Regulamento de Réxime Interno do Departamento de Química Inorgánica

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0947
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

(Aprobado polo Consello de Departamento o 17/02/2020)

(Ratificado polo Consello de Goberno o 22/04/2020)

TITULO PRELIMINAR

ARTIGO 1: Lexislación

O Departamento de Química Inorgánica, rexerase polo presente Regulamento no marco do sinalado na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, pola Lei 6/2013, de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia, polo disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a demais normativa xeral que lle sexa da aplicación.

ARTIGO 2: Definición e denominación

O Departamento de Química Inorgánica é a unidade básica encargada da programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación no/s ámbito/s do coñecemento en Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela.

ARTIGO 3: Adscrición e sede

1. O Departamento de Química Inorgánica estará adscrito á Facultade de Química.

2. A sede do Departamento fixarase na Facultade de Química.

ARTIGO 4: Lingua

A lingua galega é a lingua propia da USC. O Departamento de Química Inorgánica promoverá accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega.

ARTIGO 5: Igualdade de xénero

O Departamento de Química Inorgánica asume como principio inspirador de todas as súas actuacións a igualdade de tratamento e oportunidades entre mulleres e homes de conformidade co Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado polo Consello de Goberno da USC.

TÍTULO I ESTRUCTURA E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO

ARTIGO 6: Órganos do Departamento

Son órganos de dirección do Departamento:

a) O Consello do Departamento.

b) O director ou directora.

c) O secretario ou secretaria

ARTIGO 7: Funcións

De conformidade co artigo 49 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela son funcións do Departamento:

a) A programación, desenvolvemento e seguimento:

• As ensinanzas asignadas ao ámbito de coñecemento da súa competencia, de acordo coas previsións dos plans de estudos, así como cos criterios xerais emanados da universidade e cos criterios específicos emanados do centros nos que se imparte docencia.

• Os estudos de doutoramento adscritos ao Departamento.

• Os cursos de posgrao propio, de especialización e de formación continua.

b) O apoio ás iniciativas e actividades docentes e investigadoras do seu persoal docente e investigador, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

c) O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do Departamento.

d) A formación do persoal docente e investigador da universidade.

e) A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta dos membros da comisión encargada de resolver os concursos.

f) Calquera outra actividade encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.

TÍTULO II DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO

CAPÍTULO I : DO CONSELLO DE DEPARTAMENTO

ARTIGO 8: O Consello de Departamento

O Consello é o órgano colexiado de goberno do Departamento.

ARTIGO 9: Composición do Consello

1. O Consello de Departamento, presidido polo seu director ou directora, e no que actuará como secretario ou secretaria o/a do Departamento a persoa designada polo director/a, estará composto por:

a) Os/as doutores/as membros do Departamento.

b) Unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá do 10% do total dos membros.

c) Unha representación do alumnado do ámbito de docencia do Departamento, elixidos cada dous anos, que suporá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderá ao estudantado de grao e máster e o 15% ao estudantado de doutoramento.

e) Un representante do persoal de administración e servizos.

2. Cando a natureza dos asuntos o requira, o/a director/a do Departamento, por propia iniciativa ou a instancia dun terzo dos membros do Consello, poderá convocar a calquera membro da comunidade universitaria con voz pero sen voto.

3. As eleccións a membros do Consello de Departamento faranse conforme ao disposto no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes que o serán por un ano. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co Departamento, ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.

5. A asistencia ás reunións do Consello constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan a dita asistencia.

ARTIGO 10: Competencias do Consello de Departamento

Corresponderalle ao Consello de Departamento:

a) A elección do director ou directora e, de ser o caso, a proposta ao reitor ou reitora da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

b) A planificación docente das materias das que sexa responsable o Departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49 a tal como dispón os Estatutos da USC.

c) O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49, a, liña b), dos Estatutos da USC.

d) A formulación das demandas de persoal docente e investigador, de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e de doutoramento e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

e) A distribución dos recursos dispoñibles polo Departamento.

f) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno.

g) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

h) A promoción do perfeccionamento da docencia.

i) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte á lexislación vixente e estes Estatutos.

j) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.

k) Calquera outra competencia que lle atribúan estes Estatutos ou a lexislación vixente.

ARTIGO 11: Funcionamento

O Consello do Departamento actuará en Pleno ou en Comisión.

ARTIGO 12: Convocatorias e sesións

1. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Celebrará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.

2. A convocatoria das sesións ordinarias do Consello será realizada polo director ou directora ou por quen legalmente faga as súas funcións, notificándoa aos membros do mesmo cunha antelación mínima de dous días hábiles. Sen prexuízo doutras formas de publicidade, dita notificación será persoal e remitirase por correo electrónico ao enderezo institucional dos seus membros.

3. As convocatorias ordinarias do Consello de Departamento deberán conter lugar da reunión, data, hora, en primeira e segunda convocatoria, e orde do día. A orde do día será elaborada polo/a director/a do Departamento, asistido polo/a secretario/a. Deberán incluírse aqueles asuntos que solicite un 10% dos membros do Consello na primeira reunión ordinaria do órgano que se convoque trala solicitude.

4. O Consello do Departamento reunirase de modo extraordinario convocado polo director ou directora por propia iniciativa cando a importancia ou a urxencia dos asunto a tratar así o requira notificándose aos membros cunha antelación mínima de un día hábil. Na orde do día destas sesións extraordinarias non se incluirán os puntos relativos a aprobación das actas, asuntos de trámite, informes ou rolda aberta de intervencións.

5. Axuntarase ás convocatorias toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ou indicarase o lugar onde estará depositada para a súa consulta polos membros do Consello.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría simple.

7. Para os departamentos con docencia nos dous Campus, as reunión do órgano, na medida do posible, celebraranse por videoconferencia.

ARTIGO 13: Réxime de adopción de acordos

1. O Consello presidirao o director ou directora ou quen legalmente o/a substitúa.

2. Para a válida constitución do Consello, será necesaria en primeira convocatoria a asistencia persoal da metade máis un dos seus membros. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o Consello constituirase na segunda convocatoria sempre que estean presentes polo menos un terzo dos seus membros. En todo caso requírese a asistencia do director/a e do secretario/a ou de quén legalmente os substitúan.

3. As sesións do Consello deberán realizarse de xeito continuado ata esgotar a orde do día, agás que iniciada na xornada de mañá deba interromperse para a súa continuación na mesma xornada de tarde.

4. As sesións ordinarias do Consello iniciaranse coa aprobación se procede da Acta da última sesión ordinaria celebrada, así como das Actas das sesións extraordinarias celebradas dende a última sesión ordinaria do Consello.

5. Corresponderá ao/a director/a establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde cerrada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, polo menos, un dereito de réplica por alusións.

6. Os acordos poderán adoptarse por:

6.1. Asentimento:cando realizada unha proposta polo/a director/a esta non suscita obxeccións ou oposición por ningún membro.

6.2. Por votación ordinaria a man alzada ou secreta; será secreta, con carácter excepcional, cando así o solicite un membro do Consello asistente á reunión e o asunto afecte directamente a persoas concretas. O/a secretario/a fará o reconto e de seguido o/a director/a fará público o resultado.

7. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do Consello.

8. As decisións do Consello de Departamento adoptarán a forma de acordos.

9. Para ser válida a adopción de acordos do Consello deberán acadar cando menos a metade mais un dos votos dos membros presentes, agás aqueles acordos para os que a normativa específica esixa outras maiorías.

10. Nas votacións nas que se produza empate o/a director/a poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema de que se trate.

11. Os acordos do Consello de Departamento serán susceptibles de ser impugnados en alzada diante do Consello de Goberno da Universidade.

ARTIGO 14: Actas do Consello

1. De cada sesión que celebre o Consello do Departamento levantárase acta polo/a secretario/a, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na Acta figurará, a solicitude dos respectivos membros do Consello do Departamento, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o senso do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición integra da súa intervención ou proposta, sempre que a aporte no acto, ou no prazo que sinale o director, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia á mesma.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo de 2 días hábiles, que se incorporará ao texto aprobado.

4. As Actas asinadas polo/a secretario/a, co visto e prace do/a director/a, serán sometidas á consideración do Consello para a súa aprobación na sesión ordinaria inmediatamente posterior, podendo non obstante emitir o/a secretario/a certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da Acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da Acta farase constar expresamente tal circunstancia.

5. As Actas serán encadernadas consonte coas instrucións dadas ao respecto pola Secretaría Xeral da USC.

ARTIGO 15: Comisión Permanente

Composición:

O/a director/a de Departamento.

O/a secretario/a de Departamento, que tamén o será da mesma.

Tres profesores a tempo completo.

Un alumno/a de terceiro ciclo.

Os membros da Comisión Permanente serán elixidos no primeiro Consello de Departamento que se celebre despois da toma de posesión do director/a. Cada profesor poderá votar a dous candidatos/as.

Os/as alumnos/as de terceiro ciclo votarán a un candidato/a.

Competencias:

Por delegación do Consello de Departamento, a Comisión Permanente poderá realizar as seguintes funcións:

- Propoñer ao Consello de Departamento a programación económica: orzamento anual e memoria anual.

- Propoñer ao Consello de Departamento o programa de organización docente do curso académico.

- Asesor ao/á director/a en todos os asuntos que este/a someta a súa consideración.

- Aprobar os informes rutineiros sobre tarefas docentes e/ou investigadoras do profesorado.

- Emitir os informes sobre pedimentos de permisos oficiais que comprendan máis de sete días lectivos.

- Aprobar modificacións de POD que se produzan ao longo do curso académico.

Réxime de funcionamento:

A Comisión Permanente reunirase por decisión do director/a do Departamento, ou a petición dun terzo dos seus membros.

A convocatoria en sesión ordinaria realizarase cun mínimo de dous días hábiles de antelación. No caso de urxencia notificarase con 24 horas de adianto.

No referente ás votacións e aos acordos cumpriranse os mesmos requisitos que no caso do Consello de Departamento.

De todas as reunións da Comisión Permanente o/a secretario/a redactará unha Acta.

A comisión informará de todas as súas actuacións na primeira sesión ordinaria de Consello que se celebre con posterioridade a elas.

No caso de cesamento dun membro da Comisión Permanente será substituído polo seguinte máis votado, ata que proceda unha nova votación.

ARTIGO 16: Comisión/s Delegada/s

Poderanse crear calquera outras Comisións Delegadas que considere o Consello de Departamento.

CAPÍTULO II O DIRECTOR OU DIRECTORA

ARTIGO 17: O director ou directora

1.- O director ou directora representa ao Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2.- A dirección do departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros, que sexa profesor/a doutor/a con vinculación permanente á Universidade.

3.- De non se poder levar a cabo o nomeamento do director ou directora do Departamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor, encargaralle provisoriamente as funcións de dirección a un profesor ou profesora do Departamento ou, no seu defecto, doutro Departamento, que teña o título de doutor e vinculación permanente á Universidade de Santiago. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

4.- O director ou directora do Departamento será elixido polo Consello de Departamento, consonte e de acordo co Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e nomearao o reitor.

5.- O cargo de director/a do Departamento desempeñarase durante catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

6.- O director/a do departamento cesará ao remate do seu mandato, por dimisión ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva a petición, como mínimo, dun terzo dos membros do Consello do Departamento e aprobada por maioría absoluta dos membros do Consello. A presentación da moción incorporará un candidato alternativo Se a moción de censura non acadara os votos necesarios, considerarase rexeitada e os asinantes da mesma non poderán presentar outra durante o mesmo curso académico.

7.- En caso de ausencia ou enfermidade, o director ou directora será substituído, con carácter accidental, polo membro do Departamento de maior categoría e antigüidade que sexa profesor/a doutor/a con vinculación permanente á USC.

ARTIGO 18: Competencias da dirección do Departamento

1. Son competencias da dirección do departamento:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento.

b) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixilancia do seu cumprimento.

c) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materiais dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.

d) A execución das previsións orzamentarias.

e) A proposta ao/á reitor/a do nomeamento de secretario/a do Departamento.

f) Calquera outra competencia que afecte ao Departamento e non fose explícitamente atribuída ao Consello.

2. As competencias da dirección do departamento esténdese a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do Departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.

CAPÍTULO III O SECRETARIO OU SECRETARIA

ARTIGO 19: O secretario ou a secretaria

1. O secretario ou a secretaria do Departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou lle encomende a lexislación ou os Estatutos.

2. O secretario ou secretaria será nomeado polo/a reitor/a, tras a proposta do director ou directora, entre o profesorado, os axudantes e os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 do Departamento con dedicación a tempo completo.

3. O secretario ou secretaria cesará por decisión do/a reitor/a, logo de proposta do director ou directora do Departamento ou a petición propia.

TÍTULO III DA DOCENCIA

ARTIGO 20: Da docencia

O Departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade e será o responsable da docencia das materias establecidas nos programas de estudo que os centros lles encarguen, de conformidade coa normativa aprobada polo Consello de Goberno para a organización docente prevista no artigo 138 des Estatutos da USC. .

O Consello de Departamento, con carácter anual e conforme estableza a propia USC, deberá:

a) Fixar o programa das materias ao seu cargo e o réxime de titorías do profesorado.

b) Determinar as actividades esixidas polos plans de estudo.

c) Fixar o sistema ou sistemas básicos e xerais de avaliación do alumnado para cada materia.

d) Distribuír e asignar as tarefas docentes entre o profesorado.

e) Resolver calquera outra cuestión que esixa a normativa da USC ao respecto.

A distribución das obrigas docentes deberá contemplar a necesidade de cubrir todas as ausencias que, por motivos xustificados, se poidan producir por parte de calquera dos membros do Departamento ao longo do curso.

O Departamento, ademais de participar na programación dos estudos de grao e máster, poderao facer noutros estudos que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

O Departamento apoiará a posta en marcha de actividades na procura dunha mellora continua da calidade da docencia e da formación continua dos seus membros.

TÍTULO IV DA INVESTIGACIÓN

ARTIGO 21: Da investigación

1. O Departamento asume como un dos seus obxectivos esenciais a investigación. A tal efecto promoverá no marco das súas competencias o desenvolvemento dunha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.

2. A investigación é un deber e un dereito do persoal docente e investigador, dento dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.

3. O Departamento fomentará a constitución ou integración en grupos e redes de investigación nos que participen os seus investigadores. As relacións entre o Departamento e os grupos de investigación nos que participen os seus membros acomodaranse á normativa que a tal efecto aprobe o Consello de Goberno da USC.

4. O Departamento fomentará a presentación de proxectos de investigación de forma institucional ou a título persoal do persoal docente e investigador adscrito do mesmo nas distintas convocatorias dos organismos públicos e privados, nacionais ou internacionais encargados de financiar a investigación, e colaborará na súa formalización.

5. O Departamento, a nivel institucional, e o seu persoal docente e investigador, poderá promover contratos con entidades públicas ou privadas ou ben con persoas físicas, a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, e mais o desenvolvemento de cursos de especialización, formación ou perfeccionamento, acordes coas normas e procedementos establecidos pola USC.

6. O Departamento manterá un rexistro actualizado da produción científica e de todos aqueles eventos relacionados coa actividade investigadora realizada polos seus membros no Departamento para o que os seus profesores deberán remitir anualmente a información precisa.

TÍTULO V DO RÉXIME ECONÓMICO

ARTIGO 22: Do orzamento

Coñecidos os recursos anuais dos que dispoña o Departamento, o director ou directora elaborará e presentará ao Consello de Departamento para a súa aprobación o orzamento anual, no que se detallarán os ingresos e gastos e a proposta de distribución dos mesmos.

ARTIGO 23: Da memoria anual

Finalizado o exercicio económico anual a dirección renderá conta ao Consello do Departamento da execución do orzamento coa presentación dunha memoria económica.

TÍTULO VI DA REFORMA DO REGULAMENTO

ARTIGO 24: Da iniciativa

A iniciativa para a reforma do presente Regulamento deberá ser subscrita a lo menos polo dez por cento de membros do Consello do Departamento e deberá ser dirixida á dirección do mesmo mediante un escrito que deberá incluír o obxecto da reforma, o seu fundamento e o texto alternativo articulado que se propón ou, polo menos, as materias acerca das que se exerce e os preceptos cuxa reforma se propugna.

ARTIGO 25: Procedemento de Reforma do Regulamento

1. Unha vez admitida a trámite a proposta de reforma, será comunicada a mesma e o texto alternativo a todos os membros do Consello de Departamento para que poida ser examinado e presentadas emendas durante un período mínimo de 15 días hábiles.

2. O proxecto de reforma e as emendas presentadas polos membros do Consello debateranse nunha sesión extraordinaria do Consello de Departamento convocada para tal efecto nun prazo máximo dun mes natural, a contar desde a presentación da iniciativa de reforma.

ARTIGO 26: Aprobación da Reforma do Regulamento.

1. Para a aprobación do proxecto de reforma requírese a maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

2. O proxecto de Reforma do Regulamento aprobado polo Consello de Departamento, será remitido ao Consello de Goberno da USC para a súa ratificación e aprobación definitiva.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

PRIMEIRA.-

Corresponderá ao Consello de Departamento o desenvolvemento de cantas disposicións non previstas neste regulamento sexan necesarias para a súa aplicación.

SEGUNDA.-

En todo o non disposto no presente Regulamento de Réxime interno aplicarase o estipulado nos Estatutos da USC e na lexislación xeral universitaria vixente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogado, o antigo RRI, do Departamento de dezanove de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

O presente Regulamento entrará en vigor no momento da súa publicación no taboleiro electrónico da USC trala aprobación polo Consello de Goberno da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver