Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Psicoloxía

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0246
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Aprobado pola Xunta de Facultade de Psicoloxía o 12 de xuño de 2017

TÍTULO I. NATUREZA E FINALIDADES

Artigo 1.

1. A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela é o centro encargado do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais de grao e máster do ámbito da psicoloxía adscritos a ela.

2. Tamén poderá organizar ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos de carácter universitario neste mesmo ámbito de coñecemento.

Artigo 2.

A Facultade de Psicoloxía desenvolve as súas funcións, no ámbito das súas competencias, dacordo cos principios establecidos no Título Preliminar dos Estatutos da USC.

Artigo 3.

A Facultade de Psicoloxía, para o cumprimento das funcións que lle confiren a Lexislación vixente e os Estatutos da Universidade de Compostela, rexerase polo presente regulamento, que haberá de ser interpretado no marco dos devanditos Estatutos e demáis lexislación sobre ensino universitario. Para todas aquelas cuestións non previstas neste regulamento, nos Estatutos da USC, nin na lexislación sobre o ensino universitario, aplicarase o previsto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administraciones Públicas e na Lei 40/2015, de 1 de outubro. de Rexime Xurídico do Sector Público.

Artigo 4.

Son funcións da Facultade de Psicoloxía as recollidas nos Estatutos da USC para as Facultades e que correspondan ao ámbito de estudo que lle compete.

TÍTULO II. ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 5.

Os órganos de goberno e administración da Facultade de Psicoloxía son, de acordo cos Estatutos da USC:

a) A Xunta de Facultade

b) O decano ou decana

c) Os vicedecanos e/ou vicedecanas

d) O secretario ou secretaria

Artigo 6.

A Xunta de Facultade, segundo o establecido nos Estatutos da USC, é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.

Artigo 7.

1. A Xunta de Facultade está composta, de acordo co establecido nos Estatutos da USC por:

a) O decano ou decana, que a convocará e presidirá.

b) Os vicedecanos e/ou vicedecanas.

c) O secretario ou secretaria, que o será tamén da Xunta.

d) O responsable da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos.

e) O director ou directora da biblioteca de Psicoloxía.

f) O seguinte persoal docente e investigador (PDI) e persoal investigador en formación (PIF) con docencia no centro e censado nel, así como o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35 % da capacidade docente dun profesor a tempo completo:

— Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51 %.

— O resto, sempre que non exceda o 10 % do total da Xunta. No caso de que se exceda esa porcentaxe e sexa necesario proceder a elección, establécense os seguintes subsectores e a correspondente representación:

- Subsector I, formado por profesorado axudante doutor e persoal contratado ao abeiro de programas competitivos de incorporación ou consolidación de persoal investigador: 5% do total da Xunta.

- Subsector II, formado por persoal a tempo parcial: 2% do total da Xunta, cun mínimo de un representante.

- Subsector III, formado por axudantes e persoal investigador en formación: 2% do total da Xunta, cun mínimo de un representante.

- Subsector IV, formado por outro persoal contratado mediante concurso público que realice labores docentes e que cumpra os requisitos de permanencia e dedicación establecidos no art. 3.c do Regulamento Electoral Xeral da USC: 1% do total da Xunta, cun mínimo de un representante.

No caso de non haber candidatos suficientes nalgún dos subsectores II, III ou VI, os postos vacantes pasarán a sumarse ao subsector I.

g) Unha representación do estudantado do 32 %. O estudantado de grao suporá o 25% e o estudantado de máster o 7%. No caso de non haber candidatos suficientes nalgún dos subsectores, os postos vacantes pasarán a sumarse á representación do outro.

h) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 7 % do total da Xunta, cun mínimo de dous.

2. Para todo o relativo á elección de representantes na Xunta de Facultade, duración do mandato e perda da condición de membro da Xunta, estarase ao establecido nos Estatutos e no Regulamento electoral xeral da USC.

Artigo 8.

Son competencias da Xunta de Facultade as que lle encomendan os Estatutos da USC:

a) A elección do decano e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.

b) A elaboración e a aprobación do seu regulamento de réxime interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións oficiais, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e de organización das ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos espazos, servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.

i) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

k) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.

Artigo 9.

1. A asistencia ás sesións da Xunta de Facultade constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros.

2. De acordo co establecido no art. 22.3 do Regulamento Electoral Xeral da USC, serán causa de perda da condición de membro da Xunta de Facultade a inasistencia reiterada e inxustificada ás reunións, a falta de consideración grave á presidencia ou aos restantes membros do órgano, e o incumprimento do deber de sixilo, cando exista. A decisión tomarase motivadamente por acordo da Xunta de Facultade.

Artigo 10.

A Xunta de Facultade actúa en Pleno ou en Comisión Permanente. Dótase tamén das Comisións Delegadas de carácter estable que neste regulamento se determinen, que a asesorarán e asistirán nas súas funcións, e poderá dotarse tamén, por acordo do Pleno, de comisións delegadas de carácter conxuntural para asuntos específicos.

Artigo 11.

1. O Pleno da Xunta de Facultade será convocado polo secretario ou secretaria, por orde do decano ou decana, ou na súa ausencia, dun vicedecano ou vicedecana, con carácter ordinario polo menos tres veces durante o curso académico en período lectivo, e con carácter extraordinario a iniciativa do Decano/a ou a pedimento de:

a) un 25% dos seus membros.

b) a maioría da Comisión Permanente.

2. No caso de convocatoria extraordinaria a pedimento dos membros da Xunta ou da súa Comisión Permanente, a solicitude deberá incluír o asunto que se quere tratar, que deberá ser o suficientemente explícito e concreto para que se coñeza o seu contido. A reunión deberá celebrarse no prazo máximo de 15 días hábiles desde a recepción da solicitude no Decanato.

Artigo 12.

1. Na convocatoria deberá constar a orde do día, data, hora da primeira e segunda convocatoria e lugar da reunión, así como o lugar (físico ou electrónico) no que se pode consultar a documentación referente aos puntos da orde do día, no caso de existir.

2. A convocatoria deberá ser remitida, cando menos, con dous días de anticipación.

3. A convocatoria será remitida por medios electrónicos ao enderezo de correo electrónico institucional da USC.

4. As reunións da Xunta de Facultade celebraranse nas dependencias da Facultade, en días administrativamente hábiles. As Xuntas de Facultade ordinarias convocaranse fóra dos períodos oficiais de exames agás que os prazos establecidos por outras instancias para a aprobación dos asuntos da súa competencia fagan necesaria a súa convocatoria neses períodos.

Artigo 13.

1. A orde do día será elaborada polo decano/a, asistido polo secretario/a e máis o equipo decanal. Nela figurarán inexcusablemente as mencións de aprobación da acta da sesión anterior, informe do decano ou decana, asuntos de trámite e rolda aberta de intervencións, agás no caso de que a Xunta se convoque con carácter extraordinario ou urxente.

2. A convocatoria da Xunta de Facultade ordinaria deberá incluír na orde do día os puntos que previamente solicitase por escrito, cunha antelación mínima de dous días á data da remisión da convocatoria, un quinto dos membros da Xunta, ou as tres cuartas partes da totalidade dos representantes dun sector. Esta solicitude deberá ser entregada no Decanato e deberá indicar a redacción exacta coa que os/as solicitantes queren que se recolla o punto ou puntos a tratar.

Artigo 14.

1. A Xunta de Facultade constituirase validamente en primeira convocatoria coa asistencia do presidente/a e secretario/a ou, no seu caso, de quen os suplan, e a da metade, alo menos, dos seus membros, e en segunda convocatoria, que se celebrará media hora despois, aínda que non se diga expresamente, cando asistan, polo menos, o 15% dos seus membros. A asistencia xustificarase pola sinatura na listaxe habilitada para tal efecto polo secretario ou secretaria da Xunta.

2. No caso de non se poder constituír a Xunta, por falta de quórum, ésta deberá convocarse novamente, no prazo máximo de dous días hábiles, para unha nova data que deberá ser, en todo caso, no prazo dos seguintes 15 días.

Artigo 15.

Cando a natureza dalgún punto da orde do día o aconselle, o decano ou decana poderá convidar, con voz e sen voto, a persoas que non pertenzan á Xunta de Facultade, ben a iniciativa propia, ben a pedimento dos/as interesados/as ou dun 15% dos membros da Xunta. Neste caso, as persoas convidadas só estarán presentes na exposición e debate do punto ou puntos para os que foron convidadas.

Artigo 16.

1. A Xunta de Facultade será presidida polo decano/a, asistido polos vicedecanos/as e o secretario/a da Facultade, que o será tamén da Xunta.

2. O decano/a dirixe e ordena o desenvolvemento dos debates, dacordo co establecido no presente regulamento.

3. En caso de ausencia ou enfermidade do decano ou decana, presidirá a Xunta o vicedecano ou vicedecana en quen delegue expresamente, ou ben aquel/a que teña sido designado para substituílo en caso de ausencia ou enfermidade. En caso de ausencia do secretario ou secretaria, o decano/a designará á persoa que o substitúa de entre os membros da Xunta que cumpran os requisitos para este posto.

4. O Decano/a, asistido polo equipo decanal etendo en conta a opinión da Xunta de Facultade, interpretará o presente regulamento en casos de dúbida ou omisión. Tamén decidirá sobre a alteración da orde de discusión das propostas da orde do día, o ordenamento dos debates e calquera outra cuestión que se lle encomende no presente regulamento.

Artigo 17.

1. No punto de informe do decano ou decana das xuntas ordinarias deberá darse conta das reunións que mantivesen a Comisión Permanente e as comisións delegadas desde a anterior xunta ordinaria. Ao remate do informe, calquera membro da Xunta poderá intervir para pedir acraracións sobre os asuntos dos que se informou.

2. Nos restantes puntos da orde do día, os membros da Xunta teñen dereito ao uso da palabra durante o debate dos mesmos, e sobre calquera outro punto no apartado de rolda de intervencións. O/a Decano/a, asistido polo equipo decanal, será o responsable de ordenar o desenvolvemento dos debates. Nesta función, deberá garantir o respeto ao uso da palabra de todos os membros que queiran intervir; fixar quendas e tempos de intervención, se o estima necesario, e velar porque os debates se desenvolvan cinguíndose ao orde do día e desde o respecto ás persoas presentes ou aludidas.

3. Calquera membro da Xunta ten dereito a presentar ante a mesma propostas de acordo ou moción referidas aos puntos da orde do día, facéndoo por escrito con antelación, ou ben no curso do debate do punto correspondente.

4. No suposto de excesiva duración da sesión da Xunta, a proposta do Decano/a, e co acordo da maioría dos presentes, o/a presidente poderá decidir a interrupción da sesión, que deberá continuar no mesmo día. Procurarase, en todo caso, que o horario das sesións sexa conciliable coa vida familiar e persoal.

Artigo 18.

1. As decisións da Xunta de Facultade adoptarán a forma de acordos nas materias da súa competencia, e de mocións ou propostas nos restantes casos.

2. Os acordos da Xunta de Facultade serán susceptibles de recurso nos termos establecidos nos Estatutos da USC.

3. As decisións pódense adoptar por asentimento ou por votación. As votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou nominais e secretas. Serán, en todo caso, secretas en calquera dos seguintes casos:

a) cando así o decida o decano/a

b) cando o soliciten polo menos tres membros da Xunta

c) cando afecten a persoas concretas, agás que haxa unanimidade de todos os asistentes á Xunta e da persoa ou persoas afectadas para realizala a man alzada.

4. No caso de seren sometidas a votación, as decisións adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta, agás nos casos nos que este regulamento, os Estatutos da USC ou calquera outra norma de rango superior aplicable estableza a esixencia dunha maioría cualificada distinta.

5. Non se admitirá a delegación de voto nin en membros da Xunta nin en persoas alleas. Tampouco será admitido o voto anticipado, agás nos casos que contemple o Regulamento electoral xeral da USC.

Artigo 19.

1. O secretario ou secretaria levantará acta de cada sesión, nos termos establecidos no artigo 18 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público. Nela deberá especificarse:

a) Os membros da Xunta de Facultade que asistiron á reunión e as ausencias previamente comunicadas.

b) A orde do día da sesión e o lugar e data de celebración.

c) Un resumo dos debates que inclúa os puntos principais das deliberacións.

d) O contido íntegro dos acordos, especificando, no caso de realizárense votacións, o número de votos favorables a cada unha das propostas, así como, se procede, o número de votos en contra e abstencións.

e) De ser solicitado por calquera membro da Xunta, na acta figurará o seu voto contrario ou abstención respecto do acordo adoptado e os motivos que o xustifican; a este efecto poderán formular por escrito, no prazo de dous días, o seu voto particular, que se incorporará á acta.

2. Para a aprobación da acta da sesión anterior, nas xuntas ordinarias, achegarase o borrador da mesma, xunto coa convocatoria, aos seus membros. A aprobación da acta farase tras dar a oportunidade aos membros da xunta presentes de manifestaren as súas observacións á mesma e, no seu caso, de presentar as alegacións que estimen. No caso en que non fose posible facilitar o borrador da acta con antelación, deberá darse lectura íntegra á mesma para a súa aprobación.

3. As actas, unha vez aprobadas, deberán ser asinadas polo secretario ou secretaria, ou quen faga as súas funcións, visadas polo/a presidente da Xunta, e recollidas nun libro de actas. No caso de se elaborar en formato electrónico deberán imprimirse e encadernarse periodicamente para a súa conservación en papel e arquivo. As actas aprobadas, asinadas e visadas estarán baixo custodia do secretario ou secretaria.

4. O secretario ou secretaria da Xunta, co visto e prace do decano ou decana, expedirá certificación dos acordos a calquera membro da Facultade que o solicite por escrito. Con anterioridade á aprobación da acta tamén poderanse emitir certificacións sobre os acordos que se adoptaron, facéndose constar neste caso tal circunstancia.

Artigo 20.

1. A Xunta de Facultade dótase, ao abeiro do establecido nos Estatutos da USC, dunha Comisión Permanente que estará composta por:

O decano ou decana, que a presidirá.

O vicedecano/a ou vicedecanos/as.

O secretario/a da Facultade, que o será tamén da Comisión Permanente.

Unha representación da Xunta de Facultade distribuida do seguinte xeito:

a) Os directores ou directoras de departamento con sé no centro e os coordinadores ou coordinadoras das áreas de coñecemento que os conforman e que teñan docencia nas titulacións oficiais da Facultade.

b) Un PDI/PIF membro da Xunta de Facultade en representación das áreas de coñecemento de departamentos sen sé no Centro, se os houbera.

c) Catro estudantes elixidos por e de entre os membros de este sector da Xunta de Facultade.

d) Un membro do PAS, elixido no seo da Xunta de Facultade por e de entre os membros deste sector.

2. A representación do estudantado e do PAS na Comisión Permanente será renovada cando se renove a súa representación na Xunta de Facultade. Os/as representantes do PDI cesarán cando o fagan no seu cargo, sendo substituídos pola persoa que asuma éste.

Artigo 21.

1. Son competencias da Comisión Permanente, por delegación da Xunta de Facultade:

a) Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite.

b) Coñecer e decidir sobre os asuntos que lle fosen expresamente delegados polo Pleno.

c) Adoptar acordos ordinarios sobre asuntos que impliquen a aplicación de procedementos e criterios previamente acordados polo Pleno.

d) Asesorar e facer propostas ao Pleno de mellora de procedementos e criterios de toma de decisión sobre asuntos ordinarios.

e) Coñecer e decidir sobre os asuntos que lle sexan presentados por outras Comisións Delegadas da Xunta de Facultade e elevalos, no seu caso, ao Pleno.

f) Asesorar en todas aquelas cuestións que o decano ou decana ou O Pleno da Xunta lle soliciten no exercicio das súas competencias.

2. En ningún caso se poderán delegar na Comisión Permanente as competencias que os Estatutos da USC encomendan á Xunta de Facultade en materia de:elección de decano/a; aprobación do Regulamento de Rexime Interno; aprobación dos proxectos de plans de estudos; aprobación das liñas xerais da política académica; informe verbo da creación, modificación e supresión de departamentos.

Artigo 22.

1. A Comisión Permanente reunirase cando sexa necesario para a tramitación dos asuntos que ten encomendados e establecerá, se o estima necesario, unha periodicidade para as súas reunións ordinarias.

2. En todos os aspectos referidos a convocatoria e normas de funcionamento, estarase ao previsto neste regulamento para a Xunta de Facultade.

Artigo 23.

1. Sen prexuízo doutras comisións existentes no Centro e que non dependen directamente da Xunta, esta pode crear Comisións delegadas.

2. As Comisións delegadas poden ser estables ou conxunturais.

3. As Comisións estables son:

a) Comisión de calidade

b) Comisións de título

c) Comisión de Prácticum

d) Comisión de programas de intercambio

e) Comisión de normalización linguística

4. Á marxe destas comisións estables, a Xunta de Facultade poderá arbitrar a creación e constitución de comisións conxunturais para situacións puntuais ou asuntos concretos.

Artigo 24.

1. As comisións delegadas da Xunta de Facultade teñen por funcións, para o seu ámbito de competencia, as de informar e asesorar ao equipo decanal e á Xunta de Facultade, desenvolver ou colaborar na avaliación, interna e externa, deses ámbitos, e elaborar propostas de mellora.

2. Tomarán decisións e executarán acordos unicamente nos casos en que este regulamento estableza, ou naqueles que expresamente lle encomende o Pleno da Xunta de Facultade ou norma de orde superior.

Artigo 25.

1. Os membros das comisións deberán selo da Xunta de Facultade. Das comisións formará parte, ademáis, o seu presidente, que será o decano/a ou persoa en que delegue. Esta delegación poderá recaer nun vicedecano ou vicedecana ou calquer outro membro da Xunta de Facultade.

2. O/a presidente da comisión elixirá, de entre os membros desta, unha persoa que actuará como secretario/a, e que será responsable de levantar acta dos acordos que se adopten.

3. Ademáis, poderá formar parte de calquera das Comisións o/a responsable da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos ou outro persoal da administración do centro, con funcións de asesoramento técnico.

4. A composición das Comisións será a que establece este Regulamento agás que se determine unha composición distinta na Normativa Xeral da USC que sexa de aplicación preferente.

Artigo 26.

O réxime de organización e funcionamento das Comisións, no referente a convocatorias, quórum, adopción de acordos e perda da condición de membro das mesmas, será o establecido para o pleno da Xunta de Facultade.

Artigo 27.

1. A comisión de calidade estará formada por:

O decano ou decana, que a presidirá.

O/a responsable de Calidade da Facultade.

Os coordinadores ou coordinadoras das titulacións oficiais adscritas á Facultade.

O/a responsable da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos.

Os directores ou directoras de departamento con sé no centro e os coordinadores ou coordinadoras das áreas de coñecemento que os conforman e que teñan docencia nas titulacións oficiais da Facultade.

Un PDI/PIF membro da Xunta de Facultade en representación das áreas de coñecemento de departamentos sen sé no Centro, se os houbera.

Tres estudantes elixidos por e de entre os membros deste sector da Xunta de Facultade.

Un membro do PAS, elixido no seo da Xunta de Facultade por e de entre os membros deste sector.

2. Os seus membros representantes de estudantes e PAS renovaranse cando se renove a representación do seu sector na Xunta de Facultade. Os restantes membros renovaranse cando corresponda en función da incorporación ou cese na responsabilidade que desempeñan.

3. A comisión de calidade ten como función o aseguramento da calidade das titulacións oficiais e do Sistema de Garantía Interno de Calidade da Facultade, de acordo co que neste se establece.

Artigo 28.

1. As comisións de título estarán formadas conforme o que se estableza na norma xeral aplicable da USC ou, no seu defecto, por:

O decano/a ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

O coordinador ou coordinadora académica do título.

O/a responsable da unidade de apoio á xestión de centro e departamentos.

Unha representacion do PDI con docencia no título e do estudantado matriculado nel:

a) A representación do PDI e do estudantado nas comisións de título de Grao establécese, no marco do que determine a norma xeral aplicable, do seguinte xeito:

A representación do PDI estará formada polos coordinadores ou coordinadoras de curso; os coordinadore/as de Prácticum e de Traballo de Fin de Grao; os coordinadores ou coordinadoras das áreas de coñecemento con docencia título, e os directores/as de departamento con sé no Centro. No caso de que o coordinador/a de área ou director/a de Departamento non sexa membro da Xunta de Facultade, delegará nun profesor/a do título que pertenza á mesma.

A representación do estudantado estará formada por dous estudantes matriculados na titulación que sexan membros da Xunta de Facultade, elixidos por e de entre os membros deste sector.

b) A representación do PDI e do estudantado nas comisións de título de Máster establécese, no marco do que determine a norma xeral aplicable, do seguinte xeito:

A representación do PDI, garantirá a representación de todas as áreas de coñecemento dos departamentos con sé no Centro e con docencia no título.

A representación do estudantado estará formada por dous estudantes matriculados no título, elixidos por e de entre eles, que poderán non ser membros da Xunta de Facultade.

2. As comisións de título teñen como funcións, xunto coas outorgadas pola normativa xeral da universidade, as seguintes:

a) Asegurar a coordinación e correcto desenvolvemento do título.

b) Asesorar ao decano ou decana e ao coordinador ou coordinadora do título na organización académica do mesmo.

c) Estudar e informar ao decano ou decana e ao coordinador ou coordinadora do título sobre queixas, propostas e reclamacións en materia de cumprimento de programas; procedementos docentes; procedementos, criterios e resultados da avaliación, e calquer outro asunto relativo á organización e ao desenvolvemento da docencia do título.

d) Asesorar e facer propostas sobre os procedementos de avaliación da actividade docente.

e) Informar e facer propostas de mellora sobre calquera asunto relacionado coa organización e o desenvolvemento da actividade docente, a iniciativa da propia comisión ou por encomenda do decano/a, o coordinador/a do título ou a Xunta de Facultade.

f) Atender ás cuestións propias do desenvolvemento das materias 'Traballo de Fin de Grao' ou 'Traballo de Fin de Máster' consonte ás competencias atribuídas polo Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos de fin de Grao e fin de Máster na USC e, no seu caso, pola normativa desta materia do propio título.

g) Participar nos procesos de avaliación e garantía da calidade do título conforme ao que estableza o SGIC da Facultade.

Artigo 29.

1. A Comisión de Prácticum estará formada por un membro do PDI que forme parte da Xunta de Facultade por cada unha das áreas de coñecemento con docencia na Facultade pertencentes aos Departamentos con sé na mesma, a proposta destas; un PDI/PIF membro da Xunta de Facultade en representación das áreas de coñecemento de departamentos sen sé no Centro, se os houbera; os responsables de Prácticum/Prácticas externas das titulacións oficiais adscritas á Facultade, e dous estudantes elixidos por e de entre os membros de este sector da Xunta de Facultade.

2. Os seus membros renovaranse ordinariamente cada vez que se renove a representación na Xunta de Facultade no caso do estudantado e cada catro anos no caso do PDI. A representación do PDI poderá renovarse tamén parcialmente a iniciativa da área de coñecemento correspondente.

3. A Comisión de Prácticum ten como funcións:

a) Coordinar a oferta de prazas para cursar as materias prácticum/prácticas externas das titulacións oficiais, incluíndo a promoción de novos convenios para oferta de prazas.

b) Asesorar no establecemento das condicións e os criterios de calidade exixibles ás entidades, empresas e institucións coas que se convenie a oferta de prazas de prácticum.

c) Asesorar na elaboración das guías docentes do prácticum de grao e másteres, incluíndo os criterios e procedementos de asignación de prazas.

d) Establecer os protocolos básicos de relación entre titores externos e internos e dos titores cos estudantes de Prácticum.

Artigo 30.

1. A Comisión de programas de intercambio estará formada polos membros do PDI coordinadores dos programas de intercambio nos que participe a Facultade, e máis un/ha representante de estudantes elixido por e de entre os membros de este sector da Xunta de Facultade.

2. Os seus membros renovaranse ordinariamente cada vez que se renove a representación na Xunta de Facultade no caso do estudantado e cada catro anos no caso do PDI. A representación do PDI poderá renovarse tamén parcialmente cando cambien os coordinadores.

3. A delegación do decano ou decana para a presidencia desta Comisión recaerá no membro do equipo decanal nomeado como Responsable Académico de Mobilidade ao abeiro do establecido no Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

4. A Comisión de programas de intercambio ten como funcións:

a) Fomentar entre o estudantado das titulacións encargadas á Facultade a participación en programas de mobilidade.

b) Procurar, propoñer e xestionar o establecemento de acordos de intercambio con outras universidades para a mobilidade de estudantes, PDI e PAS.

c) Establecer os criterios marco para o recoñecemento de materias cursadas noutras universidades ao abeiro dos programas de intercambio e mobilidade e asesorar, se é O caso en coordinación coa Comisión de validacións e recoñecementos, o recoñecemento desas materias.

d) Facer propostas de mellora para a organización e o desenvolvemento dos programas de intercambio e mobilidade nos que participe a Facultade.

Artigo 31.

1. A Comisión de normalización linguística estará formada por un membro do PDI/PIF que forme parte da Xunta de Facultade, por Departamento con sé na Facultade, a proposta do seu Consello, un PDI/PIF membro da Xunta de Facultade en representación das áreas de coñecemento de departamentos sen sé no Centro, se os houbera. e tres estudantes e un PAS elixidos/as por e de entre os membros dos respectivos sectores da Xunta de Facultade.

2. Os seus membros renovaranse ordinariamente cada vez que se renove a representación na Xunta de Facultade no caso do estudantado e do PAS, e cada catro anos no caso do PDI. A representación do PDI poderá renovarse tamén parcialmente a iniciativa do Departamento correspondente.

3. A Comisión de normalización linguística ten as funcións de:

a) Impulsar o cumprimento da normativa en materia de normalización linguística no ámbito da Facultade.

b) Promover o uso normalizado do galego en todas as actividades que nela se desenvolven, tanto internas como externas.

c) Velar pola aplicación do Plan de Normalización Linguística da USC no marco da Facultade.

Artigo 32.

Outras comisións da Facultade

1. A Facultade conta con outras comisións, non delegadas da Xunta de Facultade, que veñan determinadas por normas de orde superior para o desenvolvemento das funcións que estas lles encomenden.

2. As comisións non delegadas da Xunta de Facultade son:

a) Comisión de Biblioteca

b) Comisión de Validación e recoñecemento

c) Comisión do Servizo de Psicoloxía

d) Outras comisións que poidan crearse ao abeiro de novas normas ou procedementos

Artigo 33.

1. A comisión de biblioteca estará formada consonte ao establecido no Regulamento do Servizo de Biblioteca da USC polo decano/a ou persoa na que delegue, que actuará como presidente/a; o director ou directora da Biblioteca; un membro do PDI que forme parte da Xunta de Facultade por cada unha das áreas de coñecemento con docencia na Facultade pertencentes aos Departamentos con sé na mesma, a proposta destas; un PDI/PIF membro da Xunta de Facultade en representación das áreas de coñecemento de departamentos sen sé no Centro, se os houbera; un/ha respresentante da Biblioteca do Centro e catro estudantes elixidos por e de entre os membros deste sector da Xunta de Facultade, dos que un será de terceiro ciclo.

2. Os seus membros renovaranse ordinariamente cada catro anos Ou, no caso dos estudantes, cando se renove a súa representación na Xunta de Facultade.

3. A comisión de biblioteca ten como funcións:

a) As que lle atribúa o regulamento do servizo de biblioteca aprobado polo Consello de Goberno.

b) As que lle encomende, por delegación, a Comisión de biblioteca xeral da USC.

c) Asesorar ou emitir opinión sobre aqueles asuntos que a dirección da biblioteca someta á súa consideración en materia de organización do servizo ou de criterios de adquisición de fondos.

Artigo 34.

1. A comisión de validación e recoñecemento estará formada por un membro do PDI/PIF que forme parte da Xunta de Facultade por cada unha das áreas de coñecemento oficiais do Ministerio con docencia na Facultade pertencentes aos Departamentos con sé na mesma, a proposta destas.

2. Os seus membros renovaranse ordinariamente cada catro anos. Poderá renovarse parcialmente a iniciativa da área de coñecemento correspondente.

3. A comisión de validacións e recoñecemento ten como funcións:

a) Informar as solicitudes de adaptación de estudos da titulación ou titulacións encargadas á Facultade cursados noutras universidades.

b) Informar as solicitudes de validación de materias cursadas en titulacións universitarias diferentes ás encargadas á Facultade.

c) Informar as solicitudes de equivalencia de títulos universitarios obtidos en universidades doutros países no ámbito de coñecemento dos estudos encargados á Facultade.

d) Informar sobre calquer outro proceso de recoñecemento de estudos cursados noutras titulacións ou universidades que poidera ser encargado á Facultade.

Artigo 35.

1. A Comisión de coordinación do Servizo de Psicoloxía estará formada, de acordo co establecido no seu Regulamento, polo presidente (decano/a ou persoa en quen delegue), un representante do PDI da Xunta de Facultade e os directores/as das unidades adscritas.

2. O representante do PDI da Xunta de Facultade renovarase cada catro anos.

3. A Comisión de coordinación do Servizo de Psicoloxía ten como funcións as que se establecen no seu Regulamento.

Artigo 36.

Os órganos de goberno unipersoais da Facultade (decano ou decana, vicedecano/s ou vicedecana/s e secretario ou secretaria) están, para as súas funcións, competencias, designación e período de mandato, ao establecido nos Estatutos da USC.

Artigo 37.

A elección de decano ou decana farase dacordo co establecido nos Estatutos e no Regulamento electoral xeral da USC.

Artigo 38.

No caso de se presentar, ao abeiro do establecido no Regulamento electoral xeral da USC, unha moción de censura para a remoción do decano Ou decana, éste/a deberá convocar sesión da Xunta de Facultade extraordinaria, con ese único punto na orde do día, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do da súa entrada no Decanato.

TITULO III. DA REFORMA DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 39.

A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo decano/a ou mediante proposta asinada polo 25% dos membros da Xunta de Facultade.

Artigo 40.

1. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.

2. Recibida a proposta no Decanato, enviarase a todos os membros da Xunta de Facultade, no prazo máximo de 3 días hábiles, e se convocará un pleno para a súa toma en consideración, no prazo máximo de 15 días igualmente hábiles.

3. Se a proposta recibise os votos favorables do 30% dos membros da Xunta de Facultade, abrirase un prazo de 15 días hábiles para a presentación de emendas, tras o cal se convocará unha nova sesión do pleno da Xunta de Facultade para someter o texto, e as correspondentes emendas, a aprobación. No caso de non recibir o número de votos suficiente para ser tida en consideración, non poderá proporse idéntica reforma até transcorrido un prazo de dous anos.

4. O pleno da Xunta de Facultade poderá, na sesión en que se acorde tomar en consideración a reforma do regulamento, dispoñer que a súa Comisión Permanente analice o novo texto proposto e as emendas que se acheguen para elevar unha proposta ao pleno, sen prexuízo de que o texto orixinal e as emendas a él presentadas poidan ser mantidas e debatidas polo pleno.

5. No caso de que a reforma do regulamento veña motivada pola necesidade de adaptalo a cambios normativos ou lexislativos de rango superior, farase de oficio, mediante a presentación do proxecto e a apertura do prazo de emendas, non sendo necesario someter a oportunidade da reforma á consideración do Pleno.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor coa súa publicación no taboleiro electrónico da USC, logo da súa ratificación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver