Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Medicina e Odontoloxía

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0249
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

Aprobado pola Xunta de Facultade o 21 de Decembro de 2020

Aprobado polo Consello de Goberno o XX de XXXXX de XXXX

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. A Facultade

A Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela é o Centro encargado do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais de Grao e Mestrado correspondentes aos ámbitos dos estudos de Medicina e de Odontoloxía adscritos a ela. Tamén poderá organizar ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos nestes mesmos ámbitos de coñecemento.

Artigo 2. Funcións da Facultade

De acordo co artigo 51 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), as funcións da Facultade son as seguintes:

a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo Centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios Centros.

b) A organización e a xestión dos servizos docentes que lle correspondan.

c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no Centro, das prácticas tuteladas externas contempladas nos plans de estudos e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.

d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.

e) A promoción de programas de mobilidade e intercambio académico.

f) A promoción e implantación de medidas para a realización de prácticas externas.

g) A realización das actividades de xestión académica que lle encomende a Universidade.

h) A administración dos espazos, servizos, equipamentos e recursos do Centro e o control da súa calidade.

i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no Centro.

j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.

Artigo 3. Obxecto do Regulamento

O presente Regulamento de réxime interno da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela ten por obxecto establecer o réxime xurídico dos órganos do Centro, en desenvolvemento dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normativa de aplicación, de acordo cos principios de prevalencia dos órganos colexiados sobre os unipersoais, de respecto ás minorías, e de participación libre e igual de tódolos seus membros.

Para todas aquelas cuestións non previstas neste Regulamento, nos Estatutos da USC ou na lexislación sobre o ensino universitario, actuarase conforme o previsto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime xurídico do sector público.

Artigo 4. Responsabilidade Social

En liña co Plano de Igualdade de Xénero e coa Memoria de Responsabilidade Social da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Medicina e Odontoloxía velará especialmente pola normalización e promoción da lingua galega, promoverá a inclusión e a igualdade entre homes e mulleres, e preocuparase polo desenvolvemento sostible.

A Facultade contemplará como criterios básicos os principios de eficiencia no uso dos recursos públicos, os de calidade docente e investigadora, e os de prestación de servizos á sociedade.

TÍTULO I: DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E DE ADMINISTRACIÓN DA FACULTADE

CAPÍTULO I. ESTRUTURA ORGÁNICA DA FACULTADE

Artigo 5. Órganos de Goberno e Administración da Facultade

De acordo co establecido no Artigo 93 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, os órganos de goberno e administración da Facultade de Medicina e Odontoloxía, son:

a) A Xunta de Facultade.

b) O Decano ou decana.

c) Os Vicedecanos ou vicedecanas.

d) O Secretario ou secretaria.

CAPÍTULO II. DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 6. A Xunta de Facultade

1. A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do Centro, que aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos demais órganos de dirección e xestión.

2. Todos os membros da Xunta de Facultade teñen a obriga de asistir as súas reunións, así como o dereito a voz e a voto, polo que debe favorecerse a súa asistencia procurando que as sesións coincidan o menos posible coas actividades docentes e investigadoras da Facultade, e coas actividades asistenciais.

Artigo 7. Composición

De acordo co establecido nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Facultade está composta por:

a) O/A Decano/a, que a convocará e presidirá.

b) Os/As Vicedecanos/as.

c) O/A Secretario/a académico/a da Facultade, que o será tamén da Xunta.

d) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

e) O/A Director/a da Biblioteca do Centro.

f) O seguinte Persoal Docente e Investigador e Persoal Investigador en Formación con docencia no Centro e censado nel, así como o non censado, que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35% da capacidade docente dun/ha profesor/a a tempo completo:

- Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51%.

- O resto, sempre que non exceda o 10% do total da Xunta.

g) Unha representación do estudantado do 32%. O estudantado de Grao suporá o 25%, e o de Mestrado o 7%.

h) Unha representación do Persoal de Administración e Servizos censado no Centro, nunha proporción do 7% da Xunta, cun mínimo de dous/dúas representantes.

O Persoal Docente e Investigador e o estudantado estarán censados soamente nun Centro desta Universidade, nas condicións que estableza o Consello de Goberno.

Artigo 8. Período de Representación e Pertenza á Xunta

1. Todos/as os/as representantes electos/as serano por un período de dous anos, agás os/as representantes do estudantado, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase por cesar a vinculación académica ou administrativa co Centro ou, ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.

2. Os membros electos que perdan a súa condición serán substituídos nos termos establecidos no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 9. Competencias da Xunta de Facultade

Son competencias da Xunta de Facultade as que lle encomendan os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A elección de Decano/a e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.

b) A elaboración e a aprobación do seu Regulamento de Réxime Interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do Centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao Centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do Centro e, entre elas, a proposta e a implantación de novas titulacións oficiais, a creación de escalas de especialización profesional dependentes do Centro e a organización das ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos universitarios.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no Centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos espazos, servizos e equipamentos do Centro e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao Centro e o control da súa aplicación.

i) O informe relativo as propostas de creación, modificación ou supresión de Departamentos relacionados co Centro pola súa docencia e investigación.

j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión cultural.

k) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co Centro ou coas súas actividades.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.

Artigo 10. Delegación de Competencias na Comisión Permanente da Xunta de Facultade

A Xunta de Facultade poderá delegar na súa Comisión Permanente todas aquelas competencias que non lle reserven expresamente os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e a demais normativa de aplicación. Esta delegación poderá ser revogada en calquera momento pola Xunta de Facultade recuperando desta forma o exercicio das competencias delegadas.

CAPÍTULO III. PROCEDEMENTO DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 11. Convocatoria do Pleno

1. A convocatoria da Xunta de Facultade corresponde ao/a Decano/a.

2. Para que a convocatoria sexa considerada válida, deberá poñerse en coñecemento de todos os membros da Xunta de Facultade mediante notificación electrónica remitida ao enderezo de correo institucional da Universidade de Santiago de Compostela. Nela farase constar, a orde do día, a data, e a hora e lugar de celebración da reunión. A notificación deberá ser remitida aos membros da Xunta cunha antelación mínima de dous días hábiles.

3. A documentación ou información relacionada cos asuntos da convocatoria que impliquen a toma de decisións porase a disposición dos membros da Xunta por medios electrónicos xunto coa convocatoria, ou a lo menos cunha antelación mínima de dous días hábiles á data de celebración da Xunta de Facultade.

4. As reunións da Xunta de Facultade celebraranse nas dependencias do Centro, agás por causas de forza maior que o impida, e en días administrativamente hábiles.

5. Consonte as previsións recollidas na normativa do Réxime Xurídico do Sector Público, poderanse celebrar reunións da Xunta de Facultade por medios telemáticos, que se desenvolverán mediante os sistemas corporativos de videoconferencia e de correo electrónico (MS Teams, Skype empresarial, Adobe connect), segundo establece o Protocolo para o uso de medios electrónicos nas reunións de órganos colexiados da Universidade de Santiago de Compostela.

6. As reunións da Xunta de Facultade que se desenvolvan de xeito non presencial, consideraranse celebradas na sede na que se encontre o Decano como presidente da sesión.

Artigo 12. Periodicidade das Sesións Ordinarias

1. A Xunta de Facultade reunirase, con carácter ordinario, polo menos tres veces durante o curso académico, e en período lectivo.

2. A Xunta de Facultade poderá reunirse con carácter extraordinario ben por iniciativa do/a Decano/a, ben a petición da maioría dos membros da Comisión Permanente ou dun 25% dos membros da Xunta de Facultade. Neste caso a solicitude deberá incluír explicitamente o asunto a tratar de forma que se coñeza o seu contido.

Artigo 13. Orde do Día das Sesións

1. A orde do día será elaborada polo/a Decano/a, asistido/a polo equipo decanal. Nela figurarán inescusablemente as mencións de aprobación da(s) acta(s) da(s) sesión(s) anterior(es), o informe do/a Decano/a, os asuntos de trámite ea rolda aberta de intervencións, agás no caso de que a Xunta se convoque con carácter extraordinario ou urxente.

2. Calquera membro da Xunta de Facultade poderá solicitar do/a Decano/a que avalíe a posibilidade de inclusión de puntos na orde do día. A convocatoria da Xunta de Facultade ordinaria recollerá de xeito obrigado os puntos que previamente solicitase por escrito por a lo menos un 15% dos membros da Xunta, cunha antelación mínima de dous días hábiles á data da remisión da convocatoria. Esta solicitude deberá ser entregada e rexistrada no Decanato e deberá indicar a redacción exacta coa que os/as solicitantes desexan que se recolla o punto ou puntos a tratar.

3. Segundo se establece na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime xurídico do sector público (Artigo 17.4), non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que asistan todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 14. Asistencia ás Sesións

1. Só teñen dereito de asistencia con voz e con voto ás sesións da Xunta de Facultade os seus membros.

2. O Decano pode permitir a asistencia ás sesións da Xunta de Facultade, con voz pero sen voto, aos membros da Facultade que non pertenzan á mesma e así o soliciten. A denegación destas solicitudes será motivada.

3. Cando a natureza dalgún punto da orde do día o aconselle, o/a Decano/a por propia iniciativa, a instancia dos membros da Xunta de Facultade ou por petición da(s) persoa(s) interesada(s) poderá convidar, con voz e sen voto, a persoas que non pertenzan á Xunta de Facultade

4. No caso de asistencia a unha sesión da Xunta de persoas non pertencentes á mesma, darase coñecemento ao inicio da sesión. As persoas convidadas, agás os membros da Facultade non pertencentes á Xunta de Facultade que tiveran solicitado a asistencia á mesma, só estarán presentes na exposición e debate do(s) punto(s) para o(s) que foron invitadas, pero non poderán participar nas votacións

Artigo 15. Constitución do Pleno

1. A Xunta de Facultade quedará constituída validamente ao estaren presentes, ademais do/da Decano/a e Secretario/a, ou persoas que legalmente os/as substitúan, a metade dos demais membros da Xunta en primeira convocatoria, e en segunda convocatoria que se celebrará media hora despois, co 20% dos seus membros, sempre que entre eles estean o/a Decano/a e o/a Secretario/a, ou quen legalmente os/as substitúan.

2. No caso de non se poida constituír a Xunta, por falta de quórum, esta deberá convocarse novamente no prazo máximo de tres días hábiles, para unha nova data que deberá celebrarse, en todo caso, dentro dos seguintes quince días hábiles.

Artigo 16. Desenvolvemento das Sesión

1. A Xunta de Facultade será presidida polo/a Decano/a, quen, asistido/a polo/a Secretario/a e os/as Vicedecanos/as, dirixe e ordena o desenvolvemento das sesións e vela polo mantemento da boa orde dos debates.

2. En caso de ausencia ou enfermidade do/a Decano/a, presidirá a Xunta o/a Vicedecano/a en quen delegue expresamente, ou ben aquel/a que fose designado para substituílo/a en caso de ausencia ou enfermidade. En caso de ausencia do/a Secretario/a, o/a Decano/a designará a persoa que o/a substitúa de entre os membros da Xunta de Facultade.

3. O/A Decano/a, interpretará o presente Regulamento en casos de dúbida ou omisión. Tamén decidirá sobre a alteración da orde de discusión das propostas da orde do día, o ordenamento dos debates e calquera outra cuestión que se lle encomende no presente Regulamento.

4. No punto de informe do/a Decano/a das sesións ordinarias deberá darse conta das reunións que mantivesen a Comisión Permanente e as Comisións delegadas dende a anterior sesión ordinaria. Ao remate do informe, calquera membro da Xunta poderá intervir para pedir aclaracións sobre os asuntos dos que se informou.

5. Nos restantes puntos da orde do día, os membros da Xunta teñen dereito ao uso da palabra durante o debate dos mesmos, e sobre calquera outro punto no apartado de rolda de intervencións.

6. O/a Decano/a deberá garantir o respecto ao uso da palabra de todos os membros que queiran intervir, fixar quendas e tempos de intervención, se o estima necesario, e velar porque os debates se desenvolvan cinguíndose á orde do día e desde o respecto ás persoas presentes ou aludidas.

7. Transcorrido o tempo concedido para intervir, o/a Decano/a, logo de invitar a concluír por dúas veces ao membro da Xunta de Facultade que estea a falar, retiraralle o uso da palabra.

8. Calquera membro da Xunta ten dereito a presentar ante a mesma propostas de acordo ou moción referidas aos puntos da orde do día, facéndoo por escrito con antelación, ou ben no curso do debate do punto correspondente.

9. No suposto de excesiva duración dunha sesión da Xunta, o/a Decano/a, poderá dispoñer a interrupción da mesma, fixando a hora na que se retomará o debate, dentro das vinte catro horas seguintes.

Artigo 17. Adopción de Decisións

1. As decisións da Xunta de Facultade adoptarán a forma de acordos nas materias da súa competencia, e de mocións ou propostas nos restantes casos.

2. As decisións da Xunta de Facultade adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta, agás nos casos nos que este Regulamento ou algunha norma de rango superior aplicable estableza a esixencia dunha maioría cualificada distinta.

3. As votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou nominais e secretas. A votación será secreta con carácter excepcional, cando afecte a persoas concretas, ou o requira a natureza do asunto que se está a tratar.

4. Non se admitirá a delegación de voto nin en membros da Xunta nin en persoas alleas. Tampouco se admitirá o voto anticipado, agás nos casos contemplados no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

5. Unha vez debatido o punto da orde do día, terá lugar, se procede, a votación, na que só os membros da Xunta presentes poderán participar. De existiren unicamente dúas propostas, aprobarase a que acade a maioría simple.

6. De haber máis de dúas propostas, efectuarase unha primeira votación conxunta de todas elas. Posteriormente, procederase a unha segunda votación entre as dúas máis votadas, seguindo o procedemento do apartado 5 deste mesmo Artigo.

7. En caso de empate, despois dunha quenda de intervención limitada a unha das persoas que promoveron cada proposta, procederase a unha nova votación. De persistir a igualdade, decidirá o voto de calidade do/a Decano/a.

8. Os acordos da Xunta de Facultade serán susceptibles de recurso nos termos establecidos nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e de acordo coa normativa vixente en materia de funcionamento dos órganos colexiados e procedemento administrativo.

Artigo 18. Actas das Sesións

1. O/a Secretario/a levantará acta de todas as sesións da Xunta de Facultade. En caso de que o/a Secretario/a non puidese asistir a unha sesión, o/a Decano/a designará a persoa que o/a substitúa.

2. En cada acta constará inescusablemente a seguinte información:

a) Os membros da Xunta de Facultade que asistiron á reunión, e as ausencias xustificadas previamente comunicadas.

b) A orde do día da sesión e o lugar, hora e data de celebración.

c) Un resumo dos debates que inclúa os puntos principais das deliberacións.

d) O contido íntegro dos acordos, especificando se foron adoptados por asentimento ou por votación. No caso de se realizaren votacións, deberá figurar se os acordos foron acadados por maioría ou por unanimidade, co número exacto de votos emitidos, o número de votos favorables a cada unha das propostas, así como o número de votos en contra e as abstencións, se procede.

e) Calquera membro da Xunta poderá solicitar que figure na acta o seu voto contrario respecto do acordo adoptado e os motivos que o xustifican. A este efecto poderá formular por escrito, no prazo de dous días hábiles a partir da data de celebración da Xunta de Facultade, o seu voto particular, que se incorporará á acta. En todo caso, deberá anunciar a súa intención de voto particular na propia sesión.

f) Así mesmo, calquera membro da Xunta terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, que se fará constar na acta ou se unirá copia á mesma, para o que será imprescindible que se lle entregue por escrito ao/á Secretario/a antes do remate da sesión ou no prazo que sinale o/a Decano/a.

3. As actas aprobaranse na seguinte sesión ordinaria da Xunta de Facultade, sen prexuízo das observacións dos membros da Xunta que proceda facer constar. O borrador da(s) acta(s) pendente(s) de aprobación estará(n) a disposición dos membros da Xunta dende o momento de enviar a convocatoria. No caso de que non fose posible facilitar o borrador da(s) acta(s) con antelación, deberá darse lectura íntegra á(s) mesma(s) para a súa aprobación.

4. As actas, unha vez aprobadas, deberán ser asinadas polo/a Secretario/a, ou pola persoa que realizase as súas funcións na sesión correspondente, co visto e prace do/a Decano/a ou de quen efectivamente presidise a sesión, e serán recollidas nun libro de actas. No caso de se elaboraren en formato electrónico, deberán imprimirse e encadernarse periodicamente para a súa conservación en papel e arquivo. As actas aprobadas, asinadas e visadas, estarán baixo custodia do/a Secretario/a segundo as instrucións ditadas pola Secretaría Xeral, que permitirá a súa consulta a calquera membro da Xunta de Facultade.

5. Só darán fe dos acordos e recomendacións da Xunta de Facultade as certificacións expedidas polo/a Secretario/a, co visto e prace do/a Decano/a, previa solicitude por escrito dos membros da Facultade. Con anterioridade á aprobación da acta poderanse emitir certificacións sobre os acordos que se adoptaron, facéndose constar neste caso tal circunstancia.

Artigo 19. Gravación das Sesións

1. O pleno da Xunta de Facultade poderá acordar a gravación das sesións co obxectivo de facilitar a elaboración das actas das sesións. De acordarse, estará vixente ata que o pleno da Xunta de Facultade o revoque.

2. Informarase aos membros do órgano colexiado da gravación da sesión por videoconferencia ao inicio da mesma. A gravación conterá a totalidade das intervencións efectuadas no pleno da Xunta de Facultade, sen cortes.

2. A gravación se recollerá nun soporte informático cuxa custodia corresponderá ao/á Secretario/a.

3. Unha vez teña sido aprobada a acta da sesión correspondente, o soporte informático onde se recolla a gravación terá a consideración de anexo I, e poderá ser consultada por calquera membro da Xunta de Facultade.

4. A consulta do anexo I das actas das sesións onde se recollen as gravacións das mesmas efectuarase previa solicitude por escrito ao/á Secretario/a na que obrigatoriamente ten que figurar o punto ou puntos da orde do día da sesión que se desexan consultar.

5. Queda prohibida a captación e/ou gravación da sesión, así como a súa reprodución ou difusión, en todo ou en parte, sexa cal sexa o medio ou dispositivo utilizado, por parte dos membros do órgano a título individual, ou por calquera das persoas invitadas. Calquera actuación indebida comportará unha vulneración da normativa vixente, podendo derivarse as correspondentes responsabilidades legais.

CAPÍTULO IV: DO/DA DECANO/A

Artigo 20. O/A Decano/a

1. O/A Decano/a representa a Facultade, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A Xunta de Facultade elixirá o/a Decano/a entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade censado no Centro, segundo o procedemento establecido no Capítulo V do presente Regulamento. Deseguido, o/a Decano/a será nomeado/a polo/a Reitor/a.

3. A duración do mandato do/a Decano/a será de catro anos. Non poderá ocuparse o cargo máis de dous mandatos consecutivos .

4. O/A Decano/a, como cargo electo, cesará ao remate do seu mandato, por dimisión, por disolución da Xunta de Facultade ou por mor dunha moción de censura. No caso de cesamento o/a Reitor/a resolverá, con carácter xeral, a continuidade en funcións do/a anterior titular ata a elección da persoa que o/a substitúa. Cando se produza o cesamento do/a Decano/a, tamén cesarán do seu cargo as persoas que fosen nomeadas a proposta daquel/a, se ben continuarán en funcións ata ser confirmadas ou substituídas pola nova persoa titular que substitúa ao/á cesante.

Artigo 21. Competencias do/da Decano/a

1. O Artigo 100 dos Estatutos da Universidade atribúelle ao/á Decano/a as seguintes competencias:

a) A representación da Facultade.

b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade e de calquera outro órgano colexiado dela, así como a execución dos seus acordos.

c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da Facultade.

d) A dirección académica de todas as titulacións oficiais adscritas ao Centro.

e) A dirección económica das actividades organizadas polo Centro.

f) A proposta ao/á Reitor/a do nomeamento e cesamento do/a Secretario/a da Facultade e dos/as Vicedecanos/as, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.

g) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no Centro.

h) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

i) O control do axeitado mantemento do patrimonio do Centro.

j) O exercicio das restantes funcións derivadas do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen os Estatutos da Universidade ou a lexislación universitaria.

2. As competencias do/a Decano/a estenderanse a todos os asuntos relativos ao goberno e administración da Facultade que non estean atribuídos a outros órganos.

Artigo 22. Convocatoria de Eleccións a Decano/a

1. Segundo o Regulamento Electoral Xeral da Universidade, as eleccións a Decano/a convocaraas o/a Decano/a saínte, coa debida antelación para que teñan lugar antes do termo do seu mandato, e en calquera caso como mínimo un mes antes deste. No caso de incumprimento deste deber, as eleccións serán convocadas polo/a Reitor/a. Se o/a titular do cargo cesase por causa distinta da expiración do seu mandato, as eleccións serían convocadas por quen o/a substitúa, nos vinte días seguintes ao dito cesamento.

2. A convocatoria para a elección de Decano/a deberá precisar as seguintes datas e prazos:

a) Prazo de presentación de candidaturas, que non será inferior a sete días hábiles nin superior a quince.

b) Proclamación provisional de candidatos/as.

c) Prazo de reclamacións contra a proclamación provisional de candidatos/as, que non será inferior a tres días hábiles.

d) Proclamación definitiva de candidatos/as.

e) Prazo para a campaña electoral dos/as candidatos/as definitivos/as, non superior a cinco días hábiles, seguida dun día natural de reflexión previo á xornada de votación.

f) Data, lugar e hora da reunión da Xunta de Facultade extraordinaria na que se efectuará a votación. Por se fose necesario, engadiranse data e lugar para a segunda volta da votación, que podería ter lugar na mesma Xunta de Facultade da primeira volta e, de non ser así, nunca alén de tres días hábiles despois desta.

Artigo 23. Sesión Extraordinaria da Xunta de Facultade para a Elección de Decano/a

1. A elección do/a Decano/a levarase a cabo nunha sesión da Xunta de Facultade que terá carácter extraordinario, celebrarase en período lectivo, e terá como único punto da orde do día o relativo á elección. A sesión non poderá ser convocada para antes de que pasen tres días hábiles dende o peche do prazo de presentación de candidaturas nin despois de corenta e cinco días naturais dende a data de saída da convocatoria.

2. A presidencia da sesión da Xunta de Facultade na que teñan lugar as votacións corresponderá ao/á Decano/a en funcións. No caso de que o/a Decano/a saínte concorra de novo á elección, será substituído/a polo/a Vicedecano/a que designe.

3 . No caso de que o/a Secretario/a presentase a súa candidatura, actuaría como Secretario/a accidental o membro da Xunta de menor idade que reúna os requisitos enunciados no Artigo 18.2 deste Regulamento para desempeñar o cargo.

4. Antes de cada unha das votacións ás que fai referencia o presente Regulamento, as persoas candidatas poderán expoñer e debater o seu programa cos membros da Xunta de Facultade.

Artigo 24. Votación

1. Concluído o debate, procederase á votación, nominal e secreta, por todos os membros da Xunta de Facultade presentes. Cada elector/a poderá emitir o seu voto a favor dunha única persoa candidata, votar en branco ou absterse. O voto formalizarase dun xeito inequívoco, segundo as instrucións da presidencia da sesión.

2. No caso dunha única persoa candidata, só se celebrará unha votación, resultando elixida se obtén un mínimo dun 25% dos sufraxios válidos emitidos polos membros da Xunta de Facultade.

3. No caso de concorrencia de máis dunha persoa candidata, a elección realizarase de acordo co sistema de dobre volta establecido no Regulamento Electoral Xeral da Universidade. En primeira volta resultará elixido/a o/a candidato/a que obtivese máis da metade dos votos validamente emitidos. Se tal maioría non se acadase, procederase a unha segunda votación, que se poderá celebrar na mesma sesión ou, a máis tardar, no prazo dos tres días seguintes á primeira, entre as dúas persoas candidatas máis votadas na primeira volta que manteñan a súa candidatura, resultando elixida quen obtivese a maioría simple dos votos. En caso de empate na segunda volta, repetirase a votación e, de persistir a igualdade, darase preferencia ao/á candidato/a máis antigo/a de acordo cos Estatutos da Universidade.

4. De acordo co Artigo 99.3 dos Estatutos da Universidade, de non se poder levar a cabo a elección por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos ou se, concluído o proceso electoral, ninguén resultara elixido/a, o Consello de Goberno, tras a proposta do/a Reitor/a, encargaralle provisionalmente as funcións de Decano/a á un/unha profesor/a con vinculación permanente á Universidade censado no Centro. Rematado o curso académico, convocaranse novas eleccións.

5. Para todas as cuestións complementarias referentes ao proceso de elección de Decano/a que non se traten expresamente no presente Regulamento, será de aplicación o Regulamento Electoral Xeral da Universidade.

Artigo 25. Moción de Censura

1. O/A Decano/a pode perder a súa condición pola aprobación, por maioría absoluta, dunha moción de censura. Tal moción deberá ser proposta por, como mínimo, un terzo dos membros da Xunta de Facultade, e incluirá o nome da persoa proposta como novo/a Decano/a, que deberá acreditar a súa conformidade.

2. Se a moción de censura reúne estes requisitos, o/a Decano/a convocará unha reunión extraordinaria da Xunta de Facultade con ese único punto na orde do día, nun prazo máximo de quince días hábiles dende a súa entrada no rexistro da Facultade.

3. A presidencia da sesión corresponderá ao membro do profesorado con vinculación permanente á Universidade pertencente á Xunta de Facultade de maior categoría e antigüidade.

4. Aberta a sesión, e presidida pola persoa indicada no punto anterior, o/a candidato/a alternativo/a fundamentará a moción de censura, con dereito de réplica polo/a Decano/a. A continuación, haberá unha quenda de intervencións dos membros da Xunta de Facultade.

5. Concluído o debate, procederase á votación, nominal e secreta, da moción de censura, con sufraxio a favor, en contra, en branco ou abstención.

6. A moción considerarase aprobada se recibe o voto favorable da maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade, e a persoa que preside a sesión proclamará Decano/a electo/a á persoa proposta na moción. O/A Decano/a comunicarallo ao/á Reitor/a no seguinte día hábil co fin de proceder ao nomeamento do/a Decano/a electo/a. O/A Decano/a saínte continuará en funcións ata a toma de posesión do/a novo/a Decano/a.

7. Se a moción de censura non prosperase, as persoas asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo período de mandato decanal.

CAPÍTULO V: DO/DA SECRETARIO/A E DOS/DAS VICEDECANOS/AS

Artigo 26. O/A Secretario/a

1. O/A Secretario/a académico/a da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos e feitos que consten nos documentos oficiais do Centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden o/a Decano/a, a lexislación vixente e os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

2. O/A Secretario/a será nomeado polo/a Reitor/a, segundo a proposta do/a Decano/a, de entre o profesorado ou o persoal funcionario de administración e servizos dos subgrupos A1 e A2 censado no Centro.

3. O/A Secretario/a cesará por decisión do/a Reitor/a, ben a proposta do/a Decano/a, ben por petición propia.

Artigo 27. Os/As Vicedecanos/as

1. Os/as Vicedecanos/as coordinarán ou dirixirán, baixo a autoridade do/a Decano/a, a área ou áreas de competencias que este/a lles encomende, sen prexuízo de que as funcións técnico- administrativas correspondan ao Persoal de Administración e Servizos. O/A Decano/a designará o/a Vicedecano/a que o/a substituirá en caso de ausencia ou enfermidade.

2. Os/as Vicedecanos/as serán nomeados/as polo/a reitor/a, por proposta do/a Decano/a, de entre os membros da comunidade universitaria da Facultade que reúnan os requisitos establecidos no Artigo 71 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

3. Os/As Vicedecanos/as cesarán no seu cargo por decisión do/a Reitor/a, logo da proposta do/a Decano/a, ou por petición propia.

TÍTULO II: DAS COMISIÓNS DA FACULTADE

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 28. Estrutura das Comisións da Facultade

1. A Xunta de Facultade poderá arbitrar a creación de Comisións delegadas ou non delegadas deste órgano, con carácter estable ou conxuntural, cuxas funcións e competencias se declaran nos restantes capítulos deste Título II do Regulamento:

a) Son Comisións delegadas da Xunta de Facultade:

i. A Comisión Permanente.

ii. A Comisión de Traballo Fin de Grao e da Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada de Medicina.

iii. A Comisión de Traballo Fin de Grao de Odontoloxía.

iv. A Comisión de Mobilidade.

v. As Comisións de Validacións e Recoñecementos de Medicina e de Odontoloxía.

b) Son Comisións específicas, non delegadas da Xunta de Facultade, con carácter estable:

i. As Comisións de titulacións oficiais de Grao e Mestrado impartidas no Centro.

ii. A Comisión de Calidade do Centro.

iii. A Comisión de Biblioteca.

iv. O Comité Consultivo.

v. A Comisión de Normalización Lingüística.

2. Á marxe destas comisións, a Xunta de Facultade poderá acordar a creación doutras comisións, tanto delegadas como específicas, con carácter estable ou conxuntural, así como de comisións asesoras ou informativas para situacións puntuais ou asuntos concretos.

3. A Xunta de Facultade non poderá delegar competencias decisorias nas Comisións asesoras.

Artigo 29. Funcionamento das Comisións

1. As Comisións reuniranse cando sexa necesario para a tramitación dos asuntos que teñen encomendados e establecerán, se o estiman oportuno, unha periodicidade para as súas reunións ordinarias.

2. As normas de funcionamento da Xunta de Facultade recollidas no Capítulo III do Título 1 deste Regulamento, relativas a convocatoria, orde do día das sesións, constitución, desenvolvemento das sesións, adopción de decisións e elaboración de actas rexerán para as distintas Comisións do Centro de non existiren previsións específicas para estas.

3. Todas as Comisións poderanse constituír, convocar, reunir, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia, sempre que se asegure, por medios electrónicos, telefónicos ou audiovisuais, a identidade das persoas que participan nas sesións, o contido das súas manifestacións e o momento en que estas se producen. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

4. Nas sesións ordinarias da Xunta de Facultade, o/a Decano/a informará das actuacións máis relevantes das distintas Comisións que atinxan ás competencias da Xunta e que se produciran dende a data da anterior sesión ordinaria.

5. O criterio da Xunta de Facultade prevalecerá sobre o das distintas Comisións do Centro, polo que calquera acordo dunha comisión poderá ser ratificado, modificado ou anulado pola maioría da Xunta de Facultade, segundo os procedementos recollidos no Capítulo III do Título I do presente Regulamento.

CAPÍTULO II. DA COMISIÓN PERMANENTE

Artigo 30. Composición

1. A Comisión Permanente da Xunta de Facultade estará composta por:

a) O/A Decano/a, que a presidirá salvo cando deba facelo o seu substituto.

b) Os/As Vicedecanos/as.

c) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén desta comisión, fóra de circunstancias de substitución.

d) Os/As Directores/as dos Departamentos con sede na Facultade ou persoas en quen deleguen.

e) Un membro do Persoal Docente e Investigador con docencia nas titulacións adscritas á Facultade por cada Departamento con sede no Centro.

f) Dous membros do Persoal Docente e Investigador en representación das Áreas de coñecemento e Departamentos externos con docencia nalgunha das titulacións adscritas ao Centro.

g) Seis membros do estudantado de Grao.

h) Dous membros do estudantado de Mestrado.

i) Dous membros do Persoal de Administración e Servizos.

2. Dado o seu carácter de Comisión Delegada, os membros da Comisión Permanente terán que selo tamén da Xunta de Facultade. A elección dos membros que representen aos distintos sectores da Xunta de Facultade realizarase polos membros do respectivo sector no seo da propia Xunta.

3. A representación do Persoal Docente e Investigador e do Persoal de Administración e Servizos na Comisión Permanente terá unha duración de dous anos, prorrogables por dous anos máis, sempre que se cumpran os requisitos recollidos no Artigo 8 deste Regulamento sobre o período de representación e pertenza á Xunta de Facultade. Os/as representantes do estudantado renovaranse unha vez completado o correspondente proceso electoral para a representación na Xunta de Facultade no seu sector.

4. A condición de membro da Comisión Permanente en representación dos sectores de Persoal Docente e Investigador, Persoal de Administración e Servizos e estudantado, perderase ao cesar a vinculación coa Facultade ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido. O membro que perda a súa condición será substituído polo seguinte candidato máis votado do sector correspondente.

5. Os membros da Comisión Permanente que o sexan por razón do seu cargo perderán a súa condición de membros cando cesen no seu posto, sendo substituídos/as polas persoas que asuman estes.

6. Cando a natureza dalgún punto da orde do día o aconselle, e se dean motivos debidamente xustificados, o/a Decano/a poderá convidar, con voz e sen voto, a outras persoas que sexan membros da Xunta de Facultade. No caso de asistencia a unha sesión da Comisión Permanente de persoas non pertencentes á mesma, darase coñecemento ao inicio da sesión, e quedará reflectido na correspondente acta.

Artigo 31. Competencias

1. Son competencias da Comisión Permanente, por delegación da Xunta de Facultade:

a) Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite que non correspondan ás outras Comisións delegadas da Xunta de Facultade ou que estas eleven á Comisión Permanente.

b) Coñecer e decidir sobre os asuntos que lle sexan presentados polas Comisións delegadas, e elevalos, no seu caso, ao pleno da Xunta de Facultade.

c) Adoptar acordos sobre os asuntos delegados pola Xunta de Facultade nos termos previstos no artigo 10 deste Regulamento.

d) Pronunciarse sobre cambios puntuais do Plan Docente Anual das titulacións de Grao e de Mestrado adscritas ao Centro que non supoñan modificacións substanciais da planificación aprobada pola Xunta de Facultade.

e) Pronunciarse sobre cambios menores e puntuais dos horarios das actividades docentes e dos calendarios de exames das titulacións adscritas ao Centro, que non supoñan unha modificación substancial do cronograma aprobado pola Xunta de Facultade.

f) Resolver as cuestións de carácter administrativo que requiran o informe da Facultade e que, pola improrrogabilidade dos prazos, non se poidan someter á consideración do Pleno da Xunta de Facultade.

g) Pronunciarse sobre todos aqueles asuntos que o/a Decano/a e mais a Xunta de Facultade sometan á súa consideración no exercicio das súas competencias.

h) Coñecer e decidir sobre calquera asunto que sexa competencia da Xunta de Facultade e esta lle delegue, sempre que non estea reservado expresamente á mesma.

2. En ningún caso se poderán delegar na Comisión Permanente as competencias que os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normativa de aplicación lle reservan expresamente á Xunta de Facultade en materia de: elección de decano/a; aprobación do Regulamento de Réxime Interno; aprobación dos proxectos de plans de estudos; aprobación das liñas xerais da política académica; informe verbo da creación, modificación e supresión de departamentos.

CAPÍTULO III. DAS OUTRAS COMISIÓNS DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 32. Previsións Xerais

1. A Xunta de Facultade poderá crear, ademais da Comisión Permanente, outras Comisións delegadas, cuxo cometido será realizar tarefas de coordinación e elaborar propostas, informes e recomendacións sobre os asuntos que este Regulamento e os órganos de goberno da Facultade lles encomenden.

2. As Comisións delegadas poden ser estables ou conxunturais. As Comisións estables rexeranse polo presente Regulamento. Á marxe das Comisións estables, a Xunta de Facultade poderá arbitrar a creación e constitución de Comisións conxunturais específicas para responder a necesidades eventuais ou para atender asuntos concretos que caian fóra do ámbito de competencias das Comisións estables.

3. Cada Comisión delegada terá estrutura de seu, así como composición e funcionamento propios, e estará presidida polo/a Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue. O/A Secretario/a será o/a Secretario/a da Facultade.

4. Os membros das Comisións delegadas deberán selo da Xunta de Facultade e serán elixidos ou propostos de acordo co establecido para a Comisión Permanente no Artigo 30.2 do presente Regulamento.

5. Para os períodos de representación dos membros dos distintos sectores nas Comisións delegadas, así como para o seu cesamento e substitución, seguirase o descrito nos Artigos 30.3, 30.4 e 30.5 deste Regulamento, de non existiren previsións específicas para algunha comisión.

Artigo 33. A Comisión de Traballo Fin de Grao e de Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada de Medicina

1. A Comisión de Traballo Fin de Grao e de Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada de Medicina estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén da comisión.

c) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

d) O/A Coordinador/a do Traballo de Fin de Grao de Medicina.

e) O/A Coordinador/a da Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada.

f) Os/as Directores/as dos Departamentos con docencia no Grao en Medicina, ou persoas en quen deleguen, que sexan membros da Xunta de Facultade.

2. As competencias da Comisión de Traballo Fin de Grao e de Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada de Medicina son:

a) Xestión académica do Traballo de Fin de Grao (TFG) de Medicina:

• Elaborar anualmente a guía docente da materia.

• Establecer a convocatoria anual e o calendario do TFG.

• Actualizar a documentación relativa ao proceso de elaboración, defensa e avaliación do TFG.

• Aprobar as propostas de liñas temáticas e titores/as.

• Aprobar e asignar as solicitudes de liñas temáticas, titores/as, títulos e resumos do TFG presentadas polos/as estudantes.

• Autorizar as modificacións de tema e/ou titor/a que deriven de situacións excepcionais.

• Propor os tribunais de avaliación.

• Autorizar a presentación e defensa pública dos TFG en casos excepcionais.

• Autorizar en casos excepcionais a defensa do TFG por medios telemáticos e establecer o procedemento para levala a cabo.

• Decidir e outorgar as cualificacións de Matrícula de Honra que correspondan, e propoñer os TFG para seren publicados no repositorio da Universidade de Santiago de Compostela.

• Resolver as incidencias relacionadas co TFG.

• Calquera outra xestión relativa ao TFG de Medicina que a Xunta de Facultade lle encomende.

b) Xestión académica da proba de Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada (ACOE):

• Definir as compoñentes das competencias obxecto de avaliación, e a súa ponderación na proba ACOE.

• Establecer a estrutura metodolóxica (instrumentos de avaliación, número e tipoloxía de estación) da proba.

• Propor a asignación das estacións clínicas da proba ACOE ás Áreas dos Departamentos con docencia no Grao en Medicina.

• Planificar o organigrama loxístico da proba.

• Propor para cada convocatoria anual, as datas de celebración da proba ACOE.

• Establecer os mecanismos de coordinación entre os distintos niveis de xestión da proba ACOE.

• Analizar os resultados da proba ACOE e a súa implicación na calidade da práctica clínica da titulación, propoñendo accións de mellora no programa formativo.

Artigo 34. A Comisión de Traballo de Fin de Grao de Odontoloxía

1. A Comisión de Traballo de Fin de Grao de Odontoloxía estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén da comisión.

c) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

d) O/A Coordinador/a do Traballo de Fin de Grao de Odontoloxía.

e) O/A Coordinador/a da Área de Estomatoloxía.

f) Os/as Directores/as dos Departamentos con docencia no Grao en Odontoloxía, ou persoas en quen deleguen, que sexan membros da Xunta de Facultade.

2. As competencias da Comisión de Traballo de Fin de Grao de Odontoloxía son:

a) Elaborar anualmente a guía docente da materia Traballo de Fin de Grao (TFG) de Odontoloxía.

b) Establecer a convocatoria anual e o calendario do TFG.

c) Actualizar a documentación relativa ao proceso de elaboración, defensa e avaliación do TFG.

d) Aprobar as propostas de liñas temáticas e titores/as do TFG.

e) Aprobar e asignar as solicitudes de liñas temáticas, titores/as, títulos e resumos do TFG presentadas polos/as estudantes.

f) Autorizar as modificacións de tema e/ou titor/a de TFG que deriven de situacións excepcionais.

g) Propor os tribunais de avaliación do TFG.

h) Autorizar a presentación e defensa pública dos TFG en casos excepcionais.

i) Autorizar en casos excepcionais a defensa do TFG por medios telemáticos e establecer o procedemento para levala a cabo.

j) Decidir e outorgar as cualificacións de Matrícula de Honra que correspondan, e propoñer os TFG para seren publicados no repositorio da Universidade de Santiago de Compostela.

k) Resolver as incidencias relacionadas co TFG.

l) Calquera outra xestión relativa ao TFG de Odontoloxía que a Xunta de Facultade lle encomende.

Artigo 35. A Comisión de Mobilidade

1. A Comisión de Mobilidade estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén da Comisión.

c) O/A Responsable Académico de Mobilidade.

d) Os/As Coordinadores/as Académicos/as de Mobilidade e Intercambio da Facultade.

e) Tres estudantes (dous do Grao en Medicina e un do Grao en Odontoloxía), preferentemente que participaran nalgún programa de mobilidade.

f) Un membro do Persoal de Administración e Servizos.

2. Son funcións da Comisión de Mobilidade:

a) Propoñer accións coordinadas sobre o seguimento dos programas de mobilidade do Centro.

b) Participar na selección de estudantes de mobilidade naqueles programas e procesos que así o determinen.

c) Avaliar as propostas de novos convenios de mobilidade con outros Centros.

d) Participar na promoción e difusión dos programas de mobilidade no Centro.

e) Atender as incidencias que se produzan na coordinación e seguimento dos programas de mobilidade do Centro.

Artigo 36. A Comisión de Validacións e Recoñecementos

1. A Comisión de Validacións e Recoñecementos estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén da comisión.

c) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

d) Un membro do Persoal Docente e Investigador que forme parte da Xunta de Facultade, por cada unha das Áreas de coñecemento con docencia nos Graos da Facultade, e a proposta destas.

2. Son funcións da Comisión de Validacións e Recoñecementos:

a) Informar as solicitudes de adaptación de estudios das titulacións encargadas á Facultade, cursados noutras universidades.

b) Informar as solicitudes de validación de materias cursadas en titulacións universitarias diferentes ás encargadas á Facultade.

c) Informar as solicitudes de equivalencia de títulos universitarios obtidos en universidades doutros países no ámbito de coñecemento dos estudios encargados á Facultade.

d) Informar sobre calquera outro proceso de recoñecemento de estudios cursados en outras titulacións ou universidades que puideran ser encargados á Facultade.

CAPÍTULO IV. DAS COMISIÓNS NON DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 37. Previsións xerais

1. A Facultade conta con outras Comisións, non delegadas da Xunta de Facultade, que están previstas en diferentes normas da Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento das funcións que estas lles encomenden.

2. Dado o seu carácter non delegado, os membros destas Comisións que non o sexan por razón do seu cargo non terán que ser necesariamente membros da Xunta de Facultade. Os/As representantes do Persoal Docente e Investigador serán propostos/as polos respectivos Consellos de Departamento. No caso do Persoal de Administración e Servizos, serán elixidos/as ou propostos/as polo seu sector, mentres que a representación do sector do estudantado estará determinada pola elección ou proposta da delegación de estudantes do Centro.

3. Cada unha das Comisións non delegadas da Xunta de Facultade terá estrutura de seu, así como composición e funcionamento propios, regulados nas normas da Universidade de Santiago de Compostela que as contemplan.

Artigo 38. As Comisións dos títulos de Grao e Mestrado

1. Cada unha das titulacións de Grao e Mestrado impartidas na Facultade contará, nos termos previstos pola normativa da Universidade de Santiago de Compostela, cunha Comisión Académica de Título, que será o órgano colexiado ordinario de xestión da titulación e que se ocupará daquelas cuestións que atinxan ao normal desenvolvemento do programa de estudos que establece a memoria de verificación.

2. Cada unha das Comisións dos títulos de Grao e Mestrado estará formada por:

a) O/A Decano/a ou persoa en quen delegue.

b) O/A Responsable de Calidade do Centro.

c) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

d) O/A Coordinador/a do título.

e) Un mínimo de catro e un máximo de doce membros do Persoal Docente e Investigador con docencia no título, cunha representación proporcional das Áreas de coñecemento e Departamentos con docencia nas titulacións. No caso das titulacións de Grao, e derivado da maior necesidade de coordinación vertical e horizontal requirida, este número poderá ser maior e deberá incluír aos/as Coordinadores/as de curso.

f) Un mínimo dun/dunha e un máximo de dous/dúas estudantes do título, en representación do alumnado.

g) Poderán participar (con voz pero sen voto) na Comisión, cando así o demande a natureza do título, membros de profesorado externo, egresados, profesionais ou representantes de colexios ou sociedades profesionais.

O/A Secretario/a da Comisión será elixido/a de entre os seus membros, agás para as titulacións de Grao, onde o/a Secretario/a académico/a o será tamén da Comisión.

3. As funcións das Comisións dos Títulos de Grao e Mestrado son as seguintes:

a) Formular a proposta de oferta de prazas e criterios de admisión, de acordo coa memoria do título, para a súa aprobación pola Xunta de Facultade e posterior aprobación polo Consello de Goberno visto o informe emitido pola Xunta de Centro.

b) Formular a proposta de Programación Docente Anual (PDA) e a asignación de docencia das materias do título a áreas de coñecemento, previa consulta aos Departamentos participantes, para a súa aprobación pola Xunta de Facultade e posterior aprobación pola Vicerreitoría con competencias na materia. Unha vez comunicada por parte do Centro a aprobación do PDA aos Departamentos que interveñen na docencia do título, estes asignarán o profesorado ás materias do título de acordo coa normativa vixente e a cualificación docente e investigadora do PDI.

c) Analizar a guía docente (programación) de cada materia previamente aprobada polo Departamento que ten asignado a encarga docente, para supervisar que o programa e demais partes da programación anual de cada materia se adaptan á memoria verificada do título vixente e dar traslado do seu informe á Xunta de Facultade para a súa aprobación.

d) Elevar proposta, de ser o caso, de modificación ou supresión do título, se así se deriva do seu seguimento periódico.

e) Para os títulos de Mestrado, aprobar as propostas de colaboración docente do persoal externo á USC, para a súa tramitación pola Vicerreitoría competente, indicando os custos e recursos cos que conta para a súa participación.

f) Para os títulos de Mestrado, determinar os complementos formativos que, de ser o caso, deba realizar o estudantado matriculado en función do seu perfil de acceso, sempre que así se determine na memoria do programa de estudos.

g) Todas aqueloutras funcións de tipo académico necesarias para o correcto desenvolvemento do programa e que non fosen encargadas a ningún outro órgano.

Artigo 39. A Comisión de Calidade do Centro

1. A Comisión de Calidade do Centro é un órgano que participa nas tarefas de planificación, desenvolvemento e seguimento do Sistema de Garantía Interna de Calidade do Centro, actuando ademais como medio de difusión interna do Sistema e dos seus logros. A Comisión de Calidade do Centro reunirase coa periodicidade marcada na súa planificación, levantará acta de cada unha das súas sesión e divulgará á comunidade universitaria da Facultade as análises e as decisións tomadas no seu seo.

2. A Comisión de Calidade do Centro estará formada por:

a) O/A Decano/a.

b) O/A Responsable de Calidade do Centro.

c) O/A Secretario/a da Facultade, que o será tamén da Comisión.

d) O/A Responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos.

e) Os/as Coordinadores/as dos Títulos de Grao e de Mestrado adscritos á Facultade.

f) Un representante dos Departamentos con sede na Facultade.

g) Un mínimo dun/dunha e un máximo de dous/dúas estudantes de Grao.

h) Un mínimo dun/dunha e un máximo de dous/dúas estudantes de Mestrado.

i) Outros membros que o/a Decano/a considere oportuno propoñer para a súa aprobación á Xunta de Facultade para o bo funcionamento do Sistema de Garantía Interna de Calidade do Centro.

3. As funcións principais da Comisión de Calidade do Centro son:

a) Realizar o deseño, a implantación, o seguimento e a mellora do Sistema de Garantía Interna de Calidade do Centro.

b) Elaborar a Memoria de Calidade do Centro.

c) Formular o plan anual de melloras do Centro para o curso seguinte que recollerá as propostas de mellora dos Títulos derivadas dos seus informes de seguimento.

d) Realizar o seguimento da Implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade do Centro e as súas propostas de mellora.

e) Velar polo seguimento das Titulacións de Grao e Mestrado adscritos á Facultade.

f) Fomentar a realización e o seguimento periódico do plan de melloras anual do Centro.

g) Informar favorablemente, ou propoñer modificacións se é o caso, dos informes de resultados ou seguimento/acreditación elaborados polas Comisións de Título.

Artigo 40. A Comisión de Biblioteca

1. A Comisión de Biblioteca da Facultade estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) O/A Director/a da Biblioteca da Facultade, que actuará de Secretario/a da Comisión.

c) Un membro do Persoal Docente e Investigador por cada Departamento vinculado á Facultade, elixido entre o profesorado do Departamento con docencia no Centro.

d) Dous estudantes de Grao, e un estudante de Mestrado.

e) Un membro do Persoal de Administración e Servizos da Biblioteca da Facultade.

2. As funcións da Comisión de Biblioteca, contempladas nas liñas xerais do Regulamento da Biblioteca Universitaria, son as seguintes:

a) Aprobar as directrices de desenvolvemento das coleccións bibliográficas e propoñer a distribución do orzamento no ámbito da súa competencia, de xeito que se asegure a actualización dos fondos.

b) Participar na elaboración das normas de funcionamento dos servizos bibliotecarios, que estarán a disposición dos lectores na Biblioteca da Facultade.

c) Aprobar o informe anual da Biblioteca da Facultade e elevalo á dirección da Biblioteca Universitaria.

d) Asesorar nas diferenzas de criterio que poidan xurdir entre a dirección da Biblioteca e calquera dos seus usuarios.

e) Propoñer as medidas previstas no Artigo 38 do Regulamento da Biblioteca Universitaria contra os/as infractores/as das normas do/a usuario/a.

f) Garantir, en réxime de consulta ou préstamo, un número de exemplares axeitado da bibliografía obrigatoria de todas as materias impartidas na Facultade.

g) Asesorar en todos os asuntos que, pola súa importancia, se considere necesario someter á súa consideración.

Artigo 41. O Comité Consultivo

1. O Comité Consultivo da Facultade de Medicina e Odontoloxía ten a finalidade de asesorar ao equipo decanal e servir de foro interno para contrastar opinións e información sobre as actividades profesionais, de negocio ou de interese social que estean relacionadas coa actividade da Facultade, e que faciliten o seu desenvolvemento e a súa proxección social.

2. A composición do Comité Consultivo e a designación dos seus membros realizarase a proposta do/a Decano/a e someterase á aprobación da Xunta de Facultade.

Son membros natos do Comité Consultivo, os seguintes:

a) O/A Decano/a ou persoa na que delegue, que o convocará e presidirá.

b) O/A Presidente/a do Consello Económico e Social da Universidade de Santiago de Compostela ou persoa na que delegue.

c) O/A Responsable de Calidade do Centro.

d) O/A Secretario/a Académico/a da Facultade.

e) Os/As Coordinadores/as dos Títulos de Grao e Mestrado adscritos á Facultade.

Son membros electos do Comité Consultivo:

a) Un membro directivo da Consellería de Sanidade e/ou do Servicio Galego de Saúde.

b) Un representante do ámbito científico e universitario alleo á Facultade.

c) Un representante de ONG vinculada á Medicina e/ou á Odontoloxía.

d) O/A Presidente/a do Consello Galego de Colexios Médicos, e o/a Presidente/a do Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogo, ou persoas en quen delegue.

e) Un/unha antigo/a alumno/a dos últimos seis anos do Grao en Medicina e outro do Grao en Odontoloxía.

f) Un/unha médico/a interno/a residente e un/unha odontólogo/a do Servizo Galego de Saúde.

g) Un/unha profesor/a de Medicina e /ou Odontoloxía dunha Universidade estranxeira.

h) Un/unha profesor/a de Medicina e /ou Odontoloxía dunha Universidade española.

3. A participación dos membros no comité Consultivo terá carácter voluntario e non remunerado.

4. Coa creación do Comité Consultivo preténdese o establecemento de mecanismos de diálogo a través dos que se poida:

a) Debater as tendencias e cambios sociais de interese para a actividade docente e investigadora do Centro.

b) Canalizar á sociedade información sobre o Centro e facer que teña máis proxección no seu entorno.

c) Prestar asesoramento na elaboración e implantación do plan estratéxico do Centro.

5. O Comité Consultivo reunirase, como mínimo, unha vez ao ano e deixará constancia das súas reunións mediante actas. Co obxecto de facilitar a recollida de información, para as consultas necesarias poderanse articular mecanismos alternativos que permitan participar aos seus membros (solicitude de informes, enquisas, etc.).

6. A vinculación dos membros do Comité Consultivo establécese por un período de 4 anos, con posibilidade de renovación. A non asistencia a catro xuntanzas consecutivas supoñerá a baixa inmediata no Comité.

Artigo 42. A Comisión de Normalización Lingüística

1. A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) Un membro do Persoal Docente e Investigador por cada Departamento con sede na Facultade, elixido entre o profesorado do Departamento con docencia no Centro.

c) Tres estudantes de Grao e/ou Mestrado.

d) Un membro do Persoal de Administración e Servizos.

O/A Secretario/a da Comisión será elixido/a de entre os seus membros.

2. As funcións da Comisión de Normalización Lingüística son:

a) Velar pola aplicación do Plan de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e impulsar o cumprimento da normativa en materia de normalización lingüística no marco da Facultade.

b) Fomentar o uso do galego en todas as actividades que se desenvolvan na Facultade ou que se promovan dende ela.

c) Promover e vehicular actividades de dinamización lingüística e fomentar a transmisión de valores positivos sobre a lingua.

Artigo 43. A Comisión de Igualdade

1. A Comisión de Igualdade da Facultade estará formada por:

a) O/A Decano/a ou Vicedecano/a en quen delegue.

b) Un membro do Persoal Docente e Investigador por cada Departamento con sede na Facultade, elixido entre o profesorado do Departamento con docencia no Centro.

c) Tres estudantes de Grao e/ou Mestrado.

d) Un membro do Persoal de Administración e Servizos.

O/A Secretario/a da Comisión será elixido/a de entre os seus membros.

2. As funcións da Comisión de Igualdade son:

a) Velar polo cumprimento efectivo do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da Facultade, no marco das políticas específicas deseñadas neste eido pola Universidade de Santiago de Compostela e en colaboración cos órganos competentes desta.

b) Fomentar a integración da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da Facultade, así como a realización de actividades orientadas á sensibilización sobre temas de igualdade de xénero.

TÍTULO III: DA REFORMA DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 44. Procedemento da reforma do Regulamento

1. A reforma do Regulamento de Réxime Interno da Facultade iniciarase por decisión do/a Decano/a, adoptada por iniciativa propia ou logo da proposta asinada polo 25% dos membros da Xunta de Facultade.

2. Toda proposta de reforma do Regulamento estará debidamente articulada e razoada por escrito, e incluirá a nova redacción do artigo ou artigos que se desexen modificar.

3. O/A Decano/a, recibida unha proposta de reforma, deberá poñer o texto á disposición dos membros da Xunta de Facultade e abrirá un prazo mínimo de cinco días hábiles para a presentación de emendas antes da celebración da sesión da Xunta na que se debaterá e someterá a aprobación a proposta de reforma.

4. Para que a reforma do Regulamento prospere, será preciso que sexa apoiada pola maioría absoluta en primeira volta ou pola maioría simple en segunda. De non ser así, a proposta considerarase rexeitada, e non poderá propoñerse idéntica reforma no prazo dun ano. Unha vez aprobada a reforma, elevarase ao Consello de Goberno para a súa ratificación.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

A adaptación da composición dos órganos colexiados previstos neste Regulamento ao establecido no mesmo levarase a cabo do seguinte xeito:

a) Os novos membros natos entrarán a formar parte do órgano respectivo na primeira sesión que este celebre dende a entrada en vigor do Regulamento.

b) Os membros electivos de cada sector adaptaranse á composición establecida neste Regulamento na primeira renovación do sector correspondente que se produza dende a entrada en vigor do Regulamento.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Regulamento entrará en vigor coa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela, logo da súa ratificación polo Consello de Goberno, de acordo co establecido no Artigo 81.b dos Estatutos da Universidade.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver