Regulamento de réxime interno do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
NORMA CONSOLIDADA
(Aprobado no Consello de Departamento o 3 de xullo de 2018)
TITULO PRELIMINAR
ARTIGO 1: Lexislación
1. O Departamento de Psicoloxía Clinica e Psicobioloxía rexerase polo presente Regulamento no marco do sinalado na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, de 12 de abril, de Universidades, pola Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, e polo disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. Para cuestións non previstas no regulamento anterior, aplicarase o previsto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
2. Todo o persoal docente ou investigador vinculado ao Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía estará suxeito ao presente Regulamento.
ARTIGO 2: Definición e denominación
1. O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía é a unidade básica encargada da programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio á investigación en dúas áreas de coñecemento da USC:Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos e Psicobioloxía.
2. O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía desenvolve as súas funcións docentes e investigadoras en todos aqueles centros con plans de estudos que integran materias adscritas ás áreas de coñecemento da súa competencia.
ARTIGO 3: Sede
1. Asede do Departamento fixarase na Facultade de Psicoloxía da USC.
ARTIGO 4: Lingua
A lingua galega é a lingua propia da USC. O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía promoverá accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega.
ARTIGO 5: Igualdade de xénero
O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía asume como principio inspirador de todas as súas actuacións a igualdade de tratamento e oportunidades entre mulleres e homes de conformidade co Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado polo Consello de Goberno da USC.
TITULO I. ESTRUTURA E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO
ARTIGO 6: Órganos do Departamento
Son órganos de dirección do Departamento:
a) O Consello do Departamento
b) O director ou directora
c) O secretario ou secretaria
Ao abeiro do establecido no artigo 105.2 dos Estatutos da USC, crearase unha Comisión Permanente delegada do Consello de Departamento para tramitar as xestións ordinarias.
ARTIGO 7: Funcións
De conformidade co artigo 49 dos Estatutos da USC son funcións do Departamento:
a) A programación, desenvolvemento e seguimento de:
- As ensinanzas asignadas ás áreas de coñecemento de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos e de Psicobioloxía de acordo coas previsións dos respectivos plans de estudos, cos criterios xerais emanados da Universidade e coa organización xeral dos centros nos que estas se imparten.
- Os estudos de doutoramento adscritos ao Departamento
- Os cursos de posgrao propio, de especialización e de formación continua do ámbito destas áreas.
b) A distribución e asignación ao profesorado da docencia das materias dentro da súa área de coñecemento, conforme á normativa aplicable e aos criterios que estableza o Consello de Departamento.
c) O apoio ás iniciativas e actividades docentes e investigadoras do seu persoal docente e investigador, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.
d) A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta dos membros da comisión encargada de resolver os concursos.
e) O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do Departamento así como do cadro de persoal do Departamento, da súa actividade docente e da súa xestión.
f) O fomento da formación do seu profesorado e do persoal investigador.
g) A xestión dos recursos materiais e persoais que se lle asignen para o cumprimento das súas funcións.
h) Calquera outra acción encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que se desenvolva no seu ámbito e que non corresponda a outros órganos.
TITULO II. DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO
CAPITULO I. DO CONSELLO DE DEPARTAMENTO
ARTIGO 8: O Consello de Departamento
O Consello é o órgano colexiado de goberno do Departamento.
ARTIGO 9: Composición do Conscllo de Departamento
1. O Consello de Departamento, presidido polo seu director ou directora e no que actuará como secretario ou secretaria o/a propio/a do Departamento, estará composto por:
a) Os doutores e as doutoras membros do Departamento.
b) Unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá do 10% do total dos membros.
c) Unha representación do estudantado do ámbito de docencia do Departamento, elixidos cada dous anos, que suporá ata o 25% do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderá a estudantado de grao e máster e o 15% ao estudantado de doutoramento.
d) Un representante do persoal de administración e servizos.
2. As eleccións a membros do Consello de Departamento faranse conforme ao disposto no Regulamento Electoral Xeral da USC.
3. Todos os representantes elixidos serano por dous anos. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co Departamento, ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido, ou a petición propia. No referente á última causa, a renuncia deberá ser debidamente razoada e aceptada polo Consello do Departamento. O membro do Consello de Departamento en quen concorra algunha destas circunstancias deberá comunicalo á secretaría do Departamento no momento en que esta se produza.
4. A asistencia ás reunións do Consello constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan dita asistencia.
ARTIGO 10: Competencias do Consello de Departamento
1. Corresponderalle ao Consello de Departamento:
a) A elección do director ou directora e, de ser o caso, a proposta ao reitor ou reitora da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.
b) A planificación docente das materias das que sexa responsable o Departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49.a dos Estatutos da USC.
c) O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49.b dos Estatutos da USC.
d) A formulación das demandas de persoal docente e investigador, de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e de doutoramento, e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.
e) A distribución dos recursos económicos asignados e dispoñibles polo Departamento.
f) A elaboración e aprobación do seu Regulamento de Réxime Interno, así como a súa modificación.
g) A creación, se procede, de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.
h) A promoción do perfeccionamento da docencia.
i) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente e aos Estatutos da USC.
j) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.
k) A adopción das decisións que a normativa vixente lle atribúa sobre os estudos de doutoramento.
l) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da USC ou a lexislación vixente.
2. No marco das competencias do Consello de Departamento, as áreas de coñecemento serán as responsables de facer proposta respecto dos seguintes asuntos da docencia e da investigación:
a) A elaboración da organización docente das materias adscritas a cada área de coñecemento e a súa proposta ao Consello de Departamento.
b) A elaboración de propostas relativas ao profesorado de cada área de coñecemento e a súa proposta ao Consello de Departamento.
c) A elaboración de criterios concernentes ao reparto do encargo docente entre o seu profesorado, sen prexuízo do establecido na normativa correspondente da USC, e a súa proposta ao Consello de Departamento.
d) Calquera outra que lles atribúa este Regulamento ou o Consello de Departamento.
Para o adecuado desenvolvemento destas funcións, as áreas de coñecemento poderán designar a un coordinador ou coordinadora, que será elixido/a de entre os/as profesores/as doutores/as que integran a área, co fin de xestionar con maior axilidade as cuestións que lle competen e coordinar as iniciativas referidas á área de coñecemento, de acordo coa decisión maioritaria dos membros da mesma.
ARTIGO 11: Funcionamento do Consello de Departamento
O Consello do Departamento actuará en Pleno ou en Comisión Permanente. Tamén poderá dotarse de comisións “ad hoc” para asuntos específicos, das cales se determinarán as súas competencias e funcións.
ARTIGO 12: Convocatorias e sesións do Consello de Departamento
1. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Celebrará, polo menos, tres sesións ordinarias durante O curso académico en período lectivo.
2. A convocatoria das sesións ordinarias do Consello será realizada polo secretario/a, por orde do/a director/a ou por quen legalmente faga as súas funcións, notificándoa aos membros do mesmo cunha antelación mínima de 2 días hábiles. Sen prexuízo doutras formas de publicidade, dita notificación será persoal e remitirase por correo electrónico ao enderezo institucional dos seus membros. É responsabilidade dos membros do Consello comunicar ao/á secretario/a do Departamento os cambios que se produzan no enderezo en que desexa recibir as convocatorias, que deberá ser, en todo o caso, enderezo da USC. As desculpas de ausencia serán notificadas por e-correo á secretaría do Departamento.
3. As convocatorias ordinarias do Consello de Departamento deberán conter:lugar da reunión, data, hora, en primeira e segunda convocatoria, e orde do día. A orde do día será elaborada polo/a director/a do Departamento, asistido/a polo/a secretario/a e nelas deberán figurar os puntos de aprobación da acta da sesión anterior, informe do director ou directora, asuntos de trámite e rolda de intervencións, ademais dos restantes asuntos que corresponde tratar. Tamén se incluirán na orde do día os puntos que, cunha antelación mínima de 2 días á data da convocatoria, solicite un terzo dos membros do Consello.
4. O Consello do Departamento reunirase de modo extraordinario convocado polo director ou directora, por propia iniciativa, cando a importancia ou a urxencia dos asunto a tratar así O requira, ou a pedimento dun terzo dos seus membros, notificándose cunha antelación mínima de dous días hábiles. Na orde do día destas sesións extraordinarias, non se incluirán os puntos relativos a aprobación da acta da sesión anterior, informe do director ou directora, asuntos de trámite e rolda aberta de intervencións. No caso de convocatoria extraordinaria a pedimento dos membros do Consello, a reunión deberá celebrarse no prazo máximo de 15 días desde a recepción da solicitude na secretaría do Departamento, tendo en conta para o cómputo os períodos hábiles para a convocatoria de órganos colexiados. Na solicitude da convocatoria, que deberá realizarse por escrito, indicarase o punto ou puntos que se desexe debater na sesión, coa redacción precisa de como se solicita que figure na orde do día.
5. Adxuntarase ás convocatorias toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ou se indicará o lugar onde estará depositada para a súa consulta polos membros do Consello.
6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
7. Cando a natureza dalgún punto da orde do día o aconselle, o director ou directora poderá convidar a participar na sesión, con voz e sen voto, a persoas que non pertenzan ao Consello, ben a iniciativa propia, ben a pedimento dos/as interesados/as ou dun terzo dos membros do Consello. Neste caso, as persoas convidadas só estarán presentes na exposición e debate do punto ou puntos para os cales foron convocadas.
ARTIGO 13: Réxime de adopción de acordos do Consello de Departamento
1. O Consello presidirao o director ou directora ou quen legalmente o/a substitúa.
2. Para a válida constitución do Consello, será necesaria, en primeira convocatoria, a asistencia da metade máis un dos seus membros. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o Consello constituirase na segunda convocatoria sempre que estean presentes polo menos un 25% dos seus membros, tendo en conta o número de efectivos dos que dispoña O Órgano no momento en que se reúna. En todo caso requírese a asistencia do/a director/a e do/a secretario/a ou de quen legalmente os/as substitúan. No caso de non se poder constituír o Consello, por falta de quórum, este deberá convocarse novamente, no prazo máximo de dous días hábiles, para unha nova data no prazo dos seguintes 15 días. Neste caso, o Consello poderá constituírse, en segunda convocatoria, coa asistencia dun 20% dos seus membros.
3. As sesións do Consello deberán realizarse de xeito continuado até esgotar a orde do día agás que, iniciadas na xornada de mañá, deban interromperse para a súa continuación na mesma xornada de tarde. Se non se remata no mesmo día deberá realizarse unha nova convocatoria.
4. As sesións ordinarias do Consello iniciaranse coa aprobación ou modificación da acta da última sesión ordinaria celebrada, así como das actas das sesións extraordinarias celebradas dende a última sesión ordinaria do Consello. Seguidamente, pasarase ao exame, debate e, no seu caso, votación dos puntos establecidos na orde do día da convocatoria.
5. Para a aprobación da acta da sesión anterior, achegarase o borrador da mesma, xunto coa convocatoria, aos seus membros. No caso de que, por causa xustificada e suficiente non se puidera achegar a acta por medios electrónicos con anterioridade á reunión, deberáselle dar lectura na sesión. A aprobación do texto deberá someterse a votación e aprobarse por asentimento ou por maioría.
6. Nos restantes puntos da orde do día os membros do Consello teñen dereito ao uso da palabra durante os debates, e sobre calquera outro punto no apartado de rolda de intervencións. Corresponderá ao/á presidente/a establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde pechada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, polo menos, un dereito de réplica por alusións. Nesta función, o/a presidente/a deberá garantir o respecto ao uso da palabra de todos os membros que queiran intervir e velar porque os debates se desenvolvan cinguindose á orde do día, e desde o respecto ás persoas presentes ou aludidas. Calquera membro do Consello ten dereito a presentar ante o mesmo propostas de acordo ou moción referidas aos puntos da orde do día no curso do debate do punto correspondente, ou ben con antelación facéndoo por escrito.
7. Os acordos poderán adoptarse por:
7.1. Asentimento:cando realizada unha proposta polo/a presidente/a, esta non suscita obxeccións ou oposición por ningún membro.
7.2. Por votación ordinaria a man alzada ou secreta. Será secreta cando así sexa solicitado por calquera membro do Consello ou cando os acordos afecten a persoas concretas, agás que haxa unanimidade de todos os asistentes á reunión e da persoa ou persoas afectadas para realizala a man alzada. O/a secretario/a fará o reconto e de seguido o/a presidente/a fará público o resultado.
8. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do Consello.
9. As decisións do Consello de Departamento adoptarán a forma de acordos nas materias da súa competencia. O Consello de Departamento poderá pronunciarse en relación a materias que non sexan da súa competencia.
10. Para ser válida a adopción de acordos do Consello, deberán acadar cando menos a metade máis un dos votos dos membros presentes, agás aqueles acordos para os que a normativa específica esixa outras maiorías.
11. Nas votacións nas que se produza empate, o/a presidente/a poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema de que se trate.
12. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular, por escrito, no prazo de corenta e oito horas; voto que se incorporará á acta.
13. Os acordos do Consello de Departamento serán susceptibles de ser impugnados en alzada diante do Consello de Goberno da Universidade.
ARTIGO 14: Actas do Consello de Departamento
1. De cada sesión que celebre o Consello do Departamento levantarase acta polo/a secretario/a, que especificará necesariamente os/as asistentes e as ausencias previamente comunicadas, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados, especificando, no caso de realizáranse votacións, o número de votos favorables a cada unha das propostas, así como, se procede, o número de votos en contra e abstencións.
2. Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros do Consello do Departamento, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o senso do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición integra da súa intervención ou proposta, sempre que a aporte no acto, ou no prazo que sinale o/a director/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia á mesma.
3. As actas elaboradas polo/a secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a, serán sometidas á consideración do Consello para a súa aprobación na sesión ordinaria inmediatamente posterior, podendo, non obstante, emitir o/a secretario/a certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
4. As actas, unha vez aprobadas, deberán ser asinadas polo secretario ou secretaria e visadas polo/a presidente/a do Consello. As actas poderán conservarse en papel ou en documento electrónico; en calquera dos casos deberá garantirse a integridade e autenticidade dos documentos consonte ás instrucións dadas ao respecto pola Secretaría Xeral da USC.
CAPÍTULO II. DA COMISIÓN PERMANENTE
ARTIGO 15. Composición da Comisión Permanente
De acordo co previsto no artigo 6 do presente regulamento, establécese unha Comisión Permanente integrada por membros do Consello de Departamento tal como se indica a continuación:
a) O/a director/a, quen a presidirá.
b) O/a secretario/a do Departamento, quen o será tamén da Comisión Permanente.
c) Catro representantes do persoal docente e investigador do Departamento, dous por cada área de coñecemento que forman parte del.
d) Unha persoa representante do persoal investigador en formación.
e) Unha persoa representante do estudantado de grao/máster e outra representante do estudantado de doutoramento.
f) Un representante do persoal de administración e servizos.
As persoas representantes do PDI serán elixidas polo PDI das súas correspondentes áreas de coñecemento; os representantes do persoal investigador en formación e do estudantado serán elixidos polos membros do correspondente sector ou subsector que o sexan do Consello. Todos eles serán nomeados polo director/a, tras a súa ratificación polo pleno do Consello. A Comisión Permanente será renovada cada vez que haxa eleccións a director/a.
ARTIGO 16. Competencias da Comisión Permanente
Son competencias da Comisión Permanente
a) Coñecer e decidir sobre asuntos de trámite.
b) Adoptar acordos ordinarios sobre asuntos que impliquen a aplicación de procedementos e criterios previamente acordados polo Pleno do Consello.
c) Adoptar acordos sobre os asuntos que lle sexan delegados polo Consello de Departamento porque esixan unha rápida toma de acordo e execución.
d) Asesorar en todas as cuestións que o/a director/a do Departamento lle formule no exercicio das súas competencias.
ARTIGO 17. Funcionamento da Comisión Permanente
1. A Comisión Permanente será convocada polo/a secretario/a, por orde do/a director/a.
2. A Comisión Permanente poderá reunirse de forma inmediata ou de urxencia, se así llo demanda un órgano superior, sempre que poida constituírse validamente. As reunións da Comisión Permanente poderán celebrarse por medios telemáticos a fin de axilizar a xestión e efectividade das mesmas.
3. A convocatoria realizarase, cando menos, cunha antelación de dous días hábiles, e nela deberán constar o lugar da reunión, a data, a hora e a orde do día.
4. A Comisión Permanente constituirase validamente coa participación dun terzo dos seus membros. En todo o caso, é necesaria a asistencia do/a director/a e da/o secretaria/o ou dos membros do Consello que legalmente os/as substitúan.
5. Calquera membro do Consello de Departamento, previa solicitude razoada dirixida ao/á director/a, poderá intervir ante a Comisión Permanente, con voz e sen voto.
6. En todos os demais aspectos referidos á convocatoria e normas de funcionamento, estarase ao establecido neste regulamento para o Consello de Departamento.
7. De todas as reunións da Comisión Permanente, o/a secretario/a redactará unha acta que se recollerá no Libro de Actas do Consello. O/A director/a informará ao Pleno do Consello de todas as actuacións da Comisión na primeira sesión ordinaria que este celebre con posterioridade á última celebrada pola Comisión Permanente.
8. Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros do Consello de Departamento ou do sector ao que representan, a petición propia ou por falta inxustificada a máis do 75% das reunións que se desenvolvan nun curso académico. De ser o caso, procederase á elección do/a substituto/a dentro do sector correspondente no prazo de tempo máis breve posible.
CAPÍTULO III. DO DIRECTOR OU DIRECTORA
ARTIGO 18: O director ou directora
1. O director ou directora representa o Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.
2. A dirección do Departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros, que sexa profesor/a doutor/a con vinculación permanente á universidade.
3. De non se poder levar a cabo o nomeamento do director ou directora do Departamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor, encargaralle, provisoriamente, as funcións de dirección a un profesor ou profesora do Departamento ou, no seu defecto, doutro departamento, que teña o título de doutor e vinculación permanente á Universidade de Santiago. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.
4. O director ou directora do Departamento será elixido polo Consello de Departamento, de acordo co Regulamento Electoral Xeral da USC, e nomearao o reitor ou reitora.
5. O cargo de director/a do Departamento desempeñarase durante catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.
6. O/a director/a do Departamento cesará ao remate do seu mandato, por dimisión ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva a petición, como minimo, dun terzo dos membros do Consello do Departamento e aprobada por maioría absoluta dos membros do Consello. A presentación da moción incorporará un candidato alternativo. Se a moción de censura non acadara os votos necesarios, considerarase rexeitada e os/as asinantes da mesma non poderán presentar outra durante o mesmo curso académico.
7. En caso de ausencia ou enfermidade, o director ou directora será substituído/a, con carácter accidental, polo membro do departamento de maior categoría e antiguidade que sexa profesor doutor con vinculación permanente á Universidade.
ARTIGO 19: Competencias da dirección do Departamento
1. Son competencias da dirección do Departamento:
a) A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento e da Comisión Permanente.
b) A xestión ordinaria dos asuntos que sexan competencia do Departamento.
c) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e pola Comisión Permanente e a vixilancia do seu cumprimento.
d) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materiais dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.
e) A execución das previsións orzamentarias.
f) A proposta ao reitor do nomeamento de secretario/a do Departamento.
g) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos ou a lexislación vixente da USC.
2. As competencias da dirección do Departamento esténdense a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do Departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.
CAPÍTULO IV. DO SECRETARIO OU SECRETARIA
ARTIGO 20. O secretario ou secretaria
1. O secretario ou a secretaria do Departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento.
2. O secretario ou secretaria será nomeado/a polo reitor, tras a proposta do director ou directora, entre o profesorado, os axudantes e os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 do Departamento con dedicación a tempo completo.
3. O secretario ou secretaria cesará por decisión do reitor, logo de proposta do director ou directora do Departamento ou a petición propia.
4. En caso de ausencia ou enfermidade, será substituído/a con carácter accidental por un membro do Consello designado polo director/a e, no seu defecto, polo membro do departamento de menor idade que reúna os requisitos para ser secretario/a.
ARTIGO 21. Competencias do/a secretario/a
Son competencias do/a secretario/a:
a) Levantar acta das sesións do Consello de Departamento e da Comisión Permanente.
b) Custodiar as actas, unha vez aprobadas, que poderán ser consultadas na súa presenza por calquera membro do Departamento.
c) Expedir as certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento.
d) Recibir os actos de comunicación dos membros do Consello, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.
e) Ademais exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o/a director/a, lle encomenden os Estatutos ou a lexislación vixente da USC.
TITULO III. DA DOCENCIA
ARTIGO 22. Da docencia
1. O Departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade e será o responsable da docencia das materias establecidas nos programas de estudo que os centros lles encarguen, de conformidade coa normativa aprobada polo Consello de Goberno para a organización docente prevista no artigo 138 dos Estatutos da USC.
2. O Consello de Departamento, con carácter anual e conforme estableza a propia USC, deberá:
a) Fixar o programa das materias ao seu cargo e o réxime de titorías do profesorado.
b) Determinar as actividades esixidas polos plans de estudo.
c) Fixar o sistema ou sistemas básicos e xerais de avaliación do alumnado para cada materia.
d) Distribuír e asignar as tarefas docentes entre o profesorado. O reparto do encargo docente farase de xeito equitativo entre todo o persoal docente, respectando o seu réxime de dedicación, de conformidade coa normativa da Universidade € os acordos do Consello de Departamento para a elaboración do POD.
e) Resolver calquera outra cuestión que esixa a normativa da USC ao respecto.
3. A distribución das obrigas docentes deberá contemplar, no posible, a necesidade de cubrir as ausencias que, por motivos xustificados, se poidan producir por parte de calquera dos membros do Departamento ao longo do curso.
4. O Departamento, ademais de participar na programación dos estudos de grao e máster, poderá participar da organización dos estudos que conduzan á obtención dos titulos de doutor ou doutora, así como outros estudos que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.
5. O Departamento apoiará a posta en marcha de actividades na procura dunha mellora continua da calidade da docencia e da formación continua dos seus membros.
TITULO IV. DA INVESTIGACIÓN
ARTIGO 23. Da investigación
1. O Departamento asume como un dos seus obxectivos esenciais a investigación. A tal efecto promoverá no marco das súas competencias o desenvolvemento dunha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.
2. A investigación é un deber e un dereito do persoal docente e investigador, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.
3. O Departamento fomentará a constitución ou integración en grupos e redes de investigación nos que participen os seus investigadores. As relacións entre o Departamento e os grupos de investigación nos que participen os seus membros se acomodarán á normativa que a tal efecto aprobe o Consello de Goberno da USC.
4. O Departamento fomentará a presentación de proxectos de investigación de forma institucional ou a título persoal do persoal docente e investigador adscrito ao mesmo nas distintas convocatorias dos organismos públicos e privados, nacionais ou internacionais encargados de financiar a investigación, e colaborará na súa formalización.
5. O Departamento, a nivel institucional, e o seu persoal docente e investigador, poderá promover contratos con entidades públicas ou privadas ou ben con persoas físicas, para a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, e mailo desenvolvemento de cursos de especialización, formación ou perfeccionamento, acordes coas normas e procedementos establecidos pola USC.
6. O Departamento manterá un rexistro actualizado da produción científica e de todos aqueles eventos relacionados coa actividade investigadora realizada polos seus membros no Departamento, para o que os seus profesores deberán remitir anualmente a información precisa.
7. O Departamento promoverá a divulgación da actividade investigadora realizada polos seus membros, a través dos medios que considere máis adecuados. E sempre co acordo do grupo de investigación e/ou dos centros e servizos implicados,
ARTIGO 24. Do persoal investigador en formación
Os bolseiros, contratados predoutorais e demais persoal investigador en formación con cargo a fondos alleos ao Departamento que realicen traballos de investigación no seo dalgún dos grupos de investigación do Departamento, deberán acreditalo ao secretario/a, para formalizar a súa adscrición ao Departamento nos termos que estableza a normativa vixente, e renovarán dita acreditación ao comezo de cada nova prórroga ou contrato.
TITULO V. DO RÉXIME ECONÓMICO
ARTIGO 25. Do orzamento
1. Coñecidos os recursos anuais dos que dispoña o Departamento, o director ou directora elaborará e presentará ao Consello de Departamento, para a súa aprobación, o orzamento anual, no que se detallarán os ingresos e gastos e a proposta de distribución dos mesmos.
2. O orzamento anual do Departamento elaborarase de acordo cos criterios que aprobe o Consello de Departamento, tendo en conta as necesidades docentes e investigadoras.
ARTIGO 26. Da memoria anual
Finalizado o exercicio económico anual, a dirección renderá conta ao Consello do Departamento da execución do orzamento coa presentación dunha memoria económica.
TITULO VI. DA REFORMA DO REGULAMENTO
ARTIGO 27. Da iniciativa
A iniciativa para a reforma do presente Regulamento pode ser levada a cabo pola dirección do Departamento ou a pedimento de, polo menos, un terzo dos membros do Consello do Departamento. Neste último caso, deberá ser dirixida á dirección do mesmo mediante un escrito que deberá incluír o obxecto da reforma, o seu fundamento e o texto alternativo articulado que se propón ou, polo menos, as materias acerca das que se exerce e os preceptos cuxa reforma se propugna. A solicitude deberá estar asinada pola totalidade das persoas demandantes.
ARTIGO 28. Procedemento de Reforma do Regulamento
1. Unha vez admitida a trámite a proposta de Reforma, será comunicada a mesma e o texto alternativo a todos os membros do Consello de Departamento para que poida ser examinado e presentadas emendas durante un período mínimo de 15 días hábiles.
2. O proxecto de Reforma e as emendas presentadas polos membros do Consello debateranse nunha sesión extraordinaria do Consello de Departamento convocada para tal efecto nun prazo máximo dun mes natural, a contar desde a presentación da iniciativa de Reforma.
ARTIGO 29. Aprobación da Reforma do Regulamento
1. Para a aprobación do proxecto de Reforma requírese a maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento asistentes á sesión convocada para tal efecto en primeira votación, e por maioría simple en segunda. No caso de ser rexeitada, as persoas promotoras non poderán presentar outra sobre o mesmo tema no prazo dun ano.
2. O proxecto de Reforma do Regulamento aprobado polo Consello de Departamento, será remitido ao Consello de Goberno da USC para a súa ratificación e aprobación definitiva.
3. Cando unha reforma da normativa universitaria urxa a modificación dalgún artigo deste regulamento será a Comisión Permanente a que redacte o novo texto, que se someterá ao Consello de Departamento para a súa aprobación. Neste caso será suficiente a maioría simple.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
PRIMEIRA.-
Corresponderá ao Consello de Departamento o desenvolvemento de cantas disposicións non previstas neste regulamento sexan necesarias para a súa aplicación.
SEGUNDA.-
En todo o non disposto no presente Regulamento de Réxime Interno aplicarase o estipulado nos Estatutos da USC e na Lexislación xeral Universitaria vixente.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogado o antigo RRI do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do día 14 de novembro de 2000.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O presente Regulamento entrará en vigor no momento da súa publicación no taboleiro electrónico da USC trala aprobación polo Consello de Goberno da USC.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.