente con cargo a programas de RRHH competitivos, ou con cargo a proxectos do centro. No caso de persoal alleo á USC, deberá subscribirse o correspondente convenio institucional

b) Persoal colaborador: Enténdese por tal o persoal investigador non vinculado ao CIQUS, que colabore asiduamente nalgún proxecto ou programa do centro, e que conte coa autorización da Dirección para desenvolver traballo no mesmo, dependente do(s) investigador(es) vinculado(s) co(s) que colabore.

2. Tamén formará parte do CIQUS o persoal investigador en formación (predoutoral) e o persoal investigador colaborador e asociado, que desenvolva o seu traballo baixo a dirección dun/dunha investigador/a vinculado/a e conte cun contrato de carácter temporal con cargo a programas de RRHH competitivos ou con cargo a proxectos de investigación do centro

Artigo 11.- Persoal de apoio á investigación

1. O centro poderá contar con persoal de apoio á investigación con destino no centro, ou contratado para obra ou servizo determinado, que levarán a cabo tarefas de apoio técnico e de xestión.

2. A Dirección do CIQUS será responsable de identificar as necesidades de persoal de apoio á investigación, na procura do mellor funcionamento do centro e da incentivación e apoio específico a áreas e liñas de investigación.

Artigo 12.- Persoal de administración

1. O centro poderá contar con persoal de administración e servizos da USC con destino no centro, ou contratado temporalmente para obra ou servizo determinado, que levarán a cabo tarefas de apoio administrativo.

2. A Dirección do CIQUS será responsable de identificar as necesidades de persoal de administración, na procura do mellor funcionamento do centro e da incentivación e apoio específico a áreas e liñas de investigación.

Artigo 13.- Investigadores/as Principais

De acordo coa organización científica do centro, terán a condición de Investigadores/as Principais do CIQUS os investigadores vinculados permanentes, e aqueles investigadores vinculados non permanentes que concorran e superen o oportuno proceso competitivo de selección, de acordo co procedemento establecido no presente regulamento.

Artigo 14.- Procedemento de vinculación e desvinculación de investigadores principais

1. A vinculación ao CIQUS de persoal investigador permanente e a vinculación do persoal non permanente na condición de investigador/a principal, levarase a cabo a través de procesos competitivos de selección, avaliados pola Comisión Científica Externa do centro, e que aprobará á Comisión Reitora, a proposta da Dirección Científica, como órgano responsable de aprobar a vinculación. A selección realizarase en base a criterios de calidade investigadora, liderado científico e idoneidade coas prioridades científicas do centro.

2. A vinculación ao centro implicará o compromiso de aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan o que, no caso dos Investigadores Principais do centro, quedará debidamente documentado a través da sinatura dun compromiso de vinculación.

3. A vinculación dos investigadores/as ao CIQUS será única, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán adscritas ao mesmo. A vinculación ao centro afectará ao desenvolvemento da actividade investigadora, sen que supoña, no seu caso, a perda de adscrición ao Departamento da USC ao que pertenza e sen menoscabo das súas obrigas docentes.

4. O compromiso de vinculación será, como mínimo, de cinco anos

5. A vinculación do persoal investigador ao centro pode finalizar:

a) A instancias do Comisión Reitora do centro, na base das recomendacións da Comisión Científica Externa e/ou da Dirección do Centro.

b) A instancias do/a interesado/da, por calquera causa, cun aviso previo de 9 meses, salvo que haxa un acordo para establecer outro prazo.

c) Por perda da vinculación coa universidade.

d) No caso de investigadores pertencentes a outra institución, por perda de vinculación coa institución de orixe ou por perda de vixencia do convenio institucional ou autorización que ampare a adscrición ao centro.

Artigo 14.- Investigadores/as Garantes

1. O CIQUS contará, en todo momento, cun número significativo de Investigadores/as Garantes, considerando como tales aos/as investigadores/as vinculados/as que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avalen e garantan o desenvolvemento da axenda científica e os obxectivos do centro. De acordo co establecido no regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación da USC, o CIQUS contará en todo momento cun mínimo de 7 investigadores garantes.

2. A Comisión Científica Externa do CIQUS identificará e avalará, cando así se requira, aos investigadores vinculados que cumpran a condición de Investigadores Garantes en base aos criterios que considere oportunos, que haberán de ter en conta a excelencia e impacto da produción científica, o liderado de proxectos internacionais e nacionais e/ou a transferencia de coñecemento significativa ás contornas sociais e produtivas nos últimos 10 anos.

3. En ausencia dunha avaliación específica por parte da Comisión Científica Externa, tomaranse como criterios para a identificación de Investigadores Garantes, os establecidos nas convocatorias da Axencia Estatal de Investigación para a acreditación de centros e unidades de investigación de excelencia.

Artigo 15.- Proxección e visibilidade

1. En calquera publicación ou difusión dos resultados científicos (artigos, comunicacións, relatorios, participación en congresos, aparición en medios de comunicación) e, en xeral, en todos os documentos que se xeren con motivo da súa actividade, o persoal investigador vinculado ao CIQUS visibilizará a súa pertenza ao centro de acordo coas instrucións que en cada momento traslade a Dirección do CIQUS.

2. No que se refire especificamente ás publicacións científicas, o persoal investigador vinculado ao CIQUS fará constar sempre a súa pertenza ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), de acordo co establecido na instrución do 1 de setembro de 2015 sobre a normalización da afiliación institucional nas publicacións do persoal da USC, ou na normativa que a substitúa.

3. En ningún caso poderá utilizarse a filiación ao CIQUS por parte de persoal investigador non vinculado formalmente ao centro, incluíndo o persoal colaborador mencionado no Art. 10.1.b .

4. En ningún caso poderá utilizarse a imaxe corporativa do CIQUS por parte de persoal alleo ao centro nin para fins diferentes dos indicados nos puntos anteriores, agás autorización expresa por parte da Dirección.

TÍTULO IV RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 16.- Recursos

1. Serán ingresos do centro:

a) As achegas da USC, que gardarán relación cos custes indirectos asociados ás actividades de investigación do persoal vinculado, e as establecidas a través doutros conceptos recollidos nos orzamentos da universidade.

b) As axudas obtidas a través de convocatorias públicas ás que o centro poida concorrer.

c) As axudas, subvencións e doazóns outorgadas ao centro por organismos ou entidades públicas e por persoas privadas.

d) As cantidades procedentes de proxectos e contratos de investigación dirixidos polo persoal do centro.

e) Calquera outro ingreso que lle corresponda recibir.

Artigo 17.- Orzamento

1. A Comisión Reitora aprobará anualmente a proposta do orzamento de ingresos e gastos correspondente ás partidas e actividades xestionadas pola Dirección do centro, acompañado da memoria de actuación.

2. O control de carácter económico-financeiro do centro realizarase de acordo coa normativa vixente.

TÍTULO V AVALIACIÓN E SEGUIMENTO

Artigo 18.- Modelo de seguimento e avaliación de actividades

1. A actividade do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares estará guiada por unha planificación estratéxica cuadrienal rigorosa, aprobada pola Comisión Reitora, e estará sometida a mecanismos de seguimento e avaliación externa periódica.

a) Avaliación anual das memorias de actividade investigadora e actividade económica por parte do Comisión Científica Externa, que analizará a evolución da actividade e o grao de cumprimento dos obxectivos definidos no plan estratéxico. As memorias e informes serán trasladadas á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.

b) Avaliación global, cada catro anos, consistente nunha análise rigorosa da actividade e da organización do centro, e conducente á toma de decisións en canto á planificación estratéxica, ao uso de espazos e infraestruturas, á orientación temática da investigación, á vinculación do persoal investigador ao centro e incluso á continuidade do centro como tal. A avaliación realizarase por parte do Comisión Científica Externa en base a criterios de calidade científica, produtividade, cumprimento de obxectivos e adecuación ás liñas temáticas definidas para o centro. O informes de avaliación serán trasladados á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.

c) Avaliación do persoal investigador vinculado ao Centro polo menos cada catro anos pola Comisión Científica Externa en base a súa produtividade e calidade científica, e do seu aliñamento ao plan estratéxico e axenda científica do Centro.

2. Adicionalmente, as institución e entidades públicas ou privadas que no seu caso contribúan ao sostemento do centro poderán establecer os mecanismos de avaliación externa que considere oportunos, co fin de estimar o grao de cumprimento dos obxectivos ligados ao seu compromiso de apoio.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

No momento da súa entrada en vigor este Regulamento derroga o Regulamento de réxime interno do CIQUS aprobado por Consello de Goberno na súa sesión do 17 de febreiro de 2010 e modificado nas sesións do 25 de marzo de 2020 e do 21 de febreiro de 2014.

DISPOSICIÓN FINAL

Este regulamento aprobado polo Consello de Goberno o día 29 de outubro de 2021 entrará en vigor coa publicación do acordo do Consello de Goberno no taboleiro electrónico da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver