Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha saúde global (iARCUS)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1160
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Aprobado no Consello de Goberno de 21 de marzo do 2024.

PREAMBULO

A creación do Instituto de Acuicultura (IA) foi aprobada no ano 1998 polos órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela e o Consello de Goberno da Xunta, e avaliado positivamente polo Consello de Universidades, constituíndose como o único instituto de acuicultura no ámbito universitario de España. Tamén foi avalado polos logros obtidos polos grupos do IA no ámbito da actividade de I+D+i, da transferencia de tecnoloxía ás empresas do sector, da elaboración de patentes, da capacidade de formación reflexada na xestión dun programa de doutoramento, da promoción do Máster de Acuicultura, do número de teses de doutoramento desenvolvidas e dos cursos de formación continuada ofertados, ou no seu papel en estruturas máis complexas de investigación como redes ou plataformas.

No ano 2010, o IA participou no “Plan de promoción da actividade dos Institutos Universitarios de Investigación”. Despois dunha avaliación externa e unha validación interna, o IA foi avaliado positivamente.

No período 2016-17 o IA elaborou o seu Plan de Acción seguindo as directrices do Regulamento de Creación e Xestión dos Institutos de Investigación da USC e do Acordo sobre Transición dos Institutos Universitarios de Investigación Activos promovido pola Vicerreitoría de Investigación da USC. Despois dunha avaliación externa e unha avaliación interna a proposta do IA recibiu unha valoración (A + A) satisfactoria.

Posteriormente, o IA presentou a súa Proposta de Regulamento de Réxime Interno que foi aprobada pola Xunta de Goberno do IA e polo Consello de Goberno da USC o 28 de setembro de 2018. O 14 de decembro de 2018 foron nomeados os membros da Comisión Asesora Externa.

Durante o ano 2019 realizouse o proceso de avaliación e vinculación dos investigadores ao Instituto baixo o asesoramento da Comisión Asesora Externa. A lista de investigadores vinculados aprobouse na Xunta de Goberno do IA o 20 de febreiro de 2019. O novo Consello Científico quedou constituído na reunión de 7 de marzo de 2019 por 22 profesores docentes investigadores (PDI).

Na Xunta de Goberno do 6 de outubro de 2023 aprobouse a transformación da súa Axenda Científica, coa intención de dar cabida a outras áreas de coñecemento, así como de actualizar as súas prioridades de I+D+i e adecualas as novas políticas e estratexias internacionais. As novas áreas da axenda científica teñen por obxecto o desenvolvemento da investigación, tanto básica como aplicada, do medio acuático, mariño e continental, abordado desde tres eixos:a súa sustentabilidade como ecosistema do que depende a sociedade (Auga e Saúde Ambiental), a súa interacción cos seres vivos que o ocupan (Auga e Saúde Animal), e a súa relación coa saúde dos cidadás (Auga e Saúde Humana). A finalidade do instituto queda definida na axenda científica e no seu plan estratéxico, o cal facilita a organización e posta en marcha do mesmo.

Despois da aprobación da nova Axenda Científica abriuse un novo proceso de vinculación de investigadores para poder captar persoal que traballe nos novos eixos de investigación. Como resultado desde proceso a lista de investigadores vinculados consta de 33 investigadores dos cales 12 xa estaban vinculados anteriormente, aprobada na Xunta de Goberno do 4 de decembre do 2023.

Outra consecuencia da nova Axenda Científica é a de formular unha nova denominación do nome do instituto, na que se inclúa a nova investigación do medio acuático, mariño e continental, baixo os tres eixos:a súa sustentabilidade, a súa interacción cos seres vivos que o ocupan, e a súa relación coa saúde dos cidadás. A nova denominación será Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global, co acrónimo iARCUS, e o logo usará o termo A1HRCUS (Aquatic One Health Research Center).

CAPÍTULO I - Denominación, naturaleza, fins e sede

Artigo 1. Denominación

O Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) constitúese como Instituto de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), creado mediante Decreto 243/1997 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta (D.O.G. de 12/09/1997), co gallo de adaptarse as novas iniciativas e políticas de I+D+I internacionais, e co obxectivo estratéxico de desenvolver coñecemento de excelencia como base para o progreso e competencia no medio acuático, mariño e continental, dentro da estratexia dunha “Saúde Global (One Health)”.

Artigo 2. Natureza

O Instituto iARCUS, como Instituto propio da USC, depende orgánicamente do Consello de Goberno da USC e rexerase por:

a) A Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, de universidades.

b) A lei 6/2013 de 13 de xuño do sistema Universitario de Galicia.

c) Os Estatutos da USC.

d) O Regulamento de Creación de Institutos da USC, de 18 de outubro de 2017 modificado o 31 de xaneiro de 2018.

e) O presente Regulamento.

O Instituto forma parte do conxunto de Institutos Universitarios de Investigación da USC, como unha unidade de investigación supragrupal, cunha vocación de referencia e permanencia, integrando investigadores de elevada competencia científica e tecnolóxica no ámbito da Saúde Global (One Health) do medio acuático, mariño e continental, en todas as súas vertentes, tanto básicas como aplicadas, actuando como referencia na súa proxección académica, social e económica.

Artigo 3. Fins do Instituto

A finalidade do Instituto é a investigación de excelencia e o desenvolvemento tecnolóxico no campo dunha Saúde Global (One Health) do medio acuático para abordar unha prioridade mundial desde unha perspectiva e cunha estratexia multidisciplinar interactiva, aportando capacidades propias, e promovendo a interacción con outras institucións rexionais, nacionais e internacionais.

Os obxectivos básicos do instituto son, entre outros:

a) Planificar, desenvolver e avaliar periodicamente a súa Axenda Científica na que se reflectiran os obxectivos científicos e as liñas de investigación do Instituto.

b) Formar talento investigador e apoiar o desenvolvemento da carreira científica seguindo as directrices fixadas na estratexia de xestión de recursos humanos de investigación da universidade.

c) Proxectar cara o tecido científico, social e produtivo as capacidades e o coñecemento xerado no desempeño da súa misión a través da divulgación, valorización e transferencia.

d) Adoptar unha orientación internacional para favorecer o desenvolvemento de colaboracións científicas, o acceso a redes e a participación en iniciativas institucionais.

e) Actuar considerando os principios de investigación e innovación responsables no que se refire a cuestións éticas, políticas de xénero, acceso aberto e implicación coa sociedade e a cidadanía.

Artigo 4. Sede

A sede central do Instituto será o edifício da rúa Constantino Candeira nº 7, antes o antigo Instituto de Acuicultura.

Adicionalmente, as actividades do Instituto desenvolveranse nas facultades e demais edificios da USC nos que desenvolva a súa actividade o persoal investigador vinculado ao mesmo.

CAPÍTULO II - Dos Órganos de Goberno

Artigo 5. Órganos de Goberno

O Instituto iARCUS estará rexido por órganos de goberno colexiados e unipersoais.

Os órganos colexiados son:

- Xunta de Goberno

- Consello Científico

Os órganos unipersoais son:

- Director ou Directora

- Secretario ou Secretaria Actuará como órgano consultivo do Instituto a Comisión Asesora Externa (CAE)

Artigo 6. Xunta de Goberno

1.- Composición. O iARCUS estará rexido por unha Xunta de Goberno composta por:

• O Reitor/a, ou Vicerreitor/a en quen delegue, que a presidirá e convocará.

• O Vicerreitor/a con competencias en investigación da USC.

• Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo Reitor.

• Un vogal en representación do Consello Social da USC.

• O Director ou Directora do Instituto.

• O Secretario ou Secretaria do Instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno.

2.- Funcións. Son funcións da Xunta de Goberno:

a) Aprobar a elección do/a Director/a do Instituto, a proposta do Consello Científico, e cun informe favorable da Comisión Asesora Externa (CAE).

b) Aprobar a remoción do/a Director/a do Instituto, a proposta dunha maioría absoluta dos membros do Consello Científico.

c) Aprobar a proposta de orzamentos e programación do Instituto.

d) Aprobar a memoria anual de actividade e a económica do instituto, e dar conta das mesmas ao Consello de Goberno da USC.

e) Promover o financiamento e dotación do Instituto.

f) Nomear os membros da CAE prevista neste Regulamento e establecer o seu funcionamento.

g) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación deste regulamento.

Artigo 7. O Consello Científico

1.- Composición. O Consello Científico estará formado por:

• O Director ou Directora do Instituto, que o convocará e presidirá.

• O Secretario/a de o Instituto, que será tamén do Consello Científico.

• 2 PDIs por cada gran área de traballo definidas na axenda científica do Instituto.

• 1 representante do persoal investigador non permanente e un representante do persoal en formación vinculado ao Instituto.

Os representantes serán elixidos por sufraxio directo no seo de cada sector agás os PDIs, que o serán por cada grande área de traballo do Instituto.

2.-Funcións. Son funcións do Consello Científico:

a) Propor á Xunta de Goberno do Instituto o nomeamento do/a Director/a previo informe da Comisión Asesora Externa.

b) Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico no Instituto, co informe previo da comisión asesora externa. Este ingreso deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Instituto.

c) Propor a desvinculación do persoal docente e investigador do Instituto á Xunta de Goberno, previo informe da CAE de ser pertinente.

d) Informar das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do Instituto.

e) Programar as actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e vixiar a súa realización.

f) Informar dos contratos do Instituto e dos seus membros.

Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno e do Consello Científico

Tanto a Xunta de Goberno como o Consello Científico reuniranse en sesión ordinaria cando menos unha vez cada ano, e, en sesión extraordinaria, á iniciativa do seu Presidente/a, do Director/a do Instituto ou da maioría dos seus membros.

As reunións celebraranse na sede do Instituto agás no caso de que, por razón xustificada, o/a convocador da reunión acorde un lugar diferente, ou ben, mediante o uso de medios electrónicos. A convocatoria, que deberá incluír a Orde do día e a documentación correspondente, remitirase a tódolos membros con 48 horas de antelación por correo electrónico.

Para a validez da constitución da Xunta de Goberno ou do Consello Científico é necesaria a presenza do Presidente/a e do Secretario/a, ou a persoa que legalmente os substitúa, e polo menos a metade dos seus membros deberán estar presentes na primeira convocatoria. Na segunda convocatoria abondará coa presenza do/a Presidente/a do/a Secretario/a máis un terzo dos membros.

Os acordos poderanse tomar por asentimento, maioría simple dos membros presentes mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas, sempre que así o solicite algún dos membros presentes.

As actas das reunións, que se aprobarán na seguinte sesión ordinaria, estarán a disposición dos membros do órgano colexiado que corresponda, para a súa consulta, despois da celebración da reunión. De tódolos xeitos, poderanse expedir certificacións dos acordos adoptados aínda que non estea aprobada a acta correspondente, facendo constar esta circunstancia na certificación.

Artigo 9. Dirección

1. O/a director/directora.

Tal e como sinala artigo 12 do Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC, a persoa que exerza a dirección do Instituto será elixida pola Xunta de Goberno, a proposta do Consello Científico, e cun informe favorable do CAE, polo período que estableza a Lei con competencias para fixar o mandato dos titulares de órganos unipersonais electos das universidades públicas. O/a director/a será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor e vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao Instituto.

2. Funcións. Corresponde ao director/a:

a) A convocatoria do Consello Científico, a súa presidencia, e a execución dos seus acordos, e a xestión ordinaria do Instituto.

b) A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e programación de actividades.

d) A redacción das memorias anuais de actividade e económica.

e) A proposta ao Reitor do nomeamento de Secretario/a do Instituto.

f) A autorización de gastos do orzamento anual.

Artigo 10. Secretaría

1.- O/a secretario/secretaria.

O director/a do Instituto será asistido por un secretario/a, nomeado polo reitor entre o persoal docente e investigador vinculados ao mesmo, ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no Instituto a proposta do Director/a. O seu mandato será o establecido na Lei con competencias para fixar o mandato dos titulares de órganos unipersonais electos das universidades públicas.

2.- Funcións. Serán funcións do secretario/a:

a) Dar fe dos actos e acordos dos órganos de goberno do instituto.

b) Redactar as actas das sesións dos citados órganos de goberno.

c) Expedir certificados no ámbito da súa competencia.

d) Custodiar o arquivo e a documentación do Instituto.

e) Realizar aquelas tarefas que lle sexan encomendadas polo director/a, de acordo coa lexislación vixente.

f) Auxiliar ao director/a nas súas funcións e substituílo en casos de ausencia ou enfermidade. Neste último caso, as funcións de secretario/a serán desenvolvidas polo PDI de menor categoría e antigüidade de acordo cos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

CAPÍTULO III - Comisión Asesora Externa

Artigo 11. Comisión Asesora Externa

A Comisión Asesora Externa (CAE) establécese como un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no campo de actuación do Instituto IA. Será designada polo/a reitor/a a proposta da Xunta de Goberno do Instituto, que establecerá o seu réxime de funcionamento. O nomeamento dos membros da Comisión Asesora Externa farase por catro anos, renovables.

Serán funcións da Comisión Asesora Externa:

a) Asesorar ao director/a do Instituto e a Xunta de Goberno sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento do Instituto e sobre a súa Axenda Científica.

b) Avaliar periodicamente a actividade do Instituto e do seu persoal investigador, e emitir os correspondentes informes de valoración.

c) Informar do interese de vinculación de novos membros ao Instituto.

d) Informar o nomeamento dos coordinadores/as das unidades do Instituto, de habelos.

CAPÍTULO IV - Do persoal

Artigo 12.- Persoal científico: Vinculación, desvinculación, avaliación e permanencia

1.- Persoal investigador vinculado:

a. Persoal Investigador permanente: Persoal docente e investigador (PDI) doutor entre cuxas funcións na Universidade se incluan tarefas investigadoras, vinculado ao instituto previa avaliación da CAE, e/ou investigadores/as doutores doutras institucións adscritos á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto.

b. Persoal Investigador non permanente: Persoal investigador doutor contratado especificamente con cargo a programas de recursos humanos competitivos ou de captación de talento, ou a cargo de proxectos de investigación, de acordo co marco laboral e normativo aplicable.

Dentro deste tipo de persoal inclúense os investigadores/as garantes que deben cumprir:

• Ter polo menos dous sexenios de Investigación ou transferencia.

• Ter sido Investigador/a Responsable de proxectos de I+D do programa Marco da UE ou do Plan Estatal de I+D da Administración Xeral do Estado nos catro anos anteriores a presentar a proposta. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.

• Ter, polo menos, catro artigos científicos publicados en revistas do primeiro cuartil en JCR (Journal Citation Report) ou SJR (Scimago Journal Rank), ou ter dirixido, polo menos, tres teses de doutoramento, en ambos os dous casos nos cinco anos anteriores a presentar a proposta.

2. Persoal investigador en formación e figuras afíns que conte coa dirección ou codirección dun investigador vinculado ao Instituto.

3. Persoal colaborador: Doutores/as pertencentes a outras entidades públicas ou privadas que colaboren en proxectos e actividades do Instituto e que conten coas autorizacións que procedan para constar como colaborador/a do instituto por parte do organismo co que teña relación contractual. A colaboración co Instituto non supón relación laboral coa USC.

A vinculación dun/ha investigador/a ao instituto realizarase en base a criterios de méritos de investigación e idoneidade do candidato/a, e da adecuación do seu currículo e proxecto investigador á axenda científica do Instituto.

O persoal que desexe incorporarse ao Instituto deberá solicitar a súa admisión ao Consello Científico, achegando o seu Curriculum vitae, e o seu proxecto investigador, que deben ser coherentes coa axenda científica do Instituto. A incorporación de novo persoal investigador deberá ser aprobada polo Consello Científico, previo informe favorable da CAE, e ratificada pola Xunta de Goberno do Instituto.

A actividade do persoal investigador do Instituto será avaliada pola CAE cada 4 anos.

O informe razoado da mesma decidirá a súa continuidade ou non no Instituto.

Os criterios de avaliación a ter en conta no proceso de vinculación e permanencia serán:

a) Sexenios de investigación recoñecidos e resultados da avaliación da actividade investigadora recoñecidos pola ACSUG.

b) Traxectoria investigadora, coherente coa axenda científica do Instituto.

c) Publicacións, patentes e teses de doutoramento dirixidas.

d) Proxectos e contratos coordinados.

e) Outros méritos.

O compromiso de vinculación do persoal investigador ao iARCUS será, como mínimo, de catro anos.

No caso de persoal colaborador, este deberá solicitar a súa admisión como colaborador do iARCUS ao Consello Científico, achegando o seu Curriculum vitae e xustificación da pertinencia da solicitude. O compromiso do persoal colaborador co Instituto será dun mínimo de tres anos.

A desvinculación do persoal do Instituto será aprobada pola Xunta de Goberno do Instituto:

a) A instancias do Consello Científico do Instituto, da CAE e/ou do director do Instituto.

b) A instancias do interesado/a, por calquera causa, cun preaviso de nove meses, agás que haxa un acordo para establecer outro prazo.

c) Por perda de vinculación contractual coa USC.

Artigo 13. Persoal de apoio á investigación e persoal de administración

1. O Instituto poderá contar con persoal de apoio á investigación con destino no Instituto, ou contratado, que levarán a cabo tarefas de apoio técnico e de xestión da investigación.

2. O Instituto poderá contar con persoal de administración con destino no centro, ou contratado, que levará a cabo tarefas de apoio administrativo.

CAPÍTULO V - Réxime económico e medios

Artigo 14. Orzamento. Ingresos do Instituto

1.- Orzamento. O Instituto terá as súas propias partidas de ingresos e gastos, que formarán parte dos orzamentos xerais da Universidade e xestionarase de acordo coas normas xerais orzamentarias que lle sexan aplicables.

2.- Ingresos. Serán ingresos do Instituto:

a) As cantidades que se lle dediquen nos orzamentos anuais da Universidade.

b) As porcentaxes que se determinen dos ingresos por proxectos, contratos, cursos e servizos tecnolóxicos prestados polo Instituto ou dos ingresos por regalías derivados de procesos de transferencia onde figuren como inventores persoal investigador vinculado ao Instituto.

c) As doazóns que se reciban procedentes de entidades públicas e privadas.

Artigo 15. Medios materiais

Serán medios materiais do Instituto os adquiridos con cargo aos seus orzamentos, os doados ou cedidos por entidades públicas ou privadas, e os adquiridos en proxectos de infraestrutura presentados polo Instituto.

Disposición derogatoria única. Derogación normativa.

No momento da súa entrada en vigor este Regulamento derroga o Regulamento anterior de réxime interno, do 28 de setembro de 2018, do Instituto de Acuicultura (IA).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da publicación do acordo de Consello de Goberno no taboleiro electrónico da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver