Regulamento de Réxime Interno do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS)
NORMA CONSOLIDADA
PREÁMBULO
No Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020 a USC aprobou o novo Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación. Isto fai necesario presentar un novo Regulamento de Réxime Interno do CIMUS coa finalidade de adaptalo e dar cumprimento á nova normativa interna.
TÍTULO I - DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- Constitución, natureza e réxime xurídico
1. O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas constituíuse como Centro Singular de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do previsto no artigo 41 da Lei Orgánica 6/2001 de 21 decembro de Universidades e no artigo 62 dos estatutos da USC.
2. O centro rexerase por:
a. A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades e as súas disposicións regulamentarias.
b. A lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia.
c. A lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia e Tecnoloxía ea Innovación.
d. A Lei 5/2013, de 30 de maio, de Fomento da Investigación e da Innovación de Galicia,
e. O Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normas de desenvolvemento.
f. O Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación da USC aprobado por Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020.
g. O presente Regulamento de Réxime Interno.
3. O centro formará parte dunha rede de centros de excelencia en investigación denominada Rede de Centros Singulares de Investigación promovidos pola USC como eixo fundamental na creación do CAMPUS VIDA, Campus de Excelencia Internacional cun perfil investigador orientado cara ás ciencias e tecnoloxías da vida.
Artigo 2.- Obxecto, ámbito de actuación e vixencia.
O obxectivo científico global do centro é o desenvolvemento de abordaxes integrais para o estudo dos procesos biolóxicos, das súas alteracións e das proxeccións terapéuticas asociadas, na liña dos plantexamentos de vanguardia na investigación biomédica traslacional. Os obxectivos básicos específicos do centro son entre outros:
a) O desenvolvemento de proxectos de investigación financiados con fondos procedentes de convocatorias competitivas ou de contratos con entidades públicas ou privadas nos ámbitos anteditos.
b) A transferencia e valorización dos resultados de investigación baseados na protección do coñecemento e o emprendemento.
c) A formación de persoal investigador no seu ámbito de especialización.
d) A colaboración con outros centros académicos do seu entorno.
e) A creación de alianzas estratéxicas con outros axentes públicos e privados da investigación e o desenvolvemento tecnolóxicos.
f) A difusión da investigación a través de cursos, seminarios, conferencias e xornadas, e outras actividades dirixidas ao público en xeral.
g) A internacionalización da investigación a través do establecemento e participación en redes de investigación e en proxectos de investigación consorciados.
h) Calquera outra actividade relacionada coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en medicina molecular e enfermidades crónicas.
TITULO II ÓRGANOS DE GOBERNO
Artigo 3.- Órganos de goberno
1. O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas estará rexido polos seguintes órganos de goberno:
• Comisión Reitora
• O/a Director/a Científico/a
• O/a Director/a Adxunto/a
2. O CiMUS contará tamén cunha Comisión Científica Externa como órgano asesor e consultivo.
3. A maiores destes órganos, o CiMUS poderá dotarse de cantas comisións ou grupos de traballo sexan necesarios para o bo funcionamento do Centro.
Artigo 4.- Comisión Reitora
1. A Comisión Reitora será o órgano superior de goberno do centro, estará inicialmente formada por:
a) O/a Reitor/a da Universidade que a presidirá e a convocará, ou a persoa en quen delegue.
b) O(s)/a(s) Vicerreitor/a con competencias en materia de investigación da USC, ou persoa en quen delegue.
c) O/a Xerente ou persoa en quen delegue.
d) Un/unha vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo/a Reitor/a.
e) O/a presidente/a do Consello Social da USC ou persoa en quen delegue.
f) Un vogal da Consellería con competencias en educación e universidades, nomeado polo/a Conselleiro/a.
g) Un vogal en representación do CSIC, nomeado polo/a Presidente/a.
h) O/a Director/a Científico/a do centro.
i) O/a Director/a Adxunto/a do centro, que actuará así mesmo como secretario/a da Comisión Reitora.
2. Corresponde ao Secretario/a a elaboración e custodia de actas, a certificación dos acordos co visto e prace do Presidente e cantas funcións lle encomende o Presidente ou a Comisión Reitora.
3. A perda da condición pola que foi elixido/a na entidade que representa, determina automaticamente a perda da condición de membro da Comisión Reitora.
Artigo 5.- Competencias da Comisión Reitora
1. Sen menoscabo das competencias que, de acordo coa normativa vixente, sexan propias dos órganos superiores de goberno da USC, son competencias da Comisión Reitora do centro:
a) A aprobación do programa xeral de actividades e do Plan Estratéxico do centro e as súas modificacións.
b) A aprobación da proposta de orzamento de ingresos e gastos, así como a liquidación do mesmo, que acompañado da memoria de actuación, trasladará anualmente ao Consello de Goberno da USC.
c) A proposición de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins, conforme ao procedemento establecido na USC.
d) O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.
e) Propor ao Consello de Goberno da USC á incorporación doutras entidades públicas ou privadas á Comisión Reitora, de acordo co previsto no presente regulamento.
f) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación do presente regulamento de réxime interno.
g) Propor ao Reitor/a o nomeamento e cese do/a Director/a Científico/a e establecer os mecanismos para a súa selección.
h) Aprobar, a proposta do/a Director/a Científico/a e co informe favorable da Comisión Científica Externa a incorporación de novo persoal investigador ao Centro.
i) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, e co informe da Comisión Científica Externa, a desvinculación de investigadores/as do Centro
j) Aprobar as medidas propostas pola Comisión Científica Externa e avaliar os seus resultados.
k) Promover os vínculos do centro con outras institucións.
l) Calquera outras necesarias para o cumprimento dos seus fins.
2. A Comisión Reitora reunirase, cando menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria as veces que sexa necesario, sempre que o/a presidente/a o estime oportuno ou o soliciten, canda menos, un terzo dos seus membros.
3. As convocatorias para as sesións da Comisión Reitora, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o/a Presidente/a, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación a cada un dos membros, por calquera medio que permita a constancia da súa recepción, preferiblemente mediante o uso de medios electrónicos.
As sesións convocaranse con, alomenos, seis días de anticipación á data en que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do/a Presidente/a, que poderá convocarse con dous (2) días de antelación. Na convocatoria remitirase a orde do día cos puntos a tratar e a documentación correspondente, o día, a hora e o lugar de celebración.
Asemade o/a Presidente/a da Comisión poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que estime oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día con voz, pero sen voto.
Entenderase validamente constituída a Comisión Reitora para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o/a Presidente/a e o/a Secretario/a ou quen faga as súas funcións.
En segunda convocatoria, a constitución da Comisión será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles o/a Presidente/a e o Secretario/a ou quen faga as súas funcións.
A Comisión Reitora adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos os membros presentes, mediante votación a man alzada ou, con carácter excepcional, mediante votación secreta, cando afecte a persoas concretas sempre que así o solicite algún dos membros presentes, excepto aqueles que esixan una unanimidade.
Artigo 6.- Director/a Científica
1. O/a Director/a Científico/a do Centro será nomeado/a polo Reitor/a, entre o persoal investigador vinculado ao Centro, a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa. O nomeamento será por períodos de catro anos, renovables.
2. Serán funcións do/a Director/a Científico/a do centro as seguintes:
a) Exercer a Dirección do centro, promovendo a súa proxección exterior.
b) Asistir as reunións da Comisión Reitora do centro.
c) Organizar e coordinar, xunto co/a Director/a Adxunto/a, os medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do centro.
d) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites establecidos pola Comisión Reitora e polas normas da USC.
e) Propor a contratación de persoal investigador, de apoio á investigación e administrativo do centro, de acordo cos canles establecidos na USC.
f) Propor a adquisición de infraestruturas para o centro.
g) Elaborar, xunto co/a Director/a Adxunto/a, a memoria científica anual e a planificación estratéxica do centro.
h) Desenvolver mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxías e colaboracións entre grupos de investigación do centro ou entre estes e grupos externos.
i) Establecer o modelo de organización científica do centro, seguindo as indicacións e o asesoramento da Comisión Científica Externa e, de selo caso, designar entre o persoal investigador vinculado ao CiMUS, aos Investigadores Principais do centro, xefes de grupo e/ou responsables de área.
j) Trasladar ao persoal investigador as directrices oportunas co fin de que a actividade investigadora desenvolvida no centro se adecúe ao Plan estratéxico do centro e aos obxectivos científicos do mesmo, todo iso de acordo coa Comisión Reitora e co informe da Comisión Científica Externa.
k) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Reitora.
Artigo 7.- O/A Director/a Adxunto/a
1. O/A Director/a Adxunto/a do centro será nomeado/a polo/a Reitor/a entre o persoal de investigación vinculado permanente ao centro, a proposta da Dirección Científica, e co informe favorable da Comisión Reitora.
2. Serán función da(s) Dirección(s) Adxunta(s) do centro, as seguintes:
a) Coordinar a xestión económica e administrativa
b) Elaborar a proposta de estrutura organizativa da administración do Centro, de conformidade coas necesidades que se deriven dos obxectivos establecidos no Plan Estratéxico e aprobados pola Comisión Reitora.
c) Coordinar a xestión de infraestruturas.
d) Colaborar co/coa Director/a Científico/a na elaboración do orzamento anual do Centro.
e) Asistir ao/á Director/a Científico/a na elaboración da Memoria de Actividades Anual e da Planificación Estratéxica do Centro.
f) Colaborar co/coa Director/a Científico/a na organización e coordinación dos medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do centro.
g) Promover a procura de financiamento do Centro e xestionar a execución das axudas que o Centro como tal poda percibir.
h) Asegurar o cumprimento das normas de prevención de riscos e de seguridade no traballo.
i) Asistir ao/á Director/a Científico/a nas súas funcións.
j) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada polo/a Director/a Científico/a ou pola Comisión Reitora.
3. O/a Director/a adxunto/a exercerá as funcións de Secretario/a do centro.
Artigo 8.- Comisión Científica Externa
1. A Comisión Científica Externa será un órgano asesor integrado por un mínimo de 7 membros de recoñecido prestixio científico internacional no ámbito de actuación do CiMUS.
2. Os membros da Comisión Científica Externa serán nomeados polo Reitor a proposta da Comisión Reitora,
3. A designación dos membros do Comisión Científica Externa farase por un período e catro anos, renovables.
4. Serán funcións da Comisión Científica Externa os seguintes:
a. Asesorar á Dirección Científica do centro e á Comisión Reitora sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no centro así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.
b. Asistir á Dirección do centro e á Comisión Reitora sobre o seguimento da evolución da investigación do centro e da transferencia dos resultados da investigación.
c. Informar sobre o interese da vinculación de novo persoal investigador ao centro, e avaliar as solicitudes presentadas ás convocatorias de vinculación que se podan establecer.
d. Avaliar periodicamente a actividade científica do centro e dos seus investigadores, de acordo cos mecanismos de seguimento establecidos neste Regulamento, e conforme aos procedementos que considere oportunos. O esquema de avaliación incluirá, necesariamente:
i. Avaliación anual da memoria de actividades do centro
ii. Avaliación global, cada catro anos, da actividade do centro
iii. Avaliación periódica da actividade científica dos investigadores/as vinculados/as ao centro e a emisión dos correspondentes informes de valoración.
TÍTULO III PERSOAL
Artigo 9.- Tipos de persoal:
1. O centro estará integrado por persoal investigador, persoal de apoio á investigación e persoal de administración destinado nese centro.
Artigo 10.- Persoal investigador:
1. O CiMUS contará co seguinte persoal investigador:
a) Persoal investigador vinculado que poderá ter a condición de:
i. Persoal permanente da USC ou de outras institucións. A vinculación ao CiMUS estará necesariamente asociada á súa selección nunha convocatoria aberta, a un informe positivo da Comisión Científica Externa, e a súa aprobación polo Consello Reitor. No caso de persoal alleo ás entidades que conforman o centro, deberá subscribirse o correspondente convenio institucional.
ii. Persoal non permanente: Enténdese por tal o persoal investigador doutor contratado especificamente con cargo a programas de RRHH competitivos, ou de captación de talento.
b) Persoal colaborador: Enténdese por tal o persoal investigador non vinculado ao CIMUS, que colabore asiduamente nalgún proxecto ou programa do centro, e que conte coa autorización da Dirección para desenvolver traballo no mesmo, dependente do(s) investigador(es) vinculado(s) co(s) que colabore.
2. Tamén formará parte do CIMUS o persoal investigador en formación (predoutoral) e o persoal investigador colaborador e asociado, que desenvolva o seu traballo baixo a dirección dun/dunha investigador/a vinculado/a e conte cun contrato con cargo a programas de RRHH competitivos ou con cargo a proxectos de investigación do centro.
Artigo 11.- Persoal de apoio á investigación
1. O centro poderá contar con persoal de apoio á investigación con destino no centro, ou contratado, que levarán a cabo tarefas de apoio técnico e de xestión.
2. A Dirección Científica, coa axuda do/a Director/a Adxunto/a, será a responsable de identificar as necesidades de persoal de apoio á investigación, na procura do mellor funcionamento do centro e da incentivación e apoio específico a áreas e liñas de investigación.
Artigo 12.- Persoal de administración
1. O centro poderá contar con persoal de administración con destino no centro, ou contratado, que levarán a cabo tarefas de apoio administrativo.
2. A Dirección Científica, coa axuda do/a do/a Director/a Adxunto/a, será a responsable de identificar as necesidades de persoal de administración, na procura do mellor funcionamento do centro e da incentivación e apoio específico a áreas e liñas de investigación.
Artigo 13.- Investigadores/as Principais
De acordo coa organización científica do centro, terán a condición de Investigadores/as Principais do CIMUS os investigadores vinculados permanentes, e aqueles investigadores vinculados non permanentes que superen o oportuno proceso, de acordo co procedemento establecido no presente regulamento.
Artigo 14- Procedemento de vinculación e desvinculación de investigadores principais
1. A vinculación ao CiMUS do persoal investigador permanente e a vinculación do persoal non permanente na condición de Investigador Principal, realizarase en base a criterios de investigación e idoneidade coas prioridades científicas do centro. Levarase a cabo a través de procesos supervisados pola Comisión Científica Externa do centro, e que aprobará á Comisión Reitora, a proposta do Director/a Científico/a, como órgano responsable de aprobar a vinculación.
2. A vinculación ao centro implicará o compromiso de aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan o que, no caso dos Investigadores Principais do centro, quedará debidamente documentado a través da sinatura dun compromiso de vinculación.
3. A vinculación dos investigadores/as principais ao CiMUS será única, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán vinculadas ao mesmo. A vinculación ao centro afectará ao desenvolvemento da actividade investigadora, sen que supoña, no seu caso, a perda de vinculación ao Departamento da USC ao que pertenza, e sen menoscabo das súas obrigas docentes.
4. O compromiso de vinculación será, como mínimo, de cinco anos.
5. A vinculación do persoal investigador ao centro pode finalizar:
a) A instancias do Comisión Reitora do centro, na base das recomendacións da Comisión Científica Externa e/ou do/a Director/a do Centro.
b) A instancias do/a interesado/da, por calquera causa, cun aviso previo de 9 meses.
c) Por perda da vinculación coa universidade.
d) No caso de investigadores pertencentes a outra institución, por perda de vinculación coa institución de orixe ou por perda de vixencia do convenio institucional ou autorización que ampare a vinculación ao centro.
Artigo 15.- Investigadores/as Garantes
1. O CiMUS contará, en todo momento, cun número significativo de Investigadores/as Garantes, considerando como tales aos/as investigadores/as vinculados/as que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avalen e garantan o desenvolvemento da axenda científica e os obxectivos do centro. De acordo co establecido no regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación da USC, o CiMUS contará en todo momento cun mínimo de 7 investigadores garantes.
2. A Comisión Científica Externa do CiMUS identificará e avalará, cando así se requira, aos investigadores vinculados que cumpran a condición de Investigadores Garantes en base aos criterios que considere oportunos, que haberán de ter en conta a calidade e impacto das publicacións científicas, o liderado de proxectos internacionais e nacionais e/ou a transferencia de coñecemento significativa ás contornas sociais e produtivas, nos últimos 10 anos.
3. En ausencia dunha avaliación específica por parte da Comisión Científica Externa, tomaranse como criterios para a identificación de Investigadores Garantes, os establecidos nas convocatorias da Axencia Estatal de Investigación para a acreditación de centros e unidades de investigación de excelencia.
Artigo 16.- Proxección e visibilidade
1. En calquera publicación ou difusión dos resultados científicos (artigos, comunicacións, relatorios, participación en congresos, aparición en medios de comunicación) e en xeral, en todos os documentos que se xeren con motivo da súa actividade, o persoal vinculado ó CiMUS visibilizará a súa pertenza ao centro de acordo coas instrucións que en cada momento traslade ao/á Director/a Científico/a do CiMUS.
2. En ningún caso poderá utilizarse a filiación ao CIMUS por parte de persoal investigador non vinculado formalmente ao centro, incluíndo o persoal colaborador mencionado no Art. 10.1.b.
3. En ningún caso poderá utilizarse a imaxe corporativa do CIMUS por parte de persoal alleo ao centro nin para fins diferentes dos indicados nos puntos anteriores.
TÍTULO IV RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 17.- Recursos
1. Serán ingresos do centro:
a) As achegas da USC establecidas nos correspondentes programas, que gardarán relación cos custes indirectos asociados ás actividades de investigación do persoal vinculado, e as establecidas a través doutros conceptos recollidos nos orzamentos da universidade.
b) As axudas obtidas a través de convocatorias públicas ás que o centro poida concorrer.
c) As axudas, subvencións e doazóns outorgadas ao centro por organismos ou entidades públicas e por persoas privadas.
d) As cantidades procedentes de proxectos e contratos de investigación dirixidos polo persoal do centro.
e) Calquera outro ingreso que lle corresponda recibir.
Artigo 18.- Orzamento
1. A Comisión Reitora aprobará anualmente a proposta do orzamento de ingresos e gastos, correspondente ás partidas e actividades xestionadas pola Dirección do centro, acompañado da memoria de actuación.
2. O control de carácter económico-financeiro do centro realizarase de acordo coa normativa vixente.
TÍTULO V AVALIACIÓN E SEGUIMENTO
Artigo 19.- Modelo de seguimento e avaliación de actividades
1. A actividade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas estará guiada por unha planificación estratéxica cuadrienal rigorosa, aprobada pola Comisión Reitora, e estará sometida a mecanismos de seguimento e avaliación externa periódica.
a) Avaliación anual das memorias de actividade investigadora e actividade económica por parte do Comisión Científica Externa, que analizará a evolución da actividade e o grado de cumprimento dos obxectivos definidos no plan estratéxico. A memorias e informes serán trasladadas á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.
b) Avaliación global, cada catro anos, consistente nunha análise rigorosa da actividade e da organización do centro, e conducente á toma de decisións en canto á planificación estratéxica, ao uso de espazos e infraestruturas, á orientación temática da investigación, á vinculación do persoal investigador ao centro e incluso á continuidade do centro como tal. A avaliación realizarase por parte do Comisión Científica Externa en base a criterios de calidade científica, produtividade, cumprimento de obxectivos e adecuación ás liñas temáticas definidas para o centro. O informes de avaliación serán trasladados á Comisión Reitora do centro e ao Consello de Goberno da Universidade.
c) Avaliación do persoal investigador vinculado ao Centro polo menos cada cinco anos pola Comisión Científica Externa en base a súa produtividade e calidade científica, e do seu aliñamento ao plan estratéxico e axenda científica do Centro.
2. Adicionalmente, as institucións e entidades públicas ou privadas que no seu caso contribúan ao sostemento do centro poderán establecer os mecanismos de avaliación externa que considere oportunos, co fin de estimar o grado de cumprimento dos obxectivos ligados ao seu compromiso de apoio.
DISPOSICIÓN DEROGATORIA
No momento da súa entrada en vigor este Regulamento derroga o Regulamento de réxime interno do CIMUS aprobado por Consello de Goberno na súa sesión do 17 de febreiro de 2010 e modificado nas sesións do 28 de maio de 2019.
DISPOSICIÓN FINAL
Este Regulamento aprobado polo Consello de Goberno o día 29 de xuño de 2022 entrará en vigor coa publicación do acordo do Consello de Goberno no taboleiro electrónico da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.