Regulamento de Réxime Interno do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía física
NORMA CONSOLIDADA
(Aprobado polo Consello de Departamento do 19 de Decembro de 2017 e polo Consello de Goberno da USC do 10 de xullo de 2018)
TITULO PRELIMINAR
ARTIGO 1: Lexislación
O Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física, rexerase polo presente Regulamento no marco do sinalado na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, pola Lei 6/2013, de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia, polo disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USc) e a demais normativa xeral que lle sexa da aplicación.
ARTIGO 2: Definición e denominación
O Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física é a unidade básica encargada de programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación nos ámbitos de coñecemento das áreas que o integran, Zooloxía, Xenética, e Antropoloxía Física, da Universidade de Santiago de Compostela. As áreas de coñecemento de Zooloxía e de Xenética teñen presenza nos Campus de Santiago de Compostela e de Lugo. A área de coñecemento de Antropoloxía Física ten presenza no Campus de Santiago.
ARTIGO 3: Adscrición e sede
1. O Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física estará adscrito á Facultade de Bioloxía.
2. A sede do Departamento está na Facultade de Bioloxía, no Campus Vida da USC (Campus de Santiago de Compostela).
ARTIGO 4: Lingua
A lingua galega é a lingua propia da USC. O Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física promoverá accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega.
ARTIGO 5: Igualdade de xénero
O Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física asume como principio inspirador de todas as súas actuacións a igualdade de tratamento e oportunidades entre mulleres e homes de conformidade co Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado polo consello de goberno da USC.
TITULO I ESTRUCTURA E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO
ARTIGO 6: Órganos do Departamento
Son órganos do Departamento:
a) Colexiados.
a. O Consello do Departamento
b. Comisión permanente
b) Unipersoais.
a. O director ou directora
b. O secretario ou secretaria
ARTIGO 7: Funcións
Ademais das establecidas no artigo 49 dos Estatutos da USC, son funcións do Departamento:
1. Participar na elaboración dos planos de estudio, sempre que así llo soliciten os centros responsables.
2. Elaborar os plans de organización docente (POD) nas materias da súa competencia, distribuíndo e asignando ao profesorado a docencia das materias conforme aos criterios recollidos na Normativa e Calendarios da Planificación Académica Anual que aprobe o Consello de Goberno da USC. Cada área de coñecemento elaborará unha proposta do seu POD que, previo acordo dos membros de cada área, será transmitida a través dos coordinadores respectivos de cada área ao director do Departamento, quen o someterá ao Consello de Departamento para a súa aprobación.
3. Realizar as modificación de POD motivadas por situacións sobrevidas como baixas de docentes, nomeamentos con dereito a descontos docentes ou incorporación de novos docentes.
4. Manter o rexistro actualizado do cadro de persoal do Departamento, da súa produción científica e da súa actividade docente, investigadora e de xestión.
5. Participar nos procedementos de certificación e acreditación das actividades docentes e investigadoras dos seus membros.
6. Calquera outra actividade encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.
TITULO II DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO
CAPITULO I : DO CONSELLO DE DEPARTAMENTO E A COMISIÓN PERMANENTE
ARTIGO 8: O Consello de Departamento
O Consello é o órgano colexiado de goberno do Departamento.
ARTIGO 9: Composición do Consello
1. O Consello de Departamento, presidido polo seu director ou directora, e no que actuará como secretario ou secretaria o/a do Departamento, estará composto por:
a) Os doutores membros do Departamento.
b) Unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá do 10% do total dos membros.
c) Unha representación do estudantado do ámbito de docencia do Departamento, que suporá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderá a estudantado de grao e máster e o 15% ao estudantado de doutoramento.
e) Un representante do persoal de administración e servizos.
2. Cando a natureza dos asuntos o requira, o director do Departamento, por propia iniciativa ou a instancia dun terzo dos membros do Consello, poderá convocar a calquera membro da comunidade universitaria con voz pero sen voto.
3. As eleccións a membros do Consello de Departamento faranse conforme o disposto no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.
4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes que o serán por un ano. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co Departamento, ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.
5. A asistencia ás reunións do Consello constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan a dita asistencia.
ARTIGO 10: Competencias do Consello de Departamento
Corresponderalle ao Consello de Departamento:
a) A elección do director ou directora e, de ser o caso, a proposta ao Reitor ou Reitora da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.
b) A planificación docente das materias das que sexa responsable o Departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49a dos Estatutos da USC.
c) O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49b, dos estatutos USC.
d) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente e os da USC
e) A distribución dos orzamentos asignados e dispoñibles polo Departamento.
f) A elaboración, aprobación e, no seu caso, modificación, do seu regulamento de réxime interno.
g) O nomeamento dos membros da Comisión Permanente.
h) O nomeamento das persoas encargadas da coordinación de área.
i) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.
j) A promoción do perfeccionamento da docencia.
k) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.
l) Calquera outra competencia que lle atribúa a lexislación vixente.
ARTIGO 11: Funcionamento
O Consello do Departamento actuará en pleno ou en comisión.
ARTIGO 12: Convocatorias e sesións
1. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Celebrará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.
2. A convocatoria das sesións ordinarias do Consello será realizada polo/a secretario/a por orde do/a director/a ou por quen legalmente faga súas funcións, notificándoa aos membros do mesmo cunha antelación mínima de dous días. Sen prexuízo doutras formas de publicidade, dita notificación será persoal e remitirase por correo electrónico ao enderezo institucional dos seus membros.
3. Ás convocatorias ordinarias do Consello de Departamento deberán conter o lugar da reunión, a data, a hora en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día. A orde do día será elaborado polo/a director/a do Departamento, asistido polo secretario/a. Deberán incluírse aqueles asuntos que solicite un terzo dos membros do Consello na primeira reunión ordinaria do órgano que se convoque trala solicitude.
4. O Consello do Departamento reunirase de modo extraordinario, convocado polo/a secretario/a por orde do/a director/a por propia iniciativa, cando a importancia ou a urxencia dos asunto a tratar así o requira, notificándose aos membros cunha antelación mínima de un día. Na orde do día destas sesións extraordinarias non se incluirán os puntos relativos a aprobación das actas, asuntos de trámite, informes ou rogos e preguntas.
5. Axuntárase as convocatorias toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ou se indicará o lugar onde estará depositada para a súa consulta polos membros do Consello.
6. Nonpoderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
7. As reunións do órgano poderán celebraranse por videoconferencia ou calquera outro sistema telemático, entre o campus de Lugo e o campus de Santiago, agás naqueles casos nos que o voto sexa secreto.
ARTIGO 13: Réxime de adopción de acordos
1. O Consello presidirao o director ou directora ou quen legalmente o/a substitúa.
2. Para a válida constitución do Consello será necesaria, en primeira convocatoria, a presenza da metade máis un dos seus membros. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o Consello constituirase en segunda convocatoria sempre que estean presentes ó menos un quinto dos seus membros. En todo caso requírese a asistencia do director/a e do secretario/a ou de quen legalmente os substitúan.
3. As sesións do Consello deberán realizarse de xeito continuado ate esgota-la orde do día, agás que iniciada na xornada de maña debe interromperse para a súa continuación xa mesma xornada de tarde.
4. As sesións ordinarias do Consello iniciaranse coa aprobación ou modificación, se procede, da Acta da última sesión ordinaria celebrada, así como das Actas das sesións extraordinarias celebradas dende a última sesión ordinaria do Consello. Seguidamente, se pasará ó exame, debate e, no seu caso votación, dos puntos establecidos na orde do día da convocatoria.
5. Corresponderá o Presidente establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde cerrada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, ó menos, un dereito de replica por alusións.
6. Os acordos poderán adoptarse por:
6.1. Asentimento:cando realizada unha proposta polo director non se susciten obxeccións ou oposición por ningún membro.
6.2. Por votación ordinaria a man alzada, agás naqueles casos nos que sexa necesario o voto secreto. O secretario fará o reconto e de seguido o director fará público o resultado.
7. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do Consello.
8. As decisións do Consello de Departamento adoptarán a forma de acordos.
9. A adopción de acordos do Consello farase por maioría simple, agás aqueles acordos para os que a normativa específica esixa outras maiorías.
10. Nas votacións nas que se produza empate o director poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema de que se trate.
11. Os acordos do Consello de Departamento serán susceptibles de ser impugnados en alzada diante o to Consello de Goberno da Universidade.
ARTIGO 14: Actas do Consello
1. De cada sesión que celebre o Consello do Departamento levantárase acta polo secretario, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
2. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo de dous dias, que se incorporará ó texto aprobado. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición integra da súa intervención ou proposta, sempre que aporte no acto, ou no prazo que sinale o/a director/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou unindose copia á mesma.
3. As actas asinadas polo secretario, co visto e prace do director, serán sometidas á consideración do Consello para a súa aprobación na sesión ordinaria inmediatamente posterior, podendo non obstante emitir o secretario certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
4. As actas serán conformadas consonte coas instrucións dadas ao respecto pola secretaria xeral da USC.
ARTIGO 15: Comisión Permanente
O Departamento terá unha Comisión Permanente que estará constituída por:
a) A persoa titular da dirección do Departamento, quen a presidirá.
b) A persoa titular da secretaría do Departamento, que o será tamén da Comisión Permanente.
c) As persoas titulares da coordinación de área
d) Un profesor da área ou áreas que carezan de coordinador/a
e) Un representante do persoal investigador contratado ou en formación.
f) Un representante do PAS.
g) Un representante do estudantado.
ARTIGO 16: Competencias da Comisión Permanente
Son competencias da Comisión Permanente:
a) Coñecer e decidir sobre asuntos de trámite.
b) Adoptar e axilizar acordos sobre os asuntos que lle fosen delegados polo Consello de Departamento.
c) Redactar normativas, informes e propostas relacionadas co funcionamento do Departamento, que se someterán á aprobación do Consello de Departamento.
ARTIGO 17: Elección de representantes na Comisión Permanente
1. A proposta e elección de representantes na Comisión Permanente terá lugar en sesión de Consello de Departamento.
2. Os membros da Comisión serán renovados despois do nomeamento dun novo director ou directora do Departamento, ou antes por acordo do Consello de Departamento.
3. Os membros da Comisión Permanente poderán cesar por vontade propia ou por perda da condición que os fixo elixibles. Os membros cesados serán substituídos polos seguintes máis votados ata que se proceda a unha nova elección.
ARTIGO 18: Funcionamento da Comisión Permanente
1. A Comisión Permanente reunirase por iniciativa da persoa titular da dirección do Departamento. A convocatoria realizarase para un día lectivo, e será notificada por correo electrónico a todos os membros da Comisión cunha antelación mínima de un día. Na convocatoria deberá constar o lugar, data e hora de reunión, así como a orde do día. As sesións celebraranse, sempre que sexa posible, mediante conexión por videoconferencia ou calquera outro sistema telemático, entre o campus de Lugo e o campus de Santiago.
2. A Comisión Permanente considerarase validamente constituída coa presenza de alomenos o 50% dos seus membros. En todo caso, é necesaria a asistencia das persoas titulares da dirección e da secretaría ou dos membros do Consello que legalmente os substitúan.
3. A persoa titular da secretaría levantará acta de cada sesión na que se especificarán necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo nas que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. As actas serán aprobadas pola propia Comisión e os acordos adoptados serán comunicados aos membros do Consello de Departamento pola persoa titular da dirección para a súa aprobación, se procede, durante a seguinte sesión ordinaria do Consello de Departamento.
4. Os acordos da Comisión Permanente adoptaranse polo mesmo procedemento establecido para o Consello de Departamento nos puntos 6, 7, 8, 9 e 10 do artigo 12 deste Regulamento.
CAPÍTULO II DO DIRECTOR OU DIRECTORA
ARTIGO 19: O director ou directora
1.- O director ou directora representa o Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.
2.- Á dirección do Departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros, que sexa profesor doutor con vinculación permanente á Universidade.
3.- De non se poder levar a cabo o nomeamento do director ou directora do Departamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do Reitor, encargaralle provisoriamente as funcións de dirección a un profesor ou profesora do Departamento ou, no seu defecto, doutro Departamento, que teña o título de doutor e vinculación permanente á Universidade de Santiago. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.
4.- O director ou directora do Departamento será elixido polo Consello de Departamento, de acordo co Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e nomearao o Reitor,
5.- O cargo de director/a do Departamento desempeñarase durante catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.
6.- O director/a do Departamento cesará o remate do seu mandato, por dimisión ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva a petición, como mínimo, dun terzo dos membros do Consello do Departamento, e aprobada por maioría absoluta dos membros do Consello. A presentación da moción incorporará un candidato alternativo. Se a moción de censura non acadara os votos necesarios, considerarase rexeitada e os asinantes da mesma non poderán presentar outra durante o resto do período de mandato da persoa titular da dirección.
7.- En caso de ausencia ou enfermidade, o director ou directora será substituído, con carácter accidental, polo membro do Departamento de maior categoría e antigúidade que sexa profesor/a doutor/a con vinculación permanente á USC.
ARTIGO 20: Competencias da dirección do departamento
1. Son competencias da dirección do Departamento:
a) Ostentar a representación do Departamento.
b) A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento.
c) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixilancia do seu cumprimento.
d) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento e as normativas vixentes, dos medios persoais e materiais dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.
e) A execución das previsións orzamentarias.
f) A proposta ao Reitor do nomeamento de secretario ou secretaria do Departamento.
g) Aquelas outras competencias que lle encomende a lexislación de rango superior a este Regulamento.
h) A elaboración da proposta do POD do Departamento.
2. As competencias da dirección do Departamento esténdese a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do Departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.
CAPÍTULO III DO SECRETARIO OU SECRETARIA
ARTIGO 21: O secretario ou secretaria
1. O secretario ou a secretaria do Departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou lle encomende a lexislación.
2. O secretario ou secretaria será nomeado polo Reitor, tras a proposta do director ou directora, entre o profesorado, os axudantes e os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 do Departamento con dedicación a tempo completo.
3. O secretario ou secretaria cesará por decisión do Reitor, logo de proposta do director ou directora do Departamento ou a petición propia.
CAPÍTULO IV DA PERSOA TITULAR DA COORDINACIÓN DE ÁREA
ARTIGO 22: Da persoa titular da coordinación de área
O Consello de Departamento nomeará a unha persoa titular da coordinación de cada área de coñecemento sempre e cando o número de PDI por área sexa igual ou maior de 5. A persoa titular da coordinación de área será proposta pola dirección do Departamento e elixida polos membros do Consello de Departamento adscritos ao área.
ARTIGO 23: Competencias da persoa titular da coordinación de área
1. A persoa titular da coordinación de área, de acordo cos membros do Departamento pertencentes á mesma, colaborará coa dirección do Departamento na elaboración da proposta de POD que se someta a aprobación polo Consello de Departamento.
2. A persoa titular da coordinación de área será a encargada de transmitir ao director ou directora os acordos adoptados na área que coordina e que deban ser tratados no Consello de Departamento.
3. O Departamento falará ca persoa titular da coordinación de área respecto de todas aquelas cuestións que lles afecten especificamente.
TITULO III DA DOCENCIA
ARTIGO 24: Da docencia
O Departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade e será o responsable da docencia das materias establecidas nos programas de estudio que os centros lles encarguen, de conformidade coa normativa aprobada polo Consello de Goberno para a organización docente prevista no artigo 138 dos estatutos da USC.
O Consello de Departamento, con carácter anual e conforme estableza a propia USC, deberá:
a) Aprobar o programa das materias ao seu cargo e o réxime de titorías do profesorado.
b) Determinar as actividades esixidas polos planos de estudio.
c) Aprobar o sistema ou sistemas básicos e xerais de avaliación do alumnado para cada materia.
d) Distribuír e asignar tarefas docentes entre o profesorado.
e) Resolver calquera outra cuestión que esixa a normativa da USC ao respecto.
A distribución das obrigas docentes deberá contemplar a necesidade de cubrir tódalas ausencias que, por motivos xustificados, se poidan producir por parte de calquera dos membros do Departamento ao longo do curso.
O Departamento, ademais de participar na programación dos estudios de grao e máster, poderán organizar aqueles outros estudios que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización. Tamén poderá propoñer as actividades docentes que poidan realizar profesores visitantes, eméritos, ou ad honorem conforme á normativa que sexa de aplicación.
O Departamento apoiará a posta en marcha de actividades na procura dunha mellora continua da calidade da docencia e da formación continua dos seus membros.
TITULO IV DA INVESTIGACIÓN
ARTIGO 25: Da investigación
1. O Departamento asume como un de seus obxectivos esenciais a investigación. A tal efecto promoverá no marco das súas competencias o desenvolvemento dunha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.
2. A investigación e un deber e un dereito do persoal docente e investigador, dento dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.
3. O Departamento fomentará a constitución ou integración en grupos e redes de investigación nos que participen os seus investigadores. As relacións entre o Departamento e os grupos de investigación nos que participen os seus membros se acomodarán a normativa que a tal efecto aprobe o Consello de Goberno da USC
4. O Departamento fomentará a presentación de proxectos de investigación de forma institucional ou a título persoal do persoal docente e investigador adscrito do mesmo nas distintas convocatorias dos organismos públicos e privados, nacionais ou internacionais encargados de financiar a investigación, e colaborará na súa formalización
5. O Departamento, a nivel institucional, e seu persoal docente e investigador, poderá promover contratos con entidades públicas ou privadas ou ben con persoas físicas, a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, e mailo desenvolvemento de cursos de especialización, formación ou perfeccionamento, acordes coas normas e procedementos establecidos pola USC.
6. O Departamento manterá un rexistro actualizado da produción científica e do todos aqueles eventos relacionados coa actividade investigadora realizada polos seus membros no Departamento, para o que estes deberán remitir anualmente a información precisa.
TITULO V DO REXIME ECONÓMICO
ARTIGO 26: Do orzamento
Coñecidos os recursos anuais dos que dispoña o Departamento, o director ou directora elaborará e presentará ao Consello de Departamento, para súa aprobación, o orzamento anual, no que se detallarán os ingresos e previsión de gastos cunha proposta de distribución dos mesmos.
ARTIGO 27: Da memoria anual
Finalizado o exercicio económico anual a dirección renderá contas da execución do orzamento ao Consello do Departamento.
TITULO VI DA REFORMA DO REGULAMENTO
ARTIGO 28: Da iniciativa
A iniciativa para a reforma do presente Regulamento deberá ser subscrita a lo menos por un terzo dos membros do Consello do Departamento e deberá ser dirixida a dirección do mesmo mediante un escrito que deberá incluír o obxecto da reforma, o seu fundamento e o texto alternativo articulado que se propón ou, polo menos, as materias acerca das que se exerce e os preceptos cuxa reforma se propugna.
ARTIGO 29: Procedemento de reforma do regulamento
1. Unha vez admitida a trámite a proposta de reforma, será comunicada a mesma e o texto alternativo a todos os membros do Consello de Departamento para que poida ser examinado e presentadas emendas durante un período minimo de 10 días hábiles,
2. O proxecto de reforma e as emendas presentadas polos membros do Consello debateranse nunha sesión extraordinaria do Consello de Departamento convocada para tal efecto nun prazo máximo dun mes natural, a contar desde a presentación da iniciativa de reforma.
ARTIGO 30: Aprobación da reforma do regulamento.
1. Para a aprobación do proxecto de reforma requírese a maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.
2. O proxecto de reforma do regulamento aprobado polo Consello de Departamento, será remitido ao Consello de Goberno da USC para a súa ratificación e aprobación definitiva.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
PRIMEIRA.-
Corresponderá ao Consello de Departamento o desenvolvemento de cantas disposicións non previstas neste regulamento sexan necesarias para a súa aplicación.
SEGUNDA.-
En todo o non disposto no presente Regulamento de Réxime Interno, aplicarase o estipulado nos Estatutos da USC e na Lexislación Xeral Universitaria vixente.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O presente Regulamento entrará en vigor no momento da súa publicación no taboleiro electrónico da USC trala aprobación polo Consello de Goberno da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.