Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Bioloxía

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0224
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Aprobado pola Xunta de Facultade: 12 de marzo de 2018.

Ratificado polo Consello de Goberno: 9 de novembro de 2018.

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1º

1. A Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela é un centro universitario que desenvolve as súas funcións como servizo público mediante a actividade docente, de estudo e investigación para a creación, desenvolvemento e transmisión critica da ciencia e da cultura, coa finalidade de preparar para o exercicio das actividades profesionais nos ámbitos da Bioloxía.

2. A Facultarle de Bioloxía, para o cumprimento das funcións que lle atribúen a LOMLOU, a súa lexislación de desenvolvemento e os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, rexerase polo presente regulamento.

Artigo 2º

A xestión da Facultade de Bioloxía estará ordenada polos principios de prevalencia dos órganos colectivos sobre os unipersoais e máis o de participación libre dos seus membros na toma de decisións.

Artigo 3º

O presente regulamento debe ser interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.

Artigo 4º

Para todas aquelas cuestións que non estean previstas neste regulamento, nos Estatutos de Universidade de Santiago de Compostela e nas demais normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario, actuarase conforme ao previsto na Lei do Réxime Xuridico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.

Artigo 5°

De acordo co artigo 51 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, as funcións da Facultarle son as seguintes:

a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros.

b) A organización e a xestión dos servizos docentes que lles correspondan.

c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no centro, das prácticas tuteladas externas e/ou prácticum contemplados nos plans de estudos e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.

d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matricula.

e) A promoción de programas de intercambio.

f) A promoción e posta en marcha de medidas para a realización de prácticas externas.

g) A realización das actividades de xestión académica que lle encomende a Universidade.

h) A administración dos espazos, servizos, equipamentos e recursos do centro eo control da súa calidade.

i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.

j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensiónuniversitaria no seu ámbito de competencia.

TÍTULO I. DO GOBERNO DA FACULTADE

CAPÍTULO I. DO GOBERNO DA FACULTADE

Artigo 6º

Os órganos de goberno e xestión da Facultade de Bioloxía son:

a) A Xunta de Facultade.

b) O decano ou decana.

c) Os vicedecanos ou vicedecanas.

d) O secretario ou secretaria.

CAPÍTULO II. DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 7º

A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.

Artigo 8º

A asistencia ás sesións da Xunta de Facultade constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros e débense prever as medidas que favorezan esta asistencia, facéndose a convocatoria pública na páxina web da Facultade dando cumprimento ao compromiso de transparencia da institución. Para o cumprimento desta función quedan dispensados de calquera outra actividade universitaria polo tempo que duren as sesións da Xunta, agás das actividades docentes programadas.

Artigo 9º

A Xunta de Facultade actuará en Pleno ou en Comisión Permanente. Para o seu asesoramento poderá dotarse doutras comisións delegadas temáticas, deliberativas ou informativas, que poderán ser estables ou conxunturais.

Artigo 10º

1. A composición do pleno da Xunta de Facultade está establecida no artigo 95 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e será:

a) O decano/a que a convocará e presidirá.

b) Os vicedecanos/as.

c) O secretario/a, que o será tamén da Xunta

d) A persoa responsable da Unidade de Apoio á Xestión de centros e departamentos.

e) O director/a da biblioteca do centro.

f) O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador en formación con docencia no centro e censado nel, así como o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35% da capacidade docente dun profesor/a a tempo completo:

- Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51%.

- O resto, sempre que non exceda o 10% do total da Xunta.

g) Unha representación do estudantado do 32%

h) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 7% do total da Xunta, cun mínimo de dous representantes.

2. O artigo 95.2 dos Estatutos indica que “O Regulamento de Réxime Interno de cada centro, de ser o caso, determinará o número de subsectores e a representación de cada un, repectando en todo caso os seguintes límites:

a) O persoal docente e investigador a tempo parcial non poderá representar máis do 5%.

b) O estudantado de grao non poderá representar menos do 20% e garantirase a representación do estudantado de máster e doutoramento cando proceda.º

Polo tanto este regulamento determina que o sector de PDI a tempo parcial represente ata un 2%, o sector de estudantado de grao un 25% do total da Xunta e o sector de estudantes de máster e doutoramento un 7%.

3. Tamén deberá ser convocado para a Xunta de Facultade con voz, pero sen voto, todo o persoal docente e investigador que imparta docencia no centro e non sexa membro dela, sempre que o solicite.

4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que foi elixido. No caso de perda da condición de membro da Xunta de Facultade dun representante electo, será nomeado membro, ata o final do período, o seguinte candidato máis votado do mesmo sector ou subsector e circunscrición.

Artigo 11º

Son competencias do Pleno da Xunta de Facultade as que a seguir se indican:

a) A elección do decano/a e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.

b) A elaboración e a aprobación do seu Regulamento de Réxime Interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de gobemo e de administración do centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas no centro, consonte á lexislación vixente e ás normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións oficiais, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e de organización das ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro e, igualmente, a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos espazos, servizos e equipamentos do centro e asupervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.

i) O informe acerca das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

k) A manifestación da súa opinión acerca de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

l) A creación de cantas comisións delegadas non estables, que estime oportunas e a designación da súa composición, funcións e competencias.

m) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.

Artigo 12º

1. O Pleno da Xunta de Facultade estará formado por todos os seus membros e reunirase con carácter ordinario por iniciativa do decano/a ou, na súa ausencia, o vicedecano/a que o substitúa.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez por trimestre, en período lectivo.

3. Reunirase con carácter extraordinario a iniciativa do decano/a ou a pedimento, por escrito, dun 25% dos seus membros. Neste caso, a solicitude deberá incluír o asunto a tratar, que deberá ser o suficientemente explícito e concreto para que se coñeza o seu contido. A convocatoria terase que realizar dentro dos 15 días hábiles seguintes a súa presentación no Rexistro da Facultade.

Artigo 13º

1. O Pleno da Xunta de Facultade será convocado polo secretario/a, por orde do decano/a ou de quen legalmente o substitúa. Na convocatoria deberá constar a orde do día, data, hora e lugar da reunión.

2. A convocatoria dunha sesión deberá ser entregada aos membros da Xunta de Facultade, cando menos, con 3 días de anticipación correspondentes a dias hábiles, via telemática, agás no caso dunha xunta extraordinaria e urxente, que o será cun mínimo de 2 días de antelación.

3. Na convocatoria ordinaria, a documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da convocatoria que impliquen toma de decisións, deberán estar a disposición dos membros da Xunta, na medida do posible, cunha antelación de 2 días horas.

Artigo 14º

1. A orde do día será elaborada polo decano/a, asistido polo seu equipo. No caso das sesión ordinarias, nela figurarán as mencións de aprobación da acta da sesión anterior, asuntos de trámite e rogos e preguntas.

2. Os membros da Xunta poderán solicitar a inclusión de temas na orde do día da Xunta de Facultade ordinaria mediante solicitude ao Sr. Decano/a asinada polo 10% dos membros da Xunta. En calquera caso, cinco días hábiles antes da convocatoria o Sr. Secretario/a enviará un oficio aos seus membros lembrándolles a posibilidade de presentar temas na Xunta e establecendo un prazo razoable para a súa presentación no Decanato.

Artigo 15º

1. A Xunta de Facultade constituirase validamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, e en segunda convocatoria coa presenza de 1/5 dos seus membros. En ambos casos requirirase a presenza do decano/a e o secretario/a ou, no seu caso, dos seus substitutos.

2. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día agás que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 16º

1. O Pleno da Xunta de Facultade será presidido polo decano/a ou, na súa ausencia, por un dos vicedecanos/as, e asistido polo equipo decanal e será o responsable de dirixir e ordenar o desenvolvemento dos debates. O equipo decanal, tendo en conta a opinión da Xunta de Facultade, interpretará o presente regulamento en casos de dúbida ou omisión.

Artigo 17º

A reunión da Xunta de Facultade é única para cada convocatoria, con independencia de que poida interromperse polas circunstancias motivadas que sexan, e continuarase no momento que ao interromperse se sinale, e que en calquera caso deberá ser no mesmo día.

Artigo 18º

1. As decisións do Pleno da Xunta de Facultade tomarán a forma de acordos, que se poderán tomar por asentimento ou por votación favorable da maioría simple dos asistentes. Para axilizar o procedemento as votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou secretas cando así sexa solicitado por un minimo de tres membros da Xunta. En calquera caso serán obrigatoriamente secretas, cando se refiran a persoas concretas.

2. Nestas votacións non se admitirá o voto anticipado nin o voto delegado.

Artigo 19º

1. Unha vez debatido un punto da orde do día terá lugar, se procede, a votación, na que só os presentes poderán participar. De ser o caso, deberáselle entregar ao secretario/a o texto literal da proposta e este procederá a súa lectura antes de sometela a votación.

2. Para a toma de acordos requirirase a presenza do decano/a e do secretario/a ou, no seu caso, de quen os substitúa.

3. De existiren unicamente dúas propostas, aprobarase a que acade maioría simple dos presentes en primeira votación.

4. De haber máis de dúas propostas, efectuarase unha primeira votación conxunta de todas elas e, posteriormente, levarase a cabo unha segunda votación entre as dúas máis votadas, aprobándose a que acade maioría simple dos presentes,

5. En caso de empate, despois dunha quenda de intervencións limitada a un dos promotores/as de cada proposta, procederase a unha nova votación. En caso de persistir o empate, decidirá o voto de calidade do decano/a, salvo nos casos nos que se especifique o contrario.

6. Exceptúanse das maiorías indicadas nos apartados anteriores aqueles acordos para os que explicitamente se especifiquen outras normas que sexan de aplicación.

Artigo 20º

1. A Secretaría da Xunta de Facultade será desempeñada polo secretario/a da Facultade que levantará acta de cada sesión. No caso de imposibilidade de asistencia do secretario/a, fará as súas funcións un membro do equipo decanal designado polo decano/a, que reúna os requisitos para ser secretario/a.

2. En cada acta especificaranse:

a) os membros da Xunta de Facultade que asistiron á reunión e as ausencias comunicadas.

b) a orde do día da sesión e as circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou.

c) un resumo dos debates que inclúa os puntos principais das deliberacións.

d) o contido íntegro dos acordos, especificando o número de votos favorables a cada unha das propostas.

3. Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros da Xunta, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifican, ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro da Xunta terá dereito á transcrición integra da súa intervención ou proposta, para o que será imprescindible que se lle entregue por escrito ao secretario/a antes do remate da sesión ou no prazo que sinale o decano/a.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular por escrito o seu voto particular, no prazo de 2 días, que se incorporará ao texto aprobado. En todo caso deberán anunciar a intención de voto particular na propia sesión.

5. Cada acta será asinada polo secretario/a, ou quen o substitúa, co visto e prace do presidente da sesión.

6. As actas aprobaranse na seguinte sesión ordinaria da Xunta de Facultade, coas modificacións propostas polos membros da Xunta e aprobadas por esta.

Artigo 21º

1. As actas, unha vez aprobadas, asinadas polo secretario/a co visto e prace do decano/a, arquivaranse e quedarán baixo a custodia do secretario/a da Facultade e poderán ser consultadas por calquera membro da Xunta de Facultade.

2. Só darán fe dos acordos aprobados pola Xunta de Facultade as certificacións expedidas polo secretario/a, co visto e prace do decano/a. Con anterioridade á aprobación da acta tamén poderán emitirse certificacións sobre os acordos que se adoptaron, facéndose constar neste caso tal circunstancia.

3. O secretario/a, co visto e prace do decano/a, expedirá certificación dos acordos a calquera membro da Facultade que o solicite por escrito.

CAPÍTULO III. DA COMISIÓN PERMANENTE DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 22º

1. A Comisión Permanente é o órgano de goberno delegado da Xunta de Facultade e estará integrada por:

a) O decano/a, que a convocará e presidirá.

b) O vicedecano/a ou vicedecanos/as.

c) O secretario/a da Facultade, que o será tamén da Comisión Permanente.

d) Unha representación proporcional dos distintos sectores integrantes da Xunta, non podendo exceder o número total dos seus membros dun terzo dos da Xunta de Facultade, do seguinte xeito:

- 6 representantes do profesorado con vinculación permanente.

- 1 representante do resto do profesorado (incluíndo persoal investigador en formación) con docencia no centro.

- 4 representantes do estudantado.

- 1 representante do persoal de administración e servizos.

2. Cada sector ou subsector da Xunta de Facultade elixirá aos seus representantes na Comisión Permanente. En caso de necesidade seguirase o sistema maioritario simple de voto limitado descrito no artigo 50 do Regulamento Electoral da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 23º

As competencias da Comisión Permanente serán as seguintes:

a) Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite.

b) Coñecer e adoptar acordos sobre aqueles asuntos que, sendo competencia da Xunta de Facultade e non estando expresamente reservados ao Pleno, lle foron delegados por este.

c) Asesorar en todas as cuestións que o decano/a lle someta no exercicio das súas competencias.

d) Coñecer e decidir sobre os asuntos que lle sexan presentados polas comisións delegadas e elevalos, no seu caso, ao pleno.

Artigo 24º

En canto ao Pleno da Xunta de Facultade non se pronuncie en sentido contrario, enténdese que delega as súas competencias na Comisión Permanente agás as que se mencionan nos apartados a), b), c), d), e), f), g), h) e i) do artigo 11 deste regulamento,

Artigo 25º

O Pleno da Xunta de Facultade será informado polo secretario/a das actuacións da Comisión Permanente. Para isto daranse a coñecer aos membros da Xunta de Facultade as actas aprobadas das reunións anteriores da devandita comisión.

Artigo 26º

1. A Comisión Permanente reunirase sempre que o decano/a o considere oportuno ou a pedimento, por escrito, dun 25% dos seus membros.

2. A convocatoria da Comisión Permanente farase cunha antelación mínima de 3 días. En todos os demais aspectos referidos ao funcionamento da Comisión Permanente seguirase o previsto neste regulamento para a Xunta de Facultade,

3. A representación dos diversos sectores na Comisión Permanente renovarase nun período máximo de 6 meses despois das eleccións a decano/a. Mentres non haxa elección de decano/a, os membros da Comisión Permanente renovaranse logo dos correspondentes procesos electorais nos diferentes sectores e subsectores.

4. Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta segundo o artigo 22 do Regulamento Electoral da Universidade de Santiago de Compostela. Os postos vacantes por cese ou dimisión serán cubertos no prazo máis breve posible tras unha elección dentro do sector ou subsector correspondente.

5. O secretario/a da Facultade, como secretario/a da Comisión Permanente, levantará acta de cada sesión.

CAPÍTULO IV. DAS COMISIÓNS DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE

Sección 1. Normas Xerais

Artigo 27º

1. A Xunta de Facultade poderá crear comisións delegadas que son instancias da Xunta de Facultade que teñen como misión emitir informes, coordinar, estudar e elaborar propostas sobre os asuntos que este regulamento ou os órganos competentes de goberno da Facultade lles encomenden.

2. As comisións delegadas poderán ter carácter estable ou temporal.

3. Dado o carácter informativo destas comisións, o decano/a informará das súas actuacións ao Pleno da Xunta de Facultade. Malia o anterior, o Pleno poderá delegar funcións nas comisións temáticas, excepcional e temporalmente, agás as que se mencionan nos apartados a), b), c), d), e), f), g), h) e i) do artigo 11 deste regulamento.

4. As comisións delegadas estables serán:

- Comisión de Docencia, Recoñecemento de Estudos e Actividades Culturais.

Comisión de Asuntos Económicos, Administración, Servizos, Espazos e Equipamentos.

- Comisión de Normalización Lingúística.

- Comisión de Xénero.

5. Ademais destas comisións, a Xunta de Facultade poderá crear outras de carácter temporal para tratar asuntos concretos.

Artigo 28º

1. Os membros das comisións delegadas teñen que ser membros da Xunta de Facultade. Estas comisións, nos casos nos que se considere oportuno, poden invitar a outras persoas a participaren nelas, con voz mais sen voto,

2. Os membros das comisións delegadas serán elixidos por, e entre, os membros de cada sector na Xunta de Facultade seguindo o procedemento descrito para a Comisión Permanente no artigo 22.2. Ademais dos compoñentes especificados para cada caso, o decano/a ou persoa na que delegue, formará parte e presidirá as comisións. O secretario/a da Facultade, naqueles casos nos que así se especifique, actuará como secretario/a da comisión.

3. Para a renovación ou substitución dos membros das comisións delegadas procederase consonte o descrito para a Comisión Permanente no artigo 26.3 e 26.4.

4. Cada comisión elixirá ao seu secretario/a cando non actúe como tal o secretario/a da Facultade.

Artigo 29º

1. As comisións delegadas serán convocadas, segundo se describe no artigo 13 do presente regulamento, cunha antelación minima de 3 días agás nos casos de urxencia, que o serán cunha antelación de 2 días.

2. O réxime de constitución das comisións será o mesmo que o da Xunta de Facultade.

3. Os acordos, informes, propostas e recomendacións das comisións delegadas adoptaranse por maioría simple.

Sección 2. Das comisións delegadas estables

Artigo 30º

1. A Comisión de Docencia, Recoñecemento de Estudos e Actividades Culturais estará integrada por:

- O decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.

- O secretario/a da Facultade, que o será tamén desta comisión.

- 6 representantes do profesorado con vinculación permanente.

- 1 representante do resto do profesorado (incluindo persoal investigador en formación) con docencia no centro.

- 4 representantes do estudantado.

- 1 representante do persoal de administración e servizos.

- O xestor/a académico/a.

2. A comisión poderá contar coa colaboración dos coordinadores dos programas de intercambio de alumnos/as.

3. Correspóndelle á Comisión de Docencia, Recoñecemento de Estudos e Actividades Culturais as seguintes funcións:

a) Asesorar ao decano/a sobre as reclamacións do alumnado ás cualificacións académicas. Para a súa resolución atenderase ao disposto no artigo 132 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e ás directrices xerais referentes ao tema.

b) Estudar os pedimentos de dispensa de asistencia a clase por parte dos alumnos/as e informar ao decano/a sobre a súa resolución.

c) Estudar os pedimentos de os alumnos/as a obxección de conciencia na realización de prácticas que requiran o sacrificio de animais de experimentación e informara o decano/a sobre a súa resolución.

d) Estudar os pedimentos de cambios de grupos de docencia expositiva das materias do centro realizados por parte dos alumnos/as e informar ao decano/a sobre a súa resolución,

e) Supervisar e coordinar o funcionamento e a seguridade dos laboratorios de prácticas.

f) Velar polo cumprimento da normativa legal sobre experimentación en seres vivos no desenvolvemento da docencia.

g) Emitir un informe sobre as solicitudes de recoñecemento de estudos de acordo coa normativa elaborada polo Consello de Goberno (artigo 133 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela )

h) Dinamizar as actividades culturais do centro.

i) Calquera outra función relacionada coa docencia que sexa competencia da Xunta de Facultade e esta delegue na comisión.

Artigo 31º

1. A Comisión de Asuntos Económicos, Administración, Servizos, Espazos e Equipamentos estará formada por:

- O decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.

- O secretario/a da Facultade, que o será tamén desta comisión.

- 6 representantes do profesorado con vinculación permanente.

- 1 representante do resto do profesorado (incluíndo persoal investigador en formación) con docencia no centro.

- 4 representantes do estudantado.

- 1 representante do persoal de administración e servizos.

- A persoa responsable de asuntos económicos do centro.

2. Entre as súas funcións específicas se inclúen:

a) Informar o proxecto de orzamento elaborado polo equipo decanal antes do seu debate no Pleno da Xunta de Facultade.

b) Propor a distribución das partidas de equipamento docente do centro e de comunicacións.

c) Propor a dotación de medios para o correcto funcionamento das funcións que ten asignada a Facultade:docencia, investigación, administración e servizos.

d) Facer o seguimento do estado do edificio da Facultade, realizar propostas conducentes aá súa mellora.

e) Propor a programación dos espazos, servizos e equipamentos da Facultade e a supervisión da súa xestión.

Artigo 32º

A Comisión de Normalización Lingúística estará integrada por:

- O decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.

- 4 representantes do profesorado con vinculación permanente.

- 1 representante do resto do profesorado (incluíndo persoal investigador en formación e PDI a tempo parcial) con docencia no centro.

- 2 representantes dos estudantes.

- 1 representante do persoal de administración e servizos.

A súa función será desenvolver accións e promover actividades tendentes a favorecer o uso do galego no ámbito da Facultade.

Artigo 33º

A Comisión de Xénero estará integrada por:

- O decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.

- 4 representantes do profesorado con vinculación permanente.

- 1 representante do resto do profesorado (incluíndo persoal investigador en formación e PDI a tempo parcial) con docencia no centro.

- 2 representantes dos estudantes.

- 1 representante do persoal de administración e servizos.

A súas funcións serán desenvolver medidas que garantan a aplicación dos principios de igualdade de xénero.

Sección 3. Da Comisión de Biblioteca

Artigo 34

1. A Comisión de Biblioteca rexerase polo Regulamento da Biblioteca Universitaria, segundo o artigo 150.3 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A Comisión estará formada por:

- O decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.

- O director/a da Biblioteca do centro ou a persoa en quen delegue.

- Un representante do profesorado por cada área de coñecemento con implantación na Facultade que exezan as súas funcións docentes e/ou investigadoras no centro e estean censados no mesmo.

- Representantes do alumnado nunha proporción do 30% dos membros da comisión. Serán elexidos entre o alumnado que forma parte da Xunta de Facultade, dosque un 20% serán de grao e o 10% de máster e doutouramento

3. As súas funcións serán as indicadas no Regulamento da Biblioteca Universitaria.

CAPÍTULO V. OUTRAS COMISIÓNS

Artigo 35º

1. O Centro, de acordo o seu Sistema de Garantía de Calidade (SGC), establece para o desenvolvemento do mesmo, un conxunto de comisións. Estas comisións son a Comisión de Calidade do Centro e as Comisións de Títulos. A súa composición e as súas funcións establécense no propio SGC e no Regulamento das titulacións oficiais de Grao e Mestrado da USC.

2. Os membros de PDI nas comisións de titulos serán elixidos entre os docentes do propio titulo con dedicación a tempo completo na USC, procurándose unha representación proporcional á encarga lectiva das súas áreas de coñecemento. Deste xeito, pedirase a ditas áreas o nomeamento dun candidato, que será proposto polo Decano/a para ser referendando en Xunta de Facultade e elevar ao Reitor/a a proposta do seu nomeamento.

3. Os estudantes nas comisións de títulos serán elixidos entre os estudantes do propio titulo, preferiblemente entre as alumnas/os-titoras/es ou representantes do alumnado. Cando sexa necesaria a elección dun representante por cada un dos cursos da titulación, éstes deberán de estar matriculados nun minimo do 80% dos créditos correspondentes a dito curso. Para isto os representantes de alumnos/as na Xunta de Facultade nomearán un candidato/a, que será proposto polo Decano/a para ser referendando en Xunta de Facultade e elevar ao Reitor/a a proposta do seu nomeamento.

CAPÍTULO VI. DO DECANO/A E O EQUIPO DECANAL

Artigo 36º

O equipo decanal estará constituido polo decano/a, vicedecano/a ou vicedecanos/as e o secretario/a.

Artigo 37º

1. O decano/a representa á Facultade, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actividade dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. Son competencias do decano/a, segundo o artigo 100 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, as seguintes:

a) A representación da Facultade.

b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade, da Comisión Permanente, das comisións delegadas e de calquera órgano delas, así como a execución dos seus acordos.

c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da facultade.

d) A dirección da política académica de todas as titulacións oficiais adscritas á Facultade,

e) A proposta ao reitor/a do nomeamento e cesamento do secretario/a da Facultade e, de ser o caso, de vicedecanos/as, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.

f) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolvan o seu labor no centro.

g) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

h) O control do axeitado mantemento do patrimonio do centro.

i) O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen os Estatutos ou a lexislación universitaria.

2. As competencias do decano/a estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración da Facultade de non seren atribuídos a outros órganos.

Artigo 38º

1. Os vicedecanos/as serán nomeados polo reitor/a, a proposta do decano/a, entre os membros da comunidade universitaria da Facultade. No caso do profesorado debe estar acollido ao réxime de dedicación a tempo completo, o estudantado deberá estar matriculado na modalidade de matrícula ordinaria e o persoal de administración e servizos deberá ter como único emprego o que desenvolva na Universidade de Santiago de Compostela.

2. A función dos vicedecanos/as é a coordinación ou dirección, baixo a autoridade do decano/a, das áreas de competencia que este lles encomende, sen prexuízo de que as funcións técnico-administrativas correspondan ao persoal de administración e servizos. De existiren varios vicedecanos/as, o decano/a designará a orde de substitución en caso de ausencia ou enfermidade.

3. Os vicedecanos/as cesarán no seu cargo por decisión do reitor/a ben a petición propia ou a proposta do decano/a.

Artigo 39º

1. O secretario/a da Facultade será nomeado polo reitor/a, segundo a proposta do decano/a, de entre os profesores/as ou funcionarios/as dos grupos A1 e A2 censados no centro.

2. O secretario/a da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración da Facultade e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o decano/a ou que lle encomende a lexislación vixente, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e este regulamento.

3. O secretario/a cesará no seu cargo por decisión do reitor/a ben a petición propia ou a proposta do decano/a,

TITULO II. DA ELECCION E REVOGACIÓN DO DECANO/A

CAPÍTULO I: DA ELECCIÓN DO DECANO/A

Artigo 40º

O decano/a será elixido polo Pleno da Xunta de Facultade entre os profesores/as con vinculación permanente á Universidade, censados no centro.

Artigo 41º

A elección do decano/a realizarase seguindo as disposicións sinaladas no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para a elección de cargos unipersoais e segundo o previsto nos artigos do Capítulo 1 do Título II deste regulamento

Artigo 42º

1. Na Xunta de Facultade convocada para o caso e antes da votación, cada candidato/a disporá dun prazo máximo de 30 minutos para expor as súas liñas de actuación e presentar o seu equipo. De ser o caso, e logo desta exposición, o candidato/a procederá a responder ás preguntas e observacións que os membros do Pleno realicen, durante un prazo máximo de 60 minutos.

2. Unha vez realizada esta exposición e debate, procederase á votación nominal e secreta, que se fará de acordo ás disposicións sinaladas no artigo 69 do Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

CAPÍTULO II. DA REVOGACIÓN DO DECANO/A

Artigo 43º

O decano/a poderá ser cesado polo reitor/a a petición propia, ao remate do seu mandato, ou ser revogado por unha moción de censura, de acordo co establecido no artigo 63 do Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 44º

Na sesión do Pleno dedicada á moción de censura, daráselle, tanto ao candidato/a alternativo proposto como ao decano/a, un prazo máximo de 30 minutos para expor as súas posicións. Tras o oportuno debate, realizarase a votación que será nominal e secreta,.

Artigo 45º

1. A moción de censura será aprobada se acada os votos da maioría absoluta dos membros da Xunta. De ser o caso, o decano/a comunicarallo ao reitor/a no seguinte día hábil co fin de proceder ao nomeamento do decano/a electo seguindo en funcións ata a toma de posesión do novo decano/a.

2. Se a moción de censura non fose aprobada, os seus asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo período de mandato.

TÍTULO III: A REFORMA DO REGULAMENTO

Artigo 46º

1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser tomada polo decano/a ou a partir dunha proposta asinada por un minimo do 25% dos membros da Xunta de Facultade.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente argumentadas. Co fin de articulalas crearase unha comisión “ad hoc" coa composición que estima oportuna a Xunta de Facultade ou no seu defecto a comisión permanente.

3. A proposta de reforma elaborada pola comisión será posta en coñecemento dos membros da Xunta de Facultade cunha antelación mínima de 15 días naturais antes de ser sometida a votación. Durante ese período poderanse presentar no decanato as alegacións que se estime oportunas.

4. A proposta de reforma será sometida a votación para a súa aprobación no Pleno da Xunta de Facultade, que decidirá por maioria simple.

Disposición Final

O presente regulamento entrará en vigor coa súa publicación no taboleiro electrónico da sede electrónica da USC, logo da súa ratificación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, en cumprimento do artigo 81.b dos seus Estatutos.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver