Regulamento de Réxime Interno do Departamento de Matemática Aplicada

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0271
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 1: Lexislación do Departamento.

O presente regulamento é de aplicación ao Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. O Departamento rexerase por el, no marco do sinalado na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, pola Lei 6/2013, de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia, polo disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e pola demais normativa xeral que lle sexa de aplicación.

ARTIGO 2: Definición e denominación do Departamento.

De acordo co artigo 48 dos Estatutos da USC:

1. O Departamento de Matemática Aplicada é a unidade básica encargada da programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación nos ámbitos do coñecemento das áreas de Matemática Aplicada, Astronomía e Astrofísica e Física da Terra da Universidade de Santiago de Compostela.

2. O Departamento de Matemática Aplicada agrupa a todo o persoal docente e investigador pertencente aos ámbitos de coñecemento mencionados no punto anterior.

ARTIGO 3: Adscrición e sede do Departamento

O Departamento de Matemática Aplicada estará adscrito á Facultade de Matemáticas e terá nela a súa sede.

ARTIGO 4: Lingua

Sendo a lingua galega a lingua propia da USC, o Departamento de Matemática Aplicada promoverá accións que contribúan á súa normalización e ao seu desenvolvemento.

ARTIGO 5: Igualdade de xénero

O Departamento de Matemática Aplicada asume como principio inspirador de todas as súas actuacións a igualdade de tratamento e oportunidades entre mulleres e homes, de conformidade co Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado polo Consello de Goberno da USC.

TÍTULO I ESTRUCTURA E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO

ARTIGO 6: Órganos de goberno do Departamento

Son órganos do Departamento:

1. Unipersoais:

• A directora ou director.

• A secretaria ou secretario.

2. Colexiados:

• O Consello de Departamento.

De acordo co previsto no artigo 105 dos Estatutos da USC, o Consello do Departamento poderá establecer a creación de comisións delegadas, estables ou temporais, determinando a súa composición, competencias e funcións.

Os órganos de dirección poderán estar asistidos, se procede, polas coordinadoras ou coordinadores de campus, de áreas e de centros. As persoas responsables das coordinacións serán nomeadas polo Consello de Departamento, a proposta do profesorado dos distintos campus, áreas ou centros, respectivamente.

ARTIGO 7: Funcións

En conformidade co Artigo 49 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, son funcións do Departamento:

1. A programación, desenvolvemento e seguimento:

• Das ensinanzas asignadas aos ámbitos de coñecemento da súa competencia, de acordo coas previsións dos plans de estudos, así como cos criterios xerais emanados da universidade e cos criterios específicos emanados dos centros nos que se imparte docencia.

• Dos cursos de posgrao propio, de especialización e de formación continua.

2. O apoio ás iniciativas e actividades docentes e investigadoras do seu persoal docente e investigador, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

3. O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do Departamento.

4. A formación do persoal docente e investigador da universidade no seu ámbito de actividade.

5. A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta das/os compoñentes da comisión encargada de resolver os concursos.

6. Calquera outra actividade encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.

TÍTULO II DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO

CAPÍTULO I ÓRGANOS COLEXIADOS: O CONSELLO DO DEPARTAMENTO

ARTIGO 8: O Consello do Departamento

O Consello é o órgano colexiado de goberno do Departamento.

ARTIGO 9: Composición do Consello

1. O Consello de Departamento, presidido pola súa directora ou director, coa actuación da secretaria ou secretario do Departamento, estará composto, de acordo co artigo 104 dos Estatutos da USC, por:

a) As doutoras e doutores membros do Departamento.

b) Unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá do 10% do total das/os compoñentes do Consello do Departamento.

c) Unha representación do estudantado do ámbito de docencia do Departamento, que suporá o 25% do total das/os compoñentes do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderalle ao estudantado de grao e máster e o 15% ao estudantado de doutoramento.

d) Un representante do persoal de administración e servizos.

2. Cando a natureza dos asuntos o requira, a directora ou director do Departamento, por propia iniciativa ou a instancia dun cuarto das/os compoñentes do Consello, poderán convidar a calquera persoa experta nalgún dos puntos a tratar no Consello, por considerar a súa opinión de relevancia ou interese, con voz pero sen voto.

ARTIGO 10: Elección de representantes no Consello

1. As eleccións a compoñentes do Consello de Departamento faranse conforme o disposto no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Todas as persoas representantes elixidas serano por dous anos, agás as/os estudantes que o serán por un ano. A condición de representante electa/o do Consello de Departamento é persoal e intransferible, e perderase por renuncia, cese da vinculación co Departamento, ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido.

3. Se algunha ou algún das/os representantes elixidos perdese a súa condición ou renunciase ao seu posto, sería substituída/o, ata a finalización do período correspondente, pola/o seguinte candidata/o máis votado no seu sector ata a celebración dunha nova elección.

ARTIGO 11: Competencias do Consello de Departamento

En conformidade co Artigo 106 dos Estatutos da USC, corresponderalle ao Consello de Departamento:

a) A elección da directora ou director e, de ser o caso, a proposta á reitora ou reitor da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta das/os compoñentes do Consello de Departamento.

b) A planificación e coordinación da actividade docente do PDI, tendo en conta a actividade investigadora do persoal docente e investigador segundo estableza a normativa vixente.

c) A planificación docente das materias das que sexa responsable o Departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49.a, dos Estatutos da USC (7.1 deste regulamento).

d) O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49.b, dos Estatutos da USC (7.2 deste regulamento).

e) A formulación das demandas de persoal docente e investigador, de acordo co encargo docente e investigador formulado polos órganos responsables que corresponda e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

f) A distribución das cantidades asignadas e dispoñibles polo Departamento.

g) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno

h) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

i) A designación e cese, se procede, dos responsables da coordinación de campus, áreas e centros.

j) A promoción do perfeccionamento da docencia.

k) A supervisión das actividades (seminarios, conferencias, cursos, congresos,...) organizadas polos membros do Departamento.

l) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de compoñentes das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente.

m) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico dos seus estudantes.

n) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da USC ou a lexislación vixente.

ARTIGO 12: Funcionamento

O Consello de Departamento actuará en pleno ou en comisións elixidas polo mesmo.

ARTIGO 13: Convocatorias e sesións

1. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo das/os compoñentes.

2. O Consello de Departamento poderase constituír e realizar as súas sesións, tanto de forma presencial como a distancia por medios electrónicos, considerándose como tales aqueles que permitan asegurar a identidade da persoa e a comunicación en tempo real.

3. Celebraranse, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.

4. A convocatoria das sesións ordinarias do Consello será realizada pola directora ou director ou por quen legalmente faga as súas funcións, notificándoa aos seus membros cunha antelación mínima de dous días. Sen prexuízo doutras formas de publicidade, dita notificación será persoal e remitirase por correo electrónico ao enderezo institucional de cada membro.

5. As convocatorias ordinarias do Consello de Departamento deberán conter o lugar da reunión, a data, a hora, en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día. A orde do día será elaborada pola directora ou director do Departamento, asistida/o pola/o secretaria/o. Nela tamén se deberán incluír aqueles asuntos que soliciten as comisións delegadas do Consello ou un cuarto das/os compoñentes do mesmo, sempre que se solicite con anterioridade ao envío da convocatoria.

6. O Consello de Departamento reunirase de modo extraordinario, convocado pola directora ou director, cando a importancia ou a urxencia dos asuntos a tratar así o requira, ben por iniciativa da propia dirección ou por petición escrita de, polo menos, un terzo das/os compoñentes. Neste último caso, as/os solicitantes deberán indicar por escrito, e de forma precisa, os puntos que desexen incluír na orde do día. As convocatorias das sesións extraordinarias enviaranse a todos os membros do Consello cunha antelación mínima de dous días. Na orde do día destas sesións extraordinarias non se incluirán os puntos relativos a aprobación das actas, asuntos de trámite, informes ou rogos e preguntas.

7. Axuntarase ás convocatorias toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ou indicarase o lugar onde estará depositada para a súa consulta.

8. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

9. Cando existan razóns excepcionais que o xustifiquen, a directora ou director poderá desconvocar unha reunión do Consello, debendo comunicalo a todos os seus membros por correo electrónico, explicando as razóns polas que se desconvoca a reunión. Non obstante, non procederá a anulación da convocatoria no segundo caso do punto 1 deste artigo.

ARTIGO 14: Réxime de sesións e adopción de acordos

1. A asistencia ás reunións do Consello constitúe un dereito e un deber dos membros que o compoñen.

2. O Consello presidirao a directora ou director ou quen legalmente a/o substitúa.

3. Para a válida constitución do Consello, será necesaria en primeira convocatoria a presenza da metade máis un do total dos membros do Consello. De non se producir este quórum na primeira convocatoria, o Consello constituirase na segunda convocatoria sempre que estean presentes polo menos un cuarto do total dos membros do Consello. En todo caso, requírese a asistencia, presencial ou a distancia, da directora ou director e da/o secretaria/o ou de quen legalmente os substitúan.

4. As sesións do Consello poderán desenvolverse nunha ou máis reunións ata esgota-la orde do día. A duración de cada reunión non superará as catro horas, salvo que máis da metade do total dos membros presentes acorde o contrario.

5. As sesións ordinarias do Consello iniciaranse coa aprobación ou modificación, se procede, da acta da última sesión ordinaria celebrada, así como das actas das sesións extraordinarias celebradas dende a última sesión ordinaria do Consello. Seguidamente, pasarase ao exame, debate e, no seu caso, votación dos puntos establecidos na orde do día da convocatoria.

6. Corresponderá á Presidencia establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde cerrada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, polo menos, un dereito de réplica por alusións.

7. As decisións do Consello de Departamento adoptarán a forma de acordos.

8. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do Consello. Iniciada unha votación, non poderá interromperse nin poderá entrar ou saír da sala ningún membro do Consello.

9. Os acordos poderán adoptarse por:

9.1. Asentimento:cando a proposta enunciada pola persoa que presida a sesión non suscite obxeccións ou oposición por ningún outro membro do Consello.

9.2. Por votación ordinaria a man alzada. Neste caso, en primeiro lugar votarán os que aproban a proposta, en segundo lugar os que a desaproban, e en terceiro lugar aqueles que se absteñan. A/o secretaria/o fará o reconto. No caso de que o Consello se celebre por videoconferencia, a/o secretaria/o comprobará polos medios telemáticos o sentido do voto dos membros non presentes fisicamente. De seguido, a persoa que presida a sesión fará público o resultado.

9.3. Por votación secreta, cando o solicite algunha ou algún dos membros presentes, e sempre no caso de que afecte a persoas concretas. No caso de que o Consello se celebre por videoconferencia, deberá haber un número suficiente de membros nas correspondentes estancias de celebración do Consello para garantir o segredo da votación de cada votante. En caso contrario, a votación non deberá realizarse por sistemas telemáticos. A/o secretaria/o fará o reconto e de seguido, a persoa que presida fará público o resultado. No campus no que non estea presente a/o secretaria/o, realizará o reconto o membro do Consello de menor antigüidade presente na reunión en dito campus.

10. Todas as propostas a acordar deberán ser votadas separadamente. Para ser válida a adopción de acordos do Consello, estes deberán acadar na votación cando menos a maioría simple (é dicir, a metade máis un dos membros presentes), agás aqueles acordos para os que a normativa específica esixa outras maiorías, como é o caso da elección da directora ou director (artigo 106.a dos Estatutos da USC ou 11.a deste regulamento) e da aprobación do Regulamento de Réxime interno do Departamento, nos que debe acadarse a maioría absoluta (é dicir, a metade máis un dos membros do Consello).

11. De ser necesaria unha segunda votación, realizarase dita votación entre as dúas opcións máis votadas na primeira. En caso de empate, abrirase unha quenda de intervencións, producíndose de seguido unha terceira votación. De manterse o empate, a presidencia poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema de que se trate.

12. Calquera membro do Consello poderá manifestar a súa discrepancia cun acordo maioritario mediante voto particular que, presentado por escrito dentro das 48 horas seguintes ao remate da sesión, será engadido ao texto acordado.

13. Os acordos do Consello de Departamento serán susceptibles de ser impugnados en alzada ante o Consello de Goberno da Universidade.

ARTIGO 15: Actas do Consello

1. De cada sesión que celebre o Consello de Departamento levantarase acta pola secretaria ou secretario, que especificará necesariamente a relación de asistentes, as ausencias notificadas, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros do Consello, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o senso do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que aporte no acto, ou no prazo que sinale a dirección, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia á mesma.

3. Quen discrepe do acordo maioritario poderá formular voto particular por escrito, no prazo de dous días, que se incorporará ao texto acordado, unha vez aprobado.

4. As actas provisionais de cada sesión ordinaria, así como das extraordinarias posteriores, elaboradas pola/o secretaria/o, co visto e prace da Presidencia, poranse a disposición dos membros do Consello con anterioridade á celebración da seguinte sesión ordinaria para a súa aprobación, se procede.

5. A/o secretaria/o poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

6. As actas asinadas pola/o secretaria/o, co visto e prace da directora ou director, serán encadernadas consonte as instrucións dadas ao respecto pola Secretaría Xeral da USC.

CAPÍTULO II DAS COMISIÓNS DELAGADAS DO CONSELLO

ARTIGO 16: Comisións

1. O Consello poderá exercer as súas funcións a través de comisións delegadas para estudo, asesoramento e propostas en temas concretos, establecendo a súa finalidade, composición e competencias, non tendo carácter decisorio, salvo delegación expresa do Pleno. As comisións poderán ter carácter permanente ou non.

2. Sen prexuízo de que o Consello poda nomear outras, son comisións do Consello do Departamento as seguintes:

a) Comisión de Docencia.

b) Comisión de Asuntos Económicos.

3. A elección de membros das comisións terá lugar en sesión de Consello do Departamento. Os membros doutores elixirán á/ao súa/seu representante, e os sectores b) e c) do punto 1) do artigo 9) á/ao súa/seu.

4. As comisións reuniranse pola decisión de quen a presida ou a proposta dun terzo dos seus membros.

5. No que se refire á súa convocatoria, desconvocatoria, votacións e acordos, cumpriranse os mesmos requisitos que no caso do Consello de Departamento.

6. As comisións serán renovadas cada vez que haxa eleccións a directora ou director, excepto o sector de estudantes e o de persoal investigador en formación, que serán renovados cada vez que haxa eleccións a representantes nos Consellos de Departamentos.

ARTIGO 17: Comisión de Docencia

A Comisión de Docencia estará composta por:

a) A directora ou director do Departamento, ou persoa en quen delegue, que a presidirá e convocará.

b) As/os coordinadores de área nomeados polo Consello.

c) As/os coordinadores de centro nomeados polo Consello.

d) Unha ou un representante dos membros do Consello correspondente ao conxunto formado polo sector c) do punto 1 do artigo 9 deste Regulamento.

e) A secretaria/o do Departamento, que o será da Comisión.

ARTIGO 18: Competencias da Comisión de Docencia

A Comisión de Docencia terá como cometido o estudo de iniciativas, a elaboración de propostas e a execución dos acordos do Consello na procura dunha mellora continua da calidade da docencia. Serán competencias da Comisión de Docencia:

1. Velar polo cumprimento dos acordos relativos ao ámbito docente adoptados no Consello de Departamento.

2. Elaborar propostas relativas á planificación e coordinación da actividade docente do Departamento, así como o control do seu cumprimento.

3. Revisar as propostas de programación docente das distintas materias, elaboradas polo profesorado, segundo os requirimentos dos distintos centros.

4. Propoñer á dirección a introdución dos puntos relativos ao ámbito docente que considere convenientes na orde do día das xuntanzas do Consello.

5. As funcións que lle corresponden ao Consello de Departamento por delegación expresa deste.

6. Manifestarse en todos aqueles asuntos relativos á docencia que sexan sometidos á súa consideración pola directora ou director do Departamento.

7. Calquera outro asunto de trámite relativo á docencia.

ARTIGO 19: Comisión de Asuntos Económicos

A Comisión de Asuntos Económicos estará composta por:

a) A directora ou director do Departamento, ou persoa en quen delegue, que a presidirá e convocará.

b) As/os coordinadores de área nomeados polo Consello.

c) As/os coordinadores de campus nomeados polo Consello.

d) Dous representantes dos membros do Consello correspondente ao conxunto formado polos sectores a) e b) do punto 1 do artigo 9 deste Regulamento.

e) Unha ou un representante dos membros do Consello correspondente ao conxunto formado polo sector c) do punto 1 do artigo 9 deste Regulamento.

f) A/o secretaria/o do Departamento, que o será da Comisión.

ARTIGO 20: Competencias da Comisión de Asuntos Económicos

A Comisión de Asuntos Económicos terá como cometido o estudo de iniciativas, a elaboración de propostas e a execución dos acordos do Consello relativos ao presuposto do Departamento. Serán competencias da Comisión de Asuntos Económicos:

a) Elaborar a proposta do presuposto do Departamento para a súa aprobación polo Consello.

b) Velar pola xestión do presuposto aprobado no Consello do Departamento.

c) Propoñer á dirección do Departamento a introdución dos puntos relativos ao ámbito dos asuntos económicos que considere convenientes na orde do día das xuntanzas do Consello.

d) As funcións de entre as que corresponden ao Consello do Departamento por delegación expresa deste.

e) Manifestarse en todos aqueles asuntos relativos ao ámbito dos asuntos económicos que sexan sometidos á súa consideración pola dirección do Departamento.

f) Calquera outro asunto de trámite relativo aos asuntos económicos.

CAPÍTULO III DOS ÓRGANOS COLEXIADOS UNIPERSOAIS DO DEPARTAMENTO

ARTIGO 21: Da directora ou director

En conformidade co Artigo 107 dos Estatutos da USC:

1. A directora ou director representa ao Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A dirección do Departamento corresponderalle por elección a un dos membros que o conforman, que sexa profesora doutora ou profesor doutor con vinculación permanente á universidade baixo as restricións sinaladas nos Estatutos da USC.

3. De non se poder levar a cabo o nomeamento da directora ou director do Departamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta da reitora ou reitor, encargaralle provisionalmente as funcións de dirección a unha profesora ou profesor do Departamento ou, no seu defecto, doutro departamento, que teña o título de doutora/o e vinculación permanente á Universidade de Santiago. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

4. A directora ou director do Departamento será elixida/o polo Consello de Departamento, consonte o Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e nomearao a reitora ou reitor.

5. O cargo de directora ou director do Departamento desempeñarase durante catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

6. En caso de ausencia ou enfermidade, a directora ou director será substituída/o, con carácter accidental, polo membro do Departamento de maior categoría e antigüidade que sexa profesora doutora ou profesor doutor con vinculación permanente á USC.

7. A directora ou director do Departamento cesará ao remate do seu mandato, por dimisión, por disolución do Consello, ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva a petición, como mínimo, dun terzo dos membros do Consello de Departamento e aprobada por maioría absoluta do mesmo. A presentación da moción incorporará unha persoa candidata alternativa.

8. No caso de presentarse unha moción de censura, procederase do seguinte xeito:

a) A persoa titular da dirección convocará unha sesión extraordinaria de Consello de Departamento, a celebrar nun prazo máximo de 15 días hábiles, co asunto da revogación da directora ou director como único asunto da orde do día.

b) Actuará como presidenta/e da devandita sesión o membro do PDI do Departamento de maior categoría e antigüidade que sexa profesora doutora ou profesor doutor con vinculación permanente á USC.

c) Tanto a persoa candidata proposta como a directora ou director, disporán dun tempo máximo de 30 minutos para expoñer as súas posicións. Tralo oportuno debate, procederase á votación nominal e secreta.

d) Se a moción de censura non acadase os votos necesarios, considerarase rexeitada e as/os súas/seus asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo período de mandato.

ARTIGO 22: Competencias da directora ou director

1. Son competencias da dirección do Departamento:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento.

b) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixía do seu cumprimento.

c) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materiais dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.

d) A execución das previsións orzamentarias.

e) A proposta á reitora ou reitor do nomeamento da persoa que vaia desempeñar a secretaría do Departamento.

f) A coordinación, coa Unidade de Xestión de Centros e Departamentos (UXCD) correspondente, da atención ás necesidades administrativas e de xestión do Departamento.

g) Aquelas outras competencias que lle encomende a regulación de rango superior a este Regulamento.

2. As competencias da dirección do Departamento esténdense a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do Departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.

ARTIGO 23: Da secretaria ou secretario

En conformidade co Artigo 109 dos Estatutos da USC:

1. A secretaria ou secretario será nomeada/o pola reitora ou reitor, tras a proposta da directora ou director, entre o profesorado, os axudantes e os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 do Departamento con dedicación a tempo completo.

2. A secretaria ou secretario cesará por decisión da reitora ou reitor, logo de proposta da directora ou director do Departamento ou por petición propia

ARTIGO 24: Competencias da secretaria ou secretario

1. A secretaria ou o secretario do Departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende a directora ou director, a lexislación vixente ou os Estatutos da Universidade.

2. No suposto de imposibilidade de asistencia por parte da persoa titular da secretaría, realizará as súas funcións, con carácter accidental, a persoa de menor antigüidade entre as/os que reúnen os requisitos para ser secretarias/os do órgano. En caso de baixa ou permiso prolongado, a dirección poderá propoñer á reitora ou reitor o nomeamento dunha secretaria ou secretario en funcións ata a reincorporación da/o titular do cargo.

CAPÍTULO IV DAS COORDINADORAS OU COORDINADORES DE ÁREA, CAMPUS E CENTRO

ARTIGO 25: A coordinadora ou coordinador de área

1. O Consello de Departamento nomeará, se procede, coordinadoras/es de áreas de coñecemento. A persoa titular da coordinación de área será elixida entre os profesores doutores adscritos á propia área a proposta destes.

2. A coordinadora ou coordinador da área cesará nas súas funcións:

a. A petición propia, mediante renuncia dirixida por escrito á dirección do Departamento.

b. A petición dos membros da área, cando a maioría absoluta destes decida a súa substitución. Esta realizarase mediante a presentación dun escrito á dirección, que levará dita petición ao Consello.

c. Cando conclúa o período de mandato da dirección do Departamento.

ARTIGO 26: Funcións da persoa titular de coordinación de área

Son funcións da coordinadora ou coordinador de área

1. Representar á área nas comisións do Departamento.

2. Colaborar, de acordo cos membros do Departamento pertencentes á área, coa dirección do Departamento na elaboración da proposta de POD que se someta á aprobación do Consello de Departamento.

3. Transmitir aos membros da área as consultas e decisións dos órganos de dirección do Departamento que poidan resultar de interese.

4. Transmitir aos órganos de dirección do Departamento as iniciativas, solicitudes ou propostas da área.

ARTIGO 27: A coordinadora ou coordinador de campus

1. O Consello de Departamento nomeará, se procede, coordinadoras/es de campus. A persoa titular da coordinación será elixida entre os membros do Consello do propio campus a proposta destes.

2. A persoa titular da coordinación do campus cesará nas súas funcións:

a. A petición propia, mediante renuncia dirixida por escrito á dirección do Departamento.

b. A petición dos membros do campus, cando a maioría absoluta destes decida a súa substitución. Esta realizarase mediante a presentación dun escrito á dirección, que levará dita petición ao Consello.

c. Cando conclúa o período de mandato da dirección do Departamento.

ARTIGO 28: Funcións da persoa titular de coordinación de campus

Son funcións da coordinadora ou coordinador de campus:

1. Representar aos profesores do campus nas comisións do Departamento.

2. Colaborar, de acordo cos membros do Departamento pertencente ao campus, coa dirección do Departamento na elaboración da proposta de POD que se someta á aprobación do Consello de Departamento

3. Elevar ao Consello de Departamento propostas que recollan aspectos que afectan de modo específico ao profesorado do campus.

4. Asesorar á dirección do Departamento en todos os asuntos que teñan relación co campus.

ARTIGO 29: A coordinadora ou coordinador de centro

1. En cada un dos centros en que o Departamento imparta docencia, o Consello de Departamento nomeará, se procede, o/a coordinador/a do centro. A persoa titular da coordinación será elixida entre o profesorado do centro a proposta deste.

2. A persoa titular da coordinación de centro cesará nas súas funcións:

d. A petición propia, mediante renuncia dirixida por escrito á dirección do Departamento.

e. A petición do profesorado con docencia no centro, cando a maioría absoluta deste decida a súa substitución. Esta realizarase mediante a presentación dun escrito á dirección, que levará dita petición ao Consello.

f. Cando deixe de impartir docencia no centro.

g. Cando conclúa o período de mandato da dirección do Departamento.

ARTIGO 30: Funcións da persoa titular de coordinación de centro

Son funcións da coordinadora ou coordinador de centro:

1. Colaborar coa dirección do Departamento na organización da docencia do centro.

2. Elevar ao Consello de Departamento propostas que recollan aspectos que afectan de modo específico ao profesorado do centro.

3. Asesorar á dirección do Departamento en todos os asuntos que teñan relación co centro.

TÍTULO III DA DOCENCA

ARTIGO 31: Da docencia

1. O Departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade e será o responsable da docencia das materias establecidas nas titulacións oficiais de grao, mestrado e doutoramento que os órganos responsables lle encarguen, de conformidade coa normativa aprobada polo Consello de Goberno para a organización docente prevista no artigo 138 dos Estatutos da USC.

2. O Consello de Departamento, con carácter anual e conforme estableza a propia USC, deberá:

a) Planificar a súa actividade docente anual, de acordo coa lexislación vixente, en colaboración cos órganos responsables que corresponda.

b) Fixar os programas das materias ao seu cargo.

c) Fixar os sistemas de avaliación do alumnado para cada materia.

d) Determinar, se procede, as actividades que se van realizar para a adquisición dos coñecementos e competencias contemplados na programación.

e) Distribuír e asignar as tarefas docentes entre o profesorado.

f) Resolver calquera outra cuestión que esixa a normativa da USC ao respecto.

3. O reparto da carga docente farase do xeito máis equitativo posible entre todo o profesorado, atendendo á normativa vixente.

4. A distribución das obrigas docentes deberá contemplar, na medida do posible, a necesidade de cubrir as ausencias que, por motivos xustificados, se poidan producir por parte dos membros do Departamento ao longo do curso académico.

5. O Departamento, ademais de participar nos estudos de grao e mestrado, poderá contribuír ao desenvolvemento doutros estudos do seu ámbito de competencia que poida dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

6. O Departamento apoiará a posta en marcha de actividades na procura dunha mellora continua da calidade da docencia e da formación continua das persoas que o conforman.

TÍTULO IV DA INVESTIGACIÓN

ARTIGO 32: Da investigación

1. O Departamento asume como un dos seus obxectivos esenciais a investigación, fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia do coñecemento á sociedade. A tal efecto promoverá, no marco das súas competencias, o desenvolvemento dunha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.

2. A investigación é un deber e un dereito do persoal docente e investigador. Recoñécese e garántese, tal como o manda o artigo 141 dos Estatutos da USC, a liberdade de investigación individual e colectiva, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.

3. O Departamento fomentará a constitución de grupos e redes de investigación, así como a integración neles dos seus investigadores. As relacións entre o Departamento e os grupos de investigación nos que participen as persoas que o conforman acomodaranse á normativa vixente.

4. O Departamento participará na consolidación e actualización das infraestruturas de investigación que sexan de interese xeral para os seus membros. Asemade, apoiará as iniciativas encamiñadas a lograr avances na consolidación de relacións científicas con departamentos, institutos e centros de investigación, empresas e administración.

5. O Departamento fomentará a presentación de proxectos de investigación de forma institucional ou a título persoal do persoal docente e investigador adscrito ao mesmo nas distintas convocatorias dos organismos públicos e privados, nacionais ou internacionais encargados de financiar a investigación, e colaborará na súa formalización.

6. O Departamento, a nivel institucional, e o seu persoal docente e investigador, poderán promover contratos con entidades públicas ou privadas ou ben con persoas físicas, para a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, e mailo desenvolvemento de cursos de especialización, formación ou perfeccionamento, acordes coas normas e procedementos establecidos pola USC.

7. O Departamento colaborará anualmente na elaboración da memoria de produción científica da USC.

TÍTULO V DO RÉXIME ECONÓMICO

ARTIGO 33: Do orzamento

Coñecidos os recursos anuais dos que dispoña o Departamento, a directora ou director elaborará e presentará ao Consello de Departamento para súa aprobación o orzamento anual, no que se detallarán os ingresos e gastos e a proposta de distribución dos mesmos.

ARTIGO 34: Da memoria anual

Finalizado o exercicio económico anual, a dirección renderá conta ao Consello de Departamento da execución do orzamento coa presentación dunha memoria económica.

TÍTULO VI DA REFORMA DO REGULAMENTO

ARTIGO 35: Da iniciativa

A iniciativa para a reforma do presente Regulamento pode ser levada a cabo pola persoa titular da dirección do Departamento, pola necesidade da adecuación a normativas superiores, ou a pedimento de polo menos un terzo dos membros do Consello de Departamento. Neste último caso, deberase cursar á dirección do Departamento un escrito que deberá incluír o obxecto da reforma debidamente razoado, o texto alternativo dos artigos que se van modificar, así como o texto fundamentado de calquera materia a engadir. O escrito deberá ser asinado pola totalidade das persoas solicitantes.

ARTIGO 36: Procedemento de reforma do Regulamento

1. Informarase da proposta de reforma ao Consello, onde será sometida a unha votación de toma en consideración, que deberá ser aprobada por maioría absoluta.

2. De tomarse en consideración a proposta, abrirase un prazo mínimo de 15 días hábiles para a presentación de emendas.

3. A proposta de reforma e as emendas presentadas polos membros do Consello, debateranse e probaranse nunha sesión extraordinaria do Consello de Departamento convocado a tal efecto. Para a aprobación de dita proposta requirirase a maioría absoluta do total dos seus membros.

4. No caso de que a reforma do Regulamento sexa aprobada polo Consello de Departamento, o novo texto seguirá o proceso procedente para a súa aprobación polo Consello de Goberno da USC.

5. Se a proposta é rexeitada polo Consello de Departamento, non poderá presentarse outra sobre a mesma temática no mesmo curso académico.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Primeira.

Corresponderá ao Consello de Departamento o desenvolvemento de cantas disposicións non previstas neste regulamento sexan necesarias para a súa aplicación.

Segunda.

En todo o non disposto no presente Regulamento de Réxime interno aplicarase o estipulado nos Estatutos da USC e na Lexislación xeral Universitaria vixente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogado o anterior Regulamento de Réxime interno do Departamento de Matemática Aplicada.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

O presente Regulamento entrará en vigor no momento da súa publicación no taboleiro electrónico da USC trala aprobación polo Consello de Goberno da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver