Regulamento de Réxime Interno da Facultade de óptica e Optometría
NORMA CONSOLIDADA
Aprobado pola Xunta de Facultade o 11/07/2019.
TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1º
1. A Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela é un Centro universitario que desenvolve as súas funcións como servizo público mediante a actividade docente, investigación e asistencia para a creación, desenvolvemento e transmisión crítica da ciencia e da cultura, coa finalidade de preparar para o exercicio das actividades profesionais no ámbito da Óptica e Optometría.
2. A Facultade de Óptica e Optometría, para o cumprimento das funcións que lle atribúen a Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, a súa lexislación de desenvolvemento e os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, rexerase polo presente regulamento, que é a norma na que se establecen as disposicións destinadas a regular o seu funcionamento.
3. A Facultade de Óptica e Optometría velará especialmente pola promoción da lingua galega, promoverá a igualdade entre homes e mulleres e preocuparase polo desenvolvemento sostible; en liña co Plan de Igualdade de Xénero e coa Memoria de Responsabilidade Social da USC.
Artigo 2º
A xestión da Facultade de Óptica e Optometría estará ordenada polos principios de prevalencia dos órganos colectivos sobre os unipersoais e máis o de participación libre dos seus membros na toma de decisións.
Artigo 3º
Para todas aquelas cuestións que non estean previstas neste regulamento, nos Estatutos de Universidade de Santiago de Compostela e nas demais normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario, actuarase conforme o previsto na lexislación que regule os procedementos administrativos.
Artigo 4º.- Funcións da Facultade
Atendendo o artigo 51 dos estatutos da USC, as funcións da Facultade son as seguintes:
a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas pola Facultade e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios Centros.
b) Xestionar, organizar e administrar os servizos docentes, equipamentos e recursos da súa competencia, e avaliar a calidade destes.
c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no Centro, das prácticas tuteladas externas e/ou prácticum contemplados nos plans de estudo, e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.
d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.
e) A promoción de programas de intercambio.
f) A realización das actividades de xestión académica que lle encomende a universidade.
g) A administración dos servizos, equipamentos, recursos do Centro e o control da súa calidade.
h) Promover e por en marcha medidas para a realización de prácticas externas, en coordinación coas entidades públicas e privadas da profesión.
i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no Centro.
j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.
k) A promoción de estudos de posgrao.
TÍTULO I: DO GOBERNO DA FACULTADE
CAPÍTULO I. ORGANOS DE GOBERNO
Artigo 5º.- Órganos de goberno
Os órganos de goberno e xestión da Facultade de Óptica e Optometría son:
a) A Xunta de Facultade.
b) O/a decano/a.
c) O/a vicedecano/a ou vicedecanos/as.
d) O/a secretario/a.
Artigo 6º.- Coordinadores/as da titulación
Cada unha das titulacións impartidas na Facultade terá un/unha Coordinador/a que será nomeado/a polo/a reitor/a da USC por proposta do decano/decana. Informarase do nomeamento á xunta de centro e aos departamentos que participan na docencia do título. Os/as Coordinadores/as nomeados/as, deberán ser un/ha profesor/a doutor/a con vinculación permanente á USC, membro da xunta de Facultade, dedicación exclusiva e docencia no título que coordina. En situacións excepcionais, o coordinador do grao poderá ser profesor non doutor, pero deberá cumprir as demais condicións.
1.- Serán funcións do/a coordinador/a do título de grao ou mestrado:
a. Actuar en representación do título, dirixilo e coordinalo.
b. Dar traslado da proposta de PDA formulada pola comisión do título, caso de que a comisión do título teña esas competencias, ao/á decano/a ou director/a do centro, para a súa aprobación inicial pola xunta de centro e posterior aprobación pola vicerreitoría con competencias na materia.
c. Difundir entre o profesorado do título calquera información relativa á súa xestión académica.
d. Coordinar os procesos de avaliación de calidade do título de acordo co SGC aplicable e trasladar a información que proceda á comisión de calidade do centro.
e. Asumir todas as competencias relativas ás actas que lle outorga a normativa vixente.
f. Calquera outra función que lle for asignada polos órganos competentes.
Artigo 7º.- Coordinadores/as e responsables de actividades
Por proposta do Decanato poderán nomearse:Responsable de Calidade, Responsable de Seguridade e Saúde, Coordinadores/as de Prácticas Tuteladas, Responsable Académico de Mobilidade, así como responsables ou coordinadores/as das actividades ou funcións que se consideren. Os nomeamentos serán comunicados á Xunta de Facultade e as persoas nomeadas serán membros das correspondentes comisións (neste caso deberán ser membros da Xunta de Facultade).
Artigo 8º.- A Xunta de Facultade
A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do Centro e, como tal, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.
Artigo 9º
A asistencia ás sesións da Xunta de Facultade constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros. Para o cumprimento desta función procurarase que estas afecten o menos posible ás actividades docentes.
Artigo 10º
A Xunta de Facultade actuará en pleno. Para o seu asesoramento poderá dotarse de comisións delegadas temáticas, deliberativas ou informativas, que poderán ser estables ou conxunturais.
Artigo 11º.- Composición da Xunta
1. A composición do Pleno da Xunta de Facultade está establecida nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Estará composta por:
a) O/a decano/a que a presidirá e convocará.
b) O/a vicedecano/a ou vicedecanos/as.
c) O/a secretario/a, que o será tamén da Xunta.
d) O/a responsable da unidade de xestión de Centros e departamentos.
e) O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, con docencia no Centro e censados nel, ou non censados con encargo docente igual ou maior ao 35% da capacidade docente dun profesor/a a tempo completo:
- Todo o profesorado con vinculación permanente, que constituirá o 51% da Xunta.
- Representación do resto do persoal docente e investigador, que disporá do 10% do total.
f) Representación do alumnado
- O alumnado de grao, que disporá dun 26% da Xunta.
- O alumnado de máster, que disporá dun 3% da Xunta.
- O alumnado de doutoramento, que disporá dun 3% da Xunta.
No suposto de non ter alumnado censado no sector de máster e/ou doutoramento, estas porcentaxes de representación acumularanse á do alumnado de grao.
g) Representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS) censado no Centro, que disporá dun 7% do total, cun mínimo de 2 representantes.
2. Os/as representantes do PDI e PAS serán elixidos por un período de dous anos mentres que os/as representantes de alumnado serano por un ano. A condición de membro da Xunta de Facultade perderase ao cesar a vinculación co Centro, ou perder os requisitos requiridos para o sector polo que foi elixido.
3. Serán convocados/as, con voz pero sen voto, o profesorado, investigadores/as, PAS e delegados/as do alumnado que, sen pertencer á Xunta, realicen actividades de carácter docente, discente, investigador ou administrativo no Centro. Poderán convocarse igualmente, con voz pero sen voto, a alumnado e persoal alleo á Facultade sempre que estean implicados nalgún asunto da orde do día.
Artigo 12º.- Competencias da Xunta de Facultade
Son competencias do Pleno da Xunta de Facultade as que a seguir se indican:
a) A elección do/a decano/a e, de ser o caso, a súa remoción.
b) A elaboración e a aprobación do seu regulamento de réxime interno.
c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do Centro.
d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao Centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.
e) Propoñer aos departamentos encargados da docencia modificacións na estrutura da programación docente das materias dos plans de estudos das titulacións adscritas, tratando de obter unha máis axeitada coordinación entre os contidos.
f) A aprobación das liñas xerais da política académica do Centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do Centro e de organización de cursos ou estudos de posgrao.
g) Emitir informes sobre a actividade académica do profesorado.
h) Establecer os criterios de avaliación dos servizos que presta o Centro e elaborar un informe anual da calidade de ditos servizos.
i) A organización dos servizos docentes para a obtención de títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación da actividade docente do profesorado con docencia no Centro e, igualmente, a supervisión do seu cumprimento.
j) Con carácter singular para casos específicos, a Xunta de Centro poderá conceder a dispensa de asistencia a clase.
k) A programación dos servizos e equipamentos do Centro e a supervisión da súa xestión.
l) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao Centro e o control da súa aplicación.
m) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co Centro pola súa docencia e investigación.
n) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.
o) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co Centro ou coas súas actividades.
p) A creación de cantas Comisións Delegadas estime oportunas e, de ser o caso, fixar os temas que se poidan tratar nelas.
q) Calquera outra competencia que lle atribúan este regulamento e os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 13º
O Pleno da Xunta de Facultade estará formado por todos os seus membros e reunirase con carácter ordinario por iniciativa do/a decano/a ou, na súa ausencia, o/a vicedecano/a que o/a substitúa. Reunirase con carácter ordinario polo menos tres veces durante o curso académico en período lectivo.
1. Reunirase con carácter extraordinario a iniciativa do/a decano/a ou a pedimento, por escrito, dun 25% dos seus membros. Neste caso, a solicitude deberá incluír o asunto a tratar, que deberá ser o suficientemente explícito e concreto para que se coñeza o seu contido. A convocatoria terase que realizar dentro dos 15 días hábiles seguintes a súa presentación no Rexistro da Facultade.
Artigo 14º.- Convocatorias de reunións da Xunta
1. O Pleno da Xunta de Facultade será convocado polo/a secretario/a, por orde do/a decano/a ou de quen legalmente o/a substitúa. Na convocatoria deberá constar a orde do día, data, hora da primeira e da segunda convocatoria, lugar da reunión e lugar de depósito da documentación complementaria dos puntos da orde do día.
2. A convocatoria da sesión deberá ser enviada aos membros da Xunta de Facultade, cando menos, con 72 horas de anticipación correspondentes a días hábiles, por correo electrónico ás direccións que constan na Secretaría da Facultade, agás no caso dunha Xunta extraordinaria e urxente, que o será cun mínimo de 48 horas de antelación.
3. A documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da convocatoria que impliquen toma de decisións, deberán estar a disposición dos membros da Xunta cunha antelación de 48 horas.
Artigo 15º.- Orde do día
1. A orde do día será elaborada polo/a decano/a, asistido polo seu equipo. No caso das sesión ordinarias, nela figurarán as mencións de aprobación da acta da sesión anterior, asuntos de trámite e rolda aberta de intervencións.
2. Poderase solicitar a inclusión de temas na orde do día, mediante unha solicitude ao decano/a asinada polo 10% dos membros da Xunta. O punto deberá ser incluído na seguinte convocatoria.
Artigo 16º
1. A Xunta de Facultade constituirase validamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria coa presenza de 1/4 dos seus membros. Nos dous casos requirirase a presenza do/a decano/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, de quen os substitúa.
2. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día agás que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
Artigo 17º
O Pleno da Xunta de Facultade será presidido polo/a decano/a ou, na súa ausencia, polo/a vicedecano/a, que será o/a responsable de dirixir e ordenar o desenvolvemento dos debates. O equipo decanal, tendo en conta a opinión da Xunta de Facultade, interpretará o presente regulamento en casos de dúbida ou omisión.
Artigo 18º
As sesións do Pleno poderanse desenvolver nunha ou máis reunións. Enténdese por sesión o período de tempo preciso para esgotar a orde do día, e por reunión o período da mañá ou da tarde en que teña lugar parte da sesión. A duración de cada reunión non superará as 4 horas agás acordaren o contrario máis da metade dos membros presentes.
Artigo 19º
1. As decisións do Pleno da Xunta de Facultade tomarán a forma de acordos, que se poderán tomar por asentimento ou por votación favorable da maioría simple dos asistentes. Para axilizar o procedemento as votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou secretas cando así sexa solicitado por un mínimo de tres membros da Xunta. En calquera caso serán obrigatoriamente secretas cando se refiran a persoas concretas.
2. Nas votacións non se admitirá o voto anticipado nin o voto delegado.
Artigo 20º.- Votacións
1. Unha vez debatido un punto da orde do día terá lugar, se procede, a votación, na que só os presentes poderán participar. De ser o caso, deberáselle entregar ao secretario/a o texto literal da proposta e este/a procederá a súa lectura antes de sometela a votación.
2. Para a toma de acordos requirirase a presenza do/a decano/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, de quen os substitúa.
3. De existiren unicamente dúas propostas, aprobarase a que acade maioría simple dos presentes en primeira votación.
4. De haber máis de dúas propostas, efectuarase unha primeira votación conxunta de todas elas e, posteriormente, levarase a cabo unha segunda votación entre as dúas máis votadas, aprobándose a que acade maioría simple dos presentes.
5. En caso de empate, despois dunha quenda de intervencións limitada a un dos promotores de cada proposta, procederase a unha nova votación. En caso de persistir o empate, decidirá o voto de calidade do/a decano/a, salvo nos casos nos que se especifique o contrario.
6. Exceptúanse das maiorías indicadas nos apartados anteriores aqueles acordos para os que explicitamente se especifiquen outros tipos de maioría neste regulamento ou outras de rango superior.
Artigo 21º.- Actas
1. O secretario/a da Facultade levantará acta de cada sesión. No caso de imposibilidade de asistencia do secretario/a, fará as súas funcións un membro do equipo decanal designado polo/a decano/a.
2. En cada acta especificaranse:
a) Os membros da Xunta de Facultade que asistiron á reunión e as ausencias comunicadas.
b) A orde do día da sesión e as circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou.
c) Un resumo dos debates que inclúa os puntos principais das deliberacións.
d) O contido íntegro dos acordos, especificando o número de votos favorables a cada unha das propostas.
3. Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros da Xunta, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifican, ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro da Xunta terá dereito á transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, para o que será imprescindible que se lle entregue por escrito ao secretario/a antes do remate da sesión ou no prazo que sinale o/a decano/a.
4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular por escrito o seu voto particular, no prazo de 48 horas, que se incorporará ao texto aprobado. En todo caso deberán anunciar a intención de voto particular na propia sesión.
5. Cada acta será asinada polo/a secretario/a, ou quen o/a substitúa, co visto e prace do presidente da sesión.
6. As actas aprobaranse na seguinte sesión ordinaria.
Artigo 22º.- Aprobación e custodia das actas
1. As actas, unha vez aprobadas, asinadas polo/a secretario/a co visto e prace do decano/a, arquivaranse e quedarán baixo a custodia do/a secretario/a da Facultade e poderán ser consultadas por calquera membro da Xunta de Facultade.
2. Só darán fe dos acordos aprobados pola Xunta de Facultade as certificacións expedidas polo/a secretario/a, co visto e prace do/a decano/a. Con anterioridade á aprobación da acta tamén se poderán emitir certificacións sobre os acordos que se adoptaron, facéndose constar neste caso tal circunstancia.
3. O/a secretario/a, co visto e prace do/a decano/a, expedirá certificación dos acordos a calquera membro da Facultade que o solicite por escrito.
CAPÍTULO II. DAS COMISIÓNS DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE
Artigo 23º
1. A Xunta de Facultade poderá crear comisións delegadas que terán como misión emitir informes, coordinar, estudar e elaborar propostas, así como adoptar acordos sobre os asuntos que este regulamento ou os órganos competentes de goberno da Facultade lles encomenden.
2. As competencias das comisións delegadas serán as seguintes:
a) Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite.
b) Coñecer e adoptar acordos sobre aqueles asuntos que, sendo competencia da Xunta de Facultade e non estando expresamente reservados ao Pleno, lle foran delegados.
c) Asesorar en todas as cuestións que o/a decano/a lle someta no exercicio das súas competencias.
3. As comisións delegadas serán:
- Comisión de Calidade do Centro.
- Comisión do Título do Grao en Óptica e Optometría.
- Comisión do Título do Máster en Optometría.
- Comisión de Asuntos Económicos, Administración, Servizos e Espazos.
- Comisión de Biblioteca.
- Comisión de Normalización Lingüística.
- Comisión de Xénero.
4. Ademais destas comisións, a Xunta de Facultade poderá crear outras para tratar asuntos concretos.
Artigo 24º.- Composición das Comisións
1. Os membros das comisións delegadas teñen que selo tamén da Xunta de Facultade. Estas comisións, nos casos nos que se considere oportuno, poden invitar a outras persoas a participaren nelas, con voz pero sen voto.
2. Os membros das comisións delegadas serán elixidos entre os membros de cada sector da Xunta de Facultade para cada caso. O/A decano/a ou persoa na que delegue, formará parte e presidirá as comisións. O secretario da Facultade, naqueles casos nos que así se especifique, actuará como secretario da comisión.
3. A renovación ou substitución dos membros das comisións delegadas farase despois das eleccións a decano/a. Mentres non haxa elección de decano/a, os membros renovaranse logo dos correspondentes procesos electorais nos diferentes sectores.
4. Os membros das comisións delegadas cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta segundo o Regulamento electoral da USC. Os postos vacantes por cese ou dimisión serán cubertos no prazo máis breve posible tras unha elección dentro do sector correspondente.
5. Cada comisión elixirá o/a seu/súa secretario/a cando non actúe como tal o/a secretario/a da Facultade.
Artigo 25º.- Reunións das Comisións
1. As comisións delegadas serán convocadas, segundo se describe no artigo 14 do presente regulamento, cunha antelación mínima de 72 horas agás nos casos de urxencia, que o serán cunha antelación de 48 horas.
2. O réxime de constitución das comisións será o mesmo que o da Xunta de Facultade.
3. Os acordos, informes, propostas e recomendacións das comisións delegadas adoptaranse por maioría simple. Os acordos das comisións, agás naqueles casos que lle foran delegados, deberán someterse á aprobación da Xunta.
Artigo 26º.- Comisión de Calidade
1. A Comisión de Calidade estará integrada por:
- O/a decano/a, ou persoa na que delegue.
- O/a responsable de Calidade do Centro.
- Os/as coordinadores/as das titulacións adscritas ao Centro.
- 4 representantes do profesorado.
- 2 representantes do alumnado.
- O/a responsable da Unidade de xestión.
2. A Comisión de Calidade do Centro (CCC) é un órgano que participa nas tarefas de planificación, desenvolvemento e seguimento do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) do Centro, actuando ademais como medio de difusión interna do Sistema e dos seus logros.
3. A CCC reunirase coa periodicidade marcada na súa planificación anual, levantará acta de cada unha das sesións, e fará públicas as súas análises e decisións.
4. As funcións principais da CCC son as seguintes:
• Realizar o deseño, a implantación, o seguimento e mellora do SGC do centro.
• Elaborar a memoria de calidade do centro (MCC)
• Fomentar a realización e o seguimento periódico do plan de melloras anual do centro.
• Estimular a participación de todos os colectivos implicados na avaliación e mellora da calidade das titulacións que se imparten no centro.
• Realizar o seguimento dos resultados do centro.
• Propoñer ao equipo de dirección a información que debe ser pública.
• Informar favorablemente, ou propoñer modificacións se é o caso, dos informes de resultados ou seguimento/acreditación elaborados polas comisións de título.
Artigo 27º.- Comisións de Título
1. A Comisión do Título de Grao en Óptica e Optometría estará formada por:
− O/a decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.
− O/a Coordinador/a do título que será PDI do título
− Un/ha secretario/a, que será elixido/a entre os membros da comisión.
− O/a responsable de calidade do Centro.
− Un mínimo de 4 e un máximo de 12 membros do PDI, que serán elixidos entre os docentes do título cunha representación proporcional á encarga lectiva das súas áreas de coñecemento e departamentos. En casos debidamente xustificados (coordinación horizontal e vertical do título) este número poderá ser maior. O número mínimo poderá ser inferior a 4 no caso de títulos interuniversitarios cunha participación minoritaria da USC ou cun número elevado de universidades participantes, segundo estableza o convenio interuniversitario. Ata un 25% destes representantes poderán ser PDI con dedicación a tempo parcial na USC.
− 2 representantes do alumnado
− O/a responsable da Unidade de xestión.
− Poderán participar (con voz pero sen voto) na comisión, cando así o demande a natureza do título, profesorado externo, egresados, profesionais ou representantes de colexios ou sociedades profesionais.
2. A Comisión do Título de Máster en Optometría estará formada por:
− O/a decano/a, ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a preside e a convoca.
− O/a Coordinador/a do título que será PDI do título
− Un/ha secretario/a, que será elixido/a entre os membros da comisión.
− O/a responsable de calidade do Centro.
− Un mínimo de 4 e un máximo de 12 membros do PDI, que serán elixidos entre os docentes do título cunha representación proporcional á encarga lectiva das súas áreas de coñecemento e departamentos. En casos debidamente xustificados (coordinación horizontal e vertical do título) este número poderá ser maior. O número mínimo poderá ser inferior a 4 no caso de títulos interuniversitarios cunha participación minoritaria da USC ou cun número elevado de universidades participantes, segundo estableza o convenio interuniversitario. Ata un 25% destes representantes poderán ser PDI con dedicación a tempo parcial na USC.
− 2 representantes do alumnado
− O/a responsable da Unidade de Xestión
− Poderán participar (con voz pero sen voto) na comisión, cando así o demande a natureza do título, profesorado externo, egresados, profesionais ou representantes de colexios ou sociedades profesionais.
3. Ademais, poderá crearse un comité consultivo do título ou do centro, segundo estableza o SGC do centro, para ter en conta a información dos egresados, colexios profesionais, empresas e, en xeral, unha representación dos grupos de interese. De existir no centro responsable un comité consultivo axeitado para o título proposto, non se creará outro novo.
4. As Comisións de Título terán como funcións, entre outras, as de elaborar e propoñer ao Pleno da Xunta de Facultade o proxecto de plans de estudos das titulacións impartidas no Centro e informar sobre as modificacións.
En particular realizará as seguintes funcións:
a) Informar sobre calquera conflito que se poida presentar no desenvolvemento da docencia.
b) Asesorar ao decano/a sobre as reclamacións do alumnado ás cualificacións académicas. Para a súa resolución atenderase ao disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e normativa de rango superior relativa ao tema.
c) Informar sobre o plan docente anual e os plans de organización docente presentados polos departamentos. Este informe será presentado polo/a decano/a á Xunta de Facultade.
d) Coñecer e informar sobre o calendario de exames e o horario de clase.
e) Coñecer e informar sobre a programación das materias correspondentes as titulacións que se imparten no Centro. En particular atenderá á coordinación e á adecuación dos programas aos obxectivos das titulacións.
f) Analizar e promover a mellora da calidade da docencia e os métodos de avaliación.
g) Elaborar ou modificar o regulamento da Aula de Informática e supervisar o seu funcionamento.
h) Supervisar e coordinar o funcionamento e a seguridade dos laboratorios de prácticas.
i) Calquera outra función relacionada coa docencia que sexa competencia da Xunta de Facultade e esta delegue na Comisión.
5. Poderán nomear grupos de traballo para tratar temas relacionados coa docencia e os recoñecementos.
3.1 Corresponderalle, de ser o caso, ao grupo de traballo de temas de docencia todo o relacionado co desenvolvemento da actividade docente no Centro, agás as resolucións de recoñecementos e adaptacións de estudos.
3.2 O grupo de traballo de recoñecementos contará coa colaboración, de ser o caso, do profesorado responsable das materias e do/a responsable da Unidade de Xestión. A súa función será emitir un informe sobre as solicitudes de recoñecemento e adaptacións de estudos.
Artigo 28º.- Comisión de Asuntos Económicos, Administración, Servizos e Espazos
1. A Comisión de Asuntos Económicos, Administración, Servizos e Espazos estará formada polos seguintes membros da Xunta de Facultade:
- O/A decano/a, ou persoa na que delegue, que actuará de presidente/a.
- Cinco representantes do profesorado.
- Dous representantes do alumnado.
- Un membro do persoal de administración e servizos.
(poderá ser invitado/a o/a responsable de AA. Económicos como asesor/a)
2. Entre as súas funcións específicas inclúense:
a) Informar o reparto de orzamento elaborado polo equipo decanal antes do seu debate no pleno da Xunta de Facultade.
b) Propor a distribución das partidas de equipamento docente do Centro e de comunicacións.
c) Propor a dotación de medios para o correcto funcionamento das funcións que ten asignada a Facultade: docencia, investigación, administración e servizos.
d) Facer o seguimento do estado do edificio da Facultade e realizar propostas conducentes a súa mellora.
e) A vixilancia e xestión dos espazos de uso administrativo, docente e de investigación asignados ao Centro.
CAPÍTULO III. OUTRAS COMISIÓNS DA FACULTADE
Artigo 29º.- Comisión de Biblioteca
1. A Comisión de Biblioteca rexerase polo Regulamento da Biblioteca Universitaria, segundo o artigo correspondente dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
2. A Comisión estará formada por:
- O/a decano/a, ou persoa na que delegue, que actuará de presidente/a.
- O/a director/a da Biblioteca do Centro ou o/a bibliotecario/a encargado/a desta.
- 1 representante do profesorado que exerzan as súas funcións docentes e/ou investigadoras no Centro.
- 1 representante do alumnado na proporción indicada no artigo 11 do Regulamento da Biblioteca Universitaria da USC.
3. As súas funcións serán as indicadas no Regulamento da Biblioteca Universitaria.
Artigo 30º.- Comisión de Normalización Lingüística
A Comisión de Normalización Lingüística estará integrada por:
- O/a decano/a, ou persoa na que delegue, que a preside e a convoca.
- 1 representantes do profesorado.
- 1 representantes do alumnado.
- 1 PAS.
A súa función xeral será desenvolver accións e promover actividades tendentes a favorecer o uso do galego no ámbito da Facultade, entre as que se atopan:
a) Difundir información e recursos dentro da Facultade.
b) Difundir as accións de normalización propostas e coordinadas polo SNL.
c) Distribuír documentos e recursos técnicos elaborados polo SNL.
d) Difundir os servizos ofrecidos polo SNL.
e) Detectar necesidades e elaborar anualmente un programa de actividades enmarcadas no plan de normalización.
f) Recoller datos obxectivos sobre o uso do galego nos diferentes ámbitos da Facultade
g) Propoñerlle anualmente actuacións á Xunta de Facultade.
h) Vehicular a recepción de solicitudes lingüísticas dos membros do Centro encamiñadas á normalización do uso da lingua galega.
i) Facer un seguimento das accións normalizadoras.
Artigo 31º.- Comisión de Xénero
1. A comisión de Xénero da Facultade está composta por:
- O/a decano/a, ou persoa na que delegue, que a preside e a convoca.
- Dous representantes do profesorado.
- Un/unha estudante.
- Un representante do PAS.
2. A Comisión de Xénero velará polo cumprimento efectivo do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da Facultade no marco das políticas que neste eido deseñe a USC.
CAPÍTULO IV. DO EQUIPO DECANAL
Artigo 32º
O equipo decanal estará constituído polo/a decano/a, vicedecano/a ou vicedecanos/as e o/a secretario/a, segundo establecen os Estatutos da USC.
Artigo 33º.- O/A decano/a
1. O/a decano/a representa á Facultade, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actividade dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.
2. Son competencias do/a decano/a, segundo os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, as seguintes:
a) A representación da Facultade.
b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade, das Comisións Delegadas, así como a execución dos seus acordos.
c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da Facultade.
d) A dirección académica de todas as titulacións oficiais adscritas ao Centro.
e) A dirección económica das actividades organizadas polo Centro.
f) A proposta ao reitor /a do nomeamento e cesamento do/a secretario/a da Facultade e, de ser o caso, de vicedecanos/as, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.
g) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolvan o seu labor no Centro.
h) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.
i) O control do axeitado mantemento do patrimonio do Centro.
j) O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aquelas outras que lle sinalen os estatutos ou a lexislación universitaria.
3. As competencias do/a decano/a estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración da Facultade de non seren atribuídos a outros órganos.
Artigo 34º.- Os/As vicedecanos/as
1. Os/as vicedecanos/as serán nomeados/as polo/a reitor/a, a proposta do/o decano/a, entre os membros da comunidade universitaria da Facultade, que reúnan os requisitos que establecen os Estatutos da USC.
2. A función dos/as vicedecanos/as é a coordinación ou dirección, baixo a autoridade do/a decano/a, das áreas de competencia que este/a lles asigne. De existiren varios/as vicedecanos/as, o/a decano/a designará a orde de substitución en caso de ausencia ou enfermidade.
3. Os/as vicedecanos/as cesarán no seu cargo por decisión do/a reitor/a, ben a petición propia ou a proposta do/a decano/a.
Artigo 35º.- O/A secretario/a
1. O/a secretario/a da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do Centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o/a decano/a, a lexislación vixente e os Estatutos da USC.
2. O/a secretario/a será nomeado/a polo/a reitor/a, segundo a proposta do/a decano/a, de entre o profesorado ou persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 censados no Centro.
3. O/a secretario/a cesará por decisión do/a reitor/a, tras a proposta do/a decano/a ou por petición propia.
DA ELECCIÓN DECANO/A
Artigo 36º
O/a decano/a será elixido/a polo Pleno da Xunta de Facultade entre os profesores e profesoras con vinculación permanente censados no Centro.
Artigo 37º
1. A elección do/a decano/a realizarase seguindo as disposicións sinaladas no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para a elección de cargos unipersoais.
2. No caso de concorrencia de máis dun candidato, as eleccións celebraranse de acordo co sistema de dobre volta. En primeira volta resultará elixido/a o/a candidato/a que obtivera a maioría absoluta dos votos validamente emitidos. Se esta non é alcanzada, procederase a unha segunda votación, que se poderá celebrar na mesma sesión ou, a máis tardar, dentro dos 3 días seguintes á primeira, e á cal poderán concorrer os/as dous/dúas candidatos/as máis votados/as na primeira volta, que manteñan a súa candidatura. Resultando elixido/a o/a que obtivera o maior número de votos. No caso de empate na segunda votación, esta repetirase. De manterse o empate, terá preferencia o/a candidato/a que sexa máis antigo/a de acordo cos Estatutos da USC.
3. No caso dun único candidato, só se celebrará unha votación, resultando elixido o candidato se obtén o 25% ou máis dos votos emitidos.
Artigo 38º
1. Na Xunta de Facultade convocada para o caso e antes da votación, cada candidato/a disporá dun prazo máximo de 30 minutos para expor as súas liñas de actuación e presentar o seu equipo. De ser o caso, e logo desta exposición, o candidato procederá a responder as preguntas e observacións que os membros do pleno realicen, durante un prazo máximo de 60 minutos.
2. Unha vez realizada esta exposición e debate, procederase a votación nominal e secreta.
Artigo 39º
O/a decano/a poderá ser cesado/a polo/a reitor/a a petición propia, ao remate do seu mandato, ou ser revogado/a por unha moción de censura.
Artigo 40º
Na sesión do Pleno dedicada á moción de censura, daráselle, tanto ao candidato/a alternativo/a proposto/a como decano/a, un prazo máximo de 30 minutos para expor as súas posicións. Tras o oportuno debate, realizarase a votación que será nominal e secreta.
Artigo 41º
1. A moción de censura será aprobada se acada os votos da maioría absoluta dos membros da Xunta. De ser o caso, o/a decano/a comunicarallo ao reitor/a no seguinte día hábil, co fin de proceder ao nomeamento do/a decano/a electo/a, seguindo en funcións ata a toma de posesión do/a novo/a decano/a.
2. Se a moción de censura non fose aprobada, os seus asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo período de mandato.
TÍTULO II. DA CALIDADE
Artigo 42º
A Comisión de Calidade do Centro, cunha periodicidade anual, elaborará unha proposta da política e obxectivos do Centro, no marco da política de calidade da USC, que constituirá o SGIC e deberá aprobarse en Xunta de Centro.
Artigo 43º
Posterior á aprobación na Xunta de Centro, o/a decano/a asinará a política e os obxectivos de calidade e remitiraos á Vicerreitoría con competencias en Calidade, iniciando a partir de aí a campaña de difusión.
Artigo 44º
Os obxectivos de calidade do Centro definiranse tendo en conta as necesidades dos seus grupos de interese:alumnado, persoal docente e investigador, PAS, empregadores, egresados, administracións públicas, colexios e asociacións profesionais e sociedade en xeral.
Artigo 45º
A Facultade adquire o compromiso de garantir a calidade e establecerá a súa política baixo os principios:
- Responsabilidade para proporcionar unha formación dirixida á excelencia.
- Política de integración, participación e igualdade
- Orientación ao alumnado, garantindo no seu programa formativo a orientación ao alumnado.
- Excelencia para acadar os principais modelos de calidade universitaria.
- Transparencia na xestión do seu programa formativo, nos resultados e na difusión aos grupos de interese.
TÍTULO III. DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 46º
1. A iniciativa para a reforma do Regulamento pode ser tomada polo/a decano/a ou a partir dunha proposta asinada por un mínimo do 25% dos membros da Xunta de Facultade.
2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente argumentadas. Co fin de analizalas crearase unha comisión “ad hoc” coa composición que estime oportuna a Xunta de Facultade.
3. A proposta de reforma elaborada pola comisión será posta en coñecemento dos membros da Xunta de Facultade cunha antelación mínima de 15 días naturais antes de ser sometida a votación. Durante este período poderanse presentar no Decanato as alegacións que se estimen oportunas.
4. A proposta de reforma será sometida a votación para a súa aprobación no Pleno da Xunta de Facultade.
Disposición Final
O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico, en cumprimento do que se recolle nos seus estatutos.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.